Padrón - ORDENANZA XERAL DE CIRCULACIÓN E USO DA VÍA PÚBLICA

Publicación provisional: 19/11/2004 BOP Nº: 267
Publicación definitiva: 19/11/2004 BOP Nº: 267
Aplicable dende: 19/11/2004

ÍNDICE

Título preliminar.

Título I. Da circulación urbana.

Capítulo I. Normas xerais.

Capítulo II. Sinalización.

Capítulo III. Clasificación das vías urbanas.

Capítulo IV. Circulación.

Capítulo V. Parada e estacionamento.

Capítulo VI. Carga e descarga.

Capítulo VII. Transporte de viaxeiros.

Capítulo VIII. Autorizacións administrativas.

Título II. Das actividades e ocupacións da vía pública.

Sección 1ª.- Normas xerais.

Sección 2ª.- Andamios.

Sección 3ª.- Casetas e colectores.

Sección 4ª.- Mesas, sillas e terrazas.

Sección 5ª.- Toldos.

Sección 6ª.- Máquinas expendedoras.

Sección 7ª.- Cabinas telefónicas.

Sección 8ª.- Actuacións artísticas.

Título III. Das licencias para entrada e saída de vehículos (vados)

Título IV. Das obras na vía pública.

TÍTULO PRELIMINAR. OBXECTO DA ORDENACIÓN E ÁMBITO DE APLICACIÓN.

Artigo 1. -

O Concello de PADRÓN acorda aprobar a presente Ordenanza municipal da vía pública en virtude das facultades que sobre tráfico urbano lle confiren a Lei de bases do réxime local, artigo 25-2b, a Lei de bases do tráfico e seguridade vial, o Real decreto lexislativo 339/90 do 2 de marzo sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, artigos 7, 38-4 e 68-2, modificado pola Lei 5/97, do 24 de marzo e pola Lei 19/2001 do 19 de decembro, e o Real decreto lei 12/97, do 1 de agosto e especialmente as competencias referidas a:

1.- Ordenación e control do tráfico en vías urbanas, así como a súa vixilancia por medio de axentes propios, a denuncia das infraccións que se cometan e a sanción das mesmas, cando non estean expresamente atribuídas a outra administración.

2.- Regulación dos usos das vías urbanas, incluído o réxime de parada e estacionamento, facendo compatible a equitativa distribución dos aparcamentos entre todos os usuarios, coa necesaria fluidez do tráfico rodado e co uso peonil das rúas.

3.- Retirada dos vehículos das vías urbanas e o seu posterior depósito, cando obstaculicen ou dificulten a circulación, supoñan un perigo para esta, entorpezan o réxime de parada e estacionamento ou xeren contaminación acústica de acordo co establecido na presente Ordenanza e na Ordenanza xeral municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións e condicións dos locais.

4.- Inmobilización dos vehículos, nas circunstancias e condicións previstos na lexislación vixente.

5.-Autorización de probas deportivas cando discorran polo casco urbano.

6.- Realización de probas establecidas regulamentariamente para determinar o grao de intoxicación alcólica, estupefacientes, por substancias psicotrópicas ou estimulantes, dos conductores que circulen polas vías públicas urbanas.

7.- O peche das vías urbanas cando resulte necesario.

Artigo 2.-

Esta Ordenanza ten por obxecto regular o uso do dominio público municipal e, especificamente, das vías, prestando unha especial atención á circulación en vías urbanas do termo municipal de Padrón e obriga ós titulares e usuarios das vías e terreos urbanos aptos para a circulación, tanto públicos como privados, ós das vías e terreos que, sen ter tal aptitude, sexan de uso común e, a falta doutras normas, ós titulares das vías e terreos, tamén urbanos, que sexan utilizados por unha colectividade indeterminada de usuarios.

Corresponde á autoridade municipal a ordenación do estacionamento e a circulación nas vías urbanas de uso público independentemente da súa titularidade, pública ou privada.

Artigo 3.-

Para os efectos da presente Ordenanza, considérase vía urbana, toda vía pública comprendida dentro da zona urbana da poboación, entendéndose por tal a delimitación establecida polo Plan xeral de ordenación urbana.

Artigo 4.-

Subsidiariamente, naquelas materias non regulamentadas expresamente nesta Ordenanza ou, de ser o caso, nos seus anexos, aplicarase a Lei de tráfico e seguridade vial, o Regulamento xeral de circulación e demais normas de carácter xeral.

Artigo 5.-

Para os efectos desta Ordenanza e das demais normas complementarias, utilízanse os conceptos básicos sobre vías públicas, vehículos, sinais e usuarios indicados no anexo de Lei de tráfico e seguridade vial ademais dos contidos no Regulamento xeral de circulación.

Artigo 6.-

Corresponde á Policía Local ordenar, sinalizar e dirixir o tráfico no casco urbano, de acordo co establecido no artigo 53 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade. A Policía Local será tamén administrativa no relativo ás ordenanzas, bandos e disposicións municipais dentro do ámbito da súa competencia.

Así mesmo, será da súa competencia formular as denuncias que procedan polas infraccións que se cometan contra o disposto nesta Ordenanza, na Lei de seguridade vial, no Regulamento xeral de circulación e nas demais disposicións complementarias.

TÍTULO I: DA CIRCULACIÓN URBANA

CAPÍTULO I: NORMAS XERAIS

Artigo 7.-

Os/as usuarios/as das vías están obrigados a comportarse de xeito que non entorpezan indebidamente a circulación nin causen perigo, prexuizos ou molestias innecesarias ás persoas ou danos ós bens.

Artigo 8.-

A realización de obras ou instalacións nas vías obxecto de esta ordenanza necesitará a previa licencia municipal e se rexerán polo disposto nesta norma e nas leis de aplicación xeral.

Artigo 9.-

Prohíbese botar, depositar ou abandonar sobre a vía obxectos que poidan entorpecer a libre circulación, parada ou estacionamento ou facelos perigosos ou deteriorar aquela ou as súas instalacións ou producir na mesma ou nas súas inmediacións efectos que modifiquen as condicións apropiadas para circular, parar ou estacionar.

Artigo 10.- Sinais acústicas e publicidade.

Prohíbese o uso de megafonía e de sinais acústicas non sendo para os vehículos da policía, bombeiros e outros dedicados ó servicio de emerxencia.

Soamente será xustificado o emprego instantáneo de avisadores acústicos nos casos excepcionais de perigo inmediato de accidente que non se poidan evitar por outros sistemas.Excepcionalmente O Alcalde poderá autorizar, previa solicitude, o uso de megafonía.

Está igualmente prohibida a publicidade permanente estática nas beirarrúas e inmediacións das vías públicas. Tamén se prohibe a implantación de árbores, farolas, mobiliario urbán, paredes, valos e elementos que afecten ó uso das vías públicas sen a autorización ou licencia municipal correspondente.

CAPÍTULO II.- SINALIZACIÓN

Artigo 11.- Normas xerais sobre sinais.

1.- A sinalización é o conxunto de indicacións composto polas ordes dos axentes da circulación, os sinais circunstanciais que modifican o réxime normal de utilización da vía, os semáforos, os sinais verticais de circulación e as marcas viais, destinadas ós usuarios da vía e que teñen por misión advertir e informalos, ordenar ou regulamentar o seu comportamento coa necesaria antelación ou advertir de determinadas circunstancias da vía ou da circulación.

As características da dita sinalización son as especificadas nos títulos IV e V do Regulamento xeral de circulación.

2.- Salvo circunstancias especiais que o xustifiquen, os usuarios deben obedecer as prescricións indicadas polos sinais, aínda cando parezan estar en contradicción coas normas de comportamento de circulación.

Artigo 12.- Prioridade entre sinais.

1.- A orde de prioridade entre os distintos tipos de sinais de circulación é a seguinte:

1.-.- Sinais e ordes dos axentes de circulación

2.-.- Sinalización circunstancial que modifique o réxime normal de utilización da vía.

3.-.- Semáforos

4.-.- Sinais verticais de circulación

5.-.- Marcas viais.

2.- En caso de que as prescricións indicadas por diferentes sinais parezan estar en contradicción entre si, prevalecerá o prioritario, segundo a orde a que se refire o apartado anterior, ou o máis restrictivo, se se trata de sinais do mesmo tipo.

Artigo 13.- Mantemento dos sinais e sinais circunstanciais.

