Dodro - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA POSESIÓN E CUSTODIA DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS

Publicación provisional: 01/08/2014 BOP Nº: 145
Publicación definitiva: 18/09/2014 BOP Nº: 178
Aplicable dende: 19/09/2014

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Lei 50/1999, de 23 de decembro, ditada ao abeiro do artigo 149.1.29 da Constitución Española, que atribúe ao Estado as competencias en materia de seguridade pública, asigna no artigo 3 aos concellos a competencia para conceder a licenza administrativa que habilite para a tenza de animais potencialmente perigosos. Ademais, no seu artigo 6, establece que en cada Concello existirá un Rexistro de animais potencialmente perigosos.

A Lei 1/1993, de 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade impón, a súa vez, aos concellos a obriga de recollida dos animais abandonados, e o Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se desenvolve a Lei 1/1993, do 13 de abril, no seu artigo 27 obriga a censar a nivel municipal a todos os animais da especie canina.

Ao abeiro do artigo 3.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, a Xunta de Galicia aproba o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a posesión de animais potencialmente perigosos na comunidade autónoma de Galicia e se crean os Rexistros Galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos.

En consecuencia, e de conformidade coas disposicións citadas, e ao abeiro da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do Réxime Local, da Lei 5/1997, do 22 de xuño, de administración local de Galicia, a Corporación aprobou esta ordenanza:

CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º.- Obxecto.

1.- É obxecto da presente ordenanza, a regulación da concesión e renovación das licenzas administrativas para a tenza de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, ao que se refire o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a regulación do Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos e a inscrición na Sección Local do rexistro Galego de Animais de Compañía, así como a posesión e custodia doutros animais.

2.- Quedan excluídos da aplicación da presente Ordenanza os cans e animais pertencentes ás forzas armadas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Corpos da Policía das Comunidades Autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial.

Artigo 2º.- Definición de animal potencialmente perigoso.

1.- Considéranse animais potencialmente perigosos, todos os que pertencendo á fauna salvaxe, son utilizados como animais domésticos ou de compañía, con independencia da súa agresividade, pertencen a especies ou razas que teñan capacidade de causar a morte ou lesións ás persoas ou a outros animais e danos de certa entidade ás cousas.

2.- En particular terán cualificación de potencialmente perigosos, os animais domésticos ou de compañía que regulamentariamente se determinan pola Comunidade Autónoma de Galicia, en particular os pertencentes á especie canina definidos no artigo 2.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos.

3.- En todo caso, aqueles cans que manifesten unha marcada agresividade natural oi inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. Esta agresividade será apreciada pola autoridade competente da consellería competente na materia de Medio Ambiente, de oficio, ou previa notificación ou denuncia, e despois dun informe dun adestrador ou veterinario designado para tal efecto.

CAPÍTULO II.- DA LICENZA MUNICIPAL

Artigo 3º.- Licenza municipal

1.- A tenza no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licenza municipal, que se expedirá no concello de residencia habitual do propietario.

2.- Están obrigados á obtención de licenza municipal para a tenza de animais clasificados como potencialmente perigosos os propietarios ou posuidores destes incluídos no padrón municipal de habitantes, así como os establecementos ou asociacións, con sede neste municipio, que alberguen animais potencialmente perigosos aos que se refire o Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, da comunidade autónoma galega e que se dediquen á súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centro de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda colocados neste municipio.

3.- Os propietarios de animais potencialmente perigosos non aveciñados neste municipio deberán acreditar, cando se encontren residindo temporalmente neste e mentres permaneza o animal no termo municipal, a tenza da licenza no municipio de orixe.

4.- Nos casos de inscrición de animais como consecuencia de ter efectuado anteriores ataques a persoas, animais ou cousas, no Concello, unha vez coñecida a resolución ou sentenza, de oficio ou a instancia de calquera interesado directo, e previa tramitación de expediente administrativo con audiencia do interesado, o titular disporá do prazo dun mes para solicitar a licenza administrativa, efectuándose en caso contrario a retirada e depósito do animal de conformidade co establecido no artigo 9º.desta ordenanza.

