CAPÍTULO I
LICENZAS URBANÍSTICAS
Sección 1ª. Actos suxeitos e réxime xurídico das licenzas
Artigo 9. Actos suxeitos a licenza
Estarán suxeitos a licenza municipal previa os actos de ocupación, construción, edificación e uso do solo e do subsolo seguintes:
a) As obras de edificación de nova construción, agás aquelas construcións de escasa entidade construtiva e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nunha soa planta.
b) As intervencións de carácter total sobre os edificios existentes ou as parciais que produzan unha variación esencial da composición xeral exterior, a volumetría ou o conxunto do sistema estrutural, ou teñan por obxecto cambiar os usos característicos do edificio.
c) As intervencións en edificios declarados bens de interese cultural ou catalogados polas súas singulares características ou valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos ou paisaxísticos.
d) As demolicións.
e) Os muros de contención de terras.
f) Os grandes movementos de terras e as explanacións.
g) As parcelacións, segregacións e outros actos de división de terreos en calquera clase de solo, cando non formen parte dun proxecto de compensación ou reparcelación.
h) A primeira ocupación dos edificios.
i) A localización de casas prefabricadas e instalacións similares, xa sexan provisionais ou permanentes.
j) A corta de masas arbóreas ou de vexetación arbustiva en terreos incorporados a procesos de transformación urbanística entendendo por estes aqueles terreos incluídos nos ámbitos de Solo Urbanizable ou Apto para Urbanizar, de Solo Urbano Non Consolidado ou de Solo de Núcleo Rural sometido a actuación de carácter integral.
k) Calquera outro acto que se sinale a través dunha disposición legal.
Artigo 10. Finalidade das licenzas urbanísticas
1. A licenza urbanística ten por finalidade comprobar que os actos relacionados no artigo anterior se axustan ao ordenamento urbanístico vixente, se o aproveitamento proxectado se axusta ao susceptible de apropiación e se as obras e usos proxectados reúnen as condicións esixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade.
2. Non se poderá iniciar a execución das obras ou dos actos pretendidos en tanto non se obteña a preceptiva licenza.
Artigo 11. Alcance do control municipal
A intervención municipal a través da licenza urbanística non comprende o control dos aspectos técnicos relativos á seguridade estrutural das construcións, ás condicións de montaxe das instalacións ou á calidade dos elementos ou materiais empregados, sendo responsabilidade en exclusiva do proxectista, da dirección técnica, da promotora ou da empresa construtora ou instaladora.
Sección 2ª. Procedemento para o outorgamento de licenzas urbanísticas
Artigo 12. Solicitude de licenza
1. Os procedementos de tramitación das distintas licenzas urbanísticas iniciaranse mediante solicitudes cuxos modelos oficiais se incorporan como Anexos a esta Ordenanza.
A estas solicitudes acompañarase a documentación correspondente en cada caso que se relaciona igualmente nos Anexos desta Ordenanza.
2. A presentación das solicitudes e documentación requirida deberá efectuarse a través de calquera dos rexistros sinalados no artigo 38-4 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou telematicamente a través da sede electrónica municipal.
Se a presentación da solicitude e o resto da documentación se efectúa en soporte papel o proxecto técnico que se achegue, se é que este fose necesario, terase que presentar tamén e en todo caso nun soporte dixital en formato PDF.
3. No acto de presentación da solicitude os servizos municipais verificarán a integridade da documentación achegada dende o punto de vista formal comprobando se esta é a esixida, sen analizar ou valorar o seu contido.
4. Cando se precise para a solicitude de licenza proxecto técnico este será completo entendendo por tal o que conteña o contido tanto do chamado proxecto básico como o de execución.
Artigo 13. Tramitación
1. As solicitudes de licenzas urbanísticas tramitaranse de acordo coa lexislación reguladora do procedemento administrativo común coas especialidades contidas na lexislación local, na urbanística e na sectorial e coas contidas na presente Ordenanza Municipal.
