Arteixo - ORDENANZA MUNICIPAL Nº 31, REGULADORA DE AXUDAS PARA SITUACIÓNS DE EMERXENCIA SOCIAL E PARA A INSERCIÓN SOCIAL DO CONCELLO DE ARTEIXO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os servizos sociais municipais teñen como unha das súas funcións e tarefas máis consolidadas a de proporcionar atención e axuda a persoas que atravesan unha situación vital de dificultade, derivada a maior parte das veces pola imposibilidade de facer fronte a determinados gastos que ou ben son necesarios para o mantemento dunha forma de vida compatible coa dignidade á que toda persoa ten dereito ou que mesmo son precisos, en determinadas ocasións, para asegurar a supervivencia.
A súa competencia vén determinada de conformidade co previsto na lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada por Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da Administración Local, no seu artigo 26 .1. Os Municipios deberán prestar, en todo caso, os servizos seguintes: ¿ Nos Municipios con poboación superior a 20.000 habitantes, avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social ¿, e no artigo 21.1 d) da Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia atribuíndo aos Concellos a colaboración na xestión das prestacións económicas nos termos que regulamentariamente se establezan, razón de ser da presente ordenanza dado a natureza regulamentaria desta.
As administracións públicas, neste caso o Concello de Arteixo, precisan dispoñer dunha ordenanza áxil e efectiva, de maneira que poida conciliarse a atención ás persoas en situación de emerxencia social coa normativa e cos procedementos propios da administración e cos que son de aplicación nestes casos.
A presente ordenanza trata de xuntar ambos os dous requisitos -atención efectiva ás necesidades sociais e cumprimento normativo- poñendo especial énfase na axilidade do procedemento xa que unha parte importante da eficacia da prestación económica reside en que poida ser cuberta de inmediato.
O procedemento a seguir non é o xeneral de concorrencia competitiva que fixa a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, pois resulta implícita nas prestacións a conceder e nas condicións sociais dos beneficiarios as razóns de interese público social, humanitarias e outras que dificultan unha convocatoria pública de conformidade co establecido no artigo 22.2 c) da citada Lei.
As normas contidas nesta ordenanza son complementarias, neste municipio, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
TITULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. - Réxime Xurídico
A concesión das prestacións municipais baixo a denominación de emerxencia social, rexeranse polo disposto na presente Ordenanza e nas disposicións que se adopte para a súa aplicación e desenvolvemento.
Artigo 2. - Obxecto
Constitúe o obxecto desta ordenanza o outorgamento dunha prestación non periódica de carácter económico destinada a sufragar gastos específicos de carácter extraordinario necesarios para previr, evitar ou paliar situacións carencias, urxencias sociais ou situacións de marxinación social. Están dirixidas a persoas individuais ou unidades familiares que carezan de medios e nas que concorran factores de risco, sendo sempre un apoio á intervención social.
Artigo 3. - Criterios xerais para a concesión das axudas
Para a concesión de axudas económicas haberanse de cumprir os seguintes criterios xerais:
a) Situacións acreditadas de necesidade
b) Que a necesidade obxecto da axuda estea valorada por unha persoa técnica de servizos sociais e integrada nun proceso de intervención social.
c) O pagamento da axuda efectuarase á entidade ou profesional que presta o servizo, cabendo a excepción deste requisito en casos moi xustificados e debidamente salientados no expediente que poderán ser aboadas á persoa solicitante.
Artigo 4. - Incompatibilidade das axudas
Será incompatible a concesión da axuda económica co goce gratuíto de servizos que cubran as mesmas necesidades. Así mesmo, non poderán outorgarse axudas polo mesmo concepto que fosen concedidas por outras Administracións ou organismo público. Exceptuarase este último requisito se a axuda concedida non solucionase a necesidade, podendo neste caso complementarse desde esta Administración sen que en ningún caso poida superar o custo total do obxecto da axuda.
Artigo 5. - Clasificación das prestacións
Necesidades básicas non cubertas por outros sistemas de protección:
a) Cobertura de necesidades básicas con carácter xeral:
· Alimentos, vestiario, aloxamento e demais indispensables para o desenvolvemento da vida diaria.
· Gastos sanitarios: próteses oculares, prótese e arranxos dentais e gastos farmacéuticos e outros de análoga natureza.
b) Axudas de uso e mantemento de vivenda:
· Fianzas para alugueres de vivendas.
· Importes pendentes para evitar o desafiuzamento.
· Pequenos arranxos na vivenda habitual cando estes se consideren imprescindibles para a permanencia no domicilio.
