Arteixo - ORDENANZA N.º 43, REGULAMENTADORA DA VENDA AMBULANTE NO TERMO MUNICIPAL DE ARTEIXO

Publicación provisional: 13/08/2014 BOP Nº: 153
Publicación definitiva: 15/10/2014 BOP Nº: 197
Aplicable dende: 03/11/2014

PREÁMBULO

O Regulamento de comercio ambulante de Arteixo, actualmente vixente, recóllese na Ordenanza reguladora do exercicio do comercio ambulante, aprobada polo Pleno da Corporación de vinte e nove de maio de 1997 e na Ordenanza reguladora da Feira Municipal do Concello de Arteixo, aprobada polo Pleno da Corporación de trinta e un de outubro de 1996.

Dende esta data producíronse distintas modificacións normativas tanto a nivel estatal, por transposición ao ordenamento xurídico español de directivas europeas, como autonómico que fan necesaria a modificación destes Regulamentos co obxecto de adaptar o seu contido a estas disposicións.

Dentro destas modificacións é importante a que se deriva da aplicación da Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, que impón aos Estados a obrigatoriedade de eliminar todas as trabas xurídicas e barreiras administrativas inxustificadas na liberdade de establecemento e prestación de servizos que se contemplan nos artigos 49 a 56 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFE) respectivamente.

Se ben con carácter xeral as actividades de servizos de distribución comercial non deben estar sometidas a autorización administrativa previa, no relativo ao exercicio da venda ambulante ou non sedentaria considerouse necesario o seu mantemento asì como a introdución de certas modificacións que tratan de reflectirse no presente texto, na medida que este tipo de actividade comercial require o uso do solo público que debe conciliarse con razóns imperiosas de interese xeral de orde público, a seguridade e a saúde pública.

Dada a escaseza de solo público dispoñible, o número de autorizacións será necesariamente limitado. Por isto, o procedemento de concesión debe ser público e transparente de forma que, a pesar de que as autorizacións deben ser limitadas no tempo, se proporcione un resarcimento xusto das inversións acometidas polos seus titulares.

En consonancia co anterior, a venda ambulante en solo privado non requirirá de autorización previa, abondando a presentación dunha declaración responsable e comunicación previa.

No tocante ao réxime de competencias, a regulación da venda ambulante venlle atribuida aos Concellos xa na Lei 7/1.985, do 2 de abril, de Bases de Réxime Local (artigo 25.2.g)), na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia (artigo 80.2.g)), no Regulamento de Servizos das Corporacións Locais do 17 de xuño de 1955 e tamén na normativa sectorial tanto de ámbito autonómico como estatal (Lei 13/2.010, do 17 decembro, do comercio interior de Galicia, Lei 7/1996 de ordenación del comercio minorista e Real Decreto 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria).

Mención especial merece a venda directa exercida por parte de agricultores e agricultoras da produción propia sen transformación ou a primeira transformación dos mesmos, cuxo producto final estea incluído no anexo I do artigo 38 do Tratado de funcionamento da Unión Europea pois, se ben estes vendedores non poden considerarse comerciantes -e polo tanto exercer a venda ambulante- aos efectos da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia (artigo 2.1.º), sí poden vender os seus produtos en mercados municipais ou en lugares que non sexan establecementos comerciais permanentes, tendo esta venda a consideración de actividade agraria, ao amparo do establecido no artigo 2.1 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

TÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.-Obxecto e ámbito.

A presente ordenanza ten por obxecto regular, con carácter xeral, o exercicio da venda ambulante dentro do termo municipal de Arteixo, tanto de exercerse en espazos públicos como en espazos privados.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta ordenanza a regulación dos postos autorizados na vía pública de carácter fixo e estable nos que se desenvolvan actividades comerciais de xeito habitual e permanente en virtude dunha concesión administrativa, que se rexerán pola súa normativa propia.

Artigo 2.-Títulos, competencias e réxime xurídico.

2.1.-O presente regulamento dítase en exercicio das competencias que se atribúen ao municipio pola Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local modificada pola Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sostibilidade da Administración Local e da Lei de comercio de Galicia.

2.2.-Serán de aplicación a esta materia, ademais do contido deste Regulamento, a seguinte normativa:

- Lei 1/2010, do 1 de marzo, de reforma da Lei 7/1996, do 15 de xaneiro, de ordenación do comercio minorista.

- R.D. 199/2010, do 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante ou non sedentaria

- Lei 13/2010, do 17 de decembro do comercio interior de Galicia.

- R.D. 1/2007, do 16 de novembro, texto refundido da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

Artigo 3.-Concepto de venda ambulante.

3.1.-Considérase venda ambulante ou non sedentaria a realizada por comerciantes fóra dun establecemento comercial permanente, de xeito habitual, ocasional, periódico ou continuado, nos perímetros ou lugares debidamente autorizados, en instalacións comerciais desmontables ou transportables, incluíndo os camións ou vehículos tenda, carriños e outras instalacións de carácter itinerante.

