Cerdido - Ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo de axuda no fogar
Artigo 1.º.-Obxecto.
De conformidade co previsto no artigo 127 en relación co artigo 41, e segundo as normas contidas no capítulo VI do título I do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece o prezo público pola prestación do servizo de axuda no fogar, que constitúa un servizo público municipal que se presta de acordo co establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar, Regulamento municipal e disposicións da presente ordenanza.
Artigo 2.º.-Obrigados/as ao pagamento.
Están obrigados ao pagamento do prezo público regulado mediante a presente ordenanza as persoas usuarias do servizo municipal de axuda no fogar.
Artigo 3.º.-Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias da dependencia.
A capacidade económica das persoas dependentes valoradas que teñan recoñecido un dereito de atención mediante o servizo de axuda no fogar calcularase de acordo coas normas de valoración contidas no capítulo II do título III do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.
Artigo 4.º.-Determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia.
No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de convivencia distintas ás referidas no artigo anterior,o cómputo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios:Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas. Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos. A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.
Artigo 5.º.-Contía do prezo público.
Aos efectos previstos para a aplicación das tarifas, establécese o prezo da hora de prestación do servizo en 12,80 €, revisable anualmente e de forma automática segundo o índice de prezos ao consumo publicado polo Instituto Nacional de Estadística. A importe total será o resultado de multiplicar a contía do prezo público referida a unha hora de prestación do servizo polo número de horas de prestación efectiva do mesmo.
Artigo 6.º.-Participación no financiamento do servizo das persoas dependentes con dereito de atención recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.
1.-No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas a efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.
2.-Nos demais supostos, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:
Capacidade económica | Grao I | Grao II | Grao III |
<=20 horas | <=45 horas | <=70 horas | |
100,00 % | 0,00 % | 0,00 % | 0,00 % |
115,00 % | 4,52 % | 9,61 % | 14,70 % |
125,00 % | 5,41 % | 11,50 % | 17,58 % |
150,00 % | 5,55 % | 11,79 % | 18,03 % |
175,00 % | 5,65 % | 12,00 % | 18,35 % |
200,00 % | 5,72 % | 12,16 % | 18,60 % |
215,00 % | 5,81 % | 12,34 % | 18,87 % |
250,00 % | 6,03 % | 12,82 % | 19,61 % |
300,00 % | 6,24 % | 13,26 % | 20,29 % |
350,00 % | 6,42 % | 13,63 % | 20,85 % |
400,00 % | 6,54 % | 13,90 % | 21,25 % |
450,00 % | 6,63 % | 14,09 % | 21,55 % |
500,00 % | 6,70 % | 14,25 % | 21,79 % |
>500 % | 6,76 % | 14,36 % | 21,97 % |
Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa usuaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo, as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao correspondente, a cantidade que se debe pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.
3.-En ningún caso o importe da participación económica que debe ingresar a persoa usuaria en concepto de participación no custo do servizo poderá exceder o 90 % do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora.
Artigo 7.º.-Participación das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia.
Para o servizo de axuda no fogar, en réxime de libre concorrencia, para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, aplicarase a seguinte táboa que regula unha progresiva participación económica no custo do servizo en base ao cálculo da capacidade económica per cápita, segundo o establecido no artigo 4 da presente ordenanza.
Participación no custe do servizo de SAD básico | |
Menor do 0,80 do IPREM | 0 |
Maior do 0,80 do IPREM e menor ou igual a 1,50 IPREM | 10% |
Maior de 1,50 e menor ou igual a 2 IPREM | 20% |
Maior de 2 e menor ou igual a 2,5 IPREM | 40% |
Maior de 2,5 | 60% |
Sen prexuízo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo de axuda no fogar sexa unha problemática de desestructuración familiar,exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social. En calquera caso, establecerase un límite máximo de participación económica das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.
Artigo 8.º.-Afectación dos ingresos municipais polo copagamento dos servizos.
De conformidade co artigo 56.7 de Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o Concello de Cerdido.
Artigo 9.º.-Nacemento da obriga de pago.
A obriga de pagar os prezos públicos regulados neste acordo regulador, nace, en xeral, dende que se inicie a prestación do servizo e deberá facerse efectivo de acordo coas seguintes normas de xestión:
Os prezos públicos contemplados nesta ordenanza satisfaranse con carácter posterior á prestación do servizo e con carácter específico, durante a primeira quincena do mes seguinte. Por parte do Concello, e sobre a base do parte de traballo asinado conxuntamente pola persoa usuaria e polo persoal de atención directa, elaborarase un recibo individual có importe correspondente ao servizo prestado no mes anterior, que se remitirá á entidade bancaria elixida pola persoa beneficiaria, para que se efectúe o pagamento.
Artigo 10.º.-Infraccións e sancións.
As infraccións e sancións rexeranse, no relativo aos pagos, pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, e no resto das materias, polo disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA.
Esta ordenanza derroga expresamente o parágrafo terceiro e cuarto do artigo 4 e os artigos 18, 19, 20, 21 e 22 da Ordenanza reguladora e fiscal do servizo de axuda no fogar do Concello de Cerdido, publicada no BOP núm. 19, do 21 de xullo de 2009, e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que sexa contraria á mesma.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA.
Esta ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.