Muros - ORDENANZA DE RÉXIME DE INSTALACIÓN DE TERRAZAS NOS ESPAZOS DE USO PÚBLICO
ÍNDICE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
TÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS
Capítulo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Artigo 1. Obxecto.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
Artigo 3. Tipos de instalacións autorizables.
Capítulo 2. Outras consideracións
Artigo 4. Normativa sectorial.
Artigo 5. Seguro de responsabilidade civil.
TÍTULO II.-INSTALACIÓNS DAS TERRAZAS
Capítulo 1. Condicións xerais
Artigo 6. Condicións do emprazamento.
Artigo 7. Condicións da ocupación.
Artigo 8. Condicións dos fornecementos.
Artigo 9. Condicións hixiénico-sanitarias e de consumo.
Artigo 10. Fianza.
Capítulo 2. Condicións técnicas
Artigo 11. Condicións de deseño, homologacións e publicidade do mobiliario.
Artigo 12. Toldos, cubertas e cerramentos.
Artigo 13. Condicións particulares do mobiliario nas ¿zonas con protección".
Artigo 14. Particularidades para a instalación de terrazas en espazos libres privados.
Capítulo 3. Condicións específicas para a instalación de terrazas pechadas
Artigo 15. Modalidades de ocupación.
Artigo 16. Condicións do espazo no que se pretende situar.
Artigo 17. Condicións para a instalación do pechamento estable e do seu mobiliario.
Artigo 18. Equipos audiovisuais e actuacións amplificadas en directo.
Artigo 19. Terrazas con pechamentos estables en espazos privados.
TÍTULO III.-RÉXIME XURÍDICO
Capítulo 1. Trámite das autorizacións
Artigo 20. Autorizacións.
Artigo 21. Solicitudes-autoliquidacións.
Artigo 22. Período impositivo.
Artigo 23. Cálculo da autoliquidación da taxa.
Artigo 24. Tramitación.
Capítulo 2. Vixencia e renovación das autorizacións
Artigo 25. Supostos de transmisibilidade e subrogación.
Artigo 26. Suspensión e revogación da autorización.
Artigo 27. Vixencia da autorización.
TÍTULO IV.-OBRIGAS E PROHIBICIÓNS
Capítulo 1. Disposicións.
Artigo 28 .Obrigas do autorizado.
Artigo 29.Prohibicións.
Artigo 30. Horarios.
TÍTULO V.-RÉXIME DISCIPLINARIO E SANCIONADOR
Capítulo 1. Restablecemento da Legalidade
Artigo 31. Inspección.
Artigo 32. Compatibilidade
Artigo 33. Instalacións sen licenza.
Capítulo 2. Infraccións e sancións
Artigo 34. Infraccións.
Artigo 35. Potestade sancionadora
Artigo 36. Suxeitos responsables
Artigo 37. Clasificación das infraccións
Artigo 38. Sancións.
Artigo 39. Execución subsidiaria
DISPOSICIÓN ADICIONAL. Autorización de terrazas ABERTAS en terreos de titularidade privada.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
DISPOSICIÓNS FINAIS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 33/2003, do 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas, establece no seu artigo 84 (de carácter básico segundo o expresado na Disposición Final 20 deste texto normativo) que ninguén pode, sen título que autorice outorgado pola autoridade competente, ocupar bens de dominio público ou utilizalos en forma que exceda o dereito de uso que, no seu caso, corresponde a todos. Prosegue o mesmo texto legal indicando que as concesións e autorizacións sobre bens de dominio público rexeranse en primeiro termo pola lexislación especial reguladora de aquelas e, a falta de normas especiais ou en caso de insuficiencia das mesmas, polas disposicións da Lei do patrimonio estatal.
O artigo 75 do Real Decreto 1372/1986, do 13 de xullo, polo que se aprobou o Regulamento de bens das entidades locais, establece a clásica distinción entre aproveitamento común xeral e especial, e normal e anormal dos bens de dominio público, dispoñéndose nos sucesivos preceptos os modos en que pode levarse a cabo este aproveitamento. No seu artigo 77.1, establece que o uso común especial normal dos bens de dominio público suxeitarase a licenza, axustada á natureza do dominio, aos actos da súa afectación e apertura ao uso público e aos preceptos de carácter xeral.
O artigo 9.7.b do Regulamento de Servizos das Corporacións Locais, aprobado por Decreto de 17 de xuño de 1955, e mailo artigo 44.2 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, aplican a estas licenzas a doutrina do silencio negativo, o que implica que o peticionario da licenza non ostenta un dereito preexistente a súa obtención.
A instalación de terrazas, mesas e cadeiras na vía pública constitúe un uso común especial do dominio público. Ademais, coa declaración mediante Decreto de 29 de maio de 1970 do Conxunto Histórico-Artístico da Vila de Muros, e trala aprobación do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico (en adiante PEPCHA) de Muros (publicado no BOP n.º 131 con data 09 de maio de 2008), xorde a necesidade de establecer un marco regulador homoxéneo e axeitado ás peculiaridades das instalacións de hostalaría e todos aqueles que contribúan a satisfacer as necesidades turístico recreativas tanto da poboación estable do concello como da poboación estacional.
Por iso, co fin de regular o outorgamento deste tipo de licenzas de xeito que sexa compatible a utilización do espazo público para lecer e tránsito dos usuarios da vía pública coa ocupación da mesma por parte dos titulares de establecementos de hostalería, apróbase a presente Ordenanza na que se adoptan unha serie de medidas tendentes a acadar un axeitado equilibrio e distribución equitativa e razoable do dominio público. Asemade, procúrase adecuar a estética das instalacións ao entorno dos seus emprazamentos co obxecto de dotar dun atractivo singular os espazos públicos do noso concello.
Ase mesmo, se ten en conta o disposto na normativa relativa a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e concretamente, a orde ministerial VIV/561/2010, de 1 de febreiro (BOE 11/03/2010) así como a Lei do Parlamento de Galicia 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras (DOG 29/08/1997) e o Decreto da Xunta de Galicia 35/2000 (DOG 29/02/2000) de desenvolvemento da devandita lei.
TÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS
CAPÍTULO 1.-OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN
Artigo 1.-Obxecto.
1. A presente Ordenanza ten por obxecto a regulamentación do réxime xurídico ó que debe someterse o aproveitamento de terreos, tanto de dominio público como privados de uso público, dentro do Concello de Muros o mediante a ocupación temporal con terrazas, con ou sen pechamento estable e instalacións semellantes que constitúan complemento da actividade que desenvolven os establecementos de hostalería de carácter permanente.
2. Esta Ordenanza non será de aplicación aos actos de ocupación do dominio público de carácter hostaleiro que se realicen con motivo da celebración das festas patronais, feiras e festexos populares, que se rexerán polas súas normas específicas.
