Rianxo - REGULAMENTO DO SERVIZO PÚBLICO DA PISCINA CLIMATIZADA E INSTALACIÓNS ANEXAS DO CONCELLO DE RIANXO
Artigo. 1. Obxecto e Ámbito de aplicación.
1.1. O presente regulamento ten por obxecto regular o réxime xurídico, xestión, uso e utilización do Servizo Público da Piscina Climatizada Municipal de Rianxo e instalacións anexas.
1.2. O Concello de Rianxo ten asumida como propia as competencias relativas aos servizos que se prestan na piscina climatizada e instalacións anexas, entre os que incluense as actividades propias da zona de SPA e de relaxación, a sala de fitnes e demais actividades fisico-deportivas dirixidas.
1.3. O Servizo Público da Piscina Climatizada Municipal de Rianxo e instalacións anexas reúne os requisitos para a súa prestación mediante a xestión indirecta do servizo público por ser susceptible de explotación por particulares e non implicar exercizo de autoridade inherente aos poderes públicos, de conformidade co artigo 275 do RD. 3/2011, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de contratos do Sector Público (en diante TRLCSP).Concretamente, a explotación do servizo realizarase mediante a modalidade de concesión pola que o empresario xestionará o servizo ao seu propio risco e ventura, prevista no artigo 277.a do TRLCSP. O contratista estará obrigado a organizar e prestar o servizo con suxeición ao estipulado dentro dos prazos sinalados, tanto no prego de clausulas administrativas particulares como prego de prescricións técnicas e contrato da concesión administrativa, conforme ao ofertado por este. Asemade respectará a normativa vixente en materia de contratos así como a normativa sectorial de aplicación.
Artigo. 2. Dereitos de uso.
1.1. Toda a cidadanía ten dereito a acceder e a usar a Piscina Climatizada Municipal en condicións de igualdade, con suxeición ós principios democráticos de convivencia, ás normas que contén o presente regulamento e ás instruccións que na súa execución diten as autoridades municipais e os encargados da xestión do servizo.
1.2. O dereito de uso tamén se axustará ás condicións da autorización municipal e ós horarios aprobados regulamentariamente.
1.3. Calquera usuario/a ten dereito a formula-las reclamacións e suxestións que estime pertinentes perante os encargados da xestión. Para este fin, existirán follas de reclamacións a disposición dos usuarios.
Artigo. 3. Deberes e responsabilidades dos/as usuarios/as.
3. 1. Os usuarios teñen os seguintes deberes e responsabilidades, coas consecuencias que se indican:
a) colaborar no mantemento das debidas condicións de limpeza e hixiene das instalación. O uso antihixiénico ou incorrecto da instalación pode ser motivo de expulsión e de perda da condición de aboado.
b) Depositar os desperdicios nas papeleiras ou outros recipientes destinados para tal efecto
c) respecta-las normas sobre o uso axeitado do equipamento e mobles das instalacións deportivas obxecto da presente ordenanza conforme ás normas que contén o presente regulamento e ás instruccións que na súa execución diten as autoridades municipais.
As avarías, danos ou perdas que se xeren no material ou nas instalacións como consecuencia da desaxeitada ou neglixente utilización darán lugar á responsabilidade por parte do seu autor ou autores, que lles será esixida de conformidade co procedemento legal e regulamentariamente establecido. Todo iso sen prexuízo da sanción administrativa que proceda.
d) Respectar os horarios e espazos destinados ás diferentes actividades.
e) Devolver o material didáctico que se lles emprestara ao sitio indicado despois do seu uso.
f) Seguir as indicacións do persoal da instalación en todo momento.
g) abandonar as zonas de piscina e ximnasio 15 minutos antes do horario de peche, co obxecto de respectar os horarios establecidos.
h) comunicar ao monitor de apoio se o usuario padece, ou padeceu, algunha enfermidade de carácter cardiovascular ou derivada, nos últimos 10 meses
i) abonar os prezos públicos que en cada momento determinade a Ordenanza Fiscal correspondente, que poderá ser obxecto de actualización anual.
j) Observarase o cumprimento das normas xerais de uso es e de aquelas outras normas particulares e instruccións que dite o centro a través do persoal da instalación. A transgresión de calquera norma establecida poderá causar o cese de uso da instalación, o cal ditaminarase pola comisión de seguimento do centro deportivo, sendo debidamente comunicado o interesado, ademais da comunicación da incidencia ao Concello de Rianxo.
