Zas - ORDENANZA MUNICIPAL DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE ZAS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local ( BOE nº 80, do 3 de abril de 1985),establece no seu artigo 25.2 k) que os concellos exercerán , en todo caso, competencias nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas en materia de prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, regula o dereito de todas as persoas aos servizos sociais, correspondéndolles, aos poderes públicos, garantir este dereito, posibilitando así que as liberdades e igualdades entre individuos sexan reais e efectivas, tal e como consagra a propia Constitución Española.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu capítulo II, o catálogo de servizos sociais, onde define o servizo de axuda no fogar coma un servizo consistente en ofrecerlles un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia no seu contorno habitual. Esta mesma lei establece no seu artigo 11.f) que é función dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión da axuda no fogar.
Coa entrada en vigor da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como a normativa estatal e galega que a desenvolve, fíxose necesario establecer un novo marco regulador de carácter básico dos contidos, formas de prestación e aspectos procedimentais e organizativos de axuda no fogar de maneira que coa aprobación da Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar , se estableceron pautas de carácter xeral para asegurar un nivel equitativo de atención a todas as persoas que tiñan limitada a súa autonomía persoal.
O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, establece no seu artigo 7. b) como requisito xeral dos centros e programas de servizos sociais, dispoñer dunhas normas de funcionamento, visadas polo órgano competente, en materia de autorización e inspección de servizos sociais, da Xunta de Galicia, que garanta o respecto ao dereito das persoas usuarias e establezan as condicións de prestación e desenvolvemento dos servizos.
Coa aprobación e publicación do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, faise necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar co fin de dar cumprimento ao establecido na disposición derradeira primeira do citado decreto.
O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define ac arteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, dalle unha nova redacción aos artigos 14.2, 59 e 61 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, polo que se fai necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar ao establecido nos mencionados artigos.
O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define ac arteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, dalle unha nova redacción aos artigos 14.2, 59 e 61 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, polo que se fai necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar ao establecido nos mencionados artigos.
En consecuencia e coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e os criterios de participación económica das persoas usuarias, o Concello de Zas,de conformidade co marco normativo referenciado que confire aos concellos a potestade regulamentaria, e de autoorganización dentro da esfera das súas competencias, regula os requisitos e condicións da prestación do servizo de axuda no fogar municipal, a través da presente ordenanza.
CAPITULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto.
É obxecto desta ordenanza a regulación do Servizo de axuda no fogar desenvolvido polo concello de Zas.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
O establecido nesta ordenanza aplicaráselle ao Servizo de axuda no fogar que se desenvolve no concello de Zas.
Artigo 3. Natureza, definición e obxectivos do servizo.
1. O Servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local, consistente en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual.
2. O Servizo de axuda no fogar poderá prestarselle, a calquera persoa ou unidade de convivencia, para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.
3. O Servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestructuración familiar.
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar:
a) Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
b) Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
c) Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
d) Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
e) Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
f) Retardar ou evitar a institucionalización.
g) Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
Artigo 4. Contido do servizo.
1. De conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso polos servizos sociais, no marco do Servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de atención de carácter básico:
a. Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como:
I. Asistencia para levantarse e deitarse.
II. Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.
III. Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.
IV. Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.
V. Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.
VI. Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
b. Atencións de carácter persoal na realización doutras actividades da vida diaria, tales como:
I. Acompañamento fóra do fogar para acudir a consultas ou tratamentos.
II. Apoio na realización de xestións necesarias e urxentes.
c. Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como:
I. Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.
II. Compra de alimentos e outros produtos de uso común.
III. Preparación dos alimentos.
IV. Lavado e coidado das prendas de vestir.
V. Coidados básicos da vivenda.
Este tipo de atención poderá ser facilitado en parte, se é o caso, por programas específicos de lavandaría ou alimentación a domicilio.
d. Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico - profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estructuración familiar.
2. Con carácter complementario, o Servizo de axuda no fogar poderá incorporar, entre outros, os seguintes tipos de atención:
a. Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.
b. Prestación de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguimento, teleasistencia e similares.
c. Adaptacións funcionais do fogar.
d. Servizo de podoloxía.
e. Servizo de fisioterapia.
3. Poderán integrarse, ademais, dentro do Servizo de axuda no fogar, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na mellora da autonomía e calidade de vida.
4. En todo caso, as atencións prestadas terán un carácter de reforzo e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas da súa contorna inmediata, de maneira que se facilite e promova a súa autonomía.
