Brión - ORDENANZA FISCAL NÚM. 4-I, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 08/05/2014 BOP Nº: 86
Publicación definitiva: 23/06/2014 BOP Nº: 118
Aplicable dende: 24/06/2014

Artigo 1.-Fundamento e natureza.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dos artigos 15.1 e 59.2 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo ( en adiante TRLRFL), este Concello establece o imposto sobre construcións, instalacións e obras, que se rexerá polo disposto na devandita lei e por esta ordenanza fiscal.

Artigo 2.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible do imposto a realización neste termo municipal de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non a devandita licenza, ou para a que se esixa presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda a este Concello.

2. Son construcións, instalacións e obras suxeitas ao imposto todas aquelas na que a execución implique a realización do feito impoñible definido no apartado anterior; e en particular as seguintes:

a) As obras da nova planta e de ampliación de edificios, ou necesarias para a implantación, ampliación, modificación ou reforma de instalacións de calquera tipo.

b) As obras de modificación ou de reforma que afecten á estrutura, ao aspecto exterior ou a disposición interior dos edificios, ou que incidan en calquera clase de instalacións existentes.

c) As obras provisionais.

d) A construción de vaos para a entrada e saída de vehículos das fincas na vía pública.

e) As construcións, instalacións e obras realizadas na vía pública por particulares ou polas empresas subministradoras de servizos públicos, que corresponderán tanto ás obras necesarias para a apertura de calas e pozos, colocación de postes de soporte, canalizacións, conexións e, en xeral, calquera remoción do pavimento ou beirarrúas, como as necesarias para a reposición, reconstrución ou amaño do estragado coas calas mencionadas.

f) Os movementos de terra, tales como desmontes, explanacións, escavacións, terraplenados, salvo que estes actos estean detallados e programados como obras a executar nun proxecto de urbanización ou edificación aprobado ou autorizado.

g) As obras de peche dos solares ou dos terreos e dos valados, os andamios e as andamiaxes de precaución.

h) A nova implantación, a ampliación, a modificación, a substitución ou o cambio de emprazamento de todo tipo de instalacións técnicas dos servizos públicos, calquera que sexa seu emprazamento.

i) Os usos e instalacións de carácter provisorio.

l) A instalación, reforma ou calquera outra modificación dos soportes ou valados que teñan publicidade ou propaganda.

ll) As instalacións subterráneas dedicadas ós aparcamentos, as actividades industriais, mercantís ou profesionais, aos servizos públicos ou a calquera outro uso a que se destine o subsolo.

m) A realización de calquera outra actuación establecida polos plans de ordenación ou polas ordenanzas que lles sexan aplicables como suxeitas a licenza municipais, sempre que se trate de construcións, instalacións ou obras.

n) Derrubamentos.

ñ) Aliñacións e rasantes.

o) As que se realicen en cemiterios.

p) Calquera outra construción, instalación ou obra que precise licenza de obra o urbanística.

3. Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos a licenza aludida no apartado 1, considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo ao interesado.

Artigo 3.-Exencións.

Esta exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeitas a este, sexan directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamentos de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto se se trata de obras de construción nova como de conservación.

A declaración de que concorren as circunstancias expresadas no parágrafo anterior será efectuada polo órgano competente, previo informe dos servizos económicos.

Artigo 4.-Suxeitos pasivos e substitutos do contribuínte.

1. Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan donos das construcións, instalacións ou obras, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realicen aquelas.

Para os efectos deste apartado terán a consideración de donos das construcións, instalacións ou obras os que soporten os gastos ou custos que comporten a súa realización.

2. Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, no caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, os que soliciten as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas ou realicen as construcións, instalacións ou obras.

3. O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo 5.-Base impoñible.

A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e se entende por tal, a estes efectos, o custo de execución material daquela.

Non formarán parte de dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre o custo de execución material.

Artigo 6.-Tipo de gravame e cota tributaria.