3. 2. Asemade ateranse ás seguintes prohibicións que deberán respectar:
a) fumar en toda a instalación.
b) Uso de cámaras, vídeo o móbiles.
c) entrada á instalación de animais de compaña.
d) o consumo de calquera tipo de bebidas ou de comidas na zona de praia reservada a bañistas así coma nos vestiarios.
e) o acceso a toda persoa que padeza calquera enfermidade infecto-contaxiosa que poida poñer en risco a saúde dos demais usuarios.
f) entrar na zona de baño vestidos con roupa ou calzado de rúa. O público, espectadores visitantes e/ou acompañantes frecuentarán unicamente os locais e áreas reservados a estes, empregando para isto os accesos específicos.
g) Os acompañantes dos abonados - cursillistas teñen prohibida a entrada ós vestiarios e zonas de praia de piscina, así como as persoas non participantes nas actividades deportivas que se desenrolan. Os acompañantes de persoas con imposibilidade para cambiarse poderán acceder os vestiarios coa autorización do persoal da instalación. No caso de menores de 6 anos accederán ó vestiario do sexo do acompañante.
h) abandonar desperdicios dentro do recinto da instalación.
3. 3. O persoal da instalación está autorizado pola dirección do centro para facer cumprir a normativa vixente cara a garantir o bo funcionamento da instalación e uso destas.
O persoal da instalación é o responsable de mirar polo cumprimento destas normas, calquera persoa que as incumpra poderá ser expulsado da instalación e, se é o caso, perderá a condición de abonado. Unha comisión composta por membros do Concello e da empresa concesionaria valorará a seu dereito a retornar a instalación
4.4. Calquera variación que afecte á actividade maioritaria dos usuarios (celebración de competicións deportivas, modificación de horarios, etc.) notificarase mediante carteis informativos na instalación (taboleiro de anuncios á entrada/saída da instalación).
Artigo 4-. Modalidades de Acceso.
4. 1. Abonados.
Coa condición de abonado, pódese ter acceso á piscina climatizada, SPA e sala fitness (con apoio do monitor de sala e prescrición de táboas personalizadas de exercicio), todos os espazos de uso libre, sen ningunha restricción de tempo nin espacio.
Ten ademais a posibilidade de ser ¿Cursillista" cun desconto mínimo do 50% no prezo de cada curso.
A cota de aboado ten carácter anual aínda que o pago farase mensual, Trimestral ou anual.
4. 2. Cursillistas.
Teñen esta condición, aquelas persoas inscritas nalgún curso de piscina, que desexen participar nalgunha actividade con monitor. Unicamente poden facer uso das instalacións, durante o tempo que dura a clase.
Os cursiños son de carácter trimestral, aínda que o pago poderase facer mensualmente. É posible renovalo ata que o desexe o usuario, cumprindo cos prazos de notificación de baixa (ver apartado correspondente). A última semana de cada mes, ofertaranse as novas prazas do mes seguinte (consultar en recepción as datas exactas). Cada clase ten unha duración de 45 minutos, con excepción das clases de bebés que terán unha duración de 30 minutos.
4. 3. Entradas puntuais.
Abonando o custo da desta no momento do acceso á instalación. Os beneficiarios das entradas poden usar tódolos espazos da instalación (na sala fitness sen o apoio personalizado do monitor da sala), por un tempo estimado de unha hora e media, con restrición de uso en función da ocupación.
Artigo 5-. Tramitación das solicitudes e baixas
5.1. Tramitación dos abonos:
· Cumprimentar todos os datos da folla de inscrición.
