Camariñas - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola realización de actividades administrativas con motivo da apertura de establecementos

Publicación provisional: 06/08/2013 BOP Nº: 148
Publicación definitiva: 23/09/2013 BOP Nº: 181
Aplicable dende: 24/09/2013

Artigo 1.- Feito impoñible.

1. Nos supostos de declaración responsable ou comunicación previa, constitúe feito impoñible da taxa a actividade municipal, destinada á verificación inicial da documentación achegada polo interesado nos casos de declaración responsable ou comunicación previa, nos termos establecidos na ordenanza municipal reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e realización de determinadas obras menores, así como as actividades de comprobación, control e inspección que sexan necesarias e todas as actuacións que impliquen a execución de medidas correctoras para manter as condicións de tranquilidade, seguridade e salubridade e as demais impostas nos títulos habilitantes ou pola lexislación urbanística e sectorial de aplicación.

2. Nos supostos de autorizacións e licencias, constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar se os establecementos nos que se desenvolven as actividades ou se presten os servizos reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade, salubridade e calquera outras esixidas pola correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licenza de apertura.

3. A tal efecto, estará suxeitos a esta taxa todos os supostos establecidos na Ordenanza Reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e da realización de determinadas obras menores, e entre outros os seguintes:

a) A instalación por vez primeira do establecemento par dar comezo á súas actividades.

b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.

c) Os cambios de titularidade: todos os supostos de transmisión de licencias de apertura así como da titularidade de actividades declaradas responsablemente ou obxecto de comunicación previa.

d) Calquera outro que implique modificación na actividade ou no local onde se desenvolve.

Artigo 2. Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral tributaria, titulares da actividade ou prestadores dos servizos que se pretenden desenvolver ou prestar, ou no seu caso se desenvolvan ou presten.

Artigo 3. Responsables.

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41.1 e 42 da Lei Xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios as persoas ou entidades reguladas e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

Artigo 4. Cota tributaria.

1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa segunda a natureza do expediente a tramitar en función da actividade, superficie do local, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. A cota de tarifa corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, dende o seu inicio ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ao interesado do acordo recaído.

Artigo 5. Tarifa.

1. As cotas tributarias determinaranse de acordo ca seguinte tarifa:

CONCEPTO

TARIFA

Actividades ou actuacións suxeitas a comunicación previa

150 €

Actividades ou actuacións suxeitas a declaración responsable

200 €

Actividades ou actuacións suxeitas ao Decreto 133/2008 polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental e as sometidas á normativa de espectáculos e actividades recreativas.

400 €

Resto de actividades suxeitas a licenzas de apertura

250 €

Ás cotas determinadas no apartado anterior se lles aplicará un coeficiente en función da superficie útil do local, de acordo ca seguinte escala:

Ata 100 m2

1

De 101 a 300 m2

1,2

De 301 a 1.000 m2

1,5

De 1.001 a 2000 m2

1,7

Máis de 2.001 m2

2

Para o caso de actividades sometidas a expedientes de declaración de impacto ou efectos ambientais, nos termos previstos na lexislación de protección ambiental aplicarase como tarifa a porcentaxe de 1 por cento sobre o orzamento de instalación de que se trate, que incluirá o orzamento de execución material e, no seu caso, o custo de instalación de elementos incorporables de obra e maquinaria que, de modo permanente, contribuirán ao proceso produtivo, de acordo co orzamento total do proxecto.

2. Cando nun establecemento se exercesen varias actividades a efectos de cómputo de tarifas desta Ordenanza, terase en conta a cota máis alta das que correspondan.

3. Nas actividades suxeitas a licenza, ou nas actividades tramitadas mediante os procedementos de comunicación previa e declaración responsable, en caso de desistimento formulado polo solicitante con anterioridade á súa concesión, as cotas a liquidar, sempre que a actividade municipal se iniciase efectivamente a cota tributaria reducírase ao 50%.

4. No caso establecido nos apartados anteriores procederase a realizar unha regularización da cota xa cobrada coa devolución do importe que proceda.

Artigo 6. Exencións e bonificacións.

Non se concederá exención nin bonificación na exección da taxa.

Artigo 7. Devengo.

1. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. A estes efectos, entenderase iniciada dita actividade nos seguintes supostos:

a) En actividades suxeitas a licenza, na data de presentación da oportuna solicitude da licenza de apertura.

b) No resto de actividades, no momento de presentación da declaración responsable ou comunicación previa de inicio de actividades.

O ingreso da taxa se fará efectivo no mesmo momento mediante o modelo de autoliquidación facilitado polo Concello e previa declaración da superficie do local sen prexuízo da comprobación posterior e regularización da contía da taxa.

2. Cando a apertura tivera lugar sen obter a oportuna licenza ou sen realizar a correspondente declaración responsable ou comunicación previa, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal tendente a determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para autorizar a apertura do establecemento ou decretar o seu peche, se non fora autorizable dita apertura.

3. A obriga de contribuír unha vez nacida, non se verá afectada, en modo algún, pola denegación da licenza solicitada ou pola concesión desta nin pola renuncia ou desistimento do solicitante unha vez concedida a licenza ou ditada resolución, e tampouco naqueles casos nos que se declare a ineficacia da comunicación previa ou declaración responsable.

Artigo 8. Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como as sancións que poidan corresponder se estará ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición Final.

A presente Ordenanza Fiscal derroga a Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola apertura de establecementos, aprobado polo Pleno en sesión celebrada en data 19/12/2003 e publicada definitivamente no Boletín Oficial da Provincia nº 44 de 23/02/2004.

A presente Ordenanza entrará en vigor ó día seguinte á súa publicación definitiva no BOP, permanecendo en vigor ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.