Carnota - REGULAMENTO MUNICIPAL DOS PROCEDEMENTOS DE INTERVENCIÓN NOS ACTOS DE USO DO SOLO E NO EXERCICIO DE ACTIVIDADES

Publicación provisional: 04/12/2015 BOP Nº: 233
Publicación definitiva: 08/02/2016 BOP Nº: 25
Aplicable dende: 01/03/2016

TÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.º.-Obxecto.

1. Esta ordenanza regula os procedementos de intervención, control da legalidade e inspección municipais dos actos de uso do solo de natureza urbanística e das actividades que se desenvolvan no municipio de Carnota.

2. Exclúense do seu ámbito de aplicación as actividades de venda ambulante, que se rexen por un regulamento municipal específico.

Artigo 2.º.-Réxime.

1. Os actos de uso do solo sométense ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, agás nos casos en que esta ordenanza ou a lexislación vixente requiran licenza municipal.

2. O desenvolvemento de calquera actividade comercial, industrial, profesional, económica ou de servizos estará suxeito á presentación de comunicación previa no Concello, agás nos casos en que esta ordenanza ou a lexislación vixente requiran licenza municipal.

3. Cando a actuación pretendida requira dalgunha autorización, cualificación ou informe favorable doutra administración pública, consonte a lexislación sectorial aplicable, a comunicación previa ou o outorgamento da licenza municipal requirirán a previa emisión e incorporación ao expediente da devandita autorización, cualificación ou informe.

Artigo 3.º.-Definicións.

1. Nos termos da lexislación vixente e para os efectos desta ordenanza enténdese por:

1) Licenza: acto administrativo regrado polo que o órgano municipal competente, trala comprobación de que se cumpren as condicións establecidas pola normativa aplicable, autoriza actos de uso do solo ou o exercicio de actividades e/ou apertura de establecementos.

2) Comunicación previa: documento mediante o que as persoas interesadas poñen en coñecemento do Concello os seus datos identificativos e demais requisitos esixibles para o exercicio dun dereito ou o inicio dunha actividade, consonte os artigos 70.1 e 71 bis.2 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ao que achegarán a documentación que xustifique o cumprimento da normativa aplicable.

2. As licenzas ou comunicacións previas denomínanse ¿urbanísticas" cando teñen por obxecto actos de ocupación, edificación e uso do solo e do subsolo e ¿de actividade" cando teñen por obxecto a instalación e o exercicio de calquera actividade comercial, industrial, profesional, económica ó de servizos.

Artigo 4.º.-Obras e actividades privadas en terreos de dominio público.

1. Cando se trate de actos privados de uso do solo ou actividades privadas en terreos de dominio público que non sexa municipal, esíxese a licenza ou comunicación previa con independencia das autorizacións ou concesións que procedan por parte da administración titular dos terreos.

Estas autorizacións ou concesións deberán de acompañar á solicitude de licenza municipal ou á comunicación previa que, no seu caso, se presente e serán necesarias para que estas se tramiten ou produzan efectos.

2. Cando se trate de actos privados de uso do solo ou actividades privadas en terreos de dominio público municipal que estean suxeitos a concesión administrativa, se no procedemento de outorgamento da concesión se comprobou a adecuación do proxecto á normativa urbanística e sectorial aplicable, a licenza urbanística e de actividade e os efectos da comunicación previa enténdense concedidos e producidos, respectivamente, coa propia concesión administrativa.

3. Cando os actos priivados de uso do solo e as actividades privadas en dominio público municipal impliquen un uso común especial suxeito a licenza ou autorización municipal consonte o Regulamento de Bens das Entidades Locais, o outorgamento da licenza urbanística ou de actividade implicará a concesión da licenza ou autorización para ocupar o dominio público.

Se os actos privados de uso do solo ou actividades privadas en dominio público municipal están suxeitos ao réxime de comunicación previa, cumprirá solicitar previamente a licenza para usar o devandito dominio público, que logo se achegará á comunicación previa.

Artigo 5.º.-Erro na cualificación do escrito presentado.

1. O erro na cualificación do escrito presentado pola persoa interesada sobre a elección do procedemento de sometemento a licenza ou de comunicación previa non impedirá a súa tramitación, sempre que do seu contido se deduza o seu verdadeiro carácter. O Concello notificaralle ao interesado esa circunstancia e, no seu caso, requirirá a documentación precisa para continuar o procedemento que corresponda.