· Fotocopia do D.N.I. (en caso de ser A. Familiar, fotocopia dos Documentos nacionais de identidade de todos os beneficiarios do abono)
· Fotocopia do Nº de Conta Bancario, onde aparezan os nomes dos titulares da conta (e DNI do titular, en caso de non se corresponder coa persoa que se vai inscribir)
· Fotocopia do Libro de Familia, exclusivamente no caso de Abono Familiar.
· En caso de seren parella de feito, é imprescindible presentar o certificado de convivencia expedido polo Concello.
A aceptación pola dirección do centro da solicitude de inscrición implica que afirma coñecer e comprometese a respectar a normativa de réxime interno no momento de asinar a inscrición.
Ao inscribirse na instalación autorizase a utilización dos datos persoais e o seu tratamento informático para a xestión da instalación e no seu caso envío de información comercial inherente a xestión do centro.
5.2. Tramitación da participación en cursiños.
· Cubrir con todos os datos da folla de inscrición.
· Fotocopia do D.N.I.
· Fotocopia do Nº de Conta Bancario, onde aparezan os nomes dos titulares da conta (e DNI do titular, en caso de non se corresponder coa persoa que se vai inscribir)
5. 3. Tramitación para a adquisición dunha entrada puntual:
· Por motivos de seguridade, poderá pedirse aos usuarios que presenten o seu DNI, ou calquera outra documentación acreditativa de idade, ó mercar unha entrada. O persoal da instalación poderá denegar o acceso á ela se o usuario se negase a amosar a devandita documentación.
· Cumprir coas normas que, en función da idade, ten cada espacio deportivo da instalación.
5. 4. Solicitude de Baixa (abonados e cursillistas):
Para formalizar a baixa, debe notificarse por escrito na recepción da Instalación, antes do día 20 do mes anterior. Todas aquelas baixas notificadas despois do día 20, non serán tidas en conta a efectos de devolucións dos importes correspondentes.
5.5. Solicitude de cambio de grupo (cursillistas) ou de tipo de abono (abonados)
A solicitude deberá presentarse por escrito na recepción da instalación, preferentemente antes do día 20 do mes anterior. En caso de querer facelo con posterioridade á devandita data, e sempre que sexa posible o cambio, o usuario perdería a posibilidade da devolución correspondente en caso de existir.
5. 6. Matrículas:
Todos os abonados, están obrigados a facer o pagamento en efectivo dunha matrícula, no momento no que se dan de alta. A duración desta cota, de carácter irrecuperable, será dende a data de formalización da inscrición ata a data na que o abonado cause baixa. A cota de matricula para cursillistas por outra banda, terá duración de setembro a agosto, unha vez finalizado o citado prazo haberá que volver a aboala de cara a nova tempada.
5. 7. Pagamentos:
A matrícula e máis a primeira cota, deberán pagarse en efectivo na recepción. Os demais pagos faranse por domiciliación bancaria, segundo os datos facilitados na folla de inscrición. Os recibos pasaranse a partir do día 24 do mes anterior.
5. 8. Devolucións bancarias:
No caso de devolucións de recibos da mensualidade por parte da entidade bancaria, o usuario terá un prazo de 2 días, a partir da data do aviso por parte da dirección da instalación, para realizar o pagamento en efectivo do recibo na recepción da instalación.
· No caso de non cumprir o prazo establecido, o usuario perderá a praza (cursillistas) e os dereitos de aboado (incluíndo o pagamento de matrícula: en caso dunha nova inscrición o aboado deberá volver realizar o pagamento da taxa de matriculación).
· A Dirección das instalacións resérvase o dereito de anular a condición de aboado dun titular, se os recibos mensuais son devoltos pola entidade bancaria ao expedidor de maneira reiterada.
· A devolución de TRES recibos por non seren pagados, será motivo de baixa automática como aboado das instalacións.
5.9. Outros trámites.
Se un usuario desexa realizar cambios nos seus datos persoais (Dirección, teléfono, datos bancarios, etc.), o comunicará persoalmente ou por escrito na recepción da Piscina Climatizada de Rianxo.
