Muros - ORDENANZA REGULADORA DO FUNCIONAMENTO DA PISTA DE PÁDEL MUNICIPAL E DO PREZO PÚBLICO POLA UTILIZACIÓN DAS SÚAS INSTALACIÓNS
TÍTULO PRELIMINAR
ARTIGO 1.-FUNDAMENTO.
A presente Ordenanza, con base no artigo 84.1.a) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, así como no artigo 127 en relación co 41 e seguintes do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, establece as condicións xerais de uso e o prezo público pola utilización da pista de pádel municipal.
ARTIGO 2.-OBXECTO.
É obxecto da presente ordenanza:
a) Establecer as normas xerais de uso da pista de pádel municipal.
b) Establecer o prezo público a satisfacer pola utilización destas instalacións.
ARTIGO 3.-COMPETENCIA.
Facúltase ao Sr./Sra. alcalde/esa para:
a) Esixir responsabilidades e indemnizacións por danos e prexuízos ocasionados ás instalacións, así como impor sancións ás persoas usuarias polo incumprimento do establecido nesta Ordenanza.
b) Alterar, por necesidades do servizo público, de interese xeral ou de forza maior, a orde de preferencia na utilización do servizo e os horarios de apertura e peche.
TÍTULO PRIMEIRO.-NORMAS DE FUNCIONAMENTO
ARTIGO 4.-PERSOAS USUARIAS.
1.-Poderán acceder á utilización da pista de pádel as seguintes persoas:
a) Empadroados: Poderán solicitar o alta no servizo de reserva da pista de pádel municipal todas aquelas persoas empadroadas en Muros que así o soliciten.
Para inscribirse como empadroado deberase achegar a seguinte documentación:
- Instancia en modelo normalizado.
- Volante de empadroamento, que deberá solicitarse no Concello.
Xustificante de ingreso do prezo público na conta do Concello.
b) Non empadroados: Poderán solicitar a alta no servizo de reserva da pista de pádel municipal todas aquelas persoas non empadroadas no municipio que así o soliciten.
Para inscribirse como non empadroado deberase achegar a seguinte documentación:
- Instancia en modelo normalizado.
- Xustificante de ingreso do prezo público na conta do Concello.
ARTIGO 5.-NORMAS DE FUNCIONAMENTO DAS INSTALACIÓNS.
5.1. RESERVA DA PISTA.
1. Para facer uso das instalacións será necesario:
Facer a reserva previa a través de solicitude presentada na piscina municipal.
No momento da reserva determinarase o día e a hora de xogo natural na que empeza a reserva, e na que termina.
2. As reservas poderán realizarse en fraccións dunha hora natural, cun máximo de dúas horas por persoa usuaria e día. O uso das pistas será o comprendido entre as 9.00 e as 23.00 horas.
3. A entrada á pista abrirase por un empregado do concello e poderase acceder a esta mentres dure a reserva. E cerarase ao rematar o horario solicitado.
4. Os/as usuarios/as da instalación terán outra franxa de dez minutos por encima da hora de reserva para abandonar a instalación e deixar cerradas as portas.
5. No momento da reserva será aconsellable comprobar tanto a finalización correcta do proceso de reserva como o día e o horario reservado.
6. O pagamento do prezo público por uso da instalación realizarase no momento en que se realice a reserva.
7. Se as condicións da pista ou a climatoloxía non permitan a práctica deportiva, terase a opción de anular a reserva e cambiala para outro día. Se non se puidese anular a reserva, devolverase, se procede, o importe do prezo público satisfeito á solicitude da persoa interesada ante o Concello previa a tramitación do correspondente expediente de devolución de ingresos indebidos.
8. Existirá un libro de rexistro onde quedarán rexistradas as reservas, co número de usuario/a que reservou, o día e hora que reservou.
5.2. EQUIPAMENTO.
O equipamento para acceder ás pistas debe ser deportivo e adecuado á práctica do deporte:
1. Camiseta ou polo e suadoiro de abrigo se así se requirise.
2. Pantalón de deporte (curto ou longo) ou saia deportiva.
3. Zapatillas de sola de goma.
4. Só se usarán pas ou pelotas de pádel, quedando excluídos outros artefactos de impacto como poden ser raquetas de tenis, pas de praia, pas de frontón, sticks, pelotas de tenis, pelotas de frontón, etc.
5. A pista está adecuada só para a práctica de pádel, polo que calquera outro xogo está prohibido.
5.3. RESPOSABILIDADE DA PERSOA USUARIA.
1. O Concello de Muros declina toda responsabilidade das lesións que puidesen orixinar derivadas da práctica deportiva.
2. Os/as participantes no momento de facer a reserva, manifestan estar fisicamente aptos para realizar actividade físico-deportiva.
3. Unha vez concluída a sesión, os/as usuarios/as deberán abandonar a pista e recoller todas as súas pertenzas, roupa, pas, pelotas, botellas, botes, etc.