1.- Corresponde ó titular da vía a responsabilidade do mantemento dos sinais e marcas viais nas mellores condicións posibles e da seguridade para a circulación e da instalación. Tamén corresponde ó titular da vía conceder as autorizacións precisas para instalar nela outros sinais de circulación. En casos excepcionais, os axentes da autoridade poderán instalar outros sinais, de carácter circunstancial, sen autorización previa e polo menor tempo posible.

2.- A autoridade encargada de regular o tráfico será responsable da sinalización de carácter circunstancial en razón das continxencias que poidan producirse no propio tráfico e da sinalización variable necesaria para o seu control, de acordo coa lexislación de estradas.

3.- A responsabilidade de sinalizar as obras que se realicen nas vías obxecto desta Ordenanza corresponde ós organismos que as realicen ou ás empresas adxudicatarias, de acordo co que regulamentariamente se determine. Os usuarios da vía están obrigados a seguir as indicacións do persoal destinado á regulación do tráfico nas obras.

Artigo 14.- Retirada, substitución e alteración dos sinais.

1.- O titular da vía ou, de ser o caso, a autoridade encargada de regular o tráfico ordenará a inmediata retirada ou a substitución polos acaídos dos sinais antirregulamentarias, dos que perderan o seu obxecto e dos que non cumpran por causa do seu deterioro.

2.- Salvo por causa xustificada, ninguén debe instalar, retirar, trasladar, ocultar ou modificar a sinalización dunha vía sen permiso do titular da mesma ou, de ser o caso, da autoridade encargada da regulación do tráfico ou da responsabilidade das instalacións.

3.- Prohíbese modificar o contido das sinais ou colocar sobre elas ou nas súas inmediacións placas, carteis, e outros obxectos que poidan inducir a confusión, reducir a súa visibilidade ou a súa eficacia, cegar ós usuarios da vía ou distraer a súa atención.

Artigo 15.- Sinalización

1.- A sinalización de balizamentos, prohibicións, perigos, restriccións ou obrigas referidas a vehículos e peóns que circulen polas rúas da cidade farase empregando os sinais que se determinan no Regulamento xeral de circulación coas modificacións posteriores en vigor.

2.- Non será preciso sinalizar os seguintes casos:

a) Cando as prohibicións, restriccións ou obrigas sexan absolutas en toda a poboación e se dispoñan os sinais correspondentes nos accesos á cidade.

b) No caso de autorización sen limitación de tempo.

3.- Os sinais de circulación poderán instalarse en postes axeitados, en apoios comúns a outros servicios ou nas fachadas das edificacións. Os propietarios destas edificacións quedan obrigados a permitir a súa colocación.

4.- Prohíbese que os particulares coloquen sinais de circulación nas fachadas dos edificios sen a correspondente licencia municipal.

CAPÍTULO III. CLASIFICACIÓN DAS VÍAS URBANAS.

Artigo 16.-

Atendendo ó seu uso, función, capacidade e á ordenación da circulación, as vías urbanas do municipio de Padrón clasifícanse en:

- Vías de uso peonil.

- Vías de circulación prohibida

- Vías de circulación restrinxida con subxección a horario

- Vías de circulación con limitación para vehículos con peso determinado.

- Vías de libre circulación.

Artigo 17.- Vías de uso peonil.

Con carácter xeral, nas rúas do casco histórico, prevalecerán os usos peonís e a protección do patrimonio sobre a súa utilización como vías de circulación e estacionamento de vehículos: Neste sentido defínese como peonil o recinto situado no interior do circuíto formado polas rúas do casco histórico.

Artigo 18.- Vías de circulación prohibida.

1.Son as rúas ou prazas que non permiten o paso de vehículos polo seu ancho ou por razóns históricas, artísticas ou de seguridade, ou fano incompatible pola intensidade do tránsito de peóns. Son as seguintes:

Xeral Franco

Praza Macías

Tahona

Tetuán

Praza Baltar

Rúa Nova

Vidal Cepeda

Ruiz Pons

Balsa da Vega

Travesía Herreros

Travesía Fondo de Vila

Pérsico

Prazuela de Traviesas

Prazuela Herreros

Juan Rodríguez

Alonso de la Peña

Sol

Limoneros

Poulo

Travesía Higueras

Higueras

Praza Fondo de vila os domingos en horario de 6 a 15 para instalación de postos de mercado.

2.- As persoas que por razón de enfermidade ou minusvalía física e os vehículos que precisen achegarse a estas áreas fóra do horario ou en condicións diferentes das establecidas,deberán avisar á Policía local.

Artigo 19.- Vías de circulación restrinxida con subxección a horario.

1.- Son as rúas nas que por razóns de seguridade ou de carácter histórico-artístico se debe compaxinar a circulación de vehículos co tránsito de peóns e co servicio de comercios e vivendas. Nelas permítese a circulación soamente en determinados períodos do día.

2.- Prohíbese a circulación de vehículos todos os días entre as 24.00 e as 8.00 horas e entre as 11.00 e as 24.00 horas polas seguintes rúas, que se rexerán polo disposto para carga e descarga (de 8:00 a 11:00)

Calvo Sotelo (dende B. Pastor)

C. J. Cela

Herreros

Fondo de Vila

Rosalía de Castro

Dolores

Murgadán

Corredera de la Barca

Sto. Domingo

3.- As persoas que por razón de enfermidade ou minusvalía física e os vehículos que precisen achegarse a estas áreas fóra do horario ou en condicións diferentes das establecidas,deberán avisar á Policía local.

4.- As anteriores prohibicións non atinxen ás ambulancias, taxis, coches de bombeiros e da policía, en acto de servicio, e vehículos autorizados.

Artigo 20.- Vías con limitación para a circulación de vehículos con peso determinado.

1. Prohíbese a circulación de vehículos cun peso máximo autorizado superior a 3.500 quilogramos polo interior do casco urbano coas salvidades do disposto na normativa sobre carga e descarga e do circuíto formado polas seguintes rúas:

-Plaza Camilo Jose Cela

-Herreros

-Calvo Sotelo

-Rosalía de Castro

-Dolores

2.- Prohíbese adicionalmente a circulación de vehículos cun peso máximo autorizado superior a 3.500 quilogramos polo interior dos recintos que cinguen as seguintes rúas:

-Plaza Rodriguez Cobián

-Murgadán

-Corredera de la Barca

-Sto. Domingo

3.-As anteriores prohibicións non atinxen ós vehículos de bombeiros, do servicio municipal de recollida do lixo, de transporte urbano e de servicio público con autorización expresa expedida polo departamento municipal de Tráfico.

Artigo. 21.-

1.- Sen prexuizo das competencias que a lexislación vixente recoñece a Alcaldía, tanto a clasificación das vías urbáns como das rúas que se inclúen en cada un dos grupos e os diferentes horarios a que se refiren os artigos 17, 18, 19, 20, 21 e 22, nos seus distintos epígrafes, poderán ser modificadas por decisión da Xunta de goberno local, dando conta ó Pleno. Caso de urxencia poderase facer por medio dun bando ou resolución da Alcaldía.

2.- Cando as razóns de seguridade ou fluidez do tráfico así o requiran a Policía Local poderán adoptar, con carácter transitorio, as seguintes medidas:

. Establecemento doutro sentido de circulación

. Prohibición total ou parcial do acceso a partes da vía, ben con carácter xeral ou para determinados vehículos ou usuarios.

. Obrigatoriedade de seguir itinerarios concretos.

. Utilización de beiravías ou carrís en sentido oposto ó normalmente previsto.

. Restriccións ou limitacións a determinados vehículos e para vías concretas, de cumprimento obrigatorio para os usuarios afectados.

CAPÍTULO IV.- CIRCULACIÓN

Artigo 22.- Velocidade

1.- A velocidade máxima fíxase con carácter xeral e todo conductor está obrigado a respectar os limites establecidos e a ter en conta, ademais, as súas propias condicións físicas e psíquicas, as características e o estado da vía, do vehículo e da súa carga, as condicións meteorolóxicas, ambientais e de circulación e, en xeral, cantas circunstancias concorran en cada momento, co fin de adaptar a elas a velocidade do vehículo e de maneira que sempre poida detelo dentro dos límites do seu campo de visión ante calquera obstáculo.

2.- Casco urbano

A velocidade máxima a que poden circular os vehículos dentro da cidade é de 50 quilómetros por hora, agás nas zonas peonís que será de 10 quilómetros hora, e nas vías sinalizadas con limitación especifica, que será a que figure nos correspondentes sinais.

3.- Extrarradio

Nas vías públicas municipais fóra do núcleo urbano, a velocidade máxima para todos os vehículos é de 60 quilómetros á hora.

