BOP Nº 29 de 15/02/2016:
Corrección de erros no texto do Regulamento de uso das piscinas municipais de Padrón, no artigo 14, publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña número 21 do 2 de febreiro de 2016.
Artigo 1. Obxecto.
Este Regulamento ten por obxecto ordear o uso e funcionamento das piscinas municipais de titularidade do Concello de Padrón, ben sexan xestionadas por este directamente ou ben indirectamente por calquera das modalidades de xestión de servizos públicos previstas nas normas, e será de aplicación ás actividades que se desenvolvan nestes espazos.
Artigo 2. Calificación xurídica dos bens destinados ao servizo público.
As instalacións obxecto deste regulamento teñen a condición de bens de dominio público, destinados á prestación do servizo público municipal de piscina, de acordo cos artigos 4 do Real decreto 1.372/1986, do 13 de xuño, de bens das entidades locais e 79.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local
Artigo 3. Finalidades do servizo público.
Son finalidades do servizo público que se presta nas piscinas municipais as seguintes:
a) Promover o acceso das cidadás e dos cidadáns, sen discriminacións ou límites de idade, á práctica de actividades acuáticas, como ocupación saudable do tempo de lecer.
b) Achegar a actividade acuática aos menores mediante os programas deportivos que se implanten.
c) Promover cursos de natación entre os diferentes sectores da poboación.
d) Fomentar e promover o exercicio físico mediante as actividades que se realicen nas instalacións.
Artigo 4. Condicións hixiénico-sanitarias.
As condicións hixiénico-sanitarias das piscinas municipais serán as establecidas no Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas, e no Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece a regulamentación técnico-sanitaria de piscinas de uso colectivo, así como por aquelas normas que modifiquen ou substitúan estas e o resto da normativa estatal ou autonómica que lle sexa de aplicación.
Artigo 5. Acceso á piscina.
1. As instalacións das piscinas municipais están ao dispor de todos os cidadáns e cidadás do Concello de Padrón que pretendan realizar algunha das actividades deportivas que nelas se poidan practicar, de acordo co previsto neste regulamento.
2. O acceso ás instalacións pódese realizar baixo calquera das seguintes modalidades:
a) Abonados. Coa condición de abonado pódese ter acceso a todos os espazos de uso común da piscina cuberta municipal e practicar calquera das especialidades deportivas que se desenvolvan no seu interior, sen outra limitación que o tempo que se puidera fixar para actividades concretas.
Poderán ser establecidos diversos tipos de abonos en función de tempo, unidade e extensión familiar, colectivos especiais, etc.
Ademais os abonados terán a posibilidade de ser ¿cursistas" cun desconto non prezo tal e como se prevé na ordenanza fiscal correspondente.
b) Abonados de verán. Este tipo de abonados terán acceso ás piscinas municipais descubertas sen limitación de tempo nin de sesións durante o período no que estas piscinas permanezan abertas.
c) Asistente a cursiños. Teñen esta condición as persoas inscritas nalgún curso ou actividade e unicamente poderán facer uso das instalacións nas que se desenvolva a actividade solicitada e polo tempo de duración desta.
d) Entradas unitarias. Terán acceso pagando o custo da entrada diaria no momento do acceso. As persoas beneficiarias destas entradas poderán facer uso de todas as zonas de acceso común, sen apoio personalizado de monitor ou monitora especializada e con uso limitado en función da ocupación da instalación en cada momento.
Artigo 6. Exceso de demanda.
Cando a demanda de abonos ou de inscrición en cursos ou actividades supere a capacidade máxima prevista utilizaranse listaxes de espera para cubrir as baixas que se produzan. As posibles vacantes cubriranse por riguroso orde de inscrición na devandita listaxe.
Artigo 7. Aceptación das normas.
O acceso ás instalacións municipais supón a aceptación polas persoas usuarias das normas contidas neste regulamento e no resto da normativa de aplicación.
Artigo 8. Calendario e horario de apertura.
As instalacións das piscinas municipais estarán abertas ao público os días e nos horarios que se aproben polo Concello e que se atoparan expostas, nun lugar visible, nas propias instalacións.
O peche das instalacións por motivos de limpezas, realización de traballos de mantemento e renovación de auga dos vasos, ou calquera outro motivo técnico deberá ser anunciado coa antelación suficiente.
Artigo 9. Normas xerais.