3. Non son obxecto desta Ordenanza a instalación de quioscos ou instalacións permanentes en espazos exteriores de dominio público municipal. Ditas ocupacións suxeitaranse a previa concesión administrativa.
Artigo 2.-Ámbitos de aplicación.
A presente Ordenanza é aplicable a tódolos espazos (vías públicas, espazos libres, zonas verdes, etc.) de uso público no Concello de Muros, sexan de titularidade pública ou privada. Esta condición de uso publico verá determinada en función tanto da situación de feito. como pola aplicación das determinacións do planeamento urbanístico vixente.
Para os efectos desta Ordenanza establécense dous ámbitos claramente diferenciados no que a algúns aspectos se refire:
1. Zonas con protección:
a) Todo o ámbito delimitado do PEPCHA de Muros.
b) Os espazos clasificados pola normativa urbanística como de solo de núcleo rural de poboación.
c) Os espazos que sen estar clasificados no epígrafe anterior se atopen situados en ámbitos de edificacións tradicionais ou dentro da distancia de protección establecida por Patrimonio para os cruceiros, hórreos, elementos arqueolóxicos, pazos, igrexas, capelas ou demais elementos incluídos dentro do catálogo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (en adiante PXOM) e obxecto de protección.
2. Zona sen protección: comprende o resto do territorio do concello.
Artigo 3.-Tipos de instalacións autorizables.
Aos efectos desta Ordenanza, entenderase por terrazas as instalacións emprazadas en terreos de dominio público ou privado, abertas ou pechadas, formadas por mesas, cadeiras, parasoles, toldos, paraventos, xardineiras ou outros elementos desmontables, nas que se desenvolva unha actividade accesoria a un establecemento principal de hostalaría tales como bar, café-bar, cafetería, restaurante ou semellantes.
As terrazas clasificaranse como segue:
Terrazas abertas:
Son as instalacións formadas por mesas, cadeiras, parasoles, toldos, xardineiras e outros elementos de mobiliario urbano móbiles e desmontables, que desenvolven a súa actividade de forma accesoria a un establecemento ou a un quiosco permanente. Estas instalacións poderán situarse no solo público ou no privado. Nos bares e restaurantes que teñan a consideración de usos asociados de edificios exclusivos de uso terciario, tales como hoteis ou centros comerciais, tamén poderán situarse nos espazos libres de parcela de titularidade privada e nos respectivos patios interiores.
Terrazas pechadas:
Son terrazas con pechamento estable no seu perímetro e cubertas mediante elementos fixos desmontables que se atopan en terreos de titularidade e uso público ou nos espazos libres de parcela de titularidade privada e nos respectivos patios interiores, que desenvolvan a súa actividade de forma accesoria a un establecemento principal.
En calquera caso, nas terrazas soamente poderán realizar a mesma actividade e expender os mesmos produtos que no establecemento ao que estean vencellados.
CAPÍTULO 2.-OUTRAS CONSIDERACIÓNS
Artigo 4.-Normativa sectorial.
Alén do establecido expresamente na presente Ordenanza, as terrazas cumprirán coa normativa vixente sobre espectáculos públicos e actividades recreativas, así como á de normativa de protección do patrimonio histórico, ás normas de aplicación directa da lei de ordenación urbanística e protección do medio rural, o planeamento municipal vixente, e demais normativa que fora de aplicación, polo que as súas determinacións serán plenamente esixibles aínda cando non se faga expresa referencia a elas nesta Ordenanza.
Artigo 5.-Seguro de responsabilidade civil.
O titular da autorización deberá dispor dun seguro de responsabilidade civil e de incendios do establecemento principal que deberá estender a súa cobertura aos posibles riscos que puideran derivarse do funcionamento da instalación ou terraza, acorde ao aforo do total do establecemento, as vías de evacuación, os accesos para o servizo de extinción de incendios, etc.
TÍTULO II.-INSTALACIÓNS DAS TERRAZAS
CAPÍTULO 1.-CONDICIÓNS
Artigo 6.-Condicións do emprazamento.
O emprazamento previsto para as instalacións das terrazas, deberán cumprir as seguintes condicións:
1. Condicións xerais:
A colocación de terrazas nas vías públicas deberá en todo caso respectar o uso común xeral preferente das mesmas. En consecuencia, non suporán obstáculo para o tránsito peonil nin poderán prexudicar a seguridade deste ou do tráfico rodado.
A autoridade municipal competente denegará a autorización destas instalacións temporais en calquera dos seguintes supostos:
- Cando se incumpran os requisitos esixidos na presente Ordenanza.
- Cando a instalación se pretenda realizar en calzada ou zona de aparcamento de vehículos.
- Cando supoña un prexuízo para a seguridade vial (diminución da visibilidade, distracción para o condutor, etc.) ou dificulte sensiblemente o tráfico dos peóns.
- Cando poida incidir na seguridade (evacuación) dos edificios e locais próximos.
- Cando impida ou dificulte gravemente o uso de equipamentos ou mobiliarios urbanos (fontes, cabinas telefónicas, etc.).
- Cando se instalen en xardíns públicos ou comunitarios.
- Cando resulte inadecuada ou discordante co seu entorno, por exemplo, menoscabando o interese de edificios públicos ou espazos públicos ou de carácter histórico-artístico.
- Cando se atopen en tramitación expedientes administrativos de disciplina urbanística e/ou contaminación acústica que afecten ao establecemento de hostalería.
2. Características das beirarrúas ou espazo peonil público e ocupación permitida:
- 2.a. Será requisito indispensable para autorizar a instalación da terraza que a beirarrúa na que se instale teña un largo mínimo de 3,00 metros e que se deixe, ao menos, un espazo de 1,50 metros libres de obstáculos para o tránsito dos viandantes.
- 2.b. Nas beirarrúas de largo igual ou superior a superior a 5,50 metros, permitirase máis dunha fileira de mesas debendo deixarse, en todo caso, 1,50 metros libres de obstáculos para o tránsito dos peóns. Asemade, entre as dúas fileiras de mesas deixarase un paso para servir as mesmas de 0,80 cm
- 2.c. Como regra xeral, a instalación da terraza realizarase nunha soa fileira de mesas apegadas á liña de fachada do establecemento a cuxo servizo se destinan, sen superala en lonxitude, e deixarase expedito o acceso ás vivendas e locais comerciais lindeiros. En principio, poden instalarse as mesas na totalidade do largo da fachada do establecemento de hostalería se outras circunstancias (paso de peóns, paradas de autobuses, saídas de emerxencia, bocas de rego, hidrantes, rexistros dos distintos servizos, respiradoiros dos aparcamentos soterrados, etc.) non o impiden.
Exceptúanse desta esixencia, as zonas peonís ou prazas, onde a colocación das mesas requirirá, en cada caso concreto, un estudio especial, atendendo ao largo e demais características da rúa ou praza, se ben, non se poderá instalar a terraza durante o horario en que estea permitida a circulación de vehículos para carga e descarga.
