Laxe - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE LAXE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, establece no seu artigo 25.2 k) que os concellos exercerán, en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas en materia de prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, regula o dereito de todas as persoas aos servizos sociais, correspondéndolles, aos poderes públicos, garantir este dereito, posibilitando así que as liberdades e igualdades entre individuos sexan reais e efectivas, tal e como consagra a propia Constitución Española.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu capítulo II do título I, o catálogo de servizos sociais, onde define o servizo de axuda no fogar como un servizo consistente en ofrecerlles un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia no seu contorno habitual. Esta mesma lei establece no seu artigo 11.f) que é función dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión do servizo de axuda no fogar.
Coa entrada en vigor da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como a normativa estatal e galega que a desenvolve, fíxose necesario establecer un novo marco regulador de carácter básico dos contidos, formas de prestación e aspectos procedimentais e organizativos da axuda no fogar de maneira que coa aprobación da Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar, se estableceron pautas de carácter xeral para asegurar un nivel equitativo de atención a todas as persoas que tiñan limitada a súa autonomía persoal.
O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia, establece no seu artigo 7. b) como requisito xeral dos centros e programas de servizos sociais, dispoñer dunhas normas de funcionamento, visadas polo órgano competente, en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia, que garanta o respecto ao dereito das persoas usuarias e establezan as condicións de prestación e desenvolvemento dos servizos.
Coa aprobación e publicación do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, faise necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar co fin de dar cumprimento ao establecido na disposición derradeira primeira do citado decreto.
O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define ac arteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, dalle unha nova redacción aos artigos 14.2, 59 e 61 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, polo que se fai necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar ao establecido nos mencionados artigos.
En consecuencia e coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e os criterios de participación económica das persoas usuarias, o Concello de Laxe, de conformidade co marco normativo referenciado que confire aos concellos a potestade regulamentaria e de autoorganización dentro da esfera das súas competencias, regula os requisitos e condicións da prestación do servizo de axuda no fogar municipal, a través da presente ordenanza.
CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.º.-Obxecto.
É obxecto desta ordenanza a regulación do servizo de axuda no fogar do Concello de LAXE, como programa básico de actuacións dos servizos sociais comunitarios básicos de carácter municipal, asi como a súa adaptación á normativa vixente.
Artigo 2.º.-Ámbito de aplicación.
O establecido nesta ordenanza é de aplicación ao servizo de axuda no fogar que se desenvolve no Concello de LAXE.
Artigo 3.º.-Natureza, definición e obxectivos do servizo.
1. O servizo de axuda no fogar (en adiante SAF) é un servizo público de carácter local, consistente en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual.
2. O servizo de axuda no fogar poderá prestarse, a calquera persoa ou unidade de convivencia, para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.
3. O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestructuración familiar.
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar:
a) Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
b) Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
c) Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
d) Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
e) Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
f) Retardar ou evitar a institucionalización.
g) Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
h) Apoiar e complementar a labor da familia en situacións de sobrecarga derivadas da atención de persoas dependentes.
i) Favorecer a conciliación da vida familiar e laboral e o respiro familiar
j) Potenciar a utilización de recursos comunitarios.
Artigo 4.º.-Contido do servizo.
1. De conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso polos servizos sociais, no marco do servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de atención de carácter básico:
a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como:
1. Asistencia para levantarse e deitarse.
2. Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.
3. Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.
4. Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.
5. Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.
6. Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
7. Outras tarefas para favorecer a atención integral da persoa usuaria.
b) Acompañamento persoal na realización doutras actividades da vida diaria, tales como:
1. Seguimento das intervencións realizadas polo sistema sanitario
2. Apoio en trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial e similares.
c) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como:
1. Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.
2. Compra de alimentos e outros produtos de uso común.
3. Preparación dos alimentos.
4. Lavado e coidado das prendas de vestir, así como do enxoval doméstico.
5. Apoio á unidade familiar
6. Coidados e mantemento básico da vivenda.
Este tipo de atención poderá ser facilitado en parte, se é o caso, por programas específicos de lavandaría ou alimentación a domicilio.
d) Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico-profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estructuración familiar.
