Rianxo - ORDENANZA REGULADORA DE SUBVENCIÓNS DO CONCELLO DE RIANXO

Publicación provisional: 10/10/2013 BOP Nº: 193
Publicación definitiva: 10/12/2013 BOP Nº: 234
Aplicable dende: 28/12/2013

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Coa finalidade de regular, dándolle un tratamento homoxéneo a relación xurídica subvencional nas diferentes Administracións Publicas, aprobouse a Lei 38/2003 de 17 de novembro , Xeral de Subvencións. Tratase de responder adecuadamente as necesidades que a actividade subvencional das Administración Publicas esixe actualmente nos aspectos de transparencia, control financeiro e réxime sancionador. O artigo 3.1.b) da lei inclúe as entidades que integran a Administración Local no ámbito de aplicación subxectiva, impoñendo o artigo 9 a obriga de aprobar con carácter previo ao outorgamento das subvencións, as bases reguladoras da concesión nos termos previstos na Lei.

O art. 17.2 da lei establece que ¿as bases reguladoras das subvencións das Corporacións Locais deberán aprobarse no marco das bases de execución do orzamento, a través dunha ordenanza xeral de subvencións ou mediante unha ordenanza específica para as distintas modalidades de subvencións". Polos motivos expostos, considerouse a conveniencia de elaborar unha Ordenanza Xeral de Subvencións que contemple as actividades de tipo social, cultural e deportivas, e outras, cuxas convocatorias son as máis frecuentes no ámbito municipal, precisamente polo seu carácter complementario dos servizos públicos tradicionais, e desta forma, cumprir coas obrigacións legais impostas, previas a aprobación das diferentes convocatorias de subvencións.

TÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Art.1º .- Obxecto.

1. A presente ordenanza, citada ao abeiro da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, ten por obxecto concretar o réxime xurídico xeral da concesión de subvencións, así como o procedemento a seguir para a solicitude, concesión, xustificación e pagamento destas.

2. Enténdese por subvención a disposición gratuíta de fondos públicos, en especie ou en diñeiro, que o Concello outorga a persoas físicas ou a entidades públicas ou privadas que cumpran os seguintes requisitos:

a. Que a entrega se realice sen contraprestación directa dos beneficiarios.

b. Que a entrega estea suxeita á realización dun determinado obxectivo, á execución dun proxecto, á realización unha actividade, a adopción dun comportamento singular, xa desenvolvidos ou por desenvolver, ou a concorrencia dunha situación, debendo o beneficiario cumprir as obrigas materiais e formais que se establezan.

c. Que o proxecto, a acción, conducta ou situación financiada teña por obxecto o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou de promoción dunha finalidade pública.

3. Distínguense os seguintes tipos de subvencións:

a) Subvencións nominativas: son aquelas en que as persoas beneficiarias se encontran determinadas e explicitamente identificadas e figuran con tal carácter no Orzamento Municipal de Gastos. Os convenios serán o instrumento habitual para canalizar as subvencións nominativas. Que figuren nos orzamentos municipais desta forma non significa, non obstante, que o beneficiario teña dereito á súa percepción, senón unicamente o importe máximo de subvención que poida outorgarlle o Concello. En todo caso precisa a adopción de acordo ou resolución polo órgano competente que estableza a contía e as condicións en que se concrete a subvención.

b) Subvencións directas sen convocatoria previa: As que se outorgan, con carácter excepcional nos supostos en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública. Dentro destas atópanse as denominadas ¿emerxencias sociais".

c) Subvencións en réxime de concorrencia competitiva: Son aquelas que contemplan unha eventual pluralidade de solicitudes e a concesión require a comparación nun único procedemento, destas solicitudes entre si de acordo cos criterios establecidos na norma reguladora da convocatoria, para resolver sobre a concesión e, no seu caso, establecer a contía.

Art.2.- Exclusións.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza :

a.- Os premios que se outorguen sen a previa solicitude do beneficiario.

b.- As subvencións que se outorguen aos grupos municipais.

Art.3.-Principios xerais.

1. Con carácter xeral as subvencións que se concedan estarán presididas polos principios de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

2. Non será necesaria publicidade previa cando :

a) As subvencións teñan asignación nominativa no orzamento do Concello de Rianxo.

b) Cando a súa concesión e contía resulten impostas por normas que vinculen ao Concello.

c) As subvencións directas sen convocatoria previa a que fai referencia o apartado 1.3.b desta Ordenanza.