Non obstante, excepcionalmente, previo informe técnico, poderase permitir que a instalación da terraza rebase a liña de fachada do establecemento, pero en calquera caso, o solicitante tamén deberá autoliquidar taxa pola ocupación do espazo anexo e a acreditar documentalmente a conformidade das fincas (vivendas e locais comerciais) lindeiros.
Artigo 7.-Condicións da ocupación.
1. Se colocará unicamente o número de mesas e cadeiras autorizado. Para calquera cambio, deberá presentarse unha nova solicitude e obter a correspondente autorización.
2. As licenzas se concederán en grupos de conxuntos de mesas, sendo de dous (2) o número mínimo de mesas autorizado, para o que será imprescindible dispoñer dun espazo útil suficiente para a instalación destas de acordo ás condicións establecidas.
3. A disposición das mesas será a autorizada na licenza de acordo ó plano municipal que se adxunta como anexo á licenza.
4. Ós efectos de ocupación se entenderá como módulo tipo o conxunto de mesa o cadrado imaxinario de 1,75 x 1,75 metros, en cuxo interior deberá instalarse a totalidade de elementos que compoñen o conxunto, é dicir unha mesa e catro cadeiras. Autorízanse módulos dunha mesa e dúas cadeiras de 1,75 x 0,90 metros cadrados ou unha mesa alta con catro banquetas, de 1,20 x 1,20 metros.
5. Como elementos complementarios á instalación poderán colocarse toldos ou parasoles móbiles, sempre que dispoñan dunha altura mínima de 2,20 metros, estean afastados 60 centímetros do bordo de beirarrúa e ocupen como criterio xeral a superficie destinada ós conxuntos de mesas.
6. O titular da actividade colocará no interior do establecemento, nun punto do vidro da fachada próximo á entrada e exposto cara o exterior, a viñeta entregada xunto á licenza, no que se fai constar o nome do establecemento, o número de mesas autorizado e o período de concesión.
Artigo 8.-Condicións dos fornecementos.
1. No caso dos establecementos estables ou quioscos públicos as acometidas de auga, saneamento e electricidade deberán ser soterradas e realizarse cumprindo a súa normativa reguladora, sen prexuízo das esixencias derivadas da normativa para o exercicio ou actividade.
2. Os contratos de servizos para estas acometidas correrán por conta do titular da autorización ou concesión e deberán celebrarse coas compañías fornecedoras do servizo.
Artigo 9.-Condicións hixiénico-sanitarias e de consumo.
As instalacións reguladas nesta ordenanza deberán manterse en adecuadas condicións hixiénico-sanitarias.
Artigo 10.-Fianza.
1. Será precisa a constitución dunha garantía para responder das posibles deterioracións que se poidan causar ao dominio público e ás súas instalacións, cando así se considere pola Oficina Técnica da Área de Urbanismo.
2. O importe desta garantía determinarase en función do custo de reposición do solo ocupado.
CAPÍTULO 2.-CONDICIÓNS TÉCNICAS
Artigo 11.-Condicións de deseño, homologacións e publicidade do mobiliario.
1. Instalación.-A instalación deberá ser acorde coas características urbanas da zona onde se sitúe, quedando expresamente prohibida calquera tipo de publicidade en mesas, cadeiras, parasoles ou similares. A estes efectos, non se considerará publicidade a inserción do nome comercial do establecemento no mobiliario, manteis ou outros elementos da terraza.
2. Homoxeneidade.-Mediante a publicación do correspondente bando, o Concello poderá esixir que o mobiliario se axuste a determinadas características estéticas e de uniformidade entre os diversos establecementos, de conformidade coa realidade arquitectónica do entorno.
Ditas características poderán ser esixidas tanto ás novas instalacións como ás xa autorizadas.
3. Mobiliario.-O material do mobiliario que ocupe o espazo acoutado (mesas, cadeiras, etc) deberá ser de boa calidade, discreto, hixiénico, sen arestas nin saíntes e con certo estilo e deseño. Acéptase o emprego de materiais tales como madeira, aluminio ou enreixado plástico, que xa existen no mercado para mobles de xardinería. Non poderán colocarse cores rechamantes. En todo caso, o Concello supervisará e autorizará o mobiliario a instalar na terraza.
4. Parasoles.-En caso de instalar parasoles, deberanse suxeitar mediante una base de suficiente peso, de xeito que non produzan ningún deterioro ao pavimento e non supoña perigo para os usuarios e viandantes.
En ningún caso poderán fixarse no pavimento mediante ancoraxes.Tanto o voo como o pé de apoio quedarán dentro da superficie que ocupa a terraza, debendo ter os toldos e parasoles unha altura mínima de 2,20 metros para non molestar aos peóns.
5. Plataformas.-Como regra xeral, queda prohibido a colocación de plataformas como pavimento das terrazas. Soamente en casos xustificados, o Concello poderá autorizar a colocación das plataformas horizontais como pavimento de terraza que sempre serán desmontables e a disposición do persoal do Concello, que poderá desmontalo previo aviso ao titular con 24 horas de antelación.
6. Rótulos.-De acordo coa normativa do Plan Especial para o casco histórico, e no resto do Concello, serán de madeira, metacrilato ou ferro.
Artigo 12.-Toldos, Cubertas e cerramentos.
1. As terrazas abertas poderán cubrirse unicamente mediante toldos dobrables. Neste tipo de terrazas permitirase a colocación de biombos ou paraventos transparentes non ancorados.
2. As terrazas pechadas poderán cubrirse con elementos facilmente desmontables. Os cerramentos destas terrazas, ademais, deberán ter un deseño que favoreza a permeabilidade das vistas e a percepción da paisaxe, particularmente nas zonas costeiras.
3. Os toldos ou cerramentos non superarán no seu punto mais alto a cota mais baixa da cara inferior do forxado que forme o teito do andar baixo da edificación en cuxo fronte se sitúe a terraza, nin os tres metros de altura.
Artigo 13.-Condicións particulares do mobiliario nas ¿zonas con protección".
1. Mesas e cadeiras.-Non se permitirá ningún tipo de mobiliario realizado con elementos plásticos ou de PVC, nin a utilización de cores vivas ou publicidade agresiva. Daquela, as mesas e cadeiras non poderán ser plásticas nin de aparencia plástica, e poderán levar unicamente logotipos discretos cuxo texto non poida ser lido dende mediana distancia. Poderán ser metálicas ou de madeira tratada.
2. Parasoles.-Terán a súa estrutura de madeira tratada para exteriores, a súa base poderá ser metálica, pero os titulares dos establecementos comprometeranse implicitamente ao seu mantemento efectivo, de xeito que non produzan óxido que poida deteriorar o pavimento. O tecido que as cobre deberá ser de lona ou semellante en cores branco en negro de conformidade co establecido no Plan Especial do Casco Histórico, e forma cadrada. A estes efectos e en caso de que o interesado teña dubidas sobre a adecuación á presente normativa dun determinado material ou cor, poderá dirixirse ós servizos técnicos municipais a fin de aclarar estes extremos con carácter previo á solicitude de autorización.
3. Publicidade.-A publicidade nos elementos de mobiliario urbano instalados nas terrazas queda limitada a nomes e logotipos proporcionais e discretos únicamente, permitíndose a colocación do nome do establecemento ou do seu logotipo en toldos e parasoles, con un deseño e dimensións cuxo bosquexo será previamente supervisado polos técnicos municipais.
4. Homologación.-A homologación pertinente para as zoas con protección realizaraa o propio Concello, paro a que poderá acudir ao asesoramento dos órganos especializados ou ao propio persoal municipal en materia de urbanismo e rehabilitación. O concello abrirá un período para que se presenten os distintos modelos de mobiliario de terrazas co fin de que sexan homologados.
Artigo 14.-Particularidades para a instalación de terrazas en espazos libres privados.
A instalación de terrazas en espazos libres privados someterase, ademais das sinaladas nos artigos 11 a 13 desta Ordenanza, ás seguintes determinacións:
a) En caso de que as actividades descritas no artigo 3 desta Ordenanza se desenvolvan en espazos privados, permitirase a instalación de terrazas en toda a zona do espazo libre privado de parcelas.
b) Permítese a disposición de calquera tipo de quiosco ou instalación de apoio na superficie libre de parcela agás no ámbito das Zonas con Protección, onde deberán ser autorizados polo Concello, que poderá denegar o permiso para a instalación de calquera elemento fixo por razóns estéticas ou de cumprimento da normativa específica deste ámbito.
c) A instalación de terrazas en espazos privados non deberá diminuír as condicións de evacuación por debaixo dos mínimos regulamentarios. O solicitante deberá presentar un estudo xustificativo de evacuación no que se teñan en conta as dimensións e mobiliario da súa terraza e a súa incidencia sobre a do conxunto do local, ata a rúa.
CAPÍTULO 3.-CONDICIÓNS ESPECÍFICAS PARA A INSTALACIÓN DE TERRAZAS PECHADAS
Artigo 15.-Modalidades de ocupación.
1. Condicións xerais dos pechamentos estables:
Soamente se permitirá un pechamento estable uniforme por local ou establecemento mais admitirase a implantación simultánea dunha terraza aberta e doutra cun pechamento estable para un mesmo establecemento. A altura exterior máxima da estrutura non superará en punto ningún os 280 centímetros, pero en ningún punto terá menos de 220 centímetros. En un lugar visible indicará o aforo máximo autorizado polo Concello, sempre que o espacio o autorice previo informe do técnico municipal.
2. Acaroados á fachada.-Os paramentos estables acaroados á fachada do establecemento so poderán ocupar a lonxitude da fachada do establecemento, sempre que se cumpran as seguintes condicións:
a) Que a distancia entre a parte inferior dos ocos do primeiro andar e o pechamento non sexa inferior a 150 centímetros, como prevención de propagación de un incendio da terraza ás vivendas.
b) Que as condicións de seguridade, tanto do inmoble como do contorno, non se vexan afectadas pola presenza da instalación.
c) A súa colocación no deberá dificultar a evacuación dos edificios ou locais onde se instale. A disposición dos pechamentos será homoxénea ao longo de toda a rúa.
3. Separados das fachadas, situados en prazas, rúas peonís ou beirarrúas:
- Pechamentos estables en beirarrúas.-A lonxitude de ocupación do pechamento será como máximo a da fachada do edificio onde se encontre o establecemento principal. Se máis dun establecemento dun mesmo edificio solicita autorización de terraza con pechamento estable nunha beirarrúa, cada un poderá ocupar a lonxitude do largo da fronte da súa fachada repartíndose o resto do espazo de forma equitativa. Este tipo de pechamentos estables soamente poderán ser autorizados en beirarrúas con máis de 4,50 m de ancho e 10,00 m de lonxitude.
- Pechamentos estables en prazas e rúas peonís.-Con carácter xeral, os pechamentos estables poderán manter unha separación máxima de dez metros con respecto á fachada do establecemento. A lonxitude de ocupación do pechamento será como máximo a da fachada do edificio onde se atope o establecemento principal. O largo das instalacións obterase de acordo co exposto no artigo seguinte. A disposición dos pechamentos nos espazos peonís deberá ser homoxénea, previo informe municipal.
4. Os establecementos situados nos espazos libres de parcela de titularidade privada e nos respectivos patios interiores tamén poderán instalar pechamentos estables, sin perxuízo de terceiro.
Artigo 16.-Condicións do espazo no que se pretende situar.
Concederase autorización para a instalación de terrazas pechadas cando estean situadas en terreos de titularidade e uso público ou nos espazos libres de parcela de titularidade privada e nos respectivos patios interiores e cumpran as condicións específicas seguintes:
a) Nas beirarrúas o largo mínimo do espazo de tránsito peonil, libre totalmente de obstáculos, será igual ou superior a 2 metros.
b) Nos paseos, xardíns e prazas o largo mínimo do espazo de tránsito peonil, libre de obstáculos será igual ou superior a 4 metros.
c) A ocupación terá unha aliñación constante evitando quebras ao longo dunha liña de quinteiro.
d) Aínda cando un espazo reúna todos os requisitos para a colocación dun pechamento poderá non autorizarse ou autorizarse con dimensións inferiores ás solicitadas se a súa instalación dificultara o tránsito peonil.
Artigo 17.-Condicións para a instalación do pechamento estable e do seu mobiliario.
1. As terrazas con pechamentos estables que se pretendan instalar dentro de unha Zona con Protección terán que ser autorizadas polo Concello, previa presentación de documentación gráfica suficiente, pero en todo caso non se permitirá a utilización de elementos de aluminio, plásticos ou PVC para ningunha parte da instalación, nin estrutura ou armazón, nin marcos, nin apoios. Poden ser, pola contra, de aceiro, madeira, vidro, sendo a madeira tratada ou o propio vidro sen estrutura os aconsellables.
2. Cando a concentración de pechamentos poida xerar un grave impacto ambiental, as solicitudes para novas instalacións ou renovacións correspondentes serán resoltas conxuntamente, establecendo as condicións ou restricións que se consideren axeitadas.
3. Os elementos de mobiliario urbano que se instalen estarán suxeitos ás seguintes prescricións:
a) O pechamento estable e os elementos de mobiliario instalados no seu interior deberán estar homologados.
b) Non se permite a colocación de ningún elemento no exterior do pechamento, nin fixado nin colgado del.
c) Nos pechamentos estables acaroados á fachada admítese a instalación de reixas de condutos de climatización con prolongación dos condutos interiores cumprindo o réxime de distancias recollido na normativa vixente.
d) No resto de supostos de pechamentos estables os equipos de climatización instalaranse no seu interior e as reixas cumprirán coa normativa municipal ou sectorial vixente en materia ambiental.
e) Os pechamentos estables poderán dispoñer de climatización e calefacción.
