Fisterra - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA LICENZA POLA TENZA DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS, DO SEU REXISTRO, E DA SECCIÓN LOCAL DO REXISTRO DE ANIMAIS DE COMPAÑÍA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 50/1999, de 23 de decembro, de Réxime xurídico dos animais potencialmente perigosos, ditada ó abeiro do artigo 149.1.29 da Constitución Española, que atribúe ó Estado as competencias en materia de seguridade pública; asígnalle no artigo 3 ós concellos a competencia para conceder a licenza administrativa que habilita a tenza de animais potencialmente perigosos. Ademais, no seu artigo 6, establece que en cada Concello existirá un Rexistro de animais potencialmente perigosos.
A Lei 1/1993, de 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, de protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade impón á súa vez ós concellos, a obriga de recollida dos animais abandonados; así mesmo, o artigo 27 do Decreto 153/1998, de 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, obriga a censar a nivel municipal a todos os animais da especie canina.
A Comunidade Autónoma de Galicia desenvolve ámbalas dúas leis de forma harmónica no Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, polo que se regula a tenencia de animais potencialmente perigosos na comunidade autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos e de adestradores caninos. En consecuencia, e de acordo coas disposicións citadas, e ó abeiro da Lei 7/1985, Reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia e os artigos 15 e 20 da Lei 39/1998, de 28 de decembro, Reguladora das facendas locais, a Corporación Municipal, aproba a seguinte Ordenanza:
CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.º.-Obxecto.
1) O obxecto desta ordenanza é regular a concesión e a renovación das licencias administrativas para a tenza de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, ós que se refire o Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a regulación do Rexistro municipal de animais de compañía e das taxas pola concesión e renovación das licencias e inscricións indicadas.
2) Quedan excluídos da aplicación desta ordenanza os cans e animais que pertezan ás Forzas Armadas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Corpos da Policía das Comunidades Autónomas, da Policía Local e das empresas de seguridade con autorización oficial.
Artigo 2.º.-Definición de animal potencialmente perigoso.
1) Considéranse animais potencialmente perigosos, todos os que formen parte da fauna salvaxe, e sexan utilizados como animais domésticos, ou de compañía, con independencia da súa agresividade; e que pertenzan a especies ou razas que teñan capacidade para causar a morte ou lesións ás persoas ou a outros animais, así como danos a cousas.
2) En particular, terán a cualificación de potencialmente perigosos, os animais domésticos ou de compañía que regulamentariamente determine a Comunidade Autónoma de Galicia, e en particular, os que pertezan á especie canina, definidos no artigo 2.2 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na comunidade autónoma de Galicia, e se crean os rexistros galegos de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos, e de adestradores caninos.
3) En todo caso, aqueles cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. Esta agresividade, será apreciada pola autoridade competente, de oficio, ou previa notificación ou denuncia, e despois dun informe dun adestrador ou veterinario designado para tal efecto.
CAPÍTULO II.-DA LICENZA MUNICIPAL
Artigo 3.º.-Licenza municipal.
1) A tenza no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos, requirirá a obtención da correspondente licenza municipal, con carácter previo á adquisición do animal.
2) Están obrigados á obtención de licenza municipal para a tenencia de animais clasificados como potencialmente perigosos, os propietarios ou posuidores que estean incluídos no Padrón de habitantes, así como os establecementos ou asociacións, con sede neste termo municipal, que alberguen animais potencialmente perigosos ós que se refire o Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, da comunidade autónoma galega, e se dediquen á súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centros de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda instalados neste municipio.
3) Os propietarios de animais potencialmente perigosos, que non están empadroados neste Concello, cando residan temporalmente neste Concello, e mentres permaneza o animal no termo municipal, deberán posuír a licenza do municipio de orixe.
4) Nos casos de inscrición de animais como consecuencia dun anterior ataque a persoas, animais ou cousas no concello; unha vez coñecida a resolución ou sentencia, de oficio ou a instancia de calquera interesado directo, e previa tramitación do expediente administrativo con audiencia do interesado, requiriráselle ó propietario mediante resolución da Alcaldía, para que no prazo dun mes solicite a correspondente licenza; se non o fai así, retiraráselle o animal e depositarase consonte se establece no artigo 9 desta ordenanza.
Artigo 4.º.-Requisitos para a obtención da licenza.
1) Para obter a licenza administrativa para a tenencia de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, será necesario cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporcionar os coidados necesarios ó animal.
b) Non ter sido condenado por delitos de homicidio, lesións, torturas contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á tenencia de animais potencialmente perigosos.
c) Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias previstas no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999, de 23 de decembro, sobre o réxime xurídico de animais potencialmente perigosos; non obstante, non será impedimento para a obtención ou renovación da licenza, ter sido sancionado coa suspensión temporal, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión estivera cumprida integramente.
d) Dispoñer de certificado de aptitude psicolóxica e de capacidade física para a tenencia de animais potencialmente perigosos.
e) Acreditar a formalización dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poidan causa-los seus animais na contía mínima de cento vintecinco mil euros (125.000 €).
2) Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da tenencia do animal; a perda destes requisitos, dará lugar á revisión da licenza nos termos recollidos no artigo 9 desta Ordenanza.
3) No caso de que a licenza sexa para animais salvaxes en cautividade, esixirase ademais do previsto no apartado 1 deste artigo, unha memoria descritiva das instalacións e medidas de seguridade utilizadas para impedir a fuxida dos animais, conforme ó artigo 3.4 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro.
Artigo 5.º.-Vixencia das licenzas.
1) As licencias terán unha vixencia de cinco anos; rematado o prazo, deberanse renovar; para o que deberá acreditar en cada exercicio, a suscrición dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros.
2) A condena por calquera dos delitos recollidos no apartado b) do artigo anterior, dará lugar á revisión da licenza polo Concello.
Artigo 6.º.-Acreditación.
1) A identificación da tenencia da licenza municipal de animais potencialmente perigosos, acreditarase mediante a entrega dunha certificación.
2) Por cada can que se posúa, expedirase unha tarxeta identificativa na que constarán os seguintes datos:
a) Número da licenza municipal.
b) Código de identificación do can.
c) Raza.
d) Titular da licenza e DNI.
e) Número do rexistro municipal.
Artigo 7.º.-Documentación.
1) Para a expedición da tarxeta identificativa de cada can, requirirase a presentación dos seguintes datos:
a) Raza e sexo do animal.
b) Ano de nacemento.
c) Domicilio habitual do animal.
d) Especificación de se está destinado a convivir cos seres humanos ou se pola contra, ten finalidades distintas coma a garda, protección ou calquera outra que se indique.
e) Nome do propietario.
f) Domicilio do propietario.
g) DNI do propietario.
h) Nome ou razón social e domicilio do vendedor ou cedente.
i) Certificado de sanidade animal expedido pola autoridade competente, que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou trastornos que o fan especialmente perigoso.
j) Xustificante do aboamento da taxa pola expedición da licenza municipal para a tenencia de animais potencialmente perigosos.
k) Certificado sanitario de esterilización (se se realizou).
l) Facturas e xustificantes da adquisición.
Os citados datos e, no seu caso, a documentación oportuna, deberá facilitala o adquirente do animal, no prazo de quince días, a contar desde a efectiva tenencia.
2) O certificado de sanidade animal deberá ser expedido polos Servizos Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia ou por un veterinario colexiado.
3) Para renovar a licenza municipal, deberá presentarse a seguinte documentación:
a) Solicitude de renovación.
b) Copia compulsada da renovación do seguro de responsabilidade civil.
c) Copia compulsada do certificado médico de sanidade animal, efectuado nunha data non anterior a dous meses á data da renovación da licenza.
d) Xustificante do aboamento da taxa municipal.
e) Certificado de capacidade física.
f) Certificado de aptitude psicolóxica.
Artigo 8.º.-Órgano competente para a concesión das licenzas municipais.
1) As licenzas municipais para a tenza de animais potencialmente perigosos, concederanse mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia en materia de licencias, previa acreditación da incorporación da documentación esixida nesta Ordenanza.
Artigo 9.º.-Revisión, perda de licenzas e depósito de animais.
1) A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4 desta Ordenanza, dará lugar á revisión das licenzas municipais concedidas e a súa retirada, logo da tramitación de expediente contraditorio.
2) A retirada da licenza dará lugar á perda do dereito á tenza do animal e á obriga do interesado de proceder, no prazo máximo de dez días a contar desde a recepción do requirimento, á súa entrega e depósito no establecemento adecuado para tal efecto ata a obtención desta; salvo que o animal se lle entregue a outro propietario ou sexa sacrificado, nos termos establecidos nos artigos 58, 59 e 60 do Decreto 153/1998, da comunidade autónoma de Galicia.
3) No caso de incumprimento da obriga de depósito, procederase á súa execución subsidiaria polo Concello, ou pola Comunidade Autónoma, a través dos seus servizos ou mediante unha empresa contratada, sendo os gastos que tal actuación conleva, a cargo e conta do antigo titular da licenza.
4) O Concello poderá retirar dos espazos públicos e depositar de oficio nun establecemento adecuado, sen necesidade de previo requirimento, a aqueles animais potencialmente perigosos, nos que se aprecie unha situación de abandono ou perigosidade para os usuarios das vías e espazos de uso común, ou que circulen sen a debida protección ou control do seu propietario ou posuidor.