· Limpezas e desentullos en vivendas.
c) Outros gastos excepcionais, valorados polas persoas técnicas municipais de servizos sociais como indispensables para previr a marxinación e favorecer a normalización de individuos e familias.
d) Desenvolvemento de actividades de inserción socio- laboral
1. Asistencia a cursos de formación: matrículas, material e transporte
2. Atención ao menor:
· Actividades extraescolares
· Libros e material escolar
Artigo 6. - Criterios de Valoración
Os criterios para efectuar a valoración co obxecto de conceder estas axudas son os recollidos no artigo 11 desta Ordenanza.
TITULO II.- PERSOAS BENEFICIARIAS DAS AXUDAS
Artigo 7. - Tipos de beneficiarios/as
Poderán ser beneficiarios/as destas axudas as persoas físicas para si ou para a súa unidade familiar que reúnan os requisitos que se mencionan no apartado seguinte. Enténdese por unidade familiar a formada por máis de unha persoa cuxos membros, convivan no mesmo domicilio.
Artigo 8. - Requisitos dos beneficiarios/as:
1. Ser maior de idade ou menor emancipado.
2. Estar empadroado no municipio de Arteixo de forma ininterrompida polo menos cun ano de antigüidade. Excepcionalmente poderán ser beneficiarias, logo de informe dos técnicos municipais de servizos sociais, aquelas persoas que carecendo de domicilio en Arteixo a súa situación de urxencia social faga necesaria esta axuda. Outra excepción serán aquelas persoas que veñan cunha derivación doutro equipo de servizos sociais con informe e proxecto de intervención previo.
3. Acreditar a situación de necesidade.
4. Achegar a documentación requirida en cada caso.
5. Aceptación expresa, por parte da persoa usuaria, das condicións que figuran no deseño de intervención social.
6. Acreditar mediante documento de declaración responsable de estar ao corrente das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, así coma a declaración xurada ou promesa na que se faga constar que non se recibiu doutros organismos, e para a mesma finalidade, a axuda solicitada.
TITULO III.- XESTIÓN E PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS
Artigo 9. - Documentación
1. Orixinal e fotocopia para compulsar o Documento Nacional de Identidade dos membros da unidade familiar que o posúan. No suposto de estranxeiros tarxeta de residente, de asilo ou refuxio ou calquera outro documento que permita súa estadía legal no país.
2. Orixinal e fotocopia para compulsar do Libro de Familia ou calquera outro documento que acredite convivencia.
3. Acreditación dos ingresos económicos de todos os membros da unidade familiar a través de:
a. Nóminas, recibos, xustificantes de pensións, certificados do INEM ou calquera outro documento que acredite os ingresos da persoa ou unidade familiar.
b. Declaración responsable do interesado/a na que se faga constar, se é o caso, a carencia absoluta de rendas familiares.
c. En todo caso, asinarase por todos os membros da unidade de convivencia unha autorización para o acceso aos seus datos do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.
d. Declaración da persoa interesada de estar ao corrente das obrigas fiscais e coa Seguridade Social ( artigo 24.4 e 24.5 do Real decreto 887/2006 do 21 de xullo polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións), así coma a declaración xurada ou promesa na que se faga constar que non se recibiu doutros organismos, e para a mesma finalidade, a axuda que se solicita.
e. Declaración de non estar incurso en ningunha das causas de prohibición para obter a condición de beneficiario/a da axuda.
4. Achega dos movementos da conta bancaria dos últimos seis meses.
5. Documentos acreditativos da situación de necesidade determinantes da solicitude que deben ser orixinais e se precisan devolución, indicar nestes que se concedeu a axuda para o seu pagamento, así coma o xustificante do seu custo ou presuposto.
Artigo 10. - Procedemento para a concesión das axudas.
a. Solicitude en modelo oficial dirixido ao Excelentísimo Sr. Alcalde e presentado no Rexistro Municipal correspondente por calquera dos medios previstos no art. 38 da Lei 30/1992, do 2 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderase iniciar tamén de oficio mediante informe emitido polas persoas técnicas municipais de servizos sociais, que iniciará o expediente para todos os efectos.
b. Estudo e valoración da petición, ou da situación no caso de terse iniciado de oficio, e das circunstancias familiares por parte das técnicas ou técnicos municipais de servizos sociais que necesariamente incluirá a realización da Historia Social Familiar e o Deseño de Intervención Social personalizado.
c. A proposta de concesión ou denegación da axuda será asinada por técnicas/os municipais de servizos sociais e, será examinada pola mesa de valoración formada polas/os técnicas/os de servizos sociais estando presidida pola persoa responsable política da área de Servizos sociais.
d. A proposta de concesión deberá axustarse necesariamente ás características destas axudas e á existencia de crédito axeitado e suficiente.
e. A tramitación das axudas será mediante unha petición cunha separación temporal mínima de tres meses.
