Coristanco - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DOS PROCEDEMENTOS DE INTERVENCIÓN ADMINISTRATIVA NOS ACTOS DE USO DO SOLO E DO SUBSOLO E NO EXERCICIO DE ACTIVIDADES E APERTURA DE ESTABLECEMENTOS

Publicación provisional: 04/11/2015 BOP Nº: 211
Publicación definitiva: 21/12/2015 BOP Nº: 243
Aplicable dende: 22/12/2015

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior e a Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, que incorpora ao Dereito español aquela, pretenden facilitar a liberdade de establecementos dos prestadores e a libre prestación de servizos simplificando os procedementos.

Así mesmo, a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio modifica o artigo 84 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, engadindo aos sistemas clásicos de intervención na actividade dos cidadáns por parte das entidades locais o da comunicación previa ou declaración responsable e o sometemento ao control posterior ao inicio da actividade.

Por iso o Real Decreto 2009/2009, do 23 de decembro, modifica o Regulamento de servizos das corporacións locais de 1955 de forma que o seu artigo 22.1 que suxeitaba a licenza a apertura de establecementos industriais e mercantís queda redactado da seguinte forma: ¿A apertura de establecementos industriais e mercantís poderá suxeitarse aos medios de intervención municipal, nos termos previstos na lexislación básica en materia de réxime local e na Lei 17/2009, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio". Iso obedece á necesidade de adecuar o contido deste Regulamento ao novo réxime que introduce a comunicación previa ou a declaración responsable como mecanismo ordinario de intervención no ámbito local xunto ás licenzas.

Posteriormente, a Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sostible, volve a modificar a Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, engadíndolle un novo artigo 84.bis que establece que ¿con carácter xeral, o exercicio de actividades non se someterá á obtención de licenza ou outro medio de control preventivo", se ben mantén este mesmo control previo para aquelas actividades que afecten á protección do medio ambiente ou do patrimonio histórico artístico, a seguridade ou a saúde pública ou que impliquen o uso privativo e ocupación dos bens de dominio público.

Así pois, é preciso establecer e regular os procedementos para estes novos medios de intervención administrativa cunha ordenanza municipal e determinar as actividades que quedarían excluídas destes mecanismos de control que con carácter xeral se establecen no artigo 84.bis da Lei de bases do réxime local para as actividades.

Así, a Lei estatal 12/2012, do 26 de decembro, de medidas urxentes de liberalización do comercio e de determinados servizos elimina, por un lado, todos os supostos de autorización ou licenza municipal previa motivados na protección do medio ambiente, da seguridade ou da saúde públicas ligados a establecementos comerciais e outros que se detallan no seu anexo de menos de 300 m2 de superficie, e, por outro lado, estende esta ¿flexibilización" tamén ás obras ligadas ao acondicionamento destes locais que non requiran da redacción dun proxecto de obra de conformidade coa Lei 38/1999, de ordenación da edificación, como así sinala o artigo 3 da mesma.

Posteriormente, e nesta mesma liña de control administrativo a posteriori, é determinante a Lei autonómica 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade de Galicia que vén establecer un marco moito máis amplo para o exercicio de actividades sen licenza previa e para a execución de actos de uso do solo e do subsolo sen control a priori, modificando para iso a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Esta última lei vén establecer un novo réxime xurídico para Galicia no que ao exercicio de actividades e realización de obras se refire, de tal maneira que para unhas e para outras establece como réxime xeral de control o da comunicación previa, deixando para supostos excepcionais de espectáculos públicos e actividades recreativas o outorgamento de licenzas de actividade e reducindo os actos do uso do solo e subsolo que requiren de previa licenza municipal, como o demostra a nova redacción que dá ao artigo 194-2 da Lei 9/2002.

Neste novo contexto faise pois necesario crear un novo marco xurídico municipal que dea resposta e desenvolvemento ao novo réxime das comunicacións previas tanto en obras como en actividades. Isto é un dos obxectivos da presente Ordenanza municipal, dando así resposta ao artigo 25 da Lei 9/2013, ao artigo 194-8 da Lei 9/2002 na súa nova redacción, ao artigo 5 da Lei 12/2012 e ao artigo 28-2 da Lei 13/2010, do comercio interior de Galicia, na redacción dada pola citada Lei 9/2013, que veñen requirir dos concellos o establecemento e a planificación dos procedementos de comunicación necesarios, así como os de verificación posterior dos requisitos precisos e dos elementos e circunstancias postas de manifesto polo interesado a través da comunicación previa.

Sendo este obxectivo xa de seu importante, esta Ordenanza tamén pretende regular os procedementos de intervención a priori, é dicir os supostos nos que se requira licenza municipal tanto para os actos de uso do solo e do subsolo como para o exercicio de actividades, que aínda que menores en número non por iso son menos importantes. Desta maneira o que se pretende é que dunha maneira integral, nun mesmo texto normativo municipal, se teñan regulados dentro das competencias dun concello todos os procedementos de intervención administrativa, tanto para os actos de uso do solo e subsolo, as chamadas ¿obras", como para o exercicio de actividades e apertura de establecementos. Isto redundará en beneficio dunha maior claridade e seguridade xurídica, tendo en conta a interrelación que en numerosas ocasións se dá entre as obras e as actividades que se refiren a unha mesma actuación cando ademais poden estar sometidas as primeiras a licenza e as segundas a comunicación previa ou viceversa.

A Ordenanza estrutúrase en cinco Títulos divididos á súa vez en Capítulos e estes, de ser o caso, en Seccións.

O Título I leva como epígrafe Disposicións Xerais e o seu contido é determinar o obxecto, os distintos réximes existentes e as normas comúns a todos eles.

O Título II refírese aos distintos actos de uso do solo e do subsolo ou obras, xa sometidos a licenza (Capítulo I) xa sometidos ao réxime de comunicación previa (Capítulo II).

O Título III regula os procedementos para as actividades e apertura de establecementos, xa sometidas ao réxime de comunicación previa (Capítulo I) xa sometidas ao réxime de licenza (Capítulo II).

O Título IV regula o procedemento de control posterior tanto sobre obras como sobre actividades.

E o Título V refírese á reposición da legalidade e ao réxime sancionador.

Completa a súa regulación con dúas Disposicións Adicionais, unha Transitoria, unha Derrogatoria e outra Final.

TÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.-Obxecto.

1. A presente Ordenanza ten por obxecto a regulación dos procedementos de intervención, control da legalidade e inspección municipais dos actos de uso do solo e subsolo de natureza urbanística e das actividades que se implanten e desenvolvan no termo municipal de Coristanco.

2. Exclúense do ámbito de aplicación desta Ordenanza as actividades de venda ambulante que se rexerán pola súa respectiva ordenanza municipal.

Artigo 2.-Réxime.

1. Os actos de uso do solo e do subsolo quedan sometidos ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, agás naqueles casos en que esta Ordenanza ou a lexislación en vigor requiran que se solicite e obteña unha licenza municipal previa.

2. A implantación e desenvolvemento de calquera actividade comercial, industrial, profesional, económica ou de servizos estarán suxeitos á presentación dunha comunicación previa no Concello de Coristanco, agás naqueles casos en que esta Ordenanza ou a lexislación en vigor requiran que se solicite e obteña unha licenza de apertura ou de actividade municipal previa.

3. Naqueles casos en que a actuación pretendida requira dalgunha autorización, cualificación ou informe favorable doutra administración pública distinta da municipal, esixible pola lexislación sectorial de aplicación, a comunicación previa ou o outorgamento da licenza municipal requirirá a previa emisión e incorporación ao expediente de dita autorización, cualificación ou informe.

Artigo 3.-Definicións.

1. Nos termos da lexislación vixente e para os efectos desta Ordenanza enténdese por:

1) Licenza: acto administrativo regrado polo que o órgano municipal competente, tras a comprobación do cumprimento das condicións establecidas pola normativa de aplicación, autoriza actos de uso do solo e/ou do subsolo ou o exercicio de actividades e/ou apertura de establecementos.

2) Comunicación previa: documento mediante o que os interesados poñen en coñecemento do Concello de Coristanco os seus datos identificativos e demais requisitos esixibles para o exercicio dun dereito ou o inicio dunha actividade, de acordo co establecido nos artigos 70.1 e 71 bis.2 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, ao que acompañarán a documentación acreditativa do cumprimento da normativa que resulte de aplicación.

2. As licenzas ou comunicacións previas recibirán o nome de ¿urbanísticas" cando teñan por obxecto actos de ocupación, edificación e uso do solo e do subsolo e de ¿actividade" cando teñan por obxecto a instalación e o exercicio de calquera actividade comercial, industrial, profesional, económica ou de servizos.

Artigo 4.-Obras e actividades de particulares en terreos de dominio público.

1. Cando se pretendan realizar por particulares actos de uso do solo e do subsolo ou actividades en terreos de dominio público que non sexa municipal, esixirase igualmente licenza ou comunicación previa independentemente das autorizacións ou concesións que sexa pertinente outorgar por parte da administración titular do dominio público.

Estas autorizacións ou concesións deberán acompañar á solicitude de licenza municipal ou á comunicación previa que, de ser o caso, se presente e serán necesarias para que estas se poidan tramitar ou producir efectos.