3.2.-Non terán a consideración de venda ambulante as vendas efectuadas dentro dos locais ou recintos ocupados por un certame feiral, que se rexerán pola súa regulación propia.

3.3.-A venda directa exercida por parte de agricultores e agricultoras da produción propia sen transformación ou a primeira transformación dos mesmos, cuxo produto final estea incluído no anexo I do artigo 38 do Tratado de funcionamento da Unión Europea terá a consideración de actividade agraria e rexerase pola súa propia normativa.

Artigo 4.-Modalidades de venda ambulante.

A venda ambulante tan só se poderá levar a cabo baixo algunha das seguintes modalidades:

4.1.-Venda ambulante en mercados periódicos: é aquela autorizada nos mercados situados en poboacións, en lugares e espazos determinados, e cunha periodicidade habitual establecida. Dentro deste epígrafe están encadradas, entre outras, as realizadas en feiras populares, mercados de postos ambulantes e rastros, tales como o mercado que actualmente ten lugar no centro urbano de Arteixo e se desenvolve os sábados de cada mes.

4.2.-Venda ambulante en mercados fixos: aquela autorizada en lugares anexos aos mercados municipais ou de abastos, con instalacións permanentes nas poboacións.

4.3.-Venda ambulante en postos desmontables instalados na vía pública: aquela autorizada para un número de postos, situacións e períodos determinados.

4.4.-Venda ambulante en mercados ocasionais: aquela autorizada en mercados esporádicos, que teñan lugar con motivo de feiras, festas ou acontecementos populares. Terán esta consideración as actividades de venda ambulante nas festas populares e romarías realizadas no termo municipal.

4.5.-Venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda: aquela realizada nos citados medios e autorizadas nas zonas ou lugares determinados.

4.6.-Venda ambulante a pé, utilizando carriños ou outras instalacións de carácter itinerante.

Artigo 5.-Lugar de exercicio da venda ambulante.

5.1.-A venda ambulante só poderá exercerse nos mercados fixos, periódicos ou ocasionais así como nas zonas da vía pública que, en cada caso, autorice o Concello e en espazos privados.

5.2.-Os postos de venda ambulante non poderán situarse nos accesos a edificios de uso público, establecementos comerciais e industriais nin en lugares que dificulten o acceso e a circulación.

5.3.-En todo caso, os postos situaranse en lugares que conten coas condicións axeitadas de salubridade e limpeza.

Artigo 6.-Produtos obxeto de venda ambulante.

6.1.-En ningún caso poderán ser obxeto de venda ambulante os bens ou produtos cuxa propia normativa o prohiba e aqueloutros que, en razón á súa presentación ou outros motivos, non cumpran a normativa técnico sanitaria e de seguridade.

6.2.-A determinación dos produtos obxeto da venda ambulante para cada modalidade determínase no capítulo III do título II da presente ordenanza.

Artigo 7.-Dos vendedores ambulantes.

7.1.-A venda ambulante pode ser exercida por toda persoa física ou xurídica, sexa sociedade mercantil ou cooperativa, que reúna os requisitos establecidos na presente ordenanza e demáis normativa aplicable.

7.2.-Os vendedores ambulantes deberán cumprir, no exercicio da súa actividade mercantil, coa normativa vixente no exercicio do comercio e da disciplina do mercado, deberán observar as normas de competencia leal e usos mercantís, e responderán de que os produtos obxecto da venda cumpran as condicións e requisitos esixidos pola normativa que os regula, tanto en materia sanitaria como no referente á súa presentación, etiquetaxe e demais aspectos aos que nela se faga referencia.

TÍTULO II.-VENDA AMBULANTE EN ESPAZOS PÚBLICOS

CAPÍTULO I.-AS AUTORIZACIÓNS

Artigo 8.-Características das autorizacións.

8.1.-Necesidade.-O exercicio da actividade de venda ambulante nos espazos públicos do Concello de Arteixo, en calquera das súas modalidades, requirirá da previa obtención da correspondente autorización municipal, de acordo co procedemento previsto nesta ordenanza.

8.2.-Duración limitada.-As autorizacións terán unha duración máxima, incluídas as prórrogas, de cinco anos.

8.3.-Publicidade: o comerciante deberá ter exposta ao público e ás autoridades que realicen actuacións inspectoras, en forma facilmente visible, a tarxeta á que fai referencia o artigo 12.

8.4.-Única.-Requirirase unha autorización por cada posto e para cada unha das modalidades de venda ambulante.

