Vilasantar - REGULAMENTO DO PROGRAMA DE AXUDAS DE ALIMENTOS DO CONCELLO DE VILASANTAR
Artigo 1.-Fundamento.
O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, encomenda aos poderes públicos de Galicia á obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, debendo remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitando a participación de todos os galegos e galegas na vida económica, cultural e social.
O artigo 27 da norma estatutaria no seu apartado 23, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter exclusivo, competencia en materia de asistencia social. Por outra banda, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, establece no seu artigo 25.2.K) como competencia municipal a prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 4, establece que o sistema galego de servizos sociais rexerase, entre outros, polos principios de prevención, acción integral e personalizada, autonomía persoal e vida independente, integración e normalización, coordinación e planificación. Ademais no capítulo II da Lei faise referencia ao catálogo de servizos sociais, e concretamente no artigo 21.2 b) inclúese dentro das prestacións económicas as axudas de emerxencia social e necesidade social.
Artigo 2.-Obxecto.
Este regulamento ten por obxecto o reparto dos alimentos que se reciben da Fundación Amigos de Galicia ou doutras organizacións similares ademais dos que o Concello poida entregar en ocasións puntuais.
Artigo 3.-Beneficiarios.
Poderán beneficiarse das axudas citadas anteriormente as persoas individuais ou unidades familiares do Concello de Vilasantar.
Entenderase por unidade familiar o núcleo de convivencia composto por dúas ou máis persoas vinculadas por matrimonio ou calquera outra relación análoga de afectividade, por adopción, acollemento ou parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o 3.º grao.
Artigo 4.-Requisitos dos solicitantes.
a) Ser maior de idade ou menor emancipado.
b) Estar empadroado e ter residencia efectiva no Concello de Vilasantar cando menos con 6 meses de antigüidade no momento da solicitude
c) Sen prexuízo do apartado anterior poderán recibilos sen estar empadroados, pero con residencia efectiva, e presentar extrema necesidade.
d) Acreditar a situación de necesidade de alimentos.
e) Que a unidade familiar non dispoña dos ingresos suficientes para afrontar a cobertura desta necesidade básica segundo o establecido na seguinte táboa:
CONVIVINTES | LÍMITE DE INGRESOS |
1 | Ate o 100% do IPREM |
2 | Ate o 120% do IPREM |
3 | Ate o 140% do IPREM |
4 | Ate o 160% do IPREM |
5 | Ate o 180% do IPREM |
6 | Ate o 200% do IPREM |
7 | Ate o 220% do IPREM |
8 | Ate o 240% do IPREM |
9 ou máis | Ate o 260% do IPREM |
O IPREM de referencia será o total anual ou os ingresos totais contabilizados por 14 pagas de selo caso.
Para o cálculo teranse en conta os ingresos que perciba no momento da solicitude o solicitante ou as persoas que conforman a unidade familiar en concepto de retribucións, rendas, prestacións, axudas, subsidios ou por calquera outro.
En caso de unidades familiares onde exista mala relación entre os seus membros poderanse ter en conta os ingresos económicos de parte da unidade familiar previa valoración do/a traballador/a social.
Artigo 5.-Tipoloxía das axudas.
As axudas consisten no reparto directo dos alimentos ás persoas ou familias beneficiarias sen que isto repercuta nun gasto para elas, a excepción do desprazamento para a recollida de selo caso.
Artigo 6.-Incompatibilidades.
Estas axudas serán incompatibles con calquera outra axuda para o mesmo concepto, por parte doutros organismos, entidades ou administracións públicas.
Artigo 7.-Procedemento.
7.1.-Inicio:
O procedemento iniciarase mediante impreso de solicitude presentado nos servizos sociais do Concello de Vilasantar xunto coa debida documentación relativa a todos os membros da unidade familiar:
- Solicitude (anexo I).
- Fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar e/ou libro de familia se fose o caso.
- Xustificantes dos ingresos económicos actuais a través de certificados de pensións, nóminas dos últimos 6 meses, tarxeta de demandante de emprego e/ou certificado do INEM das prestacións por desemprego, extractos das contas bancarias dos últimos 6 meses.
- Declaración responsable do solicitante ou membro da unidade familiar na que se faga constar no seu caso a carencia de ingresos suficientes (anexo I).
