Lousame - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA LICENZA POLA POSESIÓN DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS, DO SEU REXISTRO E DAS TAXAS POLA PRESTACIÓN DE TALES SERVIZOS

Publicación provisional: 13/01/2014 BOP Nº: 7
Publicación definitiva: 21/04/2014 BOP Nº: 74
Aplicable dende: 22/04/2014

Capítulo I: Disposicións xerais.

Artigo 1.- Obxecto.

1.- É obxecto da presente Ordenanza, a regulación da concesión e renovación da licencias administrativas para a tenencia de calquera dos animais clasificados como potencialmente perigosos, ós que se refire o Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, polo que se regula a posesión de animais potencialmente perigosos, na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a regulación do rexistro municipal de animais potencialmente perigosos e das taxas pola concesión e renovación das licencias e inscricións indicadas.

2.- Quedan excluídos da aplicación da presente Ordenanza os cans e animais pertencentes ás forzas armadas, forzas e corpus da seguridade do Estado, corpos da policía das comunidades autónomas, policía local e empresas de seguridade con autorización oficial.

Artigo 2.- Definición de animal potencialmente perigoso.

1.- Considérase animais potencialmente perigosos, tódolos que, pertencendo á fauna salvaxe, sendo utilizados como animais domésticos, ou de compañía, con independencia da súa agresividade, pertencen a especies ou razas que teñan capacidade de causa-la morte ou lesións ás persoas ou a outros animais e danos a cousas.

2.- En particular terán a cualificación de potencialmente perigosos, os animais domésticos ou de compañía que regulamentariamente se determinen pola Comunidade Autónoma de Galicia, particularmente os pertencentes á especie canina definidos no artigo 2.2 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, polo que se regula a posesión de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos.

3.- En todo caso, aqueles cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. Esta agresividade será apreciada pola autoridade competente, de oficio, ou previa notificación ou denuncia, e despois dun informe dun adestrador ou veterinario designado para tal efecto.

Capítulo II.- Da licenza municipal.

Artigo 3.- Licenza municipal.

1.- A posesión no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licenza municipal.

2.- Están obrigados á obtención de licenza municipal para a posesión de animais clasificados como potencialmente perigosos os propietarios ou posuidores dos mesmos incluídos no padrón de habitantes, así como os establecementos ou asociación, con sede neste municipio, que alberguen animais potencialmente perigosos ós que se refire o Decreto 90/2002 de 28 de febreiro da Comunidade Autónoma Galega e se dediquen a súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, criadeiros, centro de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda colocados neste municipio.

3.- Os propietarios de animais potencialmente perigosos non aveciñados neste municipio deberán acreditar, cando se encontren residindo temporalmente no mesmo e mentres permaneza o animal no termo municipal, a posesión da licenza no municipio de orixe.

4.- Nos casos de inscrición de animais como consecuencia de ter efectuado anteriores ataques a persoas, animais ou cousas, o Concello, unha vez coñecida a resolución ou sentencia, de oficio ou a instancia de calquera interesado directo, e previa tramitación de expediente administrativo con audiencia do interesado, requirirá ó propietario mediante Resolución da Alcaldía, ó obxecto de que no prazo dun (1) mes proceda á solicitude de licenza, efectuándose no caso contrario a retirada e depósito do animal consonte o establecido no artigo 9º desta Ordenanza.

Artigo 4.- Requisitos para a obtención da licenza.

1.- Para a obtención da licenza administrativa con destino á posesión de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporciona-los coidados necesarios ó animal.

b) Non ter sido condenados por delitos de homicidio, lesións, torturas contra liberdade ou contra integridade moral, liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á posesión de animais potencialmente perigosos.

c) Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999 de 23 de decembro, sobre o réxime xurídico de animais potencialmente perigosos. Non obstante, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación de licenza, ter sido sancionado coa suspensión temporal da mesma, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fora cumprida íntegramente.

d) Dispor de certificado de aptitude psicolóxica e capacidade física para a posesión de animais potencialmente perigosos.

e) Acredita-la formalización dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poidan causa-los seus animais na contía mínima de 125.000 euros.

