Abegondo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE ABEGONDO
Artigo 1.-Fundamento e natureza.
No uso das facultades concedidas polo artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos do 15 ao 27 e 57 do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece a taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar.
Artigo 2.-Concepto.
O prezo público regulado neste acordo constitúe unha prestación patrimonial de carácter público que se satisfará pola prestación do servizo de axuda no fogar concedida a través dos servizos sociais municipais de conformidade coa Ordenanza reguladora do SAF.
Artigo 3.-Suxeito pasivo.
Serán suxeitos pasivos da taxa regulada na presente ordenanza:
a) As persoas recoñecidas como dependentes ao abeiro da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e teñan resolución do Plan Individualizado de Atención (PIA) no que se lle recoñeza o citado servizo (calquera que sexa a súa modalidade), sexan dadas de alta no servizo municipal de acordo co estipulado no Regulamento específico de funcionamento.
b) As persoas que accedan ao servizo de axuda no fogar por libre concorrencia e que sexan dadas de alta no servizo municipal de acordo co estipulado no Regulamento específico de funcionamento.
Se o/a beneficiario/a carece da capacidade para obrar, a dita obriga recaerá sobre quen ostente a súa representación legal ou, no seu caso, sobre quen exerza de feito o seu coidado.
Artigo 4.-Contía.
Para os efectos da aplicación das tarifas tomarase como referencia o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).
Para os efectos previstos para a aplicación das tarifas do presente artigo establécese o prezo da hora por prestación do servizo en 12,38 máis IVE.
O prezo/hora poderá ser revisable anualmente segundo do IPC.
Artigo 5.-Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias da dependencia.
1.-A capacidade económica das persoas dependentes, valoradas con dereito recoñecido de atención, mediante o servizo de axuda no fogar, calcularase en atención á súa renda e, se é o caso, ao seu patrimonio. Teranse en conta, ademais, a renda e patrimonio do cónxuxe e a existencia de persoas convivintes, economicamente dependentes. Para o cálculo da citada capacidade económica, observaranse as normas de aplicación á materia, vixentes en cada momento, polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia.
2.-O resultado do cálculo da capacidade económica, correspondente ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar, constará na resolución do plan individualizado de atención que se desenvolva en cada caso, de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
Artigo 6.-Determinación da capacidade económica das persoas usuarias doutros servizos que impliquen copagamento.
Artigo 6.-Determinación da capacidade económica das persoas usuarias doutros servizos que impliquen copagamento.
No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de convivencia distintas ás referidas no artigo anterior, o cómputo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios:
1.-Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.
2.-Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico do que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.
3.-A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.
Artigo 7.-Participación no financiamento do servizo das persoas dependentes con dereito de atención recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.
1.-Para facer efectiva a obriga de participar no custo do servizo por parte das persoas usuarias dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:
GRAO I | GRAO II | GRAO III | |
Capacidade económica (referida ao IPREM) Ata | < = 20 horas | < = 45 horas | < = 70 horas |
100% | 0,00% | 0,00% | 0,00% |
115% | 4,52% | 9,61% | 14,70% |
125% | 5,41% | 11,50% | 17,58% |
150% | 5,55% | 11,79% | 18,03% |
175% | 5,65% | 12,00% | 18,35% |
200% | 5,72% | 12,16% | 18,60% |
215% | 5,81% | 12,34% | 18,87% |
250% | 6,03% | 12,82% | 19,61% |
300% | 6,24% | 13,26% | 20,29% |
350% | 6,42% | 13,63% | 20,85% |
400% | 6,54% | 13,90% | 21,25% |
450% | 6,63% | 14,09% | 21,55% |
500% | 6,70% | 14,25% | 21,79% |
> 500% | 6,76% | 14,36% | 21,97% |
2.-Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa usuaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo, as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao correspondente, a cantidade que se debe pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.
3.-En ningún caso, o importe da participación económica que debe ingresar a persoa usuaria en concepto de participación no custo do servizo, poderá exceder o 90% do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora.
