Padrón - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS (ICIO)

Publicación provisional: 07/05/2013 BOP Nº: 86
Publicación definitiva: 31/07/2013 BOP Nº: 144
Aplicable dende: 31/07/2013

Artigo1.-Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española e 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dos artigos 15.1 e 59.2 do texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, este Concello establece o imposto sobre construcións, instalacións e obras, que se rexerá polo disposto no devandito TRLRFL e pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible do ICIO a realización, dentro do termo municipal de Padrón, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, se teña obtido ou non esta licenza, ou para a que se esixa a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, se presenten ou non, sempre que a expedición da licenza ou a actividade municipal de verificación posterior corresponda ao Concello de Padrón.

2. A estes efectos, enténdense por construción, instalación ou obra as seguintes:

a) As obras de nova planta e de ampliación de edificios, ou necesarias para a implantación, ampliación, modificación ou reforma de instalacións de calquera tipo.

b) As obras de modificación ou de reforma que afecten á estrutura, ó aspecto exterior ou á disposición interior dos edificios, ou que incidan en calquera clase de instalacións existentes.

c) As obras provisionais.

d) A construción de vaos para a entrada e saída de vehículos das fincas na vía pública.

e) As construcións, instalacións e obras realizadas na vía pública por particulares ou polas empresas subministradoras de servizos públicos, que corresponderán tanto ás obras necesarias para a apertura de calas e pozos, colocación de postes de soporte, canalizacións, conexións e, en xeral, calquera remoción do pavimento ou beirarrúas, como as necesarias para a reposición, reconstrución ou amaño do estragado coas calas amentadas.

f) Os movementos de terra, tales como desmontes, explanacións, escavacións, terraplenados, salvo que estes actos estean detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización ou edificación aprobado ou autorizado.

g) As obras de peche dos solares ou dos terreos e dos valados, os andamios, e as andamiaxes de precaución.

h) A nova implantación, a ampliación, a modificación, a substitución ou o cambio de emprazamento de todo tipo de instalacións técnicas dos servizos públicos, calquera que sexa o seu emprazamento.

i) Os usos e instalacións de carácter provisorio.

l) A instalación, reforma ou calquera outra modificación dos soportes ou valados que teñan publicidade ou propaganda.

m) As instalacións soterradas dedicadas aos aparcamentos, ás actividades industriais, mercantís, ou profesionais, aos servizos públicos ou a calquera outro uso para o que se destine o subsolo.

n) A realización de calquera outra actuación establecida polos plans de ordenación ou polas ordenanzas que lles sexan aplicables como suxeitas a licenza municipal, sempre que se trate de construcións, instalacións ou obras.

ñ) Derrubamentos.

o) Aliñacións e rasantes.

p) As que se realicen en cemiterios.

q) Calquera outra construción, instalación ou obra que requira licenza de obra ou urbanística, ou a presentación de declaración responsable ou comunicación previa.

3. Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos a licenza aludida no apartado primeiro considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo ao interesado.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos do ICIO, a título de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior, terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custo que comporte a súa realización.

2. No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, terá a condición de suxeito pasivo substituto do contribuínte quen solicite a correspondente licenza ou quen presente a correspondente declaración responsable ou comunicación previa, ou quen realice a construción, instalación ou obra.

O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

3. Os suxeitos pasivos que residan no estranxeiro durante máis de seis meses cada ano natural, estarán obrigados a designar un representante con domicilio en territorio español, aos efectos das súas relacións coa Facenda Pública.

Artigo 4.-Responsables.

Responderán solidaria e subsidiariamente da débeda tributaria do ICIO as persoas ou entidades ás que se refiren os artigos 42 e 43 da Lei xeral tributaria, de acordo co previsto nestes artigos.

Artigo 5.-Exencións.

Están exentos deste imposto as construcións, instalacións e obras das que sexa dono o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais que, estando suxeitas ao mesmo, vaian a ser directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por Organismos Autónomos, tanto si se trata de obras de inversión como de obras de conservación.

Artigo 6.-Base impoñible.

1. A base impoñible do ICIO está constituída polo custe real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, a estes efectos, o custe de execución material daqueles.

2. Non forman parte da base impoñible o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estrictamente, o custo de execución material.

Artigo 7.-Tipo de gravame e cota tributaria.

1. O tipo de gravame será o 3,5%.

2. A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

3. A cota líquida do imposto será, no seu caso, o resultado de aplicar á cota íntegra as bonificacións que se establecen no artigo 9 desta ordenanza fiscal.