8.5.-A autorización habilitará para o exercicio da venda ambulante ao seu titular. No obstante e conforme ao que nela se determine, a autorización habilitará, ademais de ao seu titular, ao cónxuxe deste, aos seus descendentes directos maiores de 16 anos e ás persoas vinculadas a el mediante contrato laboral.

8.6.-Asignarase un posto por persoa, sexa física ou xurídica, se ben no caso das sociedades cooperativas de traballo asociado e sociedades civís, poderase outorgar ata un máximo de quince postos para os coopertivistas ou traballadores que queiran exercer a actividade.

8.7.-Competencia: o outorgamento das autorizacións será competencia do resolución do alcalde ou por acordo do órgano competente en quen delegue.

8.8.-Transferibles.-As autorizacións serán transferibles, nos termos do artigo 72.2 e 77.2 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, a outras persoas físicas ou xurídicas que reúnan os requisitos establecidos nesta ordenanza para o outorgamento da mesma e previa comunicación escrita, segundo o modelo que se achega como anexo III, á autoridade municipal competente. A transmisión dunha autorización non afectará ao prazo de vixencia da mesma, que se manterá polo tempo que reste ata a finalización do seu prazo de duración.

Artigo 9.-Réxime de autorización.

9.1.-As autorizacións outorgaranse directamente aos solicitantes que reúnan as condicións requiridas, salvo se, por calquera circunstancia, se encontrase limitado o seu número, en cuxo caso serano en réxime de concorrencia pública, respectando as previsións contidas nos artigos 86 e seguintes da Lei 33/2003, de 3 de novembro, de patrimonio das administracións públicas e 76 e seguintes do Regulamento de bens das entidades locais, así como o capítulo II da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e ao seu exercicio e en condicións non discriminatorias.

9.2.-O procedemento deberá garantir a transparencia e a imparcialidade e, en concreto, a publicidade adecuada de inicio, desenvolvemento e fin do proceso.

9.3.-En ningún caso o procedemento poderá esixir o deber de residencia neste municipio como requisito de participación.

Artigo 10.-Solicitude e documentación a presentar.

10.1.-Os interesados presentarán a súa solicitude conforme ao modelo que consta como anexo I.

10.2.-Á solicitude achegarase:

a) Declaración responsable, conforme ao modelo que consta como anexo II, na que manifeste:

1. Estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e ao corrente no pagamento das cotizacións.

2. Estar dado de alta e ao corrente no pagamento do imposto sobre actividades económicas ou, no seu caso, no censo de obrigados.

3. Cumprir cos requisitos das regulamentacións de cada tipo de produtos.

4. Estar en posesión, no seu caso, do certificado acreditativo de ter recibido formación en materia de manipulación de alimentos.

5. Dispoñer, se é o caso, da titulación e colexiación oficial que resulten esixibles.

6. Cumprir os requisitos que impón a normativa sanitaria, no caso de autorizados á venda de produtos de alimentación e herbodietética.

7. Satisfacer as taxas e os tributos fixados na correspondente ordenanza municipal.

8. Non ter pendente o cumprimento de ningunha sanción imposta por este Concello.

9. No ter débeda pendente con este Concello.

10. Dispoñer dos permisos de residencia e traballo que, en cada caso, fosen esixibles, de tratarse de persoas extranxeiras.

11. Dispoñer do CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada á persoa que firma a solicitude de autorización en representación da empresa, no caso de persoas xurídicas.

12. Dispoñer do seguro de responsabilidade civil.

13. Dispoñer, no caso dos camións e vehículos tenda, do permiso de circulación e da tarxeta de inspección técnica actualizada e estar ao día no pagamento do seguro obrigatorio de vehículos a motor.

14. Dispoñer, no seu caso, da documentación acreditativa de que o vehículo tenda reúne as condicións de hixiene e sanidade esixibles.

15. Dispoñer, no seu caso, do certificado de correcto funcionamento das máquinas e instalacións que se utilicen.

16. Estar en posesión da documentación acreditativa do cumprimento de ditos requisitos e manter o seu cumprimento durante todo o prazo de vixencia da autorización.

b) Documentación acreditativa de estar dado de alta e ao corrente no pagamento do imposto de actividades económicas ou, no seu caso, no censo de obrigados tributarios, poderá substituirse pola autorización ao Concello para verificar tales datos.

c) Copia compulsada do CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada á persoa que firma a solicitude de autorización en representación da empresa, no caso de persoas xurídicas.

10.3.-Non obstante o apartado anterior, non será esixible acreditación documental doutros requisitos detallados na declaración responsable, sen prexuízo das facultades de comprobación e inspección que correspondan.

10.4.-Se a solicitude non reúne os requisitos que sinala o apartado anterior, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa solicitude.

10.5.-A venda de produción propia sen transformación ou a primeira transformación dos mesmos, cuxo produto final estea incluído no anexo I do artigo 38 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, solicitarase de acordo ao modelo de solicitude do anexo I ao que se acompañará unha declaración responsable, conforme ao modelo que consta como anexo V, na que manifeste:

● Ser titular dunha explotación agraria.