1. A cota íntegra do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible os seguintes tipos de gravame:

a) Tipo xeral: 2%.

b) Construcións, instalacións e obras en solo industrial: 2,5%.

c) Construción de edificacións plurifamiliares, vivendas colectivas ou promocións de máis dunha vivenda unifamiliar: 4%.

Considerarase como promoción de máis dunha vivenda unifamiliar aqueles casos en que as licenzas, sen prexuízo de referirse no seu caso a unha soa vivenda, sexan solicitadas de xeito simultáneo ou sucesivo por un mesmo promotor, cando as obras estean ubicadas nun mesmo lugar.

2. A cota líquida do imposto será, no seu caso, o resultado de aplicar á cota íntegra as bonificacións que se establecesen no artigo 8.º desta ordenanza.

Artigo 7.-Devengo do imposto.

1. A obriga de contribuír nace no intre de comezar a construción, instalación ou obra, mesmo nos casos en que comece sen ter obtido a licenza ou autorización que proceda.

2. Para os efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construcións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, cando fora concedida a preceptiva licenza municipal, ou autorización nos casos en que sexa procedente a presentación dunha comunicación previa ou declaración responsable; no momento no que sexa retirada a devandita licenza polo interesado ou o seu representante, ou noutro caso, ao mes da data da resolución do órgano competente.

Artigo 8.-Bonificacións.

1. Bonificacións enmarcadas no artigo 103.2.a) do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, para as que se require a previa declaración de especial interese ou utilidade municipal polo órgano competente a solicitude do suxeito pasivo:

a) Establécese un beneficio fiscal do 95% da cota tributaria para as seguintes instalacións, construcións e obras:

1) As obras, construcións e instalacións que, debendo ser entregadas ao patrimonio municipal, fosen executadas por outras administracións públicas en virtude de convenio de colaboración ou cooperación co Concello.

2) As obras, construcións e instalacións realizadas por entidades de interese público ou asociacións veciñais en bens de uso ou servizo público municipal, coa autorización previa do órgano correspondente.

3) As obras que consistan en construción e reconstrución de muros, como consecuencia da necesidade de ensanche das vías públicas si se efectuara a cesión gratuíta dos terreos polos propietarios.

4) A execución de obras de urbanización realizadas polos propietarios afectados, sempre e cando se entreguen posteriormente ao patrimonio municipal.

5) As obras realizadas nos centros públicos sempre que estas se realicen nos niveis de educación obrigatoria.

b) Establecese un beneficio fiscal do 90% da cota para instalacións, construcións e obras promovidas directamente por outras administracións públicas e destinadas ao equipamento comunitario primeiro, sempre e cando non estea prevista a súa repercusión no prego de condicións que rexa para a contratación da obra.

c) Terán unha bonificación do 50% da cota as construcións, instalacións e obras, realizadas por asociacións sen ánimo de lucro, en centros destinados a asistencia e integración social ou desenvolvemento de actividades culturais de libre acceso e participación. Para acceder a esta bonificación será necesario acompañar á solicitude cos estatutos da asociación debidamente rexistrados, así como unha memoria explicativa da actividade que se vai desenvolver no local. A inactividade por un prazo superior a 6 meses ou o cambio de actividade nos locais dentro dos cinco anos seguintes ao outorgamento do beneficio darán lugar á perda da bonificación e liquidaranse as cantidades bonificadas coa aplicación dos xuros de demora correspondentes.

d) Establécese ademais unha bonificación do 30% a favor doutras construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico - artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. A concesión da mesma requirirá informe ou memoria motivadora do especial interese ou utilidade municipal.

En todos os casos recollidos nas letras anteriores a concesión do beneficio fiscal, así como a declaración de especial interese ou utilidade municipal requirirá, en todo caso, solicitude previa do suxeito pasivo e informe ou memoria motivadora do especial interese ou utilidade municipal.

2. Establécese unha bonificación a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente. Non se concederá esta bonificación cando a implantación deses sistemas sexa obrigatoria a tenor da normativa específica vixente en cada momento. A bonificación establécese no 25% dos gastos de execución material dos sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar, a deducir da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a dedución poida exceder da porcentaxe do 50% da cota.