Estas velocidades poderán ser limitadas por baixo dos valores anteriores cando así o aconsellen circunstancias de seguridade mediante sinalización regulamentaria.

Artigo 23.- Peóns.

1.- Os peóns transitarán polas beirarrúas, paseos e andéns a eles destinados. Excepcionalmente poderán circular pola calzada, sempre que adopten as debidas precaucións e non produzan perturbación grave na circulación, nos supostos seguintes:

a) Cando leven obxectos voluminosos que poidan constituír, se circulan pola beirarrúa, un estorbo de importancia para os demais peóns.

b) Os grupos de peóns dirixidos por unha persoa ou que formen un cortexo.

c) Os inválidos que se despracen nunha silla de rodas.

2.- Os que utilicen monopatíns, patíns ou aparatos similares non poderán circular pola calzada, só poderán circular a paso de persoa polas beirarrúas ou polas rúas residenciais debidamente sinalizadas. En ningún caso se permite que sexan arrastrados por outros vehículos.

3.- En ningún caso os vehículos poderán circular polas beirarrúas nin polas demais zonas peonís, agás no suposto de usos compartidos con bicicletas que estean debidamente sinalizados.

4.- Cando non existan zonas para destinadas ós peóns circularán pola esquerda da calzada, con prudencia, sen entorpecer innecesariamente a circulación, polo lugar máis afastado do seu centro e marchando uns detrás doutros salvo en caso de que formen un cortexo ou cando se trate de impedidos que se despracen en silla de rodas, que deberán circular pola dereita e obedecer os sinais dirixidos ós conductores de vehículos no que lles sexan aplicables.

5.- En zonas onde existen pasos para peóns, os que se dispoñan a atravesar a calzada deberán facelo precisamente por eles, sen cruzar polas proximidades. Cando os pasos sexan a nivel observaranse, ademais, as regras seguintes:

a) Nos pasos regulados por semáforos deberán obedecer as indicacións das luces, non penetrando no paso ata que o sinal dirixida a eles llo autorice.

b) Nos pasos regulados por axentes deberán, en todo caso, obedecer as súas indicacións.

c) Nos restantes pasos para peóns sinalizados mediante a correspondente marca vial, aínda con preferencia, só deben penetrar na calzada cando a distancia e a velocidade dos vehículos que se aproximen permitan facelo con seguridade.

6.- Cando non exista paso para peóns sinalizado nun radio de acción de 50 metros, o cruce efectuarase polas esquinas e en dirección perpendicular ó eixe da vía. Antes de iniciarse o cruce deberán asegurarse de que poden facelo sen risco e sen entorpecer indebidamente.

Artigo 24.- Animais.

1. Prohíbese a circulación de animais de tiro, carga ou sela, cabezas de gando illadas ou en rabaño, en todo o casco urbano, agás autorización puntual por razóns turísticas, relixiosas ou culturais.

2. Igualmente prohíbese a circulación de vehículos de tracción animal polas vías urbanas sen autorización municipal previa.

3. No referente ós demais usos e comportamento de animais na vía pública estarase ó establecido na ordenanza correspondente.

Artigo 25.- Bicicletas

1. Os conductores de bicicletas axustarase ás mesmas normas que regulan a circulación dos demais vehículos. O ciclista só terá a consideración de peón cando circule a pé.

2. Nos espacios de uso compartido por peóns e bicicletas, a velocidade destas deberá axustarse á dos peóns, que sempre terán prioridade en caso de conflicto.

3. Cando exista unha vía de uso exclusivo para bicicletas deberá estar expresamente sinalizada. Nestas vías as bicicletas terán prioridade sobre os peóns e sobre os demais vehículos, debendo utilizala obrigatoriamente sen invadir o resto da calzada.

4. En horario nocturno, só poderán circular por vías iluminadas, con luces de posición e con algún elemento reflectante na bicicleta ou ca indumentaria do ciclista.

5. Se permite o uso de bicicletas no Paseo do Espolón a menores de 14 anos.

6. Se crea o Rexistro de bicicletas de Padrón, regulamentariamente se regulará seu funcionamento e contido.

Artigo 26.- Vehículos en servicios de urxencia.

1.- Terán prioridade de paso sobre os demais vehículos e outros usuarios da vía, os vehículos de servicio de urxencia, públicos ou privados, cando se atopen en servicio de tal carácter, procedendo, neste caso, que utilicen os sinais ópticos ou acústicos para que o resto dos usuarios da vía recoñezan tal circunstancia.

Poderán circular por encima dos límites de velocidade establecidos e estarán exentos de cumprir outras normas ou sinais, agás as dos axentes. Deben garantir, en todo caso, a seguridade dos usuarios da vía baixo a súa exclusiva responsabilidade.

2.- En circunstancias especiais en que non se poida recorrer a outros medios, o conductor dun vehículo non prioritario poderá realizar os servicios de urxencia sempre que advirta ós demais usuarios da vía a especial situación, utilizando para iso o avisador acústico en forma intermitente e conectando a luz de urxencia, se dispuxese dela, ou movendo un pano ou procedemento similar.

En calquera momento, os axentes da autoridade poderán esixir a xustificación de tal servicio e deberán denunciar as infraccións detectadas.

Artigo 27. Supostos especiais do sentido da circulación.

1.- Cando as razóns de seguridade ou fluidez da circulación o aconsellen, a autoridade municipal poderá ordenar outro sentido de circulación; prohibir total ou parcialmente o acceso a partes da vía, con carácter xeral ou para determinados vehículos ou usuarios; pechar determinadas vías; dispor o seguimento obrigatorio de itinerarios concretos; ou autorizar a circulación por beiravías ou carrís en sentido oposto ó normalmente previsto.

2.- Para non entorpecer a circulación e garantir a súa fluidez, poderanse impoñer restriccións ou limitacións a determinados vehículos ou para vías concretas, que serán obrigatorias para os usuarios afectados.

CAPÍTULO V: PARADA E ESTACIONAMENTO

Artigo 28.- Normas xerais de paradas e estacionamentos.

1.- Para os efectos da presente ordenanza entendese por:

a) Detención, a inmobilización dun vehículo por emerxencia, necesidades da circulación ou cumprimento dalgún precepto regulamentario.

b) Parada, toda inmobilización dun vehículo por un tempo inferior a dous minutos para subir ou baixar persoas ou cargar ou descargar obxectos.

c) Estacionamento, a inmobilización dun vehículo que non se encontra en situación de detención ou parada.

Artigo 29.-Parada

1. Enténdese por parada toda detención dun vehículo con obxecto de tomar ou deixar persoas ou de cargar ou descargar mercancías durante un tempo que non exceda de dous minutos e sen que o conductor abandone o vehículo. Non se considerará parada a detención accidental e momentánea por necesidade da circulación.

2. A parada deberá efectuarse de tal maneira que o vehículo non obstaculice a circulación nin constitúa un risco para o resto dos usuarios da vía coidando especialmente a colocación do mesmo.

En todo caso, a parada terá que facerse achegando o coche á beirarrúa da dereita segundo o sentido da marcha, aínda que en vías dun só sentido de circulación tamén se poderá facer á esquerda. Os pasaxeiros terán que baixar polo lado correspondente á beirarrúa. O conductor, se ten que baixar, poderá facelo polo outro lado, sempre que previamente se asegure que o pode facer sen ningún tipo de perigo.

3.- En todas as zonas e vías públicas, a parada efectuarase nos puntos onde menos dificultades se ocasionen á circulación. Nas rúas con chafrán, farase xustamente no chafrán, sen sobresaír da aliñación dos bordos. Exceptúanse os casos en que os pasaxeiros sexan enfermos ou impedidos, ou se trate de servicios públicos de urxencia ou de camións do servicio de limpeza ou recollida de lixo.

Nas rúas urbanizadas sen beirarrúa deixarase unha distancia mínima dun metro desde a fachada máis próxima.

4.- Os auto-taxis e vehículos de gran turismo pararán na forma e lugares que se delimiten e, de non os haber, con suxeición estricta ás normas que con carácter xeral se establecen na presente Ordenanza para as paradas.

5.- Os autobuses de liñas interurbanas, unicamente poderán deixar e tomar viaxeiros nas paradas expresamente determinadas ou sinalizadas pola autoridade municipal.

6.- A autoridade municipal poderá requirir ós titulares de centros docentes con servicio de transporte escolar para que propoñan itinerarios para a recollida dos alumnos. Unha vez aprobados, a dita autoridade poderá fixar paradas dentro de cada ruta quedando prohibida a recollida de alumnos fóra delas.

