Pontes de García Rodríguez As - TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO LOCAL CON MERCADORÍAS, MATERIAIS DE CONSTRUCCIÓN, CASCALLOS, VALADOS, PUNTAIS, ASNELOS, ANDAMIOS E OUTRAS INSTALACIÓNS ANÁLOGAS
Artigo 1 .- FUNDAMENTO E RÉXIME
Este Concello conforme ó autorizado polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e de acordo co previsto no artigo 20,3,g) da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, establece a taxa por ocupación de terreos de uso público local con mercadorías, materiais de construcción, cascallos, valados, puntais, asnelos, andamios e outras instalacións análogas, que se regulará pola presente ordenanza, redactada conforme ó disposto no artigo 16 da Lei 39/88 citada.
Artigo 2 .- FEITO IMPONIBLE
1. Constitúe o feito imponible desta taxa a ocupación de terreos de uso público local con:
a) Cascallos, terras, areas, materiais de construcción, leña ou calquera outros materiais análogos.
b) Valados, andamios e outras instalacións adecuadas para protección da vía pública das obras colindantes.
c) Puntais, asnelos, e en xeral toda clase de apeos de edificios.
2. Cando con ocasión dos aproveitamentos regulados nesta ordenanza se producisen desperfectos no pavimento, instalacións da vía pública ou bens de uso público, os titulares daqueles están obrigados a reparar ou reconstruí-los danos causados con independencia do pagamento da taxa. Se os danos fosen irreparables, o Concello será indemnizado. A indemnización fixarase nunha suma igual ó valor das cousas destruídas.
Artigo 3 .- DEREITO Á PERCEPCIÓN
A obriga de contribuír nacerá pola ocupación do dominio público local, autorizada na correspondente licencia, ou dende que se inicie o aproveitamento de procederse sen a oportuna autorización.
Artigo 4 .- SUXEITOS PASIVOS
Serán suxeitos pasivos contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades á que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, a quen se autorice para efectua-lo aproveitamento especial do dominio público local.
Artigo 5 .- BASE IMPONIBLE E LIQUIDABLE
A base estará constituída polo tempo de duración dos aproveitamentos e pola superficie en metros cadrados ocupada polos materiais depositados, os metros cadrados ou lineais delimitados polos valados, andamios e outras instalacións adecuadas e o número de puntais, asnelos e demais elementos empregados no apeo de edificios.
Artigo 6 .- COTA TRIBUTARIA
A tarifa a aplicar será a seguinte:
Dereitos en pesetas por | ||||
Conceptos | Unidade | Dia | Mes | Ano |
a) Valados | Metro cadrado | 5 | 80 | 800 |
b) Andamios | Metro lineal | 3 | 55 | 525 |
c) Puntais | Por elemento | 130 | 1.315 | 5.250 |
d) Asnelos | Metro lineal | 65 | 660 | 2.615 |
e) Mercadorías | Metro cadrado | 130 | 1.315 | 5.250 |
f) Materiais de construcción e cascallos | Metro cadrado | 13 | 385 | 5.250 |
Artigo 7 .- COTA TRIBUTARIA
As cotas esixibles por esta taxa liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado. Serán irreductibles polos períodos de tempo sinalados na tarifa e faranse efectivas na caixa municipal ó retirar a oportuna licencia co carácter de depósito previo, sen prexuízo da liquidación definitiva que corresponda.
Artigo 8 .- RESPONSABLES
1. Serán responsables solidariamente das obrigas tributarias establecidas nesta Ordenanza toda persoa causante ou colaboradora na realización dunha infracción tributaria. Nos supostos de declaración consolidada, tódalas sociedades integrantes do grupo serán responsables solidarias das infraccións cometidas neste réxime de tributación.
2. Os copartícipes ou cotitulares das herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades que, carentes de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado, susceptible de imposición, responderán solidariamente e en proporción as súas respectivas participacións das obriga tributarias de ditas entidades.
3. Serán responsables subsidiarios das infraccións simples e da totalidade da débeda tributaria en caso de infraccións graves cometidas polas persoas xurídicas, os administradores daquelas que non realicen os actos necesarios da súa incumbencia, para o cumprimento das obrigas tributarias infrinxidas, consistiran no incumprimento por quen dependan deles ou adopten acordos que fixeran posible as infraccións. Así mesmo, tales administradores responderán subsidiariamente das obrigas tributarias que estean pendentes de cumprimentar polas persoas xurídicas que cesaran nas súas actividades.
4. Serán responsables subsidiarios os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, cando por neglixencia ou mala fe non realicen as xestións necesarias para o total cumprimento das obrigas tributarias retribuídas con anterioridade ás devanditas situacións e que sexan imputables ós respectivos suxeitos pasivos.
Artigo 9 .- EXENCIÓNS, REDUCCIÓNS E DEMAIS BENEFICIOS LEGALMENTE APLICABLES
De conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 39188, do 28 de decembro, non se recoñece beneficio tributario algún, agás os que sexan consecuencia do establecido nos tratados ou acordos internacionais ou os previstos en normas con rango de lei.
O Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais non estarán obrigados ó pagamento das taxas por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público polos aproveitamentos inherentes ós servicios públicos de comunicacións que exploten directamente e por tódolos que inmediatamente interesen á seguridade cidadá ou á defensa nacional.
Artigo 10 .- NORMAS DE XESTIÓN
O tributo liquidarase por cada aproveitamento solicitado e conforme o tempo que o interesado indique ó pedi-la correspondente licencia. Se ó tempo non se determinara seguiranse producindo liquidacións pola Administración municipal polos períodos irreductibles sinalados nas tarifas, ata que o contribuínte formule a pertinente declaración de baixa.
Artigo 11 .- NORMAS DE XESTIÓN
As persoas naturais ou xurídicas interesadas na obtención dos aproveitamentos regulados nesta ordenanza, presentarán no Concello solicitude detallada da súa natureza, tempo e duración do mesmo, lugar exacto onde se pretenden realizar, sistema de delimitación e en xeral cantas indicacións sexan necesarias para a exacta determinación do aproveitamento desexado.
Artigo 12 .- NORMAS DE XESTIÓN
De non terse determinado con claridade a duración dos aproveitamentos, os titulares das respectivas licencias, presentarán no Concello a oportuna declaración de baixa ó cesar en aqueles, a fin de que a Administración municipal deixe de practica-las liquidacións das cotas. Quen incumpra tal obrigación seguirán suxeitos ó pagamento do tributo.
Artigo 13 .- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e sancións, ademais do previsto nesta ordenanza, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e demais normativa aplicable.
DISPOSICIÓN FINAL
Unha vez se efectúe a publicación do texto íntegro da presente ordenanza no Boletín Oficial da Provincia entrará en vigor, con efecto do 1 de xaneiro de 1999, continuando a súa vixencia ata que se acorde a súa modificación ou derrogación.
NOTA ADICIONAL
Esta ordenanza foi aprobada definitivamente polo Concello Pleno, en sesión celebrada o día 27 de novembro de 1998.