Paderne - REGULAMENTO ORGANICO DO CONCELLO DE PADERNE

Publicación provisional: 03/07/2015 BOP Nº: 123
Publicación definitiva: 24/08/2015 BOP Nº: 160
Aplicable dende: 25/08/2015

TÍTULO PRELIMINAR: OBXECTO DO REGULAMENTO ORGÁNICO DO CONCELLO DE PADERNE.

Artigo 1. Do obxecto e ámbito de aplicación

1. O presente Regulamento, que ten por obxecto a regulación do réxime de funcionamento dos órganos básicos e complementarios do Concello de Paderne, apróbase no exercicio da autonomía constitucionalmente garantida, facendo uso das potestades regulamentarias e de autoorganización recoñecidas pola lei.

2. A aprobación e modificación do presente regulamento corresponde o Pleno da Corporación.

TÍTULO PRIMEIRO: DO ESTATUTO DOS CONCELLEIROS DO CONCELLO DE PADERNE.

CAPÍTULO PRIMEIRO: Dos dereitos e deberes dos Concelleiros

Articulo 2. Dos dereitos e deberes dos Concelleiros.

1. O Alcalde e os Concelleiros están obrigados ó estricto cumprimento dos deberes e obrigas establecidos na lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o establecido no presente regulamento orgánico Municipal e así mesmo, gozan, unha vez que tomen posesión dos seus cargos, dos dereitos, honras, prerrogativas e distincións propias dos mesmos que se establecesen nas anteriores disposicións.

2. Quen ostente a condición de membro da Corporación quedará, non obstante, suspendido nos seus dereitos, prerrogativas e deberes cando unha resolución xudicial firme condenatoria o comporte.

CAPÍTULO SEGUNDO: Dos dereitos económicos dos concelleiros

Artigo 3. Do dereito a percibir retribucións, indemnizacións e asistencias

1. Os Concelleiros terán dereito a percibir as retribucións, indemnizacións e asistencias que sexan precisas para o exercicio digno e eficaz das súas funcións, de acordo coas normas establecidas no presente Regulamento e coas consignacións que anualmente aprobe o Pleno do Concello a través dos Presupostos Municipais.

2. Os membros da Corporación percibirán indemnizacións pola súa asistencia ás sesións e xuntanzas dos órganos rectores dos organismos dependentes da Corporación que teñan personalidade xurídica independente, ás dos consellos de administración das empresas con capital municipal e ás dos tribunais de probas para a selección de persoal, salvo que teñan dedicación exclusiva ou parcial.

Artigo 4. Dos criterios para a determinación das retribucións, indemnizacións e asistencias

1. Para a fixación das retribucións dos Concelleiros terase en conta o réxime da súa dedicación e a responsabilidade que ostenten na xestión.

2. A situación dos Concelleiros clasificase nas tres categorías seguintes:

a) Dedicación exclusiva é aquela realizada por un Concelleiro que exerce con tal carácter as funcións propias do seu cargo, sen desenvolver outra actividade retribuída pública ou privada, nos termos establecidos na lexislación sobre incompatibilidades aplicable.

b) Dedicación parcial é aquela na que o Concelleiro realiza outras ocupacións, sen que estas podan ocasionar detrimento na súa dedicación á Corporación, e sempre que sexan compatibles co exercicio da súa función representativa.Os que se atopen nesta situación deberán obter a declaración de compatibilidade do Pleno da Corporación, comunicando os cambios que se produzan, sen prexuízo das declaracións sobre intereses previstas na lexislación vixente e no presente Regulamento.

c) Mera asistencia ós órganos colexiados da Corporación dos que forme parte.

3. Os Concelleiros que se atopen en situación de dedicación exclusiva ou parcial, recibiran retribucións polo exercicio das súas funcións.Os que non se atopen en ningunha de ambas situacións, recibirán asistencias pola súa concorrencia efectiva ós órganos colexiados do Concello de que formen parte, na contía que determine o Pleno.

4. Todos os Concelleiros teñen dereito a recibir indemnizacións polos gastos ocasionados nos desprazamentos realizados no exercicio do seu cargo.

Artigo 5. Do Réxime de dedicación dos Concelleiros

1. Todos os membros da Corporación teñen dereito a solicitar o desempeño de seu cargo en réxime de dedicación exclusiva, salvo que renuncien a ela, optando pola dedicación parcial ou pola mera asistencia ás sesións dos órganos colexiados.