Artigo 30.- Prohibición de parada.

Prohíbense as paradas nos casos e lugares seguintes:

1.- Nos lugares prohibidos que estean sinalizados regulamentariamente.

2.- Cando produzan obstrucción ou perturbación grave na circulación de vehículos ou peóns.

3.- En dobre fila.

4.- Sobre os refuxios, illas, medianas, zonas de protección e demais elementos canalizadores do tráfico.

5.- Cando se obstaculice a utilización normal dunha entrada ou saída de vehículos e persoas. Así como cando o vao teña o correspondente sinal.

6.- Sobre as beirarrúas, paseos e demais zonas destinadas ó paso de peóns.

7.- En interseccións e as súas proximidades, agás que a parada se poida realizar en chafráns ou fóra destes sen constituír obstáculo ou causar perigo para a circulación.

8.- Nas pontes, pasos a nivel, túneles e debaixo dos pasos elevados, agás sinalización en contra.

9.- Nos lugares onde a detención impida a visión de sinais de tráfico ós conductores a que estas vaian dirixidas.

10.- Na proximidade de curvas ou cambios de rasante cando a visibilidade sexa insuficiente para que os demais vehículos poidan rebasar sen perigo ó que estea detido.

11.- Nas paradas debidamente sinalizadas para vehículos de servicio público, organismos oficiais e servicios de urxencia.

12.- Nos carrís reservados á circulación ou ó servicio de determinados usuarios como autobuses de transporte público de pasaxeiros ou taxis.

13.- Nos rebaixes da beirarrúa para o paso de diminuídos físicos.

14.- Nos pasos ou carrís reservados exclusivamente para o uso de ciclistas.

15.- Nas vías públicas declaradas de atención preferente por bando da Alcaldía, agás que a parada se poida realizar nos chafráns.

Artigo 31.- Estacionamentos.

1- Enténdese por estacionamento toda inmobilización dun vehículo cando non se encontre en situación de detención ou parada, sempre que non estea motivada por imperativo da circulación ou polo cumprimento de calquera requisito regulamentario.

2.- O estacionamento deberá efectuarse de tal xeito que o vehículo non obstaculice a circulación nin constitúa un risco para o resto dos usuarios da vía coidando especialmente a colocación do mesmo e evitando que poida poñerse en movemento en ausencia do conductor.

Para tal obxecto, os conductores terán que tomar as precaucións axeitadas e suficientes e serán responsables das infraccións que se poidan chegar a producir como consecuencia dun cambio de situación do vehículo ó poñerse en marcha espontaneamente ou pola acción de terceiros, agás que neste último caso existira violencia manifesta.

3.- O estacionamento efectuarase de xeito que permita ós demais usuarios a mellor utilización do restante espacio libre.

4.- Como norma xeral o estacionamento farase sempre en fila. A excepción a esta norma terase que sinalizar expresamente.

Nos estacionamentos con sinalización no pavimento, os vehículos colocaranse dentro do perímetro marcado.

5.- Nas vías de dobre sentido de circulación, estacionarase, cando non estea prohibido, no lado dereito do sentido da marcha.

Nas vías dun único sentido de circulación e sempre que non exista sinal en contra poderase estacionar nos dous lados da calzada sempre que se deixe unha anchura para a circulación non inferior a tres metros.

6.- Os conductores, deberán estacionar os vehículos tan preto do bordo como sexa posible, deixando un espacio non superior a 20 centímetros entre a beirarrúa e a superficie exterior das rodas do vehículo para poder permitir a limpeza desta parte da calzada.

7.- Non se poderán estacionar nas vías públicas os remolques separados do vehículo motor, nin os vehículos de trasporte de mercadorías ou viaxeiros, salvo nos espacios establecidos e sinalizados para esta finalidade.

8.- A autoridade municipal poderá fixar zonas na vía pública para estacionamento ou para utilización como paradas en liña de autobuses de servicio interurbano.

Artigo 32.-

1.- Queda eliminado o aparcamento de vehículos nas rúas incluídas dentro do perímetro peonil, agás os residentes, ou os que acrediten ter en propiedade ou en aluguer unha praza de garaxe, que poderán acceder á zona. Os residentes poderán aparcar o seu vehículo únicamente na Rúa Calvo Sotelo, Praza de Ramón Tojo, Corredera de la Barca e Santo Domingo.

Na Praza de Rodriguez Cobián solo poderase estacionar na franxa delimitada frente ó edificio de Mahia e frente a Correos.

Os que acrediten ter en propiedade ou en aluguer unha praza de garaxe dentro da zona peonil, poderán atravesar a mesma só os efectos de acceder a súa praza de garaxe e nunca para aparcar na vía pública.

2.- Para os efectos deste artigo, os residentes na zona peonil e os propietarios ou arrendatarios de prazas de garaxe situadas na zona peonil, deberán solicitar no departamento de Tráfico a oportuna tarxeta, na que se lles sinalarán os puntos de entrada e saída. Poderán obter a acreditación de residentes permanentes ou de propietarios, ou de arrendatarios de prazas de garaxe, as persoas físicas que reúnan os requisitos que a continuación se sinalan:

a) Que o seu domicilio segundo o padrón municipal de habitantes estea dentro da zona peonil ou sexan propietarios dunha praza de garaxe na zona peonil, ou teñan alugada por contrato unha praza de garaxe na zona peonil. Os propietarios e os arrendatarios destas prazas de garaxe, deberán adxuntar copia da escritura de propiedade da praza, ou copia do contrato de aluguer e do recibo de pago do mesmo, nesta documentación constará a ubicación e número da praza de garaxe.

b) Que acrediten a titularidade do vehículo mediante permiso de circulación e o DNI, dos que deberá presentar orixinal ou copia compulsada e entregar fotocopia.

c) Que acrediten estar ó corrente do pagamento do imposto de vehículos de tracción mecánica no Concello de Padrón.

d) Non ter pendentes de pagamento multas de tráfico por resolución firme deste Concello.

3.- As persoas que por razóns de enfermidade ou minusvalía e outros cidadáns que con motivos xustificados precisen acceder a esta zona fóra do horario ou en condicións diferentes das establecidas, deberán solicitalo no departamento de Tráfico do Concello, que, tras as comprobacións oportunas, poderá autorizalo coas condicións que se sinalen na correspondente tarxeta acreditativa.

Artigo 33.- Réxime de residentes.-

Terán a condición de vehículos residentes por mor de actividade profesional ou comercial os pertencentes a persoas físicas ou xurídicas que exerzan estas actividades na área de aplicación da presente Ordenanza e estean dados de alta por elas o correspondente imposto de actividades económicas (IAE). Deberán reunir os requisitos b, c e d del artigo anterior. Para dar cumprimento ó requisito b, no lugar do DNI, deberán presentar unha fotocopia do código de identificación fiscal.

Os residentes perden tal condición nos sectores da cidade distintos do seu.

Artigo 34.- Tarxetas de residente

1.- Os residentes terán dereito a obter unha tarxeta que os acredite como tales, con vixencia ata o 31 de decembro de cada ano. Con este fin deberán presentar a oportuna instancia no Rexistro Xeral do Concello de Padrón no prazo que se determine para este efecto, debendo acompañar a seguinte documentación:

. Fotocopia do DNI/NIF.

. Fotocopia do contrato de aluguer da praza de garaxe, e recibo do pago do mesmo, en que deberá constar ubicación e número da praza.

. Fotocopia do permiso de circulación.

. Fotocopia do último recibo pagado do seguro do vehículo.

. Fotocopia da ficha da inspección técnica do vehículo.

. Fotocopia do último recibo do imposto de vehículos de tracción mecánica.

2.- Os interesados en obter esta tarxeta deberán estar ó corrente no pagamento do imposto de vehículos de tracción mecánica e non ter pendentes por vía executiva multas de tráfico aprobadas por resolución firme de esta Alcaldía.

3.- Unha vez feitas as debidas comprobacións, os servicios municipais designados para esta función expedirán a tarxeta logo de pagado o prezo público que se establece na correspondente Ordenanza.

Os residentes, dentro do seu sector, deberán levar nun lugar visible do parabrisas a tarxeta do ano en curso, que os habilita para estacionar nas rúas reservadas e sinalizadas para este fin.

O concello reservarase o dereito de esixir calquera outra proba documental ou de realizar de oficio cantas comprobacións considere necesarias para contrastar a veracidade das acreditacións.

4.- Concederase unha única tarxeta por habitante.

