Cerceda - Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Cerceda

Publicación provisional: 07/05/2014 BOP Nº: 85
Publicación definitiva: 26/06/2014 BOP Nº: 120
Aplicable dende: 14/07/2014

Título I. Réxime xeral das subvencións outorgadas polo Concello de Cerceda.

1.- Obxecto da Ordenanza.

O obxecto da presente ordenanza é o establecemento do réxime xurídico da acción de fomento mediante medios económicos do Concello de Cerceda, recollendo especialmente as bases xerais da figura da subvención.

2.- Definición de subvención.

Se entende por subvención toda disposición dineraria realizada polo Concello a favor de persoas públicas ou privadas e que cumpra os seguintes requisitos:

a. Que a entrega se realice sen contraprestación directa dos beneficiarios.

b. Que a entrega estea suxeita ao cumprimento dun determinado obxectivo, a execución dun proxecto, a realización dunha actividade, a adopción dun comportamento singular, xa realizados ou por desenvolver ou a concorrencia dunha situación, debendo o beneficiario cumprir as obrigas materiais e formais que se establecesen.

c. Que o proxecto, a acción, conducta ou situación financiada teña por obxecto o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou de promoción dunha finalidade pública.

3.- Obxecto das subvencións.

1. As subvencións que se outorguen por este Concello terán por obxecto o fomento de calquera actividade de utilidade pública ou interese social ou a promoción de calquera finalidade pública, que contribúa a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal.

2. Nas convocatorias públicas de subvencións ou nas correspondentes resolucións ou convenios, nos casos en que proceda a concesión directa, se delimitará o obxecto, condicións e finalidade que en cada caso se persiga.

4.- Órganos competentes para formular a avaliación das propostas e a resolución do procedemento.

1. O órgano de instrucción será a Alcaldía-Presidencia ou a Concellería delegada no suposto de delegación de atribucións ao abeiro da lexislación de réxime local.

2. A avaliación no procedemento de concorrencia competitiva correspóndelle a un órgano colexiado, no que o Alcalde-Presidente ou concelleiro en quen delegue ostentará a presidencia. Formarán parte da mesma, como vogais, os que designen polo órgano competente para o outorgamento da subvención entre funcionarios, persoal laboral ou concelleiros, sen que o seu número, en total, sexa inferior a tres.

3. A resolución de concesión das subvencións correspóndelle ao Alcalde-Presidente da Corporación, sen prexuízo da sua delegación conforme ao previsto na lexislación de réime local.

5.- Beneficiarios.

1. Terá a condición de beneficiario de subvencións a persoa física ou xurídica que deba de realizar a actividade que fundamentou o seu outorgamento ou que se encontre na situación que lexitima a súa concesión.

2. Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro terán tamén a consideración de beneficiarios.

3. Serán tamén beneficiarios as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, tanto públicas como privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, que aínda carecendo de personalidade xurídica, podan levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigacións que corresponden á agrupación, que non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición dos dereitos da administración a recoñecer ou liquidar o reintegro da subvención concedida, así como o prazo de prescrición das infraccións e sancións.

4. Cando se utilicen cuestionarios ou outros impresos para a recollida de datos persoais, figurarán nos mesmos, de forma claramente lexible, as advertencias ás que se refire o artigo 5 da lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.

6.- Requisitos para obter a condición de beneficiario.

1. Poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades que se encontren na situación que fundamenta a concesión da subvención ou nas que concorran as circunstancias previstas nesta Ordenanza e na correspondente convocatoria.

2. Cando a subvención se solicite por unha persoa xurídica se requirirá que a realización da actividade subvencionada teña cabida dentro do obxecto ou dos fins sociais da mesma.

3. Nos beneficiarios non poderán incurrir nas causas de prohibición previstas na lexislación en materia de subvencións.

4. A xustificación de non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario poderá substituírse por unha declaración responsable.

5. Se considerará que un solicitante está ao corrente das súas obrigacións tributarias coa Corporación cando non manteña débedas ou sancións tributarias en período executivo, salvo que se encontren aprazadas, fraccionadas o que a súa execución estivese suspendida.

Non será necesario achegar a documentación acreditativa do cumprimento das obrigas tributarias co Concello de Cerceda, pois esta será proporcionada de oficio polo órgano instructor do procedemento, salvo que o solicitante denegara expresamente o seu consentimento a que se soliciten devanditos certificados, nese caso, deberá incluílos por si na sua solicitude.

