Abegondo - ORDENANZA MUNICIPAL PARA A PROTECCIÓN E CONSERVACIÓN DOS CAMIÑOS E VÍAS PÚBLICAS MUNICIPAIS EN RELACIÓN COAS OPERACIÓNS DE SACA DE MADEIRA

Publicación provisional: 29/01/2014 BOP Nº: 19
Publicación definitiva: 11/06/2014 BOP Nº: 110
Aplicable dende: 11/07/2014

LIMIAR

A actividade madeireira ten suma importancia no Concello de Abegondo debido a que boa parte da superficie municipal está cuberta por especies forestais.

A presente ordenanza ten como finalidade primordial a de velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e desperfectos que poden sufrir estes, como consecuencia das operacións de saca de madeira, que comprenden dentro desta tanto as operacións preparatorias da corta da madeira como as posteriores.

Resulta tamén prioritario o interese en protexer as persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para iso é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.

O uso dos camiños e vías públicas municipais en condicións óptimas é un dereito de toda a comunidade de usuarios, e esixe dunha intervención administrativa que regule as condicións nas que se deben de realizar as operacións de saca de madeira nos montes e parcelas do concello, tanto públicos como privados, xa que son por todos coñecidos os importantes danos e desperfectos que ás veces ocasionan estas actividades nos nosos camiños.

O Concello, consciente da importancia do sector, pero tamén preocupado polos custos que esta actividade xera nas infraestruturas locais, e polo tanto no conxunto da poboación, pretende regular con esta ordenanza os labores de xestión forestal en Abegondo, no que atinxa á conservación das vías e así promover unha xestión racional e sustentable dos espazos forestais. E faino con base nas competencias que posúen os municipios nos ámbitos da prevención e extinción de incendios, o medio ambiente ou o urbanismo, establecidas pola Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, e pola Lei 5/1997, de administración local de Galicia, entre outras.

TÍTULO PRELIMINAR: OBXECTO E FUNDAMENTO

Artigo 1.- Obxecto e fundamento

1. Consonte ao disposto nos artigos 591 do Código civil e 25, 28 e 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, o Concello de Abegondo establece a presente ordenanza reguladora das cortas forestais.

2. A presente ordenanza ten por obxecto a en por obxecto a regulación do uso dos camiños e vías públicas de titularidade municipal pola actividade forestal consistente na corta e saca de madeira dentro do termo municipal, para facela compatible coa preservación do medio natural, dos bens municipais e da seguridade viaria.

Esta ordenanza afecta aos actos que se desenvolvan e que teñan por obxecto a obtención de madeira e o seu transporte ,operacións preparatorias da corta, desprazamentos de vehículos e maquinaria, construción de ramplas de acceso aos terreos, depósitos de madeira, transporte da madeira etc.

Artigo 2.- Definicións

1. Para os efectos de aplicación desta ordenanza considérase como actividade forestal aquela que se desenvolve a partir do aproveitamento múltiple dos recursos que proporcionan os terreos nos que vexetan especies arbóreas, sexan de nacemento ventureiro, de semente ou de plantación, sempre que non sexan características de cultivo agrícola.

2. Por corta e saca de madeira deberá entenderse, para os efectos desta ordenanza, a totalidade das operacións que se desenvolvan dentro do municipio de Abegondo que teñan por obxecto a obtención e transporte de madeira de corta, incluíndo tanto as operacións previas ou preparatorias á corta (desprazamento de vehículos e maquinaria, construción de ramplas ou accesos ás fincas, preparación do terreo etc.) como as posteriores (preparación e depósito da madeira, cargamento e transporte).

3. Por empresa madeireira debe entenderse a persoa física ou xurídica que realice os labores de preparación do terreo, repoboación, corta, saca, depósito e/ou transporte da madeira. Tamén abrangue a aquelas persoas propietarias que realicen algúns destes labores nas parcelas da súa propiedade, sempre e cando non sexa para o autoconsumo de madeira e teñan por destino a súa comercialización.

Artigo 3.- Ámbito de aplicación

1. O ámbito de aplicación desta ordenanza é o termo municipal de Abegondo, sen prexuízo das disposicións especiais que poidan rexer en zonas cualificadas como especialmente protexidas ou espazos naturais.

2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza as talas puntuais de exemplares de árbores illadas, as podas e refaldes en plantacións forestais, o clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos, os traballos de roza e limpeza de predios, as talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico, a eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens, ou as que se produzan como consecuencia da enfermidade da especie. Todo elo de acordo co establecido no artigo 5.5 desta ordenanza.

