Dodro - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DAS TARXETAS DE ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS PARA PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA E DAS TARXETAS DE ACCESIBILIDADE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 8/97, de 20 de agosto, de Accesibilidade e Supresión de Barreiras na Comunidade Autónoma da Galicia, no seu artigo 27 e os artigos 50 e 52 do Decreto 35/2000, de 28 de xaneiro polo que se aproba respectivamente o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei antes citada, establecen que os concellos deberán aprobar normativas que garantan e favorezan a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida, poñendo de manifesto que a mesma constitúe un eficaz instrumento para favorecer a integración social e laboral, ao facilitar o acceso aos espazos e servizos comunitarios a moitas persoas que, ao verse limitadas para utilizar os transportes públicos por estar afectadas por importantes problemas de mobilidade, acceden aos mesmos de maneira autónoma mediante vehículos particulares, beneficiándose no seu punto de destino das vantaxes de aparcamento que posibilita a tarxeta.
Idéntico criterio mantén o Consello da Unión Europea, quen, ao referirse á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidades, estima procedente que toda persoa con mobilidade reducida debe poder disfrutar de medidas adicionais concretas dirixidas a favorecer a súa integración profesional e social, e a estes efectos considera oportuna unha acción comunitaria para fomentar a concesión e o recoñecemento mutuo das tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade e que faciliten a libre circulación destas.
O Consello da Unión Europea aprobou con data de 4 de xuño de 1998 unha Recomendación 98/376/CE aos Estados membros para o establecemento dunha tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade, consonte a un modelo comunitario uniforme recoñecido, mutuamente polos Estados membros, a fin de que os/as titulares destas tarxetas poidan disfrutar en toda Europa das facilidades de estacionamento relacionadas coas mesmas, consonte ás normativas nacionais vixentes do país no que se encontra a persoa.
O concello de Dodro, sensible dende fai tempo con esta problemática, e quere facer compatible o dereito das persoas con discapacidade a estacionar nos lugares máis próximos ao seu destino e o deber da administración local a unha xestión xusta e coherente con toda a veciñanza.
ARTICULO 1º. OBXECTO
O obxecto da presente ordenanza é regular a nivel municipal a expedición das tarxetas de estacionamento de vehículos para persoas con mobilidade reducida e das tarxetas de accesibilidade, co fin, no primeiro caso, de favorecer o uso dos transportes privados daquelas persoas que presenten graves dificultades de mobilidade para que a persoa titular poida gozar da facilidade de estacionamento e co fin, no segundo caso, de dispor dunha tarxeta como documento acreditativo da situación de discapacidade en orden a favorecer o uso do transporte público.
ARTÍCULO 2º. REQUISITOS
1. Poderán ser beneficiarias da tarxeta de estacionamento de vehículos todas aquelas persoas que, estando empadroadas no Concello de Dodro, teñan recoñecida unha discapacidade polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO), dependente da sección de cualificación e valoración de discapacidade da Xunta de Galicia, e que dito recoñecemento reflicta necesariamente a dificultade para o uso do transporte público.
2. Terán dereito á expedición da tarxeta de accesibilidade todas aquelas persoas interesadas que, estando empadroadas no Concello de Dodro, teñan recoñecida unha discapacidade polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO), dependente da sección de cualificación e valoración de discapacidade da Xunta de Galicia
3. Poderán ser titulares da tarxeta de estacionamento as persoas xurídicas que presten servizos de transporte de persoas con mobilidade reducida e que acrediten que dispoñen de vehículos para iso.
4. De acordo coa Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, considéranse afectadas por unha discapacidade aquelas persoas pensionistas da Seguridade Social, que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, materia exclusivamente desenvolvida a efectos fiscais ou laborais.
5. No suposto de persoas estranxeiras residentes, prevalecerá o disposto na lexislación vixente en materia de estranxeiría.
ARTIGO 3º. SOLICITUDES
1. A solicitude da tarxeta de estacionamento de vehículos e da tarxeta de accesibilidade para persoas físicas deberá ir acompañada da seguinte documentación:
a) Modelo de instancia conforme ao anexo I, no caso de solicitar a tarxeta de estacionamento
b) Modelo de instancia conforme ao anexo II, no caso de solicitar a tarxeta de accesibilidade.
c) Fotocopia cotexada do DNI, tarxeta de residencia ou calquera outro documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.
d) No caso de que a persoa interesada sexa un/unha menor de idade:
d.1.-Copia compulsada do libro de familia.
d.2.-Copia compulsada de sentencia de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.