6. A convocatoria expresará os requisitos específicos para solicitar a subvención, así como a forma de acreditalos, indicando os documentos e informacións que han de acompañarse ás citadas solicitudes e, particularmente, os que acrediten a estructura e medios necesarios para levar a cabo os proxectos ou programas obxecto da convocatoria ou ben que os solicitantes se atopen na situación que lexitima a concesión.

7. Gastos subvencionables.

1. Se consideran gastos subvencionables os que de xeito indubitado respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido polas respectivas convocatorias de subvención. En ningún caso, o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Teñen a consideración de gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola convocatoria da subvención.

3. Teñen expresamente a condición de gastos subvencionables o IVE e os impostos indirectos, cando non sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

8. Compatibilidade con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

As subvencións outorgadas polo Concello de Cerceda serán compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, sempre que non rebase o custo da mesma e sen prexuízo do que ao respecto puidera establecerse na norma reguladora das outras subvencións concorrentes.

Título II. Procedementos de concesión das subvencións.

9. Procedementos de concesión de subvencións.

1. O procedemento ordinario de concesión de subvencións é o de concorrencia competitiva.

2. Unicamente caberá prescindir deste procedemento nos casos seguintes nos supostos relacionados no artigo 14 desta Ordenanza.

Capítulo I. Procedemento de concorrencia competitiva.

10. Iniciación.

1. O procedemento de concorrencia competitiva iniciarase de oficio mediante convocatoria, que terá necesariamente o seguinte contido:

a) Indicación da presente Ordenanza e da data e número do Boletín Oficial da Provincia na que está publicada.

b) Créditos orzamentarios aos que se imputa a subvención e contía total máxima das subvencións que se convocan dentro dos créditos dispoñibles ou, no seu defecto, contía estimada das subvencións.

c) Obxecto, condicións e finalidade da subvención.

d) Indicación de que a concesión se realiza mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

e) Requisitos para solicitar a subvención e forma de acreditalos.

f) Indicación dos órganos competentes para a instrucción e resolución do procedemento.

g) Relación dos vocais que formarán parte do órgano colexiado de valoración, cos requisitos do artigo 4.2.

h) Prazo de presentación das solicitudes.

i) Documentos e informacións que deben acompañarse á petición.

j) Prazo de resolución e de notificación.

k) Indicación de que a resolución pon fin á vía administrativa, recursos procedentes e órgano ante o que interpoñelos, no seu caso.

l) Medios de notificación ou publicación da convocatoria e da resolución.

m) Posibilidade de reformulación de solicitudes.

n) Criterios de valoración das solicitudes.

2. O órgano competente poderá incoar un procedemento e aprobar unha convocatoria únicos, ou ben unha convocatoria aberta con varios procedementos selectivos ao longo do ano, segundo se especifique nas correspondentes resolucións de convocatoria, nos que a cantidade non aplicada poderá ser aplicada ás posteriores resolucións. A estes efectos o órgano concedente resolverá as contías a trasladar e o período ao que se aplicarán.

3. As solicitudes de subvención subscribiranse polos interesados ou por persoas que acrediten a súa representación por calquera medio válido en dereito.

4. O prazo de presentación das solicitudes establecerase nas respectivas convocatorias, tendo en conta o volume da documentación a presentar e a dificultade que entrañe a súa obtención e non poderá ser inferior a 15 días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

5. Se a solicitude non reúne os requsitos establecidos na convocatoria, o órgano instructor requqrirá ao interesado para que a subsane no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, indicándolle que de non facelo se dictará resolución pola que lle de por desistido na sua solicitude.

11. Criterios para o outorgamento das subvencións.

1. As subvencións outorgaranse a os que obteñan mellor valoración entre os que acreditasen cumprir os requisitos necesarios para ser beneficiario na fase de preavaliación. Estes requisitos non poderán ser obxecto de valoración como mérito, salvo en canto ao exceso que se acredite respecto ás condicións mínimas.

2. Os criterios de valoración que se utilizarán serán os seguintes:

a) Grado de interese xeral ou sectorial da actividade que se propoña realizar.

b) Grado de representatividade no municipio da asociación beneficiaria, entendida como número de membros da asociación. Gozará de especial consideración aquelas actividades que se aborden conxuntamente por varias entidades.

c) Grado de coordinación e complementaridade cos programas municipais en cada sector da actividade.

d) O número estimado de beneficiarios, tanto directos coma indirectos.

e) A capacidade económica do solicitante e as axudas que reciban doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

f) O carácter permanente ou periódico da actividade subvencionable, agás que se trate de actos puntuais e de carácter extraordinario que inciten á participación social, cultural ou deportiva.

Nas convocatorias establecerase a orde de preferencia, así como a ponderación entre os criterios anteriores, en función do interese público perseguido, a natureza da actividade ou a situación obxecto por parte da administración.

3. Os criterios de valoración figurarán ordenados na respectiva convocatoria de maior a menor valor; xunto coa súa respectiva ponderación, de xeito que quede garantido o cumprimento dos principios de transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación entre os solicitantes. Naquelas convocatorias nas que pola modalidade de subvención non sexa posible ponderar os criterios elixidos, se considerará que todos eles teñen o mesmo peso relativo dentro da puntuación total.

4. No caso de que o crédito consignado na convocatoria fora suficiente, atendendo ao número das solicitudes, quedará exceptuado o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos esixidos.

5. O importe da subvención non poderá superar, en ningún caso, o 100% do custo da actividade que se vai realizar.

12. Instrucción.

1. O órgano competente para a instrucción realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtud dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. O órgano colexiado emitirá informe de valoración, atendendo aos criterios previstos no artigo anterior.

3. O instructor formulará proposta de resolución que se elevará ao órgano competente para que resolva o procedemento, xunto con o informe de valoración e do fiscalización da Intervención Municipal.

4. No caso de que se deban de ter en conta outros feitos, alegacións ou probas que os aducidos polos interesados, poráselles de manifesto o expediente aos efectos de que no prazo de dez días hábiles presenten as alegacións que estimen convenientes.

5. Examinadas as alegacións aducidas polos interesados, formularase polo instructor proposta de resolución, que expresará o solicitante ou relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvención e a súa contía, especificando a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

6. A proposta de resolución non crea dereito algún a favor do beneficiario fronte á Administración.

13. Resolución.

1. A resolución se motivará de conformidade co que dispoñan as bases reguladoras da subvención e a presente ordenanza, debendo quedar acreditados no procedemento, os fundamentos da resolución que se adopte.

2. A resolución, ademais de conter a concesión da subvención ao solicitante ou relación de solicitantes para os cales se propón a concesión da subvención, a cuantía, especificando a evaluación e no seu caso os criterios de valoración seguidos para efectuarla. No seu caso, de xeito expreso, conterá a desestimación do resto das solicitudes.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder dos tres meses.

4. O vencemento do prazo máximo sen ter sido notificada a resolución lexitima aos interesados a entender desestimada por silencio administrativo a súa solicitude.

5. A administración poderá formalizar convenios para o outorgamento das subvencións suxeitas a concorrencia competitiva que terán o contido previsto no artigo 17 desta Ordenanza.

Capítulo II. Procedemento de concesión directa.

14. Obxecto e modalidades.

Poderán concederse directamente as subvencións seguintes:

a) As previstas nominativamente nos Orzamentos Xerais do Concello de Cerceda.

A tal efecto, a sua dotación orzamentaria e o beneficiario deberán estar determinados nos estados de gasto do Orzamento. O obxecto destas subvencións deberá quedar determinado expresamente no Convenio correspondente ao abeiro do artigo 22 desta Ordenanza que, en todo caso, deberá ser congruente coa clasificación funcional e económica do correspondente crédito orzamentario.

b) As que teñan por obxecto contribuír a peticións públicas para fins de interese social promovidos por organizacións de recoñecido prestixio no ámbito da acción social.

c) Aquelas outras que teñan por obxecto socorrer estados de necesidade imprevistos de veciños do municipio, que non poidan ser atendidos por outros medios, polo importe estrictamente necesario para cumprir ese fin.

d) As que considere necesarias e adecuadas o Alcalde no exercicio da atribución conferida no artigo 21.1 m) da Lei 7/1985, de adopción de forma persoal e baixo a súa responsabilidade, no caso de catástrofe ou de infortunios públicos ou grave risco dos mesmos, as medidas necesarias e adecuadas dando conta inmediata ao Pleno.

