Fene - ORDENANZA REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS NO MUNICIPIO DE FENE

Publicación provisional: 31/12/2012 BOP Nº: 248
Publicación definitiva: 14/03/2013 BOP Nº: 51
Aplicable dende: 23/01/2014

CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Obxecto

1. A presente ordenanza ten por obxecto regular o réxime xurídico ao que debe someterse a instalación de terrazas en terreos de uso público.

2. Aos efectos desta Ordenanza enténdese por terraza ás instalacións formadas por mesas, cadeiras, antucas, toldos, cortaventos, xardineiras, dispositivos de climatización e outros elementos de mobiliario, móbiles e desmontables, que desenvolven a súa actividade de forma accesoria a un establecemento principal de bar, cafetaría, restaurante, bar-restaurante, café-bar, taberna, chocolatería, xeadería, etc.

3. A presente Ordenanza é aplicable a todos os espazos (vía pública, espazos libres, zonas verdes, soportais, etc.) do Municipio, de uso público, sexan de titularidade pública ou privada. Esta condición de uso público virá determinada en función tanto da situación de feito, como por aplicación das determinacións do planeamento vixente.

4. Unicamente quedan excluídas do ámbito desta Ordenanza as terrazas situadas en espazos de titularidade e uso privados, que, en todo caso, se rexerán pola normativa que lles resulte de aplicación.

5. Cando concorran circunstancias de interese público que impidan a efectiva utilización de solo para o destino autorizado, tales como obras, acontecementos públicos, situacións de emerxencia ou calquera outras, a autorización quedará sen efecto ata que desaparezan as devanditas circunstancias, sen que se xere dereito a indemnización ningunha.

As autorizacións poderán ser revogadas unilateralmente pola administración en calquera momento por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización, cando resulten incompatibles coas condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público ou menoscaben o uso xeral.

Artigo 2.- Licenzas

1. A ocupación de terreos definidos no artigo 1 suxeitarase a previa licenza administrativa, podendo instalarse unicamente o mobiliario expresamente autorizado.

2. A licenza obxecto desta Ordenanza é independente das demais autorizacións que correspondan en virtude de normativa sectorial ou da que regule a ocupación de solo de dominio público distinto do municipal. En consecuencia, a instalación de terrazas en superficie de dominio público de costas ou portuario esixe a previa concesión da licenza regulada nesta Ordenanza.

3. O outorgamento da licenza en espazos de dominio público virá determinada polo previsto no Regulamento de Bens das Entidades Locais ou normativa de uso dos bens demaniais locais vixente, mentres que para os espazos de titularidade privada e uso público estarase ao previsto na lexislación urbanística autonómica.

Artigo 3.- Requisitos xerais

1. Con carácter xeral, as instalacións ás que se refire a presente ordenanza terán sempre natureza temporal, serán facilmente desmontables e, ademais, rexeranse polo disposto no Capítulo III.

2. Ademais do establecido no Capítulo III, os emprazamentos deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

a) Deberán deixarse completamente libres para a súa utilización inmediata, se fora preciso polos servizos públicos correspondentes:

- Acceso aos inmobles.

- Bocas de rego e hidrantes de incendio.

- Saídas de emerxencia.

- Paradas de transporte público regularmente establecidas.

- Aparellos de control de tráfico.

- Centros de transformación, arquetas de rexistro de servizo público e sumidoiros.

- Pasos peonís sinalizados.

- Calzadas con circulación de vehículos.

- Prazas delimitadas de aparcadoiro público.

b) Non poderá colocarse ningún elemento que dificulte a manobra de entrada ou saída de vaos permanentes de paso para vehículos.

c) En ningún caso se poderán colocar elementos fixos ou permanentes cuxa colocación ou desmontaxe requira a realización dalgunha obra especial, agás os toldos.

d) Prohíbese o peche lateral e da cuberta da terraza con elementos fixos, agás separadores, cunha altura máxima de 1,80 metros sempre e cando sexan diáfanos ou realizados con material transparente, e toldos móbiles.

3. Con independencia do anteriormente establecido, en períodos excepcionais e de forma temporal, e sempre que non sexa posible respectar o previsto no apartado 2 deste artigo, poderase autorizar o establecemento de terrazas debidamente acoutadas en calzadas ou áreas de aparcadoiro, sempre que sexa compatible coa circulación de vehículos e se garantan as debidas condicións de seguridade.