2. Con carácter complementario, unha vez garantido o nivel básico de atención, o SAF poderá incorporar, entre outros, os seguintes tipos de atención:
a) Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.
b) Servizo de préstamo de axudas técnicas para as persoas en situación de dependencia ou dependencia temporal.
c) Prestación de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguimento, teleasistencia e similares.
d) Adaptacións funcionais do fogar.
e) Servizo de podoloxía.
f) Servizo de fisioterapia.
3. Poderán integrarse, ademais, dentro do SAF, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na mellora da autonomía e calidade de vida.
4. En todo caso, as atencións prestadas terán un carácter de reforzo e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu contorno inmediato, de maneira que se falicite e promova a súa autonomía.
5. En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:
a) A realización de actividades domésticas, que non fosen incluídas no proxecto de intervención e no acordo de servizo.
b) Actuacións, que polo seu carácter sanitario, deban en todo caso, ser realizadas por persoal facultativo.
Artigo 5.º.-Persoas destinatarias.
1. O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores, en que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
2. En todo caso, darase prioridade de acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.
Artigo 6.-Dereitos das persoas usuarias.
As persoas usuarias do servizo, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lle recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán dereito:
1. A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade, intimidade e autonomía.
2. A accederen e utilizaren o servizo en condicións de igualdade e non discriminación.
3. A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso.
4. A recibiren unha información de xeito áxil, suficiente, veraz e comprensible sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como a que sexan asistidas e orientadas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso aos demais sistemas de benestar social.
5. A teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención.
6. A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.
7. Ao tratamento confidencial dos seus datos, de acordo coa lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
8. A coñeceren a situación do seu expediente.
9. A seren informadas, de xeito claro e preciso, sobre a intervención prevista e elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso, así como a participar na toma de decisións que modifiquen o proceso de intervención acordado.
10. Á calidade dos servizos recibidos e a presentaren queixas e suxestións á persoa coordinadora do servizo.
11. Ao respecto dos seus dereitos lingüísticos, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento da actividade do servizo desde a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.
Artigo 7.º.-Deberes das persoas usuarias.
As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se establecen no artigo 7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e, se é o caso, na lexislación vixente sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes deberes:
1. Residir efectivamente no Concello de Laxe.
2. Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.
3. Facilitar a información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para o acceso e utilización dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia, os cambios de circunstancias familiares, sociais ou financeiras que puideran resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.
4. Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e poñendo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.
5. Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
6. Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios, participando activamente no proceso pautado de mellora, autonomía persoal e inserción social.
7. Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.
8. Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
9. A comunicar, con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puidese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.
10. Obter os medios axeitados para realizar os desprazamentos, no caso que se realicen acompañamentos fóra do domicilio para xestións adecuadamente valorada polos servizos sociais, sendo tarefa do/a auxilia rde axudan o fogar únicamente acompañar a dita persoa.
11. Participar no pagamento do SAF, se fose o caso, nos termos que figuren na resolución da concesión do servizo, debendo aboar o prezo público correspondente segundo a normativa aplicable.
12. Sufragar os gastos do material de limpeza, aseo e alimentación. Só en casos excepcionais, detectados polo persoal técnico responsable e previo informe ó respecto, valorarase a posibilidade de aportar por parte do Concello materiais para estas tarefas.
Artigo 8.º.-Deberes dos/as auxiliares de axuda no fogar.
1.-Respectar a intimidade da persoa usuaria e gardar a debida confidencialidade.
2.-Non perimitir que sexa a persoa usuaria quen oriente o servizo, e manter unha relación de equilibrio afectivo. O trato será sempre de respecto, evitando que a confianza coa persoa usuaria e coa súa familia interfira no traballo.
3.-Non facer participe á persoa usuaria e á familia desta, dos seus propios problemas, separando todo o posible a súa vida privada do seu traballo.
4.-Respectar os horarios e as tarefas establecidas no proxecto de intervención, e non facer cambios sen a previa autorización do persoal de referencia.
5.-Non custodiar diñeiro, xoias, nen obxecto algún da persoa usuaria.
6.-Non recibir ningún tipo de prestación/bonificación por parte da persoa usuaria (cartos, regalos¿).
7.-Non dispor de chaves de ningún domicilio, agás cando as condicións da situación concreta así o esixan, sempre con consentimento formal da persoa usuaria e a aceptación do profesional de referencia.
8.-Non acudir ao lugar de traballo en compañía de persoas alleas ao servizo.
Artigo 9.-Causas de extinción e modificación do servizo.
1. Son causas de extinción do servizo de axuda no fogar, as seguintes:
a) A renuncia da persoa usuaria.
b) O cambio de programa individual de atención ou do proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidade co servizo de axuda no fogar.
c) Traslado definitivo da súa residencia a outro concello.
d) Falecemento da persoa usuaria.
e) Incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.
f) A falta reiterada de pagamento do servizo.
g) Desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.
h) Incorrer en falsidade ou ocultación nos datos que se achegaron ó expediente.
2. Ademais, con carácter xeral, a alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán sustanciarse no expediente individual, mediante un novo informe social.
As persoas usuarias que accedera ao servizo de axuda no fogar polo Sistema de libre concurrencia e fosen valoradas con posterioridade por dependencia correspondéndolles a efectividade do dereito, poderán ver modificadas as condicións da prestación do servizo consorte ao establecido no programa individual de atención e a normativa de aplicación.
3. Cando se trate dun servizo público de axuda no fogar asignado a persoas en situación de dependencia, na correspondente resolución de Programa Individual de Atención, consonte ao establecido na Orde de 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento do sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, modificado polo Decreto 148/2011, do 7 de xullo, a incoación por parte da entidade titular do servizo, dun expediente de extinción ou modificación das condicións de prestación do servizo, deberá notificarse en todo caso ao órgano competente para ditar resolución de Programa Individual de Atención.
Artigo 10.º.-Causas de suspensión temporal do servizo.
Son causa de suspensión temporal do servizo, logo de tramitación do correspondente expediente e informe razoado do persoal técnico coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:
1. Ausencia temporal do domicilio: neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de tres meses para os usuarios de libre concorrencia e por un máximo de dous meses para os usuarios de dependencia, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia.
2. Modificación temporal das causas que motivaron a necesidade do servizo: poderá suspenderse o servizo en tanto persista o cambio de circunstancias causante da suspensión, coa excepción das prazas vinculadas a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía e a atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora.
CAPÍTULO II.-DA PRESTACIÓN DO SERVIZO
SECCIÓN 1.ª.-DISPOSICIÓNS COMÚNS
Artigo 11.º.-Formas de prestación do servizo.
O servizo público de axuda no fogar será prestado polo Concello de LAXE directamente. O Concello disporá ademais dunha bolsa de traballo de auxiliares de axuda no fogar as que se recurrirá para substitucións, novas contratacións, baixas ¿ ou calquera outra incidencia que xurda no servizo co fin de que os usuarios non queden desatendidos en ningún momento.
Artigo 12.º.-Requisitos específicos da organización.
1. Existirá un profesional de referencia que actuará como coordinador do servizo que deberá estar en posesión da cualificación de diplomatura universitaria na área de Servizos Sociais. No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o persoal técnico mínimo exixible será de 0,02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demais casos aplicarase a seguinte táboa:
Número de persoas usuarias | Persoal técnico mínimo |
50 a 99 | 1 técnico/a titulado/a xornada completa |
100 a 199 | 2 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
200 a 399 | 3 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
Incrementos sucesivos | Por cada grupo de 200 persoas usuarias corresponderá un incremento de 1 técnico/a titulado/a a xornada completa |
2. O persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar, que, no caso de prestar o servizo a persoas en situación de dependencia valorada, deberán estar en posesión do título de Técnico en atención a persoas en situación de dependencia ou equivalente, regulado no Real Decreto 1593/2011, do 4 de novembro, ou en posesión do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou euquivalente, regulado no Real Decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade.
3. O seguemento da prestación do servizo nos domicilios das persoas usuarias realizarase polo persoal coordinador sempre que as circunstancias o fagan necesario e, como mínimo, con carácter bimestral. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarase, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e no acordo de servizo.
4. O Concello de LAXE, abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, no cal constará, cando menos:
Un informe social, asinado polo/a Traballador/a Social
Un proxecto de intervención, asinado polo téncio responsable.
Un acordo de servizo asinado entre o Concello de LAXE e a persoa usuaria.
Informes de seguimento periódicos, que terán un carácter bimestral ou extraordinarios cando as circunstancias así o aconsellen.