2. Se a persoa interesada presenta unha comunicación previa pero o réxime aplicable é o da licenza, o Concello advertiralle que non pode efectuar a obra ou iniciar a actividade ata que obteña esa licenza. Se iniciase a obra ou a actividade requiriráselle para que a paralice coas advertencias propias dos procedementos de reposición da legalidade urbanística.

3. Se a persoa interesada solicita unha licenza pero o réxime aplicable é o da comunicación previa, o Concello notificaralle esa circunstancia e cumprirá requirirlle que presente, no seu caso, a documentación correspondente, sen que poida iniciar a obra ou desenvolver a actividade mentres non a presente.

Artigo 6.º.-Consulta previa.

1. Os particulares poderán solicitar unha consulta previa do réxime e das condicións urbanísticas aplicables a un predio, edificación ou local determinados, das obras e actividades permitidas, e do procedemento aplicable para a actuación de que se trate.

Asemade poderán solicitar consulta por escrito sobre unha iniciativa de actividade ou obra concreta, á que se acherará memoria descritiva ou os datos suficientes que definan as características xerais da actividade proxectada e do inmoble no que se pretende levar a cabo ou da obra que se pretende executar.

2. Nas consultas relativas a un predio ou edificación a solicitude precisará a súa referencia catastral.

3. Sobre a consulta emitirá informe a área de Urbanismo, no que se sinalará a clase e cualificación do solo que corresponda, o polígono ou sector de que se trate, os usos e intensidades que lle atribúa o plan, os parámetros urbanísticos aplicables e, no seu caso, os requisitos esixidos e a documentación necesaria para executar a obra, apertura do establecemento ou o inicio da actividade.

4. A contestación á consulta será resolta no prazo máximo de un mes desde que se presentou a solicitude.

5. A contestación á consulta non terá carácter vinculante para a administración.

Artigo 7.º.-Actos non suxeitos a licenza ou comunicación previa.

Non serán esixibles licenza ou comunicación previa nos seguintes casos:

- As parcelaciones urbanísticas e calquera acto de división de parcelas efectuadas a través de proxectos de compensación, reparcelamento, equidistribución ou normalización de predios.

- A demolición de construcións declaradas en ruína a través de expediente contraditorio, sen prexuízo da esixencia de proxecto técnico para executala cando o requira a entidade das obras.

- Apuntalar ou realizar outras medidas de seguridade urxentes, cando sexan precisas.

- As obras derivadas dunha orde de execución, non sendo que pola súa importancia requiran solicitude de licenza ou presentación de comunicación previa acompañadas do correspondente proxecto técnico.

- As obras derivadas de resolucións recaídas en expedientes de reposición da legalidade urbanística que non impliquen demolición total ou parcial.

- As obras de urbanización previstas nos proxectos de urbanización.

- As actuacións urbanísticas promovidas polo Concello que se entenderán autorizadas coa aprobación do proxecto se no expediente se xustificou o cumprimento da normativa aplicables.

- As obras públicas eximidas expresamente pola lexislación sectorial ou de ordenación do territorio.

Artigo 8.º.-Situacións xurídicas privadas.

As licenzas e as comunicacións previas producen efectos entre o Concello e o suxeito que as promoveu pero non atixen as situacións xurídicas privadas entre este e as demais persoas.

O título habilitante que supón a concesión dunha licenza ou unha comunicación previa para realizar unha obra ou exercitar unha actividade enténdese outorgado sen mingua do dereito de propiedade e sen prexuízo de terceiras persoas.

TÍTULO II.-LICENZAS E COMUNICACIONS PREVIAS URBANISTICAS

CAPÍTULO I.-LICENZAS URBANÍSTICAS

Sección 1.ª.-Actos xuxeitos e réxime xurídico das licenzas

Artigo 9.º.-Actos suxeitos a licenza.

Estan suxeitos a licenza municipal previa os actos de ocupación, construción, edificación e uso do solo e do subsolo seguintes:

a) As obras de edificación de nova construción, agás as construcións de escasa entidade construtiva e sinxeleza técnica que non teñan carácter residencial nin público e se desenvolvan nunha soa planta.

b) As intervencións de carácter total sobre os edificios existentes ou as parciais que produzan unha variación esencial da composición xeral exterior, a volumetría ou o conxunto do sistema estrutural, ou teñan por obxecto cambiar os usos característicos do edificio.

c) As intervencións en edificios declarados bens de interese cultural ou catalogados polas seus singulares características ou valores culturais, históricos, artísticos, arquitectónicos ou paisaxísticos.

d) As demolicións.

e) Os muros de contención de terras.

f) Os grandes movementos de terras e as explanacións.

g) As parcelaciones, segregacións e outros actos de división de terreos en calquera clase de solo, cando non formen parte dun proxecto de compensación ou reparcelamento.

h) A primeira ocupación dos edificios.

i) A instalación de casas prefabricadas e instalacións similares, sexan provisionais ou permanentes.

j) A curta de masas arbóreas ou de vexetación arbustiva en terreos incorporados a procesos de transformación urbanística, isto è, de terreos incluídos en ámbitos de solo urbanizable, de solo urbano non consolidado ou de solo de núcleo rural suxeito a actuación de carácter integral.

k) Calquera outro acto que sinale unha disposición legal.

Artigo 10.º.-Finalidade da licenza urbanística.

1. A licenza urbanística ten por finalidade comprobar que os actos relacionados no artigo anterior se axustan ao ordenamento urbanístico vixente, o aproveitamento proxectado ao susceptible de apropiación e as obras e usos proxectados ás condicións esixibles de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade.

2. Non se pode iniciar a execución das obras ou dos actos pretendidos mentres non se obteña a preceptiva licenza.

Artigo 11.º.-Alcance do control municipal.

A intervención municipal a través da licenza urbanística non abrangue o control dos aspectos técnicos tocantes á seguridade estrutural das construcións, ás condicións de montaxe das instalacións ou á calidade dos elementos ou materiais empregados, cuxa responsabilidade lles corresponde en exclusiva ao proxectista, á dirección técnica, ao promotor ou á empresa construtora ou instaladora.

Sección 2.ª.-Procedemento para outorgar a licenza urbanística

Artigo 12.º.-Solicitude de licenza.

1. A tramitación da licenza urbanística iníciase mediante solicitude axustada ao modelo oficial que publica a sede electrónica municipal.

Coa solicitude cumprirá achegar a documentación que corresponda e que se enumera na antedita sede.

2. A solicitude preséntase a través de calquera dos rexistros sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou telemáticamente a través da sede electrónica municipal.

Se a solicitude e a documentación achegada se presentan en soporte papel, o proxecto técnico, de ser necesario, tamén se debe xuntar nun soporte dixital formato PDF. Se o proxecto está visado electronicamente por un colexio profesional que permita acceder á súa plataforma, abonda co código de proxecto e a autorización do solicitante para acceder a el desde o Concello.

3. Enténdese por proxecto técnico o documento completo que contén o básico e mailo de execución.

Artigo 13.º.-Tramitación.

1. A solicitude de licenza urbanística tramítase consonte a lexislación do procedemento administrativo común coas especialidades derivadas da normativa local, a urbanística e a sectorial aplicable, así como as disposicións deste regulamento municipal.

2. A solicitude de licenza comeza a producir efectos desde a data en que o escrito coa documentación esixida ten entrada no rexistro municipal.

Artigo 14.º.-Subsanación de deficiencias e mellora da solicitude.

1. De advertirse omisións, deficiencias ou imprecisións na solicitude ou na documentación achegada, o Concello requirirá á persoa interesada para que no prazo de dez días as corrixa ou aclare, con aviso de que noutro caso entenderá que desistiu da súa petición.

2. O cómputo do prazo máximo para ditar resolución suspéndese polo requirimento de corrección de deficiencias e polo tempo que medie entre a súa notificación e o efectivo cumprimento del polo destinatario.

3. Se o requirimento non se atende correctamente ou se atende de forma incompleta, o Concello poderá realizar outro con relación ás deficiencias non subsanadas. De non se cumprimentar este último no prazo de dez días, enténdese que o peticionario desistiu da súa petición sen máis trámites.

Artigo 15.º.-Modificacións do acto para o que se pide licenza.

Se antes de que se conceda a licenza, o peticionario pretende modificar o proxecto técnico ou a documentación presentada e os cambios alteran determinacións na actuación que atinxan ao aproveitamento urbanístico, altura, ocupación en planta, forma e posición de edificio no predio, estrutura, número de vivendas, usos, accesibilidade, habitabilidade ou afección á contorna, a persoa interesada deberá desistir da licenza solicitada e solicitar unha nova.

Artigo 16.º.-Autorizacións sectoriais.

1. A actuación en terreos, construcións ou instalacións que precise, ademais da licenza municipal, autorización ou informe sectorial doutra administración pública consonte a normativa sectorial aplicable, precisará obter esta última con carácter previo á obtención da licenza urbanística.

2. De non presentar o solicitante a antedita autorización ou informe sectorial, suspéndese a tramitación da licenza municipal polo tempo que medie entre o requirimento dela e a súa efectiva presentación.

O prazo de suspensión non pode exceder de tres meses e transcorrido este sen que o solicitante achegue a autorización ou informe sectorial pertinente o Concello acordará, previa a súa advertencia, o arquivo das actuacións e a caducidade do procedemento.

3. Tamén se suspende a tramitación do procedemento cando sexa o Concello o que, como consecuencia da solicitude de licenza urbanística e consonte a lexislación aplicable, deba solicitarlle a autorización ou informe sectorial a outra administración pública. O prazo de suspensión é polo tempo que medie entre a petición e a recepción dos anteditos autorización ou informe sectorial.

Artigo 17.º.-Informes.

No procedemento de outorgamento de licenza serán preceptivos os informes técnico e xurídico sobre o uso e a obra proxectada e a súa conformidade coa normativa aplicable coa proposta de resolución que proceda.

Artigo 18.º.-Cesión de terreos.

1. Con carácter previo á proposta de resolución favorable á concesión de licenza de calquera tipo de obra ou de actividade en solo urbano consolidado que non teña a condición de soar nin regularizada a vía pública, o dono do predio deberá cederlle gratuitamente ao Concello os terreos destinados á rede viaria situados por fóra das aliñacións sinaladas no plan. Tamén se debe cumprir esta obrigación antes de presentar unha comunicación previa urbanística ou de actividade, cando concurran idénticas circunstancias fácticas.

2. A disposición que contén o apartado anterior é aplicable ao dono do predio en solo de núcleo rural cando pretenda construír unha nova edificación ou substituír a existente.

3. A cesión formalízase en documento público ao que se achegará o gráfico que exprese con precisión a superficie obxecto de transmisión consonte as aliñacións establecidas. Nese documento constará a inscrición no rexistro da propiedade.

Artigo 19.º.-Resolución.

1. O expediente coa proposta de resolución remítese ao órgano competente para que dite a resolución que pon fin ao procedemento.

A resolución pode conceder simplemente a licenza, suxeitala a que se cumpran determinadas condicións ou denegala.

A denegación da licenza debe conter unha motivación clara e suficiente con referencia específica ás normas do ordenamento xurídico urbanístico que incumpre a solicitude.

2. A petición de licenza débese resolver no prazo máximo de tres meses contados desde que se presentou a solicitude coa documentación completa no rexistro do Concello. As peticións de licenza para dividir terreos que non constitúan parcelacións urbanísticas, para a primeira ocupación de edificios e para curtar masas arbóreas ou vexetacións arbustivas ás que se refiren os apartados g), h) e j) do artigo 9 deste regulamento, débense resolver no prazo máxmo de un mes.

3. Transcorridos os prazos máximos sinalados no apartado anterior sen que se adopte resolución expresa, operará o réxime do silencio administrativo na forma legalmente establecida.

En ningún caso se entenden adquiridas por silencio administrativo positivo licenzas que vaian en contra da normativa urbanística aplicable.

Artigo 20.º.-Licenza condicionada a que se complete a urbanización.

1. As licenzas de edificación de nova planta ou de ampliación ou reforma de edificios existentes que se soliciten en terreo urbano consolidado que aínda non tivese a condición de soar ou en solo de núcleo rural que precise obras de empalme ás redes de servizos existentes ou de urbanización outórganse cando se asegure a execución simultánea da urbanización e da edificación.

2. Con carácter previo ao outorgamento da licenza, cumprirá constituír unha garantía por importe do 100% do custo das obras de urbanización pendentes e/ou do custo previsible de reposición das existentes que poidan ser afectadas con motivo da actuación. Esas obras débesen determinar no propio proxecto técnico da edificación ou nun anexo a el.

O Concello devolverá a garantía canda o outorgamento da licenza de primeira ocupación e esta queda supeditada a que se executasen total e satisfactoriamente as obrigacións garantidas.

De non proceder a licenza de primeira ocupación, a garantía devolverase logo de que a persoa interesada comunique o remate da actuación con certificado final de obra subscrito por técnico competente e sempre que se cumpriran satisfactoriamente as obrigacións garantidas.

Artigo 21.º.-Extinción e caducidade da licenza.

