Pontes de García Rodríguez As - REGULAMENTO ORGÁNICO DO CONCELLO DAS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ
ÍNDICE
Título preliminar.-Disposicións xerais.-Artigo 1 a 3.
Título I.-Dos grupos municipais.-Artigo 4 a 10.
Título II.-Organización necesaria do Concello.-Artigo 11 a 18.
Título III.-Funcionamento dos órganos necesarios.
Capítulo I.-Funcionamento do Pleno.-Artigo 19 a 48.
Capítulo II.-Funcionamento da Comisión de Goberno.-Artigo 49 a 52.
Capítulo III.-Réxime xeral das delegacións entre os órganos necesarios.-Artigo 53 a 56.
Título IV.-Organización complementaria do Concello e o seu funcionamento.-Artigo 57 a 68
Título V.- Da información e participación cidadá.
Capítulo I.- Da información municipal.-Artigo 69 a 71.
Capítulo II.- Rexistro municipal de asociacións.-Artigo 72 a 77.
Capítulo III.- Da participación cidadá.-Artigo 78 a 80.
Disposición final.-Aplicación supletoria do R.D. 2568/1986, publicación, entrada en vigor e recursos.
TITULO PRELIMINAR.- DISPOSICIÓNS XERAIS.-
Artigo 1.-No exercicio da potestade regulamentaria e de autorregulación que recoñece a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e a Lei 5/1997, de 22 de xullo de administración local de Galicia, o Concello de As Pontes de García Rodríguez promove polo presente Regulamento a súa organización e réxime xurídico de funcionamento dos órganos básicos e complementarios que no mesmo se establecen.
Artigo 2.-Conforme o artigo 20.3 da indicada Lei 7/1985, redactado conforme a Lei 11/1999, de 21 de abril, é competencia propia da autoorganización municipal (artigo 140 da Constitución), que asume e desenrola o presente Regulamento orgánico, a regulación e o establecemento dos órganos complementarios a que se refire o dito precepto e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia (artigos 6.1.a, e 59), e tal e como se interpreta pola sentencia do Tribunal Constitucional 214/1989, de 21 de decembro.
Artigo 3.-Corresponde ó alcalde dictar as instruccións interpretativas e aclaratorias da normativa que desenrola este regulamento, e corresponde ó pleno do concello, o control e fiscalización de tódolos órganos de goberno.
TÍTULO I.-DOS GRUPOS MUNICIPAIS.
Artigo 4.-Os concelleiros, para os efectos da súa actuación corporativa constituiranse en grupos, que se corresponderán cos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que obtivesen postos na Corporación. Ninguén pode pertencer simultaneamente a máis dun grupo.-
Artigo 5.-Conforme o artigo 74 da Lei 5/97 de Administración Local de Galicia, integraranse en todo caso no grupo mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un mínimo de dous escanos. No suposto de que non existise grupo mixto, este quedará constituído polo membro do partido político, federación, coalición ou agrupación que obtivese un só escano.
Durante o mandato da Corporación, ningún membro dela poderá integrarse nun grupo distinto daquel en que o faga inicialmente.
Artigo 6.-A constitución dos grupos políticos rexerase polo disposto no artigo 75 da Lei 5/1997 de 22 de xullo.
Artigo 7.-Os membros da Corporación que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva dela, deberán incorporarse ó grupo correspondente á lista na que fosen elixidos, ou, se é o caso, ó grupo mixto, conforme o artigo 76 da Lei 5/1997 de Administración Local de Galicia.
Artigo 8.-Será voceiro de cada grupo municipal o que designe cada un deles no momento da súa constitución, ou ben o que así sexa designado pola maioría dos compoñentes da lista respectiva.
O grupo mixto poderá establecer un turno rotativo para o desenvolvemento da función de voceiro, ou ben distribuírse entre os seus compoñentes o tempo que lle corresponda ó grupo.
O voceiro de cada grupo será o encargado de intervir normalmente nas deliberacións dos asuntos.
Artigo 9.-Correspóndelles ós grupos políticos designar, mediante escrito do seu voceiro dirixido ó presidente, aqueles dos seus compoñentes que vaian representalos en tódolos órganos colexiados integrados por corporativos pertencentes ós diversos grupos.
Artigo 10.-Sempre que sexa posible os grupos políticos disporán dun despacho ou local para xuntarse de maneira independente e recibir visitas dos cidadáns.
TÍTULO II-ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO.
Artigo 11.-Son órganos necesarios do Concello os enumerados na Lei reguladora das bases de réxime local e na Lei da administración local de Galicia.
Artigo 12.-As atribucións do alcalde, do Pleno e da Comisión de Goberno son as que veñen determinadas na Lei 7/1985, de 2 de Abril, reguladora das bases de réxime local así como na Lei 5/1997 de administración local de Galicia.
Artigo 13.-O alcalde dará conta sucinta á corporación en cada sesión ordinaria do pleno, da resolucións que tivese adoptado dende a última sesión plenaria ordinaria para que os concelleiros coñezan o desenvolvemento da administración municipal para os efectos do control e fiscalización dos órganos de goberno previstos nos artigo 22.2.a) da Lei 7/1985 e 64.2.a) da Lei 5/1997 da Xunta de Galicia.
Artigo 14.-O alcalde poderá delega-lo o exercicio das súas atribucións nos membros da comisión de goberno, agás as de convocar e presidi-las sesións do pleno e da comisión de goberno e as mencionadas no artigo 61.3 da Lei 5/1997 de 22 de xullo.
O alcalde poderá así mesmo conferi-las delegacións especiais para encargos específicos, a calquera concelleiro, aínda que non pertenza á comisión de goberno.
As delegacións, unha vez aceptadas, entenderanse vixentes mentres non sexan revogadas expresamente, ou o órgano delegante avoque para sí o coñecemento de algún asunto concreto na forma establecida pola Lei 30/1992 de 26 de novembro.
Artigo 15.-O acordo de delegación determinará os asuntos que esta comprenda, as potestades que se deleguen e as condicións concretas do seu exercicio.
A delegación de atribucións do alcalde surtirá efecto dende o día seguinte á data da resolución, salvo que nela se dispoña outra cousa e sen prexuízo da publicación, previa aceptación.
De tódalas delegacións e das súas modificacións darase conta ó pleno na primeira sesión que celebre.
Artigo 16.-O nomeamento dos tenentes de alcalde será libremente realizado polo alcalde de entre os membros da comisión de goberno.
