Brión - ORDENANZA FISCAL NÚM. 16-T, REGULADORA DA TAXA POLO OUTORGAMENTO DAS LICENZAS URBANÍSTICAS ESIXIDAS POLA LEXISLACIÓN DO SOLO E ORDENACIÓN URBANA OU REALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES ADMINISTRATIVAS DE CONTROL NOS SUPOSTOS NOS QUE A ESIXENCIA DE LICENZA FORA SUB

Publicación provisional: 08/05/2014 BOP Nº: 86
Publicación definitiva: 23/06/2014 BOP Nº: 118
Aplicable dende: 24/06/2014

Artigo 1.-Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española, polo artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (en adiante TRLRFL), o Concello de Brión establece a taxa á que se refire o artigo 20.4 h) do TRLRFL.

Artigo 2.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, técnica e administrativa, dirixida a verificar se os actos de ocupación, construción, edificación e uso do solo e do subsolo que vaian realizarse no termo municipal, axústanse ao ordenamento urbanístico vixente e se reúnen as condicións esixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade, todo elo de conformidade co establecido no artigo 194 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 3.-Suxeito pasivo.

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, que:

a) sexan solicitantes dunha licenza ou que presenten a comunicación previa ou declaración responsable nos casos en que proceda.

b) executen as instalacións, obras ou construcións sen ter obtido a preceptiva licenza, ou sen presentar a comunicación previa ou declaración responsable cando se permita.

2. En todo caso, terán a condición de substitutos do contribuínte os construtores e contratistas das obras, de conformidade co previsto no artigo 23.2.b) do TRLRFL.

Artigo 4.-Responsables solidarios e subsidiarios.

Responderán solidaria e subsidiariamente da débeda tributaria deste tributo as persoas ou entidades ás que se refiren os artigos 42 e 43 da Lei xeral tributaria, de acordo co previsto neles.

Artigo 5.-Cota tributaria.

1. A cota tributaria determinarase por unha cota fixa á que, segundo a natureza do expediente a tramitar, se lle sumará outra cantidade en función da superficie, lonxitude ou unidade, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. Para determinar a superficie das obras e instalacións terase en conta a totalidade das súas plantas e espazos construídos, sen prexuízo do indicado para o caso das rehabilitacións. ETÍN

Artigo 6.-Tarifa.

1. Licenzas ou autorizacións para a segregación de parcelas urbanas, por cada parcela resultante: 64,57 €

2. Licenzas de primeira ocupación de vivendas unifamiliares:

a) vivendas de ata 200 m2 de superficie construída: 64,57 €

b) vivendas de 201 m2 a 400 m2 de superficie construída: 96,85 €

c) vivendas de máis de 400 m2 de superficie construída: 129,14 €

3. Licenzas de primeira ocupación de vivendas colectivas:

a) cota fixa por inmoble: 96,85 €

b) por cada unidade de vivenda e por cada 100 m2 ou fracción de local comercial ou industrial: 16,15 €

c) por cada 100 m2 ou fracción de garaxes, trasteiros e demais dependencias auxiliares: 10,76 €

4. Instalación de tanques, depósitos de almacenamento de auga, piscinas, etc., así como outros depósitos de almacenamento de gas, petróleos, gasóleos e similares: 64,57 €

5. Instalación de quioscos en vía pública:

a) cota fixa por unidade: 64,57 €

b) por cada metro cadrado: 32,28 €

6. Instalación de carteis publicitarios: 64,57 € por cada acto publicitario independente.

7. Fixación de liñas e rasantes:

7.1. Fixación de liñas e rasantes de edificacións:

a) cota fixa por unidade: 64,57 €

b) por cada metro: 1,61 €

7.2. Fixación de liñas en peches de fincas:

a) cota fixa por unidade: 64,57 €

b) por cada metro que dea fronte á vía pública: 1,61 €

c) resto de liña: 0,33 €

8. Construción de edificacións:

a) Os primeiros 200 metros cadrados construídos: 0,33 € por metro cadrado.

b) Dos 200 aos 1.000 metros cadrados construídos: 1,61 € por cada metro cadrado deste tramo.

c) A partir de 1.000 metros cadrados construídos: 2,21 € por cada metro cadrado deste tramo.

d) Cando non se acade esta contía, a taxa mínima a cobrar será de 64,57 €

No caso de obras de rehabilitación, os anteriores importes serán aplicados sobre a superficie do inmoble sobre a que se actúe.

9. Demolición de edificacións:

a) Os primeiros 1.000 metros cadrados: 0,16 € por metro cadrado.

b) A partir de 1.000 metros cadrados: 0,33 € por metro cadrado deste tramo.

c) cando non se acade esta contía, a taxa mínima a cobrar será de 64,57 €

10. No caso de obras maiores: expedición e subministro do cartel de obra normalizado: 31,46 €. O concello expedirá e subministrará aos interesados o cartel de obra obrigatorio normalizado que terá as seguintes características: cartel de cor branca, rotulado a dúas cores ( branco e verde), coas medidas de 0,70 x 0,60 metros (apaisado).