1. A licenza urbanística extínguese polos seguintes motivos:

a) Por caducidade.

b) Por renuncia do titular comunicada por escrito ao Concello.

c) Por resolución anulatoria xudicial ou administrativa, neste último caso a través de revisión de oficio.

2. A licenza urbanística outórgase con suxeición a un prazo determinado de caducidade para o inicio e para a finalización das obras, así como para a súa interrupción.

O prazo máximo para iniciar as obras é o de seis meses e para a súa terminación o de dous anos, contados a partir da notificación da concesión da licenza. As obras non se poden interromper por un tempo superior a seis meses.

3. Os anteditos prazos pódense prorrogar por solicitude do titular da licenza presentada antes da conclusión deles e sempre que a licenza sexa conforme coa ordenación urbanística vixente no momento da concesión da prórroga.

En calquera caso, a prórroga concederase por un prazo non superior ao inicialmente acordado.

4. Transcorridos e incumpridos calquera dos prazos devanditos, o Concello declarará a caducidade da licenza, con audiencia previa da persoa interesada.

5. A declaración de caducidade extingue a licenza e non se poderán iniciar ou proseguir as obras a non ser os traballos de seguridade e mantemento, dos que se informará ao Concello para o seu control.

Declarada a caducidade da licenza, a persoa interesada pode solicitar unha nova que se tramitará con suxeición á normativa vixente na data desta nova solicitude.

Sección 3.ª.-Execución das obras

Artigo 22.º.-Comunicación de empresa construtora.

Antes de comezar as obras o titular da licenza debe comunicarlle ao Concello o nome e o domicilio social da empresa construtora. Tamén debe comunicar o cambio de empresa durante a execución da actuación.

Artigo 23.º.-Sinalamento de aliñacións e rasantes.

1. Con relación ás obras de edificación de nova construción, de ampliación de edificios existentes que alteren a ocupación en planta, de muros de contención e de instalacións de casas prefabricadas e instalacións similares ás que se refire o artigo 9 deste regulamento, será condición indispensable para o seu inicio que trala concesión da licenza se leve a cabo o sinalamento de aliñacións e rasantes, previa a súa solicitude pola persoa interesada.

2. A solicitude de aliñacións e rasantes debe xuntar un plano por triplicado da situación dos terreos a escala 1:500 con todos os seus datos acoutados e os da contorna máis próxima.

3. As aliñacións e rasantes ás que se deberá de axustar a construción, ampliación ou instalación serán sinaladas na acta de trazado de planta.

Ao acto de sinalamento de aliñacións e rasantes concorrerán un técnico municipal, o titular da licenza e o técnico director da obra, que subscribirán a acta de trazada do planta por triplicado así como o plano acoutado a escala 1:500 que se incorpora a ela.

Artigo 24.º.-Documentación no lugar da obra e cartel indicador.

1. Todas as obras deberán dispoñer ao pé delas de copias autorizadas da licenza municipal e da acta de trazado de planta no caso de que esta sexa necesaria de conformidade co artigo anterior.

2. Ademais, as obras de edificación de nova construción e as intervencións en edificios existentes que requiran de licenza municipal deberán dispoñer ao pé delas dun cartel indicador visible desde a vía pública, de 110 cm de largo por 80 cm de alto, co seguinte contido:

CONCELLO DE ¿

● N.º expte. licenza de obra:

● Data de expedición da licenza:

● Ordenanza aplicable:

● Promotor:

● Construtor:

● Director de obra:

● Director de execución:

● N.º de plantas autorizadas:

● Usos:

● Prazo máximo de execución:

3. O cartel será un taboleiro hidrófugo con fondo branco e texto negro.

Artigo 25.º.-Modificación de obras.

1. Se durante a execución das obras se prevén ou producen variacións que alteren o proxecto técnico ou a documentación sobre os que se baseou a licenza outorgada no tocante a algún dos parámetros enumerados no artigo 15 deste regulamento, o titular estará obrigado a solicitar unha nova licenza que as abeire.

2. As outras modificacións que non alteren os anteditos parámetros urbanísticos débense documentar cunha memoria e, no seu caso, planos que se xuntará á solicitude da licenza de primeira ocupación, se esta fose necesaria, ou directamente unha vez concluídas as obras Esa documentación describirá e identificará cumpridamente as variacións de detalle introducidas na obra.

Sección 4.ª.-Remate das obras

Artigo 26.º.-Obrigacións do titular da licenza ao concluír a obra.

1. No prazo de dez días seguintes ao remate da obra o titular da licenza debe:

a) Retirar os materiais sobrantes e as estadas, valos e barreiras.

b) Construír ou repoñer o piso definitivo das beirarrúas.

c) Repoñer ou reparar o pavimento da calzada ou praza, arboreda ou zona verde, conducións ou redes de servizo e os outros elementos urbanísticos afectados polas obras de construción.

Destas obrigacións responderá subsidiariamente o dono solo no que se executou a obra se fose distinto do titular da licenza.

2. Nas obras de edificación de nova construción e as intervencións de carácter total ó parcial en edificios existentes suxeitos a licenza, o titular dela debe solicitar a licenza de primeira ocupación.

Artigo 27.º.-Licenza de primeira ocupación.

1. A licenza de primeira ocupación esíxese para utilizar os edificios aos que se refire o apartado 2 do artigo anterior.

2. A licenza de primeira ocupación ten como obxecto comprobar que a obra está completamente rematada e axústase á licenza urbanística outorgada así como ás condicións que se impuxeron nela e que, no seu caso, o promotor cumpriu o compromiso de realizar a urbanización esixida con suxeición ao proxecto correspondente.

3. O titular da licenza de obra solicitará a licenza de primeira ocupación para o que achegará á súa petición o certificado final da obra e, no seu caso, da urbanización subscrito por técnico competente. Neste último debe constar que a obra está completamente rematada e que se axusta á licenza outorgada ou, no seu caso, ao proxecto de urbanización. Tamén deberá xuntar á devandita solicitude o xustificante da solicitude de alta no Catastro.

4. Os servizos técnicos municipaios comprobarán a documentación achegada e inspeccionarán a obra de edificación e, no seu caso, de urbanización executadas.

Non se pode conceder licenza de primeira ocupación se a obra urbanizadora esixida non está concluída e apta para a súa recepción.

A concesión da licenza de primeira ocupación implica a previa ou simultánea recepción da obra urbanizadora.

5. De se comprobar que a obra de edificación ou de urbanización non está rematada ou que non se cumpriron as obrigacións de reposición relacionadas no artigo 26.1 deste regulamento, suspéndese o procedemento e cumprirá requirir a execución das actuacións necesarias para a correcta finalización da obra.

6. A conclusión da obra sen se axustar aos termos da licenza concedida ou, no seu caso, do proxecto de urbanización aprobado dará lugar á denegación da licenza de primeira ocupación e á iniciación de expediente de reposición da legalidade infrinxida, sen prexuízo do procedemento sancionador correspondente.

7. Para empalmar o inmoble aos servizos de abastecemento de auga, saneamento, electricidade, gas, telefonía ou outros servizos propios de edificacións, será necesaria a concesión da licenza de primeira ocupación. As empresas ou entidades subministradoras deses servizos esixirán a devandita licenza como requisito para contratalos.

O Concello, trala audiencia da persoa interesada, poderá suspender os servizos contratados polas empresas subministradoras sen a existencia previa da licenza de primeira ocupación.

CAPÍTULO II.-COMUNICACIÓNS PREVIAS URBANISTICAS

Sección 1.ª.-Actos suxeitos e réxime xurídico

Artigo 28.º.-Actos suxeitos a comunicación previa.

1. Están suxeitos ao réxime de intervención municipal de comunicación previa todos os actos de ocupación, construción, edificación e de uso do solo non suxeitos a licenza ademais dos que establezan as leis.

2. Tamén se someten ao réxime de comunicación previa os cambios de titularidade de calquera acto de uso do solo autorizado por licenza urbanística ou por comunicación previa. A comunicación deberá indicar a identidade do novo titular.

Artigo 29.º.-Efectos da presentación da comunicación previa.

1. A comunicación previa constitúe título habilitante para iniciar os actos de uso do solo aos que se refire cando transcurra o prazo de quince días soltos contados desde a súa presentación, coa documentación esixible, no rexistro municipal, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte do Concello.

2. No prazo de quince días soltos sinalado no apartado anterior, o Concello declarará que a documentación presentada está completa ou requirirá que se corrixan as deficiencias que advirta. Neste caso, o acto de uso do solo non se pode iniciar ata que transcurran outros quince días soltos desde que se presente a documentación requirida e se subsanen as deficiencias advertidas.

