Vilarmaior - ORDENANZA FISCAL Nº 11, REGULADORA DA TAXA POR TRAMITACIÓN DE EXPEDIENTES E POR EXPEDICIÓN DE DOCUMENTOS ADMINISTRATIVOS

Publicación provisional: 10/07/2015 BOP Nº: 129
Publicación definitiva: 28/08/2015 BOP Nº: 164
Aplicable dende: 29/08/2015

Artigo 1 - Fundamento e Natureza

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido la Lei reguladora das facendas locais, se regula a taxa por tramitación de expedientes e por expedición de documentos administrativos que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2 - Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade administrativa desenvolvida con motivo da tramitación e expedición, a instancia de parte, de toda clase de expedientes e de documentos administrativos que se indican no artigo 6 desta ordenanza.

2. Entenderase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que fose provocada polo particular ou redunde no seu beneficio aínda que non mediase solicitude expresa polo interesado.

3. Non estará suxeita a esta taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigas fiscais, así como as consultas tributarias, os expedientes de devolución de ingresos indebidos, os recursos administrativos contra resolucións municipais de calquera índole e os relativos á prestación de servizos ou realización de actividades de competencia municipal e a utilización privativa ou o aproveitamento especial de bens do dominio público municipal, que estean gravados por outra taxa municipal ou polos que se esixa un prezo público por este concello.

Artigo 3 - Suxeito pasivo

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades as que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, que soliciten, provoquen ou en cuxo interese redunde a tramitación do documento ou expediente de que se trate.

Artigo 4 - Responsables

O réxime de responsabilidade axustarase ao previsto nos artigos 41 a 43 da Lei 58/2003 xeral tributaria.

Artigo 5 - Cota Tributaria

1.- A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2.- A cota de tarifa corresponde á tramitación completa, en cada instancia, do documento ou expediente de que se trate, desde a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ao interesado do acordo recaído.

Artigo 6 - Tarifas

A taxa á que se refire esta ordenanza rexerase polas seguintes tarifas:

Certificacións de acordos de órganos municipais ou de expedientes administrativos

3,00 €

Certificacións de acordos de órganos municipais ou de expedientes administrativos con máis de cinco anos de antigüidade

10,00 €

Certificados de empadroamento para os que sexa necesario consultar padróns de habitantes anteriores ao 1 de maio de 1.996

5,00 €

Certificados de empadroamento, convivencia, residencia

2,00 €

Licencias de segregación de parcelas

60,00 €

Licencias de primeira ocupación

60,00 €

Outras licencias urbanísticas

5,00 €

Certificación de servizos urbanísticos solicitada a instancia de parte

5,00 €

Informes urbanísticos

5,00 €

Certificación de datos catastrais emitida mediante acceso ao Punto de Información Catastral do concello

3,00 €

Dilixencia de cotexo de documentos

1,00 €

Celebración de vodas civís

50 €

Fotocopias de documentos

0,10 €

Artigo 7 - Devengo

1. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se presente a solicitude que inicie a tramitación do expediente ou pola que se solicite a expedición do documento administrativo suxeito ao tributo.

2. Ademais, o devengo prodúcese nos casos aos que se refire o número 2 do artigo 2º, cando teñan lugar as circunstancias que provean a actuación municipal de oficio ou cando esta se inicie sen previa solicitude do interesado mais redunde no seu beneficio.

Artigo 8 - Declaración e ingreso

1.- A taxa esixirase, no momento de entrega ou notificación do documento, ou cando se realice a tramitación do expediente que a orixine, mediante o pago nas dependencias municipais de recadación ou na entidade bancaria que se indique.

2.- Os escritos recibidos segundo o establecido polo artigo 38.4.b.c.d.e) da Lei 30/92, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común, que non veñan acompañados do ingreso do importe da taxa, serán admitidos provisionalmente pero non poderán tramitarse sen previa emenda da deficiencia, para o que se requirirá ao interesado co fin de que no prazo de dez días pague as taxas correspondentes, coa advertencia de que, de non facelo así, arquivarase sen máis trámite a solicitude.

Artigo 9 - Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a ordenanza fiscal Nº 11 reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos, aprobada o día 28 de setembro de 1989 e publicada no BOP nº 288 do día 18 de decembro de 1989.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal, aprobada definitivamente, entrará en vigor e será de plena aplicación ao día seguinte ao da súa publicación no BOP, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.