A concesión de axudas ou subvencións efectuarase consonte ao establecido na presente norma, e ao disposto, no seu caso, nas bases reguladoras de cada unha das convocatorias.

Artigo 4.-Beneficiarios.

1. Terán a consideración de beneficiario de subvencións as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, domiciliadas ou actuantes no concello de Rianxo, que teñan que realizar a actividade que fundamentou o seu outorgamento ou que se encontren na situación que lexitima a súa concesión. Excepcionalmente, cando a actividade teña interese para o municipio, xa sexa de carácter social, económico ou humanitario, poderanse conceder subvencións a persoas ou entidades foráneas, ou non inscritas no rexistro municipal de asociacións. A argumentación deste interese acreditarase mediante achega dunha memoria ao efecto.

a) Poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que aínda carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou que se encontren na situación que motiva a concesión da subvención.

b) Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos pola agrupación. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con potestades bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario, corresponden á agrupación.

Non poderá disolverse a agrupación até que transcorrera o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, de 17 de novembro.

2. Non poderán acceder á concesión de subvencións municipais as persoas nas que concorra algunha das circunstancias enumeradas no apartado 2 do artigo 13 da Lei Xeral de Subvencións.

Art.5- Dereitos e obrigas dos beneficiarios.

1. A persoa, entidade ou colectivo preceptor da subvención terá dereito a pedir e a obter en todo momento o apoio e colaboración da entidade local na realización da actividade ou proxecto que se subvenciona.

2. Os preceptores das subvencións están obrigados a :

a) Aceptar a subvención: No caso de que isto non sexa posíbel deberá renunciar a ela expresa e motivadamente, no prazo de quince días, contados a partir daquel en que reciban a notificación da concesión da subvención.

b) Realizar a actividade para a que fose concedida a subvención, axustándoseaos termos do proxecto.

c) Acreditar ante este Concello a realización da actividade e cumprir cos requisitos e condición que se determinaran na concesión da axuda.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar os datos que se lles requiran.

e) Dar conta das modificacións que puidesen xurdir na realización do proxecto, xustificándoas adecuadamente.

f) Comunicar, tan axiña como se coñeza, a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións e entidades públicas ou privadas nacionais ou internacionais.

g) Xustificar adecuadamente a subvención.

h) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social ou autorizar ao Concello para que faga esta comprobación.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Art.6.- Entidades colaboradoras.

1. Serán entidades colaboradoras aquelas que, actuando en nome e por conta do órgano concedente a todos os efectos relacionados coa subvención, entreguen e distribúan os fondos públicos aos beneficiarios cando así se estableza nas bases reguladoras, ou colaboren na xestión da subvención sen que se produza a previa entrega e distribución dos fondos recibidos. Estes fondos, en ningún caso, se considerarán integrantes do seu patrimonio. Así mesmo, terán esta consideración os que sendo denominados beneficiarios conforme a normativa comunitaria teñan encomendadas, exclusivamente, as función enumeradas no parágrafo anterior.

Ditas entidades deberán reunir as condicións de solvencia debidamente probadas, especificando as bases da convocatoria da subvención a documentación que a través da cal se acreditará a solvencia.

2. Formalizarase un convenio de colaboración coa entidade no que se regularán as condicións e obrigacións asumidas por esta. O convenio deberá conter como mínimo os extremos recollidos no art.16 da Lei 38/2003 de 17 de novembro.

Art.7.- Contía das subvencións:

1. As subvencións previstas nas correspondentes convocatorias estarán debidamente consignadas nos orzamentos municipais.

2. No caso de convocatorias realizadas en réxime de concorrencia, poderanse estimar as solicitudes ás que fose outorgada maior valoración, sempre que se reúnan os requisitos determinados nestas normas e, no seu caso, nas bases da convocatoria, até que se extinga o crédito orzamentario.

3. O importe das subvencións reguladas na presente norma, en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras AAPP ou doutros entes públicos ou privados, xa sexan nacionais, comunitarios ou internacionais, superen o orzamento do proxecto para o que se solicita.