O nomeamento así como o cesamento, farase mediante resolución da alcaldía da que se dará conta ó pleno na primeira sesión que celebre, notificándose ademais persoalmente ós designados e facéndose público polos medios de costume todo esto sen prexuízo da súa efectividade dende o día seguinte da resolución da alcaldía, se en ela non se dispuxese outra cousa.
A condición de tenente de alcalde pérdese, ademais de polo cesamento, por renuncia expresa manifestada por escrito e por perda da condición de membro da comisión de goberno.
Artigo 17.-Correspóndelles ós tenentes de alcalde, en canto tales, substituir na totalidade das súas funcións e pola orde do seu nomeamento ó alcalde, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite a este para o exercicio das súas atribucións, así como desempeña-las funcións de alcalde nos supostos de vacante na alcaldía ata que tome posesión o novo titular.
Nos supostos de ausencia, enfermidade ou impedimento, as funcións do alcalde non poderán ser asumidas polo tenente de alcalde a quen corresponda sen expresa delegación na forma sinalada neste regulamento.
Non obstante o disposto anteriormente, cando o alcalde se ausente do término municipal por máis de vintecatro horas, sen ter conferido a delegación ou cando por causa imprevista resultaralle imposible outorgala, substituiralle o tenente de alcalde a quen corresponda, dando conta ó resto da corporación.
Artigo 18.-Nos supostos de substitución do alcalde por razóns de ausencia, enfermidade, ou impedimento, o tenente de alcalde que asuma as súas funcións non poderá revoca-las delegacións que otorgase o primeiro.
TÍTULO III.-FUNCIONAMENTO DOS ÓRGANOS NECESARIOS.
Capítulo I.-Funcionamento do Pleno.
Artigo 19.-Os tipos de sesións e a súa convocatoria rexerase polo establecido nas Leis reguladora das bases de réxime local e da administración local de Galicia.
Artigo 20.-O pleno celebrará sesión ordinaria coa periodicidade que determine o propio pleno a proposta do alcalde, e como mínimo cada dous meses.
O pleno sinalará igualmente ó comezo do mandato electoral, os días e horas da súa celebración, que poderán ser cambiados en calquera momento posterior polo dito órgano. Igualmente o alcalde por propia iniciativa ou a petición da xunta de portavoces, e por causa xustificada, poderá variar o día ou a hora nalgunha sesión, comunicando ós concelleiros e publicándoo no taboleiro de anuncios coa maior anticipación posible, tendo sempre en conta a dispoñibilidade de tódolos membros da Corporación para facilitar a súa asistencia.
Artigo 21.
1.-O pleno celebrará sesión extraordinaria cando así o decida o presidente ou o solicite a cuarta parte, polo menos, do número legal dos membros da corporación, sen que ningún concelleiro poida solicitar máis de tres anualmente.
2.-As sesións extraordinarias convocadas a solicitude da cuarta parte do numero legal de membros da corporación deberán solicitarse por escrito no que se razoe o asunto ou asuntos que a motiven, asinado persoalmente por tódolos que a subscriban; achegando ó dito escrito tódolos documentos que han estar a disposición dos señores concelleiros na secretaría xeral dende o momento da convocatoria.
Presentada a solicitude de sesión extraordinaria o presidente verase obrigado a convocala dentro dos catro días seguintes e a súa celebración non poderá demorarse por máis de quince días hábiles dende que fose solicitada; non podendo incorporar o asunto á orde do día dun pleno ordinario ou de outro extraordinario con máis asuntos se non llo autorizan expresamente os solicitantes da convocatoria.
Se o Presidente non convocase o pleno extraordinario solicitado polo número de concelleiros indicado dentro do prazo sinalado, quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte ó de finalización do dito prazo, ás doce horas, o que será notificado polo secretario da Corporación á tódolos membros desta ó día seguinte o de finalización do prazo citado anteriormente.
Na ausencia do Presidente ou de quen legalmente o substitúa, o Pleno quedará validamente constituído sempre que concorra o quórum do tercio do número legal de membros deste, sendo presidido polo membro da Corporación de máis idade entre os presentes.
Artigo 22.-As sesións poderán ser celebradas en primeira ou segunda convocatoria. A segunda convocatoria será dous días despois da sinalada para a primeira ou ó día seguinte hábil se coincidise en sábado ou festivo. Neste caso non será necesario o envío da orde do día, pero si a notificación da súa celebración en segunda convocatoria.
Artigo 23.-Toda sesión, sexa ordinaria ou extraordinaria, haberá de respectar o principio de unidade de acto e se procurará que remate no mesmo día do seu comezo.
Artigo 24.-A orde do día das sesións será fixada polo alcalde, asistido do secretario. Así mesmo poderá recabar a asistencia dos membros da comisión de goberno e do interventor, e consultar, se o estima oportuno, a xunta de portavoces.
Na orde do día só poden incluírse os asuntos que previamente fosen dictaminados, informados ou sometidos á consulta da comisión informativa que corresponda.
O alcalde, por razóns de urxencia debidamente motivada, poderá incluír na orde do día, a iniciativa propia o a proposta da xunta de portavoces, asuntos que non foran informados previamente pola respectiva comisión informativa, pero neste suposto non poderá adoptarse acordo algún sobre estes asuntos sen que o pleno ratifique previamente a súa inclusión na orde do día.
Na orde do día das sesións ordinarias incluirase sempre --como parte diferenciada dedicada o control do Pleno dos demais órganos da Corporación, segundo esixe o artigo 46.2.e) da Lei 7/1985, conforme á redacción da Lei 11/1999, de 21 de abril-- o punto de mocións, de rogos e preguntas.
Artigo 25.-O alcalde convocará ós concelleiros ás sesións con dous días hábiles de antelación como mínimo, agás as extraordinarias con carácter urxente, nas que a convocatoria deberá ser ratificada polo pleno.
Na orde do día figurarán numerados e reseñados suficientemente os asuntos a tratar. Os concelleiros acusarán recibo da convocatoria asinando no duplicado da comunicación cursada ó efecto.
A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día, que servirá de base para o debate, e se é o caso para a votación, estará a disposición dos concelleiros na secretaría da corporación dende o mesmo día da convocatoria.