En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes realizarase de acordo coa Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
SECCIÓN 2.ª.-DA PRESTACIÓN DO SERVIZO
Artigo 13.º.-Modalidades de acceso ao servizo e organización.
O acceso ao servizo de axuda no fogar municipal producirase a través dos servizos sociais comunitarios básicos de carácter municipal do xeito que segue:
1. Acceso por dependencia.
O acceso será prioritario e directo para as persoas que, tendo recoñecida unha situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de programa individual de atención (PIA), e consonte a aplicación do programa de asignación de recursos, establecido no título II do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos.
Para estes efectos, o Concello de LAXE, cando sexa o caso, procederá a dar de alta as persoas en agarda, de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. As persoas para as que o programa individual de atención, determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás que se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador.
A temporalidade do servizo é indefinida mentres non se produza algunha das causas de extinción do servizo recollidas no artigo 9 da presente ordenanza.
2. Acceso por libre concorrencia.
Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, o acceso ao servizo, logo da prescrición técnica do profesional de referencia resolverase en réxime de libre concorrencia.
Estas persoas disporán dun prazo de 3 meses para solicitar a administración competente a valoración da dependencia, se fose o caso, e continuar o procedemento oportuno.
A temporalidade é definida e suxeita a revisión. A intensidade de atención definirase tras a correspondente valoración técnica, cun máximo de 5 horas semanais en función das tarefas designadas. En circunstancias excepcionais e limitadas no tempo podería elevarse segundo a valoración técnica.
No acceso por libre concorrencia empregarase un baremo determinado no que ademais, dos posibles déficits de autonomía da persoa, se valoren factores de carácter persoal e sociofamiliar, apoio social, situación da vivenda e outros que dificulten obxectivamente a súa normalización e a calidade de vida.
Dentro da modalidade de acceso por libre concorrencia, o acceso por urxencia sobrevida, permitirá iniciar a prestación do servizo de axuda no fogar nun prazo non superior a 2 días laborais, establecéndose unha alta provisional, tras a correspondente valoración técnica. A maior brevidade posible a persoa usuaria, representante legal ou gardador de feito, debe facilitar a información e achegar a documentación precisa, así como aceptar o aboamento dos prezos públicos que correspondesen se fose o caso para manter o servizo.
A extensión da prestación, para as persoas usuarias, cuxa vía de acceso ó servizo de axuda no fogar é por libre concorrrencia, incluido o acceso por urxencia sobrevida dentro desta modalidade, virá condicionada polas posibilidades orzamentarias do programa consignadas polo Concello de Laxe podendo complementarse coas achegas doutras administracións e coas achegas das persoas usuarias en función da súa capacidade económica.
Artigo 14.-Procedemento: solicitudes e documentación.
1. Para o acceso por dependencia.
As persoas que teñen recoñecida unha situación de dependencia, que se lles asignará o servizo de axuda no fogar no PIA e no PAR, achegarán, se fose o caso, a documentación precisa para actualizar os datos persoais e familiares. O procedemento da actualización da capacidade económica destas persoas seguirá o establecido no artigo 18 do Decreto 149/2013).
2. Para o acceso por libre concorrencia.
O procedemento iniciarase mediante a presentación da solicitude, dirixida ao Alcalde no Rexistro Municipal do Concello, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/92 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, acompañada da seguinte documentación:
I. Fotocopia do DNI/NIE da persoa beneficiaria do servizo e das persoas que convivan no mesmo domicilio, de ser o caso.
II. Fotocopia da tarxeta sanitaria da persoa solicitante.
III. Certificado de convivencia de tódolos membros da unidade familiar
IV. Informe médico ou clínico sobre o seu estado de saúde.
V. Certificado de discapacidade e/ou certificado do grao e nivel de dependencia, de ser o caso.
VI. Xustificantes de ingresos procedentes de salarios, pensións, subsidios, e/ou outros bens que posúan tódalas persoas que residan na mesma unidade de convivencia:
1. Fotocopia da última declaración da renda, ou no seu defecto, certificado de imputacións do IRPF, expedido pola Axencia Tributaria correspondente.
2. Certificados de todos os ingresos procedentes de salarios, pensións, subsidios e outros bens que posúan na actualidade.
3. Xustificante de aluguer e hipoteca da vivenda, de ser o caso.
4. Certificado de bens mobles e ou inmobles xustificando rendementos, ganancias e perdas.
5. Calquera outra documentación que sexa requirida polo/a traballador/a social para a valoración do seu expediente.
As solicitudes presentadas serán valoradas polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do Concello, que, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará, mediante o informe técnico, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto, tendo en conta todas as circunstancias de necesidade e a aplicación do baremo establecido a tal fin.
O departamento de Servizos Sociais elaborará un informe - proposta que será elevado ao órgano competente para ditar resolución. O prazo máximo para resolver será de tres meses.
No caso de que sexa favorable, a mesma terá a consideración de alta no servizo. En caso de non existir dispoñibilidade, a solicitude pasará a integrarse na lista de agarda, nunha orde de prioridade determinada pola puntuación que obtivese na aplicación do baremo. No caso de empate da puntuación, atenderase por orde temporal da demanda.
Cando concorran circunstancias que aconsellen a intervención inmediata do servizo, a Alcaldía resolverá o expediente, á vista do informe - proposta do/a traballador/a social. Este informe conterá as causas que motiven a tramitación pola vía de urxencia. O procedemento de urxencia terá validez mentres se manteña a situación desencadeante. A desaparición desta, levará consigo a extinción do servizo e a tramitación pola vía ordinaria.
Para o inicio da prestación do servizo será requisito previo asinar o acordo de servizo.
Anualmente, farase unha revisión de todas as persoas beneficiarias do servizo, co fin de comprobar que cumpren as condicións para a continuidade do mesmo. Para a renovación anual do servizo, as persoas
beneficiarias deberán presentar a documentación establecida neste artigo, agás aquela que xa conste no seu expediente individual.
3. Para o acceso por emerxencia sobrevida.
Poderá iniciarse de oficio sempre que así o valore o/a Traballador/a social responsable do servizo a través do informe social correspondente.
Artigo 15.º.-Casusas de denegación no procedemento por libre concorrencia.
A denegación da solicitude procederá por algunha das seguintes causas:
Que a persoa usuaria poida satisfacer axeitadamente as súas necesidades por si mesma/s ou co apoio dos seus familiares.
Que a necesidade alegada non sexa obxecto de cobertura polo servizo de axuda no fogar.
Que non se acepten as condicións do servizo municipal en canto a prestación e a obriga de participar no pagamento dos servizos naqueles supostos concretos que se establezan nesta ordenanza.
Que a persoa usuaria ou a persoa que a represente se negue a facilitar os medios oportunos e condicións para que sexa levado a cabo o servizo
Que a persoa usuaria ou a persoa que a represente se negue a asinar o acordo da prestación do servizo.
Calquera outra causa debidamente xustificada.
Artigo 16.-Desenvolvemento da prestación do servizo.
1. O prazo de alta no servizo, será como máximo dunha semana, desde que á persoa usuaria se lle asigna o recurso desde o Programa de Asignación de Recursos para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de dependencia, ou desde que se dita resolución por parte da Alcaldía, para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de libre concorrencia. Para as persoas usuarias ás que se lles concede o servizo, pola vía de urxencia, o prazo de alta será como máximo de dous días.
2. Previo ao inicio do servizo, o persoal técnico realizará unha avaliación da situación e establecerá un consenso coa persoa usuaria, sobre as actuacións e tarefas a desenvolver no domicilio. Designarase tamén á persoa profesional de referencia.
3. A asignación do persoal de atención directa farase en base ao perfil requirido para cada caso concreto.
Se a persoa beneficiaria, rexeita ao/á auxiliar de axuda no fogar que se lle asigna, sen razón suficientemente xustificada, pasará á lista de agarda ata que se lle asigne outro/a auxiliar, sempre que sexa tecnicamente posible.
Os cambios no persoal técnico asignado, así como nos horarios de prestación do servizo, que deban efectuarse, por circunstancias de necesidades de organización do servizo, comunicaranse á persoa beneficiaria, seguindo en vigor o acordo asinado.