d.3.-Copia compulsada da resolución administrativa ou xudicial que acredite a condición de ser titor/a, acolledor/a do/a menor, de ser o caso; e a copia compulsada do documento acreditativo da identidade da persoa titora ou acolledora.
d.4.- Copia compulsada da sentenza xudicial acreditativa da patria potestade prorrogada ou incapacidade xudicial; e copia compulsada do documento acreditativo da identidade da persoa que ostente a condición de titora.
e) No caso que a persoa interesada sexa maior de idade incapacitada xudicialmente:
e.1.- Copia compulsada da sentenza xudicial acreditativa da incapacidade xudicial e copia compulsada do documento acreditativo da identidade da persoa que ostente a condición de titora.
f) Dúas fotografías tamaño carné.
g) Certificado de empadroamento. O certificado será solicitado á oficina xeral do Concello por parte do persoal municipal que tramite a solicitude.
h) Certificado de discapacidade ou informe do Equipo de Valoración e Orientación (EVO).
2. A solicitude da tarxeta de estacionamento para persoas xurídicas deberá ir acompañada da seguinte documentación:
a) Modelo de instancia conforme ao Anexo III
b) Documentación do vehículo habilitado para transportar as persoas con graves problemas de mobilidade, dado que, a tarxeta deberá incluír a matricula ou matrículas dos citados vehículos.
c) Escritura de constitución da sociedade e estatutos.
d) Documentación acreditativa da identidade da persoa que actúa como representante legal.
ARTIGO 4º.- COMPETENCIA
1. O alcalde-presidente será o órgano competente para ditar a resolución da concesión ou denegación da tarxeta de estacionamento de vehículos e da tarxeta de accesibilidade, así como para o exercicio da potestade sancionadora neste ámbito, quen poderá delegar nun/ha concelleiro/a.
2. As tarefas de vixilancia e control da utilización das tarxetas e as reservas de estacionamento serán realizadas polo persoal municipal.
ARTIGO 5º.- PROCEDEMENTO
1. O procedemento ordinario de concesión de tarxetas de estacionamento de vehículos e de accesibilidade comprenderá os seguintes trámites:
a) O expediente iniciarase a solicitude da persoa interesada mediante impreso normalizado que, unha vez cumprimentado, se presentará no rexistro xeral do Concello. Xunto coa solicitude deberá achegar a documentación sinalada no artigo 3.
b) O persoal municipal comprobará que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos na presente ordenanza e normativa de aplicación, requirindo en caso contrario á persoa interesada para que no prazo de 10 días emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, en caso contrario teráselle por desistido da súa petición.
c) Unha vez comprobado polo persoal municipal que o expediente reúne os requisitos esixidos, emitirase de valoración conforme ao establecido no anexo IV.
d) A solicitude formulada pola persoa interesada, xunto co informe emitido polo persoal municipal, elevarase ao órgano competente, quen ditará unha resolución.
e) A resolución adoptada, debidamente motivada, será notificada ás persoas interesadas no domicilio que figure no expediente a efectos de notificacións, conforme ao establecido na Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
f) Unha vez resolta a solicitude de forma favorable, o Concello expedirá a correspondente tarxeta, e fará entrega da mesma á persoa solicitante de forma gratuíta. A persoa beneficiaria asinará o documento de ter recibido a tarxeta xunto coa información das condicións de uso,segundo o modelo establecido no anexo VI. A persoa beneficiaria deberá proceder a plastificar a tarxeta para garantir a súa conservación.
2. Para a tramitación das tarxetas de estacionamento de vehículos, no caso de que o certificado de discapacidade que achegue a persoa solicitante non veña recoñecida expresamente as dificultades para o uso do transporte colectivo, o Concello remitirá copia da solicitude ao EVO. Neste caso, o informe que emitan ao respecto será vinculante para a concesión ou denegación polo órgano competente.
3. Para a tramitación das tarxetas de accesibilidade, no caso de que a persoa solicitante non dispoña do certificado de cualificación do grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, o Concello remitirá copia da solicitude ao EVO correspondente. Neste caso, o informe que emitan ao respecto será vinculante para a concesión ou denegación polo órgano competente.
ARTIGO 6º.- VIXENCIA E RENOVACIÓN DAS TARXETAS
1. Nos casos de cualificación da discapacidade con carácter permanente, as tarxetas caducarán aos 10 anos da súa concesión.
2. Nos caos de cualificación da discapacidade con carácter temporal, as tarxetas caducarán cando finalice o prazo que indique o certificado de discapacidade.