Se varios concelleiros desexasen examinar os expedientes á vez distribuiranos entre eles mesmos; e se non se puxesen de acordo, someterase á decisión do alcalde ou tenente de alcalde presente no concello, que resolverá distribuíndo o tempo e os expedientes de forma que estes poidan ser vistos por aqueles que quixesen facelo.
O alcalde ou os presidentes das comisións informativas autorizarán o exame de expedientes ou antecedentes que teñan relación cós asuntos incluídos na orde do día.
Artigo 26.-O horario para o exame dos expedientes incluídos na orde do día será de nove a catorce e de dezaseis a dezaoito horas de luns a venres, excepto en horario de tarde cando en xornada de verán non se faga este turno nas oficinas do Concello, e de dez a trece os sábados. Non obstante poderá discrecionalmente ser ampliado pola presidencia cando o número ou a importancia dos asuntos así o requira. A dita ampliación será posta en coñecemento dos/as señores/as concelleiros e da secretaría xeral.
Baixo ningún concepto os expedientes poderá extraerse ou sacarse da secretaría xeral.
Artigo 27.-O pleno constitúese validamente coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros, que haberá de manterse durante o desenvolvemento da sesión.
En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario da corporación, ou dos que legalmente os substitúan.
A ausencia dun ou de varios concelleiros, unha vez iniciada a deliberación dun asunto, equivale á abstención na votación, salvo que se incorpore a tempo de emitir o seu voto.
A estes efectos entenderase iniciada a deliberación:
a) Se se produce debate con intervencións dun ou varios concelleiros.
b) Se ninguén tivese pedido a palabra nin fixese uso dela o presidente, cando rematase a lectura da proposta de acordo do asunto correspondente.
Artigo 28.-O disposto no artigo anterior sobre da asistencia mínima enténdese sen prexuízo de que algún dos asuntos a resolver na sesión esixan un número especial na votación para adoptar acordos válidos, nese caso o quórum preciso será o establecido legalmente.
No suposto de que na data e hora sinalados na convocatoria non concurrisen bastantes membros da corporación para celebra-la sesión, tal circunstancia acreditarase polo secretario xeral mediante dilixencia, na que se expresará o número e nome dos que asistisen e dos que xustificasen a súa ausencia e reiterarase a convocatoria cantas veces sexa preciso ata lograr a asistencia do número de concelleiros necesarios para celebrar validamente a sesión.
Artigo 29.-O público asistente ás sesións non poderá intervir, nin tampouco se permitirán manifestacións de agrado ou desagrado; podendo a presidencia proceder, en casos extremos, á expulsión do salón de sesións de todo aquel que por calquera causa impida o seu normal desenvolvemento.
Artigo 30.-Salvo que a Presidencia dispoña outra cousa, a orde en que se tratarán os asuntos nos plenos ordinarios é o seguinte:
a) Aprobación da acta ou actas das sesións anteriores que se acompañen á convocatoria.
b) Comunicacións da Presidencia.
c) Os incluídos na orde do día, dictaminados polas comisións.
d) Os que se presenten como urxentes, non dictaminados polas comisións.
e) Asuntos urxentes no engadidos na orde do día.
f) Mocións, rogos e preguntas que se formulen na parte dedicada ó control dos demais órganos da Corporación.
Artigo 31.-As sesións comezarán preguntando o Presidente se algún membro da Corporación ten que formular algunha observación á acta da sesión anterior que se distribuíu antes ou coa convocatoria. Se non houbese observacións considerarase aprobada, se as houbese, debateranse e decidiranse as rectificacións que procedan.
En ningún caso poderá modificarse o fondo dos acordos adoptados e só se poderán subsanar os erros materiais ou de feito.
Tódolos asuntos debateranse e votaranse polo orde en que estivesen relacionados na orde do día. Non obstante o presidente pode alterar a orde dos temas, o retirar un asunto cando a súa aprobación esixa una maioría especial e esta non poderá acadarse no momento previsto na orde do día.
Igualmente calquera concelleiro poderá pedir a retirada de algún expediente incluído na orde do día ó efecto de que se incorporen ó mesmo documentos ou informes, e tamén que o expediente quede sobre a mesa, aprazándose a súa discusión ata a vindeira sesión. En ámbolosdous casos, a petición será votada, tras terminar o debate e antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto. Se a maioría simple votase a favor da petición no haberá lugar a votar a proposta de acordo.
O secretario e o interventor poderán interesar tamén da presidencia que se deixe un asunto sobre a mesa cando deban evacuar informe e non poidan emitilo no acto.
Nas sesións ordinarias, concluído o exame dos asuntos incluídos na orde do día, antes de pasar o turno de rogos e preguntas, o presidente preguntará se algún grupo municipal desexa someter a consideración do Pleno, por razóns de urxencia, algún asunto non comprendido na orde do día que acompañaba á convocatoria e que non teña cabida no punto de rogos e preguntas.
Se así fose, o voceiro do grupo propoñente xustificará a urxencia da moción e o Pleno votará acto seguido sobre a procedencia do seu debate. Se o resultado fose positivo, seguirase o trámite ordinario de asuntos incluídos na orde do día.
A Presidencia poderá limitar ata un máximo de tres as mocións que presente un grupo municipal nun mesmo pleno ordinario.
O disposto neste artigo non será de aplicación á moción de censura que se rexerá polo disposto na lexislación electoral.
Artigo 32.-A consideración de cada punto incluído na orde do día comezará coa lectura íntegra ou en extracto polo secretario, do dictame formulado pola comisión informativa correspondente ou, se se trata dun asunto urxente, non dictaminado pola comisión, da proposición que se somete ó pleno. Á solicitude de calquera grupo, deberá darse lectura íntegra daquelas partes do expediente ou do dictame da comisión que se considere conveniente para mellor comprensión.
Se ninguén solicitase a palabra trala lectura, o asunto someterase directamente a votación.
Artigo 33.-Se se promove debate, as intervencións faranse conforme ás seguintes regras:
a) Só poderá facerse uso da palabra previa autorización do presidente.
b) O goberno municipal, ou o promotor dunha proposición ou moción, poderá facer uso dun primeiro turno de explicación cando así o estime oportuno.
c) No debate, os diversos grupos consumirán un primeiro turno. O alcalde velará para que tódalas intervencións teñan unha duración igual.
d) Se o solicitase algún grupo, e o Presidente o considerase oportuno, procederase a un segundo turno.
e) Poderá solicitar un turno especial por alusións, que será breve e conciso, todo concelleiro que se considere aludido.
f) Non se admitirán outras interrupcións mais que as do presidente para chamar á orde ou á cinguirse a cuestión debatida.