4.-No caso de que o Concello asuma tamén a prestación ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, das atencións e servizos complementarios do nivel básico do servizo de axuda no fogar regulados no artigo 14.2 do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, para os efectos de facer efectiva a obriga de participar no custo do servizo por parte das persoas usuarias, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa a súa participación en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica usuaria e en función da intensidade e do tipo de atención ou servizo asignado:
% Capacidade económica (referenciada ao IPREM) Ata | GRAO I | GRAO II | GRAO III | ||||||
Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | |
< = 15 | < = 28 | < = 45 | |||||||
100,00% | 0,00% | 12,87% | 13,76% | 0,00% | 22,73% | 24,29% | 0,00% | 35,51% | 37,95% |
115,00% | 5,98% | 13,10% | 14,00% | 10,56% | 23,12% | 24,71% | 16,50% | 36,13% | 38,61% |
125,00% | 7,15% | 13,39% | 14,31% | 12,63% | 23,64% | 25,26% | 19,73% | 36,94% | 39,47% |
150,00% | 7,34% | 13,52% | 14,44% | 12,95% | 23,87% | 25,50% | 20,24% | 37,29% | 39,85% |
175,00% | 7,47% | 13,61% | 14,54% | 13,18% | 24,03% | 25,67% | 20,60% | 37,54% | 40,12% |
200,00% | 7,57% | 13,76% | 14,70% | 13,36% | 24,29% | 25,96% | 20,87% | 37,96% | 40,56% |
215,00% | 7,68% | 13,83% | 14,78% | 13,56% | 24,42% | 26,09% | 21,18% | 38,16% | 40,77% |
250,00% | 7,98% | 13,96% | 14,91% | 14,09% | 24,64% | 26,33% | 22,01% | 38,50% | 41,14% |
300,00% | 8,25% | 14,06% | 15,02% | 14,57% | 24,82% | 26,52% | 22,77% | 38,78% | 41,44% |
350,00% | 8,48% | 14,16% | 15,13% | 14,98% | 25,00% | 26,72% | 23,40% | 39,07% | 41,74% |
400,00% | 8,65% | 14,35% | 15,33% | 15,27% | 25,33% | 27,06% | 23,85% | 39,57% | 42,29% |
> 400% | 8,77% | 14,48% | 15,48% | 15,48% | 25,57% | 27,32% | 24,19% | 39,95% | 42,69% |
Artigo 7º.- Deberes das persoas usuarias
As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se establecen no artigo 7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e, se é o caso, na lexislación vixente sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes deberes:
1. Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.
2. Facilitar a información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para o acceso e utilizacón dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia, os cambios de circunstancias familiares, sociais ou financeiras que puideran resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.
3. Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e poñendo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.
4. Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
5. Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios, participando activamente no proceso pautado de mellora, autonomía persoal e inserción social.
6. Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.
7. Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
8. A comunicar, con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puídese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.
9. Participar no pagamento do servizo nos termos que se establezan na ordenanza municipal e nas normas reguladoras correspondentes que desenvolvan este servizo.
Artigo 8.-Determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo.
1.-Para o servizo de axuda no fogar, en réxime de libre concorrencia, para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, aplicarase a seguinte táboa que regula unha progresiva participación económica no custo do servizo en base ó cálculo da capacidade económica per cápita, de acordo co establecido no artigo 16 desta ordenanza.
CAPACIDADE ECONÓMICA | Participación no custo do servizo de SAF básico |
Menor ou igual do 0,80 IPREM | 0% |
Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,20 IPREM | 10,00% |
Maior de 1,20 e menor ou igual a 1,50 do IPREM | 15,00% |
Maior de 1,50 e menor ou igual a 1,70 IPREM | 20,00% |
Maior de 1,70 e menor ou igual a 2,00 IPREM | 25,00% |
Maior de 2,00 e menor ou igual a 2,50 IPREM | 40,00% |
Maior de 2,50 e menor ou igual a 3,50 IPREM | 60,00% |
Maior do 3,50 IPREM | 90,00% |
2.-Sen prexuízo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo de axuda no fogar sexa unha problemática de desestruturación familiar, exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social.
3.-En calquera caso, establecerase un límite máximo de participación económica das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.
Artigo 9.-Devindicación e xestión.
1.-A obriga do pagamento da taxa regulada nesta ordenanza nace desde que se inicie a prestación do servizo e o seu cobramento realizarase cunha periodicidade mensual.
2.-As liquidacións correspondentes practicaranse mensualmente nos primeiros quince días do mes seguinte á prestación do servizo, na entidade bancaria que a persoa usuaria establecese para tal efecto.
3.-Anualmente, no mes de xaneiro, ou no caso de producirse cambios na situación persoal, ás persoas beneficiarias do servizo requiriráselles por parte dos Servizos Sociais do Concello para que xustifiquen documentalmente a súa situación económica e patrimonial, para os efectos de actualizar a súa capacidade económica, e, no seu caso, a taxa que deberá pagar segundo se establece no Regulamento do servizo de axuda no fogar.
4.-As cotas non satisfeitas polos obrigados do seu pagamento no período voluntario, poderán esixirse polo procedemento administrativo de constrinximento.
Artigo 10.-Nacemento da obriga de pago.
A obriga de pagar os prezos públicos regulados neste acordo regulador, nace, en xeral, dende que se inicie a prestación do servizo e deberá facerse efectivo de acordo coas seguintes normas de xestión:
1. Os prezos públicos contemplados nesta ordenanza satisfaranse con carácter posterior á prestación do servizo e con carácter específico, durante a primeira quincena do mes seguinte.
2. Por parte do Concello e, sobre a base do parte de traballo asinado, conxuntamente pola persoa usuaria e polo persoal de atención directa, elaborarase un recibo individual co importe correspondente ao servizo prestado no mes anterior, que se remitirá á entidade bancaria elixida pola persoa beneficiaria, para que se efectúe o pagamento.
Artigo 11.-Afectación dos ingresos municipais polo copagamento dos servizos.
De conformidade co artigo 56.7 de Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o Concello de Abegondo, en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios, estarán afectados ao financiamento dos servizos sociais que reciban.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Esta ordenanza derroga expresamente a ordenanza reguladora do servizo de axuda a domicilio publicada no BOP núm. 264, do 16 de decembro de 2009, e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que sexa contraria a esta.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Esta ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.