2. A solicitude de licenza só comezará a producir efectos dende o momento en que o correspondente escrito coa documentación completa esixida en cada caso tivese entrada no rexistro municipal.
Artigo 14. Emenda de deficiencias e mellora da solicitude
1. Se os servizos municipais detectasen omisións, deficiencias ou imprecisións na solicitude ou na documentación presentada, xa no momento da súa presentación xa posteriormente, requirirase ao solicitante para que no prazo de dez días complete, emende ou aclare aquelas, con indicación de que se así non o fixese se lle terá por desistido da súa petición, consonte o previsto na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.
2. O cómputo do prazo máximo para ditar resolución suspenderase polo requirimento para a emenda de deficiencias polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento polo destinatario.
3. Se o requirimento non se leva a cabo de forma completa ou se efectúa de maneira insuficiente poderase realizar un segundo requirimento sobre as deficiencias non corrixidas cuxa non emenda adecuada no prazo de novo concedido provocará a declaración de desistencia do peticionario sen que haxa lugar a máis requirimentos.
Artigo 15. Modificacións do acto para o que se solicita licenza
Se antes de que se concedese a licenza se pretendesen modificacións no proxecto técnico ou documentación presentada e estas modificacións alterasen determinacións da actuación pretendida que afectasen ao aproveitamento urbanístico, altura, ocupación en planta, forma e posición do edificio na parcela, estrutura, número de vivendas, usos, accesibilidade, habitabilidade ou afectación ao contorno, o interesado deberá, previa desistencia da licenza solicitada, solicitar unha nova licenza que se tramitará de acordo coa normativa vixente na data da nova solicitude.
Artigo 16. Autorizacións sectoriais
1. As actuacións que se pretendan realizar en terreos, construcións ou instalacións que precisen, ademais da licenza municipal, de autorizacións ou informes sectoriais doutras entidades ou administracións públicas conforme á normativa sectorial de aplicación, necesitarán do seu previo achegamento para a concesión, se procede, da correspondente licenza urbanística.
2. No caso de que non se presente a preceptiva autorización ou informe sectorial o procedemento de tramitación da solicitude de licenza municipal quedará en suspenso polo tempo que medie entre a notificación do seu requirimento e a súa efectiva presentación.
Este prazo de suspensión no poderá exceder en todo caso de tres meses. Transcorrido ese prazo sen que se teñan achegado as autorizacións ou informes sectoriais pertinentes acordarase, previa a súa advertencia, o arquivo das actuacións e declararase a caducidade do procedemento.
3. A mesma suspensión do procedemento producirase cando sexa este Concello o que ante unha solicitude de licenza urbanística deba solicitar autorizacións ou informes sectoriais a outras administracións públicas de acordo coa lexislación sectorial de aplicación e polo tempo que medie entre a petición e a recepción da autorización ou informe.
Artigo 17. Informes
Á vista da documentación presentada e de conformidade coa normativa urbanística de aplicación, os servizos municipais emitirán informe técnico sobre o uso e a obra proxectada e posteriormente o preceptivo informe xurídico.
Artigo 18. Cesión de terreos
1. Antes de emitirse proposta de resolución favorable para a concesión de licenza de calquera tipo de obra ou de actividade en solos urbanos consolidados que non teñan a condición de soar nin regularizadas as vías públicas o propietario deberá ceder gratuitamente ao Concello de Cambre os terreos destinados a vías fóra das aliñacións establecidas no planeamento, previa segregación dos mesmos se fose necesario. Esta mesma obriga deberá cumprirse antes da presentación dunha comunicación previa urbanística ou de actividade, no caso de que se dean os mesmos elementos de feito.
2. Igualmente esta obriga do propietario terá lugar nos solos de núcleo rural cando se pretendese construír unha nova edificación ou substituír a existente.
3. Esta cesión, unha vez aceptada polo Concello de Cambre, formalizarase en escritura pública que será presentada nas dependencias municipais con constancia da súa inscrición no Rexistro da Propiedade.