5.- O titular da tarxeta é responsable da súa utilización. En caso de perda, poderá obter unha nova logo de presentar unha declaración xurada acreditanto este feito.

6.- No suposto de variación das condicións expresadas na solicitude, como cambio de domicilio ou cambio de vehículo, a persoa interesada deberá solicitar un novo distintivo que emitirá o Concello logo das comprobacións oportunas. O solicitante, neste caso, entregará nas oficinas municipais a tarxeta de aparcamento que obtivera con anterioridade.

7.- Se das comprobacións practicadas resultara que a persoa titular do distintivo do aparcamento realiza un uso fraudulento del ou que os datos presentados para obtelo foran falseados, procederase a retirar o distintivo, sen prexuízo da incoación do expediente sancionador que corresponda. Se das actuacións practicadas se desprenderon indicios de ilícito penal serán remitidas ó órgano competente.

A anulación do distintivo por esta causa non dará dereito a reembolso da cantidade pagada para a súa obtención.

CAPITULO VI: CARGA E DESCARGA.

Artigo 35.- Carga e descarga de formigón e material de obras.

1.- Os labores de carga e descarga de materiais de obra e formigón rexeranse polas seguintes normas:

a) As operacións deberanse realizar no interior do recinto das mesmas.

b) No caso de non ser posible, o titular da licencia de obra deberá solicitar a correspondente reserva de estacionamento e o permiso para ocupar a vía pública.

c) Os conductores dos camións e os responsables das obras deberán coidar de que as rodas dos mesmos estean limpas de lama antes de acceder a vía pública, así como de que a citada vía quede limpa.

2.- Requirirán autorización específica:

a) Operacións realizadas fóra do horario de carga e descarga.

b) Cando polas características da zona se entorpeza a circulación ou o vehículo non estea autorizado a circular.

Artigo 36.- Carga de combustible

A carga de carburantes e combustibles farase nas instalacións establecidas para tal obxecto con suxeición ó Regulamento nacional de transporte de materias perigosas por estrada (Real decreto 74/1992 do 31 de xaneiro)".

A subministración de combustible para uso de edificios da cidade deberase avisar á Policía Local, reservando o lugar axeitado na vía pública para o estacionamento do vehículo cunha antelación máxima de dúas horas e poñendo valos portátiles con carteis coa lenda "Descarga de combustible", que retirará a propiedade do edificio trala descarga.

CAPÍTULO VII.-TRANSPORTE DE VIAXEIROS

Artigo 37.- Uso da Estación de Autobuses.

1.- Establécese con carácter obrigatorio o uso da Estación de Autobuses como cabeceira e fin das liñas que presten os seus servicios entre Padrón e outros municipios.

CAPÍTULO VIII.- DAS AUTORIZACIÓNS ADMINISTRATIVAS

Artigo 38.- Normas xerais sobre autorizacións administrativas.

1.- Co obxecto de garantir a aptitude dos conductores para manexar os vehículos e a súa idoneidade para circular co mínimo de risco posible, a circulación de vehículos a motor polas vías obxecto desta ordenanza queda sometida ó réxime de autorización administrativa previa.

2.- O conductor dun vehículo queda obrigado a estar en posesión e levar consigo un permiso ou licencia válidos para conducir, así como o permiso de circulación do vehículo e a tarxeta de inspección técnica ou o certificado de características e deberá exhibir ante os axentes da autoridade que llo soliciten.

3.- Para a execución de obras na vía pública estarase ó establecido nas vixentes normas de sinalización e balizamento das obras que se realizan na vía pública.

4.- A rodaxe de películas, documentais, etc., na vía pública requerirá a previa autorización expresa dos servicios municipais competentes que determinarán no permiso correspondente as condicións en que se poden efectuar en canto a duración, horario e elementos ou vehículos que poden utilizarse.

5.- Requirirán autorización previa dos servicios municipais competentes a realización nas vías urbanas de probas deportivas e os traslados funerarios. No permiso correspondente determinaranse as que, respecto a itinerarios, medidas de precaución etc, se consideren oportunas.

6.- Toda ocupación da vía pública que leve emparellada a limitación da circulación -como en caso de mudanzas, carga de combustible, colocación de colectores de obra, etc.- requirirá obter previamente a licencia ou autorización municipal.

7.- Con carácter xeral, toda actividade que implique ocupación da vía pública estará sometida a licencia ou autorización administrativa previa e preceptiva.

Artigo 39.- Autoescolas

Autorízanse as prácticas das autoescolas se ben, por razóns do tráfico, obras ou eventos especiais poderán suprimirse ou restrinxirse mediante bando ou disposición con carácter xeral, en determinadas franxas horarias, zonas ou vías, máis alá das limitacións xenéricas xa establecidas.

Artigo 40.- Anulación, revogación e intervención de autorizacións.

As autorizacións e permisos municipais referentes a materias relacionadas con esta ordenanza poderán ser revogados polo Concello mediando causa xusta ou incumprimento dos requisitos ou condicións para o seu outorgamento, de acordo co previsto nos títulos IV e VII da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 41.-

No curso dos procedementos de declaración de nulidade, anulación e revogación das autorizacións administrativas poderá acordarse a suspensión cautelar ou intervención da autorización en cuestión cando o seu mantemento supoña perigo para a seguridade do tráfico ou prexudique notoriamente o interese público. Nese caso, a autoridade que coñeza o expediente ordenará, mediante resolución fundada, a intervención inmediata da autorización e a práctica de cantas medidas sexan necesarias para impedir o efectivo exercicio da mesma.

TÍTULO II.- DAS ACTIVIDADES E OCUPACIÓNS DA VÍA PÚBLICA

Sección 1ª: Normas Xerais.

Artigo 42- Ámbito de aplicación.

1.- O ámbito de aplicación das presentes normas circunscríbese ó dominio público municipal.

2.- Constitúe obxecto desta Ordenanza a regulación dos usos da vía pública que comportan as distintas actividades, instalacións e ocupacións que como norma xeral poden exercitarse sobre a mesma.

Artigo 43.- Principios xerais.

Como norma ou principio xeral prohíbese a colocación de calquera obstáculo na vía pública que entorpeza ou dificulte a circulación de vehículos ou persoas.

Calquera instalación, ocupación ou actividade que se pretenda realizar no dominio público municipal requirirá necesariamente a obtención previa de autorización ou licencia municipal.

Artigo 44.- Sinalización.

Non se poderán colocar sinais de circulación, informativos ou publicitarios sen a previa autorización municipal.

Soamente se poderán autorizar os sinais de orientación ou informativos que a criterio da autoridade municipal teñan interese público.

O Concello retirará inmediatamente toda aquela sinalización que non estea debidamente autorizada ou non cumpra as normas en vigor.

Artigo 45.-

A ocupación do dominio público por causa de actividades, instalacións ou ocupacións requirirá, con carácter xeral, a previa obtención de licencia ou autorización tanto se incide na vía pública de titularidade municipal como naqueles casos de titularidade doutras administracións cando o municipio teña, cando menos, atribuídas competencias en materia de ordenación e regulación do tráfico. As licencias solicitaranse por pedimento do interesado mediante escrito presentado nos termos e polos medios legalmente admitidos e acompañado dos documentos que en cada caso determinan os artigos desta Ordenanza, dos bandos ou resolucións que poida dictar a alcaldía ou as ordenanzas fiscais correspondentes.

Artigo 46.-

As ocupacións do dominio público levadas a cabo nas inmediacións de monumentos históricos ou artísticos, nos lugares de afluencia masiva de peóns e vehículos e nos que poida existir algún risco ou perigo para o tráfico rodado ou peonil en xeral, autorizaranse ou denegaranse atendendo en cada caso ás circunstancias constatadas nos informes técnicos correspondentes que, en todo caso, terán en conta os pasos de peóns, accesos e saídas de locais de pública concorrencia, paradas de transporte público, reservas para carga e descarga, vaos e visibilidade dos sinais de tráfico, entre outros.

A autorización outorgada obriga ós seus titulares a manter en perfecto estado de salubridade e hixiene a zona autorizada, así como a repoñer o pavimento e os desperfectos ocasionados a consecuencia da ocupación ou actividade desenvolvida.

Sección 2ª: ANDAMIOS

Artigo 47.- Andamios.

1.- Enténdese por andamio todo armazón provisional levantado diante dunha fachada para facilitar a construcción, reparación ou pintura de muros e paredes.