2. Dentro dos dez días seguintes á súa constitución o Portavoz de cada Grupo Municipal comunicará ó Alcalde, para a súa elevación ó Pleno, o réxime de situacións retributivas polo que optasen os membros do seu Grupo, acompañando os correspondentes escritos subscritos polos mesmos.

3. Si se optase por cambiar o réxime de dedicación inicialmente elixido, será efectivo a partir do mes seguinte a aquel no que se adopte esta decisión, debendo comunicarse ó Pleno.

CAPÍTULO TERCEIRO: Do dereito dos Concelleiros á obtención de información

Artigo 6. Do procedemento para a obtención de información e datos dos servicios municipais

1. Todos os Concelleiros teñen dereito a obter do Alcalde ou Concelleiros nos que delegue e da Xunta de Goberno Local cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.

2. A solicitude para o exercicio do dereito recollido no parágrafo anterior terá que ser resolto motivadamente nos cinco días naturais seguintes a aquel no que se presentase.Se en dito prazo non se dictase resolución expresa, a solicitude entenderase concedida por silencio administrativo.

3. Non obstante o disposto nos apartados anteriores, os servizos administrativos estarán obrigados a facilitar a información, sen necesidade de que o Concelleiro acredite estar autorizado, nos seguintes casos:

a) Cando se trate do acceso dos Concelleiros que ostenten delegacións ou responsabilidades de xestión, á información propia das mesmas.

b) Cando se trate do acceso de calquera Concelleiro á información e documentación correspondinte ós asuntos que teñan que ser tratados polos órganos colexiados de que formen parte, así como ás resolucións ou acordos adoptados por calquera órgano municipal.Neste último caso, os Concelleiros poderán solicitar os expedientes sobre os que recaese resolución ou acordo, dependendo do órgano de tramitación, o Secretario da Corporación.

c) Cando se trate do acceso dos Concelleiros á información ou documentación do Concello que sexan de libre acceso para os cidadáns.

4. A información solicitada estará a disposición do solicitante desde o outorgamento expreso ou tácito da petición, ou desde que a solicitude fose recibida polo servicio administrativo que deba subministrala, cando non se requira previa autorización.Dito prazo poderá ampliarse ata un total de cinco días naturais nos casos en que por razóns de orde práctica ou técnica, ou a natureza propia da información, así o requiran, debendo xustificarse de forma escrita e motivada.

Artigo 7. Do procedemento para a obtención de información dos acordos adoptados polo Pleno e a Xunta de Goberno Local

1. Os expedientes aprobados polo Pleno ou pola Xunta de Goberno Local estarán a disposición de calquera Concelleiro, na Secretaría Xeral da Corporación,durante o prazo de tres días desde a súa aprobación.

2. Cando se solicite a expedición de fotocopias de algún expediente, a petición deberá formularse por escrito do Concelleiro interesado.

CAPÍTULO CUARTO: Dos deberes dos Concelleiros

Artigo 8. Dos deberes dos Concelleiros.

1. Os Concelleiros deberán respectar en todo momento as normas sobre incompatibilidade e deberán poñer en coñecemento da Corporación calquera feito que poidese constituír causa da mesma.

2. Os Concelleiros formularán declaración sobre causas de posible incompatibilidade e sobre calquera actividade que lles proporcione ou poida proporcionar ingresos económicos.

Formularán así mesmo declaración dos seus bens patrimoniais.Ambas declaracións levaranse a cabo antes da toma de posesión, con ocasión do cese e cando se modifiquen as circunstancias de feito.Tales declaracións inscribiranse en sendos Rexistros de Intereses.

3. Producida unha causa de incompatibilidade e declarada a mesma polo Pleno corporativo, o afectado por tal declaración deberá optar, no prazo dos dez días seguintes a aquel no que reciba a notificación da súa incompatibilidade, entre a renuncia á condición de Concelleiro, ou o abandono da situación que dea orixe á referida incompatibilidade.

4. Transcorrido o prazo sinalado no número anterior sen ter exercitada a opción entenderase que o afectado renunciou ó seu posto de Concelleiro, debendo declararase polo Pleno corporativo a vacante correspondente e poñelo feito en coñecemento da Administración Electoral ós efectos previstos no artigo 182 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.

5. Todos os Concelleiros teñen o dereito e o deber de asistir, con voz e con voto, ás sesións do Pleno e ás daqueles outros órganos colexiados de que formen parte, salvo xusta causa que lo impida, que deberán comunicar coa antelación necesaria ó Alcalde ou Presidente efectivo.