Artigo 19. Resolución
1. Completo o expediente e formulada proposta de resolución esta elevarase ao órgano competente para a resolución que poñerá fin ao procedemento.
A resolución poderá adoptar unha das seguintes formas: concesión pura e simple da licenza, concesión da licenza condicionada ao cumprimento de determinados requisitos ou denegación da licenza.
Toda resolución que denegue licenza deberá ser debidamente motivada con explícita referencia ás normas ou determinacións do planeamento que se incumpran.
2. As peticións de licenza resolveranse no prazo de tres meses contado dende a presentación da solicitude coa documentación completa no rexistro do Concello, agás as peticións de licenza para división de terreos que non sexan parcelacións urbanísticas, para a primeira ocupación de edificios e para a corta de masas arbóreas ou de vexetación arbustiva ás que se refiren os apartados g), h) e j) do artigo 9 desta Ordenanza, que se resolverán no prazo dun mes contado dende o mesmo momento, sempre que non se establezan outros prazos por disposición legal.
3. Transcorridos os prazos sinalados no apartado anterior para resolver as solicitudes de licenza, coas suspensións legalmente procedentes, sen que se adopte resolución municipal expresa operará o réxime do silencio administrativo na forma legalmente establecida.
En ningún caso se entenderán adquiridas por silencio administrativo positivo licenzas en contra da normativa ou do planeamento urbanístico.
Artigo 20. Licenzas condicionadas a completar a urbanización
1. As licenzas de edificación de nova planta ou de ampliación ou reforma de edificios existentes que se soliciten para terreos urbanos consolidados que aínda non tivesen a condición de soar ou que sendo de núcleo rural precisen de obras de acometida ás redes de servizos existentes ou de urbanización outorgaranse cando se asegure a execución simultánea da urbanización e da edificación.
2. Con carácter previo ao outorgamento da licenza deberá constituírse unha garantía por importe do 100% do custo das obras de urbanización pendentes e/ou do custo previsible de reposición das existentes que puidesen resultar afectadas con motivo da obra que se determinarán no propio proxecto técnico da edificación ou nun anexo ao mesmo.
Esta garantía devolverase no mesmo acto de outorgamento da licenza de primeira ocupación, quedando a súa concesión supeditada a que se tivesen executado total e satisfactoriamente as obrigas garantidas.
No caso de obras para as que non é necesaria a licenza de primeira ocupación, a garantía devolverase tras a comunicación por parte do interesado da terminación das obras coa presentación de certificado final de obra de técnico competente sempre que se tivesen cumprido total e satisfactoriamente as obrigas garantidas.
Artigo 21. Extinción e caducidade das licenzas
1. As licenzas urbanísticas extinguiranse polos seguintes motivos:
a) Por caducidade.
b) Por renuncia do titular comunicada por escrito ao Concello e declarada por este.
c) Por resolución xudicial ou administrativa a través dos procedementos de revisión de oficio regulados na lexislación administrativa que as anule.
2. As licenzas urbanísticas outorgaranse con suxeición a un prazo determinado de caducidade tanto para o inicio como para a finalización das obras, así como para a súa interrupción.
O prazo máximo para o inicio das obras é o de seis meses e para a súa terminación o de dous anos, contados a partir da data da notificación da resolución de concesión da licenza, non podendo interromperse as obras por un tempo superior a seis meses.
3. Os referidos prazos poderán prorrogarse a solicitude do titular da licenza sempre que sexa formulada antes da súa conclusión e sempre que a licenza sexa conforme coa ordenación urbanística vixente no momento da concesión da prórroga.
En calquera caso, a prórroga concederase por un prazo non superior ao inicialmente acordado.
4. Unha vez transcorridos e incumpridos calquera dos prazos mencionados anteriormente declararase a caducidade da licenza polo órgano competente para concedela, previa audiencia ao interesado.
