Boqueixón - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE BOQUEIXÓN

Publicación provisional: 27/03/2015 BOP Nº: 58
Publicación definitiva: 18/05/2015 BOP Nº: 91
Aplicable dende: 10/11/2015

Artigo 1.º.-Fundamento e natureza

1.1. No uso das facultades concedidas nos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos do 15 ao 27 e 57 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, o Concello de Boqueixón establece a taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar. 1.2. O servizo público de axuda no fogar configúrase como unha prestación do sistema público de benestar social establecida na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e de atención ás persoas en situación de dependencia e demais normativa estatal de desenvolvemento, Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia e demais normativa de carácter autonómico que desenvolve a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma e, en especial, a Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar (DOG núm. 22, do 2/02/2009). 1.3. As atencións que se prestan son as reflectidas na Ordenanza reguladora da prestación do servizo de axuda no fogar do Concello de Boqueixón.

Artigo 2.º.-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible a prestación efectiva do servizo de axuda no fogar, nos termos e condicións de intensidade regulada na ordenanza municipal do servizo de axuda no fogar deste concello.

Artigo 3.º.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos en concepto de contribuíntes as persoas usuarias da prestación do servizo de axuda no fogar, xa sexa con carácter estable ou temporal.

Artigo 4.º.-Responsables.

4.1. Responderán solidariamente das débedas tributarias as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. 4.2. Serán responsables subsidiarias as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 43 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 5.º.-Cota tributaria.

5.1. A base impoñible estará constituída pola intensidade do servizo, medido en horas, por parte da persoa usuaria. 5.2. Establécese o prezo da hora en 13,48 €, IVE excluído, para os días laborables e sábados pola mañá e en 14,25 €, IVE excluído, para os sábados pola tarde, domingos e festivos.

Artigo 6.º.-Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias da dependencia.

1. A capacidade económica das persoas dependentes valoradas, con dereito recoñecido atención, mediante o servizo de axuda no fogar, calcularase en atención á súa renda e, se é o caso, ao seu patrimonio. Teranse en conta, ademais, a renda e patrimonio do cónxuxe e a existencia de persoas convivintes, economicamente dependentes. Para o cálculo da citada capacidade económica observaranse as normas de aplicación á materia vixentes en cada momento, fixadas polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia. 2. O resultado do cálculo da capacidade económica, correspondente ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar, constará na resolución do plan individualizado de atención que se desenvolva en cada caso, de conformidade co que establece o artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Artigo 7.º.-Determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo por libre concorrencia.

No servizo de axuda no fogar prestado a persoas ou unidades de conivencia distintas ás referidas no artigo anterior, o cómputo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios: 1. Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingreso a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas. 2. Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de conivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a dita lei, ao respecto do da vivenda habitual e doutros bens e dereitos. 3. A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas comutables, modificadas á alza pola suma dun 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total de persoas que convivan no fogar.

Artigo 8.º.-Participación no financiamento do servizo das persoas dependentes con dereito de atención recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.

1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas e efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo. 2. Nos demais supostos aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade do servizo asignado: GRAO I GRAO II GRAO III Nivel I Nivel II Nivel I Nivel II Nivel I Nivel II Capacidade económica (referida ó IPREM) 20 horas 30 horas 40 horas 55 horas 70 horas 90 horas ≤ ó 100% do IPREM 0% 0% 0% 0% 0% 0% >do 100% e ≤ do 115% do IPREM 4,52% 6,56% 8,59% 11,42% 14,47% 18,09% >do 115% e ≤ do 125% do IPREM 5,41% 7,84% 10,28% 13,66% 17,31% 21,64% >do 125% e ≤ do 150% do IPREM 5,55% 8,05% 10,54% 14,01% 17,76% 22,19% >do 150% e ≤ do 175% do IPREM 5,65% 8,19% 10,73% 14,26% 18,07% 22,59% >do 175% e ≤ do 200% do IPREM 5,72% 8,30% 10,87€ 14,45% 18,31% 22,89% >do 200% e ≤ do 215% do IPREM 5,81% 8,42% 11,03% 14,66% 18,58% 23,23% >do 215% e ≤ do 250% do IPREM 6,03% 8,75% 11,46% 15,24% 19,31% 24,14% >do 250% e ≤ do 300% do IPREM 6,24% 9,05% 11,86% 15,76% 19,97% 24,97% >do 300% e ≤ do 350% do IPREM 6,42% 9,30% 12,19% 16,20% 20,53% 25,66% >do 350% e ≤ do 400% do IPREM 6,54% 9,48% 12,42% 16,51% 20,93% 26,16% >do 400% e ≤ do 450% do IPREM 6,63% 9,62% 12,60% 16,75% 21,22% 26,53% >do 450% e ≤ do 500% do IPREM 6,70% 9,72% 12,74% 16,93% 21,45% 26,82% Superior ó 500% do IPREM 6,76% 9,80% 12,84% 17,07% 21,63% 27,04% 3. Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior para o grao e nivel correspondente, a cantidade a pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo. 4. En ningún caso, o importe da participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de copagamento poderá exceder do 65% do custo do servizo determinado en termos de prezo/hora.