2. Cando se pretendan realizar actos de uso do solo e do subsolo ou actividades en terreos de dominio público municipal e estivesen suxeitos a concesión administrativa, se no procedemento de outorgamento desta concesión se tivese constatado a adecuación do proxecto á normativa urbanística e sectorial de aplicación, as licenzas urbanísticas e de actividade e os efectos das comunicacións previas entenderanse concedidas e producidos, respectivamente, coa propia resolución que outorgue a concesión administrativa.

3. Cando os actos de uso do solo e do subsolo e as actividades pretendidas en dominio público municipal impliquen un uso común especial sometido a licenza ou autorización municipal segundo o Regulamento de bens das entidades locais, o outorgamento da licenza urbanística ou de actividade implicará a concesión da licenza ou autorización para a ocupación do dominio público.

Se os actos de uso do solo e do subsolo ou actividades a realizar en dominio público municipal están sometidos ao réxime de comunicación previa, terase que solicitar licenza para usar o dito dominio público á que se achegará a documentación que precise a comunicación previa da que se trate, de tal xeito que se esta se adecúa á normativa urbanística e sectorial de aplicación a concesión da licenza demanial producirá os mesmos efectos que a presentación das comunicacións previas.

Esta solicitude de licenza para o uso do dominio público municipal non será necesaria cando as obras que se comunican, na parte que afecta ao dito dominio, son realizadas por empresas municipais ou adxudicatarias de servizos municipais.

Artigo 5.-Erro na cualificación do escrito presentado.

1. O erro na cualificación do escrito presentado pola persoa interesada sobre a elección do procedemento de sometemento a licenza ou de comunicación previa non será obstáculo para a súa tramitación, sempre que do seu contido se deduza o seu verdadeiro carácter. O Concello notificará ao interesado sobre tal circunstancia e, de ser o caso, requirirá a documentación que sexa precisa para a continuación do procedemento que corresponda.

2. Cando a persoa interesada presentase no Concello unha comunicación previa, sendo o réxime aplicable o da licenza, advertiráselle que non poderá efectuar a obra ou iniciar a actividade ata que obteña a preceptiva licenza. Se iniciase a obra ou a actividade requiriráselle para que proceda de inmediato á súa paralización coas advertencias propias dos procedementos de reposición da legalidade urbanística.

3. Cando a persoa interesada solicitase ante o Concello unha licenza cando o réxime aplicable é o da comunicación previa, notificaráselle para sinalarlle tal feito e para que presente, de ser o caso, a documentación correspondente, non podendo iniciar a obra ou desenvolver a actividade en tanto non presente a mencionada documentación.

Artigo 6.-Consulta previa.

1. Os particulares poderán presentar solicitudes de consulta previa do réxime e das condicións urbanísticas aplicables a unha finca determinada, edificación ou local, así como dos actos de uso do solo e subsolo, actividades permitidas e do procedemento de tramitación aplicable para a actuación de que se trate.

Igualmente poderase formular consulta por escrito sobre unha iniciativa de actividade ou obra concreta, que se acompañará dunha memoria descritiva ou dos datos suficientes que definan as características xerais da actividade proxectada e do inmoble no que se pretenda levar a cabo ou da obra que se pretende executar.

2. Nos casos de consultas relativas a unha parcela ou edificación a solicitude deberá vir acompañada da súa referencia catastral para a súa correcta identificación.

3. Sobre a consulta formulada emitirase informe pola Área de Urbanismo que sinalará a clase e cualificación do solo

que corresponda á finca, polígono ou sector de que se trate, os usos e intensidades que teñan atribuídos polo planeamento, os parámetros urbanísticos que sexan de aplicación e, de ser o caso, os requisitos esixidos e a documentación a achegar para a execución dunha obra, apertura dun establecemento ou inicio dunha actividade.

4. A consulta será contestada nun prazo máximo dun mes, unha vez presentada no rexistro municipal a solicitude.

5. O sentido da resposta ás consultas formuladas no terá carácter vinculante para a administración.

Artigo 7.-Actos non suxeitos a licenza ou comunicación previa.

Non será esixible licenza ou comunicación previa nos seguintes supostos:

● As parcelacións urbanísticas e calquera acto de división de parcelas efectuadas a través de proxectos de compensación, reparcelación, equidistribución ou normalización de predios.

● A demolición de construcións declaradas en ruína a través do pertinente expediente contraditorio, sen prexuízo da redacción dun proxecto técnico para a súa execución se a entidade das obras de demolición o require.

● As obras de apuntalamento e outras medidas de seguridade urxentes, cando sexan precisas.

● As obras derivadas dunha orde de execución, salvo que pola entidade das obras se esixa solicitude de licenza ou presentación de comunicación previa acompañadas do correspondente proxecto técnico.

● As obras derivadas de resolucións recaídas en expedientes de reposición da legalidade urbanística.

● As obras de urbanización previstas nos proxectos de urbanización.

● As actuacións urbanísticas promovidas polo Concello de Coristanco no seu termo municipal que se entenderán autorizadas polo acordo de aprobación do proxecto logo da acreditación no expediente do cumprimento da normativa de aplicación.

● As obras públicas eximidas expresamente pola lexislación sectorial ou de ordenación do territorio.

Artigo 8.-Situacións xurídicas privadas.

As licenzas e as comunicacións previas producirán efectos entre o Concello e o suxeito a cuxa actuación se refiran, pero non alterarán as situacións xurídicas privadas entre este e as demais persoas.

O título habilitante que supón a concesión dunha licenza ou unha comunicación previa para a realización dunha obra ou o exercicio dunha actividade entenderase outorgado deixando a salvo o dereito de propiedade e sen prexuízo do de terceiros.

TÍTULO II.-LICENZAS E COMUNICACIÓNS PREVIAS URBANÍSTICAS

CAPÍTULO I.-LICENZAS URBANÍSTICAS

Sección 1.ª.-Actos suxeitos e réxime xurídico das licenzas

Artigo 9.-Actos suxeitos a licenza.

Estarán suxeitos a licenza municipal previa os actos de ocupación, construción, edificación e uso do solo e do subsolo seguintes:

a) As obras de edificación de nova construción, agás aquelas construcións de escasa entidade construtiva e sinxeleza técnica que non teñan, de forma eventual ou permanente, carácter residencial nin público e se desenvolvan nunha soa planta.

b) As intervencións de carácter total sobre os edificios existentes ou as parciais que produzan unha variación esencial da composición xeral exterior, a volumetría ou o conxunto do sistema estrutural, ou teñan por obxecto cambiar os usos característicos do edificio.

c) As intervencións en edificios declarados bens de interese cultural ou catalogados polas súas singulares características

ou valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos ou paisaxísticos.

d) As demolicións.

e) Os muros de contención de terras.

f) Os grandes movementos de terras e as explanacións.

g) As parcelacións, segregacións e outros actos de división de terreos en calquera clase de solo, cando non formen

parte dun proxecto de compensación ou reparcelación.

h) A primeira ocupación dos edificios.

i) A localización de casas prefabricadas e instalacións similares, xa sexan provisionais ou permanentes.

j) A corta de masas arbóreas ou de vexetación arbustiva en terreos incorporados a procesos de transformación urbanística entendendo por estes aqueles terreos incluídos nos ámbitos de Solo Urbanizable ou Apto para Urbanizar, de Solo Urbano Non Consolidado ou de Solo de Núcleo Rural sometido a actuación de carácter integral.

k) Calquera outro acto que se sinale a través dunha disposición legal.

Artigo 10.-Finalidade das licenzas urbanísticas.

1. A licenza urbanística ten por finalidade comprobar que os actos relacionados no artigo anterior se axustan ao ordenamento urbanístico vixente, se o aproveitamento proxectado se axusta ao susceptible de apropiación e se as obras e usos proxectados reúnen as condicións esixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade.

2. Non se poderá iniciar a execución das obras ou dos actos pretendidos en tanto non se obteña a preceptiva licenza.

Artigo 11.-Alcance do control municipal.

A intervención municipal a través da licenza urbanística non comprende o control dos aspectos técnicos relativos á seguridade estrutural das construcións, ás condicións de montaxe das instalacións ou á calidade dos elementos ou materiais empregados, sendo responsabilidade en exclusiva do proxectista, da dirección técnica, da promotora ou da empresa construtora ou instaladora.

Sección 2.ª.-Procedemento para o outorgamento de licenzas urbanísticas

Artigo 12.-Solicitude de licenza.

1. Os procedementos de tramitación das distintas licenzas urbanísticas iniciaranse mediante solicitudes cuxos modelos oficiais se incorporan como Anexos a esta Ordenanza.

A estas solicitudes acompañarase a documentación correspondente en cada caso que se relaciona igualmente nos Anexos desta Ordenanza.

2. A presentación das solicitudes e documentación requirida deberá efectuarse a través de calquera dos rexistros sinalados no artigo 38-4 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou telematicamente a través da sede electrónica municipal.

Se a presentación da solicitude e o resto da documentación se efectúa en soporte papel o proxecto técnico que se achegue, se é que este fose necesario, terase que presentar tamén e en todo caso nun soporte dixital en formato PDF.

3. No acto de presentación da solicitude os servizos municipais verificarán a integridade da documentación achegada dende o punto de vista formal comprobando se esta é a esixida, sen analizar ou valorar o seu contido.

4. Cando se precise para a solicitude de licenza proxecto técnico este será completo entendendo por tal o que conteña o contido tanto do chamado proxecto básico como o de execución.

Artigo 13.-Tramitación.

