Consorcio as Mariñas - REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DOS SERVIZOS DE LACERÍA, CANCERÍA, SACRIFICIO E XESTIÓN FINAL DE CADÁVERES DE ANIMAIS DOMÉSTICOS E SALVAXES EN CATIVIDADE NO TERRITORIO DO CONSORCIO AS MARIÑAS

Publicación provisional: 27/04/2015 BOP Nº: 77
Publicación definitiva: 19/08/2015 BOP Nº: 157
Aplicable dende: 19/08/2015

1.-OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

Constitúe o obxecto do presente Regulamento a formulación dun conxunto de normas encamiñadas á planificación das prestacións e actividades a desenvolver dentro dos servizos públicos de lacería, cancería, sacrificio e xestión final de cadáveres de animais domésticos e de compañía (cans e gatos) no ámbito territorial do Consorcio As Mariñas e concretamente nos Municipios adheridos a este servizo a través deste Consorcio. Definicións:

* Animais Domésticos: Son todos aqueles animais que tendo pasado polo proceso de domesticación, están baixo a tutela do home, do cal dependen para a súa supervivencia. Desta definición se exclúen todos os animais exóticos.

* Animais de Compañía: Son animais de compañía aqueles domésticos ou silvestres que conviven co home por pracer e compañía sen ánimo de lucro. O concepto de animal de compañía se estende tamén ós animais da fauna non autóctona que permanecen xunto ó home en réxime de cativerio.

* Animal Exótico Doméstico: animal da fauna non autóctona que de forma individual vive coas persoas, asumida a costume do cativerio.

* Animal Abandonado: é o animal domestico ou asimilable a doméstico que non leva ningunha identificación referente ó seu orixe ou acerca do seu propietario, nin vaia acompañado de persoa algunha.

2.-TIPOLOXIA DOS SERVIZOS PRESTADOS

Son fundamento do presente Regulamento a prestación dos seguintes servizos:

2.1. Lacería de animais domésticos e de Compañia (cans e gatos) nas vías públicas e en toda a extensión do territorio do Consorcio As Mariñas.

O servizo de lacería abarca a recollida de animais domésticos e de compañía (cans e gatos) que circulen polas vías públicas dentro do ámbito territorial dos concellos adheridos ó servizo de lacería, cancería, sacrificio e xestión final de cadáveres de animais domésticos e de compañía do Consorcio As Mariñas, con inobservancia das prescricións legais ou municipais sobre tenencia, de aqueles que agrediran a persoas ou outros animais, e de aqueles sospeitosos de transmisión de enfermidades infecto-contaxiosas. Isto inclúe a súa recollida, colectiva ou individual, transporte e, no seu caso -finalizados os prazos legais e condicionantes do presente Regulamento- sacrificio e xestión final do cadáver.

2.2. Identificación e saneamento dos animais domésticos recollidos.

Se levarán a cabo as labores de identificación dos propietarios dos animais recollidos e comunicación fidedigna ós mesmos para que procedan á súa retirada, aboando as taxas pertinentes, así como o envío de informes ó Consorcio As Mariñas para proceder, segundo corresponda, ó inicio dos expedientes sancionadores, sempre iniciados pola administración competente. Asemade, o animal será desparasitado, e vacinado, de ser preciso.

2.3. Canceira municipal,

Destinado a fins de recollida, depósito, estancia e custodia incluíndo a alimentación, coidado hixiénico-sanitario dos animais da canceira, así como a conservación, limpeza, mantemento e xestión da canceira e das súas instalacións.

En relación ao seu manexo, os animais deberán ser alimentados con pensos comerciais elaborados en fábricas autorizadas. Ademais deberán poder realizar exercicio, non debendo estar atados, salvo por causas xustificadas e en momentos puntuais. Deberán ter a posibilidade de exercicio diario ao menos unha hora.

2.4. Recollida e transporte de cadáveres de animais domésticos,

A procedencia dos animais domésticos recollidos e transportados, poderá ser tanto das vías públicas como de particulares no ámbito territorial dos Concellos do Consorcio As Mariñas adheridos a este servizo, previo abono da taxa correspondente. Deberá contar a adxudicataria cos medios adecuados e homologados para transporte de animais vivos e mortos e as correspondentes autorizacións administrativas.