11. Por toda aquela actividade municipal que se axuste ao feito impoñible desta ordenanza e non apareza especificada nos epígrafes desta tarifa, esixirase unha taxa mínima de 64,57 €

12. Polas declaracións de incorporación ao patrimonio do titular daquelas edificacións ou construcións realizadas sen licenza, nos termos previstos na lexislación urbanística: esixirase un 50% a maiores das tarifas estipuladas no apartado 8 deste artigo 6 (construción de edificacións).

13. Para os efectos da aplicación do apartado 8 deste artigo non terán a consideración de edificacións as naves e silos agrícolas e as instalacións agrícolas desmontables.

Artigo 7.-Supostos de non suxeición.

Non estarán suxeitos ao pagamento da taxa, pero si a obriga de solicitar licenza ou presentar a comunicación previa ou declaración responsable, nos casos en que proceda, as seguintes actuacións:

a) As obras que deban efectuar os particulares nas vías públicas ou na fachada dos pisos baixos e que sexan consecuencia directa das modificacións de aliñacións ou rasantes, canalizacións ou sumidoiros que faga o Concello.

b) O branqueo, pintado ou revestimento das fachadas e muros.

c) As derrubas ou demolicións que se produzan como consecuencia de declaracións de ruína inminente e que fosen ordenados polo Concello.

d) As derrubas ou demolicións daqueles inmobles que de acordo coa actual regulamentación urbanística do Concello se atopen fóra de ordenación e fosen ordenadas por este último.

e) As instalacións, construcións e obras promovidas directamente por outras administracións públicas que estivesen suxeitas a licenza urbanística municipal ou a calquera outra actividade municipal técnica e administrativa de verificación que constitúa o feito impoñible desta taxa.

Artigo 8.-Devengo.

1. Devengarase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. Para os efectos, entenderase iniciada dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licenza urbanística ou coa presentación da comunicación previa ou declaración responsable nos casos en que proceda, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.

2. Cando as obras se iniciasen ou executasen sen ter obtido a oportuna licenza ou presentado a comunicación previa ou declaración responsable nos casos en que proceda, a taxa devengarase cando se inicie efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se a obra en cuestión é ou non conforme coa normativa aplicable, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para tal efecto ou a súa demolición se non foran conformes á normativa aplicable.

3. A obriga de contribuír, logo de nacida, non se verá afectada de ningún modo pola denegación da licenza ou da comunicación previa ou declaración responsable nos casos en que proceda, logo de comprobar que non se axusta á normativa aplicable, nin pola renuncia ou desistimento do solicitante logo de concedida a licenza ou autorizada/comprobada a comunicación previa ou declaración responsable.

Artigo 9.-Normas de xestión.

1. Os interesados na obtención dunha licenza de obras ou urbanística virán obrigados a presentar no rexistro do Concello a oportuna solicitude de licenza, comunicación previa ou declaración responsable cando proceda, acompañando proxecto visado polo colexio oficial respectivo, especificando a natureza da obra, lugar de emprazamento, importe estimado desta, medicións e destino.

2. Cando se trate de actos nos que, de conformidade coa normativa estatal, autonómica e local aplicable, non sexa esixible a formulación de proxecto subscrito por técnico competente, acompañarase á solicitude de licenza, comunicación previa ou declaración responsable dun presuposto das obras a realizar así como unha descrición precisa da superficie afectada, materiais a empregar e en xeral, das características da obra ou acto, dos cales os seus datos permitan comprobar o seu custe.

3. Se despois de formulada a solicitude de licenza, comunicación previa ou declaración responsable se modificase ou ampliase o proxecto, deberá poñerse en coñecemento do Concello, acompañando o novo presuposto ou o reformado e, no seu caso, planos e memorias da modificación ou ampliación.

Artigo 10.-Liquidación, notificación e ingreso.

1. Á vista da documentación presentada polos interesados, previo estudo e valoración da mesma pola oficina técnica municipal, practicarase liquidación provisional tomando como base impoñible para esta liquidación o orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo colexio oficial correspondente. Noutro caso, servirá de referencia para a determinación da base liquidable, o listado de prezos que figura no anexo á ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras.

2. Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custe real e efectivo destas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, no seu caso, a cota tributaria á que se refire o artigo 5 desta ordenanza, practicando a correspondente liquidación, e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.

3. O ingreso realizarase nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 11.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións será aplicable, segundo dispón o artigo 11 do TRLRFL, a regulación contida nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposición derrogatoria.

A partir da entrada en vigor desta ordenanza quedará derrogada a ordenanza fiscal reguladora da taxa por licenzas urbanísticas publicada no BOP do 31.12.2004.

Disposición final.

Esta ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno do Concello e entrará en vigor o día seguinte ao da publicación do seu texto definitivamente aprobado no BOP, permanecendo vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresas.