Vimianzo - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA EXPEDICIÓN DAS TARXETAS DE ACCESIBILIDADE E TARXETAS DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON MINUSVALÍA
Artigo 1.- Obxecto.
Ten por obxecto a presente ordenanza a regulación a nivel municipal da expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía e de accesibilidade de usuarios previstas nos artigos 27 e seguintes da Lei 8/97, de 20 de agosto, de Accesibilidade e Supresión de Barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e nos seguintes artigos 50,51,52 e 53 do Decreto 35/2000 , de 28 de xaneiro, polo que se aproba respectivamente o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei antes citada, co fin de favorece-lo uso dos transportes privados por persoas con graves problemas de mobilidade e para que o seu titular poida gozar de facilidades de estacionamento, e como documento acreditativo da situación de discapacidade en orde a favorecer o uso e gozo do transporte.
Artigo 2.- Beneficiarios/as.
1.- A tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez concederase ás persoas con graves problemas de mobilidade como documento acreditativo da súa situación, con carácter persoal e intransferible, coa finalidade de favorece-lo uso dos transportes privados e para que o seu titular poida gozar das facilidades de estacionamento relacionadas coa devandita tarxeta.
2.- Terán dereito á expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez todos aqueles interesados que teñen recoñecida a imposibilidade do uso de transporte público polos equipos de valoración e orientación (EVO), dependentes das seccións de cualificación e valoración de minusvalidez.
3.- A tarxeta de accesibilidade de usuarios concederase ás persoas con algunha limitación, con carácter persoal e intransferible, como documento acreditativo da súa situación de discapacidade, para favorece-lo uso e desfrute dos transportes públicos.
4.- Terán dereito á expedición da tarxeta de accesibilidade de usuarios todos aqueles interesados ós que se lle recoñeza a condición de minusválidos polos equipos de valoración e orientación (EVO), dependentes das seccións de cualificación e valoración de minusvalidez nun grao superior ao 33%.
5. Os concellos son os que deben aprobar normativas que garantan e favorezan a accesibilidade das persoas con limitacións e que con respecto ás persoas titulares destas tarxetas serán, como mínimo, as seguintes:
a) Reserva de praza nos transportes colectivos.
b) Bonificación nas tarifas para as persoas que dispoñen de tarxeta.
c) Reserva de prazas nos centros de servizo de transporte público.
Artigo 3.- Uso da tarxeta de estacionamento e de accesibilidade
Cando a persoa titular da tarxeta de estacionamento sexa unha persoa física poderá utilizala en calquera vehículo no que se traslade, sexa ou non da súa propiedade e sexa o titular da tarxeta o conductor do vehículo ou non. Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa xurídica deberá incluír a/as matrículas dos vehículos habilitados para transporta-las persoas con graves problemas de mobilidade. Cando se faga uso dos dereitos que outorga esta tarxeta colocarase nun lugar visible do vehículo, preferentemente na parte interior do parabrisas dianteiro de forma que resulte claramente visible dende o exterior.
O modelo de tarxeta de estacionamento e de accesibilidade axustarase ás características sinaladas no anexo III do Regulamento, que se establece no Decreto 35/2000 , do 28 de xaneiro, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
Artigo 4. Solicitudes.
Presentaranse segundo modelo oficial (ANEXO I) nas dependencias municipais, acompañando a seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI
- Certificado de minusvalidez expedido polos equipos de valoración da Xunta de Galicia ou das outras Comunidades Autónomas.
- Dúas fotografías tamaño carné
- Certificado de empadroamento
Artigo 5.- Dereitos derivados das tarxetas.
1.- A titularidade da tarxeta de estacionamento dá dereito a autorización para que os vehículos ocupados por ditas persoas poidan deterse na vía pública durante o tempo imprescindible e sempre que non entorpezan a circulación rodada ou peonil.
2.- A Tarxeta de accesibilidade de usuarios dará dereito ao seu titular a desfrutar dos beneficios a que se refire a Lei e o Regulamento anteriormente citados.
Artigo 6.- Expedición de Tarxetas.
O expediente iniciarase a instancia da persoa interesada. Cubrirase a solicitude no modelo oficial normalizado, anexo I. Unha vez presentada a solicitude no rexistro xeral do Concello coa documentación pertinente remitirase á Área de Benestar Social para a emisión do informe - proposta correspondente. Posteriormente o informe elevarase a alcaldía para que se edite a resolución pertinente concedendo ou denegando a tarxeta solicitada.
O Concello de Vimianzo, remitirá copia da solicitude ó Equipo de Valoración e Orientación (EVO) da Xunta de Galicia, no caso de que no certificado de minusvalía non veñan recollidas especificamente as dificultades para uso de transporte colectivo no trámite da tarxeta de estacionamento. Neste caso, o informe que emitan ó respecto, será vinculante para a súa concesión ou denegación por resolución de alcaldía.
A resolución de concesión ou denegación será notificada ao interesado/a de acordo co procedemento establecido na lei 30/92 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común. A tarxeta unha vez concedida será asinada polo titular e deberá plastificarse.
Así mesmo o concello deberá establecer reservas con carácter permanente de prazas de aparcamento debidamente sinaladas para vehículos que transporten as persoas titulares desta tarxeta. Situaranse próximas aos pasos de peóns dentro das zonas destinadas a aparcamentos de vehículos lixeiros, ben sexan interiores, exteriores ou subterráneos.
As tarxetas de accesibilidade concedidas polo Concello terán validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. En caso de cambio de enderezo do beneficiario dunha tarxeta de accesibilidade deberá solicita-lo traslado do expediente ó novo municipio de residencia.
Artigo 7. Caducidade das tarxetas
En caso de que a cualificación da minusvalía sexa permanente, a tarxeta caducará ós dez anos da concesión, e en caso de que a cualificación da minusvalía sexa provisional, caducará cando remate o prazo que esta indique.
Para a renovación seguirase o mesmo procedemento que para a concesión inicial.
O Concello terá dereito a controlar que as condicións que deron orixe á expedición da tarxeta, continúan vixentes, polo que poderá requirir aos solicitantes, en calquera intre, para que acheguen probas actualizadas de ditas condicións.
Calquera variación das condicións que deron orixe á expedición da tarxeta deberá ser comunicada á Área de Benestar Social, no prazo máximo de un mes; de non ser así, o Concello poderá anular a súa vixencia.
No caso de comprobarse o uso indebido das mesmas de maneira reiterada, estas serán retiradas.
Artigo 8.- Réxime sancionador.
No suposto de que se detecte o uso indebido da tarxeta de estacionamento de maneira reiterada e debidamente probada, a citada tarxeta será retirada durante un prazo de dous anos polo órgano que a outorgase, debendo o interesado volver inicia-lo procedemento para a súa nova expedición.
DISPOSICIÓN FINAL.
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez fora publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia ( B.O.P ), e transcorrido o prazo de 15 días previsto no artigo 65.2º da Lei 7/85, sendo de aplicación a partir dese mesmo día ata a súa derrogación ou modificación expresa.
ANEXO
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.