Se inclúe a prestación do servizo de eutanasia, mediante procedementos autorizados e baixo o control dun veterinario colexiado, así como a xestión final dos cadáveres. No caso de particulares, deberán abonar nestes casos tamén as correspondentes taxas.

2.5. Adopción de animais de compañía,

Este servizo se realizará mediante a atención de visitas de particulares, o mantemento dos animais en adecuadas condicións hixiénico-sanitarias e a execución dos trámites de adopción de animais segundo a lexislación vixente.

2.6. Sacrificio e xestión final de cadáveres de animais domésticos mortos,

Poderá ser tanto colectiva coma individual, xa sexa nas propias instalacións da concesionaria, no caso de contar con incinerador propio e as pertinentes autorizacións ou a través de xestor autorizado incluíndo o seu transporte, con medios autorizados pola administración competente ou a través de transportista autorizado.

3.- ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DOS SERVIZOS PRESTADOS

O Consorcio As Mariñas exercerá a intervención administrativa, o control, vixilancia e cantas funcións impliquen exercicio de autoridade e sexan da súa competencia. Será obriga do concesionario o mantemento dos axeitados canles de comunicación co Consorcio As Mariñas, Concellos, Policías Locais, Protección Civil, Bombeiros, etc. e a transmisión fluída e periódica de toda a información referente ó servizo que fai referencia o presente Regulamento.

3.1.-SERVIZO DE LACERÍA, TRANSPORTE E RECOLLIDA DE ANIMAIS DOMÉSTICOS

Os traballos realizaranse durante todos os días do ano. Existirá un dispositivo do servizo de lacería de urxencia durante 24 horas os 365 días do ano, coa obriga ó adxudicatario de manter un servizo de garda permanente, que funcionará por aviso ou chamada do Consorcio As Mariñas ou das policías locais dos Concellos integrantes, así como outras autoridades coma Protección Civil, Bombeiros, etc. O servizo de lacería non será, polo exposto, de batida, senón que funcionará trala solicitude dos interesados ou autoridade competente.

Para atención a particulares existirá un horario que será, como mínimo, de luns a sábados de mañá, de 09:00 a 14:00 horas.

Unha vez recollido o animal deberá cubrirse unha ficha individual indicando a súa especie, raza, sexo, idade e todas as particularidades que permitan a súa identificación.

Os animais recollidos serán colocados en zonas independentes, preferentemente illadas do resto, para proceder ó recoñecemento inicial do estado do animal e á súa desparasitación externa e interna. En todo caso, se illarán os animais enfermos dos saudables ata a súa total recuperación. No caso de atoparse animais con enfermidades perigosas ou de alto contaxio ou de non ser posible o illamento necesario, se considerará cos servizos veterinarios o seu sacrificio. Os animais serán vacinados, desparasitados periodicamente seguindo a cartilla sanitaria de vacinacións indicada polos servizos veterinarios.

Corresponderá ó facultativo veterinario, con independencia doutras atribucións xa contempladas ou requiridas por outros organismos competentes, o control hixiénico e a vixilancia sanitaria das instalación e dependencias da Canceira, debendo entre outras medidas:

- Comprobar o estado sanitario dos animais.

- Inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias das instalación e dependencias da canceira.

- Levantar actas como consecuencia das inspeccións dos animais e instalacións.

- Levar o control das vacinacións, desparasitacións e chipeado en cada caso.

- Emitir informes facultativos sobre o resultado das inspeccións, análises practicadas ou condicionantes do sacrificio.

Os animais domésticos recollidos (cans e gatos) serán depositados un período de vinte (20) días na canceira. Durante ese tempo o concesionario realizará as tarefas oportunas para localizar ó seu propietario. Cando sexa posible a súa identificación, se lle comunicará fehacentemente mediante unha notificación por parte da administración correspondente, neste caso o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC) que nun prazo de dez (10) días deberá proceder a recuperalo, previo pago dos gastos que orixinase a súa custodia de atención sanitaria e manutención. Se transcorrese o prazo indicado sen ser retirado o animal, se entenderá como abandonado, e poderase abrir expediente sancionador ó seu dono por abandono por parte da autoridade competente, neste caso, o Consorcio As Mariñas ou Concello correspondente, para o cal deberase remitir a esta entidade un informe comprensivo ó respecto, con copia das comunicacións e recepción das mesmas.