2.- Poden existir as seguintes clases de andamios:

a) Andamios colgantes.

b) Pescante con cabalete para ancorar ó forxado ou con base de sustentación para contrapesos.

c) Andamios con diferentes tipos de sustentación sobre a vía pública.

3.- A instalación de andamios que supoñan utilización do dominio público requirirá en todos os supostos a previa obtención de licencia municipal que se solicitará ó Concello nos termos do artigo 70 da Lei 30/92 e pola causa, forma e requisitos que a continuación se detallan:

a) Causa e forma da solicitude:

1) O andamio como actuación complementaria a unha licencia de obras solicitarase, como norma xeral, conxuntamente con aquela.

2) Cando sexa necesaria a súa instalación por causa de procedementos contradictorios de ruína, ordes de execución ou outros actos xudiciais ou administrativos, solicitarase licencia amparada neles.

3) Igualmente poderase solicitar licencia para pintar fachadas de inmobles.

b) Documentación que pode xuntarse á solicitude:

1) Plano de planta da zona da vía que se proxecta ocupar coa instalación, con acoutamento de beirarrúa e da calzada (ancho e alto de andamio, distancia á fachada e ó bordo da beirarrúa, etc.) e con indicación do edificio sobre o que se sitúa.

2) Plano de alzado e sección definindo claramente en qué se vai afectar a vía pública, as medidas de seguridade aplicadas, o itinerario peonil protexido, a sinalización en xeral e do obstáculo na calzada, se é o caso, etc.

3) Memoria descritiva ou informe técnico da instalación: sistema de montaxe e fixación; ancoraxes; posibles danos ó pavimento, construccións baixo rasante, se as houbera; mobiliario urbano, parada de transporte público ou xardinería; elementos de cubrición en toda a superficie exterior vertical e plataformas ríxidas e resistentes para conter a caída de ferramentas ou materiais. Así mesmo constará o compromiso do director técnico da obra de asumir a supervisión da instalación..

4) Orzamento.

5) Certificado de que se axusta ós regulamentos de seguridade e hixiene no traballo, á Ordenanza de construcción e ás demais normas de obrigado cumprimento.

O conxunto de documentos que forman o proxecto a presentar deberá ser asinado polo técnico competente e visado polo Colexio Profesional correspondente.

6) Licencia de obras cando non se solicitara conxuntamente co acto administrativo ou xudicial que motive a instalación.

7) Manifestación do prazo estimado para a ocupación.

8) Ingresos previos en concepto de taxas ou prezos públicos, cando proceda.

c) Documentación que deberá presentarse unha vez rematada a montaxe do andamio:

1) Certificado final de seguridade e estabilidade da instalación, asinado polo técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente, referido tanto á obra como ó que afecte á instalación, ós peóns e ás cousas. Este certificado deberá presentarse dentro do prazo dos 7 días seguintes ó remate da montaxe. Este requisito condiciona a eficacia da licencia concedida e impide, en consecuencia, a posta en uso do andamio mentres non se presente perante a administración e esta o acepte.

2.- Xustificante do depósito de fianza nos casos en que proceda a súa constitución.

Artigo 48.-

Tanto o proxecto do andamio como a súa instalación cumprirán as seguintes características:

1.- O itinerario peonil protexido deberá ter un ancho mínimo de 0,80 metros, agás en zonas de alta densidade de tráfico de viandantes en que se requirirá maior anchura.

2.- En caso de montar marquesiñas saíntes sobre a calzada deberán ter unha altura mínima de 4,50 metros.

3.- Se o andamio invade calzada ou queda a menos de 30 centímetros do remate da beirarrúa, deberá sinalizarse con barreiras de seguridade tipo bionda ou similares, debidamente balizadas.

4.- Todos os elementos estructurais, auxiliares ou de protección deberán ter a suficiente capacidade mecánica para resistir os esforzos a que poidan estar sometidos.

Artigo 49.-

Os titulares da autorización municipal para a instalación de andamios veñen obrigados especialmente a cumprir o seguinte:

1.- Adoptar cantas medidas de seguridade e precaución sexan necesarias para salvagardar a integridade física das persoas e das cousas durante a realización dos traballos.

2.- Serán responsabilidade súa todos os danos materiais ou persoais que poidan ocasionarse como consecuencia do desenvolvemento da obra ou instalación.

3.-Deberá respectar os accesos á propiedade coa debida seguridade para os propietarios.

Sección 3ª:Casetas e colectores por obras.

A instalación de casetas e colectores para a recollida de entullos procedentes de obras, suxeitaranse en todo momento ás condicións establecidas nos seguintes artigos:

Artigo 50.-

As casetas das obras situaranse, sempre que sexa posible, fóra da vía pública e estarán suxeitas a autorización ou licencia municipal.

Artigo 51.-

Os colectores ou colectores de entullos situaranse na vía pública, exclusivamente nas seguintes zonas:

a) Zonas de estacionamento e de carga e descarga autorizadas.

b) Beirarrúas de ancho maior de 3,5 m situándose xunto á beira co obxecto de deixar libre un paso mínimo de 1,5 m. Onde existan gabias para as árbores situaranse entre eles.

c) Nas restantes zonas onde non se limite a seguridade do tráfico rodado e peonil.

Os colectores non serán obstáculo que entorpeza a libre circulación dos vehículos, de acordo co disposto no artigo 39 do Código da circulación.

Artigo 52.-

O interesado deberá sinalizar convenientemente e pola súa conta o colector, de acordo co establecido nos artigos 41 e 54 do Código da circulación.

Artigo 53.-

A autoridade municipal poderá limitar o establecemento e permanencia de colectores e doutros recipientes en determinadas zonas ou horas, estando o seu titular obrigado a retiralos cando así se estableza. Con carácter xeral, retiraranse da vía pública os sábados e vésperas de festivos, antes das 10.00 horas, no primeiro caso, e das 20.00 , no segundo. Asemade, os colectores para obras serán retirados da vía pública:

1.- Ó rematar a concesión da licencia de obras.

2.- En canto estean cheos para proceder ó seu baleirado.

Artigo 54.-

En cada colector deberá figurar o nome da empresa propietaria -que ten que coa titular da autorización municipal-, teléfono e o número de colector.

Artigo 55.-

Para solicitar as autorizacións para instalar colectores deberase presentar:

. Fotocopia do carné de identidade.

. Memoria descritiva do tipo de ocupación que se vai realizar.

. Plano de situación acoutado e con indicación dos elementos de mobiliario urbano existentes na área de influencia da ocupación.

. Copia da licencia de obras en caso de que se vaian executar.

As autorizacións para instalar colectores poderán ser anuais. Para obter a súa renovación, o interesado deberá solicitala cunha antelación mínima de dous meses con respecto ó vencemento.

Artigo 56.-

Para responder dos danos que se puidesen ocasionar, o interesado deberá depositar unha fianza por unha contía que se fixará en cada caso. Sempre que non se dispoña outra cousa na ordenanza fiscal correspondente ou mediante convenio entre a administración e o interesado, esta fianza deberá repoñerse ou completarse no prazo de 48 horas, a contar desde a notificación, cando se vexa disminuída por causa de indemnizacións.

Artigo 57.-

O titular da licencia municipal para instalar o depósito deberá cumprir coas seguintes obrigas:

1.- Adoptará as medidas precisas para garantir a seguridade da vía pública.

2.- Será responsable do lixo que poida depositarse na vía pública pola utilización dos colectores e estará obrigado á limpala sen prexuízo da sanción que corresponda.

3.- Deberá repoñer a vía pública e beirarrúa en caso de dano debido á ocupación.

4.- Os colectores disporán de tapa ríxida ou de elementos para cerrar que impidan a súa utilización por persoas alleas ó solicitante do servicio.

5.- É obrigatorio comunicar ó Concello, cun prazo de antelación mínimo de 24 horas, os puntos de colocación dos colectores de entullos.

6.- Situado o colector na vía pública, e co obxecto de evitar a posibilidade de focos de infección, será substituído no prazo máximo de 72 horas e non poderá permanecer cheo por máis de 6 horas. En calquera caso, a súa retirada estará sometida a razóns excepcionais, ós requirimentos do Concello, á utilización da vía pública e a razóns hixiénico-sanitarias ou de seguridade.

7.- Todos os colectores situados na vía pública permanecerán tapados fóra da xornada laboral.

Sección 4ª:Mesas, sillas e terrazas.

Artigo 58.-

Os pedimentos de permiso para a instalación na vía pública de mesas e sillas deberán formularse no impreso de solicitude de ocupación provisional da vía pública e ir acompañados necesariamente da documentación seguinte:

. Xustificante de ter obtido previamente a licencia para a actividade

. Memoria descritiva do tipo de ocupación que se vai realizar e do modelo de mobiliario que se pretende instalar..

. Plano de situación acoutado e con indicación dos elementos de mobiliario urbano existente na área de influencia da ocupación.

Artigo 59.-

1.- As mesas colocaranse como norma xeral fronte á fachada do establecemento ou pegadas ó bordo e separadas deste 50 centímetros. Nembargantes poderá autorizarse a instalación ó pé da fachada cando o solicite o interesado e existan razóns especiais que o aconsellen (modificacións no tráfico de peóns ou outras).

2.- Para as mesas que se teñan que colocar nun xardín público ou zona axardinada, solicitarase previamente informe do servicio correspondente.

3.- A colocación de mesas en zona peonil requirirá, en cada caso concreto, un estudio especial, atendendo á anchura e demais características da rúa.

4.- O Concello, vistos os informes técnicos e, se é o caso, a correspondente convocatoria, poderá seleccionar ou homologar os modelos que serán preceptivos no casco histórico e nas zonas que se determinen do municipio.

Artigo 60.-

1.- A autorización se concederá por grupo de mesas e catro sillas.

2.- As autorizacións poderán ser anuais ou de temporada, sen que en ningún caso poidan exceder de un ano. Entenderase por autorizacións de temporada as que vaian desde o 1 de marzo ata o 30 de outubro, ámbolos dous inclusive, e por anuais as que autoricen a instalación desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro. O interesado deberá, en calquera caso, solicitarse a renovación.

3.- Se existen problemas en relación coa autorización por queixas razoadas dos veciños ou pedimento motivado dos servicios municipais, incumprimento das obrigas do titular ou outras circunstancias de interese xeral como pode ser a ordenación do tráfico, etc., o Concello resérvase o dereito de anular a autorización sen dereito de indemnización ningunha.

4.- Salvo autorización expresa en sentido contrario, que só poderá concederse con carácter provisional e en precario, o titular deberá levantar a terraza unha vez rematado o horario de apertura e non poderá montala novamente antes das 11.00 horas do día seguinte ou do horario que teña autorizado.

Artigo 61.-

En principio, poden instalarse as mesas na totalidade da anchura da fachada do establecemento se outras circunstancias (paso de peóns, paradas de autobuses, saídas de emerxencia, etc.) non o impiden.

Non se poderán instalar as mesas fóra da liña de fachada do establecemento a non ser que os propietarios dos establecementos lindantes dean a súa autorización expresa, que deberá presentar o interesado no expediente que se tramite para este efecto, deixando en todo caso expedito o acceso ás vivendas e locais comerciais.

Artigo 62.-

Os propietarios dos establecementos autorizados para ocupar en precario parte da vía pública quedarán obrigados especialmente a cumprir o seguinte:

1.- Deixar un paso suficiente para a circulación de peóns y persoas con discapacidade, nas beirarrúas ou nas rúas peonís.

2.-- Deixar expedito o acceso á entrada dos edificios e locais comerciais.

3.- Cinguirse estrictamente á zona autorizada sen rebasala por ningún concepto, evitando que os clientes o fagan.

4.- Colocar en sitio visible mediante un marco axeitado ou funda de plástico, o permiso correspondente para que poida ser visto e consultado pola Policía Local, sen necesidade de esixir a súa exhibición.

5.- Os elementos que se instalarán nas terrazas cumprirán as seguintes condicións:

a.- As mesas e sillas a instalar serán de materiais de boa calidade e acordes co contorno.

b.- En caso de instalar quitasoles suxeitaranse mediante una base de suficiente peso, de xeito que non se produza ningún deterioro ó pavimento e nin supoñan perigo para os usuarios e viandantes.

6.- As autorizacións para a instalación de terrazas enténdense coas seguinte condicións:

a.- No suposto de que a autorización das mesas sexa para zonas peonís, non se poderán instalar durante o horario en que estea permitida a circulación de vehículos.

b.- Se a calquera hora do día un vehículo autorizado ou de urxencias tivese necesidade de circular pola zona peonil e as mesas llo impediran ou dificulten, o titular destas deberá proceder con toda rapidez á súa retirada co fin de facilitar a manobra do vehículo.

7.- Manter en perfectas condicións de limpeza e salubridade a superficie ocupada polas mesas.

Sección 5ª: Toldos.

Artigo 63.-

Para os efectos desta Ordenanza considéranse toldos suxeitos á súa normativa os que se apoien total ou parcialmente sobre a vía pública. Poden ser das seguintes clases:

1.- Os que sirvan de resgardo a mesas e sillas.

2.- Aqueles que sexan abatibles e de protección de escaparates.

3.- Os especiais que sirvan de acceso a un determinado edificio ou comercio.

Artigo 64.-

Nas instancias que os interesados presenten no Rexistro de Concello, deberá constar o deseño, cor e tipo de material con que van a ser realizados os toldos. Acompañaranse de planos de alzado e planta; do cálculo das hipóteses correspondentes, mesmo tendo en conta a forza do vento, segundo a normativa vixente; de planos en que figuren todos os elementos de mobiliario urbano que existan na zona a ocupar (sinais, farolas, árbores, bancos, etc).

Artigo 65.-

En calquera caso deberá quedar libre, como mínimo, unha altura de 2,50 m.

Artigo 66.-

Os toldos poderán ter pechamentos verticais, preferentemente transparentes e de material flexible, sempre que a súa superficie non sexa superior á ocupada polas mesas e sillas e, como máximo, a tres caras.

Instalaranse sen cimentacións fixas a 0,50 m do bordo da beirarrúa, de tal xeito que sexan facilmente desmontables.

Artigo 67.-

Cando sexan toldos de temporada, ó rematar esta, serán desmontados totalmente, incluída a suxeición dos mesmos.

Artigo 68.-

Para todos aqueles toldos situados totalmente ou en parte a menos de 1,50 m. da liña de fachada, ou aleiro se o hai, esixirase a autorización dos veciños da 1ª planta do inmoble.

Artigo 69.-

Os técnicos municipais e a Policía Local efectuarán inspeccións e controlarán o cumprimento exacto das resolucións aprobadas, propondo, de ser o caso, as actuacións administrativas que procedan.

Sección 6ª: Máquinas expendedoras e motocicletas de reparto

Artigo 70.-

Como norma ou principio xeral, prohíbese a ocupación de bens de uso público, e en especial da vía pública, coa instalación de calquera tipo de máquina expendedora e recreativa.

Artigo 71.-

As motocicletas de reparto de establecementos de comida rápida, tipo pizzerías, etc., rexeranse polas mesmas normas cós restantes usuarios no referente a estacionamento e ocupación da vía pública.

Sección 7ª: Cabinas telefónicas.

Artigo 72.-

Á instancia que se presente no Rexistro do Concello solicitando a instalación dunha cabina telefónica deberá acompañar:

. Proxecto asinado por un técnico competente.

. Memoria descritiva do tipo de ocupación que se vai realizar.

. Plano de situación acoutado e con indicación dos elementos de mobiliario urbano existentes na área de influencia da ocupación.

Artigo 73.-

Condicións de instalación:

1) As cabinas telefónicas situaranse a 0,50 m. do bordo da beirarrúa.

2) Se na zona solicitada non existiran beirarrúas con suficiente anchura para poder instalalas, e estiveran previstas nos planes futuros da compañía Telefónica, estudiarase a ampliación da beirarrúa, se procede, correndo os gastos ocasionados por conta do solicitante.

3) A instalación eléctrica deberá cumprir o vixente Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

4) O Concello homologará un modelo de cabina para instalar no ámbito da cidade histórica.

Sección 8ª: Actuacións Artísticas

Artigo 74.-

As actuacións de carácter artístico, tanto individuais como en grupo, tales como mimo, música, pintura e similares, que pretendan levarse a cabo no ámbito de aplicación desta Ordenanza, estarán suxeitas á previa autorización municipal, que se outorgará ou denegará en virtude dos informes técnicos competentes e en función das molestias que poidan ocasionarse ós cidadáns.

Non obstante o sinalado nos parágrafos precedentes, a Comisión de Goberno ou, en caso de urxencia, por bando ou resolución da Alcaldía, dando conta posterior á aquela, poderá destinar zonas, fora da vía pública, para exercitar este tipo de manifestacións, determinando en cada caso os requisitos e condicións que deban cumprirse.