4. Para o inicio da prestación do servizo, será requisito previo, asinar o acordo de servizo.
5. O persoal técnico elaborará un proxecto de intervención, e que deberá conter: días da semana de atención, horario concreto no que se desenvolverá a prestación, identidade do persoal de atención directa responsable da execución do proxecto, obxectivos e tarefas a desempeñar no domicilio, e o seguimento efectivo da prestación no domicilio do usuario, con carácter mínimo bimestral.
6. Farase entrega á persoa usuaria, dunha copia da ordenanza municipal de axuda no fogar, debidamente visada polo órgano competente.
7. Así mesmo, entregarase á persoa usuaria e ao persoal de atención directa, o documento que conteña as tarefas a desenvolver no domicilio.
8. Informarase ás persoas usuarias da existencia dun libro de reclamacións, que estará á súa disposición, para calquera queixa ou reclamación. No caso de queixa ou reclamación, facilitarase unha copia da queixa á persoa usuaria e remitirase o orixinal ao servizo de inspección no prazo de tres días, xunto cun informe do caso, segundo establece o artigo 6.i) do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.
Artigo 17.º.-Intensidade na prestación do servizo.
1. A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuídas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe técnico.
2. A intensidade do servizo de axuda no fogar, para as persoas atendidas no marco do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, estará predeterminada no seu programa individualizado de atención. A súa aplicación horaria será flexible e conforme co proxecto de intervención, de xeito que, cando menos, se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, relacionadas no artigo 4.1.º a) da Orde de 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar, todos os días da semana.
3. Nos restantes casos, a intensidade do servizo, virá determinada na prescrición efectuada polo departamento de servizos sociais do Concello.
Artigo 18.º.-Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias da dependencia.
1. A capacidade económica das persoas dependentes, valoradas con dereito recoñecido de atención, mediante o servizo de axuda no fogar, calcularase de acordo coas normas de valoración contidas no capítulo II do título III do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, observándose as normas de aplicación á materia, vixentes en cada momento, polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia.
2. O resultado do cálculo da capacidade económica, correspondente ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar, constará na resolución do plan individualizado de atención que se desenvolva en cada caso, de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
Artigo 19.º.-Determinación da capacidade económica das persoas usuarias doutros servizos que impliquen copagamento.
No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de convivencia distintas ás referidas no artigo anterior, o cómputo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios:
1. Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.
2. Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte ás regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.
3. A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.
Artigo 20.º.-Participación no financiamento do servizo das persoas dependentes con dereito de atención recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.
1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas a efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.
2. Nos demais supostos, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado:
Capacidade económica | GRAO I | GRAO II | GRAO III |
<=20 horas | <=45 horas | <=70 horas | |
100,00% | 0,00% | 0,00% | 0,00% |
115,00% | 4,52% | 9,61% | 14,70% |
125,00% | 5,41% | 11,50% | 17,58% |
150,00% | 5,55% | 11,79% | 18,03% |
175,00% | 5,65% | 12,00% | 18,35% |
200,00% | 5,72% | 12,16% | 18,60% |
215,00% | 5,81% | 12,34% | 18,87% |
250,00% | 6,03% | 12,82% | 19,61% |
300,00% | 6,24% | 13,26% | 20,29% |
350,00% | 6,42% | 13,63% | 20,85% |
400,00% | 6,54% | 13,90% | 21,25% |
450,00% | 6,63% | 14,09% | 21,55% |
500,00% | 6,70% | 14,25% | 21,79% |
>500% | 6,76% | 14,36% | 21,97% |
3. Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao correspondente, a cantidade a pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.
4. En ningún caso, o importe da participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de copagamento, poderá exceder o 90% do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora.