TÍTULO I: REXISTRO, AUTORIZACIÓNS E RÉXIME XURÍDICO

Artigo 4.- Rexistro de empresas madeireiras

As persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades madeireiras no Concello de Abegondo deberán inscribirse nun Rexistro establecido para controlar o desenvolvemento destas actividades, no que se fará constar a denominación da empresa, NIF, enderezo, teléfono, correo electrónico e persoa/s de contacto. Recóllese o modelo de solicitude de inscrición no Anexo I.

No caso de actividades madeireiras puntuais o Concello admitirá a simple comunicación previa desta ordenanza.

Artigo 5.- Requisitos para as operacións de corta e saca de madeira

1. Para realizar traballos de corta e saca de madeira en plantacións forestais deste Concello, cun volume estimado superior a 20 metros cúbicos, será obrigatorio presentar unha comunicación previa por escrito, cunha antelación mínima de tres días ao comezo das actividades. Isto farase sen prexuízo da necesaria obtención, con carácter previo, dos permisos ou autorizacións que, conforme á normativa vixente, sexan necesarios, xa foren da autoridade forestal, de conservación da natureza, de protección de augas ou de preservación do patrimonio arqueolóxico.

2. O escrito de comunicación previa será asinado pola empresa madeireira, debendo constar nel os seguintes datos:

1 Datos identificativos empresa madeireira (denominación, número do NIF, enderezo e teléfono, nome e apelidos da persoa encargada ou responsable da empresa)

2 Especie de madeira obxecto da corta

3 Volume de madeira que se prevé extraer

4 Nome das fincas ou montes afectados, lugar ou sitio e parroquia

5 Identificación catastral da finca ou monte afectado (polígono e parcela/s)

6 Datas previstas de inicio e remate dos traballos

7 Lugar onde se depositará a madeira á espera da súa carga

8 Copia da solicitude ou do permiso, autorización ou licenza de corta expedido pola autoridade competente

9 Fotocopia do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar da empresa madeireira que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse con ocasión da corta e saca de madeira, así como do último recibo pagado, acreditativo de que o dito seguro está vixente no momento de realizarse as ditas operacións. No suposto de que a empresa madeireira non sexa posuidora de ningún seguro destas características, deberá facelo constar expresamente no escrito de comunicación que presente, e prestar fianza en metálico ou aval bancario na forma e contía establecidas no artigo 8 desta ordenanza

3. O Concello de Abegondo terá a disposición das persoas interesadas un modelo normalizado de escrito de comunicación previa, tal e como se recolle no Anexo II.

4. O Concello de Abegondo requirirá á empresa madeireira ou á persoa propietaria do monte ou predio forestal a presentación dun escrito de posta en coñecemento (o mesmo que o de comunicación previa) cando comprobe que a empresa madeireira non cumpriu coa súa obriga de presentar nas oficinas municipais a comunicación previa.

5. Exceptuase de todo o descrito anteriormente, e, polo tanto, do disposto na presente ordenanza, a realización de cortas para usos propios domésticos, entendendo como tales os que non teñan fins comerciais e teñan un volume máximo de 20 m3.

Artigo 6.- Responsables

1. A empresa madeireira será responsable directamente de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo da corta, depósito e transporte da madeira, debendo reparar o dano causado. O Concello de Abegondo velará especialmente para que as ditas operacións de corta e saca de madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden en adecuado estado de conservación, limpeza e seguridade.

2. A obriga recollida no punto anterior será esixible non só polos actos ou omisións propios, senón tamén polos cometidos por calquera persoa que, sen ser empregada ou traballadora da empresa madeireira, interveña nas operacións de corta e saca de madeira por conta, consentimento ou aquiescencia da empresa madeireira, e, en xeral, polos cometidos por aquelas persoas de quen deba responder.

3. As persoas propietarias das parcelas de monte nas que se efectúen actividades de extracción de madeira serán responsables, cando a corta se faga a eito en zonas con pendentes elevadas, de tomar as medidas precisas para previr tanto os riscos erosivos sobre o terreo como as posibles consecuencias da erosión sobre os bens públicos.

Artigo 7.- Obrigacións

1. A empresa madeireira estará obrigada a asumir os custes da reparación dos estragos producidos nas vías, nas estruturas anexas ou noutros elementos do dominio público local.

2. A empresa madeireira fica obrigada á limpeza e retirada dos residuos da corta de madeira, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo as operacións de corta e saca de madeira. A obriga de limpeza deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.