● Non ter débedas co Concello de Arteixo.

● Lugar de produción da mercadoría, indicando o enderezo completo.

● Cumprir cos requisitos das regulamentacións de cada tipo de produto.

● Estar en posesión da documentación acreditativa do cumprimento de ditos requisitos e manter o seu cumprimento durante todo o prazo de vixencia da autorización.

Artigo 11.-Contido mínimo da autorización.

1. Datos identificadores do titular.

2. Prazo de validez.

3. Número de autorización.

4. Horario e datas durante as que poderá exercerse a actividade e ocuparse o espazo público.

5. Produtos cuxa venda se autoriza.

6. Frecuencia e rutas para as que se autoriza, no seu caso.

7. Posto no que poderá exercerse a actividade, no caso de mercados periódicos organizados: número adxudicado, dimensións e características.

Artigo 12.-Tarxeta ou documento acreditativo.

12.1.-O Concello expedirá unha tarxeta ou documento acreditativo da autorización para o exercicio da venda ambulante no que constarán os datos establecidos no artigo anterior e un enderezo para a recepción de posibles reclamacións durante o exercicio da actividade.

12.2.-O vendedor deberá ter exposta esta tarxeta para o público e para as autoridades que realicen actuacións inspectoras, en forma facilmente visible.

Artigo 13.-Rexistro de vendedores ambulantes.

13.1.-O Departamento de Promoción Económica do Concello de Arteixo levará, aos meros efectos estatísticos, un censo no que se numerarán correlativamente as autorizacións concedidas.

13.2.-A inscrición neste censo non ten carácter de habilitación para o exercicio da actividade comercial e os seus datos actualizaranse de oficio.

13.3.-Garantirase a interoperabilidade técnica con outros rexistros sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, de conformidade coa disposición adicional primeira da Lei 17/2009, sobre o libre acceso das actividades de servizos e o seu exercicio.

Artigo 14.-Revogación.

14.1.-A autorización poderá ser revogada unilateralmente por razóns de interese público, sen xerar neste caso dereito algún de indemnización, cando resulte incompatible coas condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, impidan a súa utilización para actividades de maior interese público ou menoscabo do uso xeral.

14.2.-Tamén poderá revogarse temporalmente como sanción accesoria.

Artigo 15.-Extinción.

Sen prexuízo do disposto noutros artigos desta ordenanza, as autorizacións extinguiranse automaticamente polas seguintes causas:

1. Transcurso do prazo.

2. Renuncia expresa e escrita do titular.

3. Quebra do titular declarada por resolución xudicial firme.

4. Causas sobrevidas de interese público.

5. Perda dalgún dos requisitos esixidos nesta ordenanza e demais normativa de aplicación.

6. Falta de pagamento das exaccións correspondentes dentro do prazo fixado na correspondente ordenanza fiscal

7. Como sanción accesoria.

CAPÍTULO II.-FUNCIONAMENTO DA VENDA AMBULANTE

Artigo 16.-Emprazamento da venda ambulante.

16.1.-De conformidade co establecido no artigo 10, a autorización determinará a localización de cada posto ou emprazamento onde se exercite a venda ambulante.

16.2.-Respecto dos mercados periódicos organizados, a Alcaldía queda facultada para a súa ampliación, correspondéndolle a distribución e superficie dos postos consonte a convocatoria de licitación dos mesmos.

Artigo 17.-Características dos postos e outras instalacións.

17.1.-A venda ambulante exercerase mediante postos desmontables, camións ou vehículos tenda ou mediante carriños e instalacións similares de carácter itinerante e reunirán, en todos os casos, as debidas condicións de seguridade, salubridade, limpeza e decorosa presentación, podendo ordenarse a retirada das mesmas en caso contrario.

17.2.-Non se permite a exposición do xénero directamente sobre o pavimento.

Artigo 18.-Obrigas dos autorizados.

18.1.-Estar en posesión da autorización municipal

18.2.-Cumprir as condicións establecidas na autorización.

18.3.-Cumprir as condicións e requisitos esixidos pola normativa reguladora dos produtos que sexan obxecto de venda.

18.4.-Non producir molestias e incomodidades que perturben a orde pública. En ningún caso se poderán anunciar as mercadorías por sistemas de megafonía ou aparellos reprodutores de son de calquera tipo.

18.5.-Manter os postos ordenados e en adecuadas condicións hixiénicas. A este respecto, unha vez finalizada a actividade, os autorizados recollerán nun recipiente os refugallos producidos e depositaranos nos correspondentes colectores, debendo quedar o espazo ocupado nas mesmas condicións hixiénicas que estaba antes da ocupación.