6. As ausencias dos membros das Entidades Locais fóra do termo municipal que excedan de 8 días, deberán ser postas en coñecemento do Alcalde, facéndoo por escrito, ben persoalmente ou a través do portavoz do grupo político, concretándose, en todo caso, a duración previsible das mesmas.

7. O Alcalde - Presidente da Corporación poderá sancionar con multa ós membros da mesma, por falta inxustificada de asistencia ás sesións ou incumprimento reiterado das súas obrigas, nos termos que determine a Lei da Comunidade Autónoma de Galicia e a do Estado.

8. Os Concelleiros absteranse nas deliberacións, dictames, informes, votacións e calquera outro tipo de actuacións cando concorran as causas de abstención previstas na lexislación aplicable, debendo poñerse inmediatamente, e por escrito, en coñecemento do Alcalde ou de quen ostente a presidencia do órgano e, en todo caso, da Secretaría Xeral da Corporación.

9. Os membros da Corporación teñen o deber de gardar reserva en relación coas informacións que se lles facilite para facer posible o desenvolvemento da súa función, singularmente das que serán de antecedente para decisións que aínda se atopen pendentes de adopción, así como evitar a reproducción da documentación que poda serlles facilitada, en orixinal ou en copia, para o seu estudio.

TÍTULO SEGUNDO: DOS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS

Artigo 9. Das normas para a constitución dos Grupos Políticos

1. Os Concelleiros, a efectos de actuación corporativa, integraranse en Grupos Políticos Municipais ó comezo de cada mandato, que se corresponderán cos Partidos Políticos, Federacións, Coalicións ou Agrupacións Electorais que obtivesen postos na Corporación.

2. Os Concelleiros que fosen escollidos pola mesma candidatura electoral que non se integren no Grupo Político que constitúa a formación electoral pola que foron escollidos ou que posteriormente abandonen o seu Grupo de procedencia terán a consideración de Concelleiros non adscritos.

3. Ningún Concelleiros poderá pertencer a mais dun Grupo Político Municipal.

Artigo 10. Do grupo mixto

1. Constituirase, no seu caso, un denominado grupo mixto.Entendese por grupo mixto o formado por todos aqueles concelleiros que, concorrendo ás eleccións municipais, formando parte da candidatura dun partido, federación, coalición ou agrupación, dita candidatura no alcanzase o mínimo de dous escaños para formar grupo propio.

2. Cada un dos membros integrantes do grupo mixto disporá da parte proporcional do tempo que lle corresponde a cada grupo político.

Artigo 11. Do procedemento de constitución dos Grupos Políticos

1. Os Grupos Políticos Municipais constituiranse mediante escrito dirixido á Alcaldía e subscrito por todos os seus integrantes.Dito escrito presentarase na Secretaría Xeral da Corporación dentro dos cinco días hábiles seguintes á constitución do Concello.

2. Naquel escrito farase constar, como mínimo, o nome do Grupo Político, o do seu Portavoz e o dos Portavoces adxuntos.A designación destes cargos poderá variar durante o mandato corporativo, debendo comunicarse á Alcaldía mediante escrito no que se acredite o acordo adoptado por maioría absoluta do Grupo respectivo.

3. Da constitución dos Grupos Municipais, dos seus integrantes e Portavoces darase conta ó Concello Pleno na primeira sesión que celebre tras a presentación dos escritos citados.De igual forma procederase coas variacións que se producisen durante o mandato.

Artigo 12. Do Concelleiro non adscrito

1. Os Concelleiros que non fiquen integrados no Grupo Político constituído polos Concelleiros escollidos na candidatura da súa formación política, que abandonen o seu Grupo ou sexan expulsados do mesmo, terán a condición de Concelleiros non adscritos.

2. Os Concelleiros non adscritos, calquera que sexa o seu número, non poderán integrarse noutro Grupo Político nin constituílo , pola que a súa actuación corporativa desenvolverase de xeito illado.

3. O Concelleiro non adscrito soamente terá os dereitos económicos e políticos que individualmente lle correspondan como membro da Corporación e estes, en ningún caso, poderán ser superiores ós que lle corresponderían de permanecer no Grupo de procedencia.

4. Os Concelleiros que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva da Corporación deberán incorporarse o Grupo Político formado pola lista na que fosen escollidos.En caso contrario, terán a condición de Concelleiros non adscritos.

5. Cando un Concelleiro adquira a condición de non adscrito darase conta o Pleno, ben polo interesado ou ben polo Voceiro do Grupo ó que pertencese.Serán os concelleiros que permanezan en dito Grupo político os lexítimos integrantes desta a todos os efectos.