5) Igualmente, o Concello poderá retirar e depositar nun establecemento axeitado aqueles animais potencialmente perigosos, que non dispoñan da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe, ata que se acredite tal circunstancia polo seu titular.
6) A falta de licenza municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos, dará lugar a un único requirimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días, e á retirada e deposito dos animais, nos termos establecidos neste artigo.
CAPÍTULO III.-DO REXISTRO MUNICIPAL
Artigo 10.º.-Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1) Crease o Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, cun tratamento informatizado, no que se fará constar con carácter obrigatorio de acordo co Decreto 90/2000, de 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, a seguinte documentación:
a) Código identificador do animal.
b) Zona de aplicación.
c) Especie.
d) Raza. No cruzamento de primeira xeración, especificarase as razas de procedencia.
e) Sexo.
f) Descrición da capa.
g) Data de nacemento do animal.
h) Dirección habitual do animal.
i) Outros signos identificatorios non definitivos (coma unha tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado anteriormente nun censo municipal).
j) Especificación de se o animal está destinado a convivir con seres humanos ou se teñen finalidades distintas como a garda, defensa ou calquera outra que se indique.
k) Nome e apelidos do propietario do animal.
l) Dirección do propietario do animal.
m) Teléfonos de contacto do propietario do animal.
n) DNI do propietario do animal.
ñ) Nome, dirección, número de colexiado e número de veterinario colaborador que realiza a marcaxe.
o) Data na que se realiza a implantación da identificación e a entrega do documento ó propietario.
p) Data de alta no rexistro.
q) Certificado sanitario, expedido por un veterinario, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que o poidan facer potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puideran estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.
r) Cartilla sanitaria actualizada nos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na cartilla sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.
s) Copia da licenza municipal de tenencia de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario. Acompañarase de copia da póliza que xustifique ter formalizado o seguro de responsabilidade civil.
t) Datos do centro de adestramento, se fose o caso.
u) Incidentes de agresión, se fose o caso.
2) Os propietarios dos animais serán os responsables de identificar os animais e de sufragar os gastos que isto ocasione, independentemente do lugar de residencia das devanditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.
3) O Rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes no Rexistro. Para estes efectos considerarase, en todo caso, interese lexítimo o que ostenta calquera persoas física ou xurídica que desexe adquirir un animal desas características, así como aquelas que sufriran calquera tipo de agresión polo animal e desexen exercer as accións correspondentes en calquera vía xurisdicional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.
4) En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no Rexistro será de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.
Artigo 11.º.-Inscrición no Rexistro.
1) A inscrición no Rexistro de animais potencialmente perigosos efectuarase de oficio polo Concello trala concesión da licenza municipal regulada no artigo 3 da presente ordenanza.
2) Non obstante, será igualmente obrigatoria a solicitude do interesado, para a inscrición no Rexistro municipal, en sección aberta para tal efecto, cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente perigoso a este Concello, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, debendo proceder á inscrición no prazo máximo de dez días a contar desde o inicio da residencia no municipio.
3) Considerarase que se efectuou un traslado de animal potencialmente perigoso, salvo acreditación expresa do contrario polo interesado, nos casos de cambio de residencia do titular do animal; en tal caso, será preciso a acreditación da obtención da licenza no municipio de orixe anterior, procedendo á renovación da licenza nos casos previstos na presente ordenanza.
4) Das inscricións que se efectúen no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos darase traslado ó órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.
5) Igualmente, nos casos de cambio de residencia dos titulares de animais potencialmente perigosos, sen prexuízo da obriga do interesado de dar conta do traslado do animal; o Concello, notificaralle ó Concello de nova residencia que o interesado posúe un animal potencialmente perigoso.
Artigo 12.º.-Baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1) A baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, efectuarase a petición do interesado, previa acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal.
2) Igualmente, procederá a baixa no Rexistro, no caso de traslado da residencia do titular do animal a un municipio distinto e así quede acreditado, xa sexa a petición do interesado ou de oficio polo Concello.
3) Farase figurar no Rexistro como de titularidade municipal, aqueles animais que foran depositados nas súas instalacións, como consecuencia da recollida na vía pública ou pola perda da licenza do seu anterior titular.
Artigo 13.º.-Sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía.
1) Ó abeiro dos principios de lealdade institucional, cooperación e colaboración previstos no artigo 4 da Lei 30/1992, establécese unha sección local da sección do Rexistro de identificación de animais de compañía, limitada ós cans residentes no termo municipal, que se formará cos datos que para tal efecto se remitan polo Rexistro galego. Cos datos contidos na sección do Rexistro, formarase o 31 de decembro de cada ano, o censo ó que se refire o artigo 27 do Decreto 153/1998.
2) Neste Rexistro, farase consta-la información contida no apartado 5 do artigo 5 do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, e que se recollen tamén, nas letras que van da a) á s) do apartado 1 do artigo 10 desta Ordenanza.