5. En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:
a. A realización de actividades domésticas, que non fosen incluídas no proxecto de intervención e no acordo de servizo.
b. Actuacións, que polo seu carácter sanitaria, deban en todo caso, ser realizadas por persoal facultativo.
Artigo 5. Persoas destinatarias
1. O Servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal na súa contorna inmediata, así como fogares con menores, nos que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
2. En todo caso, daraselles prioridade de acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.
3. As persoas destinatarias deberán estar empadroadas no concello de Zas salvo servizos de carácter temporal prestados a usuarios desprazados do sistema de dependencia.
Artigo 6. Dereitos das persoas usuarias.
As persoas usuarias do servizo, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lle recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán dereito:
1. A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade, intimidade e autonomía.
2. A accederen e utilizaren o servizo en condicións de igualdade e non discriminación.
3. A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso.
4. A recibiren unha información de xeito áxil, suficiente, veraz e comprensible sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como a que sexan asistidas e orientadas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso aos demais sistemas de benestar social.
5. A teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención.
6. A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.
7. Ao tratamento confidencial dos seus datos de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
8. A coñeceren a situación do seu expediente.
9. A seren informadas, de maneira clara e precisa, sobre a intervención prevista e elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso, así como a participar na toma de decisións que modifiquen o proceso de intervención acordado.
10. Á calidade dos servizos recibidos e a presentaren queixas e suxestións á persoa coordinadora do servizo.
11. Ao respecto dos seus dereitos lingüísticos, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento da actividade do servizo dende a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.
Artigo 7. Deberes das persoas usuarias
As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se establecen no artigo 7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e, se é o caso, na lexislación vixente sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes deberes:
1. Residir efectivamente no Concello de Zas, salvo traslados de carácter temporal derivados de usuarios do sistema da dependencia.
2. Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.
3. Facilitar a información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para o acceso e utilización dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia, os cambios de circunstancias familiares, sociais ou financeiras que puideren resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.
4. Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e pondo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.
5. Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
6. Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios, participando activamente no proceso pautado de mellora, autonomía persoal e inserción social.
7. Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.
8. Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
9. A comunicar, con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puidese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.
10. Manter informado sobre os aspectos relativos á súa saúde para mellorar a súa atención, e permitir adoptar as medidas preventivas que se requiran.
12. Non realizar cambios de horarios, tarefas, etcétera, sen autorización do técnico responsable do servizo.
13. Permanecer no domicilio mentres se preste o servizo, a menos que se autorice por escrito e baixo a súa responsabilidade e previo acordo ó respecto.
14. Participar no pagamento do servizo nos termos que se estableza na súa norma reguladora.
15. Sufragar os gastos do material de limpeza, aseo e alimentación. Só en casos excepcionais, detectados polo persoal técnico responsable e previo informe ó respecto, valorarase a posibilidade de axuda económica por este concepto.
Artigo 8. Deberes dos/as auxiliares de axuda no fogar.
1. O trato será sempre de respecto, evitando que a confianza co/a usuario/a e coa súa familia interfira no seu traballo.
2. Respectar a intemidade da persoa usuaria e gardar a debida confidencialidade.
3. O/a auxiliar non debe facer participe a persoa usuaria e á familia desta dos seus propios problemas, separando todo o posible a súa vida privada do seu traballo.
4. Respectarase integramente o horario e as tarefas establecidas e non se poderán realizar cambios sen a previa autorización do/a responsable.
5. En caso de ausencia os/as auxiliares deberán comunicalo con antelación e poñelo en coñecemento do xefe de persoal para facilitar así a súa substitución a fin de evitar a non prestación do servizo as persoas usuarias.
6. Non se poderán recibir en custodia cartos, xoias nin outros obxectos.
7. Non recibir ningún tipo de prestación/ bonificación por parte da persoa usuaria ( cartos, regalos, etc.).
8. Non se poderá acudir ao lugar de traballo acompañado de persoas alleas ao servizo.
9. Non se disporá das chaves de ningún domicilio, excepto cando a condicións do caso así o esixan e sempre co consentimento do/a usuario/a e do técnico/a responsable.
Artigo 9. Causas de extinción e modificación do servizo
1. Son causas de extinción do Servizo de axuda no fogar, as seguintes:
a. A renuncia da persoa usuaria
b. O cambio de programa individual de atención ou do proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidade co servizo de axuda no fogar.
c. O traslado definitivo da súa residencia a outro concello.
d. O falecemento da persoa usuaria.
e. O incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.
f. A falta reiterada de pagamento do servizo.
g. a desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.