4. As terrazas con pechamentos estables non acaroadas á fachada do establecemento poderán dispoñer da correspondente acometida soterrada para o abastecemento de enerxía, de acordo co artigo 8 desta Ordenanza, tomando como orixe desta a do local. Quedan prohibidas as acometidas de gas, auga ou saneamento e a utilización de aparellos que requiran como combustible materias susceptibles de estourar ou inflamarse, ou que xeren substancias desa natureza.
5. A instalación eléctrica de alumeado para a terraza deberá reunir as condición que establece o Regulamento electrotécnico para baixa tensión. Os condutos quedarán aloxados en canalizacións soterradas. En ningún caso a iluminación poderá cegar ou producir molestias á veciñanza, viandantes ou vehículos. Esta instalación deberá ser revisada anualmente por un instalador autorizado que emitirá o correspondente boletín de conformidade, debendo presentarse unha copia deste ao órgano competente para a concesión da autorización. De acordo cos resultados da revisión determinarase a conveniencia de continuar co funcionamento do pechamento estable, que deberá ser retirado de forma inmediata polo titular cando non supere a devandita revisión.
6. As terrazas con pechamentos estables non acaroadas á fachada do establecemento disporán de extintores adecuados e alumeado de emerxencia e de sinalización, que deben contar cun contrato de mantemento e revisión por empresa autorizada.
7. As licenzas outorgadas para a construción de pasos de vehículos suporán a diminución da superficie do pechamento estable, podendo motivar a revogación da autorización. Nestes casos, o titular non terá dereito a indemnización ou compensación ningunha.
8. Non poderá obstaculizarse o acceso á calzada desde os portais dos predios, deixando despexados en toda a súa largura máis de 60 centímetros a cada lado, medidos dende as couzoeiras das portas, nin dificultar a manobra de entrada ou saída nas pasaxes permanentes.
9. A distancia dos elementos do pechamento ao bordo da beirarrúa será como mínimo de 60 centímetros, podendo ser ampliada cando razóns de interese público o xustifiquen. Os alcouves e elementos axardinados existentes no espazo en que se instale o pechamento estarán totalmente libres e serán accesibles, para cuxo fin existirá unha franxa mínima de 60 centímetros ao seu arredor totalmente despexada, medida dende o seu bordo exterior, que pode ser ampliada cando o interese público así o xustifique.
10. Deberá garantirse en todo momento o acceso ás paradas de transporte público regularmente establecidas e o uso das saídas de emerxencia, dos pasos de vehículos e de peóns e dos servizos municipais de acordo co indicado a seguir:
a) As paradas de transporte público regularmente establecidas e os pasos de peóns en toda a súa lonxitude máis de un metro a cada lado.
b) As saídas de emerxencia quedarán libres en todo o seu largo máis dun metro a cada lado.
c) Os pasos de vehículos quedarán libres en todo o seu largo cando menos 50 cm a cada lado, medido desde os seus extremos na aliñación do bordo.
d) Manterase unha distancia de un metro en todo o seu perímetro aos distintos elementos de mobiliario urbano, sinais de tráfico, báculos de alumeado e outros servizos municipais, de modo que queden totalmente libres, se garanta en todo momento a súa función e se permitan os labores de mantemento.
Artigo 18.-Equipos audiovisuais e actuacións amplificadas en directo.
Unicamente se autorizarán actuacións en directo nas terrazas amplificadas ou con percusión, así como a instalación de equipos audiovisuais por aprobación expresa da Alcaldía, mediante decreto motivado, previo informe da Policía Local e con carácter puntual.
Artigo 19.-Terrazas con pechamentos estables en espazos privados.
Para os efectos da presente Ordenanza non computarán edificabilidade as instalacións en espazos privados que reúnan as seguintes condicións:
a) Que non teñan carácter anual, de modo que o tempo de duración da autorización non excederá de catro meses.
b) Que as súas características construtivas se correspondan con estruturas lixeiras, prefabricadas e carentes de cimentos.
TÍTULO III.-RÉXIME XURÍDICO
CAPÍTULO 1.-TRÁMITE DAS AUTORIZACIÓNS
Artigo 20.-Autorizacións.
1. A implantación destas instalacións require a previa obtención de licenza municipal nos termos previstos nesta Ordenanza e na normativa sectorial aplicable. Prohíbese a instalación de terrazas na vía pública sen licenza municipal. Todas as licenzas outorgaranse deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiro, entendéndose concedidas en precario. O exercicio da actividade desenvolverase a risco e ventura dos interesados.
2. O peticionario da licenza non ostenta un dereito preexistente a súa obtención, polo que nin a presentación da solicitude de autorización de ocupación de vía pública nin o pagamento das taxas correspondentes, autorizan ao interesado para instalar a terraza.
3. A instalación de terrazas sen a preceptiva autorización ou sen axustarse ás condicións da licenza, dará lugar a inmediata orde de retirada que, de non ser executada voluntariamente polo interesado, executarase subsidiariamente polo Concello, a custa do obrigado, sen prexuízo das sancións que proceda impoñer.
Artigo 21.-Solicitudes-autoliquidacións.
1. Poderán solicitar licenza para este tipo de ocupacións, os titulares de licenzas de actividade/apertura dos establecementos de hostalería incluídos no epígrafe relativo a actividades de restauración do Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia que linden co espazo exterior que se pretende ocupar, sempre que a actividade se desenvolva de conformidade coas normas urbanísticas e sectoriais que regulan a mesma.
2. As solicitudes-autoliquidacións, que se presentarán con un mes, como mínimo, de antelación á data de instalación que se interesa, deberán formularse no impreso normalizado establecido ao efecto, debendo especificar os datos persoais, nome comercial do establecemento e licenza de actividade do mesmo, ámbito temporal da instalación, dimensións da terraza, largo da beirarrúa libre para peóns, número de cadeiras, mesas, toldos, parasoles e demais elementos decorativos.
3. De tratarse da primeira instalación, a solicitude-autoliquidación acompañarase necesariamente da seguinte documentación:
a) Fotocopia da licenza de apertura do establecemento ou referencia ao seu expediente de concesión ou transmisión, ou no seu caso, da comunicación previa ou declaración responsable.
b) Relación dos elementos que se pretendan instalar, con indicación expresa do seu número e bosquexos ou fotografías ou montaxes nos que se poidan apreciar as características, con expresa indicación do material, cores e logotipos.
c) Plano de situación da terraza dentro do espazo urbano a escala 1:500, no que se reflectirá a superficie a ocupar.
d) Planos de detalle a escala 1:100 con indicación de todos os elementos de mobiliario, así como a súa clase, número, dimensións, total de superficie a ocupar e colocación destes consonte determina o artigo 7. Así mesmo, sinalaranse as medidas correspondentes á fronte de fachada do establecemento e largura da beirarrúa e, se é o caso, as árbores, zonas axardinadas, mobiliario urbano municipal existente, rexistros e arquetas dos servizos municipais e de compañías de servizos.
e) Documento acreditativo da vixencia e de estar ao corrente no pagamento da póliza de seguros a que se refire o artigo 5.
f) Autoliquidación da taxa correspondente.