5. A declaración de caducidade extinguirá a licenza non podéndose iniciar nin proseguir as obras salvo para traballos de seguridade e mantemento dos que se dará conta ao Concello para o seu control.
Declarada a caducidade da licenza poderá solicitarse pola persoa interesada unha nova licenza que se tramitará de conformidade coa normativa urbanística vixente na data da nova solicitude.
Sección 3ª. Execución das obras
Artigo 22.- Comunicación de empresa construtora
Antes do comezo das obras o titular da licenza comunicará ao Concello o nome e domicilio social da empresa construtora das mesmas. Se cambiase a empresa encargada da realización das obras o titular da licenza igualmente deberá comunicar tal circunstancia á Administración municipal.
Artigo 23.- Sinalización de aliñacións e rasantes
1. No caso de obras de edificación de nova construción, de ampliación de edificios existentes que alteren a ocupación en planta, de muros de contención e de instalacións de casas prefabricadas e instalacións similares ás que se refire o artigo 9 desta Ordenanza será condición indispensable para o comezo das obras que unha vez concedida a pertinente licenza se proceda á sinalización de aliñacións e rasantes previa a súa solicitude polo interesado.
2. A solicitude de aliñacións e rasantes irá acompañada dun plano por triplicado da situación dos terreos a escala 1:500 con todos os seus datos acoutados e os do contorno máis próximo.
3. As aliñacións e rasantes ás que se deberá de axustar a construción, ampliación ou instalación serán sinaladas na acta de replanteo.
No acto de sinalización de aliñacións e rasantes, que se efectuará no día e hora sinalado polos servizos técnicos municipais da Área de Urbanismo, concorrerán un técnico municipal, o titular da licenza de obra e o técnico director da mesma. Estes mesmos subscribirán a continuación a acta de replanteo por triplicado, así como o plano acoutado a escala 1:500 que será achegado coa mesma.
Artigo 24. Documentación no lugar da obra e cartel indicador
1. Será requisito indispensable en todas as obras dispoñer, a pé de obra, de copia autorizada da licenza municipal e de copia autorizada da acta de replanteo para aquelas obras en que se necesite, de conformidade co apartado 1 do artigo 23 desta Ordenanza.
2. Ademais do indicado no apartado anterior, nas obras de edificación de nova construción e nas intervencións en edificios existentes que requiran de licenza municipal será tamén requisito indispensable a colocación a pé de obra dun cartel indicador que sexa visible dende a vía pública, coas dimensións de 110 cm de ancho por 80 cm de alto e co contido que se indica no esquema seguinte:
CONCELLO DE CAMBRE
¿ Nº EXPEDIENTE DA LICENZA DE OBRA:
¿ DATA EXPEDICIÓN DA LICENZA:
¿ ORDENANZA DE APLICACIÓN:
¿ PROMOTOR:
¿ CONSTRUTOR:
¿ DIRECTOR DE OBRA:
¿ DIRECTOR DE EXECUCIÓN MATERIAL:
¿ Nº PLANTAS AUTORIZADAS:
¿ USOS:
¿ PRAZO MÁXIMO DE EXECUCIÓN:
3. O cartel será un taboleiro hidrófugo con fondo en branco e o texto negro perfectamente visible.
Artigo 25. Modificacións das obras amparadas en licenza
1. Se durante a execución das obras se previsen o producisen variacións que alterasen o proxecto técnico ou a documentación sobre os que se baseou a licenza outorgada nalgún dos parámetros relacionados no artigo 15 desta Ordenanza, o titular estará obrigado a solicitar unha nova licenza que as ampare.
2. As modificacións de detalle que durante a execución das obras non alteren os parámetros urbanísticos da licenza outorgada relacionados no artigo 15 desta Ordenanza, deberán documentarse cunha memoria e, de ser o caso, planos que se achegarán xunto á solicitude da licenza de primeira ocupación, se esta fose necesaria, ou directamente unha vez concluídas as obras e nos que quedarán perfectamente recollidas, descritas e identificadas as variacións de detalle introducidas.