TITULO IV.- CRITERIOS DE VALORACIÓN
Artigo 11. - Indicadores
Para a concesión da axuda de emerxencia social teranse en conta os seguintes indicadores:
a. Indicador económico. Con carácter excluínte.
Carecer de ingresos anuais superiores ao IPREM que se fixe anualmente, incrementado nun 15% por cada un dos membros da unidade familiar. Para os efectos do cómputo dos ingresos para o recoñecemento da prestación, terase en conta a base impoñible da última declaración da Renda das persoas físicas, previa aplicación ao mínimo persoal e familiar do imposto; e cando non sexa obrigatorio realizala, acreditará ingresos anuais inferiores ao límite establecido a través de nóminas, certificados do INEM, certificados da Seguridade Social sobre vida laboral ou percepción de pensións, certificación de xuros bancarios e os últimos movementos bancarios e calquera outra que se considere necesaria para acreditar os recursos económicos familiares.
Computaranse como recursos a totalidade de ingresos que se obteñan polos conceptos de rendemento de traballo, retribucións, renda, prestacións nos 6 meses anteriores á data da solicitude.
Descontarase o gasto de vivenda: alugueiro ou hipoteca, até un máximo de 350 €/mes.
No suposto de que sexa unha familia monoparental con máis de un menor a cargo, ou con persoa con eivas ou dependente a cargo, incrementarase nun 0,8 o número de persoas computábeis.
b. Situacións de risco e/ou exclusión social.
Valoraranse as situacións de desatención ou problemas de conduta nos menores que integran a unidade familiar; situacións carencias ou de conduta desarraigada que afectan aos proxenitores ou outros adultos integrantes da unidade familiar; situacións de violencia de xénero e outras circunstancias de risco non recollidas nos ítems anteriores.
c. Proceso de Intervención social, individual ou familiar.
É para aplicar con persoas e/ou familias en proceso de atención nas que se dan situacións de especial necesidade.
Artigo 12. - Contía da axuda
A contía máxima da axuda será:
a. En concepto dos apartados a) b) c) do art.5 desta ordenanza): Até un máximo anual do 500% do IPREM.
b. En concepto dos apartados d) do art.5 desta ordenanza): e concepto: Até un máximo anual do 100% do IPREM.
Só se poderá solicitar unha axuda por trimestre para calquera dos conceptos anteriores.
TÍTULO V. - XESTIÓN PRESUPOSTARIA E XUSTIFICACIÓN
Artigo 13. - Aboamento da axuda
A xestión orzamentaria das axudas recollidas na presente Ordenanza efectuarase con cargo á partida 231.480.00, destinada para este fin e co límite dos créditos consignados nesta. Faranse efectivas a través do sistema de pagamento a xustificar e/ou anticipo de caixa fixa, de conformidade co establecido no Real decreto lexislativo 2/2004 do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais; o RD 500/1990 e as bases de execución do Presuposto municipal deste Concello.
Artigo 14. - Xustificación do gasto
A xustificación do gasto acreditarase mediante as facturas dos pagamentos e dos gastos realizados que deberán cumprir os requisitos regulamentarios establecidos, ou mediante outros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil.
Tentarase, na medida do posible, realizar o pagamento ao acredor do servizo en función das características da emerxencia. Se isto non é posible ou dificulta a tarefa administrativa, realizarase o pagamento á persoa solicitante que dispoñerá dun prazo máximo de 15 días para xustificar -mediante factura- o importe da axuda.
No caso de non ter xustificada a axuda concedida, non se admitirán novas solicitudes.
Con carácter excepcional e, debidamente xustificado no expediente por parte das persoas técnicas municipais de servizos sociais e, ante determinadas situacións extremas, ao perceptor da axuda non se lle requirirá a xustificación do gasto polos medios determinados con carácter xeral e sinalados no primeiro parágrafo deste artigo, senón mediante calquera medio admisible en dereito ou, no seu caso, mediante o informe correspondente dos Servizos Sociais, sobre a base da concorrencia dunha determinada situación extrema de necesidade (artigo 30.7 da Lei xeral de subvencións)
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a Ordenanza núm. 31 reguladora de Axudas para a Inserción Social-Emerxencias Sociais do Concello de Arteixo, aprobada polo Pleno da Corporación celebrado o 29 de abril de 2010 e publicada no BOP do 12 de xullo de 2010.
Disposición final
De conformidade co que dispón o artigo 70.2 da Lei 7/85, reguladora das bases do réxime local, esta ordenanza entrará en vigor unha vez que o Concello publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e logo de que transcorra o prazo de quince días hábiles ao que se refire o artigo 65.2 desa Lei.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo DE 15 días previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.