TITULO II.- PROCEDEMENTO

CAPÍTULO I.- CONCESIÓN EN REXIME DE CONCORRENCIA COMPETITIVA

Art.8 .- Convocatoria

O procedemento xeral para a concesión de subvencións iniciarase mediante a convocatoria aprobada polo órgano competente para a autorización do gasto e de conformidade coas bases reguladoras.

Art.9- Bases da convocatoria.

1. A convocatoria terá necesariamente o seguinte contido:

a) Indicación do acordo plenario polo que se aproba definitivamente a Ordenanza Municipal de Subvencións do Concello de Rianxo e o nº do Boletín Oficial da Provincia en que estea publicado.

b) Créditos orzamentarios aos que se imputa a subvención e contía total máxima das subvencións convocadas dentro dos créditos dispoñíbeis ou, no seu defecto, contía estimada das subvencións.

c) Obxecto, condicións e finalidade da concesión da subvención.

d) Expresión de que a concesión se efectúa mediante réxime de concorrencia competitiva.

e) No tocante á solicitude:

¿ Requisitos para solicitar a subvención e forma de acreditalos.

¿ Prazo de presentación das solicitudes

¿ Documentos e informes que deben acompañar a petición.

¿ No seu caso, posibilidade de reformulación das solicitudes nos supostos de que o importe solicitado fose superior ao proposto polo órgano instrutor.

f) Procedemento:

¿ Indicación dos órganos competentes para a instrucción e resolución do procedemento.

¿ Prazo de resolución e notificación.

¿ Criterios de valoración das solicitudes.

¿ Medios de notificación ou publicación, de conformidade co previsto no art.59 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, LRXPAC.

As bases indicadas no parágrafo anterior serán redactadas polos responsábeis da xestión dos distintos programas orzamentarios e previamente á súa aprobación serán remitidas á Intervención Municipal para que emita o seu preceptivo informe de fiscalización.

As bases publicaranse no taboleiro de edictos do Concello e darase conta da súa publicación mediante anuncio na prensa, no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

Art. 10 .- Presentación de solicitudes e prazos.

As entidades e colectivos interesados deberán solicitar a subvención dentro do prazo que se sinale na convocatoria; sen prexuízo do que poidan establecer as bases da convocatoria, coa solicitude hase achegar a documentación que se especifica nos artigos seguintes.

Art.11- Documentación a achegar polas asociacións e outras entidades con personalidade xurídica.

A solicitude de subvención deberán acompañar a seguinte documentación:

a) Memoria das actividades desenvolvidas pola entidade no ano anterior.

b) Memoria xustificativa da necesidade da subvención que se solicita.

c) Certificación acreditativa, declaración responsábel ou autorización para que o Concello obteña a certificación conforme a entidade non é debedora da Facenda Pública e está ao corrente das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Acreditación, ou autorización para que o Concello a faga de oficio, de estar ao corrente de pagamento de todo tipo de obrigas fiscais co Concello.

e) Datos da entidade bancaria a que se transferirá o importe da subvención que poida concederse consonte co Anexo 2º da O.M do 27/12/95, BOE 03/01/96

Art.-12.- Remisión ao procedemento administrativo común.

A tramitación das solicitudes, emisión de informes que procedan, requirimentos, resolución, notificacións, recursos e cantos actos sexan precisos até chegar á finalización do procedemento axustarase ao disposto na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Art.13.- Instrución.

1. A instrucción do procedemento de concesión de subvencións corresponde ao órgano que se designe na convocatoria e realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. As actividades de instrucción comprenderán as sinaladas no art.24.3 da Lei 38/2003.

3. Corresponderá a avaliación das solicitudes presentadas á comisión de valoración. A composición desta comisión será determinada nas bases da convocatoria, unicamente se exisira que cumpran cos requisitos establecidos na Lei 30/92 para os órganos colexiados. Unha vez avaliadas as solicitudes a comisión de valoración deberá emitir informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

4. O órgano instructor, a vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional, que deberá notificarse aos interesados na forma en que se estableza na convocatoria e concederase un prazo de dez días para presentar alegacións.

5. Examinadas as alegacións aducidas no seu caso polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva.

Art.14- Resolución.

Será competente para resolver as solicitudes de subvención o órgano que o sexa para a disposición do gasto, sen prexuízo das delegacións que poidan efectuarse. Aos efectos do previsto no art. 42 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, o prazo máximo para resolver as solicitudes de subvención será de tres meses contados a partir do día en que remate o prazo establecido na convocatoria para presentalas e o silencio da administración terá carácter desestimatorio.