5.4. DESENVOLVEMENTO DE ACTIVIDADES (TORNEOS, COMPETICIÓNS, CURSOS, ETC.).
1. O Concello, por si ou a través das entidades con que conveña, poderá desenvolver actividades deportivas, tales como torneos, competicións, etc, quedando anulado ou modificado o sistema de reservas ata a conclusión destas actividades.
2. O Concello poderá organizar cursos de pádel, polo que, durante o horario en que se desenvolvan os cursos, a pista quedará reservada para tal fin.
5.5. CONSERVACIÓN DA PISTA.
1. Antes de entrar na pista os/as xogadores/as deberán eliminar os restos de terra ou barro que puidesen levar as súas zapatillas. Igualmente, ao saír da pista procurarán non deixar abandonados utensilios, complementos, roupas, botes de pelotas ou botellas que utilicen.
2. Se os/as usuarios/as observan algunha anomalía ou dano na instalación, deberán poñelo en coñecemento do Concello.
TÍTULO SEGUNDO.-PREZO PÚBLICO
ARTIGO 6.-NATUREZA.
O recurso cuxo establecemento e fixación se regula na presente Ordenanza ten a natureza de prezo público, por non concorrer ningunha das circunstancias do artigo 20.1.B) do Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, tendo en conta que os servizos prestados polas instalacións das pistas de pádel son de solicitude e recepción voluntaria e susceptibles de ser prestados polo sector privado.
ARTIGO 7.-OBRIGADOS AO PAGAMENTO.
Están obrigados ao pagamento do prezo público as persoas físicas que como empadroados ou non empadroados utilicen as instalacións da pista de pádel municipal.
ARTIGO 8.-CONTÍA.
A contía do prezo público será a que resulte da aplicación da seguinte tarifa:
PREZOS | +1,10 €/LUZ |
ABONADO (H.PUNTA) | 2,50 € |
NON ABONADO | 3,50 € |
BONO 10 HORAS AB. | 20,00 € |
BONO 10 HORAS N/AB. | 30,00 € |
ARTIGO 9.-OBRIGACIÓN DO PAGAMENTO.
1.-A obrigación de pagamento do prezo público nace desde o momento en que se solicita a prestación do servizo.
2.-O pagamento do prezo público realizarase en réxime de autoliquidación no momento da solicitude.
3.-As débedas por este prezo público poderán esixirse polo procedemento administrativo de prema.
TÍTULO TERCEIRO.-RÉXIME SANCIONADOR
ARTIGO 10.-INFRACCIÓNS.
1. Terán a consideración de infracción o incumprimento das normas establecidas nesta ordenanza, de conformidade co establecido no título XI da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, tipificándose como moi graves, graves e leves.
2. Son infraccións moi graves:
a) O acceso ilegal ás instalacións.
b) A perturbación relevante que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao normal desenvolvemento das actividades deportivas, sempre que a conduta non sexa subsumible nos tipos previstos no capítulo IV da Lei 1/1992, de 21 de febreiro, de Protección da Seguridade Cidadá.
c) O impedimento do uso das instalacións ás demais persoas usuarias.
d) O impedimento ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento de servizo.
e) A deterioración grave e relevante das instalacións.
3. Son infraccións graves as que supoñan danos nas instalacións distintos dos enumerados no apartado anterior.
4. Son infraccións leves calquera outro incumprimento das disposicións desta Ordenanza que non poidan cualificarse como grave ou moi grave.
ARTIGO 11.-SANCIÓNS.
1. As infraccións moi graves serán sancionadas con multa de 1.501,00 ata 3.000,00 €.
2. As infraccións graves serán sancionadas con multa de 751,00 ata 1.500,00 €.
3. As infraccións leves serán sancionadas con multa de 30,00 ata 750,00 €.
Xunto coas anteriores sancións pecuniarias poderase impor, ademais, como sanción, a prohibición da utilización das instalacións por tempo de ata tres meses por infraccións leves e de ata seis meses para as graves. Para infraccións moi graves poderase impor a sanción de retirada definitiva do cartón, perdéndose a condición de usuario/a empadroado/a ou non empadroado/a.
ARTIGO 12.-PROCEDEMENTO SANCIONADOR.
Para a imposición de sancións pola comisión das infraccións descritas tramitarase o correspondente expediente sancionador, conforme as disposicións contidas na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común e no Real Decreto 1398/1993, de 4 de agosto.
ARTIGO 13.-INDEMNIZACIÓN DE DANOS E PREXUÍZOS.
A imposición das sancións que proceda será independente e compatible coa esixencia polo Concello da responsabilidade que corresponda ás persoas usuarias polos danos e prexuízos causados nas instalacións.
DISPOSICIÓN FINAL.-ENTRADA EN VIGOR
A presente ordenanza, aprobada inicialmente por acordo plenario con data do 24 DE ABRIL de 2014, entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, unha vez transcorrido o prazo disposto nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local.