O suxeito pasivo deberá aportar, xunto coa solicitude da licenza, o proxecto técnico visado polo colexio oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construción, instalación ou obra de instalacións de enerxía solar térmica ou de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo, así como da homologación dos colectores empregados para a produción de calor.

3. Establécese unha bonificación do 30% a favor das construcións, instalacións ou obras referentes a actuacións protexidas en materia de vivenda, de conformidade co disposto no Decreto da Xunta de Galicia 199/2002, do 6 de xuño e demais normativa estatal e autonómica sobre a materia.

Para o goce da mesma, o suxeito pasivo deberá aportar, no momento previo á retirada da licenza, a cédula de cualificación provisional como VPO emitida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou declaración ou visado emitido polo mesmo Instituto considerando protexida a actuación en que consiste a construción, instalación ou obra.

4. Establécese unha bonificación a favor das construcións, instalacións e obras que, en edificacións e instalacións xa existentes, favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados/as. A bonificación establécese no 10% dos gastos de execución material das obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos/as discapacitados/ as, a deducir da cota íntegra do imposto, sen que en ningún caso a dedución poida exceder da porcentaxe do 30% da cota. Non se concederá esta bonificación cando a eliminación de barreiras arquitectónicas sexa obrigatoria a tenor da normativa específica vixente en cada momento.

5. As bonificacións previstas neste artigo esixirán:

a) Solicitude do interesado.

b) Informe dos servizos municipais correspondentes (urbanismo, cultura, emprego, medio ambiente) e, en todo caso, informe do servizo de xestión, recadación e inspección tributaria do Concello.

c) Acordo de concesión polo órgano competente.

6. As solicitudes de bonificación incluídas neste artigo deberán presentarse con carácter previo á concesión das correspondentes licenzas ou autorizacións de declaracións responsables ou comunicacións previas nos casos en que proceda a súa presentación.

7. As bonificacións aplicaranse sobre a cota íntegra do imposto e serán compatibles, agás as recollidas no apartado 1 deste artigo que serán incompatibles entre si, e a recollida no apartado 1 a), que será incompatible con calquera outra. En todo caso as bonificacións aplicadas de forma acumulativa neste artigo en ningún caso poderán exceder do 75% da cota íntegra.

Artigo 9.-Normas de xestión.

1. Os suxeitos pasivos virán obrigados a presentar solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa, acompañada dos correspondentes orzamentos, nos casos e modos que sinala a normativa aplicable ao solo e á edificación, tanto estatal, como autonómica e local. A solicitude de licenza urbanística, declaración responsable ou comunicación previa, terá o valor de declaración tributaria, por canto dos orzamentos que se acompañan a aquela deducirase a base impoñible do imposto. De non mediar solicitude de licenza, declaración responsable ou comunicación previa antes do inicio das obras, a conduta, sen prexuízo das súas repercusións urbanísticas, constituirá unha infracción tributaria, segundo o disposto no artigo 10 desta ordenanza.

2. Os suxeitos pasivos que inicien a construción, instalación ou obra e non tiveran presentado unha comunicación previa ou declaración responsable, nin tiveran concedida aínda a licenza preceptiva teñen a obriga de presentar, no prazo máximo dun mes a contar desde o inicio da construción, instalación ou obra a declaración tributaria que permita practicar ao Concello a correspondente liquidación provisional a conta.

3. Concedida a licenza ou presentada a declaración responsable ou comunicación previa ou adoptado o acordo aprobatorio ou autorización en relación coas construcións, instalacións e obras que se realicen ou cando sen ter solicitado, concedido ou denegado aínda a licenza preceptiva ou presentado a comunicación previa ou declaración responsable, se inicie a construción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta, sen que o pagamento comporte ningún tipo de acto declarativo de dereito a favor daqueles.