Artigo 4.- Prohibicións e limitacións

1. Así mesmo queda estritamente prohibida a instalación de calquera clase de aparellos reprodutores de imaxe e son, así como a celebración de espectáculos ou actuacións musicais, agás autorización municipal expresa.

2. Prohíbese o almacenamento de produtos, caixas de bebida ou outros materiais na superficie de ocupación da terraza.

3. Prohíbese sacar do recinto da terraza calquera tipo de bebida en envases de plástico, vidro ou cristal.

Artigo 5.- Actividades incluídas

A licenza para instalar terrazas dará dereito a expender e consumir na mesma os mesmos produtos que poidan selo no interior do establecemento do cal dependan.

Artigo 6.- Actividades excluídas

A presente ordenanza non será de aplicación aos actos de ocupación da vía pública que, sendo de carácter hostaleiro, se realicen con ocasión de feiras, festexos, actividades deportivas ou análogas, que se suxeitarán ás súas normas específicas.

Artigo 7.- Efetos

1. Todas as licenzas outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiros e con carácter revogable. O exercicio da actividade realizarase a risco e ventura dos interesados.

2. A licenza terá carácter persoal e non poderá ser arrendada, subarrendada nin cedida, direta ou indiretamente a terceiros, en todo ou en parte.

3. O titular da licenza quedará obrigado diante do Concello de Fene ao cumprimento das obrigas derivadas do seu outorgamento.

4. A eficacia xurídica da licenza quedará vinculada ao cumprimento das súas condicións e ao pago das taxas e tributos correspondentes.

Artigo 8.- Dereitos derivados da licenza

1. O titular da licenza terá dereito a exercer as actividades nos termos previstos na propia licenza, con suxeición ás prescricións establecidas nesta ordenanza así como na lexislación sectorial e ordenanzas municipais de aplicación.

2. As terrazas poderán instalarse durante todo o período para o cal teñan autorización.

3. Como consecuencia de necesidades públicas de urbanización, implantación, supresión ou modificación de servizos públicos, o concello, poderá revocar ou suspender a licenza concedida, sen dereito a indemnización a favor do interesado. Neste caso, devolveráselle de oficio a parte do tributo que corresponda proporcionalmente ao tempo en que non poida manter instalada a terraza.

Artigo 9.- Obrigas

1. Serán por conta do titular da licenza a instalación dos elementos e, no seu caso, a realización, á súa costa, das obras necesarias para a instalación dos toldos, para o cal, en calquera caso, deberá estar en posesión da correspondente licenza.

2. Será obriga dos titulares das terrazas manter as mesmas e os elementos que as compoñen, nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato. A tales efectos, estarán obrigados a dispor dos elementos de recollida e almacenamento dos residuos necesarios para manter limpo o espazo público.

3. Queda prohibido almacenar ou amorear xunto ás terrazas produtos, materiais e elementos móbiles (mostradores e cámaras), así como residuos propios da instalación, tanto por razóns de estética e ornato, como por hixiene.

4. Será obrigatorio, para poder instalar terrazas anexas a establecementos dedicados a restaurante ou cafetaría, estar en posesión da autorización turística autonómica que ampare tal establecemento.

5. Deberán figurar en lugar visible, enmarcados e coa debida claridade, o título habilitante para a instalación da terraza, no que se especifique o número de mesas autorizadas, debendo axuntarse plano de situación selado polo concello.

6. O titular está obrigado ao cumprimento efectivo das ordenanzas municipais e, especialmente, da de protección contra a contaminación acústica e a de prohibición do consumo de bebidas alcohólicas nas vías e outros lugares públicos.

CAPITULO II.- PROCEDEMENTO DE OUTORGAMENTO DA LICENZA

Artigo 10.- Réxime xurídico

1. A licenza obxecto desta Ordenanza tramitarase de acordo co previsto na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

2. Para a súa concesión serán precisos os informes técnicos e xurídicos preceptivos e, en todo caso, un informe da Policía Local.

Artigo 11.- Capacidade para solicitar a licenza

Poderán solicitar a licenza os titulares das licenzas de apertura ou títulos habilitantes para o exercizo da actividade (entenderase como título habilitante, en todo caso, as debidas autorizacións da autoridade municipal ás que se refire a DT 2ª do Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas e nos termos da mesma), dos establecementos hostaleiros descritos no artigo 1 desta ordenanza, sempre que a actividade se desenvolva coa lexislación xeral e sectorial que regula a mesma.

Artigo 12.- Requisitos da solicitude

1. As licenzas solicitaranse ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Fene.

2. Ademais dos datos xerais de identificación do solicitante e do estabelecemento hostaleiro, acompañarase á solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización dos propietarios dos inmobles estremeiros, no caso de que a solicitude contemple unha terraza encostada á fachada do edificio e pretenda rebasar a porción desta ocupada polo establecemento.

b) Autorización expresa da comunidade de propietarios, cando se trate da ocupación de espazos privados de uso público.

c) Memoria descritiva dos elementos de mobiliario que se pretenden instalar na terraza, debéndose cuantificar, en todo caso, o número de mesas e cadeiras.

d) Plano-croquis de situación acoutado, que especifique a área da terraza, os elementos e mobiliario a instalar, e se cuantifique a superficie de ocupación, onde figuren acoutadas as distancias respecto ó local propio e ao límite da beirarrúa ou calzada.

e) No seu caso, plano de instalacións eléctricas exteriores, indicando e especificando as proteccións necesarias.

f) No seu caso, autorización ou concesión de dominio público, referida á superficie da terraza, outorgada pola Administración competente.

g) No seu caso, autorización turística expedida polo órgano autonómico competente.

3. Na solicitude deberase indicar o período de tempo para o cal se solicita licenza e a data de inicio da actividade.

Artigo 13.- Competencia para o outorgamento da licenza

Será competente para o outorgamento da licenza o Sr. Alcalde-Presidente ou concelleiro

en quen delegue, sen perxuízo do réxime de delegación de competencias noutros órganos de goberno previsto na lexislación de réxime local.

Artigo 14.- Prazo de resolución

1. O Concello resolverá as solicitudes no prazo de dous meses dende a entrada da solicitude no rexistro xeral.

2. O silencio administrativo terá efetos desestimatorios ou estimatorios segundo a lexislación vixente.

Artigo 15.- Vixencia da licenza

1. A licenza outorgarase por período anual, cuadrimestral ou mensual e deberá solicitarse con anterioridade a súa instalación.

2.- As autorizacións anuais poderán ser obxecto de prórroga cando así o solicite expresamente o interesado na solicitude inicial de aproveitamento do dominio público local.

3.- Os cuadrimestres obxectos de autorización serán os seguintes,

- De febreiro a maio.

- De xuño a setembro.

- De outubro a xaneiro.

Fóra dos casos nos que se solicite o aproveitamento polo ano natural, os interesados non poderán solicitar un aproveitamento superior a un cuadrimestre -tal e como se definen anteriormente-, sen prexuízo de que soliciten expresamente a súa prórroga de forma análoga ó disposto para as autorizacións anuais. A prórroga entenderase feita para os períodos cuadrimestrais seguintes de xeito que exista continuidade no aproveitamento do dominio público local.

4.- Os interesados poderán solicitar un aproveitamento inferior a un cuadrimestre (un ou varios meses). Neste caso, non se poderá prorrogar a autorización concedida.

5.- A modificación das condicións da licenza obriga necesariamente a un novo trámite de solicitude e, no seu caso, concesión.

CAPÍTULO III.- CONDICIÓNS PARTICULARES DAS LICENZAS

Artigo 16.- Limitacións de emprazamento

1. A superficie susceptible de ocupación con terrazas non poderá exceder de 2/3 da superficie autorizable do mesmo, cun máximo de 100 m2.

2. A ocupación de beirarrúa non poderá ser nunca superior aos 2/3 de largura libre da mesma, debéndose deixar libre para paso de peóns, polo menos, unha largura de 1,50 metros.

3. No caso de establecementos estremeiros, o espazo susceptible de ocupación distribuirase equitativamente entre os solicitantes, de acordo coa largura de fachada de cada establecemento afectado.

4. Se a terraza se sitúa encostada á fachada do edificio, deberá quedar libre o espazo para acceder aos inmobles lindeiros e aos escaparates dos locais comerciais, cun espazo mínimo de 1,80 metros.