15. Expediente de concesión.

1. No expediente de concesión deberá constar a seguinte documentación:

a) Solicitude da subvención, na que se acreditará a existencia das circunstancias que, ao abeiro do artigo anterior, xustifiquen a exención do procedemento de concurrencia competitiva.

b) Informe técnico do departamento correspondente por razón da materia.

c) Informe de fiscalización da intervención municipal.

2. As subvencións previstas no apartado c) do artigo anterior, se rexirán polo previsto no Regulamento de Emerxencia Social do Concello.

16. Beneficiarios.

1. Poderán ter a condición de beneficiarios cantos se atopen na situación que motiva a concesión.

2. En atención á especial natureza destas axudas poderá eximirse aos seus beneficiarios de acreditar o cumprimento dos requisitos relacionados no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

17. Convenios de colaboración en materia de subvencións.

Os Convenios serán o instrumento habitual para canalizar as subvencións obxecto de concesión directa, coa excepción das previstas nos artigos 14 c) e d) desta Ordenanza.

Os convenios conterán alomenos o seguinte contido:

a) Definición do obxecto da subvención, con indicación do carácter singular das mesmas e coas razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario e aquelas que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública, ao abeiro do artigo 14 desta Ordenanza.

b) Réxime xurídico aplicable.

c) Beneficiarios e modalidade de axudas.

d) Procedemento de concesión e réxime de xustificación da aplicación dada ás subvencións polos beneficiarios.

Capítulo III. Publicidade e difusión das subvencións.

18. Publicidade da convocatoria de subvencións.

A convocatoria das subvencións concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva serán obxecto de publicación no Boletín Oficial da Provincia, con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiarios, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.

Así mesmo, será obxecto de publicidade no taboleiro de edictos do Concello, na web municipal http://www.cerceda.org e na Sede electrónica municipal https://sede.cerceda.es

19. Publicidade das subvencións concedidas.

1. O Concello de Cerceda publicará no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web municipal e na Sede electrónica municipal as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputen, beneficiario e seu CIF, cantidade concedida e finalidade ou finalidades da subvención.

2. A publicidade das subvencións concedidas deberá realizarse durante o mes seguinte a cada trimestre natural, incluíndo todas as concedidas durante ese período, calquera sexa o procedemento de concesión e a forma de instrumentación.

3. Cando o importe da subvención a un beneficiario, individualizadamente considerada ou acumulativamente dentro nun período dun ano natural, teña unha contía inferior aos 3.000 euros bastará a publicidade da concesión na páxina web municipal e na Sede electrónica municipal.

4. Porén, non será necesaria a publicidade prevista no presente artigo nos seguintes supostos:

a. Cando a subvención pública teña unha asignación nominativa no Orzamento Xeral do Concello.

b. Cando a publicación dos datos do beneficiario en razón do obxecto da subvención poda ser contraria ao respecto e salvagarda do honor, a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, especialmente no suposto sinalado no artigo 14 c. da presente Ordenanza.

c. Cando o seu outorgamento e contía, a favor dun beneficiario concreto, resulten impostos por unha norma con rango de lei.

20. Difusión polo beneficiario da subvención concedida.

1. beneficiario deberá de dar axeitada publicidade ao carácter público do financiamento do programa, actividade, inversión ou actuación obxecto de subvención. As medidas de difusión, que se poderán concretar na correspondente convocatoria poderán consistir na inclusión da imaxe institucional ou no escudo ou bandeira do Concello de Cerceda, así como en lendas relativas ao financiamento municipal en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación ou outras que resulten axeitadas ao obxecto subvencionado e de eficacia equivalente ás mencionadas.

2. Cando o programa, actividade, inversión ou actuación gozara doutras fontes de financiamento e o beneficiario viñera obrigado a dar publicidade desta circunstancia, os medios de difusión da subvención municipal así como a súa relevancia deberán de ser análogos aos empregados respecto doutras fontes de financiamento.

3. Non será aplicable este precepto ás subvencións do artigo 14 c) e d) desta Ordenanza.

Título III. Pagamento da subvención.

Capítulo I. Formas de pagamento da subvención.

21. Pagamento da subvención coa previa achega da xustificación.

1. Coa excepción dos supostos de pagamentos anticipados, é condición necesaria para que poda procederse ao recoñecemento da obriga a favor do beneficiario e a o seu pagamento, a presentación da xustificación, no xeito e cos requisitos previstos no Título seguinte desta Ordenanza, e a sua posterior comprobación.