A base impoñible para esta liquidación determinarase en función do orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo estivera visado polo colexio oficial correspondente cando isto constitúa un requisito preceptivo. Noutro caso, a base impoñible será determinada pola oficina técnica municipal de acordo co custo estimado da actuación presentado polo interesado e atendendo, no caso de desproporción, aos módulos previstos na presente ordenanza, e que figuran como anexo desta.

4. O pagamento da liquidación practicada terá carácter provisorio e será a conta da liquidación definitiva que se practique unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras. No caso de que se modifique o proxecto e houbese incremento do presuposto, unha vez aceptada a modificación, deberá presentarse declaración complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición aos requisitos sinalados nos apartados anteriores.

5. Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación, poderá modificar a base impoñible á que se refiren os apartados anteriores, facendo a correspondente liquidación definitiva, e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que resulte. Para a confección da liquidación definitiva, o obrigado tributario deberá declarar, no prazo de dous meses desde a finalización da obra, o seu custo real e efectivo, mediante a presentación do certificado ou presuposto final da obra visado polo colexio oficial correspondente, cando se esixiran direccións facultativas, ou de calquera outro documento que se considere oportuno.

6. No caso de que non se executen as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución do ingresado, unha vez que formule e se aprobe a renuncia expresa á licenza ou caducara esta.

7. Nos supostos de licenzas concedidas en virtude da aplicación das normas sobre silencio administrativo, o pagamento do imposto deberá realizarse antes de dar comezo as obras.

8. O ingreso do imposto realizarase nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 10.-Infraccións e sancións.

Para todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e á imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposición derrogatoria.

A partir da entrada en vigor desta ordenanza quedará derrogada a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras publicada no BOP do 24.12.2009.

Disposición final.

Esta ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno do Concello e entrará en vigor o día seguinte ao da publicación do seu texto definitivamente aprobado no BOP, permanecendo vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresas.

ANEXO

Módulos para a determinación obxectiva da base impoñible do imposto de construcións, instalacións e obras