As persoas usuarias das instalacións deberán respectar as seguintes normas xerais:
a) Débense respectar en todo momento os espazos reservados aos diferentes usos das instalacións.
b) Está prohibido fumar en todos os espazos e recintos.
c) Non se poderá acceder ás instalacións con animais agás con cans guía.
d) Deberanse empregar as papeleiras e colectores do lixo e manter limpas as instalacións.
e) Para facilitar a convivencia de todas as persoas usuarias non se debe correr nin berrar nas zonas compartidas.
f) Con carácter xeral as persoas menores de 8 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta durante o uso libre dos vasos das piscinas. As maiores de 8 anos e menores de 16 que saiban nadar poderán entrar sen acompañante cun consentimento por escrito asinado polo pai, nai ou titor ou titora, que quedará depositado na instalación e servirá de autorización permanente.
Artigo 10. Comportamento persoal.
As persoas que utilicen as instalacións deberán amosar un comportamento correcto e respectuoso para co resto das persoas coas que as compartan e cara ás instalacións e os bens que nelas se atoparan, así como manter estas nas axeitadas condicións de limpeza tralo seu uso.
As persoas usuarias están obrigadas a seguir as instrucións das persoas socorristas e/ou monitoras en canto ao uso dos vasos e rúas. As ordes dadas por este persoal serán de inmediato cumprimento.
Artigo 11. Follas de reclamación e buzón de queixas e suxestións.
Nas instalacións das piscinas existirán follas de reclamación a disposición das persoas que as utilicen, segundo o establecido na normativa sobre consumo.
Asemade as instalacións disporán dun buzón onde poder dirixir as súas queixas ou suxestións sobre o funcionamento do servizo, sin perxuízo de que poidan presentalas tamén no Rexistro Xeral do Concello. Para esta finalidade deberase informar ás persoas usuarias, nun lugar visible, da existencia deste buzón e da posibilidade de presentar nel as súas queixas ou suxestións.
Artigo 12. Normas de utilización dos vestiarios.
As persoas usuarias utilizarán os vestiarios de forma que se manteñan en correctas condicións hixiénicas e de conservación e respetarán as seguintes normas:
a) Usar chancletas para se duchar e circular polos vestiarios.
b) Está prohibido realizar accións hixiénicas como afeitarse, depilarse ou tinguirse dentro dos vestiarios.
c) O lixo deberase deixar nos recipientes destinados para estos efectos.
d) Os nenos e nenas maiores de 7 anos deberán utilizar unicamente o vestiario que lles corresponda segundo o seu sexo.
e) Non está permitido deixar fóra dos armarios utensilios ou prendas das persoas usuarias.
f) Os armarios deberán quedar baleiros despois do seu uso e as chaves dos mesmos non poderán sair das instalación en ningún caso. Os armarios que permanezan pechados ao final de cada xornada serán abertos polo persoal do centro e o seu contido depositado na zona de recepción durante un prazo máximo de 15 días naturais. Transcorrido este prazo, os obxectos non reclamados polos seus propietarios serán entregados á Policía Local que os custodiará, dándolles o destino que proceda segundo a normativa vixente.
g) Por motivos de seguridade non se permite o uso de aparellos eléctricos que non sexan os da propia instalación.
Artigo 13. Normas de utilización da zona de praia e vaso.
A praia e o vaso son zonas reservadas aos bañistas e para acceder a ela deberanse respectar as seguintes normas:
a) É obrigado o uso de bañador, gorro e zapatillas de auga.
b) Os nenos e nenas que usen cueiros, deberán usar cueiros especiais para o baño.
c) Para evitar riscos sanitarios, está prohibida a entrada daquelas persoas que padezan enfermidades cutáneas ou doutro tipo que pola súa natureza se poidan contaxiar a través da auga.
d) É obrigado ducharse antes da inmersión na auga dos vasos.
e) Non está permitido o emprego de colchonetas, frotadores, gafas de cristal ou calquera elemento que a xuízo dos responsables da seguridade do vaso poidan supoñer algún risco para o resto das persoas usuarias.
f) As persoas usuarias deben respectar a ubicación indicada pola persoa socorrista ou monitora, determinada segundo o seu nivel.
g) As persoas usuarias que non saiban nadar deberán comunicalo á persoa socorrista cada vez que accedan ás instalacións. De precisar algún elemento para a aprendizaxe da natación deberán solicitalo ao persoal da instalación e devolvelo unha vez rematada a actividade en bo estado de uso.
Artigo 14. Usos prohibidos na zona de praia e vasos.
Queda prohibido na zona de praia e vasos:
a) Entrar vestido e con calzado da rúa.
b) Mascar chicle, comer e beber.
c) Alborotar ou falar en voz elevada.
d) Entrar no vaso con maquillaxe, cremas ou apósitos de ningún tipo.
e) Realizar calquera tipo de necesidade fisiolóxica na piscina.
f) Saltar á auga desde os laterais.
g) Sentarse nas corticeiras.