2. No caso das subvencións do artigo 14 c), o réxime de pagamento se regulará polo disposto no Regulamento de Emerxencia Social do Concello de Cerceda.

22. Pagamentos anticipados.

1. A convocatoria da subvención poderá establecer que o pagamento da subvención se realice de forma anticipada do seguinte xeito:

a) O 50% do importe da subvención concedida tras a aprobación da concesión, mentres o restante 50% da subvención pagarase logo de xustificar o 100%.

b) A falta de xustificación no prazo sinalado ou a xustificación incorrecta dará lugar á imposición das sancións previstas legalmente, e no seu caso, ao reintegro parcial ou total da subvención xuntamente cos ingresos de mora que procedan.

2. Poderase realizar o pagamento anticipado do 100% da subvención, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos supostos de subvencións nos supostos incluídos no artigo 14 c) e d) desta Ordenanza.

3. Naqueles casos nos que as subvencións se concedan en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non requirirán outra xustificación para que se proceda o pagamento que a acreditación por calquera medio admisible en dereito de dita situación previamente a concesión.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Capítulo II. Garantías

23. Supostos nos que é esixible a garantía e extensión da mesma.

1. Con carácter xeral, nos supostos en que se adopten as formas de pagamento anticipado será preceptivo a constitución de garantía polo importe das cantidades aboadas a conta ou anticipadas e os xuros de demora.

2. Están exceptuados da obriga de constitución de garantía:

a) As administracións públicas, os seus organismos públicos, as sociedades mercantís de capital integramente público e as fundacións do sector público estatal, así como as análogas entidades das Comunidades Autónomas e das Entidades Locais.

b) As entidades que por lei estean exentas da presentación de caucións, fianzas ou depósitos ante as Administracións Públicas ou os seus organismos e entidades vinculadas ou dependentes.

c) As asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, as federacións, confederacións ou agrupacións das mesmas, así como outras entidades non lucrativas, federacións, confederacións ou agrupacións das mesmas que desenvolvan proxectos ou programas de acción social.

d) As entidades de acreditada solvencia económica e financeira.

e) Os beneficiarios de subvencións concedidas por importe inferior a 3.000 euros.

24. Importe e das garantías.

Os beneficiarios das subvencións para as que se autorizase o pagamento anticipado deberán de formalizar unha garantía por un importe igual ás cantidades que se anticipen incrementadas nun 5%.

25. Constitución das garantías.

A garantía deberá constituírse ante a Tesourería Municipal do Concello de Cerceda, a disposición do órgano concedente, en metálico ou mediante aval prestado por entidades de crédito ou sociedades de garantía recíproca ou mediante seguros de caución.

26. Execución e cancelación das garantías.

1. Unha vez dictado o reintegro polo órgano competente e trascorrido o prazo previsto para o ingreso en período voluntario, éste ordenará a execución da garantía á Tesourería Municipal polo importe correspondente.

2. A garantía constituída cancelarase de oficio por resolución do órgano concedente, unha vez comprobada a xustificación do pagamento anticipado ou o reintegro no seu caso.

Título IV. Réxime de xustificación das subvencións.

Capítulo I. Forma de xustificación do cumprimento polo beneficiario da finalidade para a que se outorgou a subvención e da aplicación dos fondos.

27. Conta xustificativa do gasto realizado.

1. Para a xustificación da subvención, deberá presentarse unha conta xustificativa, na que se incluirá a seguinte documentación:

a) Unha memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas, coa relación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha relación dos gastos e inversións, no seu caso, da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, no seu caso, data de pagamento.

c) Unha relación, no seu caso, dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

d) No seu caso, carta de pagamento de reintegro, no suposto de remanentes non aplicados, así como dos intereses derivados dos mesmos.

28. Xustificantes do gasto.

1. Os gastos xustificaranse con facturas orixinais e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

2. Os documentos xustificativos dos gastos deberán axustarse ao seguinte:

a) Admitiranse como xustificantes facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Os elementos que deberán incluírse na factura son os seguintes:

O nome ou a razón social da empresa que factura e o seu NIF

A identificación da entidade co número de CIF

A data de emisión

O importe total. Se figuran varios artigos, é necesario que se detallen e se describan os conceptos detallados. No caso de que na factura aparezan tamén conceptos non subvencionables, únicamente xustificará a parte correspondente ó concepto que sí o é.