Os membros da corporación poderán en calquera momento do debate pedi-la palabra para formular unha cuestión de orde, invocando ó efecto a norma da que reclama aplicación. O presidente resolverá o que proceda sen que por este motivo se emprenda debate algún.
O secretario e o interventor poderán intervir cando fosen requiridos polo presidente, ou calquera concelleiro, previa autorización da presidencia, por razóns de asesoramento técnico ou aclaración de conceptos. Tamén o poderá facer calquera outro funcionario ou asesor, de forma absolutamente extraordinaria, cando así o acorde a presidencia.
Cando o secretario ou o interventor entendan que no debate suscitouse algunha cuestión sobre a que poida dubidarse sobre a legalidade ou puidese ter implicacións económicas poderán solicitar ó presidente o uso da palabra para asesorar á corporación.
Artigo 34.-O goberno municipal poderá realizar un turno previo de explicación dos dictames ou proposicións, antes de iniciarse o debate formal dos asuntos, e de igual forma poderá actuar o responsable dunha proposición ou emenda.
Nas deliberacións poderá intervir cada grupo municipal mediante o voceiro ou outros membros, pola orde inversa de representantes na corporación e consumindo turno no primeiro lugar o grupo mixto, logo os minoritarios e en último lugar o maioritario.
A intervención normal de cada grupo non excederá de cinco minutos. Non obstante, naqueles temas que pola súa importancia ou complexidade así o requiran, e a petición de calquera voceiro, o presidente establecerá a duración das intervencións antes de comezar estas, coma no caso do debate dos orzamentos municipais, de temas obxecto de sesións monográficas ou aqueles outros que requiran maior dedicación ou un debate máis extenso.
O segundo turno terá unha duración máxima do cincuenta por cento do turno anterior.
O tempo que corresponda ó grupo mixto poderá repartirse por igual entre os representantes das listas que o integran.
O presidente poderá acordar, durante o transcurso da sesión que se interrompa a mesma para permitir as deliberacións dos grupos sobre a cuestión debatida ou para descanso dos debates. Estas interrupcións non terán duración superior a dez minutos.
Artigo 35.-O alcalde poderá chamar á orde, explicando sempre o motivo desta, a calquera membro da corporación que:
a) Profira palabras ou verta conceptos ofensivos ó decoro da corporación ou dos seus membros, das institucións públicas ou de calquera outra persoa ou entidade.
b) Produza interrupcións ou de calquera outra forma, altere a orde das sesións.
c) Pretenda facer uso da palabra sen que lle fose concedida ou unha vez que lle fose retirada.
Tras tres chamadas á orde na mesma sesión, coa advertencia na segunda das consecuencias dunha terceira chamada, o presidente poderá ordenar a un concelleiro que abandone o local en que se está celebrando a reunión, adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión.
Artigo 36.-Nos supostos en que, de conformidade co establecido no artigo 76 da lei 7/85, e 230 da Lei 5/97 algún membro da corporación deba absterse de participar na deliberación e votación, terá que abandonar o salón mentres se discuta e vote o asunto, salvo cando se trate de debater a súa actuación como corporativo, no citado caso terá dereito a permanecer e defenderse.
Artigo 37.-Para os efectos do desenvolvemento das sesión e para definir o carácter das intervencións dos membros da corporación, utilizarase a seguinte terminoloxía:
1.-Dictame: é a proposta sometida ó pleno tralo estudio do expediente pola comisión informativa. Conten unha parte expositiva e un acordo a adoptar.
2.-Proposición: é a proposta que se somete ó pleno relativo a un asunto incluído na orde do día que acompaña á convocatoria, pero que non fose dictaminada en comisión informativa. Conterá unha parte expositiva ou xustificación e un acordo, así mesmo a adoptar. Non procederá entrar a debater nin votar unha proposición sen que previamente fose ratificada a súa inclusión do asunto na dita orde.
3.-Moción: é a proposta que se somete directamente a coñecemento do pleno ó abeiro do previsto no Regulamento. Poderá formularse por escrito ou oralmente. No caso de que se formulen oralmente durante a celebración dun pleno ordinario, no prazo que termina o día seguinte hábil ó da celebración da sesión, deberá entregarse copia escrita desta na Secretaría municipal, ó obxecto da súa debida transcrición en acta.
Para que as mocións poidan ser previamente dictaminadas en comisión antes de ser debatidas no pleno, deberán ser presentadas cunha antelación de oito días con anterioridade á data da celebración do pleno ordinario correspondente.
Antes de rexeitar a inclusión na orde do día dunha moción, o alcalde deberá consultar previamente á xunta de portavoces, onde oirá as razóns que se invoquen por cada grupo político, e particularmente polo promotor da moción. Se non fose escoitada, a xunta de portavoces, deberá dirixir escrito motivado ó concelleiro autor da moción da que se rexeita a inclusión na orde do día, ou aproveitando a quenda de respostas, no punto de rogos e preguntas, expresarlle os ditos motivos.
4.-Emenda: é a proposta de modificación dun dictame ou proposición presentada por calquera membro mediante escrito presentado ó presidente antes de iniciarse a deliberación do asunto.
5.-Voto particular é a proposta de modificación dun dictame formulada por un membro que forma parte da Comisión Informativa. Deberá achegar ó dictame dende o día seguinte á súa aprobación pola Comisión.
6.-Rogo: é a formulación dunha proposta de actuación dirixida a algúns dos órganos de goberno municipal. Os rogos formulados no pleno poderán ser debatidos, pero en ningún caso sometidos a votación. Poden formular rogos tódolos membros da corporación ou os grupos municipais ó través dos seus voceiros. Os rogos poderán ser efectuados oralmente ou por escrito. No caso de que se formulen oralmente, no prazo que termina o día seguinte hábil ó da celebración da sesión, deberá entregarse copia escrita na Secretaría municipal, ó obxecto da súa debida transcrición en acta. Serán contestados xeralmente na sesión seguinte, sen prexuízo de que o poidan ser nesta sesión que se formulen se o presidente o estima conveniente.