TÍTULO TERCEIRO: O ALCALDE E DOS TENENTES DE ALCALDE

Artigo 13. Do Alcalde

O Alcalde ou Presidente da Corporación, ostenta a representación do Concello e as súas atribucións son aquelas que lle outorga a normativa vixente.

Artigo 14. Da delegación de atribucións

1. Nos termos previstos na lexislación vixente, o Alcalde poderá delegar as súas funcións na Xunta de Goberno Local, nos Tenentes de Alcalde ou en calquera Concelleiro.

2. O Alcalde poderá delegar o exercicio de determinadas atribucións nos membros da Xunta de Goberno Local.Ditas delegacións terán o carácter de xenéricas e referiranse a unha ou varias areas ou materias determinadas, pudendo abarcar tanto a facultade de dirixir os servicios correspondentes como a de xestionalos en xeral, incluída a facultade de resolver actos que afecten a terceiros.

3. Sen prexuízo das delegacións xenéricas examinadas, o Alcalde poderá efectuar delegacións especiais para cometidos específicos, a favor de calquera concelleiro aínda que non pertenza á Xunta de Goberno Local.

As delegacións especiais poderán ser de tres tipos:

a) Relativas a un proxecto ou asunto determinado.Neste caso a eficacia da delegación, que poderá conter todas as facultades delegables do alcalde, incluída a de emitir actos que afecten a terceiros, limitarase ó tempo de xestión ou execución do proxecto.

b) Relativas a un determinado servicio.Neste caso a delegación comprenderá a dirección interna e a xestión dos servicios correspondentes, pero non poderá incluír a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.

c) Relativas a un distrito ou barrio.Poderán incluír todas as facultades delegables do Alcalde en relación con certas materias, pero circunscritas ó ámbito territorial da delegación.Neste caso, de coexistir este tipo de delegacións con delegacións xenéricas por áreas, os Decretos de delegación estableceran os mecanismos de coordinación entre unhas e outras, de tal maneira que fique garantida a unidade de goberno e xestión do municipio.

4. As delegacións deberán ser realizadas mediante Decreto que conterá o ámbito dos asuntos ós que se refire a delegación, as facultades que se delegan, así como as condicións específicas do exercicio das mesmas.

5. O Alcalde poderá, en calquera momento, modificar, revogar ou avogar para si todas ou parte das atribucións que delegase.

6. A delegación de atribucións do Alcalde producirá efectos desde o día seguinte ó da data do decreto, salvo que nela se dispoña outra cousa, sen prexuízo da súa preceptiva publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Artigo 15. Dos Tenentes de Alcalde

Os Tenentes de Alcalde substitúen ó Alcalde, pola orde do seu nomeamento nos casos de vacante, ausencia o enfermidade, sendo libremente designados e revogados por este de entre os membros da Xunta de Goberno Local.

TÍTULO CUARTO: DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Artigo 16. Da súa composición e atribucións

A Xunta de Goberno Local, integrada polo Alcalde, que a presidirá, e por un número de Concelleiros non superior ó tercio do número legal dos mesmos, nomeados e separados libremente polo Alcalde, exercerá aquelas atribucións que este ou outro órgano municipal lle delegue, e asistiralle no exercicio das súas funcións.

Artigo 17. Da periodicidade das súas sesións

1. A Xunta de Goberno Local celebrará sesión ordinaria con carácter mensual.

Ó inicio de cada mandato corporativo o Alcalde determinará o día da semana e a hora na que se celebrará. A Alcaldía Presidencia poderá adiantar ou demorar as sesións así como suspendelas por causa xustificada e mediante Decreto no que se faga constar a mesma.

2. As sesións extraordinarias e as urxentes terán lugar cando, con tal carácter, sexan convocadas polo Alcalde.

3. O Alcalde poderá en calquera momento reunir á Xunta de Goberno Local cando estime necesario coñecer o seu parecer ou pedir a súa asistencia con anterioridade a dictar resolucións no exercicio das atribucións que lle correspondan

Artigo 18. Da convocatoria

Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderán transcorrer menos de vinte e catro horas, salvo no caso das extraordinarias urxentes.

Artigo 19. Da publicidade

1.As sesións da Xunta de Goberno Local non son públicas.

2.No prazo de dez días, deberá enviarse a todos os Grupos Políticos Municipais copia da acta.

TÍTULO QUINTO: DA XUNTA DE DELEGADOS.

