Monfero - ORDENANZA FISCAL Nº 3, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS DO CONCELLO DE MONFERO
Artigo 1.- Natureza e fundamento.
De conformidade co disposto nos art. 59.2 e 100 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais, o Concello de Monfero establece o Imposto sobre construcións, instalacións e obras, nos termos regulados na presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.- Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible do imposto a realización dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non dita licenza, ou para a que se esixa a presentación de declaración responsable ou comunicación previa, presentárase ou non, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda a este Concello.
Artigo 3.- Exencións.
Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeita ao imposto, vaia ser directamente destinada a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto se se trata de obras de inversión nova como de conservación.
Artigo 4.- Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, as persoas xurídicas ou as entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela. Aos efectos previstos neste artigo terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custe que comporte a súa realización.
No suposto de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quenes soliciten as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas ou realicen as construcións, instalacións ou obras.
O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
Artigo 5.- Base impoñible, tipo de gravame, cota e devengo.
1.- A base impoñible deste imposto está constituída polo custe real e efectivo da construción, instalación ou obra.
Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custo de execución material.
2.- O tipo de gravame será o 2,3 % da base impoñible indicada no parágrafo primeiro para obras de menos 300.000,00 € de orzamento de execución material; a partir dese importe, incluído, o tipo de gravame será do 3 %.
3.- A cota deste imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame. Establécese unha cota mínima de 120,00 €
4.- O imposto devéngase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licenza ou non se presentara a correspondente declaración responsable ou comunicación previa.
Artigo 6.- Bonificacións.
Establécense as seguinte bonificacións:
a) Unha bonificación do 95% a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Corresponderá a devandita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, logo de solicitude de suxeito pasivo, por voto favorable de maioría simple dos seus membros.
b) Unha bonificación do 50% a favor das construcións, instalacións ou obras referentes ás vivendas de protección oficial.
A bonificación prevista neste parágrafo aplicarase á cota resultante de aplicar, no seu caso, a bonificación a que se refire o parágrafo a anterior.
Artigo 7.- Normas de xestión.
1.- O imposto esixirase en réxime de autoliquidación.
Os suxeitos pasivos están obrigados a practicar autoliquidación polo imposto, no impreso habilitado a tal efecto polo Concello, que deberá ser presentado polo interesado xunto co xustificante do ingreso nas contas municipais da cota resultante, nos seguintes prazos determinados en función do procedemento de tramitación da licenza:
a) No momento de presentar comunicación previa ou declaración responsable.
b) No prazo dun mes dende a notificación da concesión da licenza.
c) No caso de que non se teña solicitado, concedido ou denegado expresamente a licenza, ou presentado comunicación previa ou declaración responsable, a autoliquidación, xunto co xustificante do ingreso, deberá presentarse no prazo dun mes dende o inicio da instalación, construción ou obra.
2.- A autoliquidación regulada no apartado anterior terá o carácter de provisional e deberá practicarse tomando como base impoñible o orzamento de execución material aportado polos interesados, sempre que este estivese visado polo colexio oficial correspondente cando isto constitúa un requisito preceptivo.
3.- Unha vez rematadas as construcións, instalacións ou obras, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a súa terminación, os suxeitos pasivos deberán presentar na oficina xestora do imposto, unha declaración responsable do custe real e efectivo das obras, achegando no suposto de obras e instalacións ¿maiores", unha liquidación definitiva, asinada polo director das obras, visada polo Colexio Oficial correspondente.
Tendo en conta a obra realizada e o seu custo real e efectivo, o Concello, previa comprobación e, no seu caso, cuantificación, polos servizos técnicos municipais, practicará a correspondente liquidación definitiva, esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo a cantidade que, no seu caso, resulte das diferenzas existentes nas respectivas bases impoñibles.
4.- No caso de que se modificase o proxecto inicial das construcións, instalacións ou obras e se incrementase o presuposto, con independencia da necesidade de presentar comunicación previa ou declaración responsable ou obter a preceptiva licenza urbanística municipal, os suxeitos pasivos están obrigados a presentar unha nova autoliquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición aos mesmos prazos, requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.
5.- No suposto de que non se inicien ou non se executen integramente as construcións, instalacións ou obras, o interesado terá dereito á devolución das cotas do ICIO satisfeitas e correspondentes á base impoñible das non realizadas, sempre e cando formule renuncia expresa á licenza, ou sexa declarada caducada mediante resolución administrativa firme e teñan transcorrido os prazos para a interposición do correspondente recurso contencioso-administrativo contra a dita declaración de caducidade. Igualmente terá dereito á devolución do ingresado unha vez formule expresa renuncia nos supostos de presentación dunha comunicación previa ou declaración responsable.
6.- As devolucións, cando procedan, axustaranse ao procedemento establecido para as devolucións de ingresos indebidos.
7.- Cando a autoliquidación fora presentada e pagada aquela por cantidade inferior á cota que resulte do presuposto achegado, o Concello poderá practicar e notificar unha liquidación complementaria pola cantidade que proceda.
Asemade, poderá practicar unha liquidación complementaria no suposto de que os Servizos Técnicos Municipais, constaten que o presuposto achegado non se axusta aos valores reais.
8.- Cando os suxeitos pasivos non teñan efectuado o pagamento da correspondente liquidación polo imposto, nos prazos anteriormente sinalados, seguirase a vía de constrinximento, para os efectos de recadar as cotas tributarias resultantes.
Artigo 8.- Inspección e recadación.
A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
Artigo 9.- Infraccións e sancións.
A cualificación das infraccións tributarias e a determinación das sancións que polas mesmas correspondan, rexerase polo disposto na Lei xeral tributaria e disposicións que a complementen e desenvolvan, coas especificacións que resulten do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.
Disposición derrogatoria.
Coa entrada en vigor da presente ordenanza fiscal queda derrogada a anterior ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras deste Concello.
Disposición final.
A presente ordenanza entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no B.O. da Provincia da Coruña, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.