Artigo 4º.- Requisitos para a obtención da licenza

1.- Para a obtención da licenza administrativa con destino á tenza de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporcionar os coidados necesarios ao animal.

Acreditarase mediante fotocopia do DNI ou pasaporte.

b) Non ter sido condenado por delitos de homicidio, lesións, torturas contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á posesión de animais potencialmente perigosos.

Acreditarase mediante certificado negativo de antecedentes penais.

c) Non ter sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da posesión de animais potencialmente perigosos. Con todo, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licenza, ter sido sancionado coa suspensión temporal desta, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente.

Acreditarase mediante certificado negativo expedido pola consellería competente na materia de Medio Ambiente

d) Dispoñer de certificado de capacidade física e aptitude psicolóxica para a posesión de animais potencialmente perigosos, expedido polo director dun centro médico-psicotécnico debidamente autorizado, conforme se recolle nos artigos 4.º , 5.º e 6.º do RD 287/2002, do 22 de marzo.

e) Acreditación de ter formalizado un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poida causa-lo animal, cunha cobertura mínima de 125.000 euros. Este seguro deberá renovarse anualmente.

Acreditarase mediante presentación de copia da póliza de seguro claramente detallada ou certificado da compañía aseguradora.

2.- Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da tenza do animal; a perda destes dará lugar á revisión da licenza nos termos recollidos no artigo 9º desta ordenanza.

Artigo 5º.- Vixencia e renovación das licenzas.

1.- As licenzas terán unha vixencia de cinco anos. Transcorrido este período deberán ser obxecto de renovación, por período de igual duración, mediante a presentación da mesma documentación esixida para a súa obtención e sinalada no artigo anterior.

2.- A condena por calquera dos delitos recollidos no apartado b) do artigo anterior dará lugar á retirada da licenza polo Concello.

Artigo 6º.- Acreditación

1.-A identificación da tenza da licenza municipal de animais potencialmente perigosos acreditarase mediante entrega de certificación relativa a esta.

2.-Por cada can que se posúa, expedirase unha tarxeta identificativa na que se fará consta-los seguinte datos:

a) Número de licenza municipal.

b) Código de identificación do can.

c) Raza.

d) Titular da licenza e DNI.

e) Número de Rexistro municipal.

No dorso, se farán consta-las persoas autorizadas polo titular da licenza para uso temporal e transporte do animal.

Artigo 7.º .-Documentación.

1.-Para a expedición da tarxeta identificativa de cada can requirirase a apartación dos seguintes datos:

a) Raza e sexo do animal.

b) Ano de nacemento.

c) Domicilio habitual do animal.

d) Especificación se está destinado a convivir cos seres humanos ou se pola contra, ten finalidades distintas coma a garda, protección ou outra que se indica.

e) Nome do propietario.

f) Domicilio do propietario.

g) DNI do propietario.

h) Nome ou razón social e domicilio do vendedor ou cedente.

i) Póliza de seguro de responsabilidade civil.

l) Certificado de aptitude psicolóxica e física nos termos recollidos nos artigos 4 e 5 do RD 287/2002, do 22 de marzo.

ll) Certificado de penais.

m) Certificado de sanidade animal expedido por autoridade competente, que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigosos.

n) Xustificante do abono da taxa por expedición da licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos.

ñ) Certificado sanitario de esterilización si efectuouse esta.

o) Memoria descritiva das instalacións e medidas de seguridade utilizadas para impedi-la fuxida dos animais conforme o artigo 3.4 do Decreto 90/2002, no seu caso.

p) Facturas e xustificante da adquisición.

Os citados datos e, no seu caso, a documentación oportuna, deberá facilitala o adquirente do animal no prazo de quince días, que comezará a contar dende a súa tenza efectiva.

2.-O certificado de sanidade animal deberá ser expedido polos servicios sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia ou por un veterinario colexiado.