Artigo 20. Da súa composición e atribucións

1. A Xunta de delegados está integrada polo Alcalde, que actuará como presidente, e os concelleiros responsables das áreas ou Concelleiros delegados que actuasen como vocais así como o Tesoureiro da corporación se é membro desta para informar na área de tesourería.

2. A xunta de delegados depende xerarquicamente da alcaldía, e as súas competencias serán as seguintes:

a) Coordinar os traballos dos concelleiros responsables de áreas e dos concelleiros delegados.

b) Deliberación dos asuntos que se tratarán na Xunta de Goberno Local ou no Pleno.

c) Informar á Alcaldía dos asuntos que fosen obxecto de delegación.

3. O convido na Xunta de Delegados non precisará a redacción de actas, xa que ten a natureza de órgano deliberativo, se ben poderá formalizarse, nalgún caso concreto, en documentos asinados polos intervenientes. O Alcalde, deberá comunicar, por escrito, ao Secretario-Interventor do Concello as datas de celebración das súas reunións e os membros que asistiron a cada una delas, aos efectos da súa constancia.

Artigo 21. Da periodicidade das súas sesións

1.A Xunta de delegados celebrará sesión ordinaria con carácter quincenal.

O inicio de cada mandato corporativo o Alcalde determinará o día da semana e a hora na que se celebrará. A Alcaldía Presidencia poderá adiantar ou demorar as sesións así como suspendelas por causa xustificada e mediante Decreto no que se faga constar a mesma.

2. As sesións extraordinarias e as urxentes terán lugar cando, con tal carácter, sexan convocadas polo Alcalde.

3. O Alcalde poderá en calquera momento reunir á Xunta de delegados cando o estime necesario coñecer o seu parecer ou pedir a súa asistencia con anterioridade a dictar resolucións no exercicio das atribucións que lle correspondan

Artigo 22. Da convocatoria

Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderán transcorrer menos de vinte e catro horas, salvo no caso das extraordinarias urxentes.

Artigo 23. Da publicidade

1. As sesións da Xunta de delegados non son públicas.

TÍTULO SEXTO: DO REXIME DE SESIÓNS DO PLENO

CAPÍTULO PRIMEIRO: Das disposicións xerais das sesións

Artigo 24.Lugar de celebración

1. O Pleno celebrará as súas sesións no Salón destinado ó efecto na Casa do Concello de Paderne.

2 Nos casos de forza maior, mediante resolución motivada e independente da convocatoria do Pleno, notificada a todos os membros da Corporación, a Alcaldía poderá dispoñer a súa celebración en outro local ou edificio adecuado.

Artigo 25. Dos tipos de sesións

O Pleno poderá reunirse en sesións ordinarias, extraordinarias e extraordinarias urxentes.

Artigo 26. Das sesións ordinarias

1. O Pleno celebrará sesión ordinaria unha vez ó trimestre.

2.Na sesión extraordinaria, que se convocará dentro dos trinta días seguintes ó da sesión constitutiva da Corporación, a proposta do Alcalde, o Pleno acordará o día e a hora na que se celebraran as sesións ordinarias, en primeira convocatoria e dous días despois, á mesma hora, en segunda podendo, así mesmo, o Alcalde, por propia iniciativa ou a instancia dos Voceiros dos Grupos Políticos, por causa xustificada adiantar ou demorar ditas datas e horas, incluso no suposto de que o novo día fixado non estivese comprendido no mes correspondente.

Artigo 27.Das sesións extraordinarias

1.O Pleno celebra sesión extraordinaria cando así o decida o Presidente ou o solicite a cuarta parte, alomenos , do número legal de membros da Corporación, sen que ningún concelleiro poida solicitar máis de tres anualmente.Neste último caso, deberá ser convocada polo Alcalde dentro dos tres días hábiles seguintes á súa petición a través do Rexistro Xeral, e a celebración do mesmo non poderá demorarse por máis de quince días hábiles desde que fose solicitada, non pudendo incorporarse o asunto á orde do día dun Pleno ordinario ou doutro extraordinario con máis asuntos, se non o autorizan os solicitantes da convocatoria.

Se o Presidente non convocase o Pleno extraordinario solicitado polo número de Concelleiros indicado dentro do prazo sinalado, quedará convocado para o décimo día hábil seguinte o de finalización de dito prazo, ás doce horas, o que será notificado polo Secretario da Corporación a todos os membros da mesma ó día seguinte da finalización do prazo citado anteriormente.En ausencia do Presidente ou de quen legalmente o substitúa, o Pleno quedará constituído sempre que concorra, alomenos un tercio do número legal de membros do mesmo, en cuxo caso será presidido polo membro da Corporación de maior idade entre os presentes.