No caso de terrazas situadas en solo de titularidade privada incluirase, ademais, como documentación específica:
a) Acreditación da propiedade ou título xurídico que habilite para a utilización privativa do espazo.
b) Fotografías das fachadas próximas ao espazo pretendido para a situación da terraza.
4. No caso dunha instalación xa autorizada en períodos anteriores, non será necesario presentar a documentación esixida no apartado anterior.
O interesado fará constar na súa solicitude-autoliquidación o feito de non ter débedas pendentes coa facenda municipal e maila circunstancia de ter realizado instalación de terraza en período anterior, indicando o número de expediente e a data da licenza de ocupación de dominio público, sinalando que se mantén o mesmo titular, a mesma actividade e as mesmas condicións da instalación da terraza.
Artigo 22.-Período impositivo.
1. Os aproveitamentos obxecto da presente Ordenanza estarán suxeitos ao pagamento das correspondentes taxas establecidas na Ordenanza Fiscal reguladora das taxas por aproveitamento especial do dominio público local.
2. Os períodos impositivos establécense na devandita Ordenanza Fiscal. No momento de facer a autoliquidación, os interesados especificarán o período impositivo polo que optan e para o que desecan obter autorización. En todo caso, os períodos impositivos serán períodos naturais completos.
3. Cando o interesado desexe continuar coa instalación da terraza autorizada, deberá presentar unha nova solicitude, como mínimo, cun mes de antelación á expiración da licenza de ocupación, logo do pagamento das novas taxas.
Artigo 23.-Cálculo da autoliquidación da taxa.
1. Por regra xeral, para o cálculo dos metros cadrados, considerarase que unha mesa e catro cadeiras dun modelo estándar común ocupan unha superficie de 3,06 metros cadrados (1,75 mts. X 1,75 mts.). O número de metros cadrados máximos autorizables, que haberá autoliquidar, virá determinado polos metros lineais de fachada do establecemento de hostalería multiplicados por 1,75 metros, o que determinará o número de mesas que se poderán instalar.
2. Únicamente nas beirarrúas ou espazos peonis de largo igual ou superior a 5,50 metros permitirase máis fileiras de mesas debendo deixarse, en todo caso, 1,50 metros libres de obstáculos para o tránsito dos viandantes. Os interesados que desexen instalar estas fileiras, aos efectos da autoliquidación da taxa, para obter o número de metros cadrados máximos autorizables, multiplicarán por múltiplo de 1,75 metros, por cada fileira a maiores, os metros lineais de fachada do establecemento de hostalería.
Artigo 24.-Tramitación.
1. O procedemento iniciarase mediante solicitude-autoliquidación, en impreso normalizado que conterá, ao menos, os datos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións públicas e do Procedemento Administrativo Común (LRX-PAC), ao que se axuntará, no seu caso, a documentación prevista no artigo 21 da presente Ordenanza, que se presentará no Rexistro Xeral do Concello de Muros, sen prexuízo do disposto nos artigos 38.4 e 38.9 da Lei LRX-PAC. Asemade, poderanse crear rexistros telemáticos para a recepción e saída de solicitudes, escritos e comunicacións.
Os servizos municipais disporán dun prazo de dez días para examinar a solicitude e a documentación aportada e, no seu caso, requirirán ao interesado para que subsane a falta ou axunte a documentación preceptiva, con indicación de que se non o fixera teráselle por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42.1 da LRX-PAC.
Unha vez completada a documentación, emitirase informe técnico e xurídico que finalizará con proposta en algún dos seguintes contidos: denegación ou outorgamento da licenza de ocupación-terraza.
2. O órgano competente para a concesión da licenza é o/a alcalde/sa-presidente ou concelleiro/a en quen delegue. Sen prexuízo da obriga de resolver, a non contestación do pedimento no prazo de un mes, implicará a súa desestimación tácita a efectos da interposición dos correspondentes recursos.
3. A concesión ou denegación das licenzas efectuarase en función do cumprimento dos requisitos previstos na presente Ordenanza, das características da vía ou terreo onde se pretende a instalación e das circunstancias obxectivas en cada caso concorrentes e constatadas nos informes que a eses efectos se soliciten. No caso de denegarse a licenza procederase a devolución da taxa autoliquidada.
CAPÍTULO 2.-VIXENCIA E RENOVACIÓN DAS AUTORIZACIÓNS
Artigo 25.-Supostos de transmisibilidade e subrogación.
1. A autorización de instalación da terraza outorgarase a nome de quen ostente a titularidade da licenza de apertura do establecemento de hostalería que linde co espazo exterior que se pretende ocupar.
A autorización non poderá ser arrendada, subarrendada, nin cedida directa ou indirectamente en todo ou en parte.
2. As licenzas para a instalación de mesas e cadeiras só serán transmisibles no caso de cambio de titularidade da licenza de apertura e funcionamento do establecemento principal, sempre e cando o antigo e o novo titular comuniquen dita circunstancia ao Concello, sen o cal quedarán ambos suxeitos a todas as responsabilidades que se derivaren para o titular de acordo co disposto no artigo 13.1 do Regulamento de Servizos das Corporacións Locais.
3. No caso de falecemento do titular da licenza subrogaranse na mesma os seus herdeiros, sempre que se manteña a licenza para a actividade do establecemento principal e a terraza. Dita subrogación deberá ser solicitada ante o Concello, aportando o interesado a documentación que acredite a súa condición de herdeiro e xustificando o cambio de titularidade da licenza de actividade do establecemento principal.
Artigo 26.-Suspensión e revogación da autorización.
1. Cando concorran circunstancias de interese público que impidan a efectiva utilización do solo para o destino autorizado, tales como obras, acontecementos públicos, festexos populares, situacións de emerxencia ou calquera outras, a autorización municipal quedará sen efecto ata que desaparezan ditas circunstancias, sen que xere dereito a indemnización algunha.
2. Cando xurdan circunstancias imprevistas ou sobrevidas de urbanización, así como de implantación, supresión ou modificación de servizos públicos, ou se produzan danos no dominio público, a Administración concedinte mediante resolución motivada poderá revogar a licenza concedida sen dereito a indemnización algunha. Igual facultade alcanzará no caso de que da actividade autorizada se deriven molestias graves para o tráfico peonil, se produzan queixas ou reclamacións por parte dos veciños debidamente acreditadas ou denuncias da Policía Local por molestias de ruídos e por perturbación do descanso nocturno.