Debe aparecer o IVE de forma diferenciada, a base impoñible, o tipo de IVE aplicable e o importe total máis o IVE correspondente. Cando unha entidade estea exenta do IVE, deberá especificarse na factura.

b) Para xustificar os gastos pertencentes a persoal (na organización de cursos, conferencias, árbitros, adestradores, etc.) admitiranse nóminas orixinais asinadas pola persoa perceptora ou ben fotocopias compulsadas, sendo obrigatorio achegar unha fotocopia do NIF das persoas que teñen feito a presentación descrita neste modelo.

c) Non serán válidas aos efectos de xustificación do gasto:

1. Aquelas facturas onde non consten claramente os conceptos que foron obxecto da subvención ou non presentadas en forma ou modo.

2. Recibís.

3. Os xustificantes orixinais presentados marcaranse cun selo, indicando no mesmo a subvención para a que se presentou a xustificación, o ano á que corresponde e se o importe do xustificante se importa total ou parcialmente á subvención. Neste último caso, indicarase a contía exacta que queda afectada pola subvención.

4. As entidades deberán achegar os xustificantes pola totalidade dos gastos que efectúen na forma que se dispón. O Concello de Cerceda modificará as contías no caso de non xustificar a totalidade dos gastos, ou aínda que se xustifique o total dos gastos, por non presentar correctamente os documentos xustificativos esixidos neste artigo.

5. Se non se presenta a xustificación dentro do prazo establecido ou da súa prórroga correctamente solicitada e concedida, entenderase que desiste da súa petición e iniciarase o procedemento de reintegro.

Capítulo II. Prazo de xustificación das subvencións.

29. Prazo de xustificación das subvencións.

1. A convocatoria das subvencións terá que publicarse coa antelación suficiente para que o beneficiario poda dispoñer do tempo necesario para el desenvolvemento eficiente da actividade e a subseguinte xustificación, poidéndose aprobar nun exercizo anterior a aquel no que terá lugar a resolución, sempre que a execución do gasto se realice na anualidade na que se produce a concesión e exista crédito adecuado e suficiente nos Orzamentos Xeráis do Concello e compromiso do gasto para o exercizo seguinte.

2. Poderase solicitar por causa xustificada e con anterioridade á sua finalización a prórroga do prazo de xustificación.

3. Nas subvencións que teñan por obxecto financiar a realización dunha actividade, as resolucións de concesión especificarán os prazos en que se terán que desenvolver, tendo en conta o fixado na respectiva convocatoria, os límites derivados da temporalidade dos créditos orzamentarios e a proposta do solicitante.

4. Admitiranse os xustificantes dos gastos realizados con anterioridade á notificación da resolución de concesión, sempre que correspondan ao exercizo económico en que se aprobe a convocatoria.

5. Non será necesario, como requisito para o cobro, acreditar o pagamento aos acredores por razón do gasto realizado, sen prexuízo das actividades de comprobación por parte do Concello e dos órganos de control financeiro.

Capítulo III. Comprobación das subvencións.

30. Comprobación documental da subvención.

O órgano competente levará a cabo a comprobación da xustificación documental da subvención mediante a comprobación formal da documentación achegada polo beneficiario.

A documentación da liquidación da subvención comprenderá os seguintes documentos:

e) Unha memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas, coa relación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

f) Unha relación dos gastos e inversións da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, no seu caso, data de pagamento.

g) Unha relación, no seu caso, dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

A comprobación das facturas ou outros documentos de valor probatorio análogo que, no seu caso, formen parte da conta xustificativa, deberán de ser obxecto de comprobación dentro dos catro anos seguintes, sobre a base dunha mostra representativa.

Título V. Control financeiro das subvencións.

31. Control financeiro das subvencións.

1. O control financeiro das subvencións concedidas polo Concello de Cerceda corresponde á Intervención Municipal, sen perxuízo das funcións que corresponden na Constitución e na lei ao Tribunal de Contas e Consello de Contas de Galicia.

2. Será de aplicación ao control financeiro das subvencións concedidas por esta Corporación o establecido no Título III da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións sobre o obxecto do control financeiro, a obriga de colaboración dos beneficiarios, as entidades colaboradoras e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou xustificación, así como as facultades e deberes do persoal controlador.