Artigo 15. Normas de uso das saunas.
No uso das saunas existentes na piscina cuberta municipal situada no Campo do Souto deberanse respectar as seguintes normas:
a) Antes de entrar nas cabinas é obrigado ducharse previamente.
b) Non se permite ás persoas usuarias a manipulación dos sistemas de control da sauna.
c) É obrigado entrar na cabina con zapatillas de ducha.
d) É obrigado o uso de bañador e toalla.
e) Non está permitida a entrada con outro tipo de roupa diferente ao bañador e toalla, así como con xoias, obxectos metálicos, electrónicos ou de vidro.
f) Non se permite beber ou comer no interior das cabinas.
g) Non se permite a realización de accións hixiénicas como afeitarse, depilarse ou tinguirse.
Artigo 16. Responsabilidade polos danos causados nas instalacións.
A persoa ou persoas responsables dos desperfectos que se poideran causar nas instalacións, no mobiliario ou no material, así como da sustración dalgún destes elementos deberán aboar o importe íntegro dos gastos derivados da súa reparación ou sustitución, así como o importe das indemnizacións polos danos e perxuízos causados, sen perxuízo das sancións que se poidan impoñer.
Para os efectos da súa constancia, o persoal ou entidade encargada das instalacións deberá comunicar, coa maior urxencia, á persoa titular da Concellería de Deportes os despefectos causados ou as sustracións detectadas, a través do correspondente parte de incidencias no que fará constar cando menos a identificación das persoas presuntamente responsables, lugar, día e hora no que se produxeron e unha breve descripción dos desperfectos causados e/ou do material sustraído e de que cómo se desenvolveron os feitos.
Artigo 17. Infraccións leves.
Consideraranse infraccións leves as seguintes condutas:
a) A desobediencia das instrucións e advertencias que o persoal das instalacións determine co fin de cumprir este regulamento e as normas sobre utilización das piscinas de uso colectivo e, en especial, os artigos referentes ao comportamento das persoas usuarias e a utilización das instalacións.
b) As accións ou omisións contrarias ao establecido no presente regulamento que non foran tipificadas como infraccións graves ou moi graves.
Artigo 18. Infraccións graves.
Consideraranse infraccións graves as seguintes condutas:
a) A falta de respecto cara as persoas traballadoras das instalacións ou demais persoas usuarias.
b) As accións ou omisións que impliquen deterioro grave ou desperfectos das instalacións ou do equipamento.
c) A subtracción de obxectos situados nas instalacións.
d) O uso fraudulento de documentos para o acceso ás instalacións ou a cesión destes documentos a terceiras persoas non autorizadas.
e) A comisión de dúas infraccións leves no período dun ano impostas por resolución administrativa firme.
Artigo 19. Infraccións moi graves.
Consideraranse infraccións moi graves:
a) As accións ou omisións que prexudiquen gravemente ou supoñan riscos para a saúde das persoas usuarias ou traballadoras da instalación.
b) As accións ou omisións que impliquen un deterioro moi grave ou irreversible das instalación ou nos equipamentos.
c) A comisión de dúas infraccións graves no período dun ano impostas por resolución administrativa firme.
Artigo 20. Sancións.
Pola comisión das infraccións indicadas imporanse as seguintes sancións:
a) Infraccións leves: multa de 20,00 euros a 200,00 euros.
b) Infraccións graves: multa de 200,01 a 600,00 euros.
c) Infraccións moi graves: multa de 600,01 a 3.000 euros e a expulsión das instalacións por un período variable entre un mes e un ano.
Artigo 21. Procedimento sancionador.
As sancións serán impostas polo Alcalde ou órgano no que delegue, de selo caso, previo informe do persoal ou entidade encargado da xestión das instalacións e de acordo ao procedimento recollido no Capítulo II do Título IX da Lei 30/1992, de 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común, e no Real decreto 1.398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercizo da potestade sancionadora, e os criterios recollidos no Título XI da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
As sancións impostas en cumprimento deste regulamento son independentes das responsabilidades civís, penais ou de calquera orde en que poideran incorrer os ou as autores das infraccións.
A presente ordenanza, que consta de 21 artigos e unha disposición derradeira, entrará en vigor tras a súa aprobación definitiva, unha vez publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e transcorrido o prazo ao que se refire o artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.
BOP Nº 29 de 15/02/2016:
Corrección de erros no texto do Regulamento de uso das piscinas municipais de Padrón, no artigo 14, publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña número 21 do 2 de febreiro de 2016.