Artigo 27.-Vixencia da autorización.
1. A vixencia das autorizacións que se concedan corresponderase co período de funcionamento autorizado.
As autorizacións poderán ser anuais ou trimestrais, entendendo por trimestre os coincidentes coa distribución natural do ano.
Para tal fin as autorizacións serán:
- ATA: Autorización de Terraza Anual
- ATT Autorización de Terraza por Trimestre.
2. As autorizacións que se concederan para instalacións de terrazas renovaranse automaticamente se non se produce modificación ningunha e se ningunha das partes, administración municipal ou titular, comunica, a súa vontade contraria á renovación.
A autorización das terrazas en chan privado non excederá de nove meses cando dispoñan de instalacións que non computen edificabilidade nos termos establecidos no artigo 19.
3. A autorización poderá ser solicitada en calquera momento, entendéndose que caso de solicitarse para o trimestre actual a autorización se outorgará para o tempo que reste desde a concesión deica o fin do período solicitado.
4. A Administración municipal manifestará a súa vontade contraria á renovación nos seguintes supostos:
a) De se iniciaren procedementos dos que se desprenda a existencia de molestias ou prexuízos derivados do funcionamento da actividade principal ou accesoria.
b) De se apreciar un incumprimento das condicións da autorización ou da mesma ordenanza.
c) Nos casos de falta de pagamento da taxa correspondente.
d) Cando no período autorizado estea prevista a execución de actuacións públicas que modifiquen a realidade física existente no momento do outorgamento da autorización.
e) Cando a terraza poida supor molestia para os usuarios da vía pública ou para os servizos públicos.
5. Nas terrazas pechadas a autorización concedida terá unha vixencia de cinco anos. Finalizado o período de vixencia, poderá solicitarse unha nova autorización. No entanto, poderá ser revocada antes da finalización deste período por razóns de interese público e sen dereito a indemnización.
TÍTULO IV.-OBRIGAS E PROHIBICIÓNS
CAPÍTULO 1.-DISPOSICIÓNS
Artigo 28 .Obrigas do autorizado.
Os titulares das licenzas de terrazas quedarán obrigados especialmente a cumprir o seguinte:
1. Cumprir as condicións impostas polo Concello na autorización concedida.
2. Cinguirse estritamente á zona autorizada sen rebordala por ningún concepto, evitando que os clientes o fagan. Deixarase expedito o acceso a edificios, vivendas, vaos de vehículos e locais comerciais.
3. Manter as terrazas e cada un dos elementos que as compoñen nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato.
4. Colocar en sitio visible mediante un marco axeitado ou funda de plástico, o permiso correspondente para que poida ser visto e consultado pola Policía Local dende a rúa, sen necesidade de esixir a súa exhibición. A autorización deberá estar adherida á porta ou ao escaparate do establecemento.
5. Fora do horario autorizado para a terraza, o titular da licenza virá obrigado a retirar do exterior a totalidade dos seus elementos, incluíndo as bases dos parasoles. As mesas, cadeiras e parasoles serán recollidos diariamente no interior do local ao que pertenza a terraza ou en local habilitado para tal finalidade polo interesado. Non cabe deixalos na rúa, amontoados e suxeitos con cadeas. A instalación e maila recollida da terraza realizarase co menor ruído posible co obxecto de garantir o descanso da cidadanía.
6. Corresponde ao titular da licenza a limpeza da superficie ocupada. En todo caso, o espazo ocupado pola terraza deberá quedar limpo todas as noites trala retirada da terraza.
7. Unha vez retirada a terraza, se resultase afectado o pavimento pola instalación, o titular da licenza será responsable dos danos causados, debendo repoñer as cousas ao seu estado inicial, nun prazo máximo de sete días hábiles. Igualmente serán responsables dos danos ocasionados ás persoas ou ás cousas con motivo da instalación ou retirada da terraza.
8. O funcionamento das instalacións reguladas nesta Ordenanza, deberá respectar os límites de ruído en vivendas e locais próximos previstos na lexislación vixente
Artigo 29.-Prohibicións.
1. Por razóns de estética, decoro e hixiene, non se permitirá almacenar ou amorear produtos, caixas de bebidas e outros materiais xunto as terrazas, así como tampouco residuos propios das instalacións.
2. Non se permitirá a instalación de mostradores e outros elementos para o servizo da terraza no exterior desta, que deberá ser atendida desde o propio establecemento.
3. Agás o sinalado no artigo 18, non se permitirá a instalación e uso nas terrazas de aparatos audiovisuais, equipos de música, amplificadores e outros elementos que produzan emisións acústicas de calquera tipo.
4. Prohíbese instalar nas terrazas billares, futbolines, máquinas recreativas, máquinas expendedoras de produtos ou instalacións análogas.
Artigo 30.-Horarios.
O funcionamento das terrazas axustarase ao seguinte horario:
1. O horario de inicio do funcionamento das terrazas será o das nove horas, non obstante, permítese amorear na rúa (non se autoriza colocar ordenadamente) o mobiliario da terraza desde a apertura do establecemento de hostalería de carácter principal.
2. O horario de peche será:
- O que conste na licenza.
3. Durante o período comprendido entre o 1 de maio e 31 de setembro, os establecementos poderán ampliar o seu horario dacordo coa Lei.
4. O horario de funcionamento das terrazas nas zonas que puideran, no seu caso, ser declaradas acusticamente saturadas polo Pleno da Corporación será o establecido no acordo plenario aprobado ao efecto.
TÍTULO V.-RÉXIME DISCIPLINARIO E SANCIONADOR
CAPÍTULO 1.-RESTABLECEMENTO DA LEGALIDADE
Artigo 31.-Inspección.
Corresponde aos Axentes da Policía Local e aos Inspectores Municipais a inspección do cumprimento do disposto na presente Ordenanza.
Artigo 32.-Compatibilidade.
1. As responsabilidades administrativas que resulten do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia ao infractor da reposición da situación alterada ao seu estado orixinario, así como coa indemnización polos danos e perdas causados.
2. Non obstante, tanto nos procedementos de restablecemento da legalidade como nos sancionadores poderanse acordar medidas cautelares, como a retirada das instalacións ilegais ou a suspensión do funcionamento da terraza, consonte o disposto na normativa sobre procedemento administrativo común.
Artigo 33.-Instalacións sen licenza.
1. A autoridade municipal poderá retirar, de forma preventiva e inmediata, as terrazas instaladas sen licenza na vía publica, e proceder ao seu depósito nun lugar designado para elo, sen prexuízo da imposición das sancións oportunas.
2. A permanencia de terrazas tras a finalización do período de vixencia da licenza, será asimilada aos presentes efectos disciplinarios, á situación de falta de autorización municipal.
CAPÍTULO 2.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 34.-Infraccións.
