Val do Dubra - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DA VAL DO DUBRA

Publicación provisional: 25/04/2014 BOP Nº: 78
Publicación definitiva: 04/07/2014 BOP Nº: 126
Aplicable dende: 22/07/2014

Artigo 1. Obxecto

Este concello establece a taxa polo servizo de axuda no fogar especificado nas tarifas comprendidas no artigo 4º que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, de conformidade co disposto no artigo 20 do RDL 2/2004, do 5 de marzo; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia; e na Orde do 22 de xaneiro de 2009, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Persoas obrigadas ao pagamento

Están obrigadas a pagar a taxa regulada nesta ordenanza as persoas físicas beneficiarias do servizo de axuda no fogar que presta este concello, nos termos e nas condicións establecidos na ordenanza reguladora deste. Estas persoas teñen a consideración de suxeitos pasivos da taxa. A prestación deste servizo constitúe o feito impoñible desta taxa.

Para determinar a capacidade económica das persoas usuarias do servizo estarase ao disposto na Ordenanza municipal do servizo de axuda no fogar do Concello da Val do Dubra.

Artigo 3. Base impoñible e cota tributaria

A base impoñible desta taxa está constituída polas horas que a persoa usuaria utilice o servizo:

a) No caso de que a persoa acceda ao servizo a través do sistema de dependencia, a cantidade que debe aboar a persoa usuaria será a resultante de aplicarlle á capacidade económica da persoa a porcentaxe establecida para cada grao e nivel de dependencia, segundo o cadro establecido no artigo 17 da ordenanza reguladora que vén determinado no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

b) No caso de que a persoa acceda ao servizo pola modalidade de libre concorrencia, tras calcular a capacidade económica da persoa, aplicaránselle ao custo do servizo as porcentaxe establecidas no artigo 4. desta ordenanza

Para aplicar as tarifas do artigo 4 seguinte, establécese o prezo de hora por prestación de servizo en 13€, revisable anualmente segundo o índice anual de prezos ao consumo.

Artigo 4. Contía

A contía da taxa regulada será a fixada nas tarifas contidas no artigo 18 da Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar do Concello da Val do Dubra, que se reproducen a continuación:

Capacidade económica Participación no custo do servizo de SAF básico

Menor de 0,80 do IPREM 0%

Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,50 do IPREM 25%

Maior de 1,50 e menor ou igual a 2,00 do IPREM 40%

Maior de 2,00 e menor ou igual a 2,50 do IPREM 60%

Maior de 2,50 do IPREM 80%

Así mesmo, serán aplicables as porcentaxes establecidas no artigo 17 da mesma norma para persoas dependentes con dereito de atención recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.

Artigo 5. Normas de xestión

a) As persoas interesadas na prestación do servizo por libre concorrencia, deberán presentar no Departamento de Servizos Sociais do Concello a solicitude, segundo o establecido na Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar.

b) As cantidades esixibles de acordo coa tarifa liquidaranse polo servizo prestado, e cobraranse as horas efectivamente prestadas por períodos mensuais.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Esta ordenanza derroga expresamente a ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar publicada no BOP nº 199 do 18 de outubro de 2013, e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que sexa contraria a ela.

DISPOSICIÓN FINAL

Esta ordenanza entrará en vigor unha vez que transcorran 15 días tras a súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, tal como se establece nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (BOE núm. 80 do 3 de abril de 1985).