1. As solicitudes de licenzas urbanísticas tramitaranse de acordo coa lexislación reguladora do procedemento administrativo común coas especialidades contidas na lexislación local, na urbanística e na sectorial e coas contidas na presente Ordenanza Municipal.

2. A solicitude de licenza só comezará a producir efectos dende o momento en que o correspondente escrito coa documentación completa esixida en cada caso tivese entrada no rexistro municipal.

Artigo 14.-Emenda de deficiencias e mellora da solicitude.

1. Se os servizos municipais detectasen omisións, deficiencias ou imprecisións na solicitude ou na documentación presentada, xa no momento da súa presentación xa posteriormente, requirirase ao solicitante para que no prazo de dez días complete, emende ou aclare aquelas, con indicación de que se así non o fixese se lle terá por desistido da súa petición, consonte o previsto na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

2. O cómputo do prazo máximo para ditar resolución suspenderase polo requirimento para a emenda de deficiencias polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento polo destinatario.

3. Se o requirimento non se leva a cabo de forma completa ou se efectúa de maneira insuficiente poderase realizar un segundo requirimento sobre as deficiencias non corrixidas cuxa non emenda adecuada no prazo de novo concedido provocará a declaración de desistencia do peticionario sen que haxa lugar a máis requirimentos.

Artigo 15.-Modificacións do acto para o que se solicita licenza.

Se antes de que se concedese a licenza se pretendesen modificacións no proxecto técnico ou documentación presentada e estas modificacións alterasen determinacións da actuación pretendida que afectasen ao aproveitamento urbanístico, altura, ocupación en planta, forma e posición do edificio na parcela, estrutura, número de vivendas, usos, accesibilidade, habitabilidade ou afectación ao contorno, o interesado deberá, previa desistencia da licenza solicitada, solicitar unha nova licenza que se tramitará de acordo coa normativa vixente na data da nova solicitude.

Artigo 16.-Autorizacións sectoriais.

1. As actuacións que se pretendan realizar en terreos, construcións ou instalacións que precisen, ademais da licenza municipal, de autorizacións ou informes sectoriais doutras entidades ou administracións públicas conforme á normativa sectorial de aplicación, necesitarán do seu previo achegamento para a concesión, se procede, da correspondente licenza urbanística.

2. No caso de que non se presente a preceptiva autorización ou informe sectorial o procedemento de tramitación da solicitude de licenza municipal quedará en suspenso polo tempo que medie entre a notificación do seu requirimento e a súa efectiva presentación.

Este prazo de suspensión no poderá exceder en todo caso de tres meses. Transcorrido ese prazo sen que se teñan achegado as autorizacións ou informes sectoriais pertinentes acordarase, previa a súa advertencia, o arquivo das actuacións e declararase a caducidade do procedemento.

3. A mesma suspensión do procedemento producirase cando sexa este Concello o que ante unha solicitude de licenza urbanística deba solicitar autorizacións ou informes sectoriais a outras administracións públicas de acordo coa lexislación sectorial de aplicación e polo tempo que medie entre a petición e a recepción da autorización ou informe.

Artigo 17.-Informes.

Á vista da documentación presentada e de conformidade coa normativa urbanística de aplicación, os servizos municipais emitirán informe técnico sobre o uso e a obra proxectada e posteriormente o preceptivo informe xurídico.

Artigo 18.-Cesión de terreos.

1. Antes de emitirse proposta de resolución favorable para a concesión de licenza de calquera tipo de obra ou de actividade en solos urbanos consolidados que non teñan a condición de soar nin regularizadas as vías públicas o propietario deberá ceder gratuitamente ao Concello de Coristanco os terreos destinados a vías fóra das aliñacións establecidas no planeamento, previa segregación dos mesmos se fose necesario. Esta mesma obriga deberá cumprirse antes da presentación dunha comunicación previa urbanística ou de actividade, no caso de que se dean os mesmos elementos de feito.

2. Igualmente esta obriga do propietario terá lugar nos solos de núcleo rural cando se pretendese construír unha nova edificación ou substituír a existente.

3. Esta cesión, unha vez aceptada polo Concello de Coristanco, formalizarase en escritura pública que será presentada nas dependencias municipais con constancia da súa inscrición no Rexistro da Propiedade.

Artigo 19.-Resolución.

1. Completo o expediente e formulada proposta de resolución esta elevarase ao órgano competente para a resolución que poñerá fin ao procedemento.

A resolución poderá adoptar unha das seguintes formas: concesión pura e simple da licenza, concesión da licenza condicionada ao cumprimento de determinados requisitos ou denegación da licenza.

Toda resolución que denegue licenza deberá ser debidamente motivada con explícita referencia ás normas ou determinacións do planeamento que se incumpran.

2. As peticións de licenza resolveranse no prazo de tres meses contado dende a presentación da solicitude coa documentación completa no rexistro do Concello, agás as peticións de licenza para división de terreos que non sexan parcelacións urbanísticas, para a primeira ocupación de edificios e para a corta de masas arbóreas ou de vexetación arbustiva ás que se refiren os apartados g), h) e j) do artigo 9 desta Ordenanza, que se resolverán no prazo dun mes contado dende o mesmo momento, sempre que non se establezan outros prazos por disposición legal.

3. Transcorridos os prazos sinalados no apartado anterior para resolver as solicitudes de licenza, coas suspensións legalmente procedentes, sen que se adopte resolución municipal expresa operará o réxime do silencio administrativo na forma legalmente establecida.

En ningún caso se entenderán adquiridas por silencio administrativo positivo licenzas en contra da normativa ou do planeamento urbanístico.

Artigo 20.-Licenzas condicionadas a completar a urbanización.

1. As licenzas de edificación de nova planta ou de ampliación ou reforma de edificios existentes que se soliciten para terreos urbanos consolidados que aínda non tivesen a condición de soar ou que sendo de núcleo rural precisen de obras de acometida ás redes de servizos existentes ou de urbanización outorgaranse cando se asegure a execución simultánea da urbanización e da edificación.

2. Con carácter previo ao outorgamento da licenza deberá constituírse unha garantía por importe do 100% do custo das obras de urbanización pendentes e/ou do custo previsible de reposición das existentes que puidesen resultar afectadas con motivo da obra que se determinarán no propio proxecto técnico da edificación ou nun anexo ao mesmo.

Esta garantía devolverase no mesmo acto de outorgamento da licenza de primeira ocupación, quedando a súa concesión supeditada a que se tivesen executado total e satisfactoriamente as obrigas garantidas.

No caso de obras para as que non é necesaria a licenza de primeira ocupación, a garantía devolverase tras a comunicación por parte do interesado da terminación das obras coa presentación de certificado final de obra de técnico competente sempre que se tivesen cumprido total e satisfactoriamente as obrigas garantidas.

Artigo 21.-Extinción e caducidade das licenzas.

1. As licenzas urbanísticas extinguiranse polos seguintes motivos:

a) Por caducidade.

b) Por renuncia do titular comunicada por escrito ao Concello e declarada por este.

c) Por resolución xudicial ou administrativa a través dos procedementos de revisión de oficio regulados na lexislación administrativa que as anule.

2. As licenzas urbanísticas outorgaranse con suxeición a un prazo determinado de caducidade tanto para o inicio como para a finalización das obras, así como para a súa interrupción.

O prazo máximo para o inicio das obras é o de seis meses e para a súa terminación o de dous anos, contados a partir da data da notificación da resolución de concesión da licenza, non podendo interromperse as obras por un tempo superior a seis meses.

3. Os referidos prazos poderán prorrogarse a solicitude do titular da licenza sempre que sexa formulada antes da súa conclusión e sempre que a licenza sexa conforme coa ordenación urbanística vixente no momento da concesión da prórroga.

En calquera caso, a prórroga concederase por un prazo non superior ao inicialmente acordado.

4. Unha vez transcorridos e incumpridos calquera dos prazos mencionados anteriormente declararase a caducidade da licenza polo órgano competente para concedela, previa audiencia ao interesado.

5. A declaración de caducidade extinguirá a licenza non podéndose iniciar nin proseguir as obras salvo para traballos de seguridade e mantemento dos que se dará conta ao Concello para o seu control.

Declarada a caducidade da licenza poderá solicitarse pola persoa interesada unha nova licenza que se tramitará de conformidade coa normativa urbanística vixente na data da nova solicitude.

Sección 3.ª.-Execución das obras

Artigo 22.-Comunicación de empresa construtora.

Antes do comezo das obras o titular da licenza comunicará ao Concello o nome e domicilio social da empresa construtora das mesmas. Se cambiase a empresa encargada da realización das obras o titular da licenza igualmente deberá comunicar tal circunstancia á Administración municipal.

Artigo 23.-Sinalización de aliñacións e rasantes.

1. No caso de obras de edificación de nova construción, de ampliación de edificios existentes que alteren a ocupación en planta, de muros de contención e de instalacións de casas prefabricadas e instalacións similares ás que se refire o artigo 9 desta Ordenanza será condición indispensable para o comezo das obras que unha vez concedida a pertinente licenza se proceda á sinalización de aliñacións e rasantes previa a súa solicitude polo interesado.

2. A solicitude de aliñacións e rasantes irá acompañada dun plano por triplicado da situación dos terreos a escala 1:500 con todos os seus datos acoutados e os do contorno máis próximo.

3. As aliñacións e rasantes ás que se deberá de axustar a construción, ampliación ou instalación serán sinaladas na acta de replanteo.