7.-Pregunta: é calquera cuestión formulada ós órganos de goberno no seo do pleno. Poden formular preguntas tódolos membros da corporación ou os grupos municipais a través dos seus voceiros, ben por escrito ou oralmente. No caso de que se formulen oralmente, no prazo que termina o día seguinte hábil ó da celebración da sesión, deberá entregarse copia escrita destes na Secretaría municipal, ó obxecto da súa debida transcrición en acta.
As preguntas formuladas oralmente no transcurso dunha sesión serán xeralmente contestadas polo seu destinatario na sesión seguinte, sen prexuízo de que o preguntado queira darlle resposta inmediata. As preguntas formuladas por escrito con vintecatro horas de antelación serán contestadas ordinariamente na sesión de que se trate ou, por causas debidamente motivadas, na seguinte.
Artigo 38.-Rematado o debate dun asunto procederase á súa votación. Antes de comezar a votación o alcalde formulará clara e concisamente ós termos desta e a forma de emitir o voto.
Unha vez iniciada a votación non pode interromperse por ningún motivo. Durante o seu desenvolvemento o presidente non concederá o uso da palabra e ningún membro da corporación poderá entrar ou saír do salón de sesións. O voto dos concelleiros é persoal e indelegable.
Artigo 39.-As votacións poden ser ordinarias, nominais e secretas.
Son ordinarias as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, desestimento ou abstención. Son nominais aquelas votacións que se realizan mediante chamamento por orde alfabética de apelidos e sempre en último lugar o presidente, e na que cada membro da corporación ó ser chamado responde en voz alta "si", "non" ou "abstención". Son secretas as que se realizan por papeleta de cada membro da corporación depositada nunha urna ou bolsa.
Artigo 40.-O sistema normal de votación é a ordinaria, a non ser que o propio pleno acorde, por maioría simple en votación ordinaria e para un caso concreto, a votación nominal, de acordo co disposto nos artigo 46.2e) da Lei 7/85 e 210.2.d) da Lei 5/97.
A votación secreta só se poderá utilizar para a elección ou destitución de persoas, así como para o suposto previsto no artigo 70.1 da Lei 7/1985.
Artigo 41.-Cando existan emendas someteranse a votación en primeiro lugar as emendas e por último as propostas ou dictames. Se o resultado dunha votación é positivo non haberá máis debate nin votación sobre o mesmo obxecto concreto da votación.
Rematada a votación ordinaria o presidente declarará o acordado.
Inmediatamente de concluír a votación nominal ou secreta, o secretario computará os votos emitidos e anunciará en voz alta o seu resultado, á vista do cal o presidente proclamará o acordo adoptado.
Proclamado o acordo, calquera grupo ou concelleiro que non interviñese no debate ou que tras este cambiase o sentido do seu voto, poderán solicitar da presidencia un turno de explicación de voto.
Artigo 42.-Serán nulos os acordos adoptados en sesións extraordinarias sobre asuntos non comprendidos na súa convocatoria, así como os que se adopten nas sesións ordinarias sobre materias non incluídas na respectiva orde do día, agás especial e previa declaración de urxencia co voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da corporación.
Artigo 43.-O control e fiscalización polo pleno da actuación dos demais órganos de goberno exercerase, a máis das mocións, rogos e preguntas que se formulen, a través dos seguintes medios:
a) Requirimento de presencia e información de membros corporativos que ostenten delegación.
b) Debate sobre a actuación da comisión de goberno.
c) Moción de censura ó alcalde.
Artigo 44.-Poderase solicita-la comparecencia dun concelleiro delegado mediante escrito dirixido á presidencia e subscrito por un mínimo de un tercio do número legal de membros da Corporación. No caso de producirse a comparecencia o goberno poderá mostrarse de xeito solidario a través de calquera membro deste. No desenvolvemento destas comparecencias seguirase o orde das intervencións establecidas no regulamento, intervindo o informante para dar resposta ás preguntas que lle formulen os diversos grupos políticos da corporación.
En ningún caso, no transcurso deste acto, poderá derivar a adopción de acordos sen cumprirse os requisitos establecidos neste regulamento.
Artigo 45.-O Pleno, á proposta do alcalde ou mediante solicitude da cuarta parte do número legal de membros da corporación, poderá acordar a celebración de sesión extraordinaria co obxecto de someter a debate a xestión da comisión de goberno.
O desenvolvemento da sesión regularase polo establecido con carácter xeral, intervindo en primeiro lugar o autor da proposta para explicar o significado desta. Contestará un membro da comisión de goberno designado por esta e, despois de senda quendas de réplica, poderán intervir os demais grupos políticos da corporación para formular preguntas á comisión de goberno, que serán respondidas por un membro desta.
Como consecuencia do debate poderá presentarse unha moción co obxecto de que o pleno manifeste a súa posición sobre a xestión da comisión de goberno. Se o pleno admite debater a moción, esta incluirase na orde do día da seguinte sesión plenaria.
Artigo 46.-As mocións de censura ó alcalde, así como a formulación ó pleno da cuestión de confianza por parte do alcalde, axustaranse ó disposto na Lei orgánica do réxime electoral (artigos 197 e 197 bis redactados conforme á Lei orgánica 8/1999, de 21 abril).
Artigo 47.-De cada sesión o secretario estenderá acta na que haberá de constar:
a) Lugar da reunión con expresión do nome do municipio e local no que se celebra.
b) Día, mes e ano.
c) Hora de comezo
d) Nome e apelidos do presidente, dos/as membros da corporación presentes, dos/as ausentes que se escusasen e dos que falten sen escusa.
e) Carácter ordinario ou extraordinario da sesión e se se celebra en primeira ou segunda convocatoria.
f) Asistencia do secretario e do interventor ou de quen legalmente os substitúa.
g) Asuntos que examinen, opinións sintetizadas dos grupos ou membros da corporación que interviñesen nas deliberacións e incidencias destas.
h) Votacións que se verifiquen e no caso das nominais o senso en que cada membro emita o seu voto. Nas votacións ordinarias farase constar o número de votos afirmativos, dos negativos e das abstencións, e os grupos políticos ós que pertencen. Farase constar nominalmente o sentido do voto cando así o pidan os interesados, ou sea conveniente para os efectos que procedan.
i) Parte dispositiva dos acordos que se adopten.
j) Hora en que o presidente levante a sesión.
De non se celebrar sesión por falta de asistencia ou outro motivo, o secretario suplirá a acta cunha dilixencia autorizada coa súa sinatura na que consigne a causa e o nome dos concorrentes e dos que escusasen a súa asistencia.