3.-Para a renovación da licenza municipal deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de renovación.

b) Copia compulsada da renovación do seguro de responsabilidade civil.

c) Copia compulsada do certificado de sanidade animal efectuado nunha data non anterior a dous meses á da renovación da licenza.

d) Xustificante do abono da taxa municipal.

e) Certificado de capacidade física.

f) Certificado de aptitude psicolóxica.

Artigo 8º.- Órgano competente para a concesión das licenzas municipais

1.- As licenzas municipais para a tenza de animais potencialmente perigosos, se concederán mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia en materia de licenzas, previa acreditación da incorporación da documentación esixida na presente ordenanza.

Artigo 9º.- Revisión, perda de licenzas e depósito de animais.

1.- A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4º desta ordenanza, dará lugar á revisión das licenzas municipais concedidas e a súa retirada previa tramitación de expediente contradictorio.

2.- A retirada da licenza dará lugar á perda do dereito á tenza do animal e a obriga do interesado de proceder, no prazo máximo de dez días, que comezará a contar dende a recepción do requerimento , a súa entrega e depósito no establecemento adecuado para tal efecto, ata a obtención desta, salvo que o animal sexa obxecto de entrega a outro propietario ou sacrificio nos termos establecidos nos artigos 58, 59 e 60 do Decreto 153/1998 da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.- En caso de incumprimento da obriga de depósito procederase aá súa execución subsidiaria polo Concello, ou a Comunidade Autónoma, a través dos seus servizos ou mediante empresa contratada, sendo os gastos que tal actuación comporta a cargo e conta do antigo titular da licenza.

4.- O Concello poderá retirar dos espazos públicos e depositar de oficio en establecemento adecuado, sen necesidade de previo requerimento, a aqueles animais potencialmente perigosos nos que se aprecie unha situación de abandono ou perigosidade para os usuarios das vías e espazos de uso común ou circulen por estes sen a debida protección ou control do seu propietario ou posuidor.

5.- Igualmente o Concello poderá retirar e depositar en establecemento adecuado aqueles animais potencialmente perigosos que non dispoñan da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe ata tanto se acredite tal circunstancia polo titular deste.

6.- A falta de licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos dará lugar a un único requerimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días e á retirada e depósito dos animais, nos termos establecidos neste artigo.

CAPÍTULO III.- DO REXISTRO MUNICIPAL

Artigo 10º.- Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.- Créase o Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, no que se inscribirán os animais potencialmente perigosos que teñan a súa residencia habitual no Concello.

2.- O Rexistro terá un tratamento informatizado, no que se farán constar con carácter obrigatorio de acordo co Decreto 90/2000, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, a seguinte documentación:

Datos do animal:

a) Número de microchip

b) Nome do animal

c) Especie

d) Raza. En cruzamento de primeira xeración especificaranse as razas de procedencia.

e) Sexo

f) Características externas (descrición da capa, tipo e corda pel, etc...)

g) Data de nacemento do animal

h) Dirección habitual do animal

i) Especificación de se o animal está destinado a convivir con seres humanos ou se teñan finalidades distintas como a garda, defensa ou outra que se indique.

Datos do propietario ou posuidor:

j) DNI

k) Nome e apelidos

l) Dirección do propietario do animal

m) Teléfonos de contacto do propietario do animal

ñ) Licenza administrativa: Número de licenza, data de expedición e Concello de expedición.

2.- Os propietarios dos animais serán os responsables de identificar aos animais e de sufragar os gastos que isto ocasione, independientemente do lugar de residencia de ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.

3.- O rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes neste. A estes efectos considerarase, en todo caso, interese lexítimo o que ostenta calquera persoa física ou xurídica que desexe adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufrisen calquera tipo de agresión polo animal e desexan exercer as accións correspondentes en calquera vía xurisdicional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.

4.- En todo caso, o tratamento dos datos contidos no Rexistro será de acordo co disposto na Lei 15/1999, de protección de datos persoais.