2. Ademais, con carácter xeral, a alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán reflectirse no expediente individual, mediante un novo informe social.
3. Cando se trate dun Servizo público de axuda no fogar, asignado a persoas en situación de dependencia, na correspondente resolución de Programa Individual de Atención, consonte o establecido na Orde de 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento do sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, modificado polo Decreto 148/2011, do 7 de xullo, o inicio dun expediente de extinción ou modificación das condicións de prestación do servizo, deberá notificarse, en todo caso, ao órgano competente para ditar a resolución do Programa Individual de Atención.
Artigo 10. Causas de suspensión temporal do servizo.
Son causa de suspensión temporal do servizo, logo da tramitación do correspondente expediente e do informe razoado do persoal técnico coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:
1. A ausencia temporal do domicilio: neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de tres meses, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia.
2. A modificación temporal das causas que motivaron a necesidade do servizo: poderá suspenderse o servizo en tanto persista o cambio de circunstancias causante da suspensión, coa excepción das prazas vinculadas a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía e a atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora.
CAPITULO II. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO.
SECCIÓN 1ª . DISPOSICIÓNS COMÚNS.
Artigo 11. Formas de prestación do servizo.
O Servizo público de axuda no fogar será prestado polo concello de Zas ben directamente, ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos, regulados na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades privadas debidamente autorizadas.
Artigo 12. Requisitos específicos.
1. Existirá un profesional de referencia, que actuará como coordinador do servizo e que deberá estar en posesión dunha cualificación mínima de diplomatura universitaria na área de servizos sociais. No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o persoal técnico mínimo esixible será de 0,02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demais casos aplicarase a seguinte táboa:
Número de persoas usuarias | Persoal técnico mínimo |
50 a 99 | 1 técnico/a titulado a xornada completa |
100 a 199 | 2 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
200 a 399 | 3 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
Incrementos sucesivos | Por cada grupo de 200 persoas usuarias corresponderá un incremento de 1 técnico/a a titulado /a a xornada completa. |
2. O persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar, que, no caso de prestar o servizo a persoas en situación de dependencia valorada, deberán estar en posesión do título de formación profesional de grao medio de atención sociosanitaria ou equivalente, regulado no Real decreto 496/2003, do 2 de maio, ou en posesión do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente, regulado no Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen os certificados de profesionalidade da familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade.
3. O persoal coordinador realizará o seguimento da prestación do servizo nos domicilios das persoas usuarias sempre que as circunstancias o fagan necesario e, como mínimo, con carácter bimensual. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarase, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e no acordo de servizo.
4. O Concello de Zas, e de ser o caso, a entidade prestadora en réxime privado do servizo, abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, no cal constará, cando menos:
a. Un informe social, asinado por un traballador ou traballadora social da entidade titular do servizo.
b. Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable, segundo o Anexo VII desta ordenanza.
c. Un acordo de servizo asinado entre o Concello de Zas e a persoa usuaria, segundo o anexo VIII desta ordenanza.
d. Informes de seguimento periódicos, que terán un carácter bimensual, ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen.
5. As persoas solicitantes deben estar empadroados e residir no concello de Zas.
En todo caso o tratamento da información contida nos expedientes realizarase de acordo coa Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
SECCIÓN 2ª. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO POLO CONCELLO DE ZAS
Artigo 13. Modalidades de acceso ao servizo, organización e procedemento.
1. Acceso directo: O acceso será prioritario e directo para as persoas que, tendo recoñecida unha situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de programa individual de atención, e consonte a aplicación do programa de asignación de recursos, establecido no título II do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos. Para estes efectos, o concello de Zas, cando sexa o caso, procederá a dar de alta as persoas en agarda, de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. As persoas para as que o programa individual de atención, determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás que se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador.
2. Acceso de libre concorrencia: Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, o acceso ao servizo, logo da prescrición técnica do profesional de referencia resolverase en réxime de libre concorrencia, segundo o seguinte procedemento:
a. Presentación da solicitude, segundo o anexo II desta ordenanza, dirixida ao Sr. Alcalde no Rexistro Municipal do Concello, acompañada da seguinte documentación:
I. Fotocopia do DNI da persoa beneficiaria do servizo e das persoas que convivan no mesmo domicilio, de ser o caso.
II. Fotocopia da tarxeta sanitaria da persoa solicitante.
III. Certificado de convivencia.
IV. Informe médico ou clínico sobre o seu estado de saúde.
V. Certificado de discapacidade e/ou certificado do grao e nivel de dependencia, de ser o caso.
VI. Xustificantes de ingresos da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade de convivencia:
1. Fotocopia da última declaración da renda ou no seu defecto certificado de imputacións do IRPF expedido pola Axencia Tributaria.