18.6.-Estar en posesión de facturas ou albarás que acrediten a procedencia da mercadoría.

18.7.-Manter un trato correcto co público, persoal municipal e usuarios do mercado.

18.8.-Acatar as ordes dadas polas autoridades competentes.

CAPÍTULO III.-CONDICIÓNS ESPECÍFICAS DE CADA MODALIDADE DE VENDA AMBULANTE

Sección 1.ª.-Venda en feiras e mercados periódicos organizados

Artigo 19.-Concepto.

19.1.-Teñen a consideración de feiras e mercados periódicos organizados os que se realizan de forma periódica ao longo de todo o ano, na situación, días e lugares prefixados polo Concello:

● Feira Municipal dos sábados na parroquia de Arteixo: terá lugar os sábados de cada mes.

Non obstante, cando circunstancias derivadas de acontecementos especiais, causas de forza maior ou razóns de orde pública así o aconsellen, poderán suspenderse temporalmente as autorizacións, modificar datas ou horarios ou determinar novos emprazamentos sen que isto xere dereito a indemnización de ningún xeito a prol dos autorizados e sen prexuízo do establecido na ordenanza fiscal sobre o posible prorrateo da taxa.

19.2.-Excepcionalmente, no caso do sábado que corresponda á celebración da Feira 1900 de Arteixo, a Xunta de Goberno Local poderá acordar o traslado dos postos situados dentro da praza do Balneario a outro emprazamento. En todo caso, no acordo de traslado deberá determinarse, a lo menos os seguintes extremos: situación, numero e dimensión dos postos obxecto de traslado.

19.3.-O Pleno da Corporación poderá acordar a instalación de mercados periódicos organizados, tendo en conta as características e necesidades deste Concello e atendendo á densidade de tráfico e circulación, o acceso aos edificios de uso público, locais comerciais e industriais e aos seus escaparates e exposicións, as condicións para garantir a adecuada sanidade e hixiene, o interese das persoas consumidoras e a tradición e arraigo no municipio desta modalidade de venda.

Artigo 20.-Procedemento de concesión da autorización.

20.1.-Adxudicación directa.

20.1.1.-Acreditada a existencia de postos vacantes, por resolución do alcalde ou por acordo do órgano competente en quen delegue, aprobaranse as bases da convocatoria para a licitación dos mesmos e publicaranse mediante anuncio no taboleiro municipal de edictos, na páxina web oficial deste Concello e no Boletín Oficial da Provincia, abríndose un período de admisión de solicitudes de 20 días naturais, a contar dende o día seguinte ao da publicación do anuncio no taboleiro municipal.

20.1.2.-Durante dito prazo calquera interesado poderá presentar a súa solicitude, na forma establecida no artigo 9, no Rexistro Xeral do Concello ou por calquera medio dos admitidos no artigo 38.4 da Lei 30/1.992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

20.1.3.-Finalizado o prazo de presentación de instancias, se existise un número de solicitudes inferior ou igual ás prazas a cubrir e non coincidisen máis de unha solicitude para o mesmo posto, as autorizacións outorgaranse de forma directa sen máis trámites.

20.1.4.-En caso contrario, adxudicaranse mediante concurso de acordo cos criterios establecidos no apartado 20.2 deste artigo.

20.2.-Adxudicación mediante concurso.

20.2.1.-Criterios de valoración das solicitudes.

20.2.1.1.-Venda no recinto feiral da Feira Municipal dos Sábados:

● Experiencia: a experiencia demostrada na profesión puntuarase a razón de 0,50 puntos por ano completo de exercicio da actividade, ata un máximo de 5 puntos. Esta circunstancia acreditarase mediante presentación do informe de vida laboral e certificado de estar dado de alta no epígrafe correspondente do imposto sobre actividades económicas.

● Orixinalidade: valorarase con 5 punto a venda de produtos con menor incidencia na feira, entendéndose como tal, cando existan menos de un 2% de postos de venda deste produto. Este criterio será valorado mediante informe dos técnicos municipais.

● No caso da venda directa á que se refire o artigo 3.3, terán preferencia os agricultores empadroados en Arteixo e concellos limítrofes.

20.2.2.-Procedemento de adxudicación.

Por esta orde crearase unha relación de solicitantes coa puntuación alcanzada por cada un segundo os criterios de valoración e publicarase, mediante resolución do alcalde o concelleiro delegado, no taboleiro de edictos do Concello e na páxina web, establecéndose un período de dez días naturais durante os cales poderán presentarse alegacións.

Transcorrido dito prazo, ditarase resolución definitiva resolvendo as alegacións e fixando a relación de solicitantes con dereito á autorización.

De existir empate, resolverase por sorteo público, convocado ao efecto mediante anuncio publicado no Taboleiro de edictos e na páxina web oficial do Concello de Arteixo e previamente á resolución definitiva.