Artigo 8.-Obriga de contribuír.

1. A obriga de contribuír nace no momento de comezar a construción, instalación ou obra, aínda nos casos nos que comece sen terse presentado a comunicación previa ou declaración responsable, solicitado ou obtido a licenza que proceda.

2. Aos efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, nos seguintes casos:

a) No suposto de precisar licenza urbanística, cando esta fose concedida, no momento no que sexa notificado ao interesado o acordo de concesión da mesma polo órgano competente, ou, noutro caso, ó mes da data do decreto ou do acordo da Xunta de Goberno Local.

b) No suposto de precisar a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, á data do seu rexistro de entrada.

c) No suposto de se iniciar as construcións, instalacións ou obras sen solicitar ou obter a correspondente licenza urbanística, ou sen ter presentado declaración responsable ou comunicación previa nos casos nos que sexa procedente, entenderanse iniciadas na data na que se dite o acto administrativo polo que a Administración tome coñecemento, por calquera medio, da execución das amentadas construcións, instalacións ou obras.

Artigo 9.-Bonificacións.

1. Establécese unha bonificación do 30% a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración a xuízo do Pleno da Corporación, co voto da maioría simple dos seus membros.

A declaración de especial interese ou utilidade municipal deberá solicitarse polo interesado coincidindo coa solicitude da correspondente licenza ou coa presentación da comunicación previa ou declaración responsable, acompañando informe ou memoria motivadora do amentado ¿especial interese ou utilidade municipal".

Unha vez declarado, no seu caso, o especial interese ou utilidade municipal polo Pleno da Corporación, a bonificación deberá ser concedida polo órgano competente para a concesión da licenza.

Esta bonificación aplicarase sobre a cota íntegra do ICIO e será compatible coa bonificación do apartado número 2, pero sen que, en ningún caso, poidan exceder do 50% da mesma de forma acumulativa.

2. Establécese unha bonificación do 30% a favor das construcións, instalacións ou obras declaradas como vivendas de protección autonómica polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Para o disfrute de dita bonificación, o suxeito pasivo deberá solicitala coincidindo coa solicitude da correspondente licenza ou coa presentación da comunicación previa ou declaración responsable. Á vista da solicitude deberase acordar a súa concesión polo órgano competente para a concesión da licenza.

O suxeito pasivo deberá achegar, unha vez notificado o acordo outorgando a licenza solicitada e con carácter previo ao inicio das obras, a cédula de cualificación provisional como vivenda de protección autonómica emitida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Esta bonificación aplicarase sobre a cota íntegra do ICIO e será compatible coa bonificación prevista no apartado 1 pero sen que, en ningún caso, poidan exceder do 50% da mesma de forma acumulativa.

3. Establécese unha bonificación do 50% a favor das construcións, instalacións e obras de acondicionamento e adaptación necesarias para o acceso e habitabilidade das persoas discapacitadas.

Os requisitos para o disfrute desta bonificación serán os seguintes:

A) Requisitos das obras:

1. Entenderanse como construcións, instalacións e obras necesarias para o acceso e habitabilidade dos discapacitados as destinadas a:

- Reforma interior da vivenda para a adecuación á discapacidade de calquera persoa que resida ou vaia a residir habitualmente na mesma.

- Modificación de elementos comúns do edificio que sexan paso necesario entre a vivenda do discapacitado e a vía pública, tales como escaleiras, ascensores, pasillos, portais ou calquera outro elemento arquitectónico.

- A aplicación de dispositivos electrónicos que sirvan para superar barreiras de comunicación sensorial ou de promoción da seguridade de calquera discapacitado que resida habitualmente nunha vivenda do edificio.

2. Non se entenderán como construcións, instalación e obras necesarias para o acceso e habitabilidade dos discapacitados as que, calquera que sexa o seu destino, se realicen en inmobles que por prescrición normativa deban estar adaptados ou deban adaptarse obrigatoriamente.

B) Requisitos das persoas:

1. No inmoble no que se van a realizar as obras bonificadas deberá estar empadroada, e formando parte da unidade de convivencia, a persoa con discapacidade física ou sensorial a longo prazo. A estes efectos o empadroamento no inmoble deberá manterse, alomenos, desde a data de finalización das obras ata o remate do prazo para realizar a comprobación e/ou inspección fiscal correspondente.

2. Entenderase que teñen a condición de discapacitados as persoas con grao de minusvalía igual ou superior ao 33%. O grao de minusvalía deberá acreditarse mediante certificado do órgano competente da Xunta de Galicia.