3. Os depósitos de rolla, pólas, podalla ou demais restos non poderán invadir as zonas de circulación viaria, nin menoscabar a funcionalidade das cunetas, gabias, canalizacións, pontellas ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ós camiños ou vías, de cara a evitar riscos para as persoas usuarias.

4. Prohíbese que os refugallos que non sexan estritamente vexetais fiquen ou se depositen no monte, vías ou lugares non autorizados. Os residuos asimilables ós urbanos seleccionaranse e depositaranse no contedor municipal adecuado. Os residuos industriais, especialmente, aceites usados, entregaranse a un xestor autorizado de residuos.

5. As empresas madeireiras e/ou as persoas propietarias dos montes tratarán os restos forestais de maneira que minimicen o risco de incendio, dando prioridade ós tratamentos que supoñan a incorporación dos ditos restos ó ciclo produtivo agroforestal ou ó aproveitamento de biomasa forestal residual nas súas distintas variantes.

6. A empresa madeireira estará obrigada a sinalizar as vías situadas nas zonas de extracción e depósito de madeira conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

7. Prohíbese o uso das vías públicas para almacén ou depósito irregular da madeira.

8. A empresa madeireira ou o propietario forestal deberán derrubar e repor ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ao terreo ou ao monte, co obxecto de que, cando chova, a auga e a terra arrastrada non asolague e cause danos nas pistas ou camiños municipais.

9. As limpezas ou reparacións deberanse realizar nun prazo máximo de 72 horas a partir da retirada da madeira.

Artigo 8.- Fianza ou cota tributaria

1. As empresas madeireiras deberán depositar unha fianza en metálico ou aval bancario en favor do Concello, co obxecto de responderen diante dos posibles danos non reparados voluntariamente, segundo se recolle nesta ordenanza. Para os efectos desta fianza (que debe ser depositada con anterioridade ao comezo dos traballos) establécense catro categorías:

1 Volume de corta inferior a 300 metros cúbicos: 500,00 €

2 Volume de corta entre 300 e 1.000 metros cúbicos: 1.500,00 €

3 Volume de corta entre 1.000 e 3.000 metros cúbicos: 4.000,00 €

4 Volume de corta superior a 3.000 metros cúbicos: 6.000,00 €

2. No caso de que a mesma empresa madeireira vaia realizar, ao mesmo tempo, cortas en parcelas contiguas, o volume total de madeira extraída desas parcelas deberá sumarse, ós efectos do cálculo da fianza que se lle aplicará.

3. Unha vez comunicado o remate dos traballos por parte da persoa interesada, a tramitación administrativa do expediente da devolución da fianza completarase nun prazo de 30 días naturais, toda vez que os servizos municipais comprobaren a inexistencia de danos nas vías, nas infraestruturas ou no dominio público local.

Artigo 9.- Normas comúns no uso da fianza non devolta e execución subsidiaria

1. Transcorrido un prazo de sete días dende que se producise a destrución ou deterioro do dominio público viario local ou a acumulación de restos procedentes das operacións de carga e almacenamento, o Concello poderá realizar, con cargo á fianza, as operacións de reparación, corrección e/ou retirada de restos, sen prexuízo da sanción que proceda.

2. Se os danos foren dunha contía superior ao da fianza, o Concello elaborará un informe técnico sobre os ditos danos e requiriráselle ao responsable da corta para que abone as cantidades resultantes a maiores do establecido na fianza inicial. No caso de non ser atendido o dito requirimento, o Concello resérvase o exercicio das accións legais e fiscais oportunas.

TÍTULO II: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 10.- Infraccións

1. Son infraccións da presente ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nesta. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición aos responsables das correspondentes sancións, ademais da obriga de indemnizar aos prexudicados polos danos derivados da súa comisión.

2. As infraccións a esta ordenanza cualifícanse en moi graves, graves e leves.

3. Constitúen infraccións moi graves:

1 Non presentar, no prazo que se lle indique, o escrito de comunicación previa de realización dos traballos forestais, unha vez fose requirido polo Concello

2 Deixar as vías municipais nun estado de sucidade que supoña unha situación de risco para a seguridade viaria, segundo o informe municipal emitido para o caso

3 Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor superior a 6.000,00 €

4 Cometer, nun prazo dun ano, dúas faltas graves firmes na vía administrativa

4. Son infraccións graves:

1 Non presentar o escrito de comunicación previa, aínda que o achegue despois de ser requirido polo Concello

2 Deixar as vías municipais en deficiente estado de sucidade, segundo o informe municipal emitido para o caso

3 Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor inferior a 6.000,00 €

4 Non demoler ou non repor ao seu estado orixinal as ramplas ou accesos que se abriran para acceso aos terreos forestais

5 Cometer, nun prazo dun ano, dúas faltas leves, firmes na vía administrativa

5. Considéranse infraccións leves calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave e cuxa sanción corresponda ao Concello.

Artigo 11.- Sancións

1. As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:

1 Infraccións leves: multa de ata 300,00 €

2 Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 300,01 e 1.500,00 €

3 Infraccións moi graves: multa de contía entre 1.500,01 € e 3.000,00 €

2. A tramitación do procedemento sancionador, non previsto nesta ordenanza, rexerase pola normativa xeral na materia e, en todo caso, coa audiencia e demais garantías procesuais para a persoa interesada .O que requirirá a tramitación do correspondente procedemento, de conformidade co disposto nos artigos 127 a 138 da LRX-PAC e no Real Decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

3. O importe das multas será graduado tendo en conta as circunstancias concorrentes e de acordo co establecido na normativa vixente.

4. As multas e sancións impostas ao amparo da presente ordenanza reduciranse na súa contía nun 50% no caso de seren aboadas no prazo de 15 días a partir da notificación da multa ou sanción, e se a persoa infractora mostra por escrito a súa conformidade con estas, e renuncia expresamente ao exercicio de toda acción de impugnación no citado prazo.

5. O pagamento das multas poderase esixir pola vía administrativa de constrinximento, sen prexuízo da esixencia, se for o caso, das correspondentes responsabilidades civís e penais.

6. As sancións serán independentes da reparación do dano causado e da indemnización de danos e perdas a que houber lugar.

7. A resolución do expediente sancionador corresponderá á Alcaldía ou quen teña a competencia delegada.

Artigo 12.- Requirimentos

Unha vez que o Concello coñeza o incumprimento da presente ordenanza, e de forma paralela á apertura do expediente sancionador, requirirá á persoa responsable da infracción para que se axuste á normativa e, de ser o caso, repare os danos e prexuízos causados, outorgándolle para isto un prazo prudencial fixado polos servizos técnicos municipais, que, en calquera caso, non poderá exceder dun mes. Transcorrido este prazo sen que se dea cumprimento ao requirimento, procederase, sen necesidade de novas notificacións, á súa execución subsidiaria, cargándolle os custos derivados á persoa responsable.

DISPOSICIÓNS FINAIS

1. A presente ordenanza entrará en vigor logo dun mes dende a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

2. A Alcaldía queda facultada para ditar cantas ordes ou instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza.

ANEXOS

ANEXO I. SOLICITUDE DE INSCRICIÓN NO REXISTRO DE EMPRESAS MADEIREIRAS DO CONCELLO DE ABEGONDO

A empresa devandita solicita a súa inclusión no REXISTRO DE EMPRESAS MADEIREIRAS DO CONCELLO DE ABEGONDO

DATOS DA EMPRESA MADEIREIRA

Denominación

NIF

Enderezo

Teléfono fixo

Teléfono móbil

Correo electrónico

Persoa/s de contacto

Abegondo, _______ de ________________ de 20____

Asdo.:

Nome:

Representante da empresa

ANEXO II. COMUNICACIÓN PREVIA DAS OPERACIÓNS DE CORTA E SACA DE MADEIRA

DATOS DA EMPRESA MADEIREIRA

Denominación

NIF

Enderezo

Teléfono fixo

Teléfono móbil

Correo electrónico

Persoa/s de contacto

DATOS DA PROPIEDADE FORESTAL

Especie de madeira obxecto da corta

Volume total da madeira a extraer (m3)

Nome das fincas ou montes afectados, lugar ou sitio e parroquia

Identificacións catastrais

Polígono

Parcela

Datos do aproveitamento forestal

Data prevista de inicio

Data prevista de remate

Lugar onde se depositará a madeira

En aplicación da Ordenanza municipal para a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións de saca de madeira no concello de Abegondo, comunico o inicio de actividades forestais nas parcelas indicadas previamente.

Documentación achegada (marque o que corresponda):

 Fotocopia compulsada da solicitude ou do permiso, autorización ou licenza de corta

 Fotocopia compulsada do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar

 Fotocopia compulsada do último recibo pagado do seguro de responsabilidade civil

 Non posúe ningún seguro de responsabilidade civil

 Fotocopia compulsada da fianza ou aval bancario

Abegondo, _______ de ________________ de 20____

Asdo.:

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ó mes seguinte a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."