Pontes de García Rodríguez As - ORDENANZA REGULADORA PARA A EXPEDICIÓN DE TARXETAS DE ACCESIBILIDADE: TARXETA DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON MINUSVALÍA E TARXETA DE ACCESIBILIDADE DE USUARIOS
Artigo 1º .-Obxecto.
A presente ordenanza ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias do Concello das Pontes de García Rodríguez e dentro do seu termo municipal, da expedición de tarxetas de accesibilidade, segundo o establecido na Lei 8/94 do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na CCAA de Galicia e o Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento e execución da devandita Lei.
Artigo 2º .-Tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía.
1. A tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía concederase ás persoas con graves problemas de mobilidade como documento acreditativo da súa situación, con carácter persoal e intransferible, coa finalidade de favorecer o uso dos transportes privados e para que o seu titular poida gozar das facilidades de estacionamento relacionadas con dita tarxeta.
2. Para favorecer e garantir a accesibilidade das persoas titulares da "Tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía", o Concello das Pontes establecerá:
a) Reservas con carácter permanente de prazas de aparcadoiro debidamente sinalizadas para vehículos que transporten ás persoas titulares desta tarxeta. Situaranse próximas ós accesos peonís dentro de zonas destinadas a aparcadoiro de vehículos lixeiros.
b) Ampliación do límite de tempo, cando este está establecido, para aparcadoiro de vehículos titulares desta tarxeta.
c) Autorización para que os vehículos ocupados por ditas persoas poidan deterse na vía pública durante o tempo imprescindible e sempre que non entorpezan a circulación rodada ou peonil.
3. Terán dereito á expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía, todos aqueles interesados que, residentes neste Concello das Pontes, teñan recoñecida a imposibilidade de uso do transporte público por equipos de valoración e orientación (EVO) dependentes das seccións de cualificación e valoración de minusvalías.
4. Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa física poderá utilizala en calquera outro vehículo en que se traslade, sexa ou non da súa propiedade e sexa o titular da tarxeta o conductor do vehículo ou non. Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa xurídica deberá incluír a ou as matrículas dos vehículos habilitados para transportar as persoas con graves problemas de mobilidade. Cando se faga uso dos dereitos que confire esta tarxeta, esta colocarase en lugar visible do vehículo.
Artigo 3º .-Tarxeta de accesibilidade de usuarios.
1. A tarxeta de accesibilidade de usuarios concederase ás persoas con algunha limitación, con carácter persoal e intransferible, como documento acreditativo da súa situación de discapacidade, para favorecer o uso e goce dos transportes públicos.
2. O Concello das Pontes favorecerá a accesibilidade das persoas con limitación e, con respecto ás persoas titulares deste tipo de tarxeta, establecerá:
a) Reservas das prazas nos transportes colectivos.
b) Bonificación nas tarifas para as persoas que dispoñan da tarxeta.
c) Reserva das prazas nos centros de servicio do transporte público.
3. Teñen dereito á expedición da tarxeta de accesibilidade de usuarios todos aqueles interesados ós que se lles recoñeza a condición de minusválidos polos equipos de valoración e orientación (EVO) dependentes das seccións de cualificación e valoración de minusvalía.
Artigo 4º .-Modelos de tarxetas.
1. Os modelos de tarxetas de accesibilidade, "Tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía" e "Tarxeta de accesibilidade de usuarios", son únicos para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. De acordo coas recomendacións do Consello da Unión Europea, a tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía axustarase ás características sinaladas no Anexo III do Decreto 35/2000 do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras.
3. A tarxeta de accesibilidade de usuarios axustarase ás características sinaladas no Anexo III do Decreto 35/2000 de 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras.
Artigo 5º .-Tramitación.
1. Corresponde ó Concello das Pontes a concesión da tarxeta de estacionamento e da tarxeta de accesibilidade de usuarios, para persoas con minusvalía para as persoas que residen neste Concello.
2. O expediente iniciarase a instancia da persoa interesada, para o cal, presentará instancia no Rexistro Xeral do Concello en impreso normalizado para tal fin.
3. O Concello remitirá copia da solicitude, xunto coa documentación pertinente, ó equipo de valoración e orientación (EVO) correspondente, en caso de non presentarse na instancia, para a realización do informe preceptivo e vinculante para a resolución do procedemento.
4. O informe do equipo de valoración elevarase á Alcaldía para que dicte a resolución pertinente, concedendo ou denegando a tarxeta solicitada.
5. Esta resolución será notificada ó interesado de acordo co establecido na Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
6. As tarxetas concedidas polo Concello das Pontes terán validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, en caso de cambio de domicilio do beneficiario dunha tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalía, este deberá solicitar o traslado do expediente ó novo municipio de residencia.
Artigo 6º .-Documentación.
1. Solicitude debidamente cuberta en modelo normalizado (anexo I).
2. Fotocopia do DNI do solicitante.
3. Certificado de residencia.
4. 2 fotografías actuais.
5. Certificado de minusvalía expedido polos equipos de valoración e orientación da Xunta de Galicia ou polos autorizados noutras CCAA.
6. No caso de persoas xurídicas, as solicitantes da tarxeta de estacionamento, deberán acompañar:
a) Fotocopia do permiso de circulación do vehículo.
b) Fotocopia do xustificante de pagamento do último recibo do imposto municipal.
Artigo 7º .-Uso e Caducidade das Tarxetas.
1. As tarxetas de accesibilidade son persoais e intransferibles. A tarxeta de estacionamento dá dereito á súa utilización nas prazas de estacionamento destinadas a uso exclusivo de persoas con minusvalía na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As tarxetas, unha vez concedidas, serán expedidas no Concello e entregadas ó titular, quen deberá asinalas e plastificalas. A tarxeta de estacionamento, cando se utilice, deberá colocarse na parte dianteira do vehículo, de maneira que unicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.
3. O Concello ten dereito a controlar o uso das tarxetas, polo que poderá requirir ós solicitantes-titulares en calquera intre para que acheguen probas actualizadas das devanditas condicións. Se detectase un uso indebido desta de xeito reiterado, debidamente probado, con independencia da sanción pecuniaria que puidera recaer polo procedemento sancionador incoado para tal efecto, a Alcaldía poderá retirala transitoriamente, durante o prazo de dous anos.
4. Calquera variación das condicións que deron orixe á expedición da tarxeta deberán ser comunicadas ós servicios sociais municipais no prazo máximo de un mes; de non ser así, o Concello poderá anular a súa vixencia.
5. No caso de que a cualificación da minusvalía sexa permanente, a tarxeta caducará ós dez anos da súa concesión. No caso de que a cualificación da minusvalía sexa provisional, caducará cando transcorra o prazo establecido no certificado de minusvalía.
6. Un mes antes de que caduque a tarxeta o titular deberá solicitar unha nova seguindo o mesmo procedemento que para o outorgamento da tarxeta inicial, tendo a obriga de entregar a anterior no momento de recibir a actualizada.
Disposición final.
A presente Ordenanza entrará en vigor unha vez que sexa publicada integramente no BOP e transcorra o prazo previsto pola Lei 7/1985 de 2 de abril.
Recursos.
Contra o acordo de aprobación definitiva desta Ordenanza poderán os interesados interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da data da publicación, ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.