C) Requisitos mixtos:

1. A valoración da adecuación das obras de mellora do acceso e habitabilidade do discapacitado será realizada polo servizo municipal de benestar social.

2. A valoración de que as obras teñen como destino ou finalidade favorecer as condicións de acceso e habitabilidade do discapacitado, e que as construcións, instalacións e obras necesarias non afectan a inmobles que por prescrición normativa deban estar adaptados ou deban adaptarse obrigatoriamente, será realizada polo servizo de urbanismo municipal.

3. Para o disfrute da mesma, o suxeito pasivo deberá achegar, xunto coa solicitude de bonificación, o certificado acreditativo da minusvalía que xustifica a realización das obras de acceso e habitabilidade. Á vista desta solicitude deberase acordar a súa concesión polo órgano competente para a concesión da licenza.

4. A bonificación prevista neste apartado esixirá con carácter específico, os informes do Servizo de Benestar Social e do Servizo municipal de urbanismo.

5. Dita bonificación aplicarase sobre a cota íntegra do ICIO, sendo incompatible coas bonificacións dos apartados 1 e 2.

Artigo 10.-Normas de xestión.

1. Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa, acompañada dos correspondentes presupostos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa terá o valor de declaración tributaria, por canto dos presupostos que se acompañan a aquela deducirase a base impoñible do imposto. De non mediar solicitude de licenza, declaración responsable ou comunicación previa antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, segundo o disposto no artigo 12 da presente ordenanza fiscal.

2. Os suxeitos pasivos que inicien a construción, instalación ou obra e non tiveran presentado unha comunicación previa ou declaración responsable, nin tiveran solicitado ou concedida aínda a licenza preceptiva, teñen a obriga de presentar, no prazo máximo dun mes a contar dende o inicio da construción, instalación ou obra a declaración tributaria que permita practicar a esta Administración a correspondente liquidación provisional a conta.

Para a determinación da data de inicio da construción, instalación ou obra, atenderase ao disposto no artigo 8.2.c) da presente ordenanza fiscal.

O incumprimento desta obriga de presentar a declaración tributaria en prazo, constituirá unha infracción tributaria nos termos do artigo 12 da presente ordenanza fiscal.

3. Concedida a licenza ou presentada a declaración responsable ou comunicación previa, ou adoptado o acordo aprobatorio ou autorización en relación coas construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución material, ou cando sen ter solicitado, concedido ou denegado aínda a licenza preceptiva ou presentado a comunicación previa ou declaración responsable, se inicie a construción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta, sen que o pagamento comporte ningún tipo de acto declarativo de dereito a favor daqueles.

A base impoñible para esta liquidación determinarase en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo Colexio Oficial correspondente, cando isto constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal de acordo co custo estimado da actuación presentada polo interesado e atendendo, en caso de desproporción ou en ausencia de presentación dos custes estimados por parte do interesado, ao criterio técnico.

4. O pagamento da liquidación practicada terá carácter provisorio e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras. No caso de que se modifique o proxecto e houbese incremento do presuposto, unha vez aceptada a modificación, deberá presentarse declaración complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado, con suxeición aos requisitos sinalados nos apartados anteriores.

5. Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación, poderá modificar a base impoñible a que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que resulte. Para a confección da liquidación definitiva, o obrigado tributario deberá aclarar, no prazo de dous meses dende a finalización da obra, o seu custo real e efectivo, mediante a presentación do certificado ou presuposto final da obra visado polo Colexio Oficial correspondente, cando se esixiran direccións facultativas, ou de calquera outro documento que se considere oportuno.

6. No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule e se aprobe a renuncia expresa á licenza ou caducara esta, previo informe técnico municipal que acredite a non execución das construcións, instalacións ou obras.

7.Nos supostos de execución parcial das construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado na proporción que corresponda, previo informe técnico municipal que determine as unidades de obra efectivamente realizadas e o seu custe.

8. Nos supostos de licenzas concedidas en virtude de aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá realizarse antes de dar comezo ás obras.

Artigo 11.-Comprobación e investigación.

A inspección e a comprobación do ICIO realizaranse de acordo co previsto na Lei 58/2003, xeral tributaria, do 17 de decembro, e nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 12.-Infraccións e sancións.

Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e á imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, xeral tributaria, do 17 de decembro.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA.

Queda derrogada a regulación anterior da Ordenanza fiscal número 6, reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras.

DISPOSICIÓN FINAL 1.ª.

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.