2.- Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da posesión do animal; a perda destes dará lugar á revisión da licenza nos termos recollidos no artigo 9° desta Ordenanza.

Artigo 5.- Vixencia das licenzas.

1.- As licencias terán unha vixencia de cinco anos, á finalización da que deberán ser obxecto de renovación, debendo acreditarse en cada exercicio, para o seu mantemento:

a) A subscrición do seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros.

b) A expedición do certificado de sanidade animal, expedido pola autoridade competente, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigosos.

2.- A condena por calquera dos delitos recollidos no apartado b) do artigo anterior dará lugar á revisión da licenza polo Concello.

Artigo 6.- Acreditación

1.- A identificación da posesión da licenza municipal de animais potencialmente perigosos acreditarase mediante entrega de certificación relativa á mesma.

2.- Por cada can que se posúa, expedirase unha tarxeta identificativa na que se farán consta los seguintes datos:

a) Número de licenza municipal.

b) Código de identificación do can.

c) Raza.

d) Titular da licenza e D.N.I.

e) Número de rexistro municipal.

No dorso, faranse conta-las persoas autorizadas polo titular da licenza para uso temporal e transporte do animal.

Artigo 7.- Documentación

1.- Para a expedición da tarxeta identificativa de cada can requirirase a aportación dos seguintes datos:

a) Raza e sexo do animal.

b) Ano de nacemento.

c) Domicilio habitual do animal.

d) Especificación se está destinado a convivir cos seres humanos ou se pola contra, ten facultades distintas coma a garda, protección ou outra que se indica.

e) Nome do propietario.

f) Domicilio do propietario.

g) DNI do propietario

h) Nome ou razón social e domicilio do vendedor ou cedente.

i) Póliza de seguro de responsabilidade civil.

j) Certificado de aptitude psicolóxica e física nos termos recollidos nos artigos 4 e 5 do RD 287/2002 do 22 de marzo.

k) Certificado de penais.

l) Certificado de sanidade animal expedido pola autoridade competente, que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigosos.

m) Xustificante do aboamento da taxa por expedición da licenza municipal para a posesión de animais potencialmente perigosos.

n) Certificado sanitario de esterilización se se efectuou a mesma.

o) Memoria descritiva das instalacións e medidas de seguridade utilizadas para impedi-la fuxida dos animais conforme o artigo 3.4 do Decreto 90/2002 no seu caso.

p) Facturas e xustificantes de adquisición.

Os citados datos e, no seu caso, a documentación oportuna, deberá facilitala o adquirinte do animal no prazo de quince días a contar dende a súa posesión efectiva.

2.- O certificado de sanidade animal deberá ser expedido polos servizos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia ou por un veterinario colexiado.

3.- Para a renovación da licenza municipal deberá aportarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de renovación.

b) Copia compulsada da renovación do seguro de responsabilidade civil.

c) Copia compulsada do certificado médico de sanidade animal efectuado nunha data non anterior a dous meses á da renovación da licenza.

d) Xustificante do abono da taxa municipal.

e) Certificado de capacidade física.

f) Certificado de aptitude psicolóxica.

Artigo 8.- Órgano competente para a concesión das licenzas municipais.

1.- As licencias municipais para a posesión de animais potencialmente perigosos, concederanse mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia en materia de licencias, previa acreditación da incorporación da documentación esixida na presente Ordenanza.

Artigo 9.- Revisión, perda de licenza e depósito de animais.

1.- A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4° delta Ordenanza, dará lugar á revisión das licencias municipais concedidas e á súa retirada previa tramitación de expediente contraditorio.