Artigo 48.-A transcrición na acta das opinións sintetizadas dos membros asistentes ó pleno, poderá substituírse polo rexistro en soporte apto para a gravación e reproducción do son (e no seu caso tamén da imaxe, se fose posible), conforme ó procedemento e garantías semellantes ó establecido nos artigos 147 e 187 da Lei 1/2000, de 7 de xaneiro. Nos casos en que o alcalde así o ordenase, unirase ás acta, como anexo a estas, unha transcrición das gravacións rexistradas nos soportes correspondentes. Esta transcrición das intervencións previas á adopción dos acordos, consideraranse como un antecedente máis deses, pero sen formar parte do propio acordo, que se comunicará ou notificará, sen incluilas intervencións.
Os grupos políticos poderán solicitar a audición, dos soportes gravados.
Unha vez aprobada polo pleno a acta, transcribirase no libro de actas, autorizándose coas firmas do alcalde e do secretario.
As actas correspondentes serán aprobadas con independencia dos soportes gravados, e no seu caso das transcricións que se fixesen das intervencións gravadas que figuraxen como anexo ás correspondentes actas, nos casos que se ordenase a dita transcrición
Capítulo II.-Funcionamento da Comisión de Goberno.
Artigo 49.-Conforme o artigo 211 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, a Comisión de goberno, para exerce-las súas competencias resolutorias, terá sesións ordinarias coa periodicidade determinada polo Pleno e sesións extraordinarias cando o presidente o decida.
Para o exercicio das súas funcións de asistencia, reunirase cando o Presidente da Corporación o determine.
Corresponde ó alcalde fixar o día e hora das sesións ordinarias, conforme a periodicidade que fose determinada polo Pleno. As sesións extraordinarias e as urxentes terán lugar cando con tal carácter sexan convocadas polo alcalde.
Artigo 50.-As sesións da comisión de goberno axustaranse ó disposto na lexislación vixente e neste regulamento para as sesión plenarias, coas seguintes modificacións:
a) Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderán transcorrer menos de vintecatro horas, salvo nos casos de sesións extraordinarias e urxentes nas que, antes de entrar a coñecer os asuntos incluídos na orde do día deberá ser declarada a urxencia por acordo favorable da maioría dos membros.
b) As sesións da comisión de goberno non serán públicas, sen prexuízo da publicidade e comunicación ás administracións estatal e autonómica dos acordos adoptados, e da remisión de copia da acta a tódolos membros da corporación.
c) Para á válida constitución da comisión de goberno requírese a asistencia da maioría absoluta dos seus compoñentes. Si non existise quórum constituirase en segunda convocatoria, una hora despois da sinalada para a primeira, sendo suficiente a asistencia da terceira parte dos seus membros , non podendo ser nunca inferior a tres. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión.
d) O alcalde dirixe e ordena ó seu prudente arbitrio os debates na comisión de goberno e nos casos en que a comisión de goberno exerza competencias delegadas polo pleno será preceptivo o informe previo da comisión informativa correspondente.
e) As actas da comisión de goberno transcribiranse en libro distinto ó das sesións do pleno.
Artigo 51.-A comisión de goberno nas súas reunións deliberantes non poderá adoptar ningún acordo, formalizándose o resultado das deliberacións no seu caso, en forma de dictames.
Artigo 52.-Tanto nas sesións como nas reunións da comisión de goberno, o alcalde poderá requirir a presencia de membros da corporación non pertencentes á comisión de goberno ou de persoal ó servicio da corporación ó obxecto de informar no relativo ó ámbito das súas actividades.
Capítulo III.-Réxime Xeral das Delegacións entre os órganos necesarios.
Artigo 53.-A delegación de atribucións requirirá, para ser eficaz, a súa aceptación por parte do delegado. A delegación entenderase aceptada tacitamente se no termo de tres días hábiles contados dende a notificación do acordo, o membro ou órgano destinatario da delegación non fai manifestación expresa ante o órgano delegante de que non acepta a delegación.
As delegacións do pleno no alcalde ou na comisión de goberno e as do alcalde nesta última, como órgano colexiado, non quedarán revogadas polo mero feito de producirse un cambio na titularidade da alcaldía ou na composición concreta da comisión de goberno.
A revogación ou modificación das delegacións deberá adoptarse cas mesmas formalidades que as esixidas para o seu outorgamento.
Artigo 54.-O órgano delegante poderá avocar en calquera momento a competencia delegada con arranxo á lexislación vixente sobre procedemento administrativo común.
Artigo 55.-Ningún órgano poderá delegar nun terceiro as atribucións ou potestades recibidas por delegación.
Artigo 56.-A delegación de atribucións entenderase que é por tempo indefinido, salvo que a resolución ou acordo de delegación dispoña outra cousa, ou a temporalidade desta se derive da propia natureza da delegación.
TÍTULO IV.- DA ORGANIZACIÓN COMPLEMENTARIA DO CONCELLO
Artigo 57.-Son órganos complementarios do Concello das Pontes de García Rodríguez:
a) Os concelleiros delegados.
b) A Comisión especial de contas
c) As comisións de estudio, informe ou consulta, de carácter permanente.
d) As comisións informativas especiais
e) Os consellos locais sectoriais.
Artigo 58.-Os concelleiros delegados son aqueles concelleiros que ostentan algunha das delegacións de atribucións do alcalde, segundo se prevé no presente regulamento.
A condición de concelleiro delegado pérdese nos casos seguintes:
a) Por renuncia expresa, que haberá de ser formalizada por escrito ante a Alcaldía.
b) Por revogación da delegación adoptada polo alcalde coas mesmas formalidades previstas para outorgala.
Artigo 59.-Cando as delegacións teñan o carácter de xenéricas en favor dos membros da comisión de goberno, terán as atribucións que se especifiquen na resolución de delegación e se esta non indica nada ó respecto entendese:
1.-Que inclúe as seguintes facultades:
a) Dirixir, inspeccionar o servicio ou servicios respectivos.
b) Ordenar a tramitación de expedientes por faltas de desobediencia ou por infracción de ordenanzas ou bandos municipais.
c) Outorgar licencias ou autorizacións sobre as materias delegadas, cando non exista delegación expresa na comisión de goberno.
d) Resolver as cuestións que afecten a terceiros.
e) Conformar as propostas de resolucións dos directores de servicios e das unidades administrativas así como as propostas ou relacións de asuntos que han de pasarse á secretaría xeral para a formación da orde do día dos plenos e comisións de goberno.
f) Asinar tódalas disposicións que sexan precisas para o cumprimento das facultades anteriores, así como o visto e prace das certificacións.
