Carballo - TAXA POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS ADMINISTRATIVOS RELATIVOS AO CONTROL SOBRE ACTIVIDADES E APERTURA DE ESTABLECEMENTOS
ARTIGO 1º.- FUNDAMENTO E RÉXIME XURÍDICO.
No uso das potestades conferidas pola Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dacordo co previsto no artigo 57 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola prestación de servizos administrativos de competencia local tendentes á verificación do cumprimento das condicións legais para a apertura de de establecementos, o inicio de actividades ou o seu desenvolvemento, que se regulará pola presente Ordenanza e polo disposto nos artigos 20 a 27 do dito R.D.L. 2/2004, e que respecta as previsións derivadas da Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, de 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior da Unión Europea, e na trasposición da devandita disposición ao Dereito interno do Estado Español e da Comunidade Autónoma de Galicia.
ARTIGO 2º.- FEITO IMPOÑIBLE.
1.- Constitúe o feito impoñible deste tributo a prestación polo Concello da actividade municipal, técnica e administrativa, de control e comprobación a fin de verificar se a actividade realizada ou que se pretenda realizar se axusta ao cumprimento dos requisitos establecidos na normativa sectorial, urbanística e medioambiental de calquera establecemento industrial, comercial, profesional, de servizos, espectáculos públicos ou actividades recreativas, así coma as súas modificacións, xa sexan da actividade ou do titular da mesma, co fin de procurar que os mesmos teñan as condicións de seguridade, salubriedade, medioambientais e calquera outras esixidas polas normas reguladoras das autorizacións e licenzas de instalación e apertura ou funcionamento, ao abeiro das facultades de intervención administrativa establecidas no art. 84 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
2.- Aos efectos deste tributo, considéranse suxeitos os supostos nos que resulte obrigatoria a solicitude e obtención de licenza de apertura ou actividade, ou a realización da actividade de verificación do cumprimento dos requisitos establecidos na normativa sectorial cando se trate de actividades non suxeitas a autorización ou control previo, senón a comunicación previa ou declaración responsable, como, entre outros, os seguintes:
a) A primeira instalación dun establecemento ou actividad industrial, comercial, profesional ou de servizos, de espectáculos públicos ou recreativas.
b) A ampliación de superficie de establecementos con licenza de apertura.
c) A ampliación de actividade en establecementos con licenza de apertura.
d) A ampliación de actividade con ampliación de superficie en establecementos con licenza de apertura.
e) A reforma de establecementos con licenza de apertura, sen cambio de uso.
f) A reapertura de establecemento ou local, por reiniciar a mesma o titular que obtivo a licenza no seu día, se a licenza non tivese caducado.
g) Estarán suxeitas á taxa tamén a apertura de pequenos establecementos, as autorizacións temporais de actividade ou apertura para locais ou actividades con ocasión de festas da vila, os que se habiliten para a celebración de festas especiais, os destinados a feiras de mostras, rastros, postos ou análogos.
h) A posta en coñecemento da administración de calquera modificación dunha actividade que xa realizou a preceptiva declaración responsable, comunicación previa ou precisou licenza de apertura.
i) O cambio de titular nas actividades nas que xa se realizou a preceptiva declaración responsable ou comunicación previa, tendo tal consideración a posta en coñecemento da administración do devandito cambio por persoa distinta para seguir exercéndoa nun establecemento sempre que tanto a propia actividade, o establecemento donde se desenvolve e as súas instalacións non tiveran sofrido modificacións respecto á desenvolvida polo anterior responsable e consonte á súa declaración, salvo as que expresamente se impoñan por precepto legal.
3.- Entenderase por establecemento toda edificación, instalación ou recinto cuberto, ou ao aire libre, estea ou non aberto ao público, ou que sexa complemento ou accesorio doutro establecemento, ou actividade principal, destinado habitual ou temporalmente ao exercicio de actividades económicas.
ARTIGO 3º.- SUXEITOS PASIVOS.
Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, e entidades do art. 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, titulares da actividade que se pretenda desenvolver ou que de feito desenvolvan, en calquera local ou establecemento, cuxa comprobación orixine a retribución da presente taxa, xa sexa previa solicitude de licenza, ou, no seu caso, previa comunicación ou declaración responsable.
ARTIGO 4º.- RESPONSABLES.
