Boqueixón - ORDENANZA REGULADORA DA TARXETA DE ACCESIBILIDADE
Exposición de motivos:
O artigo 49 da Constitución española encoméndalles ós poderes públicos a realización dunha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos físicos, psíquicos e sensoriais, ós que prestarán a atención específica que requiran e ós que ampararán especialmente para o goce dos dereitos que a Constitución lle outorga a todos os cidadáns.
A Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na comunidade autónoma de Galicia, e o Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento dela, establece as normas que lles garantan ás persoas con mobilidade reducida ou con calquera outra limitación a accesibilidade, entendida esta como aquelas características do urbanismo, da edificación, do transporte ou dos medios e sistemas de comunicación que lle permitan a calquera persoa a súa utilización e o goce de maneira autónoma, con independencia da súa condición física, psíquica ou sensorial.
Entre as medidas que adoptarán os municipios para conseguir a integración das persoas con limitacións está a regulación da tarxeta de accesibilidade.
O municipio, no marco da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma, exercerá competencias en materia de servicios sociais e de promoción social.
Por outra parte, as corporacións locais poden intervir a actividade dos cidadáns, entre outros medios, mediante ordenanzas.
Por todo isto o Concello de Boqueixón pretende aprobar a normativa que estableza os criterios e o procedemento de adxudicación das tarxetas de accesibilidade.
Por un lado, establécese o modelo oficial de tarxeta de accesibilidade, que permite unha serie de aparcamentos nas zonas do municipio; e por outro, preténdese que neste único documento se integren tamén os beneficios para a accesibilidade dos usuarios dos transportes públicos que sirva para conseguir vantaxes nos desprazamentos de forma que exista unha reserva de prazas para persoas con discapacidade en proporción suficiente para atender ás súas demandas.
Artigo 1.º .-Creación da tarxeta.
Artigo 2.º .-Modelos de tarxeta.
Créanse dúas clases de tarxetas:
A.-Tarxeta de estacionamento.
Concederáselle ás persoas con graves problemas de mobilidade e recoñecida a imposibilidade de uso do transporte público polos equipos de valoración e orientación (EVO) para favorecer o uso dos transportes privados e para que o seu titular poida gozar das facilidades de estacionamento relacionadas coa tarxeta.
B.-Tarxeta de accesibilidade de usuarios.
Concederáselle ás persoas con algunha limitación, con carácter persoal e intransferible, para favorecer o uso e goce dos transportes públicos.
De acordo coas recomendacións do Consello da Unión Europea, ambas tarxetas axustaranse ás características sinaladas no anexo III, sección segunda, capítulo III, referente ás disposicións sobre barreiras no transporte.
DOG, martes 29 de febreiro de 2000 (páxs. 2.701-2.703).
Artigo 3.º .-Dereitos derivados da tarxeta.
Os titulares da tarxeta terán dereito a:
Que se establezan unha serie de prazas nas zonas de aparcamento anexas a edificios públicos, tales como o Concello, centro de saúde, colexio, centro social, etc., prazas que serán de utilización exclusiva e permanente polas persoas con minusvalidez.
Que se lles reserve unha praza de aparcamento debidamente sinalizada para vehículos que transporten persoas con mobilidade reducida. As prazas de aparcamento reservaranse próximas ós accesos das súas vivendas, nas zonas que as determinen como aptas, para aparcamentos de vehículos lixeiros.
Que se lles permita circular e estacionar nas zonas peonís do municipio a aquelas persoas con limitacións que teñan a súa residencia nelas ou que xustifiquen suficientemente a necesidade de facelo por razóns laborais, familiares, etc. Establécese que o tempo será o suficiente para que se realice o acceso ó centro.
Que o persoal municipal os atenda en lugares de acceso fácil, cando o establecido para isto con carácter xeral non cumpra as condicións establecidas pola Lei de eliminación de barreiras arquitectónicas.
Que se lles reserve un número de tres asentos por vehículo nos transportes públicos dependentes do Concello, próximos ás portas de acceso e sinalizados adecuadamente. As persoas con mobilidade reducida poderán saír pola porta de entrada para evitar o seu desprazamento polo vehículo. Os pasaxeiros que vaian acompañados de cans guía poderán viaxar con un ó seu lado, baixo a súas responsabilidade e sen custo adicional.
Artigo 4.º .-Expedición das tarxetas.
O procedemento de outorgamento da tarxeta será o seguinte:
- O expediente iniciarase por instancia da persoa interesada.
O ente local remitiralle copia da solicitude ó equipo de valoración e orientación (EVO) correspondente para a realización do informe preceptivo e vinculante para a resolución do procedemento.
Presentarase a solicitude ante o Concello (modelo normalizado) coa que se acompañará a seguinte documentación:
- DNI propio e/ou da persoa que teña atribuída a patria potestade ou a custodia, no caso de que estean incapacitados xuridicamente.
- Certificado de empadroamento (poderá ser comprobado de oficio polo servicio tramitador). No caso de que resida noutro municipio pero deba desprazarse por razóns de traballo ó Concello de Boqueixón, deberá xustificar este, así como a situación do centro onde traballa.
- Dúas fotografías do solicitante da tarxeta.
- Certificado de minusvalía.
- Cando o titular da tarxeta de estacionamento sexa unha persoa xurídica deberá sinalar a matrícula dos vehículos habilitados para o transporte das persoas con problemas de mobilidade.
A solicitude someterase a informe perceptivo da traballadora social e do GMIR ou Protección Civil, que indicarán a viabilidade das reservas de praza. Estas reservas de praza en ningún momento serán personalizadas.
O Concello resolverá motivadamente no prazo dun mes, concedendo ou denegando a tarxeta e especificando os lugares para os que se habilita a aparcar.
Artigo 5.º .-Validez das tarxetas.
No caso de que a cualificación da minusvalidez sexa permanente, a tarxeta caducará ós dez anos da concesión e, no caso de que a cualificación da minusvalidez sexa provisional, caducará cando transcorra o prazo que esta indique.
Para a renovación débese seguir o mesmo procedemento que se seguise para o outorgamento da tarxeta inicial.
As tarxetas de accesibilidade concedidas por unha entidade local terán validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, en caso de cambio de domicilio do beneficiario dunha tarxeta de accesibilidade, este deberá solicitar o traslado do expediente ó novo municipio de residencia.
Artigo 6.º .-Usos da tarxeta.
A tarxeta de accesibilidade é persoal e intransferible.
No suposto que se detecte o uso indebido da tarxeta de maneira reiterada e debidamente probada, dará lugar á incoación do correspondente procedemento sancionador que comportará a retirada da tarxeta nun prazo de dous anos polo órgano que a outorgase.
Disposición final.
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez que sexa publicada integramente no BOP e transcorra o prazo previsto pola Lei 7/1985, do 2 de abril.