Artigo 14.º.-Circulación e permanencia de cans nas vías públicas e locais.
1) Nas vías públicas e nos espazos naturais protexidos, os cans irán suxeitos con cadea ou correa.
2) Os cans guía, poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos, sempre que vaian acompañados polo seu dono e cumpran as condicións hixiénicas, sanitarias e de seguridade que prevén as ordenanzas.
3) Queda expresamente prohibida a entrada ou estadía de animais domésticos en toda clase de locais destinados á fabricación, almacenamento, transporte, venda ou manipulación de alimentos.
4) Queda prohibida a entrada ou estadía de animais domésticos en restaurantes, bares, cafeterías e similares.
5) Prohíbese a circulación ou a estadía de cans e outros animais nas piscinas públicas e locais de espectáculos públicos, deportivos e culturais e nos recintos escolares.
6) Os titulares destes locais deberán colocar na entrada dos establecementos e en lugar visible o sinal identificativo desta prohibición.
7) Quedan exentos das prohibicións anteriores os cans guía que acompañen a persoas invidentes.
8) Nas praias do concello, prohíbese a circulación e permanencia de cans durante o período de baño e nos horarios de uso da praia.
9) Queda prohibido deixa-las deposicións fecais dos cans nas vías públicas. Os propietarios de cans son responsables de recoller os excrementos e depositalos en bolsas de lixo domiciliario, ou nos lugares que a autoridade municipal destine expresamente a esta finalidade.
10) Queda expresamente prohibido que os cans accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio.
11) Prohíbese lavar animais na vía pública e fontes, así como darlles de beber auga directamente das billas das fontes públicas.
12) Consonte ó establecido no artigo 12, apartado 5, do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, os cans catalogados como potencialmente perigosos que circulen polas vías públicas, lugares e espazos de uso público en xeral, irán atados con cadea ou correa non extensible, dunha lonxitude que non supere os dous metros, provistos da correspondente buceira homologada e axeitada para a súa raza, e en ningún caso, poderán ser levados por un menor de 16 anos.
CAPÍTULO IV.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 15.º.-Infraccións.
1) As infraccións que se cometan contra o que dispón esta ordenanza, clasifícanse en moi graves, graves e leves.
2) Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves, as previstas no artigo 13.1 da Lei 50/1999, de 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 22 da Lei 1/1993, de 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia.
3) Terán a consideración de infraccións administrativas graves, as previstas no artigo 13.2 da Lei 50/1999, de 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, de 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia.
4) Son infraccións administrativas leves, o incumprimento de calquera das obrigas establecidas neste Ordenanza, así como das establecidas no artigo 13.4 da Lei 50/1999, de 23 de decembro, do Estado, e das establecidas no artigo 20 da Lei 1/1993, de 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia; que non estean comprendidas nos parágrafos anteriores e nas que a competencia corresponda ó Concello, consonte ó previsto no artigo 20.3 a) do Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia.
Artigo 16.º.-Sancións.
1) As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multas e as contías correspondentes serán as fixadas no artigo 13.5 da Lei 50/1999, do Estado, e no artigo 24 da Lei 1/1993, da comunidade autónoma de Galicia.
2) En todo caso, as infraccións graves e moi graves tipificadas no artigo anterior desta ordenanza, poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, comiso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licenza para tenza de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.
Artigo 17.º.-Responsable.
1) Considéranse responsables das infraccións aquelas persoas que por acción ou omisión participasen na comisión das infraccións, o propietario ou posuidor dos animais, ou no seu caso, o titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, tamén, o encargado do transporte.
Artigo 18.º.-Procedemento sancionador.
1) O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na Lei 50/1999, de 23 de decembro, así como pola Lei 30/92, de 26 de novembro, e normas de desenvolvemento.
Artigo 19.º.-Exercicio da potestade sancionadora.
1) Os órganos competentes para sancionar, de acordo co artigo 24.2 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, serán:
a) Por infraccións leves, o alcalde.
b) Por infraccións graves, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.
c) Por infraccións moi graves, o conselleiro de Medio Ambiente.
2) A incoación e tramitación dos expedientes de infraccións tipificadas como leves, correspóndelle ao Concello.
Non obstante, o alcalde daralle a coñecer ó director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.
3) Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o alcalde poderá retirar ou custodiar un animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.
DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA
Quedan excluídos da obriga da obtención de licenza municipal aqueles exemplares caninos que fosen obxecto de adestramento baixo a supervisión directa da ONCE, e sexan destinados a guía de persoas invidentes.
DISPOSICIÓN FINAL
Esta ordenanza, entrará en vigor coa súa publicación íntegra no diario oficial correspondente e transcorrido o prazo establecido no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, e continuará en vigor ata a súa derogación expresa polo concello.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.