2.- A retirada da licenza dará lugar á perda do dereito á posesión do animal e á obriga do interesado de proceder, no prazo máximo de dez días a contar dende a recepción do requirimento, á súa entrega e depósito no establecemento adecuado o efecto ata a obtención desta, salvo que o animal sexa obxecto de entrega a outro propietario ou sacrificio nos termos establecidos nos artigos 58, 59 e 60 do Decreto 153/1998 da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.- En caso de incumprimento da obriga de depósito procederase á súa execución subsidiaria polo Concello, ou a Comunidade Autónoma, a través dos seus servizos ou mediante empresa contratada, sendo os gastos que tal actuación conleva a cargo e conta do antigo titular da licenza.

4.- O Concello poderá retirar dos espazos públicos e depositar de oficio en establecemento adecuado, sen necesidade de requirimento previo, a aqueles animais potencialmente perigosos nos que se aprecie unha situación de abandono ou perigosidade para os usuarios das vías e espazos de uso común ou circulen por estes sen a debida protección ou control do seu propietario ou tecedor.

5.- Igualmente o Concello poderá retirar e depositar en establecemento adecuado aqueles animais potencialmente perigosos que non dispoñían da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe ata tanto se acredite tal circunstancia polo titular do mesmo.

6.- A falta de licenza municipal para a posesión de animais potencialmente perigosos dará lugar a un único requirimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días e á retirada e depósito dos animais, nos termos establecidos neste artigo.

Capítulo III.- Do Rexistro municipal.

Artigo 10.- Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.- Créase o rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, cun tratamento informatizado, no que se fará constar con carácter obrigatorio de acordo co Decreto 90/2000 do 28 de febreiro, da Comunidade Autónoma de Galicia, a seguinte documentación:

a) Código identificador do animal.

b) Zona de aplicación.

c) Especie.

d) Raza. No cruzamento da primeira xeración especificaranse as razas de procedencia.

e) Sexo.

f) Descrición de capa.

g) Data de nacemento do animal.

h) Dirección habitual do animal.

i) Outros signos identificativos non definitivos (tales como un tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado nun censo municipal anteriormente).

j) Especificación de se o animal está destinado a convivir con seres humanos ou se teñen finalidades distintas como a garda, defensa ou outra que se indique.

k) Nome e apelidos do propietario do animal.

l) Dirección do propietario do animal.

m) DNI do propietario do animal.

n) Nome, enderezo, número de colexiado do veterinario colaborador que realiza a marcaxe.

o) Data na que realiza a implantación de identificación e a entrega de documento ó propietario.

p) Data de alta no rexistro.

q) Certificado sanitario, expedido por un veterinario, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que o poidan facer potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puideran estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.

r) Libreta sanitaria actualizada nos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na libreta sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.

s) Copia da licencia municipal de posesión de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario.

Acompañarase de copia da póliza que xustifique ter formalizado o seguro de responsabilidade civil.

t) Datos do centro de adestramento, se fose o caso.

u) Incidentes de agresión, se fose o caso.

2.- Os propietarios dos animais serán os responsables de identifica-los animais e de sufraga-los gastos que isto ocasione, independentemente do lugar de residencia de ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.

3.- O Rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes no mesmo. Para estes efectos considerarase, en todo caso, interese lexítimo o que ten calquera persoa física ou xurídica que desexe adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufriran calquera tipo de agresión polo animal e desexen exerce-las accións correspondentes en calquera vía xurisdicional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.

4.- En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no rexistro será de acordo co disposto na Lei Orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.

Artigo 11.- Inscrición no rexistro.

1.- A inscrición no rexistro de animais potencialmente perigosos efectuarase de oficio polo Concello trala concesión da licenza municipal reguladora no artigo 3°. da presente Ordenanza.

2.- Non obstante, será igualmente obrigatoria a instancia do interesado, a inscrición no rexistro municipal, en sección aberta ó efecto, cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente perigoso a este municipio, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, debendo proceder á inscrición no prazo máximo de dez días a contar dende o inicio da residencia no Municipio.

3.- Estimarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso, salvo acreditación expresa en contrario polo interesado, nos casos de cambio de residencia do titular, caso no cal será preciso a acreditación da obtención da licenza no municipio de orixe anterior, procedendo a renovación da licenza nos casos previstos na presente Ordenanza.

4.- Das inscricións que se efectúen no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos darase traslado a órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

5.- Igualmente nos casos de cambio de residencia dende o municipio, sen prexuízo da obriga do interesado de dar conta do traslado do animal, notificarase ó Concello do municipio de nova residencia a titularidade por parte do interesado dun animal potencialmente perigoso.

Artigo 12.- Baixa no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.- A baixa no rexistro municipal de animais potencialmente perigosos efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal.

2.- Igualmente procederase á baixa no rexistro no caso de traslado da residencia do titular do animal a municipio distinto e así quede acreditado xa sexa a instancia do interesado ou de oficio polo Concello.

Artigo 13.- Circulación e permanencia do can en vías públicas e locais.

1.- Nas vías públicas e os espazos naturais protexidos os cans irán suxeitos con cadea ou correa.

2.- Os cans guía poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos, sempre que vaian acompañados polo seu dono e cumpran as condicións hixiénicas, sanitarias e de seguridade que revén as ordenanzas.

3.- Queda expresamente prohibida a entrada ou estadía de animais domésticos en toda clase de locais destinados á fabricación, almacenamento, transporte, venda ou manipulación de alimentos.

4.- Queda asemade prohibida a entrada ou estadía de animais domésticos en restaurantes, bares, cafeterías e similares.

5.- Prohíbese a circulación ou a estadía de cans e outros animais nas piscinas públicas e locais de espectáculos públicos, deportivos e culturais e nos recintos escolares.

6.- Os titulares destes locais deberán colocar na entrada dos establecementos e en lugar visible o sinal identificativo desta prohibición.

7.- Quedan exentos das prohibicións anteriores os cans guía que acompañen a persoas invidentes.

8.- Queda prohibido deixa-las deposicións fecais dos cans nas vías públicas. Os propietarios de cans son responsables de recoller convenientemente os excrementos e depositalos ou ben en bolsas de lixo domiciliario ou ben naqueles lugares que a autoridade municipal destine expresamente a esta finalidade.

9.- Queda expresamente prohibido que os caes accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio.

10.- Prohíbese lavar animais na vía pública e fontes, así como darlles de beber amourados ás billas das fontes públicas.

11.- Consonte ó establecido no artigo 112 apartado 5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro da Comunidade Autónoma de Galicia, os cans catalogados como potencialmente perigosos terán que circular polas vías públicas e en lugares e espazo de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensible de lonxitude non superior a dous metros, provistos da correspondente buceira homologada e axeitada para a súa raza, e en ningún caso, poderán ser conducidos por un menor de 16 anos.

Capítulo IV.- Infraccións e sancións.

Artigo 14.- Infraccións.

1.- As infraccións que se cometan contra o disposto nesta Ordenanza clasificanse en moi graves, graves e leves.

2.- Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves, as previstas no artigo 13.1 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.- Terán a consideración de infraccións administrativas graves, as previstas no artigo 13.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia.

4.- Son infraccións administrativas leves o incumprimento de calquera das obrigas establecidas nesta Ordenanza, na lei 50/1999, do 23 de decembro do Estado e na Lei 1/1993, do 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia non comprendidas nos parágrafos anteriores e cuxa competencia corresponda ó Concello, consonte ó previsto no artigo 20.3 a) do Decreto 9012002, do 28 de febreiro, da Comunidade Autónoma de Galicia, e en particular dos seguintes:

a) A non presentación no prazo requirido da documentación complementaria esixida no artigo 6.2 desta Ordenanza.

b) A non renovación no prazo dun (1) mes da licenza concedida para a posesión de animais potencialmente perigosos polos propietarios non aveciñados deste municipio.

c) A non presentación cando lle sexa requirida da licenza do municipio de orixe de animais potencialmente perigosos polos propietarios non aveciñados deste municipio.

Artigo 15.- Sancións.