3. A renovación das tarxetas seguirá o mesmo procedemento que o da súa tramitación.
ARTIGO 7º.- CAMBIO DE DOMICILIO, PERDA, DETERIORO OU SUBTRACCIÓN
Cambio de domicilio: O interesado deberá solicitar unha nova tarxeta que, unha vez expedida, conservará o prazo de validez anterior. Se o cambio de domicilio é dentro do mesmo municipio manterase o número de orde, se a anterior tarxeta está expedida fora do municipio variarase o número de orden municipal. En ámbolos dous casos deberase entregar no Concello a tarxeta anterior.
Perda ou deterioro: Deberá ser comunicado inmediatamente ao Concello e realizar a petición dunha nova tarxeta no impreso de solicitude. No caso de deterioro deberá, ao recoller a nova tarxeta, entregar a deteriorada.
Subtracción: Deberá acompañar a solicitude dunha nova tarxeta, copia da denuncia presentada na Comisaría de Policía ou Garda Civil.
En todos os casos, a tarxetas manterán o mesmo número que a anterior así como o período de validez.
ARTIGO 8º.- DEREITOS
1. As persoas titulares da tarxeta de estacionamento de vehículos beneficiaranse das seguintes facilidades en materia de circulación, parada e estacionamento:
a) Estacionar o vehículo por máis tempo do autorizado, con carácter xeral, nas zonas en que dito tempo se atope limitado.
b) Autorización para que os vehículos ocupados polas persoas que presenten graves problemas de mobilidade poidan deterse na vía pública durante o tempo imprescindible e sempre que non entorpezan a circulación rodada ou peonil.
c) Utilización das prazas de aparcadoiro reservadas para tal efecto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A tarxeta de accesibilidade dará dereito á persoa titular dos beneficios legalmente recoñecidos no artigo 51 do Decreto 35/2000 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que son:
a) Reserva de praza nos transportes colectivos
b) Bonificación nas tarifas para as persoas que dispoñan de tarxeta
c) Reserva de prazas nos centros de servizo do transporte público
ARTIGO 9º.- OBRIGAS
1. As persoas titulares da tarxeta deberán comunicar ao Concello, no prazo de 15 días, calquera variación das circunstancias que motivaron a súa concesión, a contar dende o coñecemento da variación das circunstancias alegadas.
2. O uso indebido da tarxeta dará lugar a súa retirada, sen prexuízo das responsabilidades que puideran derivar.
ARTIGO 10º.- CONDICIÓNS DE USO
1. As tarxetas expedidas polo ente municipal son de carácter persoal e intransferible.
2. As tarxetas de estacionamento de vehículos cuxo titular sexa unha persoa física só poderán utilizarse cando a persoa titular viaxe no vehículo de que se trate, sexa ou non da súa propiedade, ben como condutor/a ou como ocupante.
3. As tarxetas de estacionamento de vehículos cuxo titular sexa unha persoa xurídica só poderán utilizarse nos vehículos para os que foi concedida , e sempre que nese momento se atopen prestando o servizo de transporte de persoas con mobilidade reducida.
4. A tarxeta de estacionamento de vehículos colocarse na parte inferior do parabrisas dianteiro do vehículo de forma que o seu anverso resulte claramente visible dende o exterior.
ARTIGO 11º.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS. PROCEDEMENTO SANCIONADOR
1. No suposto de que se detecte o uso indebido da tarxeta de maneira reiterada e debidamente probada, o órgano competente retirará a citada tarxeta durante un prazo de 2 anos, debendo a persoa interesada instar o procedemento para a súa expedición unha vez transcorrido o citado prazo.
2. As infraccións da presente ordenanza serán sancionadas de acordo coa normativa vixente sobre o procedemento sancionador.
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
PRIMEIRA.- As persoas residentes no territorio español, sexan de nacionalidade española ou do resto da Unión Europea, que sexan titulares dunha tarxeta de estacionamento expedida polas respectivas autoridades competentes, gozarán neste termo municipal dos dereitos recoñecidos pola presente ordenanza reguladora.
SEGUNDA.- As tarxetas axustaranse ás características sinaladas no anexo III do regulamento de desenvolvemento e execución da Lei 8/1997, de 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado mediante o Decreto 35/2000, de 28 de xaneiro, ou normativa que o substitúa.
TERCEIRA.- As tarxetas concedidas por este Concello con anterioridade á entrada en vigor desta Ordenanza seguirán sendo válidas ata a data de caducidade das mesmas.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente Ordenanza entrará en vigor así que transcorra o prazo de 15 días hábiles dende a súa publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e conforme ao disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.