1. Obra menor:

1.1. Demolición de muros: 17,61 €/m2

1.2. Demolición de tabiques: 4,64 €/m2

1.3. Levantado de solainas: 5,12 €/m2

1.4. Picado de azulexados e revestimentos: 6,13 €/m2

1.5. Demolición de forxados: 11,46 €/m2

1.6. Demolición completa: 11,08 €/m2

2. Movemento de terras:

2.1. Escavación de gabias: 9,18 €/m3

2.2. Escavación de baleirado: 2,52 €/m3

2.3. Recheo de gabias: 13,15 €/m3

2.4. Recheo de ceo aberto: 7,58 €/m3

2.5. Carga e transporte de terras a vertedoiro: 5,15 €/m3

2.6. Tubos de canalización: 4,30 €/m

3. Peches:

3.1. Peche de estacas e arame: 4,30 €/m

3.2. Peche de tea: 22,85 €/m

3.3. Peche de zócalo fábrica e tea: 36,79 €/m

3.4. Peche de fábrica h. 1 m: 27,81 €/m

3.5. Peche de zócalo fábrica e celosía: 53,75 €/m

3.6. Peche de cachotería e celosía: 89,08 €/m

3.7. Peche de cachotería e reixa: 40,91 €/m

3.8. Colocación de columna para contador da luz: 228,98 €/ud.

4. Cubertas:

4.1. Demolición de cuberta de fibrocemento: 2,47 €/m2

4.2. Demolición de cuberta de tella: 4,30 €/m2

4.3. Cuberta de fibrocemento: 15,59 €/m2

4.4. Cuberta de tella: 36,79 €/m2

4.5. Cuberta de lousa: 53,21 €/m2

4.6. Substitución de tella por fibrocemento: 20,46 €/m2

4.7. Substitución de tella por tella: 32,72 €/m2

4.8. Substitución de tella por fibrocemento e tella: 45,02 €/m2

5. Albanelería:

5.1. Formigón en masa: 9,58 €/m3

5.2. Estrutura completa de formigón armado: 67,89 €/m2

5.3. Estrutura completa de aceiro: 74,42 €/m2

5.4. Estrutura naves de formigón armado: 42,55 €/m2

5.5. Estrutura naves metálica: 50,71 €/m2

5.6. Soleira: 17,97 €/m2

5.7. Forxado: 57,27 €/m2

5.8. Muro de contención de formigón armado: 66,51 €/m2

5.9. Muro de cachotería: 122,69 €/m2

5.10. Muro de bloque: 28,63 €/m2

5.11. Muro de ladrillo (tabiquería): 14,77 €/m2

5.12. Cerramento de dobre folla de ladrillo: 42,49 €/m2

5.13. Celosía, balaustrada: 31,04 €/m2

5.14. Azulexado: 20,46 €/m2

5.15. Solaina: 29,45 €/m2

5.16. Enfoscado: 10,63 €/m2

6. Pinturas:

6.1. Pintura interior: 4,87 €/m2

6.2. Pintura exterior: 7,79 €/m2

7. Galpóns:

7.1. Galpón de bloque ou ladrillo: 167,66 €/m2

7.2. Galpón de madeira: 85,90 €/m2

8. Carpintería:

8.1. Porta de entrada: 286,33 €/m2

8.2. Porta interior: 126,69 €/ud.

8.3. Fiestra: 173,67 €/m2

8.4. Fiestra en plano de tellado: 180,02 €/m2

8.5. Peche de balcóns e terrazas con galería: 163,62 €/m2

8.6. Reixa de seguridade e portas e fiestras: 53,21 €/m2

8.7. Fronte de portal: 139,09 € m2

9. Instalación de fontanería e saneamento:

9.1. Instalacións en aseo (sen aparatos sanit.): 180,02 €/ud.

9.2. Instalacións en baños (sen aparatos sanit.): 237,30 €/ud.

9.3. Instalación de cociña: 204,48 €/ud.

9.4. Lavado incluso billame: 204,48 €/ud.

9.5. Inodoro: 220,88 €/ud.

9.6. Bidé incluso billame: 167,18 €/ud.

9.7. Bañeira incluso billame: 196,32 €/ud.

10. Instalación de electricidade:

10.1. Instalación de electricidade: 1.472,50 €/ud.

11. Instalación de calefacción:

11.1. Instalación.

Mínimo ata 100 m2: 4.402,44 /ud. 16,40 euros/m2.

12. Pozos:

12.1. Pozo de barrena: 1.554,28 €/ud.

12.2. Pozo artesán: 2.045,10 €/ud.

13. Depuración:

13.1. Fosa séptica e pozo filtrante: 1.472,50 €/ud.

14. Piscinas:

14.1. Piscina completa. Mínimo: 12.270,75 €/ud.

15. Pistas:

15.1. Pista deportiva: 81,71 €/m2

15.2. Beirarrúa: 21,28 €/m2

16. Guindastre:

16.1. Guindastre: 354,82 €/ud.

17. Colocación de andamios:

17.1. Colocación de andamios: 35,48 €/ud.

2. Obra maior:

Relación de prezos medios de execución material (m2 construído).

Uso de vivenda en edificio de vivendas plurifamiliares: 461,36 €/m2

Outros usos en edificio de vivendas plurifamiliares: (espazos baleiros, sotos, semisotos e garaxes): 183,44 €/m2

Usos de vivenda unifamiliar: 550,1 €/m2

Outros usos en edificio de vivenda unifamiliar: (espazos baleiros, sotos, semisotos e garaxes): 178,1 €/m2

Edificios con uso exclusivo industrial:

Sen proceso produtivo: 229,26 €/m2

Edificio con uso exclusivo terciario: 412,4 €/m2

Acondicionamento ou reforma de locais comerciais: 400,56 €/m2

Nota: no caso de que unha obra non atope un encadre directo nas distintas obras aquí tipificadas, aplicaráselle a tarifa que máis se aproxime por identidade de razón entre os supostos tipificados neste anexo, agás que o suxeito pasivo aduza razóns suficientes para desestimar a valoración realizada.