TÍTULO III.- DAS LICENCIAS PARA A ENTRADA E SAÍDA DE VEHÍCULOS

Artigo 75.-

Está suxeito a licencia municipal o acceso de vehículos ó interior de inmobles cando sexa necesario cruzar beirarrúas ou outros bens de dominio e uso público; cando supoña un uso privativo ou unha especial restricción do uso que corresponda a todos os cidadáns respecto a todos os bens; ou cando impida o estacionamento ou parada doutros vehículos no espacio polo que se realiza o acceso.

Artigo 76.-

A licencia de entrada de vehículos será concedida pola Xunta de Goberno Local, segundo proposta dos servicios correspondentes.

A solicitude de licencia de entrada de vehículos poderá ser presentada polos propietarios, polos posuidores lexítimos dos inmobles ou polos promotores ou contratistas, no suposto de obras.

Artigo 77.-

O expediente de concesión de entrada de vehículos poderá iniciarse de oficio ou logo do pedimento dos interesados, que deberán achegar a documentación que segue:

. Informe de la Policía Local

. Plano de planta e número de prazas existentes por planta.

. Fotografía da fachada do inmoble.

. Licencia de obras cando nelas conste expresamente a zona ou reserva de aparcamento.

. Licencia de habilitación do local para garaxe (cando requira obra).

. Licencia de modificación do uso (cando non require obra).

. Licencia de apertura, cando nela conste expresamente a zona de aparcamento ou cando, aínda non constando expresamente, se outorgue para actividades de reparación, venda, alugueiro, exposición, lavado, engraxamento ou inspección de vehículos ou cando se trate de estacións de servicio.

Cando os documentos esixidos sexan expedidos pola administración actuante, escusarase a súa presentación se así o fai constar o interesado e facilita os datos necesarios para localizalos e verificar a súa existencia.

A autorización outorgarase logo de comprobados os documentos presentados e de contar co informe favorable dos servicios correspondentes.

Artigo 78.- Sinalización

Caberán dous tipos de sinalización:

A.- VERTICAL:

Instalada na porta, fachada ou construcción, consistirá nun disco de prohibición de estacionamento, axustado ó modelo oficial, que será facilitado polo Concello logo de aboadas as taxas correspondentes. Neste sinal constará:

. O número de identificación outorgado polo Concello.

. Os metros de reserva autorizada.

. A denominación do vao: permanente, laboral ou nocturno. Nestes últimos casos deberá constar o horario.

. A vixencia da licencia e o ano en curso

B.- HORIZONTAL:

Consiste nunha franxa amarela, de lonxitude correspondente á do ancho da entrada, pintada no bordo ou na calzada xunto ó bordo.

Non se permitirá en ningún caso colocar ramplas que ocupen a calzada.

No suposto de que o interesado necesite realizar algunha obra de adaptación do vao deberá pedir o correspondente permiso de obra.

Os gastos que ocasione a sinalización descrita, así como as obras necesarias correrán por conta do, que estará obrigado a manter a sinalización, tanto vertical como horizontal nas debidas condicións.

Artigo 79.-

Os desperfectos ocasionados nas beirarrúas con motivo do uso especial que comporta a entrada e saída de vehículos con ocasión do vao concedido, serán responsabilidade dos titulares, que están obrigados á reparalos por requirimento da autoridade competente e dentro do prazo se outorgue. O incumprimento desta obriga dará lugar á execución forzosa nos termos regulados na Lei de procedemento administrativo.

Artigo 80.-

O Concello poderá suspender con carácter temporal e por razóns de tráfico, obras nas vías pública ou outras circunstancias extraordinarias os efectos da licencia.

Artigo 81.-

As licencias poderán ser revogadas polo órgano que as dictou nos seguintes casos:

. Por seren destinadas a fins distintos dos que motivaron o outorgamento.

. Por desapareceren as causas ou circunstancias que deron lugar ó seu outorgamento.

. Se non se aboa o prezo público anual correspondente.

. Por incumprir as condicións relativas a horarios ou carácter da sinalización axeitada.

. Por causas motivadas relativas ó tráfico ou circunstancias da vía pública.

A revogación dará lugar á obriga do titular de retirar a sinalización, reparar o bordo da beirarrúa ó seu estado inicial e entregar a placa identificativa no Concello.

Artigo 82.-

Cando se solicite a baixa ou anulación da licencia de entrada de vehículos de que se dispuña por deixar de usar o local como aparcamento, deberase suprimir toda a sinalización indicativa da existencia da entrada, reparar o bordo da beirarrúa ó estado inicial e entregar a placa nos servicios municipais correspondentes.

Logo de que os servicios municipais comproben o cumprimento dos requisitos correspondentes, procederase á concesión da baixa solicitada.

TÍTULO IV.- OBRAS NA VÍA PÚBLICA

Artigo 83.-

1.- A execución de zanxas nas vías públicas estará sometida, ademais de á previa obtención da correspondente licencia municipal, ó estricto control dos servicios municipais.

2.- Para responder dos danos que se puidesen ocasionar nos servicios públicos durante a execución da zanxa e para garantir a correcta reposición do pavimento unha vez concluída a obra, o titular da licencia deberá depositar unha fianza pola contía que se fixará en cada caso.

3.- Unha vez finalizada a obra, o titular da licencia deberá repoñer o pavimento da vía pública danado de xeito que quede no estado en que se atopaba antes da execución da zanxa e cumprir as condicións que se lle impoñan na licencia.

Artigo 84.-

Serán de aplicación as disposicións establecidas nas normas de planeamento urbanístico, no que se refire a tipos de sinais, balizas e defensas, debendo axustar a súa instalación ás características propias da vía en que se desenvolvan as obras.

1.-Todos os elementos que se utilicen na sinalización e balizamento do espacio de obras deberán ser reflectantes.

2.-En caso de que as características da vía o aconsellen, deberá balizarse con elementos luminosos.

3.-En calquera caso, os peóns deberán dispor dun itinerario claro e seguro, que permita acceder razoablemente ás actividades e vivendas da zona afectada.

Artigo 85.-

Elementos de sinalización afectados por obras:

Antes do inicio das obras levantarase un plano que recolla a sinalización e instalacións existentes na zona, debendo actuar en cada caso:

1.- Os sinais vitais: (stop, ceda o paso, dirección prohibida, cambios de sentido prohibidos, dirección obrigatoria) deberán permanecer na súa localización, utilizando para iso os medios que se consideren oportunos.

2.- O resto da sinalización vertical, en caso de que sexa necesario retirala, deberá reimplantarse na mesma posición anterior e en condicións de mantemento aceptables.

3.- A sinalización horizontal afectada deberá ser repintada na súa cor, reconstruíndo integramente a situación previa ou, en caso de modificación, a que o departamento municipal de Tráfico decida.

Artigo 86.-

As instalacións semafóricas deberán ser obxecto de grande atención, especialmente os seguintes elementos:

Espiras magnéticas, que están colocadas no asfalto e conectadas cos mandos atravesando a liña de bordo.

Canalizacións que se sitúan nas beirarrúas e na calzada. Algunha delas contén elementos de fibras óptica e a súa rotura pode supoñer unha avaría de grande importancia e alto custo.

Artigo 87.-

O departamento municipal de tráfico subministrará a información que en cada momento se requira sobre estas instalacións, actuando administrativamente cando se produzan avarías, danos ou accidentes por actuacións non contrastadas ou incumprimento destas normas.

Artigo 88.-

1.- Os casos de rotura de espiras ou das súas conexións deberán comunicarse urxentemente á Policía Local e ó departamento de Tráfico.

2.- As roturas nas canalización deberán ser reconstruídas de xeito que se garanta o seu uso normal, aplicándose en cada caso a solución máis acorde co dano ocasionado a criterio do departamento de Tráfico.

3.- Se a obra require o movemento ou modificación dos elementos de sustentación dos semáforos ou as súas canalizacións, deberase axustar ós requisitos de nova implantación establecidos polo departamento municipal de Tráfico.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

As licencias outorgadas con anterioridade á entrada en vigor desta Ordenanza deberán adaptar a sinalización no prazo de seis meses a esta nova regulación.

DISPOSICIÓNS FINAIS

1. Esta ordenanza adaptarase en todos os seus apartados a normativa autonómica e municipal relativa á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

2. En todo o non previsto nesta Ordenanza estarase o establecido na lexislación vixente e especial na Lei de seguridade vial, na Lei 30/92, no Real decreto 1.398/93, no Real decreto 320/94, no Código da Circulación, e na demais lexislación estatal e autonómica aplicable."