5.- A identificación definitiva con microchip é obrigatoria para todos os cans, independentemente da súa raza ou condición, segundo a disposición transitoria segunda do decreto 153/1998, do 2 de abril.

Artigo 11º.- Inscrición no rexistro.

1.-A inscrición no Rexistro de animais potencialmente perigosos efectuarase de oficio polo Concello trala concesión da licenza municipal regulada no artigo 3.º da presente ordenanza, no prazo de 15 días contados a partir da obtención da licenza.

2.-Non obstante, será igualmente obrigatoria a instancia do interesado, a inscrición no Rexistro municipal, en sección aberta para tal efecto, cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente perigoso a este municipio, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, debendo proceder á inscrición no prazo máximo de dez días, que comezará a contar dende o inicio da residencia no municipio.

3.-Estimarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso, salvo acreditación expresa en contrario polo interesado, nos casos de cambio de residencia do titular deste, e nese caso será preciso a acreditación da obtención da licenza no municipio de orixe anterior, procedendo a renovación da licenza nos casos previstos na presente ordenanza.

4.-Das inscricións que se efectúen no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos darase traslado ó órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

5.-Igualmente nos casos de cambio de residencia dende o municipio sen prexuízo da obriga do interesado de dar conta do traslado do animal, notificarase ó Concello do municipio de nova residencia a titularidade por parte do interesado dun animal potencialmente perigoso.

Artigo 12.º .-Baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1.-A baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal.

2.-Igualmente procederase á baixa no Rexistro no caso de traslado da residencia do titular do animal a municipio distinto e así quede acreditado xa sexa a instancia do interesado ou de oficio polo Concello.

3.-Farase figurar no Rexistro como de titularidade municipal aqueles animais depositados nas súas instalacións como consecuencia de recollida destes da vía pública ou por perda da licenza do seu anterior titular.

Artigo 13.º.- Sección local do Rexistro Galego de Identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos (REGIAC)

1.-Ó amparo dos principios de lealdade institucional, cooperación e colaboración previstos no artigo 4.1.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, créase a sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos, que nutrirase cos datos remitidos polo REGIAC, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

2.-Cos datos contidos nesta sección formarase, a data 31-12 de cada ano, o censo ó que se refire o artigo 27.º do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

Artigo 14.º.- Circulación e permanencia do can en vías públicas e locais.

1.-Nas vías públicas e os espazos naturais protexidos, os cans irán suxeitos con cadea ou correa.

2.-Os cans guía poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos, sempre que vaian acompañados polo seu dono e cumpran as condicións hixiénicas, sanitarias e de seguridade que prevén as ordenanzas.

3.-Queda expresamente prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en toda clase de locais destinados á fabricación, almacenamento, transporte, venda ou manipulación de alimentos.

4.-Queda asemade prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en restaurantes, bares, cafeterías e similares.

5.-Prohíbese a circulación ou a estancia de cans e outros animais en locais de espectáculos públicos, deportivos e culturais e nos recintos escolares.

6.-Os titulares de estes locais deberán colocar na entrada dos establecementos e en lugar visible o sinal identificativa de esta prohibición.

7.-Quedan exentos das prohibicións anteriores os cans guía que acompañen a persoas invidentes.

8.-Queda prohibido deixar as deposicións fecais dos cans nas vías públicas. Os propietarios de cans son responsables de recoller convenientemente os excrementos e depositalos ou ben en bolsas de lixo domiciliario ou ben naqueles lugares que a autoridade municipal destine expresamente a esta finalidade.

9.-Queda expresamente prohibido que os cans accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio.

10.-Conforme ó establecido no artigo 112 apartado 5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, os cans catalogados como potencialmente perigosos terán que circular polas vías públicas e en lugares e espazos de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensible de lonxitude non superior a dous metros, provistos da correspondente buceira homologada e adecuada para a súa raza, e en ningún caso poderán ser conducidos por un menor de 16 anos.