Serán infraccións as accións ou omisións que contraveñan o disposto nesta Ordenanza.
Artigo 35.-Potestade sancionadora.
As infraccións a esta Ordenanza serán sancionadas polo órgano competente municipal, previa instrución do correspondente expediente, de conformidade cos principios e procedemento regulados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común e no Real Decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.
Artigo 36.-Suxeitos responsables.
Serán responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas titulares das instalacións, así como os técnicos facultativos que redacten a documentación técnica ou certifiquen a estabilidade, conformidade coa normativa e a obra rematada.
Artigo 37.-Clasificación das infraccións.
Ós efectos da presente ordenanza, as infraccións se clasifican en leves, graves e moi graves.
1. Considéranse infraccións leves:
a) O incumprimento da obrigación de colocar en sitio visible, adherida á porta ou ao escaparate do establecemento, mediante un marco axeitado ou funda de plástico, o permiso/distintivo correspondente para que poida ser visto e consultado pola Policía Local dende a rúa, sen necesidade de esixir a súa exhibición.
b) Ocupar coa terraza maior superficie que a autorizada na licenza.
c) O incumprimento da obrigación de manter as terrazas e cada un dos elementos que as compoñen nas debidas condicións de limpeza, seguridade e ornato.
d) O deterioro leve nos elementos do mobiliario e ornamentais urbanos anexos ou lindeiros ao establecemento que se produzan como consecuencia da actividade obxecto da licenza.
e) O incumprimento da obrigación de retirar do exterior a totalidade dos elementos da terraza ao finalizar o horario autorizado.
f) O incumprimento das condicións dispostas no artigo 13 desta Ordenanza.
g) Almacenar ou amorear produtos, caixas de bebidas e outros materiais xunto as terrazas, así como residuos propios das instalacións.
h) Instalar mostradores e outros elementos no exterior da terraza para o servizo desta.
i) Instalar e usar nas terrazas aparatos audiovisuais, equipos de música, amplificadores e outros elementos que produzan emisións acústicas de calquera tipo.
j) Instalar nas terrazas billares, futbolines, máquinas recreativas, máquinas expendedoras de produtos ou instalacións análogas.
k) O incumprimento do horario de funcionamento das terrazas establecido.
l) As infraccións que non teñan o carácter de graves ou moi graves.
2. Considéranse infraccións graves:
a) A instalación dunha terraza carecendo da preceptiva licenza municipal.
b) A negativa ou obstrución ao labor inspectora, como sería negarse a facilitar, cando sexa requirida polos Inspectores ou Axentes da Autoridade, a licenza da instalación autorizada.
c) Cando a instalación da terraza supoña un prexuízo para a seguridade viaria (diminución da visibilidade, distracción para o condutor, etc.) ou dificulte sensiblemente o tráfico dos peóns.
d) Cando a terraza se instale en xardíns públicos ou comunitarios.
e) Cando a instalación poida incidir na seguridade (evacuación) dos edificios e locais próximos.
f) Cando impida ou dificulte gravemente o uso de equipamentos ou mobiliarios urbanos (fontes, cabinas telefónicas, etc.).
g) O deterioro grave nos elementos do mobiliario e ornamentais urbanos anexos ou lindeiros ao establecemento que se produzan como consecuencia da actividade obxecto da licenza.
h) A reincidencia por dúas veces, pola comisión no termo de 1 ano, de infraccións leves da mesma natureza.
3. Considéranse infraccións moi graves:
a) A ocultación, manipulación ou falsidade dos datos consignados na solicitude ou da documentación anexa aportada en orde á obtención da correspondente autorización.
b) Cando a instalación se realice en calzada ou zona de aparcamento de vehículos.
c) A reincidencia por dúas veces, pola comisión no termo de 1 ano, de infraccións graves da mesma natureza.
Artigo 38.-Sancións.
1. A comisión das infraccións previstas nesta Ordenanza levará emparellada, previa tramitación do correspondente expediente, a imposición das seguintes sancións:
a) Infraccións leves: Sancionarase con multa de ata 1.000 €.
b) Infraccións graves: Sancionarase con multa de ata 3.000 €, tanto o solicitante como o técnico facultativo e/ou revogación da licenza e conseguinte retirada inmediata da instalación, en casos de desobediencia ó requirimento municipal.
c) Infraccións moi graves: Sancionarase con multa de ata 6.000 € tanto o solicitante como o técnico facultativo e/ou inhabilitación do establecemento para a obtención de futuras autorizacións reguladas na presente ordenanza, durante o prazo de 2 anos, e/ou conseguinte retirada inmediata da instalación.
2.Se a instalación fora legalizada posteriormente, e non se dera reiteración, ou resistencia ós requirimentos municipais, a sanción se poderá limitar á multa económica.
Artigo 39.-Execución subsidiaria.
1. Cando o responsable da instalación fixera caso omiso da orde municipal de retirada de elementos instalados na vía pública, nos supostos previstos na presente Ordenanza, a Administración poderá proceder subsidiariamente ó levantamento dos mesmos, quedando depositados no lugar designado para elo, de onde poderán ser retirados pola propiedade, previo abono dos gastos correspondentes, todo elo de conformidade co disposto en el artigo 98 da Lei 30/92 de 26 de novembro, Lei de Procedemento Administrativo Común.
2. Os elementos que sexan retirados conforme ó disposto no presente artigo, non poderán permanecer almacenados durante un prazo superior a seis meses, transcorrido o cal sen que por parte do interesado se retirasen, o Concello poderá proceder sen compensación algunha a súa destrución, venta e/ou cesión.
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓN ADICIONAL.-AUTORIZACIÓN DE TERRAZAS ABERTAS EN TERREOS DE TITULARIDADE PRIVADA
1. A instalación de terrazas abertas en terreos de titularidade privada requirirá a previa presentación polo interesado dunha declaración responsable normalizada na que manifeste, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos establecidos no capítulo 2 do título II da presente Ordenanza e que se compromete a manter o seu cumprimento durante o período de tempo no que manteña a terraza.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
A fin de permitir unha paulatina adaptación das autorizacións concedidas de terrazas ás condicións técnicas e de publicidade establecidas na presente Ordenanza, se establece un período de adaptación ata o 31 de decembro de 2014. A partir de esta data, tódolos elementos compoñentes das terrazas deberán cumprir coas condicións técnicas e de publicidade previstas na presente Ordenanza.
DISPOSICIÓNS FINAIS
1. A presente Ordenanza terá efectos unha vez transcorridos quince días hábiles dende a publicación do texto integro da mesma no Boletín Oficial de A Coruña.
2. Se autoriza expresamente á autoridade municipal para o outorgamento de licenzas, a interpretar, clarexar e desenvolver a presente Ordenanza, conforme ós principios recollidos na lexislación sobre o procedemento administrativo común."
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor ós 15 días hábiles seguintes a súa publicación no B.O.P., pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:
¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en
Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."