Monfero - ORDENANZA FISCAL NUM. 5, REGULADORA DA TAXA POLO OUTORGAMENTO DE LICENZAS DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS OU POLA REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE CONTROL POSTERIOR DAQUELAS ACTIVIDADES SUXEITAS AO RÉXIME DE DECLARACIÓN RESPONSABLE OU COMUNICACIÓN PREVIA
Artigo 1.º.- Natureza e fundamento.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, 20.4.i) e 57 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa polo outorgamento de licenzas de apertura de establecementos ou pola realización de actividades de control posterior daquelas actividades suxeitas ao réxime de declaración responsable ou comunicación previa, tendentes a verificar o cumprimento das condicións legais esixibles para a apertura dos establecementos, o inicio das actividades ou o seu desenvolvemento, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.º.- Feito impoñible.
1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica coma administrativa, tendente a verificar se as actividades, instalacións ou os establecementos industriais, mercantís e demais, fixos ou non, reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade, salubridade, urbanísticas, ambientais e de seguridade e calquera outra esixida polas correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, ben como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licenza municipal de actividade, apertura ou funcionamento, ben como consecuencia das declaracións responsables ou comunicacións previas ao inicio da actividade ou da apertura das instalacións e dos establecementos que sexan procedentes e que deban ser obxecto de control posterior.
2. Para tal efecto, terá a consideración de apertura:
a) A instalación por primeira vez da actividade ou do establecemento para dar comezo ás súas actividades.
b) A variación, ampliación ou calquera outra alteración da actividade desenvolvida nas instalacións ou establecementos, aínda que continúe o mesmo titular.
c) A reforma ou ampliación das instalacións ou dos establecementos e calquera outra alteración que se leve a cabo nestes e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 deste artigo, que esixa nova actuación municipal.
d) Os traslados de locais.
e) Os traspasos das instalacións, dos establecementos ou das actividades e os cambios de titularidade por calquera causa, incluídos os cambios de denominación social.
3. Entenderase por establecemento toda edificación, construción ou instalación, así como as superficies, cubertas ou sen cubrir, estean ou non abertas ó público, que non se destine exclusivamente a vivenda e que:
a) Se dedique ao exercicio dalgunha actividade económica, empresarial, fabril, artesá, da construción, comercial ou de servizos.
b) Aínda sen desenvolver as actividades anteriores, sirvan de auxilio ou complemento para estas, ou teñan relación con elas de xeito que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como por exemplo: sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, oficinas, despachos ou estudios.
Artigo 3.º.- Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, titulares da actividade ou prestadores dos servizos que se pretendan desenvolver ou prestar ou, no seu caso, se desenvolva ou presten.
Artigo 4.º.- Responsables.
Os supostos de responsabilidade, xa sexa subsidiaria ou solidaria, serán os previstos na normativa tributaria.
Artigo 5.º.- Base impoñible.
1. A base impoñible desta taxa, no suposto de instalacións, establecementos ou actividades que deban obter autorización ambiental integrada ou cuxos proxectos teñan que ser sometidos á avaliación de impacto ambiental, está constituída pola cota tributaria do Imposto sobre actividades económicas (IAE) que lles corresponda, sen bonificacións nin exencións.
No caso de que nas instalacións, ou establecemento, se desenvolvan máis dunha actividade suxeita ao IAE, a base impoñible está constituída pola suma das correspondentes cotas tributarias, nos mesmos termos indicados no parágrafo anterior.
Se o suxeito pasivo da taxa tributase no IAE por cota nacional ou provincial, tomarase como base impoñible a cota tributaria municipal, ou cotas tributarias municipais, que lle correspondesen no caso de tributar por cota municipal.
No caso de ampliación ou variación da actividade ou outras alteracións, a base impoñible estará constituída pola cota tributaria do IAE que resulte como consecuencia destas, nos mesmos termos indicados anteriormente.
2.- No resto de supostos, a cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a actividade a desenvolver, en función da natureza do expediente a tramitar e a superficie das instalacións, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.
Artigo 6.º.- Tipo de gravame e cota tributaria da taxa.
1.- Nos supostos aos que se refire o parágrafo primeiro do artigo anterior, o tipo de gravame será do 200 por cento. A cota tributaria será o resultado de aplicar este tipo de gravame á base impoñible definida nel.
2.- No resto de supostos, as cotas tributarias determinaranse de acordo coas seguintes tarifas:
a) Actividades suxeitas a licenza de apertura e/ou funcionamento: 300,00 €
b) Actividades suxeitas ao réxime de declaración responsable ou comunicación previa que teñan que someterse ao trámite de avaliación de incidencia ambiental: 200,00 €
c) Resto de actividades: 100,00 €
A estas tarifas aplicaráselles un coeficiente para obter as cotas tributarias en función da superficie construída das instalacións ou establecementos, en función da seguinte escala
Ata 100 m2 1,0
Desde 100 m2. ata 300 m2. 1,2
Desde 300 m2. ata 1000 m2. 1,5
Desde 1000 m2. ata 2000 m2. 1,7
Desde 2000 m2 en adiante 2,0
Nos casos de traspasos, cambios de titularidade ou denominación social e variacións da actividade que non leven aparellada a realización de obras, as tarifas anteriormente definidas reduciranse nun 50 por cento.
3.- A cota tributaria aplicarase por unidade de local.
4.- Cando nunhas mesmas instalacións, establecemento ou local que pertenza a un só titular se vaia exercer máis dunha actividade industrial ou mercantil e, polo tanto, sexa necesaria a obtención de varias licenzas, a cota a satisfacer será a maior delas e se lle aplicará un recargo do 30 por cento.
