Vilasantar - REGULAMENTO DAS BASES DA CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS PARA SITUACIÓNS DE EMERXENCIA SOCIAL NO CONCELLO DE VILASANTAR 2014
Artigo 1- Definición
É obxecto desta ordenanza é a concesión dun conxunto de prestacións económicas ou en especie de carácter urxente e extraordinario, destinadas a dar resposta a situacións carenciais e transitorias imprevistas ou excepcionais así como previr o seu agravamento e a exclusión social.
Artigo 2- Beneficiarios
a- Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas ou unidades familiares do Concello de Vilasantar, entendendo por unidade familiar o núcleo de convivencia composto por dúas ou máis persoas vinculadas por matrimonio ou por outra forma de relación análoga á conxugal, por parentesco de consanguinidade ata o terceiro grao e por afinidade ata o segundo grao.
Artigo 3- Requisitos dos beneficiarios
a- Ser maior de idade ou menor emancipado ou no seu defecto, iniciar ou ter iniciado o trámite legal de emancipación.
b- Estar empadroado no Concello de Vilasantar de forma ininterrompida, cunha antelación mínima de 6 meses á data da solicitude. Deste requisito quedan exentos aqueles que acrediten a condición de emigrantes retornados ou os que anteriormente estivesen acollidos en recursos de aloxamento institucional, sempre e cando fixen a súa residencia no termino municipal. Ou se trata dunha axuda para cubrir necesidades básicas ou unha catástrofe ou accidente sobrevido.
c- No caso de non cumprir o requisito anterior e como excepción, poderán ser beneficiarios aquelas persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de desprotección urxente sendo necesario nestes casos un informe social do/a traballador/a social dos servizos sociais e co visto e prace do/a Alcalde/sa.
d- Acreditar a situación de necesidade e aportar a documentación necesaria en cada caso. (sempre que non obre en poder dos SS.SS)
e- Acreditar mediante declaración xurada que a unidade familiar ou algún dos seus integrantes non recibiron axudas polo mesmo concepto de ningún outro organismo entidade ou administración pública sempre que a suma destas axudes non superen o 100% do gasto.
f- Non ter ingresos ou dispor dunha renda mensual per cápita igual ou inferior ao 50% do IPREM, deducidos dos ingresos líquidos, os gastos de alugueiros ou de amortización da vivenda. Incrementarase ademais do anterior, nun 10% máis por cada membro da unidade familiar a partir do segundo, se hai un menor ou por cada persoa que teña recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%, ou teña valorada unha dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.
Como norma xeral no caso dun só membro da unidade familiar, o límite de ingresos será o equivalente ao importe da pensión non contributiva, sen deducións salvo situacións sociais urxentes que serán valoradas polos técnicos de servizos sociais.
g- Aceptar de maneira expresa as condicións que figuran no deseño de intervención social que sexa preciso en cada caso.
Artigo 4- Tipos de axuda:
a- Necesidades básicas non cubertas por outros sistemas de prestación: alimentación, alimentación infantil (leite e produtos especiais), vestiario, adquisición de menciñas, material oftalmolóxico e bucodental (prescrito por persoal facultativo da Seguridade Social), arranxos dentais.
b- Axudas para o uso e mantemento da vivenda: pagamentos de aluguer, fianza ou desafiuzamento; aquelas que por valoración técnica se considere necesario no referente ao mantemento e conservación da vivenda; acometida de auga e subministración da mesma, subministración de enerxía eléctrica e de gas; adquisición de equipamento básico de primeira necesidade para a vivenda habitual.
c- Axudas para a atención do menor: adquisición de material escolar, actividades municipais e/ou extraescolares, actividades de apoio nos estudos.
d- Axudas para paliar situación especiais sobrevidas por causa do padecemento dunha enfermidade grave que implique traslados, tratamentos, axudas técnicas, ingreso en residencias ou centros de día, ou calquera outra necesidade que requira gastos adicionais aos do sistema público de saúde e servizos sociais.
e- Axudas dirixidas a familias en desvantaxe social que sexan precisas para a integración social dos diferentes colectivos previo informe do/a traballador/a social dos servizos sociais municipais, tales como actividades de integración socio-laboral, disfrute gratuíto de determinados servizos..