2.-Non inclúe, en principio, as seguintes facultades:
a) Representar ó concello salvo delegación expresa.
b) Autorizar recepcións, homenaxes, e demais actos públicos e protocolarios, sen consulta previa á Alcaldía, quen realizará as invitacións a ditos actos.
c) Adquirir compromisos económicos ou doutro tipo con institucións ou autoridades estatais, autonómicas ou locais.
d) Realizar xestións ou actos que dean lugar a disposición de gastos.
e) Ordenar pagos
f) Contratar obras, servicios ou subministros.
g) E en xeral tódalas que a teor do disposto na lexislación vixente, a alcaldía non pode delegar.
Artigo 60.-A comisión especial de contas prevista nas Leis reguladora das bases do réxime local, reguladora das facendas locais e de administración local de Galicia, estará constituída polos membros dos distintos grupos políticos da corporación.
O número de membros será proporcional á súa representatividade no concello.
Corresponderalle á comisión especial de contas o exame, estudio e informe da Conta Xeral e das demais contas anuais.
Para o exercicio axeitado das súas funcións a comisión poderá requirir, por medio do alcalde, a documentación complementaria que considere precisa e a presencia dos membros e funcionarios da corporación especialmente relacionados coas contas que se analicen.
As competencias da comisión especial de contas entenderanse sen prexuízo das que lle correspondan ó Tribunal de Contas e ó Consello de Contas de conformidade coa súa lexislación específica.
Mediante acordo plenario que así o estableza, a comisión especial de contas poderá actuar como comisión informativa permanente para os asuntos relativos a economía, facenda, e outros que poidan encomendárselle.
Artigo 61.-As comisións informativas de estudio, informe ou consulta, de carácter permanente, integradas exclusivamente por membros da corporación, e nas que participarán tódolos grupos políticos que a integren, son órganos sen atribucións resolutorias que teñen por función o estudio e o dictame previo dos asuntos que deban someterse á decisión do pleno.
Igualmente informarán aqueles asuntos da competencia propia ou delegada da comisión de goberno ou do alcalde, cando estes órganos soliciten dictame.
Correspóndelle ó pleno determina-lo número e a denominación destas comisións así como as súas modificacións, a proposta do alcalde.
Artigo 62.-As comisións informativas especiais serán creadas por acordo do Pleno da Corporación a proposta da Alcaldía para o estudio dalgún asunto concreto en consideración ás súas características especiais de calquera tipo.
Estas comisións, salvo disposición expresa en contrario, extínguense automaticamente unha vez dictaminado ou informado o asunto que constitúe o seu obxecto.
Artigo 63.-No acordo ou resolución de creación das comisións informativas, determinarase a composición concreta destas, tendo en conta as seguintes regras:
a) O alcalde é o presidente nato de todas elas, sen embargo a presidencia efectiva poderá delegala en calquera concelleiro.
b) Cada comisión estará integrada de forma que a súa composición se acomode á proporcionalidade existente entre distintos grupos políticos representados na corporación.
c) A adscrición concreta a cada comisión dos membros da corporación que deban formar parte desta en representación dun grupo municipal, farase mediante escrito do voceiro deste dirixido ó alcalde e do que se dará conta ó pleno. De igual forma designarase un suplente por cada titular.
Cando se solicite da xunta de portavoces a emisión de informes ou dictames en relación con alguha moción que deba ser debatida no pleno, en aplicación do previsto no artigo 66.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, aplicarase o sistema de voto ponderado.
Artigo 64.-Os dictames das comisións informativas permanentes teñen carácter preceptivo e non vinculante. Nos supostos de urxencia o pleno poderá adoptar acordos sobre asuntos non dictaminados pola correspondente comisión informativa.
Artigo 65.-As comisións informativas celebrarán sesións ordinarias coa periodicidade que se acorde no momento da súa constitución e nos días e horas que estableza o alcalde ou o seu respectivo presidente, quen poderán así mesmo convocar sesións extraordinarias ou urxentes .
As convocatorias corresponden ó alcalde ou presidente da comisión e deberán ser notificadas ós membros da comisión cunha antelación de dous días salvo as urxentes.
Artigo 66.-A válida celebración das sesións das comisións informativas require a presencia da maioría absoluta dos seus compoñentes, xa sexan titulares ou suplentes, en primeira convocatoria, e un mínimo de tres membros en segunda convocatoria, media hora máis tarde.
O presidente dirixe e ordena ó seu prudente arbitrio os debates da comisión, respectando os principios xerais que rexen os debates plenarios.
Os dictames aprobaranse por maioría simple dos presentes, decidindo os empates o presidente co voto de calidade.
Tódolos membros da corporación poderán asistir en calidade de oínte a tódalas comisións informativas que desexen. Ademais poderán intervir nas mesmas, con voz pero sen voto, co permiso do presidente da respectiva comisión.
Artigo 67.-Ningunha comisión poderá deliberar sobre asuntos da competencia doutra, a menos que se trate de problemas comúns e neste caso poderá convocarse polo alcalde, unha sesión conxunta.
O dictame da comisión poderá limitarse a mostrar a súa conformidade ca proposta que lle sexa sometida polos servicios administrativos competentes, ou polo concelleiro delegado de área, ou ben formular unha alternativa.
Os membros da comisión que disintan do dictame aprobado poderán pedir que conste en acta o seu voto en contra e formular voto particular para a súa defensa ante o Pleno.
O presidente da cada comisión poderá requiri-la presencia de persoal municipal ou membros da corporación a efectos informativos.
Ás sesións da comisión especial de contas, así como as de economía e facenda asistirá en todo caso o titular da Intervención ou funcionario en quen delegue.
De cada sesión das comisións informativas levantarase a correspondente acta na que constarán os extremos a que se refiren o artigo 47 do presente regulamento, á que se achegarán os dictames que fosen aprobados e os votos particulares que se formulasen.
Artigo 68.-Os consellos locais sectoriais rexeranse polo que dispón o Regulamento de participación cidadá aprobado polo pleno do Concello en sesión de 27 de decembro de 1999 e publicado no Boletín Oficial da provincia número 46, do 25 de febreiro de 2000.