20.3.-Duración das autorizacións.

20.3.1.-As autorización que habiliten para a venda en mercados periódicos terán unha vixencia de 1 ano natural, caducando automaticamente a 31 de decembro. Tratándose de autorizacións concedidas durante o ano ao que se refiran, a súa vixencia abarcará dende a data de concesión ata o final do ano natural. A autorización será prorrogable anualmente de forma expresa por idénticos períodos ata un máximo de cinco anos, logo de solicitude, cunha antelación mínima de quince días naturais á data de finalización da autorización vixente.

20.3.2.-Aqueles titulares das autorizacións que non soliciten a renovación no prazo establecido perderán o dereito ao exercicio da actividade.

20.3.3.-A solicitude de renovación farase en impreso normalizado ao que se achegará a declaración responsable na que manifeste o cumprimento dos requisitos do artigo 10 desta ordenanza.

Artigo 21.-Réxime de funcionamento.

21.1.-Horario da feira:

● Montaxe dos postos e descarga de mercadorías: entre as 8.00 e as 9.30 horas.

● Actividade comercial: entre as 9.30 e as 14.30 horas.

● Desmontaxe dos postos e recollida de mercadorías: entre as 14.30 e as 15.30 horas.

21.2.-Os postos.

Co fin de adaptar a celebración deste mercado periódico ás necesidades de cada momento, en cada convocatoria de licitación de postos establecerase a tipoloxía, características, dimensións e situación de cada un deles, así como os produtos cuxa venda se autoriza.

Ningún vendedor poderá ocupar o corredor, reservas de aparcamento e demais espazos libres, nin un lugar distinto ou con maior superficie que a asignada.

21.3.-Vehículos.

Queda expresamente prohibido o estacionamento dos vehículos dentro do recinto feiral no horario de actividade comercial, sen prexuízo do estacionamento de vehículos tenda nas zonas habilitadas ao efecto.

Non obstante, poderá estacionarse durante a instalación dos postos e durante a carga e descarga de mercadorías.

Agás nas zonas habilitadas para tal efecto, queda prohibida a entrada de calquera vehículo no recinto da feira no horario de desenvolvemento da actividade comercial, sen prexuízo de causas de forza maior debidamente xustificadas.

21.4.-Os produtos autorizados.

Poderán ser obxeto de venda os seguintes produtos:

Alimentación:

● Todos os alimentos cumprirán as normativas sanitarias esixidas para cada un deles, sendo indispensable que se presenten debidamente envasados, etiquetados, protexidos, con rexistro sanitario e refrixerados aqueles produtos cuxa normativa así o esixa.

● Todos os alimentos deberán estar protexidos da contaminación polo po, insectos e outras fontes de sucidade. Evitarase a manipulación dos mesmos polo público, o contacto directo co solo e a incidencia directa do sol e da choiva.

● Os produtos a granel e sen envoltura deberán expoñerse para a venda protexidos mediante recipientes que reúnan as condicións hixiénicas esixibles e, na súa manipulación, utilizaranse utensilios adecuados.

● O persoal que expenda alimentos deberá gardar as adecuadas condicións de aseo e limpeza na roupa de traballo.

Téxtil, calzado e complementos.-Roupa, calzado, bixutería, complementos, téxtil fogar, marroquinería, pequena quincalla, mercería e similares.

Típicos ou tradicionais.-Apeiros de labranza, artesanía e similares.

De temporada.-Árbores froiteiras, plantas, flores, sementes e similares.

Varios.-Bricolaxe, xoguetes, droguería e perfumería, libros, música e similares.

Sección 2.ª.-Venda en festas populares e noutros mercados ocasionais

Artigo 22.-Festas populares.

22.1.-Poderá autorizarse a venda ambulante en festas populares.

22.2.-A solicitude, conforme ao disposto no artigo 10, presentarase cunha antelación mínima de cinco días ao exercicio da actividade.

Artigo 23.-Mercados ocasionais.

23.1.-O alcalde ou órgano competente en por delegación poderán acordar, previos informes emitidos polo Departamento de Promoción Económica e pola Policía Local, o establecemento de mercados ocasionais determinando, como mínimo:

a) O lugar e data no que se celebrará e a tipoloxía de venda ambulante admitida, tendo en conta as características e necesidades e, especialmente, os indicadores seguintes:

1. Densidade de tránsito e circulación.

2. Acceso aos locais comerciais ou industriais, aos seus escaparates ou exposicións.

3. Acceso aos edificios de uso público.

4. Condicións para garantir a adecuada sanidade e hixiene.

5. Interese das persoas consumidoras.

6. Tradición e arraigo no municipio de esta modalidade de venda.

b) A previsión do número de postos ou autorizacións.

c) Os produtos que poderán ser ofrecidos á venda.