Con carácter xeral, tramitarase unha única solicitude por unidade familiar ao ano pero con carácter excepcional poderán especificarse mais dun concepto.
Artigo 5- Criterios de valoración das axudas
Para a concesión das axudas solicitadas teranse en conta os seguintes criterios:
1- Indicador económico: 5 puntos. Teranse en conta os recursos económicos de tódolos membros da unidade familiar de convivencia, despois de deducir dos mesmos o importe da hipoteca ou do aluguer da vivenda ata un máximo do 75% do IPREM (índice público de renda de efectos múltiples). No caso da existencia de recursos dinerarios depositados en contas bancarias, teranse en conta os xuros retribuídos e computaranse asemade o 100% da cantidade depositada. A renda per cápita calcularase sumando tódolos ingresos, restándolle as deducións e dividindo entre o número de membros.
2- Situacións de risco e/ou exclusión social: 5 puntos.
3- Valoraranse as situacións de desatención ou de problemas de conduta dos menores ou das persoas maiores membros da unidade familiar; situacións carenciais ou de condutas desadaptadas que afecten a calquera membro da unidade familiar; situacións de violencia de xénero ou calquera outra circunstancia de risco: 5 puntos.
4- Situacións en proceso de intervención social, individual ou familiar: 3 puntos.
5- Nos casos de que as axudas sexan solicitadas para a o arranxo ou mobiliario básico da vivenda os servizos sociais realizarán unha visita domiciliaria. Ao igual que noutros casos que así se considere necesario.
Artigo 6- Contía das axudas
As contías das axudas serán determinadas en función da valoración da necesidade, do número de solicitudes presentadas, da súa prioridade e da dispoñibilidade de orzamento segundo a subvención recibida por este Concello por parte das Administracións Públicas para tal fin.
Artigo 7- Dispoñibilidade orzamentaria.
Para as axudas incluídas na presente convocatoria, reservarase crédito na partida orzamentaria 480.00.230 do Concello de Vilasantar, por importe total de 10.500 euros.
Artigo 8- Documentación
- DNI de todos os membros da unidade familiar
- Libro de familia
- No caso de separación ou divorcio, sentenza e convenio regulador así como os xustificantes das pensións que lle pase o/a excónxuxe, ou no seu defecto, denuncia por incumprimento de sentenza.
- Certificado do padrón e convivencia da unidade familiar.
- Último recibo do pagamento do alugueiro da vivenda ou da súa amortización de ser o caso.
- Xustificación de calquera tipo de débeda que teña o solicitante. ( hipoteca, luz, aluguer...)
- No caso de persoas con discapacidade ou dependencia presentarase o certificado correspondente.
- Xustificantes dos ingresos de tódolos membros da unidade de convivencia: nóminas, xustificantes das pensións, xustificantes doutras axudas que se perciban, declaración da renda, no seu defecto certificado negativo de non facela, certificación bancaria dos rendementos de capital que se posúa e no seu defecto certificación negativa de non posuílos.
- Declaración das axudas recibidas polos mesmos conceptos ou en caso contrario declaración xurada de non percibilos.
- Autorización para consultar os datos catastrais dos solicitantes.
- Orzamento da axuda que se solicita.
Artigo 9- Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
A solicitude esixida presentarase no rexistro de entrada do Concello de Vilasantar no modelo establecido (Anexo I) nestas bases. De maneira excepcional a solicitude poderase presentar de oficio cando concorran circunstancias graves, extraordinarias e urxentes que así o aconsellen.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende o día seguinte á publicación de esta ordenanza ata o 18 de decembro de 2014.
Artigo 10- Tramitación, resolución e notificación ós interesados
Unha vez recibida a solicitude , e en caso necesario, requiriráselle ao interesado para que proceda á subsanación de erros e para a achega de documentación necesaria no prazo de 10 días facéndolle saber que no caso contrario entenderase que desestima na súa petición procedéndose ao arquivo do expediente.
Os servizos sociais despois de efectuar as comprobacións oportunas efectuarán a valoración técnica e elaborarán un informe social coa proposta e contía pertinente.