En caso de que o animal recollido teña dono pero non conte con chip de identificación, para a súa reclamación o propietario deberá presentar á concesionaria a documentación acreditativa (cartilla sanitaria, permisos, fotografías, etc.) e abonar as taxas de estancia, manutención e custodia, así como os gastos do chipeado do animal que non poderá abandonar as instalacións sen o mencionado chip.

Tanto se trate dun animal identificado con microchip ou non, o propietario deberá aboar as seguintes taxas recollidas na correspondente ordenanza fiscal:

- Recollida de animais na vía pública.

- Estancia, manutención e custodio.

No caso dun animal non identificado, deberá abonar tamén os gastos da implantación do microchip. En ningún caso o animal poderá abandonar as instalación sen o mencionado microchip.

Cando se reclame un animal e o propietario non poida recollelo persoalmente, a persoa que o realice deberá aportar unha autorización por escrito do propietario, na que figure claramente o nome completo e DNI tanto do propietario do animal como da persoa autorizada, así como os datos identificativos do animal (nome, raza, sexo e nº de microchip), e deberá presentar o seu DNI, documentación do animal e fotocopia do DNI do propietario.

No caso de reclamar un animal considerado potencialmente perigoso, o propietario do mesmo,deberá presentar ademais da cartilla sanitaria e tarxeta identificativa, e seu DNI e a licencia para tenencia de animais potencialmente perigosos. En ningún caso se dará en adopción ou reclamado un animal deste grupo sen que o interesado presente a licencia en vigor.

Os animais non identificados ou abandonados, poderán ser adoptados pola persoa que o desexe. Estos animais dados en adopción entregaranse debidamente desinfectados, vacinados e identificados mediante o dispositivo homologado oportuno (microchip). Eses gastos serán sufragados polos adoptantes.

Tras esgotar todos os prazos legais de adopción sen que houbese xestión con interesados ou con entidades protectoras para que se fagan cargo da súa custodia ou cesión, poderase proceder ó seu sacrificio baixo estrito control veterinario e coa debida constancia, indicando data e motivo. Polo tanto, o sacrificio dos animais se realizará, salvo razóns hixiénico-sanitarias, cando fose intentado sen éxito a súa adopción.

3.2.-SERVIZO DE VISITAS, RECLAMACIÓNS E ADOPCION DE ANIMAIS

A atención á particulares para reclamacións, trámites de adopción de animais e recepción de animais de particulares por imposibilidade de facerse cargo do seu coidado ou recepción de cadáveres de animais domésticos para a súa xestión final será realizado polo concesionario de luns a sábados en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas

O concesionario do servizo, durante o horario establecido, atenderá con corrección tódalas visitas que se dirixan á canceira e facilitará a información e os trámites para a adopción dos animais polos que se interesen.

A adopción de animais domésticos da canceira se executará de conformidade ó disposto na lexislación vixente no referente ós aspectos hixiénico-sanitarios, identificación e tenencia de animais.

Os trámites de adopción deberán cumprimentarse nun prazo máximo de corenta e oito (48) horas dende a súa petición, sempre que transcorreran os vinte (20) días de recuperación do animal polo seu lexítimo propietario. Para iso, o concesionario disporá dun impreso de adopción no que figuren as características do animal que se pretende adoptar, o pago das correspondentes taxas fiscais e as condicións na que terá lugar a entrega (documentación a subministrar, chip identificativo, e hora na que terá lugar a entrega no prazo máximo de 48 horas) asinado polo solicitante e o concesionario.

A persoa interesada na adopción dun animal, poderá reservalo persoalmente no centro, e disporá dun prazo máximo de 3 días para a formalización do trámite de adopción. Transcorrido este prazo, a reserva efectuada perderá a súa validez.