No acto de sinalización de aliñacións e rasantes, que se efectuará no día e hora sinalado polos servizos técnicos municipais da Área de Urbanismo, concorrerán un técnico municipal, o titular da licenza de obra e o técnico director da mesma.

Estes mesmos subscribirán a continuación a acta de replanteo por triplicado, así como o plano acoutado a escala 1:500 que será achegado coa mesma.

Artigo 24.-Documentación no lugar da obra e cartel indicador.

1. Será requisito indispensable en todas as obras dispoñer, a pé de obra, de copia autorizada da licenza municipal e de copia autorizada da acta de replanteo para aquelas obras en que se necesite, de conformidade co apartado 1 do artigo 23 desta Ordenanza.

2. Ademais do indicado no apartado anterior, nas obras de edificación de nova construción e nas intervencións en edificios existentes que requiran de licenza municipal será tamén requisito indispensable a colocación a pé de obra dun cartel indicador que sexa visible dende a vía pública, coas dimensións de 110 cm de ancho por 80 cm de alto e co contido que se indica no esquema seguinte:

CONCELLO DE CORISTANCO

● N.º EXPEDIENTE DA LICENZA DE OBRA:

● DATA EXPEDICIÓN DA LICENZA:

● ORDENANZA DE APLICACIÓN:

● PROMOTOR:

● CONSTRUTOR:

● DIRECTOR DE OBRA:

● DIRECTOR DE EXECUCIÓN MATERIAL:

● N.º PLANTAS AUTORIZADAS:

● USOS:

● PRAZO MÁXIMO DE EXECUCIÓN:

3. O cartel será un taboleiro hidrófugo con fondo en branco e o texto negro perfectamente visible.

Artigo 25.-Modificacións das obras amparadas en licenza.

1. Se durante a execución das obras se previsen o producisen variacións que alterasen o proxecto técnico ou a documentación sobre os que se baseou a licenza outorgada nalgún dos parámetros relacionados no artigo 15 desta Ordenanza, o titular estará obrigado a solicitar unha nova licenza que as ampare.

2. As modificacións de detalle que durante a execución das obras non alteren os parámetros urbanísticos da licenza outorgada relacionados no artigo 15 desta Ordenanza, deberán documentarse cunha memoria e, de ser o caso, planos que se achegarán xunto á solicitude da licenza de primeira ocupación, se esta fose necesaria, ou directamente unha vez concluídas as obras e nos que quedarán perfectamente recollidas, descritas e identificadas as variacións de detalle introducidas.

Sección 4.ª.-Terminación das obras

Artigo 26.-Obrigas do titular da licenza ao concluír as obras.

1. Dentro dos dez días seguintes á conclusión dunha obra o titular da licenza deberá:

● Retirar os materiais sobrantes e os andamios, valos e barreiras.

● Construír ou repoñer o piso definitivo das beirarrúas.

● Repoñer ou reparar o pavimento da calzada ou praza, arboredo ou zona verde, conducións ou redes de servizo e cantos outros elementos urbanísticos resultasen afectados polas obras de construción, e non estivesen xa repostos ou reparados.

Subsidiariamente destas obrigas responderá o propietario do solo no que fose executada a obra se non coincide co titular da licenza.

2. Nos casos de obras de edificación de nova construción sometidas a licenza e nos casos de intervencións de carácter total ou parcial en edificios existentes sometidos igualmente a licenza o titular da mesma deberá solicitar a preceptiva licenza de primeira ocupación unha vez concluídas as obras.

Artigo 27.-Licenza de primeira ocupación.

1. A licenza de primeira ocupación esixirase para a utilización dos edificios aos que se refire o apartado 2 do artigo 26 desta Ordenanza.

2. A licenza de primeira ocupación ten como obxecto comprobar que as obras están completamente terminadas e se axustan á licenza de obras outorgada así como as condicións que se puidesen impoñer na mesma e que, no seu caso, o promotor cumpriu o compromiso de realizar simultaneamente e de acordo ao proxecto de urbanización ou proxecto técnico a urbanización esixida.

3. O titular da licenza de obras solicitará a licenza de primeira ocupación acompañando á súa solicitude o certificado final da obra e, no seu caso, da urbanización expedido por técnico competente no que conste que as obras están completamente terminadas e que se axustan á licenza outorgada ou, no seu caso, ao proxecto de urbanización.

Igualmente acompañarase á dita solicitude xustificante de ter solicitada a alta no Catastro.

4. Comprobada a documentación achegada, polos servizos técnicos municipais procederase a inspeccionar as obras de edificación e, no seu caso, de urbanización executadas.

En ningún caso se poderá conceder licenza de primeira ocupación a ningunha edificación se a obra urbanizadora esixida non está debidamente concluída e por iso apta para a súa recepción.

A concesión da licenza de primeira ocupación implicará a previa ou simultánea recepción da obra urbanizadora que no seu caso se tivese que executar.

5. Se se comproba que as obras de edificación ou urbanización non se encontran completamente finalizadas ou non se cumpriron as obrigas de reposición relacionadas no artigo 26.1 desta Ordenanza suspenderase o procedemento e requirirase a execución das obras necesarias para a correcta finalización das mesmas.

6. A terminación das obras sen axustarse aos termos da licenza concedida ou, no seu caso, do proxecto de urbanización aprobado dará lugar a denegación da licenza de primeira ocupación e á incoación do pertinente procedemento para a reposición da legalidade infrinxida, sen prexuízo da incoación do procedemento sancionador correspondente.

7. Para a conexión dos servizos de abastecemento de auga, saneamento, electricidade, gas, telefonía ou outro servizo propio de edificacións será necesaria a concesión da licenza de primeira ocupación. En base a isto, as empresas ou entidades subministradoras de tales servizos esixirán a licenza de primeira ocupación para a contratación dos mesmos.

O Concello de Coristanco, previa audiencia ao interesado, poderá ordenar o corte da subministración contratado sen a existencia previa da licenza de primeira ocupación.

CAPÍTULO II.-COMUNICACIÓNS PREVIAS URBANÍSTICAS

Sección 1.ª.-Actos suxeitos e réxime xurídico

Artigo 28.-Actos suxeitos a comunicacións previas urbanísticas.

1. Están suxeitos ao réxime de intervención municipal de comunicación previa todos os actos de ocupación, construción, edificación e do uso do solo e do subsolo non suxeitos a licenza, e polo tanto non relacionados no artigo 9 da presente Ordenanza, ademais, e en todo caso, dos que así se establezan nas leis.

2. Tamén se someten ao réxime de comunicación previa os cambios de titularidade de calquera acto de uso do solo ou subsolo xa sexa autorizado por licenza urbanística ou por comunicación previa, debendo de comunicalo por escrito ao Concello quen vaia exercer a nova titularidade.

Artigo 29.-Efectos da presentación da comunicación previa.

1. A presentación dunha comunicación previa constitúe título habilitante para o inicio dos actos do uso do solo ou do subsolo que se comunican unha vez que transcorra o prazo de quince días hábiles contado a partir da data da súa entrada, con toda a documentación completa, no Rexistro Municipal, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección por parte do Concello de Coristanco.

2. Dentro do prazo dos quince días hábiles sinalado no apartado anterior o Concello de Coristanco poderá declarar completa a documentación presentada ou requirir a emenda das deficiencias que presente, en cuxo caso quedará sen efecto dito prazo para o inicio das obras que se reiniciará unha vez presentada a documentación requirida ou coas deficiencias emendadas.

3. A presentación dunha comunicación previa non producirá efectos nos seguintes casos:

a) Cando a comunicación previa se presente sen os documentos que a teñen que acompañar e que se relacionan nos anexos da presente Ordenanza para cada caso ou sen a cesión de solo a que se refire o apartado 1 do artigo 18 da presente Ordenanza.

b) Cando o acto pretendido que se comunica ao Concello está suxeito a licenza municipal.

c) Cando para a execución das obras fosen preceptivos informes ou autorizacións previas doutros organismos públicos que non se achegan no momento de presentar a comunicación.

d) Cando a actuación pretendida sexa contraria á normativa de aplicación.

4. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se acompañe á comunicación previa comportará, logo da audiencia ao interesado, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e a imposibilidade de iniciar ou de continuar co exercicio do dereito a executar as obras dende o momento no que se coñeza, sen prexuízo das responsabilidades administrativas, penais ou civís a que houbese lugar.

Artigo 30.-Responsabilidades.

1. Os técnicos asinantes da documentación técnica que se acompaña a unha comunicación previa son responsables da súa calidade e do seu axuste ás normas que sexan aplicables en cada caso.

2. Os técnicos asinantes de certificacións ou declaracións que se acompañan a unha comunicación previa serán responsables da exactitude e da veracidade do seu contido.

3. O titular dos dereitos derivados dunha comunicación previa está obrigado a executar as obras nas condicións contidas na documentación presentada.

Artigo 31.-Alcance do control inicial da comunicación previa.

1. No prazo dos quince días hábiles seguintes ao da presentación dunha comunicación previa urbanística a actuación municipal circunscribirase estritamente á comprobación da integridade formal e da suficiencia legal da documentación presentada para poder declarar a mesma completa aos efectos de poder iniciar as obras comunicadas, pero non implicará análises sobre o seu contido nin comprobación do cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa e o planeamento urbanístico que se realizarán posteriormente, sen prexuízo de que se poidan realizar igualmente no dito prazo.