A solicitude xunto co informe social, logo da fiscalización de intervención, serán elevados á Xunta de Goberno Local para que emita a resolución correspondente na que figurará o nome do beneficiario, o concepto da axuda a contía e a forma de pagamento.
Naqueles supostos en que a situación do beneficiario presente extrema urxencia e gravidade poderase ditar resolución provisional ata que se complete o expediente. Se transcorrido o prazo establecido non se completa o expediente ou non se confirmase a urxencia procederase á revogación da axuda e reclamación da contía percibida.
A resolución adoptada do expediente notificaráselle ao interesado no prazo máximo de tres meses.
Artigo 11- Forma de pagamento
En xeral intentarase que na maioría dos casos o Concello efectúe o pagamento directamente ao provedor, tras a comprobación da factura correspondente, pero cando se trate de axudas para cubrir necesidades básicas como alimentos, vestido, saúde etc poderanse ingresar directamente nas contas dos solicitantes que deberán proporcionar os datos bancarios completos e os xustificantes e facturas que se lle reclamen dende os servizos sociais.
Artigo 12- Obrigas dos interesados
- Destinar as axudas para o fin que foron outorgadas
- Permitir e facilitar a labor das persoas que foron designadas para verificar a súa situación familiar e económica.
- Comunicar ao departamento de servizos sociais todas aquelas variacións acaecidas na situación socio-familiar que poidan modificar as circunstancias que motivaron a solicitude.
Artigo 13- Extinción e reintegro
Serán causa de extinción da axuda concedida:
- Falseamento ou ocultación de datos para obter a axuda.
- Desaparición das circunstancias que deron lugar á concesión da axuda.
- Baixa no padrón municipal.
- Falecemento do beneficiario.
Artigo 14- Compatibilidade da subvención
A concesión destas axudas será compatible con calquera outro tipo de axudas, agás as que se entreguen coa mesma finalidade.
Artigo 15- Normativa supletoria
En todo o non previsto nesta ordenanza, aplicarase o disposto nas Bases de execución do orzamento xeral do Concello de Vilasantar para o 2014, e nas normas legais e regulamentarias de aplicación, Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no RD 887/2006 de 21 de xullo polo que se aproba o regulamento da lei xeral de subvencións Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, e demais normativa de réxime local aplicable.
DISPOSICIÓN FINAL.
Este Regulamento entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo ao que se refire o artigo 70.2 en relación co artigo 65.2 da Lei 7/85, reguladora de bases de réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.
ANEXOS
ANEXO I
SOLICITUDE AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL DO CONCELLO DE VILASANTAR
Nome:.............................. Apelidos:................................................
DNI:.................................. Teléfono:................................................
Enderezo:.......................................................................................
DESCRICION DA AXUDA E IMPORTE DA MESMA
DECLARO: Que son certos os datos que consigno na presente solicitude
Documentación que acompaño:
-
-
-
-
-
Vilasantar,.......de........ do 201
Asdo.:
SR. ALCALDE DO CONCELLO DE VILASANTAR
ANEXO II
DECLARACIÓN RESPONSABLE
D. con DNI:., e domicilio en
DECLARO BAIXO A MIÑA RESPONSABILIDADE
Que os datos económicos da miña unidade familiar son os seguintes:
Nº 1-SOLICITANTE:
NOME E APELIDOS:
DNI:
DATA NACEMENTO:
INGRESOS MENSUAIS:.
OUTROS MEMBROS:
Nº 2. PARENTESCO:
NOME E APELIDOS:
DNI:
DATA NACEMENTO:
INGRESOS MENSUAIS:
Nº 3. PARENTESCO:
NOME E APELIDOS:
DNI:
DATA NACEMENTO:
INGRESOS MENSUAIS:
Nº 4. PARENTESCO:
NOME E APELIDOS:
DNI:
DATA NACEMENTO:
INGRESOS MENSUAIS:
Nº 5. PARENTESCO:
NOME E APELIDOS:
DNI:
DATA NACEMENTO:
INGRESOS MENSUAIS:
Que a vivenda onde vivo é:
Propia: xxx Alugada:
Que non percibo nin percibín no mesmo ano ningunha axuda para a mesma finalidade como a que solicito.
Vilasantar,. de .. de 201
Asdo.:.