O acordo de resolución da subvención será notificado ao solicitante. No caso de concesión, expresarase a contía da subvención, forma de pagamento, condicións nas que se outorga e os medios de control que, no seu caso, se establezan.

Non se concederá subvención algunha mentres non se xustifiquen adecuadamente subvencións anteriores.

Art. 15 -Pagamento da subvención.

O pagamento da subvención realizarase, previa xustificación, polo beneficiario, da realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o que se concedeu nos termos establecidos nas bases reguladoras da subvención.

Casos especiais:

Naqueles casos nos que as subvencións se concedan en atención a concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non requirirán outra xustificación para que se proceda o pagamento que a acreditación por calquera medio admisíbel en dereito de dita situación previamente a concesión.

Cando a natureza da subvención así o xustifique e sempre que se contemple na convocatoria, poderán realizarse pagamentos a conta. Estes pagamentos a conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, aboándose por contía equivalente a xustificación presentada.

Tamén se poderán realizar pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo a xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención sempre que así se contemple nas bases reguladoras da convocatoria.

Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Nos casos nos que se produza adiantamento de fondos, pola contía elevada da axuda ou pola complexidade do proxecto e se considere necesario, poderase esixir na convocatoria a constitución de avais ou fianzas que garantan o reintegro no caso de incumprimento. Estas garantías serán canceladas no momento de xustificar a subvención.

CAPÍTULO II.- CONCESIÓN DIRECTA DE SUBVENCIONS

Art.- 16.- Concesión directa.

As subvencións contempladas no art.1.3.a , que quedan exceptuadas do réxime de concorrencia, formalizaranse previo convenio coa entidade beneficiaria no que, obrigatoriamente se establecerán as condicións e compromisos aplicábeis de conformidade co establecido na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

Os convenios conterán como mínimo os seguintes extremos:

a) Definición do obxecto da subvención, con indicación do carácter singular das mesmas e coas razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario e aquelas que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública.

b) Réxime xurídico aplicábel.

c) Beneficiarios e modalidade de axudas.

d) Procedemento de concesión e réxime de xustificación da aplicación dada ás subvencións polos beneficiarios. Así mesmo, quedan exceptuadas do réxime de concorrencia as subvencións contempladas no art. 3.b axustándose ao seguinte procedemento para a súa concesión:

- Presentación de solicitude no Rexistro de entrada municipal.

- Memoria do departamento correspondente no que se xustifiquen as características económicas, sociais,.concretas que impiden a tramitación conforme ao procedemento indicado no Cap.I deste título . No caso das chamadas ¿emerxencias sociais", esta memoria será substituída polos servizos de asuntos sociais, que deberán determinar os datos persoais, composición familiar, situación económico-laboral, situación da vivenda e o entorno social e outros datos de interese do/da solicitante, así como a valoración e interpretación destes datos.

- Informe de fiscalización da intervención municipal.

Será competente para a sinatura dos convenios e para a concesión das subvencións directas o Alcalde ou organo no que delegue.

No prazo de tres meses a contar dende a data da súa concesión, deberán xustificarse a aplicación dos fondos percibidos.

No tocante ao pagamento será de aplicación o establecido no art.13 da presente ordenanza.

TÍTULO III.- XUSTIFICACION DAS SUBVENCIÓNS

Art.17.- Obrigación de xustificar

Os beneficiarios preceptores destas subvencións con cargo ao Orzamento municipal, deberán xustificar, ante a alcaldía, en todo caso e, si é preciso, a requirimento dos servizos técnicos competentes, a aplicación dos fondos percibidos. O prazo máximo de xustificación será tres meses dende a finalización do prazo para a realización da actividade, salvo que nas bases da convocatoria se estableza outro prazo distinto de xustificación.

Art.18.- APROBACION DA XUSTIFICACION.