2. Certificados de todos os ingresos procedentes de salarios, pensións, subsidios e outros bens que posúan.
3. Xustificante de alugueiro de vivenda, de ser o caso.
4. Calquera outra documentación que sexa requirida polo traballador/a social para a valoración do seu expediente.
En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes individuais realizarase de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
As solicitudes incompletas contarán cun prazo de 10 días para emendar deficiencias, en caso de non facelo, serán arquivadas sen máis trámite tal como se establece na lexislación que regula o procedemento administrativo.
b. O/a traballador/a social dos Servizos socias do Concello valorará as solicitudes presentadas e, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará, mediante un informe técnico, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto, tendo en conta todas as circunstancias de necesidade e a aplicación do baremo establecido a tal fin, segundo anexo I desta ordenanza.
O departamento de servizos sociais do Concello abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, no cal constará, cando menos:
¿ Un informe social de avaliación inicial, asinado polo técnico competente, responsable da coordinación do servizo de axuda no fogar.
¿ Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable, segundo o anexo VII desta ordenanza
¿ Un acordo de servizo asinado entre o concello de Zas e a persoa usuaria, segundo o anexo VIII desta ordenanza.
¿ Informes de seguemento da prestación nos domicilios das persoas usuarias, que terán, como mínimo, un carácter bimensual, ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen.
c. O departamento de Servizos Socias elaborará un informe -proposta que será trasladado á Xunta de Goberno Local que, no prazo máximo de tres meses, resolverá as solicitudes presentadas no Rexistro Xeral do Concello. En caso favorable, a mesma terá a consideración de alta no servizo. En caso de non existir dispoñibilidade, a solicitude pasará a integrarse na lista de agarda, nunha orde de prioridade determinada pola puntuación que obtivese na aplicación do baremo. En caso de empate de puntuación, atenderase por orde temporal da demanda.
En todo caso, daraselle prioridade de acceso ao servizo, ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención, dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.
A solicitude resolverase mediante un decreto da Alcaldía, podendo esta competencia ser delegada de conformidade co disposto no artigo 21.3 da Lei de bases de réxime local. A resolución indicará expresamente o número de horas que se prestarán, a relación de tarefas que se levarán a cabo e a porcentaxe de financiamento da persoa usuaria sobre o custo total do servizo.
No caso de ser desfavorable, o acordo deberá de motivar as razóns de denegación.
3. Acceso por urxencia sobrevida: Nos casos de urxencia sobrevida, entendendo por tal os de aquelas persoas que se atopen nunha situación de extrema e urxente necesidade, previamente valorada polo persoal técnico de Servizos Sociais, mediante unha resolución motivada da Alcaldía ou do concelleiro delegado, iniciarase de oficio a prestación do servizo de xeito inmediato. O procedemento de urxencia terá validez mentres se manteña a situación desencadeante. A desaparición desta, levará consigo a extinción do servizo e a tramitación pola vía ordinaria.
Para o inicio da prestación do servizo será requisito previo asinar o acordo de servizo, segundo o modelo establecido no anexo VIII desta ordenanza (anexo III da Orde de 22 de xaneiro de 2009).
Anualmente, farase unha revisión de todas as persoas beneficiarias do servizo, co fin de comprobar que cumpren as condicións para a continuidade do mesmo. Para a renovación anual do servizo, as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación establecida no apartado a) deste artigo, agás aquela que xa conste no seu expediente individual.
Artigo 14. Desenvolvemento da prestación do servizo.
1. O prazo de alta no servizo, será como máximo dunha semana, dende que a persoa usuaria se lle asigna o recurso dende o Programa de Asignación de Recursos para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de dependencia, ou dende que se aproba a súa solicitude na Xunta de Goberno Local, para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de libre concorrencia. Para as persoas usuarias ás que se lles concede o servizo, pola vía de urxencia, o prazo de alta será como máximo de dous días.
2. Previo ao inicio do servizo, o persoal técnico realizará unha avaliación da situación e establecerá un consenso coa persoa usuaria, sobre as actuacións e tarefas que se desenvolverán no domicilio. Designarase tamén a persoa profesional de referencia.