3. A comunicación previa non producirá efectos nos seguintes casos:

a) Cando se presente sen os documentos que se deben achegar ou sen a cesión de solo á que se refire o artigo 18.º.1 deste regulamento.

b) Cando o acto de uso do solo ao que se refire está suxeito a licenza municipal.

c) Cando para executar os actos de uso do solo fosen preceptivos informes ou autorizacións previas doutros organismos públicos que non se achegan canda a comunicación.

d) Cando o acto de uso do solo ao que se refire non se axusta á normativa aplicable.

4. A inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial en calquera dato, manifestación ou documento que se achegue á comunicación previa comportará, logo de audiencia da persoa que a presente, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e a imposibilidade de iniciar ou de o acto de uso do solo, sen prexuízo das responsabilidades administrativas, penais ou civís que procedesen.

Artigo 30.º.-Responsabilidades.

1. Os profesionais asinantes da documentación técnica que se achegue á comunicación previa son responsables da súa calidade e da súa conformidade coas normas que lle son aplicables.

2. Os profesionais asinantes de certificacións ou declaracións que se acheguen á comunicación previa son responsables da exactitude e da veracidade do seu contido.

3. O titular dos dereitos derivados dunha comunicación previa está obrigado a executar o uso do solo nas condicións definidas na documentación presentada.

Artigo 31.º.-Alcance do control inicial da comunicación previa.

1. No prazo de quince días soltos desde que se presente a comunicación previa o Concello comprobará a integridade formal e da suficiencia legal da súa documentación para os efectos de declarar que está completa ectos e que se pode iniciar o uso do solo á que se refire. A actuación municipal nesta fase non implica a análise do contido da comunicación previa ou da documentación achegada, nin a comprobación de que se cumpren os requisitos esixidos pola normativa urbanística aplicable. Esta análise será realizada normalmente con posterioridade, sen prexuízo de que o Concello tamén a poida levar a efecto no antedito prazo.

2. A intervención municipal con relación á comunicación previa non abrangue o control sobre os aspectos técnicos tocantes á seguridade estrutural das construcións, as condicións de montaxe das instalacións ou a calidade dos elementos ou materiais empregados, cuxa responsabilidade lles corresponde en exclusiva ao proxectista, á dirección técnica, ao promotor ou á empresa construtora ou instaladora.

Sección 2.ª.-Procedemento da comunicación previa urbanística

Artigo 32.º. Regulación do procedemento.

O control e a intervención municipal nos actos aos que se refire o artigo 28 deste regulamento axústanse ao seguinte procedemento:

a) A comunicación previa débese realizar nos modelos oficiais que se publican na sede electrónica municipal ou a través de plataformas establecidas para o efecto polas administracións autonómica ou estatal. Coa comunicación cómpre achegar a documentación esixible en cada caso e que se enumera na antedita sede electrónica.

b) A comunicación previa preséntase a través de calquera dos rexistros sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou telemáticamente a través da sede electrónica municipal.

Se a comunicación previa e a documentación achegada se presentan en soporte papel, o proxecto técnico, se fose necesario, tamén se debe xuntar nun soporte dixital formato PDF. Se o proxecto está visado electronicamente por un colexio profesional que permita acceder á súa plataforma, abonda co código de proxecto e a autorización do solicitante para acceder a el desde o Concello.

c) A comunicación previa débese presentar cunha antelación mínima de quince días soltos ao da data en que se pretenda iniciar o uso do solo ao que se refire.

Artigo 33.º.-Tramitación da comunicación previa urbanística.

1. Se a comunicación previa contén a documentación esixida, producirá plenos efectos xurídicos polo que, transcorrido o prazo de quince días soltos ao que se refire o artigo 29.º.1 deste regulamento, constituirá título habilitante para inicia o acto de uso do solo suxeito a ela, sen prexuízo das posteriores facultades de comprobación, control e inspección.

Neste caso, a unidade administrativa instrutora fará constar que a documentación presentada está completa, o que permitirá que a seguir os servizos técnicos comproben o seu contido, que se axusta ás disposicións aplicables e, con posterioridade, que se inspeccione o uso do solo para comprobar que se axusta á documentación presentada e á normativa urbanística.

2. Se a comunicación previa ou a documentación achegada é insuficiente ou incorrecta, no prazo de quince días soltos seguintes á súa presentación, o Concello requirirá á persoa interesada para que se absteña de iniciar o uso do solo pretendido e para que no prazo de díaz soltos emende as deficiencias detectadas, coa advertencia de que noutros caso entenderá que desiste da comunicación previa arquivará o expediente.