2. En ningún caso a intervención municipal sobre a comunicación previa controlará os aspectos técnicos relativos á seguridade estrutural das construcións, ás condicións de montaxe das instalacións ou á calidade dos elementos ou materiais empregados, cuxa responsabilidade é exclusiva do proxectista, da dirección técnica, do promotor ou da empresa construtora ou instaladora.

Sección 2.ª.-Procedemento de comunicacións previas urbanísticas

Artigo 32. Regulación do procedemento

Os actos de control e intervención da administración municipal nos supostos previstos no artigo 28 da presente Ordenanza axustaranse ao seguinte procedemento:

a) A comunicación previa efectuarase no modelo normalizado que se incorpora como Anexo a esta Ordenanza e deberá vir acompañada da documentación completa que para cada actuación se especifique igualmente nos Anexos da presente Ordenanza.

b) A comunicación previa formularase a instancia de calquera persoa interesada en iniciar unha obra ou a través de representante autorizado, e poderase presentar en calquera dos rexistros sinalados no artigo 38-4 da Lei 30/1992, de Réxime xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común ou telemáticamente a través da sede electrónica municipal.

c) A presentación do impreso normalizado acompañado de todos os documentos esixidos na presente Ordenanza no Rexistro Municipal de Coristanco, determinará a iniciación do procedemento, rexéndose esta, así como a ordenación, instrución e terminación do dito procedemento polas disposicións do Título VI da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou norma que a substitúa.

d) O promotor dos actos de uso do solo e do subsolo deberá comunicar ao Concello de Coristanco a intención de levalos a cabo cunha antelación mínima de quince días hábiles ao da data na que pretenda levar a cabo ou comezar a súa execución.

Artigo 33.-Tramitación da comunicación previa urbanística.

Presentada a comunicación previa a súa tramitación axustarase ás seguintes regras:

1. Cando a actuación comunicada posúa toda a documentación esixida, a comunicación previa producirá plenos efectos xurídicos, polo que, unha vez transcorrido o prazo de quince días hábiles sinalado no apartado 1 do artigo 29 desta Ordenanza, será título habilitante para o inicio dos actos de uso do solo e do subsolo suxeitos a ela, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección.

Neste caso achegarase á comunicación previa dilixencia da dependencia administrativa instrutora pola que se declarará completa a documentación presentada o que permitirá que os técnicos municipais comproben o seu contido e o cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa de aplicación e poidan cursar visita de inspección á obra para comprobar se se axusta á documentación presentada e á normativa aplicable.

2. Cando a comunicación presentada e/ou a documentación que con ela se acompaña sexa insuficiente ou incorrecta, dentro do prazo dos quince días seguintes á súa presentación, requirirase á persoa interesada para que se absteña de iniciar á súa actuación concedéndoselle un prazo de dez días para a emenda das deficiencias detectadas, con indicación de que se así non o fixese se lle terá por desistido da súa comunicación arquivándose o expediente sen máis trámite consonte ao previsto na lexislación reguladora do procedemento administrativo común, e sen prexuízo, no seu caso, da tramitación dos correspondentes procedementos de reposición da legalidade e sancionador.

Neste caso o prazo de quince días para o inicio da obra quedará sen efecto debendo reiniciarse como sinala o artigo 29.2 desta Ordenanza.

3. Transcorrido o prazo de quince días hábiles dende a presentación da comunicación previa sen que se requira ao interesado a corrección de posibles deficiencias que puidesen existir, poderanse iniciar as obras comunicadas, sen que a inactividade da Administración implique emenda dos defectos ou irregularidades que presente o contido da comunicación ou da documentación que se lle achega nin os que poida presentar a obra ou a actuación obxecto de comunicación.

4. Se unha vez declarada completa a documentación presentada e trasladada aos técnicos municipais para a súa comprobación se detectase que o contido desta non se axusta á normativa de aplicación ou ao planeamento urbanístico en vigor ditarase resolución notificando esta circunstancia ao comunicante e indicando que debe absterse de iniciar a obra ou, no seu caso, que debe suspender de inmediato a súa execución, incoándose expediente de reposición da legalidade coa audiencia ao interesado pertinente.

Artigo 34.-Autorizacións sectoriais.

As actuacións que se pretendan realizar en terreos, construcións ou instalacións que precisen de autorizacións ou informes sectoriais doutras entidades ou administracións públicas, conforme á normativa sectorial de aplicación, necesitarán do seu achegamento coa comunicación previa que se presente.

Nos supostos nos que non se presente a preceptiva autorización ou informe sectorial a comunicación previa non producirá efecto algún non podéndose por isto iniciar a obra pretendida.

Artigo 35.-Prazos para executar as obras.

1. As obras que se comunican deberán iniciarse no prazo máximo de seis meses contado a partir do día seguinte a aquel no que finalice o prazo de quince días sinalado no apartado 1 do artigo 29 da presente Ordenanza e deberán ser finalizadas no prazo máximo dun ano contado a partir da mesma data.

2. Os referidos prazos poderán prorrogarse a través dunha nova comunicación na que así se indique sempre que sexa formulada antes da conclusión dos mesmos e sempre que as obras sexan conformes coa ordenación urbanística vixente no momento no que se comunique a prórroga do prazo.

En calquera caso, a prórroga non poderá ser por prazos superiores aos establecidos no apartado anterior para o comezo e finalización das obras.

Artigo 36.-Extinción e caducidade das comunicacións previas urbanísticas.

1. O título habilitante para o exercicio dos dereitos derivados das comunicacións previas extinguirase polas mesmas causas que as establecidas para as licenzas urbanísticas.

No caso da colocación de carteis ou valos publicitarios o título habilitante extinguirase aos dous anos contados a partir do día seguinte a aquel no que finalice o prazo de quince días sinalado no apartado 1 do artigo 29 da presente Ordenanza.

Este prazo poderase prorrogar por outro período de igual duración logo dunha nova comunicación previa que así o indique que se presentará antes da conclusión de aquel, e sempre que a instalación sexa conforme coa ordenación urbanística vixente no momento no que se comunique a prórroga do prazo. Terminada a vixencia desta instalación o seu promotor deberá desmontar a mesma no prazo máximo dun mes.

2. Unha vez transcorridos e incumpridos calquera dos prazos mencionados no artigo anterior declararase a caducidade da comunicación previa, previa audiencia ao interesado.

3. A declaración da caducidade extinguirá os efectos da comunicación previa, non podéndose iniciar nin proseguir as obras salvo para traballos de seguridade e mantemento dos que se dará conta ao Concello para o seu control.

Declarada a caducidade da comunicación previa poderá presentarse pola persoa interesada unha nova que se tramitará de conformidade coa normativa e ordenación urbanística vixentes na data da nova presentación.

Seccion 3.ª.-Execución das obras

Artigo 37.-Aliñacións de cerramentos.

Se as obras que se comunican se refiren á construción de cerrados de parcela que lindan coa vía pública, antes do inicio da obra deberá solicitarse polo interesado na Área de Urbanismo deste Concello que se fixe sobre a parcela a aliñación e o recuamento do cerrado con respecto á vía pública. Para tales efectos levantarase unha acta de replanteo que se subscribirá por duplicado polo comunicante da obra e un técnico municipal da dita Área de Urbanismo.

Artigo 38.-Documentación no lugar da obra.

Será requisito indispensable en todas as obras dispor, a pé de obra, de copia autorizada da comunicación previa co selo do rexistro de entrada municipal e de copia autorizada da acta de replanteo para as obras ás que se refire o artigo anterior desta Ordenanza.

Artigo 39.-Modificacións na execución das obras comunicadas.

As características e dimensións das obras que se executen non excederán das comunicadas, considerándose como infracción urbanística calquera extralimitación na que se incorra. Cando se pretendan realizar modificacións durante a execución da obra deberase comunicar de novo tal feito ao Concello, cos mesmos requisitos da comunicación inicial.

Artigo 40.-Obrigas do comunicante das obras.

1. A comunicación previa de obras non supón autorización para a ocupación da vía pública ou outros espazos públicos con materiais de construción, andamios, maquinaria, grúas ou calquera ferramenta ou instrumento xa que isto deberá ser obxecto da correspondente solicitude de licenza para a súa autorización, se procede.

2. Dentro dos cinco días seguintes á conclusión dunha obra o comunicante da mesma deberá:

● Retirar os materiais sobrantes e os andamios, valos e barreiras.

● Repoñer ou reparar o pavimento das beirarrúas, calzada ou praza, arborado ou zona verde, conducións ou redes de servizo e cantos outros elementos urbanísticos resultasen afectados polas obras executadas se non os houbese xa reposto ou reparado.

Subsidiariamente destas obrigas responderá o propietario do solo no que fose executada a obra se non coincide co comunicante da mesma.

TÍTULO III.-COMUNICACIÓNS PREVIAS E LICENZAS DE ACTIVIDADES E APERTURA DE ESTABLECEMENTOS

CAPÍTULO I.-COMUNICACIÓNS PREVIAS DE ACTIVIDADES

Sección 1.ª.-Actividades suxeitas e réxime xurídico

Artigo 41.-Actividades suxeitas a comunicación previa.

1. Estarán sometidas ao procedemento de comunicación previa a instalación, implantación, apertura ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial que se leve a cabo no termo municipal de Coristanco a excepción das actividades recreativas e espectáculos públicos aos que se refire o Capítulo II do Título III desta Ordenanza.