Artigo 9.º.-Participación das persoas usuarias no financiamento do servizo de axuda no fogar por libre concorrencia.

1. Para o servizo de axuda no fogar en réxime de libre concorrencia, para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia, segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, aplicarase a seguinte táboa, que regula unha progresiva participación económica no custo do servizo con base no cálculo da capacidade económica per cápita, de acordo co establecido no artigo 7 desta ordenanza. CAPACIDADE ECONÓMICA Participación no custe do servizo de SAF básico Menor ou igual ao 0,80 IPREM 0% Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,25 IPREM 15% Maior de 1,25 e menor ou igual a 1,50 IPREM 20% Maior a 1,50 e menor ou igual a 1,75 IPREM 30% Maior de 1,75 e menor ou igual a 2 IPREM 40% Maior de 2 e menor ou igual a 2,25 IPREM 50% Maior de 2,25 e menor ou igual a 2,50 IPREM 60 % Maior de 2,50 IPREM 90% 2. Sen prexuízo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo de axuda no fogar sexa unha problemática de desestruturación familiar, exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social. 3. En calquera caso, establecerase un límite máximo de participación económica das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.

Artigo 10.º.-Obriga de contribuír.

O prezo público devengarase e nace a obriga de contribuír no momento de iniciarse a prestación do servizo, rateándose cando se liquiden meses incompletos.

Artigo 11.º.-Normas de xestión.

11.1. As normas de altas, modificacións e baixas na prestación do servizo son as recollidas nos artigos 8, 9, 12 e 13 da Ordenanza reguladora da prestación do servizo de axuda no fogar do Concello de Boqueixón. 11.2. Os prezos públicos contemplados nesta ordenanza satisfaranse con carácter posterior á prestación do servizo e con carácter específico, durante a primeira quincena do mes seguinte. 11.3. Por parte do concello e, sobre a base do parte de traballo asinado conxuntamente pola persoa usuaria e polo persoal de atención directa, elaborarase un recibo individual co importe correspondente ao servizo prestado no mes anterior, que se remitirá á entidade bancaria elixida pola persoa beneficiaria, para que se efectúe o pagamento. 11.4. O Concello de Boqueixón revisará anualmente os prezos base do servizo, e adaptará as porcentaxes correspondentes ás achegas das persoas usuarias segundo as modificacións que puideran emanar dos órganos autonómicos correspondentes. En ambos casos, de darse modificacións, comunicaranse por escrito ás persoas usuarias.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a actual ordenanza fiscal reguladora da achega económica das persoas usuarias do servizo de axuda no fogar do Concello de Boqueixón, aprobada polo Pleno da Corporación de 10 de xullo de 2013 e publicada no BOP de data 13 de setembro de 2013.

Disposición final

Esta ordenanza fiscal, aprobada polo Pleno da Corporación en sesión realizada o 9 de setembro do 2015, entrará en vigor unha vez se produza a publicación do seu texto no BOP. Permanecerá vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa. O texto íntegro da nova ordenanza, ou da ordenanza modificada, será obxecto de publicación no BOP.