O animal deberá ser entregado acompañado da documentación regulamentaria, subscrita polo servizo veterinario da canceira, que acredite a:

- Idoneidade do animal

- A cartilla de identificación do animal e do novo propietario

- Chip identificativo, no seu caso, ou cambio da titularidade correspondente

- O certificado de vacinacións e desparasitación

Os custos de adopción, a abonar polos interesados, serán os establecidos nas taxas correspondentes e incluirán en cada caso:

- Os custos de tramitación

- Os custos de vacinación

- Os custos de desparasitación

- Os custos de identificación (chip) e rexistro de mascotas

O concesionario conservará, no seu arquivo, un libro de rexistro das adopcións efectuadas ó longo do ano, no que figurarán, como mínimo: a data de adopción, os datos básicos de identificación do animal e o seu propietario e arquivará copia dos documentos que acrediten a adopción e as condicións hixiénico-sanitarias do animal.

Asemade, calquera propietario ou posuidor dun animal que non desexe continuar coa súa tenencia poderá entregalo na canceira, debendo o concesionario cobrarlle a correspondente taxa fiscal.

Das adopcións e entregas se informará mensualmente ó Consorcio As Mariñas.

3.3.- SERVIZO DE SACRIFICIO E XESTIÓN DE CADÁVERES DE ANIMAIS DE COMPAÑIA

Serán motivo de eutanasia o sufrimento inevitable dun animal, a inviabilidade da súa curación (carecendo de dono) ou en todo caso, o transcurso do prazo administrativo indicado para cada caso no Decreto 153/1998 de 2 de abril de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade de Galicia. Precisará ter autorización como xestor para a realización das tarefas e unicamente poderán ser utilizados os métodos de sacrificio autorizados no Artigo 59 do mesmo Decreto.

A Consellería competente nesta materia poderá engadir á lista anterior aqueles outros métodos que ó seu xuízo reúnan os requisitos apropiados.

No caso de propietarios que acudan a estes servizos exclusivamente para o sacrificio do animal e/ou eliminación do cadáver, o propietario deberá facerse cargo unicamente dos costos de materiais de sacrificio e da xestión da eliminación, segundo as taxas en vigor.

En xeral, só se aplicará o sacrificio cando os procedementos de adopción resulten infructuosos e resulte inviable, debidamente xustificado, o mantemento do animal por un período de tempo máis extenso ós prazos legais. Tamén se aplicará no caso de animais enfermos ou feridos cuxa recuperación no sexa posible. A selección dos animais a sacrificar, así como o propio sacrifico se efectuará baixo a supervisión dun veterinario e este será o responsable dos métodos utilizados. A xustificación dos criterios empregados para determinar o sacrificio será detallada individualmente para cada animal mediante un certificado de sacrificio que se incorporará ao listado de altas e baixas para presentar mensualmente ó Consorcio As Mariñas.

Tamén serán obxecto deste servizo os cadáveres dos animais recollidos na vía pública e non reclamados, así como os de animais entregados por particulares sufragando os costos do servizo. Os animais sacrificados así como os cadáveres recollidos serán xestionados adecuadamente en instalacións autorizadas xa sexa nas propias instalacións da adxudicataria como a través de xestor autorizado, trasladados por transportistas debidamente autorizados ou medios propios debidamente homologados e contando cos correspondentes permisos.

Para un mellor control deste servizo e as súas instalacións, o concesionario levará un rexistro actualizado no que se fará constar, entre outros datos de interese:

- A data dos días de sacrificios, de ser o caso, e da entrega dos cadáveres para a súa xestión final.

- Número de animais sacrificados e de cadáveres entregados a xestor.

- Peso total aproximado dos mesmos

- Taxas fiscais abonadas

Deberá acreditarse nese rexistro o control veterinario efectuado. Esta información será subministrada mensualmente ó Consorcio.

4.- SERVIZO DE GARDA. COORDINACIÓN COS SERVIZOS MUNICIPAIS. PROTOCOLO DE ACTUACIÓN CONXUNTA.

As vías de comunicación para recoller un animal poden ser:

- Persoal técnico do Consorcio As Mariñas ou calquera organismo competente.