2. Tamén se someten ao réxime de comunicación previa os cambios de titularidade de calquera actividade ou establecemento xa estea autorizado por licenza ou xa estea sometido ao réxime de comunicación previa, debendo de comunícalo por escrito ao Concello quen vaia exercer a nova titularidade.

Artigo 42.-Efectos da presentación da comunicación previa.

1. A comunicación previa presentada cumprindo con todos os requisitos constitúe título habilitante para o inicio da actividade ou apertura do establecemento que se comunica, polo que unha vez rexistrada de entrada neste Concello a comunicación previa con toda a documentación completa o titular da actividade poderá comezar a exercela, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que ao Concello de Coristanco lle corresponden.

2. A presentación dunha comunicación previa non producirá efectos nos seguintes casos:

a) Cando a comunicación previa se presente sen os documentos que a deban acompañar e que se relacionan nos anexos da presente Ordenanza para cada caso ou sen a cesión de solo á que se refire o apartado 1 do artigo 18 da presente Ordenanza.

b) Cando a actividade pretendida que se comunica estea suxeita a licenza municipal.

c) Cando para o inicio da actividade fosen preceptivos informes ou autorizacións previos doutros organismos públicos que non se achegan no momento de presentar a comunicación.

d) Cando a actividade pretendida sexa contraria á normativa de aplicación.

e) Cando a actividade pretendida leve aparellada a necesidade de obra previa e esta non fose comunicada ou careza de licenza se esta fose necesaria.

3. O incumprimento das condicións da comunicación previa ou dos requisitos sinalados na lexislación de aplicación ou nesta Ordenanza determinará a imposibilidade de seguir exercendo a actividade. A resolución que declare estas circunstancias ordenará a inmediata suspensión da actividade exercida e incoará o pertinente expediente para a reposición da legalidade infrinxida.

4. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se acompañe á comunicación previa comportará, logo da audiencia ao interesado, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e a imposibilidade de exercer o dereito ou a actividade afectada dende o momento no que se coñece, sen prexuízo das responsabilidades administrativas, penais ou civís a que houbese lugar.

Artigo 43.-Responsabilidades.

1. Os técnicos asinantes da documentación técnica ou das certificacións ou declaracións que se acompañan a unha comunicación previa de actividade serán responsables co alcance recollido nos apartados 1 e 2 do artigo 30 da presente Ordenanza.

2. O titular dos dereitos derivados dunha comunicación previa está obrigado a exercer a actividade nas condicións contidas na documentación presentada.

Sección 2.ª.-Procedemento de comunicacións previas de actividade

Artigo 44.-Regulación do procedemento.

Os actos de control e intervención da administración municipal nas actividades suxeitas a comunicación previa axustaranse ao seguinte procedemento:

a) A comunicación previa efectuarase no modelo normalizado que se incorpora como Anexo a esta Ordenanza e virá acompañada da documentación completa que para cada actuación se especifique igualmente nos Anexos da presente Ordenanza.

Esixirase en todo caso proxecto técnico de actividade, excepto para as seguintes actividades:

- Comercio polo miúdo excepto o comercio de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores e a venda polo miúdo de combustible para vehículos de motor (gasolineiras e estacións de servizo).

- Despachos profesionais, xestorías, oficinas e similares.

- Actividades de almacenamento de obxectos e materiais, excepto as de produtos químicos ou farmacéuticos, combustibles, lubricantes, fertilizantes, praguicidas, herbicidas, pinturas, vernices, ceras ou pneumáticos.

Nestes supostos a comunicación previa terá que vir acompañada, polo menos, dunha memoria explicativa da actividade que se pretenda realizar coa manifestación expresa do cumprimento de todos os requisitos técnicos e administrativos e de plano de planta do local que reflicta a súa superficie total e a súa distribución coas instalacións e mobiliario.

b) A comunicación previa se formulará a instancia de calquera persoa interesada en iniciar unha actividade ou a través de representante autorizado, e poderá presentarse en calquera dos rexistros sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou telemáticamente a través da sede electrónica municipal.

c) A presentación do impreso normalizado acompañado de todos os documentos esixidos na presente Ordenanza no Rexistro Municipal de Coristanco, determinará a iniciación do procedemento, rexéndose esta, así como a ordenación, instrucción e terminación do dito procedemento polas disposicións do Título VI da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común ou norma que a substitúa.

Artigo 45.-Tramitación da comunicación previa de actividade.

Unha vez rexistrada de entrada unha comunicación previa de actividade o Concello a analizará xunto coa documentación que con ela se presenta seguíndose as seguintes regras na súa tramitación:

1. Cando a actividade comunicada veña acompañada de toda a documentación esixida para cada caso nos Anexos desta Ordenanza, a comunicación previa producirá plenos efectos xurídicos dende a data da súa presentación constituíndo se en título habilitante para o inicio da actividade ou apertura do establecemento co alcance previsto no artigo 42.1 desta Ordenanza.

Neste caso xuntarase á comunicación previa dilixencia da dependencia administrativa instrutora pola que se declarará completa a documentación presentada o que permitirá que os técnicos municipais comproben o seu contido, o cumprimento na mesma dos requisitos esixidos pola normativa de aplicación e poidan cursar visita de inspección ao establecemento para comprobar se se axusta á documentación presentada e á normativa aplicable.

2. No caso de non presentar a documentación prevista nesta Ordenanza o Concello requirirá ao interesado para que proceda no prazo de 10 días a emendar as deficiencias detectadas, con indicación de que se así non o fixese, ou o fixese defectuosamente, teráselle por desistido da súa comunicación, arquivándose o expediente sen máis trámite, de acordo co previsto na lexislación reguladora do procedemento administrativo común, e ordenándose o inmediato peche da actividade se xa se tivese iniciado.

Igual se actuará se a documentación presentada fose a esixida pero nela se detectasen imprecisións ou deficiencias de escasa entidade.

3. Se unha vez declarada completa a documentación presentada e trasladada esta aos técnicos municipais para a comprobación do seu contido, se detectase que este non se axusta á normativa de aplicación ou ao planeamento urbanístico en vigor, ditarase resolución notificando esta circunstancia e dispoñendo a suspensión inmediata da actividade e a incoación de expediente de reposición da legalidade coa audiencia ao interesado pertinente.

Artigo 46.-Autorizacións sectoriais e declaración de incidencia ambiental.

As actividades que se pretendan levar a cabo que precisen de autorizacións ou informes sectoriais doutras entidades ou Administracións públicas ou de declaración de incidencia ambiental necesitarán do seu achegamento coa comunicación previa que se presente.

Nos supostos en que non se presente a preceptiva autorización ou informe sectorial ou declaración de incidencia ambiental coa comunicación previa esta non producirá efecto algún non podendo por iso iniciar ou exercer a actividade pretendida.

Artigo 47.-Supostos de simultaneidade de obras e actividades.

Se para o desenvolvemento dunha actividade sometida a comunicación previa é precisa a realización dunha obra, a documentación que se esixe que se acompañe á comunicación previa de actividade presentarase coa comunicación previa da obra ou coa solicitude de licenza de obra, se esta procedese.

Unha vez concluída a obra presentarase a comunicación previa para o comezo da actividade ou a apertura do establecemento, sempre que non fose preceptiva a concesión de licenza de primeira ocupación, en cuxo caso, concluída a obra, se solicitará esta de conformidade co artigo 27 da presente Ordenanza. A concesión desta licenza de primeira ocupación comportará os mesmos efectos que a presentación da comunicación previa para o inicio da actividade.

Artigo 48.-Prazos para o comezo da actividade.

1. A actividade que se comunica deberá iniciarse no prazo máximo de seis meses contado a partir do día seguinte ao da presentación no rexistro municipal da comunicación previa con toda a documentación esixida ou da comunicación previa para o comezo da actividade se houbese obras.

2. O referido prazo poderá prorrogarse a través dunha nova comunicación na que así se indique sempre que se presente antes da conclusión daquel, que sexa por un prazo non superior ao indicado no apartado anterior e que a actividade sexa conforme coa ordenación urbanística e normativa vixentes no momento no que se comunique a prórroga do prazo.

Artigo 49.-Extinción e caducidade das comunicacións previas de actividade.

1. O título habilitante para o exercicio dos dereitos derivados das comunicacións previas extinguirase polas mesmas causas que as establecidas para as licenzas de actividade.

2. O título habilitante que comporta a presentación dunha comunicación previa de actividade con toda a documentación requirida poderá declararse caducado nos seguintes casos:

a) Cando non se inicie a actividade nos seis meses seguintes á data do rexistro de entrada municipal da comunicación previa debidamente formulada.

b) Cando non se realice a actividade por un tempo ininterrompido superior a un ano.

3. En todo caso a declaración de caducidade dunha comunicación previa realizarase a través da instrución do pertinente expediente con audiencia ao interesado.

4. A declaración de caducidade extinguirá os efectos da comunicación previa, non podéndose iniciar nin proseguir a actividade ata que se presente unha nova comunicación previa axustada á normativa e á ordenación urbanística en vigor.

Artigo 50.-Documentación no lugar da actividade.

Será requisito necesario en todos os establecementos ou actividades dispor en lugar visible de copia autorizada da comunicación previa co selo do Rexistro de entrada municipal.

Artigo 51.-Modificacións na actividade.