Artigo 6-. Tarifas
As tarifas para os distintos abonos, cursos e outros servizos serán os dispostos na Ordenanza Reguladora da Taxa pola prestación de servizos para uso e disfrute da Piscina Municipal e Instalacións anexas, publicada no BOP, suxeitas ao incremento do IPC.
Artigo 7-. Normas xerais de uso por espazo e para acceso a grupos
7.1. O uso dos espazos da piscina e instalacións anexas con caracter xeral será o seguinte:
A) PISCINA CLIMATIZADA
· É obrigatorio ducharse antes da inmersión na auga do vaso, estando prohibido acceder a este con aceites e/ou cremas.
· É obrigatorio usar gorro, chanclas e bañador, recomendándose o uso de lentes de baño.
· Prohíbese saltar á auga de cabeza, desde os laterais ou sentarse nas corticeiras. Tampouco está permitido ningún tipo de xogo ou actividade que comporten saltar, empuxar,correr pola praia da piscina, afundir a outros e toda conduta que perturbe o normal uso e disfrute a tódolos usuarios ou que atente contra a seguridade das persoas. O socorrista poderá obrigar a abandona-lo vaso a todas aquelas persoas que non respecten esta norma.
· Cada usuario debe respecta-la rúa indicada polo socorrista, determinada segundo o seu nivel.
· Nadar sempre polo lado dereito da rúa, sen traspasa-los límites dos carrís usados polos demais nadadores.
· Respecta-las indicacións de cada rúa (curso, nado rápido, lento, etc) e seguir as indicacións do persoal da instalación.
· Por motivos de seguridade, os menores de 12 anos deberán estar permanentemente acompañados por un adulto no interior da piscina.
· Os nenos maiores de 12 anos e menores de 16 anos que saiban nadar só poderán entrar sós á piscina co consentimento por escrito do pai, nai ou titor/a. Se o persoal da instalación aprecia que non teñen o suficiente dominio do medio acuático para desenvolverse con autonomía dentro da auga, pode obrigarlles a saír dela e que cese a súa actividade.
· As persoas asistentes a cursiño accederán ós vestiarios 15 minutos antes do inicio da sesión. Unha vez rematada deberán dirixirse ós vestiarios para abandonar a instalación.
· Os usuarios deberán respecta-los espazos reservados para eles, cando se impartan cursos na piscina.
· Prohibido ouriñar e cuspir na piscina.
· O número máximo de usuarios no vaso, segundo o establecido no Decreto 53/1989, do 9 de marzo, Consellería de Sanidade, polo que se aproba Regulamento sanitario de piscinas de uso colectivo, e as súas modificacións, en función da superficie de lámina de auga, segundo consta na documentación técnica da instalación deportiva ascende a 104 persoas no vaso deportivo 12 no vaso recreativo.
· Para evitar riscos sanitarios está prohibida a entrada na zona reservada ós bañistas, daquelas persoas que padezan enfermidades cutáneas ou doutro tipo que pola súa natureza se poidan contaxiar a través da auga.
· Non está permitido o emprego de colchóns, flotadores, lentes de cristal, ou calquera elemento que, a xuízo dos responsables da seguridade do vaso, poidan supoñer algún risco para o resto de usuarios. Na piscina haberá material auxiliar- táboas, pulls¿-, que poderán ser empregados por calquera abonado, o cal o solicitará ó monitor e/ou ó socorrista, quedando a criterio deste a conveniencia do seu uso.
B) XIMNASIO E SALA DE ACTIVIDADES
· Os menores de 14 anos non poden utilizar a sala fitness por motivos de saúde. Entre os 14 e 16 anos, poderán sempre e cando veñan en horario no que está presente o monitor de sala.
· Toda persoa que utilice o material de musculación por primeira vez deberá poñerse en contacto co monitor da sala. Tódolos abonados poderán esixir ademais unha ficha de seguimento individual.