- Declaración responsable de non percibir outras axudas polo mesmo concepto (anexo I).
- Outros documentos específicos que sexan necesarios para a correcta valoración da solicitude.
7.2.-Instrución:
No departamento de servizos sociais procederase á comprobación dos datos proporcionados e á valoración técnica da necesidade, podendo o/a traballador/a social solicitar canta información considere precisa para o correcto diagnóstico da situación e emitirase un informe social coa valoración correspondente.
Na valoración teranse en conta dous factores:
1.-Valoración económica: procederase ao cálculo da capacidade económica segundo o baremo do solicitante e dos demais membros da unidade familiar. Entenderanse como ingresos da unidade familiar todos os obtidos por cada un dos membros da mesma en relación aos últimos 12 meses. Os ingresos anuais dividiranse entre o número de membros da unidade familiar obtendo así os ingresos per cápita desta. No caso de que algún membro da unidade familiar non poida demostrar documentalmente a percepción de ingresos, poderá presentar declaración responsable da carencia absoluta dos ingresos.
Para acceder á concesión da axuda, os ingresos non poderán exceder dos límites establecidos na táboa do artigo 3. En caso contrario, o indicador económico, será motivo da denegación da axuda, non sendo xa precisa a posterior valoración social.
2.-Valoración social: o órgano instrutor procederá á comprobación dos datos proporcionados e á valoración técnica da necesidade, a través das técnicas e instrumentos propios da profesión, coa finalidade de emitir un correcto diagnóstico social da situación. O/a traballador/a social emitirá informe social coa valoración correspondente.
7.3.-Resolución:
A solicitude e o correspondente informe social será elevado á Alcaldía, ou ao órgano en quen delegue, para que emita a resolución, na que polo menos quedarán reflectidos os datos do expediente e a motivación da concesión ou denegación.
O prazo para ditar resolución será como máximo de tres meses a contar dende a data da solicitude. Terase en conta a urxencia da situación social para resolvelo o antes posible. A resolución será notificada ao beneficiario xunto co réxime de recursos correspondente.
7.4.-Repartos:
Unha vez se reciban no Concello os alimentos, este procederá ao reparto dos paquetes para a distribución dos mesmos entre os beneficiarios do programa, os cales deberán recollelos nas datas e horarios nos que se lles notifique. Excepcionalmente, para aqueles usuarios que xustifiquen importantes dificultades de desprazamento para pasar a recoller os alimentos, realizarase o reparto a domicilio garantíndose por parte do Concello as adecuadas condicións de seguridade e hixiene e na maior brevidade posible.
7.5.-Seguimento:
Levarase a cabo un seguimento anual do programa e cada beneficiario deberá aportar nova documentación de haber algún cambio nos ingresos ou nos membros da unidade familiar para comprobar se segue a ter dereito ao servizo.
Artigo 8.-Obrigas dos beneficiarios.
Os/as beneficiarios/as destas axudas estarán obrigados a:
- Destinar a axuda ao fin para o que foi concedida.
- Permitir e facilitar o labor do/a traballador/a social para verificar a súa situación familiar e económica.
- O cumprimento dos proxectos de inserción, de ser o caso, para a concesión das axudas destinadas a superar a súa situación de necesidade.
- Comunicar aos servizos sociais calquera variación sobrevida na unidade familiar que poida dar lugar á modificación ou extinción da axuda.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA.
Este Regulamento entrará en vigor unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo ao que se refire o artigo 70.2 en relación co artigo 65.2 da Lei 7/85, reguladora de bases de réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.
ANEXO I
ANEXO I
Solicitude de alimentos do concello de Vilasantar
Nome e apelidos:
DNI:
Enderezo:
Teléfono:
Composición da unidade familiar:
Datos económicos do solicitante:
Pensión de xubilación da Seguridade social de
Datos económicos dos demais membros da unidade familiar:
Outros datos de interese:
Paga un aluguer de
Documentación que adxunta:
- Fotocopia de contía da pensión
- Recibo de pago do aluguer
- DNI
-
-
Data da solicitude:
Declaro baixo a miña responsabilidade que os datos que aparecen nesta solicitude son verídicos e que non percibo outras axudas doutros organismos ou administracións polo mesmo concepto.
Asdo.:
SR. ALCALDE DO CONCELLO DE VILASANTAR