Cando se vaia a producir calquera modificación nas condicións ou características da actividade ou do establecemento deberase comunicar previamente tal feito ao Concello cos mesmos requisitos que na comunicación inicial.

CAPÍTULO II.-LICENZAS DE ACTIVIDADE

Sección 1.ª.-Actividades suxeitas e réxime xurídico

Artigo 52.-Espectáculos públicos e actividades recreativas.

Si ben a apertura de establecementos públicos para actividades recreativas ou para espectáculos públicos ou a organización destes últimos están sometidas ao réxime de comunicación previa previsto na Lei e na presente Ordenanza, as seguintes actividades, en atención a concorrencia de razóns de interese xeral, precisarán para o seu exercicio da obtención previa de licenza municipal:

1. A apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas que se desenvolvan en establecementos públicos cunha capacidade superior a 500 persoas, ou que presenten unha especial situación de risco, de conformidade co disposto na normativa técnica en vigor.

2. A instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública, anexas a un establecemento.

3. A celebración de espectáculos e actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran a instalación de escenarios e estruturas móbiles.

4. A celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas que se desenvolvan ademais de neste termo municipal noutro lindeiro.

5. A celebración de espectáculos e festexos taurinos.

6. A apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas cando a súa normativa específica esixa a concesión de autorización.

Artigo 53.-Finalidade das licenzas de actividade.

1. A licenza de actividade ten por finalidade comprobar que as actividades relacionadas no artigo anterior se axustan ao ordenamento urbanístico e que reúnen as condicións esixibles de seguridade, salubridade e accesibilidade.

2. Non se poderá iniciar actividade algunha sometida ao réxime de licenza sen que previamente se obtivese a mesma.

Artigo 54.-Alcance do control municipal.

A intervención municipal a través da licenza de actividade non comprende o control dos aspectos técnicos relativos á seguridade estrutural e condicións de montaxe das instalacións ou á calidade dos elementos e materiais empregados, cuxa responsabilidade é exclusiva do proxectista, da dirección técnica, da promotora ou da empresa instaladora.

Sección 2.ª.-Procedemento para o outorgamento das licenzas de actividade

Artigo 55.-Solicitude de licenza.

1. Con anterioridade á apertura dun establecemento público ou ao inicio dun espectáculo público ou actividade recreativa relacionados no artigo 52 da presente Ordenanza, quen vaia exercer a súa titularidade ou encargarse da súa organización deberá presentar no Concello unha solicitude de licenza cuxo modelo oficial se incorpora como Anexo á presente Ordenanza.

A esta solicitude acompañarase a documentación que se precise en cada caso que se relaciona nos Anexos desta Ordenanza.

2. A presentación das solicitudes e documentación requirida deberá efectuarse a través de calquera dos rexistros sinalados no artigo 38-4 da Lei 30/92, de Réxime xurídico das administracións e do procedemento administrativo común ou telemáticamente a través da sede electrónica municipal.

Se a presentación da solicitude e o resto da documentación se efectúa en soporte papel o proxecto técnico que se achegue, se é que este fose necesario, se tería que presentar tamén e en todo caso nun soporte dixital formato PDF.

3. No acto de presentación da solicitude os servizos municipais verificarán a integridade da documentación achegada dende o punto de vista formal comprobando se esta é a esixida, sen analizar ou valorar o seu contido.

Artigo 56.-Tramitación.

1. As solicitudes de licenzas de actividade tramitaranse de acordo coa lexislación reguladora do procedemento administrativo común coas especialidades contidas na lexislación local, na urbanística e na sectorial e coas contidas na presente Ordenanza municipal e na Ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en terreos de uso público no que a estas se refire.

2. A solicitude de licenza só comezará a producir efectos dende o momento no que o correspondente escrito coa documentación completa esixida en cada caso tivese entrada no Rexistro Municipal.

Artigo 57.-Emenda de deficiencias e mellora da solicitude.

Se os servizos municipais detectasen omisións, deficiencias ou imprecisións na solicitude de licenza ou na documentación con ela presentada estarase ao establecido no artigo 14 da presente Ordenanza.

Artigo 58.-Modificacións na actividade para a que se solicita licenza.

Se antes de que se concedese a licenza se pretenderan modificacións no proxecto técnico ou documentación presentada e estas modificacións alterasen determinacións da actividade pretendida que afectasen á seguridade, salubridade ou accesibilidade, o interesado deberá, previa desistencia da licenza solicitada, solicitar unha nova licenza que se tramitará consonte á normativa vixente na data da nova solicitude.

Artigo 59.-Autorizacións sectoriais e declaración de incidencia ambiental.

1. As actividades que precisen, ademais da licenza municipal, de autorizacións ou informes sectoriais doutras entidades ou Administracións Públicas ou de declaración de incidencia ambiental conforme a normativa sectorial de aplicación, necesitarán do seu previo achegamento para a concesión, se procede, da correspondente licenza de actividade.

2. No caso de que non se presente a preceptiva autorización ou informe sectorial ou declaración de incidencia ambiental estarase ao previsto no apartado 2 do artigo 16 da presente Ordenanza.

Artigo 60.-Informes.

Á vista da documentación presentada e de conformidade coa normativa de aplicación, os servizos municipais emitirán informe urbanístico sobre o uso e as obras proxectadas e informe correspondente ás instalación e sobre o cumprimento da normativa sectorial de aplicación. Concluídas as actuacións emitirase o preceptivo informe xurídico.

Artigo 61.-Resolución.

1. Completo o expediente e formulada proposta de resolución esta elevarase ao órgano competente para a resolución que poña fin ao procedemento.

A resolución poderá adoptar unha das seguintes formas: concesión pura e simple da licenza, concesión da licenza condicionada ao cumprimento de determinados requisitos ou denegación da licenza.

Toda resolución que denegue licenza deberá ser debidamente motivada con explícita referencia ás normas ou ás determinacións do planeamento urbanístico que se incumpran.

2. A tramitación da solicitude de licenza non poderá exceder de tres meses contados dende a presentación da solicitude coa documentación anexa completa no Rexistro do Concello ata a resolución municipal, a excepción das solicitudes de licenza para instalación de terrazas en terreos de uso público cuxo prazo de resolución será de dous meses.

Os requirimentos de documentación, emenda de deficiencias ou imprecisións e de informes ou autorizacións sectoriais suspenderán o prazo establecido para a resolución do solicitado, que volverá a computarse tras o seu achegamento.

3. O transcurso do prazo de tres meses establecido para a concesión da licenza de actividade determinará á súa adquisición por silencio administrativo se consta achegada a documentación completa esixida e a pretensión se axusta á normativa de aplicación ao tempo da solicitude, a excepción das solicitudes para a instalación de terrazas en terreos de uso público onde o silencio administrativo será negativo.

Artigo 62.-Supostos de simultaneidade de obras e actividades.

1. Se para o desenvolvemento dunha actividade sometida a licenza é precisa a realización dunha obra igualmente sometida ao réxime de licenza solicitaranse simultaneamente e concederanse nun único acto administrativo, sen prexuízo da formación e tramitación simultánea de pezas separadas para cada intervención administrativa.

A proposta de resolución da solicitude de licenza de actividade terá prioridade sobre a correspondente á licenza urbanística.

Se procede denegar a primeira, se lle notificará así ao interesado e non será necesario resolver sobre a segunda.

2. Se a actividade pretendida se encontrase sometida ao réxime de licenza e fose precisa para a súa posta en marcha a realización de obras que se encontrasen sometidas ao réxime de comunicación previa, esta última presentarase simultáneamente coa solicitude da licenza de actividade pero non adquirirá eficacia en tanto non se obteña a preceptiva licenza que habilite a implantación da actividade.

En ningún caso a execución de obras en réxime de comunicación previa vinculadas ao desenvolvemento dunha actividade sen terse obtido licenza para a mesma xerará responsabilidade da administración municipal.

3. Unha vez finalizadas as obras, xa estean sometidas ao réxime de licenza ou ao de comunicación previa, presentarase no Concello comunicación previa para o inicio da actividade.

Artigo 63.-Prazos para o inicio da actividade e vixencia das licenzas.

1. A actividade á que se lle concede licenza deberá iniciarse no prazo máximo de seis meses contado a partir da data da notificación da resolución de concesión da licenza ou contado a partir da data de presentación no rexistro municipal da comunicación previa para o inicio da actividade si houbese obras.

2. As licenzas dos establecementos abertos ao público concédense por tempo indefinido, salvo que unha disposición ou a propia licenza establezan expresamente o contrario, e sen prexuízo dos efectos dos controles e das revisións periódicas a que sexan sometidos tales establecementos.

3. As licenzas para a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas terán a mesma vixencia que á dos espectáculos ou actividades autorizados.

4. As licenzas para a instalación de terrazas en terreos de uso público outorgaranse por anos naturais prorrogables por iguais períodos de tempo, se ben se poderán solicitar tamén para períodos mínimos dun mes.

Artigo 64.-Extinción das licenzas de actividade.

As licenzas de actividade extinguiranse polos seguintes motivos:

a) Por caducidade.

b) Por revogación.

c) Por renuncia do titular comunicada por escrito ao Concello e declarada por este.

d) Por ter finalizado o espectáculo público ou a actividade recreativa para os que se concedeu a licenza.

e) Por cumprimento do prazo ao que está sometido o espectáculo público ou a actividade recreativa se así se establecese na licenza.

f) Por resolución xudicial ou administrativa a través dos procedementos de revisión de oficio regulados na lexislación administrativa.