5. Permitirase a instalación de terrazas en rúas peonís nas que existan establecementos situados en inmobles sempre que a zona peonil supere os tres metros de largura. A franxa de zona peonil ocupable non excederá do 50 % da súa largura, debéndose deixar, en todo caso, un espazo mínimo libre de 1,80 metros.

6. Non se autorizarán terrazas en beirarrúas cunha largura inferior a 2,50 metros.

7. Aos efectos de aplicación do disposto nesta Ordenanza, os elementos de mobiliario ao servizo da terraza que se instalen están suxeitos ás seguintes prescricións:

a) O módulo tipo velador constitúeo unha mesa e catro cadeiras enfrontadas dous a dous. Para mesas cadradas ou redondas de lado ou diámetro igual ou inferior a 0,80 metros considerarase unha superficie de ocupación teórica por cada velador de 1,80x1,80 metros cadrados. Se a mesa tivese lado ou diámetros superior a 0,80 metros, a superficie aumentarase proporcionalmente ao exceso.

b) Cando polas dimensións do espazo dispoñible non coubesen os veladores indicados anteriormente poderán instalarse veladores cunha mesa e tres cadeiras. Se a mesa é cadrada considerarase unha superficie rectangular de ocupación teórica 1,80x1,30 metros cadrados. Se a mesa é redonda se considerará como ocupación teórica a dun triángulo equilátero de 2,50 metros de lado e unha superficie de 2,70 metros cadrados.

c) Si non coubesen os veladores anteriores poderanse instalar veladores cunha mesa e dúas cadeiras cuxa superficie de ocupación teórica será un rectángulo de 0,80x1,80 metros cadrados.

d) Cando o espazo permita a implantación de máis dunha fila de veladores, poderán dispoñerse como mellor conveña sempre que se permita o doado acceso a todas as mesas e cadeiras, para o cal se establecerá un corredor intermedio que permitirá o acceso ás mesas. O devandito corredor terá unha lonxitude igual á da fila menor e un ancho de 0,50 metros. A superficie ocupada polo corredor contabilizarase dentro da superficie de ocupación da terraza. Para a obtención do número máximo de mesas e cadeiras aplicaranse os módulos descritos neste artigo.

Artigo 17.- Horario de actividade na terraza

1. O horario de apertura e peche será o establecido pola Comunidade Autónoma de Galicia para o establecemento, segundo o catálogo correspondente, sen prexuízo da potestade municipal de adaptación de horarios que, no seu caso, estableza a normativa autonómica.

2. O horario de peche implicará o cese efectivo de todas as actividades desenvoltas na terraza e, en consecuencia, os usuarios non poderán permanecer na terraza a partir de dito momento, polo cal o persoal do estabelecemento deberá obrigar ao desaloxo efectivo da mesma.

Artigo 18.- Orde e limpeza diaria

Agás no período comprendido entre o 1 de maio e o 30 de setembro os titulares de licenzas de terrazas teñen a obriga de retirar e agrupar ao remate de cada xornada os elementos de mobiliario móbiles instalados, considerando como tales as cadeiras, mesas e antucas, así como realizar os labores de limpeza necesarios no período para o que teñan concedida a correspondente licenza.

Artigo 19.- Remate do período de ocupación

1. Rematado o período de instalación autorizado por licenza, o titular da terraza deberá deixar completamente expedita a porción de superficie que viñese ocupando, retirando tódolos elementos que a ocupan ao día seguinte do remate o período de ocupación.

2. En caso de incumprimento do previsto no apartado anterior, serán retirados polo Concello mediante execución subsidiaria a costa do titular.

CAPÍTULO IV.- RÉXIME FISCAL

Artigo 20.- Taxas

O titular da licenza deberá abonar as exaccións fiscais que correspondan e de conformidade coa ordenanza fiscal correspondente.

CAPITULO V.- INSPECCIÓN E RÉXIME SANCIONADOR.

Artigo 21.- Inspección

O alcalde e, no seu caso, o concelleiro en quen delegue, a través dos servizos municipais, serán competentes para controlar o estrito cumprimento das normas establecidas na presente ordenanza.