32. Actuacións de control financeiro.

1. Para os efectos de planificación da actuación de control financeiro, a Intervención poderá someter á aprobación da Alcaldía un Plan de Auditoría, nas que se relacionarán todas as que se practicaron durante un año, do que se dará conta ao Pleno da Corporación.

2. As actuacións de control financeiro documentaranse en dilixencias e en informes. As dilixencias empregaranse para deixar constancia dos feito ou manifestacións producidos durante o desenvolvemento das mesmas, e que sexan relevantes para os fins do control. Pola súa parte, os informes emitiranse ao finalizar as actuacións e comprenderán os feitos postos de manifesto e as conclusións que deles se deriven, así como a proposta de medidas para mellorar a xestión ou, no seu caso, de incoación de procedementos de reintegro e sancionadores.

3. A incoación das actuacións de control financeiro sobre os beneficiarios das subvencións notificaranse a estes, indicando a natureza e o alcance das actuacións que se van a desenvolver, a documentación que debe poñerse a disposición da Intervención e demais elementos que se consideren necesarios. Tamén deberán de ser informados dos seus dereitos e obrigas no curso do procedemento de control.

4. Darase traslado ao Alcalde e ao beneficiario da subvención dos informes de control financeiro.

Título VI. Outrras formas da acción de fomento.

33. Premios.

1. Poderán convocarse premios pola Corporación cando teñan por obxecto o recoñecemento, a recompensa ou o estímulo dalgunha das accións seguintes:

a. Promoción da educación, da cultura ou deporte.

b. Promoción de actitudes de defensa da igualdade entre as persoas, da súa dignidade e dos dereitos humanos.

c. A difusión a través dos medios de comunicación social dos aspectos de interese cultural ou turístico do municipio.

2. Na convocatoria correspondente expresarase o premio convocado, o seu importe e os criterios para o seu outorgamento, que virán determinados pola calidade, idoneidade e adecuación da actividade premiada ao fin específico pretendido.

3. Sempre que a natureza do premio convocado o permita garantirase o anonimato do concursante ata a adxudicación.

4. Non se esixirá acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 13 da Lei Xeral de Subvencións.

5. Aos premios, ademais da publicidade propia da súa condición de subvención, se lles terá que dar a maior difusión posible entre os que puideran estar interesados.

6. A adxudicación corresponderá a un xurado integrado por aquelas persoas que se designen na convocatoria en atención á súa preparación ou idoneidade, formen ou non parte da Corporación ou do seu personal.

Disposicións

Disposición Adicional Primeira. Contratos de patrocinio.

O contrato de patrocinio -definido como aquel polo que o patrocinado, a cambio dunha axuda económica para a realización da súa actividade deportiva, benéfica, cultural, científica ou de outra índole, comprométese a colaborar na publicidade do patrocinador- rexerase polo disposto na lexislación correspondente.

É elemento fundamental na figura do contrato de patrocinio a equivalencia das prestacións á que se obrigan os contratantes.

Disposición Adicional Segunda. Subvencións aos grupos políticos da Corporación.

As subvencións aos grupos políticos da Corporación para o exercicio das súas funcións rexeranse polas súas disposicións específicas.

Disposición Adicional Terceira. Rexistro Público de Subvencións Municipais.

1. Créase o Rexistro Público de Subvencións Municipais, dependente da Intervención Municipal, que servirá aos seguintes fins:

a) A ordenación e coñecemento da actividade subvencional do Concello.

b) A coordinación cos rexistros establecidos por outras administracións públicas.

c) A elaboración de estudos e análises da actividade subvencional, do Concello de Cerceda.

d) A colaboración cos órganos de fiscalización externa das contas e da xestión económica das entidades locais.

2. No rexistro deberanse de consignar as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa, no seu caso, e o crédito orzamentario ao que se imputan, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención.

3. Este rexistro é complementario das obrigas de publicidade ás que están sometidos o Concello e as entidades beneficiarias e xestionarase tendo en conta a necesidade e preservación do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

4. Corresponde ao Rexistro Público dar cumprimento ás obrigas de publicidade das subvencións establecidas nesta Ordenanza.

Disposición Final.

A presente ordenanza entrará en vigor, de acordo co disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, unha vez publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia e transcorrera o prazo de quince días hábiles que se contarán desde a recepción do acordo de aprobación definitiva na Administración Xeral do Estado e na Xunta de Galicia."

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.