Pontes de García Rodríguez As - REGULAMENTO PARA A ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DO REXISTRO MUNICIPAL DE UNIÓNS NON MATRIMONIAIS

Publicación provisional: 10/02/2000 BOP Nº: 33
Publicación definitiva: 14/04/2000 BOP Nº: 87
Aplicable dende: 14/04/2000

Art. 1.

Créase o rexistro municipal de unións non matrimoniais do Concello das Pontes de García Rodríguez, con carácter administrativo, no que poderán inscribirse as unións non matrimoniais con independencia da orientación sexual, así como aquelas non definibles polo trato sexual e constituídas para a convivencia e o apoio mutuo, isto na forma e cos requisitos que se establecen no presente regulamento.

Art. 2.

Poderán instar a súa inscrición no rexistro todas aquelas unións de dúas ou máis persoas, incluso do mesmo sexo, que polo seu libre e pleno consentimento constitúan unha unión de convivencia non matrimonial.

Serán requisitos para que se poida levar a cabo a inscrición:

a) Estar empadroados no municipio das Pontes de García Rodríguez. Para tal efecto, formulada a solicitude de inscrición, emitirase informe pola persoa encargada do servicio do padrón municipal.

b) Ser maior de idade ou menor emancipado e non ter sido declarado incapacitado. Achegarase fotocopia do DNI e documentos acreditativos da emancipación, no seu caso, de conformidade co establecido no art. 314 e seguintes do Código Civil e declaración responsable de non ter sido declarado incapacitado por sentencia xudicial firme.

Art. 3.

A solicitude de inscrición deberá ir asinada por tódolos membros da unión e a inscrición levarase a cabo mediante comparecencia persoal e conxunta ante o funcionario encargado do rexistro efectuando declaración formal ó respecto da existencia da unión de convivencia non matrimonial.

Art. 4.

Poderán inscribirse mediante transcrición literal os convenios reguladores das relacións persoais e patrimoniais entre os membros da unión. Tamén poderán inscribirse outros feitos ou circunstancias relevantes que afecten á unión non matrimonial.

Art. 5.

Calquera modificación posterior dos datos inscritos en canto ó convenio e feitos ou circunstancias, deberá efectuarse mediante comparecencia persoal e conxunta dos membros da unión de convivencia non matrimonial. Respecto á terminación da unión poderá efectuarse, a instancia dun só dos membros da mesma.

Art. 6.

O rexistro municipal de unións non matrimoniais estará a cargo da Secretaría Xeral do Concello das Pontes de García Rodríguez.

Art.7.

O rexistro materializarase nun libro-rexistro municipal de unións non matrimoniais que estará formado por follas móbiles, foliadas e seladas, legalizadas coa rúbrica do secretario da corporación e expresará na súa primeira páxina, mediante dilixencia de apertura asinada polo secretario, o número de folios e a data de apertura.

O libro-rexistro municipal de unións non matrimoniais non terá carácter público, salvo as certificacións que expida o funcionario encargado do mesmo a instancia, exclusivamente, de calquera dos membros da unión ou dos xuízos e tribunais de xustiza.

Art. 9.

No ámbito competencial do Concello das Pontes de García Rodríguez, as unións non matrimoniais de convivencia inscritas no rexistro municipal, cando se trate de parellas, terán a mesma consideración xurídica e administrativa que as unións matrimoniais sen obstáculo doutras formas de proba.

Declaración responsable para os efectos do art. 2B do Regulamento regulador do rexistro municipal de unións non matrimoniais.

Os comparecentes identificado polo seu nome, apelidos e número de documento nacional de identidade:

Presenta a seguinte declaración responsable para os efectos establecidos no art. 2b do Regulamento regulador do rexistro municipal de unións non matrimoniais.

1.º .-Que son maiores de idade.

2.º .-Que non foron declarados incapacitados por sentencia xudicial firme.

3.º .-Que o seu estado civil é:

4.º .-Que actualmente forman unha unidade de convivencia non matrimonial estable no domicilio citado na instancia.

5.º .-Que coñecen o articulado do regulamento e se comprometen a comparecer persoal e conxuntamente no suposto de modificación posterior dos datos inscritos en canto a convenios feitos ou circunstancias inscritos no rexistro municipal de unións non matrimoniais.

As Pontes de García Rodríguez.

Asinado.

SOLICITUDE DE INSCRICIÓN NO REXISTRO MUNICIPAL DE UNIÓNS NON MATRIMONIAIS

Os comparecentes identificados polo seu nome, apelidos e número de documento nacional de identidade, empadroados no municipio das Pontes de García Rodríguez:

Con domicilio en: ...

Expoñen:

1.º .-Que reúnen os requisitos esixidos no art. 2 do regulamento vixente para regula-la creación, organización e funcionamento do rexistro municipal de unións non matrimoniais.

2.º .-Que libre e voluntariamente solicitan a inscrición no citado rexistro e para tal efecto achegan a seguinte documentación:

Fotocopia do documento nacional de identidade dilixenciado de autenticidade.

Declaración responsable a teor de cumpri-los requisitos esixidos no art. 2, ap. b, do Regulamento.

As Pontes de García Rodríguez.

Asinado.