Unha vez convocada e ata os cinco días inmediatamente anteriores á celebración da sesión, os Grupos Políticos Municipais poderán presentar propostas de acordo, debidamente motivadas e relacionadas coa orde do día incluída na convocatoria, que se someterán á aprobación do Pleno.As propostas presentadas fora deste prazo non poderán ser tomadas en consideración nin debatidas.

Artigo 28.Das sesións extraordinarias urxentes

1.Son sesións extraordinarias urxentes as convocadas polo Alcalde cando a urxencia do asunto ou asuntos a tratar non permita convocar a sesión extraordinaria con antelación mínima de dous días hábiles esixido pola lei.

2.Neste caso debe incluírse como primeiro punto da orde do día o pronunciamento do Pleno sobre a urxencia.Se esta non resulta apreciada polo Pleno, levantarse acto seguido a sesión.

Artigo 29.Da convocatoria

As sesións plenarias convocaranse, alomenos , con dous días hábiles de antelación, salvo as extraordinarias que o fosen con carácter urxente, cuxa convocatoria con este carácter deberá ser ratificada polo Pleno.

Artigo 30. Da súa duración

1.Todas as sesións respectarán o principio de unidade de acto, procurando que finalicen dentro do mesmo día no que comecen.

2.O Alcalde poderá acordar, durante o transcurso da sesión, as interrupcións que estime convenientes, para permitir as deliberacións dos Grupos ou para un período de descanso, cando a duración das sesións así o aconselle, debendo anunciar, o tempo da interrupción, a hora na que, dentro do mesmo día, se reanudará a sesión.

Artigo 31.Da súa publicidade

1.As sesións do Pleno son públicas.Sen embargo, poderá ser secreto o debate e votación dos asuntos que poidan afectar ós dereitos fundamentais dos cidadáns recollidos no art.18.1 da Constitución, cando así se acorde por maioría absoluta.

Para que non se altere o ritmo da sesión, estes asuntos serán incluídos ó principio da orde do día, a continuación da aprobación da Acta da sesión anterior.

2.O público asistente ás sesións non poderá intervir nestas, nin tampouco poderán permitirse manifestacións de agrado ou desagrado, podendo o Alcalde proceder, en casos extremos, á expulsión do asistente que por calquera causa impida o normal desenvolvemento da sesión, podendo decidir igualmente sobre a continuidade ou non da mesma, previa consulta cos Voceiros dos Grupos Municipais.

3.Se o Alcalde decidise non continuar procederase a rematar a sesión, en cuxo caso, os asuntos que quedasen pendentes incluiranse na orde do día da seguinte sesión que se celebre.

CAPÍTULO SEGUNDO: Da orde do día

Artigo 32.Da súa formación

1.O orde do día das sesións será fixado polo Alcalde asistido do Secretario da Corporación.

2.Corresponde o Alcalde determinar se un asunto concreto se inclúe ou non na orde do día, ou baixo o que epígrafe figurará.

CAPÍTULO TERCEIRO: Dos debates

Artigo 33.Principios de carácter xeral

1.Corresponde ó Alcalde asegurar a boa marcha das sesións e acordar, no seu caso, as interrupcións que estime convenientes, dirixir os debates, manter a orde dos mesmos e sinalar os tempos de intervención, nos termos establecidos no presente Regulamento.

2.Os Concelleiros poderán facer uso da palabra previa autorización do Alcalde.Unha vez obtida non poderán ser interrompidos se non polo Alcalde para advertirlles que se esgotou o tempo, para chamarlles á cuestión ou á orde, ou para retirarlles a palabra, o que procederá unha vez transcorrido o tempo establecido e tras indicarlles dúas veces que conclúan.

3.En calquera momento, os membros da Corporación poderán pedir a palabra para plantear unha cuestión de orde, invocando a norma cuxa aplicación se reclama.O Alcalde resolverá o que proceda, sen que por este motivo poida entablarse ningún debate.

Artigo 34.Da ordenación dos asuntos

1.Todos os asuntos debateranse e votaranse seguindo a orde na que estivesen relacionados na orde do día, ou no que se estableza na mesma sesión respecto daqueles non incluídos na orde do día que se sometan ó Pleno por razóns de urxencia.