CAPÍTULO IV.- INFRACCIÓNS, SANCIÓNS E PROCEDEMENTO SANCIONADOR

Artigo 15.º.- Infraccións

1.-As infraccións que se cometan contra o disposto nesta ordenanza clasifícanse en moi graves, graves e leves.

2.-Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves, as previstas no artigo 13.1 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia as cales se concretan nas seguintes:

a) Abandonar un animal potencialmente perigoso, de calquera especie e calquera can, entendéndose por animal abandonado, tanto aquel que vaia preceptivamente identificado, coma os que non leven ningunha identificación sobre a súa orixe ou propietario, sempre que non vaian acompañados de persoa ningunha.

b) Ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licenza.

c) Vender ou transmitir por calquera título un can ou animal potencialmente perigoso a quen careza de licenza.

d) Adestrar animais para activar a súa agresividade ou para finalidades prohibidas.

e) Adestrar animais potencialmente perigosos por quen careza do certificado de capacitación.

f) A organización ou celebración de concursos, exercicios, exhibicións ou espectáculos de animais potencialmente perigosos, ou a súa participación neles, destinados a demostrar a agresividade dos animais.

g) O maltrato dos animais que lles cause a morte.

h) A organización e celebración de espectáculos, pelexas ou outras actividades con animais que impliquen crueldade ou maltrato ou poidan ocasionarlles sufrimentos.

i) A venda de animais con enfermidade infectocontaxiosa coñecida.

j) A venda de animais para experimentación sen a debida autorización ou a centros non autorizados.

k) A esterilización ou o sacrificio de animais sen control facultativo.

A reiteración en faltas graves entendendo que existe tal reincidencia cando se comete unha infracción grave do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta; requirirase que a resolución sancionadora tivese adquirido firmeza.

3.-Terán a consideración de infraccións administrativas graves, as previstas no artigo 13.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia as cales se concretan nas seguintes:

a) O maltrato dos animais que lles cause dor ou lesións.

b) Mutilalos sen necesidade ou sen o axeitado control veterinario.

c) Abandonalos.

d) A venda ambulante, reiterada, de animais en xeral, fóra dos establecementos, feiras e mercados legalmente autorizados.

e) A venda de animais salvaxes en catividade fose dos establecementos autorizados.

f) O incumprimento das obrigas sinaladas nos artigos 3. º, 4. º e 5. º da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, salvo o disposto no artigo 22, 1, b) da mesma.

g) A subministración de estimulantes non autorizados ou substancias que poidan atentar contra a súa saúde, agás cando sexa por prescrición facultativa.

h) A non vacinación ou o non tratamento obrigatorio dos animais.

i) A venda de animais enfermos, salvo que se trate dun vicio oculto, non coñecido polo vendedor.

j) A cría ou comercialización de animais sen cumprir os requisitos correspondentes.

k) A tenza de animais perigosos sen as medidas de protección que se fixan.

l) O incumprimento de calquera outra das condicións supostas nas autorizacións administrativas.

m) Deixar solto un animal potencialmente perigoso ou non ter adoptado as medidas necesarias para evitar a súa escapada ou extravío.

n) Incumprir a obriga de identificar o animal.

o) Omitir a inscrición no Rexistro.

p) Acharse o can potencialmente perigoso en lugares públicos sen bozo ou non suxeito con cadea. O transporte de animais potencialmente perigosos con vulneración do disposto no artigo 10 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado

q) A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes ou os seus axentes, en orde ao cumprimento de funcións establecidas na referida Lei 50/1999, así como a subministración de información inexacta ou de documentación falsa.

Considerarase, así mesmo, como infracción grave a reincidencia en infracción leve, entendendo que existe tal reincidencia cando se comete unha infracción leve do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta, se requirirá que a resolución sancionadora tivese adquirido firmeza.