Sección 4ª. Terminación das obras
Artigo 26. Obrigas do titular da licenza ao concluír as obras
1. Dentro dos dez días seguintes á conclusión dunha obra o titular da licenza deberá:
¿ Retirar os materiais sobrantes e os andamios, valos e barreiras.
¿ Construír ou repoñer o piso definitivo das beirarrúas.
¿ Repoñer ou reparar o pavimento da calzada ou praza, arboredo ou zona verde, conducións ou redes de servizo e cantos outros elementos urbanísticos resultasen afectados polas obras de construción, e non estivesen xa repostos ou reparados.
Subsidiariamente destas obrigas responderá o propietario do solo no que fose executada a obra se non coincide co titular da licenza.
2. Nos casos de obras de edificación de nova construción sometidas a licenza e nos casos de intervencións de carácter total ou parcial en edificios existentes sometidos igualmente a licenza o titular da mesma deberá solicitar a preceptiva licenza de primeira ocupación unha vez concluídas as obras.
Artigo 27. Licenza de primeira ocupación
1. A licenza de primeira ocupación esixirase para a utilización dos edificios aos que se refire o apartado 2 do artigo 26 desta Ordenanza.
2. A licenza de primeira ocupación ten como obxecto comprobar que as obras están completamente terminadas e se axustan á licenza de obras outorgada así como as condicións que se puidesen impoñer na mesma e que, no seu caso, o promotor cumpriu o compromiso de realizar simultaneamente e de acordo ao proxecto de urbanización ou proxecto técnico a urbanización esixida.
3. O titular da licenza de obras solicitará a licenza de primeira ocupación acompañando á súa solicitude o certificado final da obra e, no seu caso, da urbanización expedido por técnico competente no que conste que as obras están completamente terminadas e que se axustan á licenza outorgada ou, no seu caso, ao proxecto de urbanización.
Igualmente acompañarase á dita solicitude xustificante de ter solicitada a alta no Catastro.
4. Comprobada a documentación achegada, polos servizos técnicos municipais procederase a inspeccionar as obras de edificación e, no seu caso, de urbanización executadas.
En ningún caso se poderá conceder licenza de primeira ocupación a ningunha edificación se a obra urbanizadora esixida non está debidamente concluída e por iso apta para a súa recepción.
A concesión da licenza de primeira ocupación implicará a previa ou simultánea recepción da obra urbanizadora que no seu caso se tivese que executar.
5. Se se comproba que as obras de edificación ou urbanización non se encontran completamente finalizadas ou non se cumpriron as obrigas de reposición relacionadas no artigo 26.1 desta Ordenanza suspenderase o procedemento e requirirase a execución das obras necesarias para a correcta finalización das mesmas.
6. A terminación das obras sen axustarse aos termos da licenza concedida ou, no seu caso, do proxecto de urbanización aprobado dará lugar a denegación da licenza de primeira ocupación e á incoación do pertinente procedemento para a reposición da legalidade infrinxida, sen prexuízo da incoación do procedemento sancionador correspondente.
7. Para a conexión dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, electricidade, gas, telefonía ou outro servizo propio de edificacións será necesaria a concesión da licenza de primeira ocupación. En base a isto, as empresas ou entidades subministradoras de tales servizos esixirán a licenza de primeira ocupación para a contratación dos mesmos.
O Concello de Cambre, previa audiencia ao interesado, poderá ordenar o corte da subministración contratado sen a existencia previa da licenza de primeira ocupación.
CAPITULO II
COMUNICACIÓNS PREVIAS URBANÍSTICAS
Sección 1ª. Actos suxeitos e réxime xurídico
Artigo 28. Actos suxeitos a comunicacións previas urbanísticas
1.- Están suxeitos ao réxime de intervención municipal de comunicación previa todos os actos de ocupación, construción, edificación e do uso do solo e do subsolo non suxeitos a licenza, e polo tanto non relacionados no artigo 9 da presente Ordenanza, ademais, e en todo caso, dos que así se establezan nas leis.