Artigo 65.-Caducidade e revogación das licenzas de actividade.

1. Poderá declararse a caducidade das licenzas de actividade nos seguintes supostos:

a) Cando non se inicie a actividade nos seis meses seguintes contados a partir da data de notificación da licenza ou a partir da data de presentación no Rexistro municipal da comunicación previa para o inicio da actividade se houbese obras.

b) Cando non se realice a actividade por un tempo ininterrompido superior a un ano.

O prazo para o inicio da actividade poderá prorrogarse a través dunha comunicación previa na que así se indique sempre que se presente antes da conclusión daquel, que sexa por un prazo non superior a seis meses e que a actividade sexa conforme coa ordenación urbanística e normativa vixentes no momento no que se comunique a prórroga do prazo.

2. A declaración de caducidade dunha licenza de actividade realizarase a través da instrución do pertinente expediente con audiencia ao interesado.

3. A declaración de caducidade extinguirá os efectos da licenza de actividade, non podéndose iniciar nin proseguir a actividade ata que se solicite e obteña unha nova licenza axustada á normativa e á ordenación urbanística vixentes.

4. As licenzas de actividade poderanse revogar nos seguintes supostos:

a) Por incumprimento das condicións ou requisitos en virtude dos cales foron outorgadas.

b) Por modificarse substancialmente ou desaparecer as circunstancias que determinaron o seu outorgamento, ou haber sobrevido outras novas que no caso de ter existido comportarían a súa denegación.

c) Por sanción de conformidade co disposto na Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia ou norma que a substitúa.

d) Por falta de adaptación aos novos requirimentos establecidos polas normas dentro dos prazos previstos con esta finalidade.

5. A revogación será declarada despois da tramitación do pertinente expediente con audiencia ao interesado.

6. Tanto a declaración de caducidade como a revogación das licenzas de actividade non xerarán dereito a indemnización.

Artigo 66.-Documentación no lugar da actividade.

Será requisito necesario en todos os establecementos ou lugares nos que se exerza actividade sometida a licenza dispor en lugar visible de copia autorizada da licenza de actividade concedida.

Artigo 67.-Modificacións na actividade.

Calquera modificación nas condicións ou características da actividade ou do establecemento sometido a licenza municipal requirirá da previa solicitude e obtención de licenza para iso.

TÍTULO IV.-CONTROL POSTERIOR SOBRE OBRAS E ACTIVIDADES

Artigo 68.-Obxecto.

1. A Administración municipal está obrigada a exercer de forma permanente e continuada as funcións de comprobación, vixilancia, control e inspección sobre as obras e actividades que se realicen no termo municipal, xa estean suxeitas ao réxime de comunicación previa xa o estean ao réxime de licenza, para verificar a efectiva adecuación das mesmas á normativa que lle resulte de aplicación, sen prexuízo dos procedementos de reposición da legalidade e sancionador que,

no seu caso, poidan iniciarse.

2. O persoal municipal adscrito as funcións de control, inspección e vixilancia urbanística, no exercicio das súas funcións, terán a consideración de axente da autoridade e gozará do estatuto regulado na lexislación urbanística.

3. A Administración municipal poderá en calquera momento, de oficio, a petición razoada doutras Administracións ou por denuncia, efectuar visitas de control e inspección das obras, establecementos e actividades reguladas nesta Ordenanza dende que se presenten as comunicacións previas ou se outorguen as pertinentes licenzas.

Artigo 69.-Procedemento de control e inspección.

1. Nas comunicacións previas de obras ou de actividades a actuación de control iniciarase coa comprobación do contido da documentación aportada.

2. Á marxe do control documental indicado no apartado anterior, a Administración municipal procederá, a través dos funcionarios habilitados ao efecto, á inspección das obras, establecementos e actividades suxeitas á presente Ordenanza co obxecto de verificar a súa adecuación ás comunicacións previas presentadas e/ou ás licenzas outorgadas e á normativa que lles sexa de aplicación, levantando acta de comprobación.

3. A acta de comprobación é aquel documento que se expide co fin de recoller o resultado das actuacións de inspección e de verificación do cumprimento dos requisitos esixidos e expedirase por duplicado sendo asinadas polo persoal inspector e, no seu caso, pola persoa ante a que se expida á que se lle entregará un exemplar da mesma. Cando esta persoa se negase a subscribila farase constar dita circunstancia.

4. As actas de comprobación ostentan o carácter de documento público, gozan de presunción de veracidade e constitúen proba dos feitos reflectidos nelas, sen prexuízo das probas que en defensa dos seus dereitos poidan presentar as persoas interesadas.

5. Se levantada acta de comprobación se detectara que a obra ou actividade se exerce ou foi executada sen axustarse ás determinacións sinaladas na licenza ou na comunicación previa, emitirase informe con proposta de resolución dispoñendo a suspensión inmediata de ditos actos, se estes se estivesen executando, e a incoación do expediente de reposición da legalidade, sen prexuízo do sancionador.

6. Non obstante o establecido no apartado anterior se a acta de comprobación é dunha actividade con comunicación previa presentada ou con licenza de actividade outorgada e nela se reflectirán incumprimentos das determinacións da documentación técnica comunicada ou a que se lle concedeu licenza que son corrixibles sen requirir elaboración dunha nova documentación técnica, emitirase informe con proposta de resolución concedendo un prazo de 15 días para a corrección das deficiencias detectadas.

Transcorrido dito prazo sen que se corrixan tales deficiencias e así se faga constar nunha nova acta de comprobación adoptaranse as medidas previstas no apartado anterior deste artigo.

7. O feito de que se levante acta de comprobación non obsta para que o Concello, no exercicio das facultades de control e inspección que ten atribuídas, realice con posterioridade as visitas de comprobación que estime oportunas.

Artigo 70.-Contido da acta de comprobación.

Toda acta de comprobación terá o seguinte contido mínimo:

a) Identificación da obra e/ou do establecemento e actividade.

b) Identificación da persoa promotora da obra ou da actividade e, no seu caso, da persoa con quen se entenden as actuacións e o carácter co que intervén, xa sexa construtor, propietario, arrendatario ou técnico.

c) Funcionario que realiza a actuación de control e data da súa realización.

d) Descrición das actuacións practicadas.

e) Cumprimento ou descrición do incumprimento/os da documentación técnica presentada coa comunicación previa ou á que se lle concedeu a licenza e das determinacións ou condicións esixidas, no seu caso, na licenza ou nas autorizacións ou informes sectoriais, se os houbese.

f) Descrición das modificacións que, no seu caso, se observen nas obras, instalacións, establecementos e actividades respecto da documentación técnica presentada coa comunicación previa ou na que se baseou a licenza outorgada.

g) Incidencias producidas durante a actuación de control.

Artigo 71.-Actuacións de comprobación a instancia de parte.

1. Sen prexuízo das facultades de control que ten encomendadas o Concello, os interesados poden solicitar a este a realización dunha inspección do establecemento ou actividade para a comprobación da súa adecuación á normativa que lle sexa de aplicación e á comunicación previa presentada ou licenza de actividade outorgada.

2. Presentada a solicitude prevista no parágrafo anterior, no prazo máximo de dous meses dende a mesma, o Concello remitirá a quen llo solicitase copia da acta de comprobación. Se na mesma se detectaran incumprimentos ou deficiencias estarase ao previsto nos apartados 5 e 6 do artigo 69 da presente Ordenanza.

TÍTULO V.-REPOSICIÓN DA LEGALIDADE E RÉXIME SANCIONADOR

Articulo 72.-Infraccións e sancións.

Ás obras e actividades sometidas tanto ao réxime de comunicación previa como ao de licenza aplicaránselles as medidas de reposición da legalidade e o réxime sancionador previsto na lexislación urbanística, na Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, na Ordenanza municipal reguladora da protección do medio ambiente contra a emisión e recepción de ruídos e vibracións perturbadoras e do exercicio das actividades de esparexemento e/ou recreativas sometidas a licenza, na Ordenanza municipal reguladora da publicidade exterior e na Ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en terreos de uso público.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

MODELOS NORMALIZADOS

Unha vez aprobada definitivamente a ordenanza poñeranse a disposición dos interesados modelos normalizados modelos normalizados tanto de licenzas como de comunicacións previas e tanto urbanísticas como de actividade. Ditos modelos non terán carácter regulamentario pero deberá darlles o visto bo a Secretaría do Concello e se poñerán a disposición na páxina web municipal e na casa consistorial

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

NORMAS DERROGADAS

Cando na presente Ordenanza se realicen alusións a normas específicas desta administración, entenderase extensiva a referencia ás normas que por promulgación posterior substitúan ás mencionadas.

DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA

Os promotores de obras e actividades que teñan iniciado procedementos para a execución ou exercicio das mesmas con anterioridade á entrada en vigor desta Ordenanza poderán desistir da súa solicitude e optar pola aplicación da nova normativa, sempre que o poñan de manifesto antes da resolución do procedemento. En caso contrario, continuarase coa tramitación segundo a normativa que lles resultase de aplicación.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA

Quedan derrogadas cantas disposicións municipais de igual ou inferior rango se opoñan ao que se establece nesta Ordenanza.

DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA

A presente Ordenanza entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, que será realizada unha vez transcorrido o prazo previsto nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local.