5. No caso das atencións e servizos complementarios do nivel básico do servizo de axuda no fogar, prestados ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, para os efectos de facer efectiva a obriga de participar no custo do servizo por parte das persoas usuarias, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa a súa participación en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade e do tipo de atención ou servizo asignado:
% Capacidade económica (referenciada ao IPREM) Ata | GRAO I | GRAO II | GRAO III | ||||||
Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | |
<=15 | <=28 | <=45 | |||||||
100,00% | 0,00% | 12,87 % | 13,76% | 0,00% | 22,73% | 24,29% | 0,00% | 35,51% | 37,95% |
115,00% | 5,98% | 13,10% | 14,00% | 10,56% | 23,12% | 24,71% | 16,50% | 36,13% | 38,61% |
125,00% | 7,15% | 13,39% | 14,31% | 12,63% | 23,64% | 25,26% | 19,73% | 36,94% | 39,47% |
150,00% | 7,34% | 13,52% | 14,44% | 12,95% | 23,87% | 25,50% | 20,24% | 37,29% | 39,85% |
175,00% | 7,47% | 13,61% | 14,54% | 13,18% | 24,03% | 25,67% | 20,60% | 37,54% | 40,12% |
200,00% | 7,57% | 13,76% | 14,70% | 13,36% | 24,29% | 25,96% | 20,87% | 37,96% | 40,56% |
215,00% | 7,68% | 13,83% | 14,78% | 13,56% | 24,42% | 26,09% | 21,18% | 38,16% | 40,77% |
250,00% | 7,98% | 13,96% | 14,91% | 14,09% | 24,64% | 26,33% | 22,01% | 38,50% | 41,14% |
300,00% | 8,25% | 14,06% | 15,02% | 14,57% | 24,82% | 26,52% | 22,77% | 38,78% | 41,44% |
350,00% | 8,48% | 14,16% | 15,13% | 14,98% | 25,00% | 26,72% | 23,40% | 39,07% | 41,74% |
400,00% | 8,65% | 14,35% | 15,33% | 15,27% | 25,33% | 27,06% | 23,85% | 39,57% | 42,29% |
>400,00% | 8,77% | 14,48% | 15,48% | 15,48% | 25,57% | 27,32% | 24,19% | 39,95% | 42,69% |
Artigo 21.-Participación no financiamento do servizo das persoas usuarias de SAF por libre concorrencia (doutros servizos que impliquen copagamento).
1. Para o servizo de axuda no fogar, en réxime de libre concorrencia, para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, aplicarase a seguinte táboa que regula unha progresiva participación económica no custo do servizo en base ao cálculo da capacidade económica per cápita, de acordo co establecido no artigo 20 desta ordenanza.
CAPACIDADE ECONÓMICA | Participación no custo do servizo de SAF básico |
Menor de 0,80 IPREM | 0% |
Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,15 IPREM | 10% |
Maior de 1,15 e menor ou igual a 1,50 IPREM | 20% |
Maior de 1,50 e menor ou igual a 2,00 IPREM | 30% |
Maior de 2,00 e menor ou igual a 2,50 IPREM | 40% |
Maior de 2,50 IPREM | 60% |
2. Sen prexuízo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo de axuda no fogar sexa unha problemática de desestructuración familiar, exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social.
3. En calquera caso, establecerase un límite máximo de participación económica das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.
Artigo 22.º.-Afectación dos ingresos municipais polo copagamento dos servizos.
De conformidade co artigo 56.7 de Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o Concello de LAXE, en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios, estarán afectados ao financiamento dos servizos sociais que reciban.
Artigo 23.º.-Nacemento da obriga de pago.
A obriga de pagar os prezos públicos nace, en xeral, desde que se inicie a prestación do servizo e deberá facerse efectivo de acordo coas seguintes normas de xestión:
1. Os prezos públicos contemplados nesta ordenanza satisfaranse con carácter posterior á prestación do servizo e con carácter específico, durante os primeiros vinte días do mes seguinte.
2. Por parte do Concello e, sobre a base do parte de traballo asinado, conxuntamente pola persoa usuaria e polo persoal de atención directa,
elaborarase un recibo individual co importe correspondente ao servizo prestado no mes anterior, que se remitirá á entidade bancaria elixida pola persoa beneficiaria, para que se efectúe o pagamento.
Artigo 24.º.-Infraccións e sancións.
As infraccións e sancións rexeranse, no relativo aos aspectos de contido económico, pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, e no resto das materias, polo disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA.
Esta ordenanza derroga expresamente a ordenanza reguladora da taxa do servizo de axuda no fogar e outras prestacións sociais publicada no BOP n.º 22 de 3 de febreiro de 2010; o regulamento de réxime interno do servizo de axuda no fogar cuxo texto íntegro foi publicado no BOP núm. 231 do 28 de outubro de 2009, e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que sexa contraria á mesma.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA.
Esta ordenanza entrará en vigor trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo de quince días ao que se refire o artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ós 15 días unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.