Artigo 22.- Infraccións

As infraccións das normas contidas nesta ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) A falta de ornato na terraza e o seu entorno.

b) O deterioro leve dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos, lindeiros co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza.

c) Calquera outra infracción que non sexa cualificada como grave ou moi grave.

2. Son faltas graves:

a) A reiteración por dúas veces na comisión de faltas leves.

b) A ocupación de maior superficie da autorizada.

c) A instalación dun maior número de mesas, cadeiras ou elementos auxiliares que os autorizados.

d) Instalar elementos de mobiliario non autorizados pola licenza, así como a colocación na terraza de calquera outra clase de elementos, que non sexan mesas, cadeiras e elementos auxiliares aos mesmos, fóra do recinto do establecemento.

e) A falta de aseo, hixiene ou limpeza nos elementos do establecemento, sempre que non constitúa falta leve ou moi grave.

f) O deterioro grave dos elementos de mobiliario e ornamentais urbanos, lindantes co establecemento, que se produza como consecuencia da actividade obxecto da licenza.

g) A non exhibición das autorizacións municipais preceptivas.

h) O incumprimento do réxime de distancias mínimas de paso de peóns.

i) O incumprimento do horario de apertura ou peche da terraza.

3. Son faltas moi graves:

a) A reiteración de tres faltas graves.

b) A desobediencia aos lexítimos requirimentos dos inspectores e autoridades.

c) Non desmontar as instalacións cando así fose ordenado pola autoridade municipal.

d) A instalación na terraza de aparellos de reprodución de son ou a realización sen autorización de espectáculos e actuacións musicais.

e) Non contar coa preceptiva licenza de instalación da terraza.

f) A ocupación de maior superficie da autorizada en máis dun 10%.

Artigo 23.- Sancións

1. As faltas leves sancionaranse con multa de 50 a 100 €.

2. As faltas graves sancionaranse con multa entre 101 e 300 €, podendo ser acordada a suspensión da licenza por período máximo de dous meses.

3. As faltas moi graves sancionaranse con multa entre 301 € e 600 €, podendo incluso ser revocada a licenza.

Artigo 24.- Aplicación das sancións

Na aplicación das sancións establecidas no artigo anterior, atenderase ao grao de culpabilidade, beneficio obtido, entidade da falta cometida, perigosidade que implique a infracción, incidencia ambiental, reincidencia ou reiteración e demais circunstancias agravantes ou atenuantes que concorran.

Artigo 25.- Persoas responsables

Aos efectos do réxime sancionador terán a consideración de persoas responsables as persoas físicas ou xurídicas titulares do establecemento vinculado á terraza.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN ADICIONAL

A) O Concello reservarase o dereito a esixir, con independencia do exacto cumprimento das normas contidas na presente Ordenanza, que en determinadas rúas ou prazas as terrazas deban suxeitarse ás seguintes prescricións:

1. As mesas e cadeiras serán dunha cor determinada.

2. As xardineiras e antucas deberán ter unhas características comúns que en todo caso requirirán a previa determinación do Concello. As antucas deberán ser todos eles da mesma cor, debendo igualmente ser autorizadas polo Concello.

B) Aqueles establecementos con terraza autorizada que fixeran un investimento nos elementos cuxa harmonización se regula, disporán dunha moratoria de 4 anos para adaptarse ao establecido no apartado anterior.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Todas aquelas terrazas que no intre da entrada en vigor da presente Ordenanza tivesen autorización vixente para tempadas anteriores e non estiveran adaptadas á redacción orixinaria da mesma, deberán adecuarse á esta Ordenanza no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao de entrada en vigor da modificación da presente disposición.

As licenzas concedidas conforme a esta ordenanza antes da súa primeira modificación non poderán ser prorrogadas, debendo solicitarse nova licenza adaptada ao establecido no artigo 1.5 da presente Ordenanza no prazo de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ao de entrada en vigor da modificación da presente disposición, podendo desfrutar os interesados da licenza outorgada durante o período de vixencia que lle reste en tanto non se conceda ou denegue a nova licenza solicitada.

No caso de que finalice o período de vixencia destas licenzas antes de que se conceda ou denegue a nova licenza solicitada, estas entenderanse automaticamente revogadas.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente Ordenanza entrará en vigor logo de que se publique enteiramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días á que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

Nesta ordenanza se dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2  da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local :

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.