Considerase suficientemente xustificativa a seguinte documentación.

a) As subvencións que teñan por finalidade a realización de actividades de calquera natureza que xeren gastos correntes xustificarase mediante facturas orixinais de gastos ou fotocopias debidamente compulsadas. Naqueles supostos en que a natureza da actividade subvencionada e os gastos correntes que xere ou fagan aconsellábel, poderanse fixar outros medios de xustificación que acrediten, en todo caso, a realización de actividades obxecto de subvención e que deberán ser concretados nas bases da convocatoria.

b) As subvencións que teñan por finalidade a realización de actividades de calquera natureza que xeren gastos de investimento, xustificaranse achegando a seguinte documentación:

- Adquisición de bens de equipo: factura orixinal ou fotocopia compulsada.

- Adquisición de bens inmóbeis: fotocopia compulsada de escritura pública e xustificantes de pagamento dos impostos correspondentes.

- Execucións de obras: certificación de obra subscrita polo técnico colexiado competente e relación valorada. Se as obras se executan pola administración a certificación da obra concretarase o importe de execución material, non obstante poderá ser substituída a mesma por facturas orixinais ou compulsadas expedidas polos distintos provedores. Se as obras se executan por contrata, a certificación de obra que poderá conter os gastos xerais, beneficio industrial e IVE, acompañarase factura orixinal ou compulsada expedida polo contratista.

- O beneficiario da subvención acompañará aos xustificantes declaración de ter cumprido o obxecto da subvención e relación detallada das subvencións ou axudas obtidas doutras Administracións Públicas para idéntica finalidade ou, no seu caso, a declaración de non ser beneficiarios doutras subvencións públicas para a mesma finalidade.

Art.19 .-Informe Intervención Municipal.

A documentación relativa a xustificación da subvención remitirase á Intervención municipal para a súa fiscalización.

TÍTULO IV.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Art. 20- Infraccións e responsábeis.-

a) Constitúen infraccións administrativas en materia de subvencións as accións e omisións tipificadas na Lei Xeral de Subvencións e serán sancionábeis.

b) Serán responsábeis das infraccións administrativas en materia de subvencións as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, así como os colectivos de cidadáns e entes sen personalidade, que teñan a condición de beneficiarios de subvención.

Art. 21.- Procedemento sancionador.-

O procedemento sancionador axustarase ao previsto no art. 54 a 58 e 66 a 69 da Lei Xeral de Subvencións.

Poderán impoñerse as sancións que se tipifican nos artigos 59 a 63 de dita Lei.

As infraccións e sancións prescribirán transcorridos os prazos que sinala o art.65 da Lei.

TÍTULO IV.- SUBVENCIÓNS E AXUDAS NON ECONÓMICAS

CAPÍTULO I.- SUBVENCIÓNS EN ESPECIE

Art. 22.- Réxime xurídico e procedemento de concesión.

1. As entregas a título gratuíto de bens e dereitos hase rexer pola lexislación patrimonial.

2. Non obstante o anterior, será de aplicación esta ordenanza, cando a axuda consista na entrega de bens, dereitos ou servizos adquiridos polo concello de Rianxo coa finalidade exclusiva de entregalos a un terceiro. En todo caso, a adquisición efectuada polo Concello para o fin sinalado someterase á normativa sobre contratación das administracións públicas.

3. As axudas desta natureza terán o mesmo réxime xurídico e estarán sometidas ao mesmo procedemento de concesión que as subvencións de carácter económico coas seguintes excepcións:

a) Na documentación que acompaña a solicitude de subvención non será necesario incorporar os datos bancarios do beneficiario.

b) A xustificación da subvención consistirá única e exclusivamente, na presentación, por parte do beneficiario, dunha declaración xurada que acredite que os medios materiais recibidos, foron destinados aos proxectos, accións, conductas ou situacións obxecto da subvención.

c) A consignación económica que o Concello debe prever anualmente no seu orzamento, terá como finalidade a adquisición dos medios materiais que constituísen o obxecto da subvención.

CAPÍTULO II: PREMIOS

Art.23.- Concesión de premios

O réxime especial aplicábel ao outorgamento de premios educativos, culturais, científicos ou de calquera outra natureza suxeitos á aplicación da LXS deberán axustarse ao contido desta ordenanza, agás naqueles aspectos nos que, pola especial natureza das subvencións, non resulte aplicábel.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

A lei 38/2003, Xeral de Subvencións, aplicarase supletoriamente ao disposto nesta ordenanza.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no BOP e transcorrido o prazo establecido o art. 65.2 da Lei 7/85, Reguladora das Bases de Réxime Local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.