2.Non obstante o disposto no número anterior, o Alcalde ou Presidente pode alterar a orde dos temas, ou retirar un asunto cando a súa aprobación esixise unha maioría especial e esta non puidese obterse no momento previsto inicialmente na orde do día.

Calquera concelleiro poderá pedir, durante o debate, a retirada de algún expediente incluído na orde do día, ó efecto de que se incorporen ó mesmo documentos ou informes, e tamén que o expediente quede sobre a mesa, aprazándose a súa discusión para a seguinte sesión.En ambos casos, a petición será votada, tras acabar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto.Se a maioría simple votase a favor da petición non se votará a proposta de acordo.

3.Cando varios asuntos teñan un contido similar, poderán debaterse conxuntamente se así o dispuxese o Alcalde, debendo votarse por separado, no seu caso, cada unha das propostas contidas neles.Así mesmo, poderán votarse por separado os puntos ou partes dunha proposta, cando fosen susceptíbeis de tratamento autónomo e non tivesen ningunha incidencia nos restantes.

Artigo 35. Da adopción de acordos sen debate

1.O Secretario da Corporación procederá á lectura, íntegra ou en extracto, das proposicións que se sometan ó pleno.

2.Se ninguén solicitará a palabra o asunto someterase directamente a votación.

Artigo 36. Do desenvolvemento dos debates

1.Se se promove debate, as intervencións serán ordenadas polo Alcalde ou Presidente conforme ás seguintes regras:

a) Só poderá facerse uso da palabra previa autorización do Alcalde ou Presidente.

b) O debate iniciarase cunha exposición e xustificación da proposta, a cargo dalgún dos membros da Corporación que subscriban a proposición ou moción, en nome propio ou do colectivo ou órgano municipal proferinte da mesma.

Artigo 37.Da primeira rolda de intervencións

1.A continuación, cada un dos Grupos que así o solicite consumirá unha rolda de contestación que non poderá exceder de 10 minutos.

2.Poderá intervir nesta rolda máis dun membro de cada Grupo pero, neste caso, non poderá utilizarse máis tempo do total de 10 minutos que corresponde a cada Grupo.

3.A orde de intervención dos Grupos nesta rolda de réplica será inverso ó número de Concelleiros que os integran.

Artigo 37. Da segunda rolda de intervencións

1.Se algún Grupo así o solicitase se procederase a unha segunda rolda, na que os Grupos, pola mesma orde que se indicou no artigo anterior, poderán volver a facer uso da palabra para fixar a súa posición e explicar o seu voto.Nesta segunda rolda, o Grupo ó que pertenza o ponente deberá ratificarse na súa proposta ou, no seu caso, modifícala .

2.As intervencións desta segunda rolda non poderán ter unha duración superior a 8 minutos.

Artigo 38. Das intervencións por alusións

1.Cando, no desenvolvemento do debate, se fixesen alusións sobre a persoa ou conducta dun membro da Corporación, este poderá solicitar do Alcalde que se lle conceda o uso da palabra por tempo non superior a 5 minutos para, sen entrar no fondo do asunto en debate, contestar estrictamente ás alusións realizadas.

2.Cando a alusión afecte á dignidade ou a decoro dun Grupo, o Alcalde poderá conceder ó seu Voceiro o uso da palabra polo mesmo tempo e nas mesmas condicións que as establecidas no parágrafo anterior.

Artigo 39. Da ampliación dos tempos de intervención

Os portavoces dos grupos municipais, en razón da importancia ou transcendencia dos asuntos que se sometan a debate, poderán propoñer, antes do comezo da sesión, que se amplíen os tempos de intervención ata un máximo do dobre dos previstos no presente Regulamento, sinalando en cada caso a duración dos mesmos.

Artigo 40.Das votacións

Unha vez finalizadas as intervencións, o Alcalde poderá dar por acabado o debate, procedéndose , a continuación, á votación dos asuntos debatidos, sen que poda ter lugar a rolda de explicación de voto.

Artigo 41.Das emendas ás propostas de acordo

1.Emenda, é a proposta de modificación dun dítame ou proposición presentada no Rexistro Xeral por calquera membro da Corporación, mediante escrito dirixido o Presidente e subscrito polo Voceiro do Grupo, con alomenos vinte e catro horas de antelación á hora na que se convocase a sesión plenaria.

2.A emenda será de supresión cando se dirixa a eliminar da proposta de acordo o texto inicial da Proposición ou Moción, algún dos puntos ou aspectos parciais da mesma.