· Débese por unha toalla sobre cada aparello do que se faga uso, por motivos hixiénicos.
· A indumentaria deportiva será a indicada para a práctica de actividade física no ximnasio, sendo necesario para accecer calzado deportivo diferente ó da rúa
· Os aparellos deben utilizarse correctamente segundo as indicacións expostas (en caso de dúbida dirixirse sempre ó persoal da instalación) e recollelos unha vez remate o seu uso.
· Os usuarios con rutinas de traballo deberán deixalas no ficheiro da instalación, pois son propiedade desta.
· Deberá respectarse a lista de espera nos aparatos que a teñan, así coma o tempo máximo de utilización.
· O aforo da Sala Fitness e das actividades dirixidas estará determinado polo número de aparatos e as rotacións que se programen polo monitor ou encargado.
· Non está permitido deixar mochilas ou prendas persoais na sala. Estes artigos deberán gardarse nos vestiarios.
· O persoal do ximnasio poderá solicitar a tarxeta de acceso ou entrada para controlalo acceso. Tamén poderá solicitar o DNI para comprobar o dereito de acceso.
· A sala de actividades só se poderá utilizar baixo as indicacións do persoal da instalación, a súa capacidade máxima é de 16 persoas.
· É necesario comunicar ao monitor de apoio se o usuario padece, ou padeceu, algunha enfermidade de carácter cardiovascular ou derivada, nos últimos 10 meses.
C) ZONA SPA
· Por motivos de seguridade e saúde, os menores de 14 anos non poden facer uso desta zona.
· Antes de entrar é imprescindible ducharse con auga quente e xabón e secarse ben. Por motivos hixiénicos, no caso de querer facer uso da piscina posteriormente, débese duchar de novo.
· Débese facer algo de exercicio físico antes de facer uso desta zona.
· É imprescindible o uso da toalla na zona SPA. Hai que secarse antes de utilizar cada estación agás as duchas.
· Débese usar unha toalla para sentarse ou tombarse nos bancos.
· Non se permite afeitarase ou depilarse na instalación.
· Non se permite o uso de esencias ou calquera sustancia que poida molestar aos demais usuarios.
· Por tratarse dunha zona de relax débese manter a tranquilidade e evitar o ruído ou o alboroto.
· A sauna seca ten unha temperatura aproximada de 70-80ºC., e unha humidade que ronda o 20-30 %. O tempo máximo recomendado de utilización é de 15 minutos.
· Baño de Vapor: Temperatura aproximada de 40º C e unha humidade do 90-99%. O tempo máximo recomendado é de 20 minutos.
· Bañeiras de hidromasaxe: Temperatura aproximada de 35ºC. Tempo máximo recomendado 15 minutos. É obrigatorio, por motivos de hixiene, o uso de gorro, e prohíbese sumerxir a cabeza por motivos de seguridade.
· Contraindicacións absolutas. Para a sauna e o baño de de vapor: non se poden usar se levan algunha prótese metálica interna ou marcapasos.
· Contraindicacións relativas: Hipertensión arterial, enfermidades cardiovasculares, varices, embarazo, uso posterior a inxesta de alimentos ou bebidas alcohólicas.
· Deben consultar co seu médico en caso de calquera enfermidade ou dúbida. Recoméndase contactar co persoal responsable da zona antes de acceder por primeira vez.
· En caso de dúbida sobre a forma de acceso ou uso dirixirse ó persoal da instalación.
· Debe respectarse as indicacións do persoal da instalación.
· En cada estación da zona SPA hai un cartel informativo no que se explica que é, para que serve, as contraindicacións e algunhas indicacións de uso como por exemplo o tempo máximo; dita información debe lerse antes de facer uso da estación e deberanse respectar as indicación sinaladas.
· Lentes, lentes de contacto e obxectos metálicos deben retirarse antes de entrar na sauna.
· Non poderán facer uso da sauna aquelas persoas que padezan problemas de hipertensión ou cardiopatías graves.
· En todo momento deberá respectarse o aforo máximo.