En materia de responsabilidade aplicarase, consonte ao previsto no art. 12 do R.D.L. 2/2004, o establecido nos artigos 41 a 43 da Lei 58/2003, xeral tributaria, e no R.D. 939/2005.
ARTIGO 5º.- DEIVINDICACIÓN.
1.- A obriga de contribuir nacerá no momento de se iniciar a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. A estes efectos, entenderase iniciada a devandita actividade:
a) Nos casos suxeitos a licenza municipal, na data de presentación da solicitude, de se presentar a mesma, ou ben, no caso de se iniciar a actividade sen a previa presentación da solicitude, na data de se iniciar a actividade administrativa municipal para determinar se o establecemento reúne as condicións esixibles pola normativa vixente que lle resulte de aplicación.
b) Nos supostos suxeitos a mera comunicación previa ou declaración responsable, no momento no que se inicien os labores de comprobación administrativa para determinar se o establecemento cumple ou non os requisitos esixidos pola normativa vixente que lle resulte de aplicación, entendéndose que tales labores se teñen iniciado cando se emita o informe técnico ou a acta de comprobación da verificación do cumprimento dos requisitos establecidos na normativa sectorial que resulte de aplicación.
2.- A denegación da licenza nos supostos nos que sexa esixible non afectará á obriga de contribuir, dado que o feito impoñible se ten realizado igualmente. Do mesmo xeito, nos supostos sometidos a comunicación previa ou declaración responsable, o feito de que, realizada a preceptiva comprobación administrativa, se deba ordear o peche da actividade, a obriga de contribuir existirá igualmente, por se ter realizado o feito impoñible.
3.- No caso de desistimento ou renuncia do interesado en supostos suxeitos a previa licenza, estarase ás seguintes regras:
a) Se se presentase antes de que se teña realizado ningunha tarefa técnica de comprobación, senón tan só as tarefas administrativas básicas de inicio e instrucción do expediente, procederá a liquidación de tan só o 10 % da contía da cota tributaria da taxa, en concepto de custes xa xerados pola tramitación. Se xa se tivese ingresado, procederá a devolución da mesma, que deberá ser solicitada polo interesado no mesmo escrito de desistimento, indicando a conta corrente -cos seus 20 díxitos identificativos- á que realizar a transferencia do importe abonado.
b) Se se realizase antes de ter efectuado trámite algún, agás o rexistro de entrada da documentación, non procederá esixir a taxa, polo que, se xa se tivese ingresado, procederá a devolución da mesma, que deberá ser solicitada polo interesado no mesmo escrito de desistimento, indicando a conta corrente -cos seus 20 díxitos identificativos- á que realizar a transferencia do importe abonado.
4.- No caso de que, presentada comunicación previa ou declaración responsable, o interesado non chegase a iniciar a súa actividade, deberá poñer en coñecemento do Concello, por escrito presentado ao efecto no Rexistro Xeral, o seu desistimento. Para determinar a retribución do tributo estarase ás regras sinaladas no parágrafo anterior, en función do momento da presentación do escrito antedito.
ARTIGO 6º. COTAS TRIBUTARIAS: TARIFAS.
As cotas tributarias determinaranse dacordo coas seguintes tarifas en función do tipo de procedemento de cuxa tramitación se trate:
a) Tramitación de expedientes suxeitos a comunicación previa sen obras -cambios de titularidade-: 90,00 €
b) Tramitación de expedientes suxeitos a comunicación previa con obras menores -precisen estas licenza ou non-, ou maiores: 201,54 €
c) Tramitación de expedientes suxeitos a declaración responsable -sexa con ou sen obras menores ou maiores-: 201,54 €
d) Tramitación de expedientes sobre licenzas de apertura que non precisen trámite de incidencia ambiental: 370,00 €
e) Tramitación de expedientes sobre licenzas de apertura que precisen trámite de incidencia ambiental: 440,00 €
f) Realización de visitas adicionais de comprobación -por cada unha delas-: 90,00 €
ARTIGO 7º. - BENEFICIOS FISCAIS.
Dacordo co establecido no art. 9.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, non se recoñece exención ou bonificación algunha, agás que se encontre expresamente prevista en normas con rango de Lei ou se derive da aplicación de Tratados internacionais válidamente ratificados polo Reino de España.
ARTIGO 8º.- NORMAS DE XESTIÓN.