2.- Tamén se someten ao réxime de comunicación previa os cambios de titularidade de calquera acto de uso do solo ou subsolo xa sexa autorizado por licenza urbanística ou por comunicación previa, debendo de comunicalo por escrito ao Concello quen vaia exercer a nova titularidade.
Artigo 29. Efectos da presentación da comunicación previa
1. A presentación dunha comunicación previa constitúe título habilitante para o inicio dos actos do uso do solo ou do subsolo que se comunican unha vez que transcorra o prazo de quince días hábiles contado a partir da data da súa entrada, con toda a documentación completa, no Rexistro Municipal, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección por parte do Concello de Cambre.
2. Dentro do prazo dos quince días hábiles sinalado no apartado anterior o Concello de Cambre poderá declarar completa a documentación presentada ou requirir a emenda das deficiencias que presente, en cuxo caso quedará sen efecto dito prazo para o inicio das obras que se reiniciará unha vez presentada a documentación requirida ou coas deficiencias emendadas.
3. A presentación dunha comunicación previa non producirá efectos nos seguintes casos:
a) Cando a comunicación previa se presente sen os documentos que a teñen que acompañar e que se relacionan nos Anexos da presente Ordenanza para cada caso ou sen a cesión de solo a que se refire o apartado 1 do artigo 18 da presente Ordenanza.
b) Cando o acto pretendido que se comunica ao Concello está suxeito a licenza municipal.
c) Cando para a execución das obras fosen preceptivos informes ou autorizacións previas doutros organismos públicos que non se achegan no momento de presentar a comunicación.
d) Cando a actuación pretendida sexa contraria á normativa de aplicación.
4. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se acompañe á comunicación previa comportará, logo da audiencia ao interesado, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e a imposibilidade de iniciar ou de continuar co exercicio do dereito a executar as obras dende o momento no que se coñeza, sen prexuízo das responsabilidades administrativas, penais ou civís a que houbese lugar.
Artigo 30. Responsabilidades
1. Os técnicos asinantes da documentación técnica que se acompaña a unha comunicación previa son responsables da súa calidade e do seu axuste ás normas que sexan aplicables en cada caso.
2. Os técnicos asinantes de certificacións ou declaracións que se acompañan a unha comunicación previa serán responsables da exactitude e da veracidade do seu contido.
3. O titular dos dereitos derivados dunha comunicación previa está obrigado a executar as obras nas condicións contidas na documentación presentada.
Artigo 31. Alcance do control inicial da comunicación previa
1. No prazo dos quince días hábiles seguintes ao da presentación dunha comunicación previa urbanística a actuación municipal circunscribirase estritamente á comprobación da integridade formal e da suficiencia legal da documentación presentada para poder declarar a mesma completa aos efectos de poder iniciar as obras comunicadas, pero non implicará análises sobre o seu contido nin comprobación do cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa e o planeamento urbanístico que se realizarán posteriormente, sen prexuízo de que se poidan realizar igualmente no dito prazo.
2. En ningún caso a intervención municipal sobre a comunicación previa controlará os aspectos técnicos relativos á seguridade estrutural das construcións, ás condicións de montaxe das instalacións ou á calidade dos elementos ou materiais empregados, cuxa responsabilidade é exclusiva do proxectista, da dirección técnica, do promotor ou da empresa construtora ou instaladora.
Sección 2ª. Procedemento de comunicacións previas urbanísticas
Artigo 32. Regulación do procedemento
Os actos de control e intervención da administración municipal nos supostos previstos no artigo 28 da presente Ordenanza axustaranse ao seguinte procedemento:
a) A comunicación previa efectuarase no modelo normalizado que se incorpora como Anexo a esta Ordenanza e deberá vir acompañada da documentación completa que para cada actuación se especifique igualmente nos Anexos da presente Ordenanza.