· Está prohibida a manipulación dos botóns de control da sauna.
· O aforo máximo da zona SPA en total é de 26 persoas.
· Sauna: 10 persoas.
· Baño Vapor: 10 persoas.
· Bañeiras de hidromasaxe: 6 persoas.
· Pola propia seguridade dos usuarios é moi importante que respecten os tempos máximos marcados; ben no circuíto que sigan (hai 3 circuítos que marcan o orden a seguir e o tempo máximo en cada estación) ou ben se fan uso libre, sen seguir ningún circuíto (nos carteis informativos de cada estación figuran as indicación, contraindicación e tempo máximo de uso).
· Ademais do dito no parágrafo anterior, o tempo total de realización do circuíto non debe superar os 40 minutos. E se fan uso libre, é dicir, non seguen ningún circuíto, non deben exceder, en total os 35 minutos.
· Por motivos de saúde, non se recomenda o uso desta zona máis de 2 veces a semana, salvo indicacións específicas por parte do seu médico.
· É importante un bo nivel de hidratación antes e despois dunha sesión de SPA.
D) VESTIARIOS
· Os vestiarios deben manterse en correctas condicións hixiénicas de utilización.
· Está prohibido fumar dentro dos vestiarios.
· É obrigatorio o uso de chancletas para ducharse e circular polos vestiarios.
· Está prohibido realizar accións hixiénicas como afeitarse, depilarse ou tinguirse.
· Os armarios deben deixarse baleiros despois do seu uso. As chaves dos armarios non poderán saír das instalacións en ningún caso.
· Cada vestiario dispón de dúas zonas. En horario de grupos unha orientarase a grupos e outra para o uso libre.
· O vestiario feminino ou masculino son de uso exclusivo de persoas deste sexo, será excepcional cambiar nenos menores de 6 anos que acudan con seus pais.
· Duchas
· Non se pode introducir nelas obxectos de vidro.
· Por consideración cos demais usuarios, deben manipularse con coidado e só durante o tempo necesario.
· Taquillas:
· Funcionan cunha moeda en depósito
· Deben deixarse libres unha vez finalizada a actividade.
· As taquillas revisaranse ó finaliza-lo día. Se atopamos algunha pertenza persoal, gardarase na sección de obxectos perdidos por un período máximo de 15 dias.
· A perda da chave suporá o pago do seu custo por parte do usuario.
7.2. Normas para acceso a grupos
Para procurar o mellor funcionamento e coordinación establécense as seguintes normas para facilita-lo acceso de tódolos grupos a actividade:
· Tódolos colectivos que desexen acceder á instalación deben preinscribirse na recepción.
· Cada grupo debe facilitar unha lista coa relación de participantes e a súa idade, aí coma unha persoa de contacto.
· Cada día realizarase un control na recepción coa toma de lista dos asistentes previa ó acceso a vestiarios.
· O primeiro día levarase a cabo unha proba de nivel de dominio acuático para organizalos asistentes en grupos por niveis e idade.
· A actividade infantil vai dirixida a nenos de entre 4 e 14 anos.
· Indumentaria necesaria: bañador, chanclas e gorro. Recoméndase o uso de gafas.
· Os nenos maiores de 6 anos non poderán ir con acompañante ós vestiarios, deben cambiarse sós. Accederán ós vestiarios 15¿antes da actividade.
· Os pais/acompañantes que acompañan a nenos menores de 6 anos ou a persoas que necesitan axuda para cambiarse entrarán con eles 15 minutos antes do o persoal de recepción así llo indique. Deben abandonar os vestiarios cando o neno/usuario saia cara a piscina e poderán entrar de novo 45 minutos despois, ó remate da súa quenda, cando o monitor acompañe ós nenos de volta.
· Nunca poderá haber máis dun acompañante por neno/usuario, e tratarase, na medida do posible, que acceda o menor número de acompañantes.
· Por motivos de hixiene, na zona de duchas é obrigatorio o uso de chanclas. Non podendo estar ninguén con calzado da rúa.