3. A asignación do persoal de atención directa farase en base ao perfil requirido para cada caso concreto e realizarase unha visita domiciliaria para a presentación do persoal de atención directa á persoa usuaria. Se a persoa beneficiaria, rexeita ao/á auxiliar de axuda no fogar que se lle asigna, sen razón suficientemente xustificada, pasará á lista de agarda ata que se lle asigne outro/a auxiliar, sempre que sexa tecnicamente posible.
Os cambios no persoal técnico asignado, así como nos horarios de prestación do servizo, que deban efectuarse, por circunstancias de necesidades de organización do servizo, comunicaranselle á persoa beneficiaria, seguindo en vigor o acordo asinado.
4. Para o inicio da prestación do servizo, será requisito previo, asinar o acordo de servizo, segundo o modelo establecido no anexo VIII desta ordenanza.
5. O persoal técnico elaborará un proxecto de intervención, segundo o anexo VII desta ordenanza, que deberá conter: días da semana de atención, horario concreto no que se desenvolverá a prestación, identidade do persoal de atención directa responsable da execución do proxecto, obxectivos e tarefas que se desempeñarán no domicilio, seguimento efectivo da prestación no domicilio do usuario, con carácter mínimo bimensual.
6. Entregaráselle á persoa usuaria, unha copia da Ordenanza municipal de axuda no fogar, debidamente visada polo órgano competente.
7. Así mesmo, entregaraselle á persoa usuaria e ao persoal de atención directa, do documento que conteña as tarefas a desenvolver no domicilio.
8. Informarase ás persoas usuarias da existencia dun libro de reclamacións, que estará á súa disposición, para calquera queixa ou reclamación. No caso de queixa ou reclamación, facilitarase unha copia da queixa á persoa usuaria e remitirase o orixinal ao servizo de inspección no prazo de tres días, xunto cun informe do caso, segundo establece o artigo 6.i) do
Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
Artigo 15. Intensidade na prestación do servizo.
1. A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuídas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe técnico.
2. A intensidade do Servizo de axuda no fogar, para as persoas atendidas no marco do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, estará predeterminada no seu programa individualizado de atención. A súa aplicación horaria será flexible e conforme co proxecto de intervención, de xeito que, cando menos, se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, relacionadas no artigo 4.1º a) da Orde de 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar, todos os días da semana.
3. Nos restantes casos, a intensidade do servizo, virá determinada na prescrición efectuada polo departamento de servizos sociais comunitarios do concello.
Artigo 16. Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias da dependencia.
1. A capacidade económica das persoas dependentes, valoradas con dereito recoñecido de atención, mediante o servizo de axuda no fogar, calcularase de acordo coas normas de valoración contidas no capítulo II do título III do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, observándose as normas de aplicación á materia, vixentes en cada momento, polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia.
2. O resultado do cálculo da capacidade económica, correspondente ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar, constará na resolución do plan individualizado de atención que se desenvolva en cada caso, de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
Artigo 17. Determinación da capacidade económica das persoas usuarias doutros servizos que impliquen copa-gamento.
No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de convivencia distintas ás referidas no artigo anterior, o cómputo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios:
1. Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.
2. Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con deducción das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.
3. A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.
Artigo 18. Afectación de ingresos municipais polo copagamento dos servizos.
De conformidade co artigo 56.7 de Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o concello de Zas, en concepto de achega das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios, estarán afectados ao financiamento dos servizos sociais que reciban.
Artigo 19.- Da coordinación coas entidades privadas que atendan a persoas usuarias financiados total ou parcialmente con fondos públicos.
No caso das entidades privadas que presten o servizo de axuda no fogar, mediante financiamento total ou parcial con fondos públicos, ou que atendan a persoas usuarias derivadas do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, manterán unha coordinación efectiva cos servizos sociais comunitarios básicos, establecendo un protocolo de comunicación de altas no servizo de cada persoa usuaria, así como unha copia do correspondente proxecto de intervención e dos informes de seguimento, dirixidos aos servizos sociais comunitarios básicos do Concello ou entidade local.
Artigo 20. - Infraccións e sancións.
As infraccións e sancións rexeranse, no relativo aos pagos, pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, e no resto das materias, polo disposto na Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA.
Esta ordenanza derroga expresamente a ordenanza reguladora do servizo de axuda a domicilio publicada no BOP nº 165 de 30 de agosto de 2010 e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que sexa contraria á mesma.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA.
O presente acordo entrará en vigor unha vez publicado no Boletin Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, continuando a súa vixencia ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.