b) A comunicación previa formularase a instancia de calquera persoa interesada en iniciar unha obra ou a través de representante autorizado, e poderase presentar en calquera dos rexistros sinalados no artigo 38-4 da Lei 30/1992, de Réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común ou telemáticamente a través da sede electrónica municipal.
c) A presentación do impreso normalizado acompañado de todos os documentos esixidos na presente Ordenanza no Rexistro Municipal de Cambre, determinará a iniciación do procedemento, rexéndose esta, así como a ordenación, instrución e terminación do dito procedemento polas disposicións do Titulo VI da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou norma que a substitúa.
d) O promotor dos actos de uso do solo e do subsolo deberá comunicar ao Concello de Cambre a intención de levalos a cabo cunha antelación mínima de quince días hábiles ao da data na que pretenda levar a cabo ou comezar a súa execución.
Artigo 33. Tramitación da comunicación previa urbanística
Presentada a comunicación previa a súa tramitación axustarase ás seguintes regras:
1. Cando a actuación comunicada posúa toda a documentación esixida, a comunicación previa producirá plenos efectos xurídicos, polo que, unha vez transcorrido o prazo de quince días hábiles sinalado no apartado 1 do artigo 29 desta Ordenanza, será título habilitante para o inicio dos actos de uso do solo e do subsolo suxeitos a ela, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección.
Neste caso achegarase á comunicación previa dilixencia da dependencia administrativa instrutora pola que se declarará completa a documentación presentada o que permitirá que os técnicos municipais comproben o seu contido e o cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa de aplicación e poidan cursar visita de inspección á obra para comprobar se se axusta á documentación presentada e á normativa aplicable.
2. Cando a comunicación presentada e/ou a documentación que con ela se acompaña sexa insuficiente ou incorrecta, dentro do prazo dos quince días seguintes á súa presentación, requirirase á persoa interesada para que se absteña de iniciar á súa actuación concedéndoselle un prazo de dez días para a emenda das deficiencias detectadas, con indicación de que se así non o fixese se lle terá por desistido da súa comunicación arquivándose o expediente sen máis trámite consonte ao previsto na lexislación reguladora do procedemento administrativo común, e sen prexuízo, no seu caso, da tramitación dos correspondentes procedementos de reposición da legalidade e sancionador.
Neste caso o prazo de quince días para o inicio da obra quedará sen efecto debendo reiniciarse como sinala o artigo 29.2 desta Ordenanza.
3. Transcorrido o prazo de quince días hábiles dende a presentación da comunicación previa sen que se requira ao interesado a corrección de posibles deficiencias que puidesen existir, poderanse iniciar as obras comunicadas, sen que a inactividade da Administración implique emenda dos defectos ou irregularidades que presente o contido da comunicación ou da documentación que se lle achega nin os que poida presentar a obra ou a actuación obxecto de comunicación.
4. Se unha vez declarada completa a documentación presentada e trasladada aos técnicos municipais para a súa comprobación se detectase que o contido desta non se axusta á normativa de aplicación ou ao planeamento urbanístico en vigor ditarase resolución notificando esta circunstancia ao comunicante e indicando que debe absterse de iniciar a obra ou, no seu caso, que debe suspender de inmediato a súa execución, incoándose expediente de reposición da legalidade coa audiencia ao interesado pertinente.
Artigo 34. Autorizacións sectoriais
As actuacións que se pretendan realizar en terreos, construcións ou instalacións que precisen de autorizacións ou informes sectoriais doutras entidades ou administracións públicas, conforme á normativa sectorial de aplicación, necesitarán do seu achegamento coa comunicación previa que se presente.
Nos supostos nos que non se presente a preceptiva autorización ou informe sectorial a comunicación previa non producirá efecto algún non podéndose por isto iniciar a obra pretendida.
Artigo 35. Prazos para executar as obras
1. As obras que se comunican deberán iniciarse no prazo máximo de seis meses contado a partir do día seguinte a aquel no que finalice o prazo de quince días sinalado no apartado 1 do artigo 29 da presente Ordenanza e deberán ser finalizadas no prazo máximo dun ano contado a partir da mesma data.