23.2.-O réxime de concesión da autorización será o establecido para os mercados periódicos organizados, sen prexuízo das especialidades que poidan establecerse.

Sección 3.ª.-Venda mediante postos instalados na vía pública

Artigo 24.-Réxime de funcionamento.

24.1.-Poderá autorizarse a venda ambulante realizada mediante a ocupación da vía pública con postos desmontables de carácter illado, xa sexa de maneira ocasional ou habitual.

24.2.-A solicitude presentarase conforme ao disposto no artigo 10 e cunha antelación mínima de cinco días ao exercicio da actividade.

24.3.-Queda prohibida a venda ambulante de calquera mercadoría na vía pública sen posto.

Sección 4.ª.-Venda mediante camións ou vehículos tenda

Artigo 25.-Réxime de funcionamento.

25.1.-Poderá autorizarse a venda ambulante mediante camións ou vehículos tenda.

25.2.-A solicitude presentarase conforme ao disposto no artigo 10 e cunha antelación mínima de quince días naturais ao exercicio da actividade.

25.3.-A autorización determinará o ámbito xeográfico ou perímetro do termo municipal no que se exercerá este tipo de venda, tendo en conta a densidade de tráfico e circulación, o acceso a locais comerciais ou industriais, aos seus escaparates e exposicións, o acceso a edificios de uso público e o interese para as persoas consumidoras.

Sección 5.ª.-Venda ambulante a pé, utilizando carriños ou outras instalacións de carácter itinerante

Artigo 26.-Réxime de funcionamento.

26.1.-Poderá autorizarse a venda ambulante a pé, utilizando carriños ou outras instalacións de carácter itinerante.

26.2.-A solicitude presentarase conforme ao disposto no artigo 10 e cunha antelación mínima de cinco días ao exercicio da actividade.

26.3.-A autorización determinará o ámbito xeográfico ou perímetro do termo municipal no que se exercerá este tipo de venda, tendo en conta a densidade de tráfico e circulación, o acceso a locais comerciais ou industriais, aos seus escaparates e exposicións, o acceso a edificios de uso público e o interese para as persoas consumidoras.

TÍTULO III.-A VENDA AMBULANTE EN ESPAZOS PRIVADOS

Artigo 27.-Venda ambulante en solo privado.

27.1.-A venda ambulante en solo privado non requirirá a obtención de autorización de ningún tipo, rexéndose polo sistema de comunicación previa e declaración responsable que se presentará conforme aos modelos que se achegan como anexos II e IV respectivamente.

TÍTULO IV.-RÉXIME DE INSPECCIÓN E SANCIÓN

CAPÍTULO I.-RÉXIME DE INSPECCIÓN

Artigo 28.-Réxime de inspección.

28.1.-O Concello de Arteixo exercerá, respecto de toda a venda ambulante que se leve a cabo no seu termo municipal, as funcións de inspección e sanción, sen prexuízo das competencias atribuídas a outras administracións.

28.2.-Para estes efectos, o Concello poderá comprobar e inspeccionar, en todo momento, os feitos, actividades, transmisións e demais circunstancias da autorización concedida, notificando, no seu caso, aos órganos autonómicos competentes os feitos de que teñan coñecemento no exercicio das súas funcións que poidan constituír infracción á lexislación de defensa da competencia.

28.3.-Poderán, así mesmo, inspeccionarse os produtos, actividades e instalacións, así como recabar dos seus titulares canta información resulte necesaria en relación con eles.

28.4.-En especial, vixiarase que os lugares de venda se atopen en condicións de limpeza e salubridade, poñendo especial atención nos produtos perecedoiros e de alimentación.

CAPÍTULO II.-RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 29.-Réxime xeral de infraccións e sancións.

A infracción das obrigas e demais normas de obrigado cumprimento establecidas nesta ordenanza serán obxeto dun procedemento sancionador nos termos dos artigos 127 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Regulamento sancionador de desenvolvemento da citada Lei, aprobado por Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

Artigo 30.-Infraccións.

30.1.-Considerarase infracción calquera incumprimento do estipulado na presente ordenanza e clasificaranse, de acordo co artigo 140 da Lei 7/1.985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, en moi graves, graves e leves.

30.2.-Terán a condición de infracción leve:

● Incumprir os horarios de montaxe e desmontaxe.

● Non exhibir a autorización ou comunicación previa.

● A simple inobservancia de calquera precepto desta ordenanza que non teña repercusións económicas nin prexuízo para as persoas consumidoras.

● En xeral, incumprir as obrigas establecidas nesta norma que non sexan obxeto de sanción específica.

30.3.-Terán a condición de infracción grave:

● A venda de produtos distintos dos autorizados na licenza.

● O exercicio da actividade por persoa diferente da autorizada.

● A falta de ornato ou limpeza das instalacións.

● Non deixar limpo e recollido o lugar onde estivo instalado e non depositar o lixo nos contedores instalados para o efecto.