1.- As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multas de contía fixadas de acordo co artigo 13.5 da lei 50/1999 do Estado e no artigo 24 da Lei 1/1993 da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.- En todo caso, as infraccións graves e moi graves tipificadas no artigo anterior desta ordenanza, poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, decomisio, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, e clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licenza para tenencia de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.

Artigo 16.- Responsable.

1.- Considérase responsables das infraccións os que por acción ou omisión participaran na comisión das mesmas, ó propietario ou tenedor dos animais, ou no seu caso, ó titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, asemade, o encargado do transporte.

Artigo 17.- Procedemento sancionador.

1.- O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na Lei 50/1999, de 23 de decembro, así como na lei 30/1992 do 26 de novembro e normas de desenvolvemento.

Artigo 18.- Exercicio da potestade sancinadora.

1.- Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da Comunidade Autónoma de Galicia serán:

a) Por infraccións leves, o Alcalde

b) Por infracción graves, o Director Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

c) Por infraccións moi graves, o Conselleiro de Medio Ambiente.

2.- A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas correspóndelle ó Concello.

Non obstante, o Alcalde porá en coñecemento de xeito fidedigno, do Director Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poidan ser tipificada como infracción grave ou moi grave.

3.- Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o Alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.

CAPÍTULO V.- Da taxa por expedición de licenza, renovación, inserción rexistrais e as súas modificacións e cancelacións.

Artigo 19.- Obxeto.

1.- De conformidade co disposto nos artigos 15 ó 19 en relación co artigo 20 da Lei 39/88, do 28 de decembro, do Estado, reguladora das facendas locais, establécese a taxa por prestación de servizos especiais de expedición de licenza, as súas renovacións, inscricións rexistrais e as súas modificacións e cancelación.

Artigo 20.- Feito impoñible.

1.- O feito impoñible da taxa é a actividade municipal conducente á verificación do cumprimento das condicións reguladas nesta Ordenanza para a concesión da licenza indicada, a actividade de control que se efectuará nas renovacións que da mesma deban verificarse, a tramitación, control e custodia que dela se establece e aqueloutros servizos que se recollen nas tarifas desta Ordenanza.

Artigo 21.- Suxeito pasivo.

1.- Son suxeitos pasivos da taxa os propietarios de animais que soliciten a inscrición no rexistro municipal e que están obrigados á súa renovación.

2.- En particular serán suxeitos pasivos os titulares dos establecementos ou asociacións que alberguen animais potencialmente perigosos e se dediquen a súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centros de recollidas, residencias, centros recreativos e establecementos de venda.

Artigo 22.- Responsables.

1.- Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2.- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedade e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala no artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 23.- Devengo.

1.- O devengo da taxa producirase coa solicitude de calquera dos actos ós que se refire o feito impoñible.

2.- A non concesión de licenza, cando non sexa debido a incumprimentos formais do suxeito pasivo, dará lugar á devolución das cantidades autiliquidadas.

Artigo 24.- Tarifas.

1. Licenza de cans potencialmente perigosos: 15 euros.

2. Ficha identificativa individual: 5 euros.

3. Renovación de licencias: 5 euros.

4. Inscrición no rexistro A.P.P.: 12 euros.

5. Modificación rexistrais: 3 euros.

6. Cancelación rexistral: 6 euros.

7. Os actos ós que se refiren os epígrafes 1, 3, 4 e 6, cando se soliciten polos suxeitos pasivos a que se refire o número 2 do artigo 21, terán un recargo do 30 por cento.

Artigo 25.- Ingreso da taxa.

1.- O ingreso da taxa efectuarase en réxime de autoliquidación e con carácter previo ó acto que se motiva.

Artigo 26.- Infraccións e sancións.

1.- En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que as mesmas corresponden en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposicións

Disposición Adicional Única.

1.- Quedan excluídos da obriga de obtención de licenza municipal, aqueles exemplares caninos que fosen obxecto de adestramento baixo a supervisión directa da ONCE e sexan destinados á guía de persoas invidentes.

Disposición Final.

A presente ordenanza entrará en vigor e comezará a aplicarse ó día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.