Mazaricos - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA LICENZA DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS OU POLA ACTIVIDADE DE CONTROL POSTERIOR DAQUELAS ACTIVIDADES SOMETIDAS A COMUNICACIÓN PREVIA OU DECLARACIÓN RESPONSABLE
Artigo 1.º.-Natureza e fundamento.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola licenza de apertura de establecementos, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ao previsto no artigo 57 do texto refundido citado.
Artigo 2.º.-Feito impoñible.
1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica coma administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade, salubridade, urbanísticas, ambientais e de seguridade e calquera outra esixida polas correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, ben como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licenza municipal de actividade, apertura ou funcionamento, ben como consecuencia das declaracións responsables ou comunicacións previas ao inicio de actividade ou apertura de establecementos que sexan procedentes e que deban ser obxecto de control posterior
2. Para tal efecto, terá a consideración de apertura:
a) A instalación por primeira vez do establecemento para dar comezo ás súas actividades.
b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.
c) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leve a cabo neste e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 deste artigo, esixindo nova verificación destas.
d) Os traspasos e cambios de titularidade dos establecementos por calquera causa, incluídos os cambios de denominación social.
3. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ó público, que non se destine exclusivamente a vivenda e que:
a) Se dedique ó exercicio de algunha actividade empresarial, fabril, artesá, da construción, comercial e de servizos.
b) Aínda sen desenvolver as actividades anteriores, sirvan de auxilio ou complemento para estas, ou teñan relación con elas de forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como por exemplo: sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, oficinas, despachos ou estudios.
Artigo 3.º.-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, titulares da actividade que se pretenda desenvolver ou, no seu caso, se desenvolva en calquera establecemento industrial ou mercantil.
Artigo 4.º.-Responsables.
Os supostos de responsabilidade, xa sexa subsidiaria ou solidaria, serán os previstos na normativa tributaria.
Artigo 5.º.-Base impoñible.
1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza do expediente a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.
2. A cota da tarifa corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, desde a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.
Artigo 6.º.-Cota tributaria.
1. As cotas tributarias determinaranse de acordo coa seguinte tarifa:
a) Comunicacións previas ou declaracións responsables para establecementos de ata 200 m2 construídos: 150,00 euros.
b) Comunicacións previas ou declaracións responsables para establecementos de máis de 200 m2 construídos: 200,00 euros.
c) Comunicacións previas ou declaracións responsables para establecementos sometidos a autorización ou declaración ambiental: 300,00 euros.
d) Licenzas para actividades: 400,00 euros.
e) Cambios de titularidade: 100 euros.
f) O custo das publicacións de edictos nos boletíns oficiais, para aquelas actividades que o necesiten, serán por conta do interesado e cobraranse coa liquidación da taxa correspondente.
3. Cando nun establecemento ou local que pertenza a un só titular se vaia exercer máis dunha actividade industrial ou mercantil e, polo tanto, sexa necesaria a obtención de varias licenzas e o conseguinte pagamento de distintas taxas de apertura, a cota a satisfacer será a maior que corresponda, aplicándolle un recargo do 50 por cento.
4. No caso de desestimento formulado polo interesado con anterioridade á concesión da licenza, sempre que a actividade municipal xa se tivese iniciado, as cotas a liquidar serán:
- Do 20 por cento, se ten lugar no prazo dun (1) mes desde a solicitude.
- Do 50 por cento, se ten lugar con posterioridade.
Artigo 7.º.-Exencións e bonificacións.
Non se concederán outras exencións ou bonificacións que as expresamente previstas nas leis ou as derivadas da aplicación de tratados ou acordos internacionais.
Artigo 8.º.-Devengo.
1. A presente taxa devéngase e nace a obriga de contribuír cando se inicia a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada a devandita actividade na data de presentación da solicitude da licenza de actividade, apertura ou funcionamento ou se faga a comunicación previa ou declaración responsable.
2. De facerse a apertura sen ter concedida a licenza ou realizada a comunicación previa ou declaración responsable, segundo corresponda de acordo coa normativa vixente, a taxa devengarase ao iniciar a actividade municipal para determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles.
Artigo 9.º.-Normas de xestión.
1.-A liquidación das taxas realizarase seguindo as seguintes normas:
a) Nos supostos suxeitos a previa licenza, o interesado deberá presentar o xustificante de pagamento da autoliquidación da débeda polo importe que sexa aplicable segundo o art. 6 desta Ordenanza, xunto coa solicitude da licenza. De non se presentar o documento xustificativo do pagamento da autoliquidación, non se procederá á tramitación da solicitude.
b) Nos supostos de mera comunicación previa ou dclaración responsable, o interesado deberá presentar, xunto coa mesma, xustificante de pagamento da autoliquidación do importe da taxa segundo a tarifa que corresponda á vista do art. 6 desta Ordenanza. De non ser así, a Administración practicará a liquidación unha vez rematados os labores de comprobación administrativa, pola vía de constriximento.
c) Nos supostos de comunicación de cambios de titularidade, deberase presentar, xunto coa solicitude ou comunicación, xustificante do pagamento da autoliquidación da taxa correspondente.
2.-Cando a Administración Tributaria local teña coñecemento da produción dunha alta no Imposto sobre Actividades Económicas nunha actividade que estea suxeita a licenza ou comunicación previa ou declaración responsable, sen terse producido a solicitude ou comunicación ao Concello, procederá de oficio ao inicio, de xeito automático, do correspondente procedemento de comprobación tributaria -sexa de xestión ou de inspección-, que será simultáneo ao expediente que se tramite para a verificación do cumprimento das condicións que a normativa sectorial aplicable esixa para o establecemento.
Artigo 10º.-Recadación.
1.-Os modelos oficiais de autoliquidación serán aprobados por resolución da Alcaldía. Os interesados poderán solicitar a colaboración das unidades administrativas do Concello para a súa cumprimentación.
2.-Nos supostos de liquidación practicada pola Administración Tributaria municipal, unha vez practicada e aprobada, notificarase consonte ao previsto no art. 102 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e o seu ingreso deberá efectuarse nos prazos sinalados no art. 62.2 da mesma Lei para as débedas liquidadas pola Administración e notificadas directamente aos suxeitos pasivos.
3.-As débedas non ingresadas no período voluntario, serán esixibles pola vía de constriximento. A tal efecto, entenderase que a presentación dunha solicitude de licenza de apertura, comunicación previa ou declaración responsable sen terse efectuado a presentación e o ingreso da autoliquidación correspondente á taxa pola tramitación do expediente, cando esta resulte esixida segundo as normas do artigo anterior, orixinará o inicio do período executivo, consonte ao previsto no art. 28 e 161 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, salvo que sexan aplicables os recargos do art. 27 da mesma Lei por se presentar o xustificante de pagamento da autoliquidación antes de que se reciba comunicación formal do inicio do período executivo.
4.-Nos supostos de licenzas de apertura nos que, ao tempo de se presentaren as solicitudes, non se acompañara o xustificante do pagamento da autoliquidación correspondente, non se procederá á continuación do expediente até que se xustifique o pagamento das taxas, sen prexuízo do exposto no parágrafo anterior.
Artigo 11.º.-Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que lle correspondan a estas en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.
Disposición final
A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno da Corporación o 30 de xaneiro de 2014, e entrará en vigor unha vez se produza a publicación do seu texto no BOP. A presente ordenanza permanecerá vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa. O texto íntegro da nova ordenanza, ou da ordenanza modificada, será obxecto de publicación no BOP.