● Aumentar a superficie do posto con máis metros dos autorizados, así como a instalación de postos en lugar distinto do autorizado.

● A desobediencia das ordes e indicacións dadas pola autoridade competente.

● Non posuír a documentación acreditativa da procedencia da mercadoría.

● Non cumprir as normas de seguridade das instalacións e dos seus elementos.

● Estacionar os vehículos non autorizados dentro do recinto da feira, fóra das horas de montaxe e desmontaxe dos postos.

● No caso dos mercados periódicos organizados, ausentarse do posto por un período de catro días consecutivos ou sete non consecutivos ao longo do ano, agás causa debidamente xustificada.

30.4.-Terán a consideración de infracción moi grave:

● A instalación dos postos sen autorización.

● O exercicio da venda ambulante sen autorización.

● Non estar dado de alta no censo do imposto de actividades económicas ou non estar ao día no pagamento das obrigas tributarias respecto da actividade que se exerza.

● Non estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social.

● Non estar en posesión dalgún dos documentos relacionados na declaración responsable.

● A venda de produtos non autorizados.

● A reiteración, por terceira vez, de faltas graves.

● A perturbación relevante da convivencia, que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas, ao normal desenvolvemento de actividades de toda clase e á salubridade ou ornato públicos, sempre que se trate de condutas non subsumibles nos tipos previstos no capítulo IV da Lei 1/1992, de 21 de febreiro, de Protección da Seguridade Cidadá.

● O impedimento do uso dun servizo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.

● O impedimento ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento das actividades realizadas.

● Os actos de deterioro grave e relevante de equipamentos, infraestructuras, instalacións ou elementos dun servizo público.

● O impedimento do uso dun espazo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.

● Os actos de deterioro grave e relevante de espazos públicos ou de calquera das súas instalacións e elementos, sexan mobles o inmobles, non derivados de alteracións da seguridade cidadá.

Artigo 31.-Sancións.

31.1.-De acordo co artigo 141 da Lei 7/1.985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, as multas por infracción da presente ordenanza terán como límite:

● Infraccións leves: multa de ata 750 euros.

● Infraccións graves: multa de ata 1.500 euros.

● Infraccións moi graves: multa de ata 3.000 euros.

31.2.-Como sanción accesoria a unha infracción leve poderá acordarse a suspensión temporal por un período máximo de dous meses e para as infraccións graves e moi graves poderá acordarse a suspensión da autorización por un período máximo de 6 meses ou a revogación da mesma así como a posibilidade de comisar a mercadoría nos casos de venda de produtos non autorizados e nos casos legalmente establecidos.

A imposición da revogación da autorización levará consigo a imposibilidade de volver a obtela durante un período máximo de tres anos.

31.3.-Para a gradación da sanción a aplicar teranse en conta as seguintes circunstancias:

● A reiteración de infraccións ou reincidencia.

● A existencia de intencionalidade do infractor.

● A transcendencia social dos feitos.

● A gravidade e natureza dos danos ocasionados.

● A intensidade da perturbación ocasionada na tranquilidade ou no pacífico exercicio dos dereitos de outras persoas ou actividades.

● A intensidade da perturbación causada á salubridade ou ornato públicos.

● A intensidade da perturbación ocasionada no uso dun servizo ou dun espazo público por parte das persoas con dereito a utilizalos.

● A intensidade da perturbación ocasionada no normal funcionamento dun servizo público.

● A intensidade dos danos ocasionados aos equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo ou dun espazo público.

Artigo 32.-Prescrición das faltas.

32.1.-As faltas prescribirán:

● As leves aos 15 días.

● As graves aos 30 días.

● As moi graves aos 60 días.

32.2.-O prazo de prescrición comezará a contarse dende que a falta se comete e, unha vez iniciado o expediente, quedará paralizado o prazo de prescrición.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

Os comerciantes ambulantes que veñen exercendo este tipo de venda no momento de entrada en vigor de esta norma, e que reúnan os requisitos nela establecidos, comunicarán a súa intención de continuar co exercicio da actividade de acordo co título habilitante vixente, e consonte ao previsto no artigo 20.3 desta orde, sen que a duración do mesmo poida ser superior a cinco anos a contar dende a publicación deste regulamento no BOP. O prazo para comunicar a continuidade no exercicio da actividade será de un mes, a contar dende a súa publicación no BOP.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Queda derrogada a Ordenanza reguladora do exercicio do comercio ambulante do Concello de Arteixo, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión do 29 de maio de 1997 e publicada no BOP n.º 232 o día 9 de outubro de 1989 e a Ordenanza reguladora da Feira Municipal do Concello de Arteixo, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión de 31 de outubro de 1996 e publicada no BOP n.º 295, do 24 de decembro do ano 1996.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.