2. Os referidos prazos poderán prorrogarse a través dunha nova comunicación na que así se indique sempre que sexa formulada antes da conclusión dos mesmos e sempre que as obras sexan conformes coa ordenación urbanística vixente no momento no que se comunique a prórroga do prazo.
En calquera caso, a prórroga non poderá ser por prazos superiores aos establecidos no apartado anterior para o comezo e finalización das obras.
Artigo 36. Extinción e caducidade das comunicacións previas urbanísticas
1. O título habilitante para o exercicio dos dereitos derivados das comunicacións previas extinguirase polas mesmas causas que as establecidas para as licenzas urbanísticas.
No caso da colocación de carteis ou valos publicitarios o título habilitante extinguirase aos dous anos contados a partir do día seguinte a aquel no que finalice o prazo de quince días sinalado no apartado 1 do artigo 29 da presente Ordenanza. Este prazo poderase prorrogar por outro período de igual duración logo dunha nova comunicación previa que así o indique que se presentará antes da conclusión de aquel, e sempre que a instalación sexa conforme coa ordenación urbanística vixente no momento no que se comunique a prórroga do prazo. Terminada a vixencia desta instalación o seu promotor deberá desmontar a mesma no prazo máximo dun mes.
2. Unha vez transcorridos e incumpridos calquera dos prazos mencionados no artigo anterior declararase a caducidade da comunicación previa, previa audiencia ao interesado.
3. A declaración da caducidade extinguirá os efectos da comunicación previa, non podéndose iniciar nin proseguir as obras salvo para traballos de seguridade e mantemento dos que se dará conta ao Concello para o seu control.
Declarada a caducidade da comunicación previa poderá presentarse pola persoa interesada unha nova que se tramitará de conformidade coa normativa e ordenación urbanística vixentes na data da nova presentación.
Seccion 3ª. Execución das obras
Artigo 37. Aliñacións de cerramentos
Se as obras que se comunican se refiren á construción de cerrados de parcela que lindan coa vía pública, antes do inicio da obra deberá solicitarse polo interesado na Área de Urbanismo deste Concello que se fixe sobre a parcela a aliñación e o recuamento do cerrado con respecto á vía pública. Para tales efectos levantarase unha acta de replanteo que se subscribirá por duplicado polo comunicante da obra e un técnico municipal da dita Área de Urbanismo.
Artigo 38. Documentación no lugar da obra
Será requisito indispensable en todas as obras dispor, a pé de obra, de copia autorizada da comunicación previa co selo do rexistro de entrada municipal e de copia autorizada da acta de replanteo para as obras ás que se refire o artigo anterior desta Ordenanza.
Artigo 39. Modificacións na execución das obras comunicadas
As características e dimensións das obras que se executen non excederán das comunicadas, considerándose como infracción urbanística calquera extralimitación na que se incorra. Cando se pretendan realizar modificacións durante a execución da obra deberase comunicar de novo tal feito ao Concello, cos mesmos requisitos da comunicación inicial.
Artigo 40. Obrigas do comunicante das obras
1. A comunicación previa de obras non supón autorización para a ocupación da vía pública ou outros espazos públicos con materiais de construción, andamios, maquinaria, grúas ou calquera ferramenta ou instrumento xa que isto deberá ser obxecto da correspondente solicitude de licenza para a súa autorización, se procede.
2. Dentro dos cinco días seguintes á conclusión dunha obra o comunicante da mesma deberá:
¿ Retirar os materiais sobrantes e os andamios, valos e barreiras.
¿ Repoñer ou reparar o pavimento das beirarrúas, calzada ou praza, arborado ou zona verde, conducións ou redes de servizo e cantos outros elementos urbanísticos resultasen afectados polas obras executadas se non os houbese xa reposto ou reparado.
Subsidiariamente destas obrigas responderá o propietario do solo no que fose executada a obra se non coincide co comunicante da mesma.