4.-Son infraccións administrativas leves as seguintes:

a) A non presentación no prazo requirido da documentación complementaria esixida no artigo 6.2 desta ordenanza.

b) A non renovación no prazo dun mes da licenza concedida para a tenza de animais potencialmente perigosos.

c) A non presentación cando lle sexa requirida da licenza do municipio de orixe de animais potencialmente perigosos polos propietarios non aveciñados neste municipio.

d) O maltrato dos animais que non lles cause dor.

e) A venda, doazón ou cesión de animais a menores de catorce anos ou incapacitados, sen autorización de quen teña a súa patria postestade, tutela ou custodia.

f) A doazón de animais de compañía como premio.

g) Non manter ao animal en boas condicións hixiénico-sanitarias.

h) Mantelos en instalacións inadecuadas.

i) Non facilitarlles a alimentación adecuada ás súas necesidades.

j) A utilización de animais en traballos que os inmobilicen causándolles dor.

k) Exercer a venda ambulante de animais fóra de mercados e feiras autorizados.

l) A carencia ou tenza incompleta do arquivo de fichas clínicas dos animais obxecto de tratamento obrigatorio ou vacinación

m) A posesión dun can non censado conforme ao previsto no artigo 7.º, 3, da Lei 1/1993, do 13 de abril da comunidade autónoma de Galicia

n) O sacrificio de animais en lugares públicos.

o) A non recolleita inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía na vía pública.

p) Calquera outra actuación que vulnere o disposto na Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, e na Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia e que non estea tipificada como infración grave ou moi grave.

Artigo 16.º.- Sancións

1.- Consonte co establecido na Lei 1/1993 da Comunidade Autónoma de Galicia e na lei 50/1999, do Estado, as infracción indicadas no artigo anterior serán sancionadas coas multas que seguen:

a.- Infraccións leves: de 30 euros a 300 euros

b.- Infraccións graves: de 300,01 euros a 3.000 euros.

c.- Infraccións moi graves: de 3.001,01 euros a 15.000 euros.

Artigo 17º.- Responsable

1.-Considéranse responsables das infraccións os que por acción ou omisión participaran na comisión destas, ó propietario ou posuidor dos animais, ou no seu caso, ó titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, asemade, o encargado do transporte.

Artigo 18º.- Procedemento sancionador

1.- O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na lei 50/1999, de 23 de decembro, axustarase aos principios da potestade sancionadora regulados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. A instrución dos expedientes sancionadores por infraccións á regulación establecida no presente decreto corresponderá aos órganos que teñan atribuída a competencia conforme ao establecido no artigo 69 do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

3. Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2 º da Lei 1/1993, do 13 de abril, serán:

a) Por infraccións leves, o alcalde do concello de Dodro cando a infracción se produza no seu termo municipal.

b) Por infraccións graves, o director xeral da consellería con competencias en Medio Ambiente que organicamente teña atribuída esta función.

c) Por infraccións moi graves, o titular da consellería con competencias en Medio Ambiente.

Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, a Administración local ou autonómica poderán proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación do procedemento sancionador.

Artigo 19.- Exercicio da potestade sancionadora.

1.- Os órganos competentes para sancionar serán:

a) Por infraccións leves, o alcalde do concello de Dodro cando a infracción se produza no termo municipal.

b) Por infraccións graves, o director xeral da consellería con competencias en Medio Ambiente e que organicamente teña atribuída esta función.

c) Por infraccións moi graves, o titular da consellería con competencias en Medio Ambiente.

Non obstante, o alcalde poñerá en coñecemento, do órgano competente da Xunta de Galicia,de toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.

2.- Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, a Administración local ou autonómica poderán proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación do procedemento sancionador.

Disposición adicional única

Quedan excluídos da obriga de obtención de licenza municipal aqueles exemplares caninos que fosen obxectos de adestramento baixo a supervisión directa da ONCE e sexan destinados á guís de persoas invidentes.

Disposición final

Esta ordenanza entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación íntegra no BOP, continuando en vigor ata a súa derrogación ou modificación posterior.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ó día seguinte a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."