5.- A cota corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, desde a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.
6.- Nos casos de desestimento formulado polo interesado con anterioridade á concesión da licenza ou despois de presentar a declaración responsable ou a comunicación previa, sempre que a actividade municipal xa se tivese iniciado, as cotas a liquidar serán:
- Do 20 por cento, se ten lugar no prazo dun (1) mes desde a solicitude ou 10 días desde a presentación.
- Do 50 por cento, se ten lugar con posterioridade no caso das solicitudes, ou entre os días 10 e 15 no caso das declaracións responsables ou comunicacións previas.
7.- O custo das publicacións de edictos nos boletíns oficiais, para aquelas actividades que o necesiten, serán por conta dos interesados.
Artigo 7.º.- Exencións e bonificacións.
Non se concederán outras exencións ou bonificacións que as expresamente previstas nas leis como obrigatorias ou as derivadas da aplicación de tratados ou acordos internacionais.
Artigo 8.º.- Devengo.
1. A presente taxa devéngase e nace a obriga de contribuír cando se inicia a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible.
Para estes efectos, entenderase iniciada a devandita actividade na data de presentación da solicitude da licenza de actividade, apertura ou funcionamento ou, se for o caso, na data de presentación da comunicación previa ou da declaración responsable.
2. De facerse a apertura sen ter concedida a licenza ou realizada a comunicación previa ou a declaración responsable, segundo corresponda de acordo coa normativa vixente, a taxa devengarase ao iniciarse a actividade municipal para determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixidas na normativa que resulte de aplicación.
3. A obriga de contribuír non se verá afectada pola denegación da licenza solicitada, nin pola renuncia ou desestimento do solicitante unha vez concedida ou resolto o expediente, nin tampouco naqueles casos nos que se declare a ineficacia da comunicación previa ou declaración responsable.
Artigo 9.º.- Normas de xestión.
1.- A taxa esixirase en réxime de autoliquidación segundo as seguintes normas:
a) Nos supostos suxeitos a previa licenza, o interesado deberá presentar o xustificante de pagamento da autoliquidación da débeda polo importe que sexa aplicable segundo o art. 6 desta ordenanza, xunto coa solicitude da licenza. De non se presentar o documento xustificativo do pagamento da autoliquidación, non se procederá á tramitación da solicitude.
b) Nos supostos de comunicación previa ou declaración responsable, o interesado deberá presentar, xunto coa mesma, xustificante de pagamento da autoliquidación do importe da taxa segundo a tarifa que corresponda á vista do art. 6 desta ordenanza. De non ser así, a Administración practicará a liquidación unha vez rematados os labores de comprobación administrativa, pola vía de constriximento.
c) Nos supostos de comunicación de traspasos, cambios de titularidade ou denominación social e variacións da actividade que non leven aparellada a realización de obras, deberase presentar, xunto coa solicitude ou comunicación, xustificante do pagamento da autoliquidación da taxa correspondente.
2.- Cando a Administración local teña coñecemento da realización dunha actividade ou da apertura dun establecemento que estea suxeita a licenza ou comunicación previa ou declaración responsable, sen terse producido a solicitude ou comunicación ao Concello, procederá de oficio ao inicio, de xeito automático, do correspondente procedemento de comprobación tributaria -sexa de xestión ou de inspección-, que será simultáneo ao expediente que se tramite para a verificación do cumprimento das condicións que a normativa sectorial aplicable esixa para o efecto.
Artigo 10.º.- Recadación.
1.- Os modelos oficiais de autoliquidación serán aprobados por resolución da Alcaldía. Os interesados poderán solicitar a colaboración das unidades administrativas do Concello para a súa cumprimentación.
2.- Nos supostos de liquidación practicada pola Administración Tributaria municipal, unha vez practicada e aprobada, notificarase consonte ao previsto no art. 102 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e o seu ingreso deberá efectuarse nos prazos sinalados no art. 62.2 da mesma Lei para as débedas liquidadas pola Administración e notificadas directamente aos suxeitos pasivos.
3.- As débedas non ingresadas no período voluntario, serán esixibles pola vía de constriximento. A tal efecto, entenderase que a presentación dunha solicitude de licenza de apertura ou funcionamento, comunicación previa ou declaración responsable sen terse efectuado a presentación e o ingreso da autoliquidación correspondente á taxa pola tramitación do expediente, cando esta resulte esixida segundo as normas do artigo anterior, orixinará o inicio do período executivo, consonte ao previsto no art. 28 e 161 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, salvo que sexan aplicables os recargos do art. 27 da mesma Lei por se presentar o xustificante de pagamento da autoliquidación antes de que se reciba comunicación formal do inicio do período executivo.
4.- Nos supostos de licenzas de apertura ou funcionamento nos que, ao tempo de se presentaren as solicitudes, non se acompañara o xustificante do pagamento da autoliquidación correspondente, non se procederá á continuación do expediente até que se xustifique o pagamento das taxas, sen prexuízo do exposto no parágrafo anterior.
Artigo 11.º.- Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que lle correspondan a estas en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.
Disposición final
A presente ordenanza fiscal, unha vez aprobada definitivamente, entrará en vigor cando se produza a publicación do seu texto no BOP e permanecerá en vigor en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa. A súa entrada en vigor suporá a derrogación da ordenanza fiscal n.º 6 do Concello de Monfero reguladora da taxa polo outorgamento de licenzas de apertura de establecementos, publicada no BOP n.º 299, do día 31 de decembro de 1998, vixente ata ese momento.
Monfero, 5 de xuño de 2014 O Alcalde Benjamín M Rodríguez Abad------------------¿