· A instalación ten unha actividade continua, hai máis usuarios á mesma hora, polo tanto, respectémolas zonas de paso e as indicacións do persoal da instalación, así coma os espazos reservados para os grupos.
· Os acompañantes deben agardar nas zonas indicadas, nunca dentro dos vestiarios.
· Os monitores recollen ós nenos/usuarios a hora puntual de inicio da quenda para dar comezo a actividade (deberán de estar duchados), e acompáñanos ata os vestiarios ao fin do curso.
· O obxectivo da actividade é educativo. Comezando polo uso correcto da instalación, orden e coidado da súa roupa, autonomía e independencia nas duchas, que aprendan a vestirse sós, a respectar aos compañeiros, ¿ O labor dos pais e dos monitores no aspecto hixiénico é de educación e control, non face-lo traballo dos nenos.
· Calquera comportamento ou problema que detectemos comunicarémosllo o coordinador do grupo. Do mesmo xeito esperamos que nos fagades saber calquera suxestión ou problema que poida xurdir.
· Non se poderán recuperar os días que non se acuda xa que os grupos e e quendas están pechados. Cada neno ten que vir co seu grupo e figurar na lista deste.
· A natación escolar é unha actividade extraescolar, organizada polo colexio ou ANPA, polo tanto, segue o calendario escolar.
· Para calquera consulta sobre o desenrolo da actividade ou seguimento do neno deben dirixirse ó coordinador.
· Non poderá acudir a actividade ningún neno que padeza algunha enfermidade infecto-contaxiosa. O persoal da instalación mirará polo cumprimento desta norma.
· No espacio reservado para os grupos (zona de cambiadores) hai taquillas que deben ser usadas para deixala roupa, nunca se poderán deixar nos cambiadores.
· O persoal da instalación mirará polo cumprimento destas normas e para solucionar calquera problema que poida xurdir, deben seguir as súas indicacións. Ante calquera dúbida ou suxestión pregamos nola fagan chegar para darlle resposta o antes posible.
· A empresa xestora e o concello non se farán responsables da perda de obxectos na instalación. Existe taquillas para gardar as pertenzas así coma un servizo de guarda e custodia.
· Forma de pago das taxas: O pago realizarase por anticipado, respectando a modalidade acordada (trimestral ou cuadrimestral).
Artigo 8. Horario das instalacións
8.1. O horario de apertura da instalación na tempada invernal, de 1 de setembro a 30 de xuño, será o que segue:
- Luns a Venres 7:30 a 13:30 h. e 16:00 a 22:30 h.
- Sábados de 9:00 a 13:30 h. e de 17:00 a 20:30 h.
- Domingos e Festivos de 10:00 a 13:00 h.
8.2. O horario estival, do 1 de xullo ao 31 de agosto, colocarase con antelación suficiente as datas sinaladas.
8.3. A instalación estará pechada como mínimo durante 15 días polos condicionantes do Decreto 103/2005 Regulamento Técnico-Sanitario de Piscinas de Uso Colectivo da Xunta de Galicia e/ou por causas de mantemento esencial, baleirado, limpeza e desinfección.
Artigo 9. Danos, perdas e seguro de responsabilidade civil
1.1. A empresa concesionaria dispón dun seguro que cobre a responsabilidade civil derivada da súa actividade.
1.2. Facilitarase ao usuario a subscrición voluntaria dun seguro de accidentes con cobertura de asistencia sanitaria.
1.3. O Centro Deportivo e o seu persoal asi como o Concello de Rianxo non se farán responsables de ningunha perdida, dano ou hurto de calquera dos bens pertencentes aos usuarios, a menos que sexa debido a unha neglixencia da propia instalación. Asemade o Centro Deportivo e o seu persoal non serán responsables das mortes, danos persoais ou lesións que se produzan nas instalacións ou como resultado da utilización desta e/ou dos equipos postos a disposición pola instalación, salvo que se produza por calquera acto de neglixencia ou omisión por parte da instalación e do seu persoal.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.