3.A emenda será de modificación, cando pretenda transformar ou alterar algún ou algúns dos puntos das propostas de acordo ou dos textos iniciais da Proposición ou Moción.

4.A emenda será de adición, cando respetando o texto da proposta de acordo ou dos textos iniciais da Proposición ou Moción se dirixa á súa mellora e ampliación.

5.A emenda será transacional cando previo acordo entre dous ou mais Grupos Municipais cada un retira as súas emendas para que prospere outra consensuada entre todos eles.

6.AdmitirANSE emendas in voce, cando teñan por finalidade emendar erros materiais, incorreccións técnicas ou semánticas ou simples omisións

7.No debate das emendas poderá intervir 10 minutos o ponente e 5 minutos cada un dos Grupos Municipais.

8.No caso de que as emendas sexan rexeitadas, someterse a votación, sen mais debate, a proposta de acordo ou texto da Proposición ou Moción iniciais.

Artigo 42.Das mocións de urxencia

1.Moción é a proposta que se somete directamente ó Pleno por razóns de urxencia presentada no Rexistro Xeral por calquera membro da Corporación, mediante escrito dirixido ó Presidente e no que se motive debidamente a urxencia, subscrito polo Voceiro do Grupo, ata as catorce horas do día anterior a aquel no que se celebre a sesión plenaria, salvo casos de forza maior no que se permitirá a presentación no momento do inicio do Pleno.

2.Finalizado o debate e votación dos asuntos comprendidos na orde do día, e inmediatamente antes dos Rogos e Preguntas, entrarase no coñecemento das Mocións de urxencia, previa a súa aceptación de tal carácter polo Pleno, que a decidirá por maioría absoluta.

3.O seu debate e votación rexerase polas regras xerais establecidas no presente Regulamento, reducíndose o tempo da ponencia e a primeira rolda a 10 minutos e a da segunda rolda a 5 minutos.

Artigo 43.Dos rogos e as preguntas

1.Rogo é a formulación dunha proposta de actuación dirixida a algún dos órganos de Goberno Municipal.

Os rogos poderán ser efectuados oralmente ou por escrito, e serán debatidos, xeralmente, na sesión seguinte, sen prexuízo de que o poidan ser na mesma sesión que se formulen se o Alcalde o estima conveniente e previa conformidade de quen os teña que contestar.Neste caso, os rogos poderán dar lugar a unha intervención do Concelleiro que os formulará e a outra intervención para responder.A continuación, o Concelleiro propoñente poderá facer novamente uso da palabra e, tras outra intervención para responder, o debate terase por finalizado.Ningunha destas intervencións poderá exceder de 5 minutos.

2.Pregunta é calquera cuestión formulada ós órganos de Goberno na sesión do Pleno.

As preguntas formuladas por escrito ou oralmente no transcurso dunha sesión, serán contestadas polo seu destinatario, xeralmente, na sesión seguinte, salvo as formuladas por escrita con vinte e catro horas de antelación que serán contestadas ordinariamente na sesión ou, por causas debidamente motivadas, na seguinte.Se o preguntado dera resposta á pregunta na mesma sesión, a súa intervención non poderá ter unha duración superior a 5 minutos.

3.Os rogos e as preguntas non poderán ser sometidos a votación en ningún caso.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN DEROGATORIA

Deroganse cantas normas municipais do Concello de Paderne se opoñan total ou parcialmente ó contido deste Regulamento.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

En todo o non previsto no presente Regulamento, aplicarase o disposto no Real de Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

O texto do articulado do presente Regulamento Orgánico Municipal interpretarase da forma que segue:

A expresión Alcalde interpretarase como Alcalde/Alcaldesa, o /os Tenente/s de Alcalde como o/a/os/as Tenente/s de Alcalde, o/os Concelleiro/a como o/a/os/as Concelleiros/as, o/os Concelleiros Delegados como o/a/os/as Concelleiros Delegados/Delegadas, o/os Delegado/s como o/a/os/as Delegados/Delegadas, o/os cidadán/s como o/a/os/as cidadáns/cidadás, o/os Presidente/s como o/a/os/as Presidentes/Presidentas, o/os membro/s como o/a/os/as membro/s, o/os funcionario/s como o/a/os/as funcionarios/funcionarias, o/os Vicepresidente/s como o/a/os/as Vicepresidentes/Vicepresidentas, o/os Secretario/s como o/a/os/as Secretarios/Secretarias.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente Regulamento entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

O Regulamento dispón a súa entrada en vigor o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña, pero se debe ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das Bases do Réxime Local establece que:

¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."