TÍTULO V.-DA INFORMACIÓN E PARTICIPACIÓN CIDADÁ.
Capítulo I.-Da información municipal.
Artigo 69.
1.-O Concello informará ós veciños en xeral e ás asociacións de veciños en particular, da súa xestión, a través dos medios de comunicación social e mediante a edición de publicacións, folletos, bandos, organización de actos informativos e cantos outros medios se consideren necesarios. Ó mesmo tempo poderá recoller a opinión dos veciños e asociacións a través de debates, asembleas, reunións, consultas, enquisas e sondaxes de opinión.
2.-Tódolos cidadáns teñen os dereitos establecidos no artigo 252.2 da Lei de administración local de Galicia.
Artigo 70.-Nas dependencias do Concello funcionará un servicio municipal de información, iniciativas, reclamacións e queixas coas seguintes funcións:
a).-Canalizar toda a actividade relacionada coa información a que se refire o artigo anterior así como o resto da información que o Concello proporcione.
b).-Informar acerca dos fins, competencias e funcionamento dos distintos órganos e servicios dependentes do Concello.
c).-Informar dos trámites de cada expediente.
d).-Recepción das iniciativas e propostas dos cidadáns así como a tramitación das queixas a que puidesen dar lugar as anomalías que se observen no funcionamento dos servicios municipais.
Artigo 71.-A obtención de copias e certificacións acreditativas dos acordos municipais ou antecedentes destes solicitaranse por escrito no Rexistro Xeral do Concello previo o abonamento das taxas que procedan.
No escrito no que se deduza o pedimento, asinado polo peticionario deberá constar o seu nome e enderezo, e deberá dirixírselle ó alcalde da Corporación.
Capítulo II.-Rexistro municipal de asociacións veciñais.
Artigo 72.-O rexistro municipal de asociacións veciñais ten por obxecto permitirlle ó Concello coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins e a súa representatividade para posibilitar unha correcta política municipal de fomento do asociacionismo de acordo cos principios de obxectividade, imparcialidade e igualdade.
Artigo 73.-Poderán obter a inscrición no rexistro municipal de asociacións veciñais todas aquelas constituídas legalmente e inscritas no rexistro xeral de asociacións, sen ánimo de lucro, que teñan por obxecto a defensa, fomento ou mellora dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños do Concello das Pontes de García Rodríguez; e en particular as asociacións de veciños, pais de alumnos, entidades culturais, deportivas, recreativas e xuvenís, sindicais, empresariais, profesionais e calesqueira outras similares.
Artigo 74.-O rexistro municipal de asociacións veciñais levarase na Secretaría Xeral e os seus datos serán públicos. As inscricións realizaranse mediante solicitude das asociacións interesadas, a través do Rexistro Xeral do Concello, e deberán xuntar os seguintes datos:
- Estatutos da asociación.
- Número de inscrición no rexistro xeral de asociacións e noutros rexistros públicos.
- Nome e apelidos das persoas que ocupen os cargos directivos.
- Enderezo social e cédula de identificación fiscal.
- Orzamento do exercicio económico en curso.
- Programa de actividades do ano en curso.
- Certificación do número de socios.
Artigo 75.-No prazo dun mes dende a solicitude de inscrición, salvo que aquel se interrompese pola necesidade de achegar documentación non incluída inicialmente, o Concello notificaralle á asociación o seu número de inscrición e a partir dese momento considerarase de alta para tódolos efectos.
Artigo 76.-As asociacións inscritas están obrigadas a manter os seus datos ó día, notificando as modificacións que afecten ós estatutos e á composición da súa xunta directiva nun prazo máximo dun mes dende que se producen. O orzamento, balance económico do exercicio anterior e o programa anual de actividades comunicarase durante o primeiro trimestre do ano.
O incumprimento destas obrigas dará lugar a que o Concello dea de baixa á asociación no rexistro, logo de lle comunicar por escrito para que no prazo de quince días formule as alegacións que estime axeitadas. De non se formular alegacións a baixa será definitiva.
Artigo 77.-Sen prexuízo do dereito xeral de acceso á información municipal recoñecido ós veciños en xeral, as asociacións inscritas no rexistro municipal terán dereito a:
- Recibiren información directa sobre os asuntos que sexan do seu interese.
- Facer propostas sobre os asuntos que afecten ós intereses do seus representados no ámbito da competencia municipal.
- Formar parte dos órganos de participación municipal.
- Intervir nas sesións dos órganos do concello cando sexan requiridas e autorizadas e de acordo co disposto no presente regulamento.
- Recibir no seu domicilio social as convocatorias das sesións plenarias.
Capítulo III.-Da participación cidadá.
Artigo 78.- A participación ciudadá rexerase polo Regulamento de participación ciudadá, aprobado polo pleno do Concello en sesión de 27 de decembro de 1999 e publicado no Boletín Oficial da provincia número 46 de 25 de febreiro de 2000.
As sesións do Pleno da Corporación son públicas salvo nos casos previstos no artigo 71 da Lei 7/1985 de 2 de abril e 253.1 da Lei de administración local de Galicia. Serán tamén públicas as sesións dos órganos de participación.
Non son públicas as sesións da Comisión de Goberno, pero si as sesións das comisións informativas. Non obstante a Comisión de Goberno poderá convocar, ós efectos de escoitar o seu parecer nun tema concreto, ó representante da asociación afectada para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños.
Artigo 79.-Cando algunha das asociacións inscritas no rexistro municipal desexe efectuar unha exposición ante o Pleno en relación con algún punto da orde do día no que interviñesen na súa tramitación administrativa como interesados, deberán solicitarllo ó alcalde vintecatro horas antes do comezo da sesión.
Coa autorización deste e a través dun único representante poderán expoñe-lo seu parecer durante o tempo que sinale o alcalde, cun máximo de cinco minutos, e sempre con anterioridade á lectura, debate e votación da proposta incluída na orde do día.
Artigo 80.- Rematadas as sesións ordinarias do Pleno o alcalde poderá establecer unha rolda de rogos e preguntas co público asistente e sobre temas concretos de interese municipal. Correspóndelle ó alcalde ordenar e pechar esta rolda.
DISPOSICIÓN FINAL
A salvo das disposicións de rango legal e de superior xerarquía de aplicación preferente, no que non estivese previsto neste Regulamento serán de aplicación as disposicións do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, de 28 de novembro.