1.- A liquidación das taxas realizarase seguindo as seguintes normas:
a) Nos supostos suxeitos a previa licenza, o interesado deberá presentar o xustificante de pagamento da autoliquidación da débeda polo importe que sexa aplicable segundo o art. 6 desta Ordenanza, xunto coa solicitude da licenza. De non se presentar o documento xustificativo do pagamento da autoliquidación, non se procederá á tramitación da solicitude.
b) Nos supostos de mera comunicación ou declaración responsable, o interesado deberá presentar, xunto coa mesma, xustificante de pagamento da autoliquidación do importe da taxa segundo a tarifa que corresponda á vista do art. 6 desta Ordenanza. De non ser así, a Administración practicará a liquidación unha vez rematados os labores de comprobación administrativa, pola vía de constriximento.
c) Nos supostos de que, atopándose sometida a actividade ao réxime de comunicación previa ou declaración responsable, sexa precisa máis dunha visita de comprobación, ou máis do informe técnico ordinario no expediente, por non se axustar a mesma á normativa esixible, a Administración practicará unha nova liquidación administrativa polos custes engadidos de tramitación relativos ás visitas de comprobación posteriores orixinadas pola existencia de vicios que requiran subsanación logo da primeira fase de comprobación, consonte ao establecido no apartado f) do art. 6, notificándolla ao interesado.
d) Nos supostos de comunicación de cambios de titularidade, deberase presentar, xunto coa solicitude ou comunicación, xustificante do pagamento da autoliquidación da taxa correspondente.
2.- Cando a Administración Tributaria local teña coñecemento da producción dunha alta no Imposto sobre Actividades Económicas nunha actividade que estea suxeita a licenza, comunicación ou declaración responsable, sen terse producido a solicitude, declaración responsable ou comunicación ao Concello, procederá de oficio ao inicio, de xeito automático, do correspondente procedemento de comprobación tributaria -sexa de xestión ou de inspección-, que será simultáneo ao expediente que se tramite para a verificación do cumprimento das condicións que a normativa sectorial aplicable esixa para o establecemento.
3.- Nos supostos nos que a apertura de negocios ou o inicio das actividades requiran a realización de obras, estarase ao previsto na Ordenanza Fiscal nº 4, reguladora do Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras, no relativo ao tributo polo custe de execución material da obra que conleve a actividade, de habela, e na Ordenanza Fiscal nº 7, reguladora da prestación de servicios administrativos de intervención na realización de obras deste Concello, no relativo ás taxas pola tramitación administrativa da licenza urbanística.
ARTIGO 9º.- RECADACIÓN.
1.- Os modelos oficiais de autoliquidación serán aprobados por resolución da Alcaldía. Os interesados poderán solicitar a colaboración das unidades administrativas do Concello para a súa cumprimentación.
2.- Nos supostos de liquidación practicada pola Administración Tributaria municipal, unha vez practicada e aprobada, notificarase consonte ao previsto no art. 102 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e o seu ingreso deberá efectuarse nos prazos sinalados no art. 62.2 da mesma Lei para as débedas liquidadas pola Administración e notificadas directamente aos suxeitos pasivos.
3.- As débedas non ingresadas no período voluntario, serán esixibles pola vía de constriximento. A tal efecto, entenderase que a presentación dunha solicitude de licenza de apertura, comunicación previa ou declaración responsable sen terse efectuado a presentación e o ingreso da autoliquidación correspondente á taxa pola tramitación do expediente, cando ésta resulte esixida segundo as normas do artigo anterior, orixinará o inicio do período executivo, consonte ao previsto no art. 28 e 161 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, salvo que sexan aplicables os recargos do art. 27 da mesma Lei por se presentar o xustificante de pagamento da autoliquidación antes de que se reciba comunicación formal do inicio do período executivo.
4.- Nos supostos de licenzas de apertura nos que, ao tempo de se presentaren as solicitudes, non se acompañara o xustificante do pagamento da autoliquidación correspondente, non se procederá á continuación do expediente até que se xustifique o pagamento das taxas, sen prexuízo do exposto no parágrafo anterior.
ARTIGO 10º.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
En materia de infraccións e sancións, estarase ao establecido nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, xeral tributaria, e na normativa que a desenvolva.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA.
Esta Ordenanza, que derroga a anterior versión vixente da Ordenanza Fiscal nº 9, que regulaba a taxa por licencias urbanísticas, na modalidade de outorgamento de licencias de apertura de establecementos, unha vez sexa aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación, entrará en vigor ao día seguinte ao da publicación do anuncio da súa aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.