- Policía local dos Concellos integrantes

- Outras autoridades como Protección Civil ou Bombeiros

- Solicitudes de Particulares.

En todo caso, ante una emerxencia os servizos dos Concellos deberán sempre dar aviso ós servizos de garda da empresa de lacería, e entregar ó animal ós mesmos para a correspondente identificación do propietario ou procedemento que por lei lle corresponda, en caso de que estes servizos de emerxencia capturasen o animal antes da chegada dos laceros.

O servizo de garda que é o aviso directo e inmediato por parte das autoridades ou organismos competentes (nunca por particulares) ós servizos de lacería mediante chamada ó teléfono móbil de garda e que pola súa urxencia e premura sexa necesaria unha intervención rápida, deberá coordinarse cos servizos de emerxencia dos concellos (policía local e protección civil).

Este sempre se realizará acompañado dun Axente para comprobar que o servizo solicitado sexa correcto. Se tomará nota do número de Axente que solicita o servizo para que unha vez se abra expediente e ficha do ingreso se faga constar o axente que solicitou o servizo.

En caso de que aparecese o propietario do animal antes de trasladar o lacero ó animal, se lle tomarán os datos para realizar o informe que se remitirá ó organismo competente para o seu posible expediente sancionador.

5.-INSTALACIÓNS DO ADXUDICATARIO: LIMPEZA, MANTEMENTO, CONSERVACIÓN DA CANCERÍA E OUTROS.

En relación á Canceira Municipal, o adxudicatario deberá cumprir as obrigas sinaladas no Capítulo IV do Decreto 153/1998, de 2 de Abril que aproba o Regulamento que desenvolve a Lei 1/93, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, en concreto.

- Inscrición da canceira no Rexistro de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia, en canto centro de recollida de animais abandonados e tramitación da licenza municipal.

- A obriga do artigo 43 de levar un libro oficial de rexistro, debidamente dilixenciado pola Delegación Provincial competente, cos datos de cada animal que entre na instalación. Polo menos, deberá contar con datos de entrada, procedencia, especie, raza, identificador individual, data de baixa, destino, identificación completa e domicilio dos novos posuidores de animais cedidos en adopción.

- As obrigas do artigo 44, Capítulo X certificadas polo veterinario da instalación.

- As obrigas do artigo 42 do Decreto en canto a alimentación dos animais.

É obriga do adxudicatario a limpeza, mantemento e conservación das edificacións, dependencias e instalacións da Canceira Municipal en condicións hixiénico-sanitarias e de uso adecuado á finalidade a que se destinan; deberá cumprir en todo momento cas condicións mínimas sinaladas nos artigos 36.1 e 56 do Decreto 153/1998 e ademais, como mínimo:

- O servizo de limpeza continuado das instalacións e dependencias, así como os da desinfección, desinsectación e desratización como mínimo cada seis (6) meses, a través de empresa especializada, o que deberá certificarse ó Consorcio As Mariñas

- A limpeza e desinfección do entorno das instalacións en todo o recinto das dependencias da Canceira.

- A reposición de consumibles e as pequenas reparacións habitualmente necesarias para o bo funcionamento das instalacións, tales como, reposición de lámpadas, billas, mecanismos, fechaduras, etc.

- Pintura de paredes, muros, reixas, enreixados ou outros elementos das edificacións e/ou instalacións necesarias para a conservación ou o mantemento do aspecto visual e a funcionalidade das dependencias e instalacións.

Son obriga expresa do concesionario as actuacións de mantemento técnico-legal, tales como as revisións periódicas legalmente establecidas de todas e cada unha das instalacións eléctricas, de combustible, etc. coa frecuencia que se determina nos Regulamentos específicos de aplicación.

Os vehículos de transporte serán tamén sometidos a limpeza, desinfección e desinsectación, así como todas as labores necesarias para mantelos en perfectas condicións de utilización sen riscos de transmisións. Os tratamentos serán levados a cabo con produtos homologados e nas condiciones legais establecidas. Do mesmo xeito contarán con todas as autorizacións administrativas para a prestación do servizo.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

O regulamento non dispón a súa entrada en vigor, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."