Neste caso, o acto de uso do solo non se pode iniciar ata que transcurran outros quince días soltos desde que se presente a documentación requirida e se subsanen as deficiencias advertidas.

3. Transcorrido o prazo de quince días hábiles desde a presentación da comunicación previa sen que o Concello lle requira á persoa interesada a corrección de deficiencias, esta pode iniciar o uso do solo pretendido, sen que a inactividade da Administración implique a emenda dos defectos ou irregularidades da comunicación ou da documentación achegada nin dos que poida adoecer o uso do solo obxecto de comunicación.

4. Se logo de que se declare que está completa a documentación presentada e de que se remita aos servizos técnicos, se detectase que o seu contido non se axusta á normativa aplicable, o Concello notificaralle esta circunstancia ao comunicante con indicación de que non pode iniciar a obra ou, se é caso, que debe suspender de inmediato a súa execución. Todo iso sen prexuízo de iniciar, se é o caso, o correspondente expediente de reposición da legalidade urbanística.

Artigo 34.º.-Autorizacións sectoriais.

Se a actuación que se pretende realizar precisa de autorizacións ou informes sectoriais doutras administracións públicas, conforme á normativa aplicable, estes débense achegar xunto coa comunicación previa. Noutro caso, a comunicación previa non producirá efectos e non se pode iniciar o uso do solo pretendido.

Artigo 35.º.-Prazos para executar as obras.

1. O uso de solo obxecto de comunicación débese iniciar no prazo máximo de seis meses e rematar no de un ano contados a partir de que transcurran os quince días soltos aos que se refire o artigo 29.º.1 deste regulamento.

2. Eses prazos pódense prorrogar mediante unha nova comunicación presentada antes da súa conclusión e sempre que o uso do solo de que se trate sexa conforme coa ordenación urbanística vixente cando se comunica a prórroga.

A prórroga non pode superar os prazos establecidos no apartado anterior para inicar e concluír a obra.

Artigo 36.º.-Extinción e caducidade da comunicación previa urbanística.

1. O título habilitante para exercitar o dereito derivado da comunicación previa extínguese polas mesmas causas que as establecidas para as licenzas urbanísticas.

O título habilitante para colocar carteis ou valos publicitarios extínguese no prazo de dous anos contado a partir dos quince días soltos sinalados no artigo 29.º.1 deste regulamento. Este prazo pódese prorrogar por outro período da mesma duración mediante unha nova comunicación previa que se presentará antes de que remate o período inicial, sempre que a instalación sexa conforme coa ordenación urbanística vixente cando se comunique a prórroga. Concluída a vixencia da instalación, o seu promotor deberá desmontala no período máximo dun mes.

2. Transcorridos os prazos devanditos no artigo anterior. O Concello declarará a caducidade da comunicación previa, logo de darlle audiencia á persoa interesada.

3. A declaración de caducidade extingue os efectos da comunicación previa e non se poderá continuar a obra ou uso do solo non sendo para traballos de seguridade e mantemento dos que se informará ao Concello para efectos de control.

Trala declaración de caducidade, a persoa interesada pode presentar unha nova comunicación previa que se tramitará de conformidade coa normativa e ordenación urbanística vixentes na data da nova presentación.

Sección 3.ª.-Execución das obras

Artigo 37.º.-Aliñacións de cerramentos.

Para construír cerramentos de predios que lindan con vía pública, a persoa interesada solocitará, antes de iniciar a obra, que se fixe sobre o terreo a aliñación e o recuamento do valado con respecto ao viario público. Para estes efectos esténdese unha acta de trazado de planta que subscribirán por duplicado o comunicante da obra e o técnico municipal.

Artigo 38.º.-Documentación no lugar da obra.

O promotor da obra deberá dispoñer ao pé delas de copia autorizada da comunicación previa e, se é o caso, da acta de trazado de planta.

Artigo 39.º.-Modificación de obra.

As características e dimensións da obra que se execute non excederá da que foi obxecto de comunicación e constituirá infracción urbanística calquera extralimitación na que se incurra. Cando se pretendan modificar a obra durante a súa execución da obra, cumprirá notificarlle esa circunstancia ao Concello cos mesmos requisitos que a comunicación previa inicial.

Artigo 40.º.-Obrigacións da persoa comunicante da obra.

1. A comunicación previa de obra non implica que se autorice a ocupación da vía pública ou doutros espazos públicos con materiais de construción, estadas, maquinaria, guindastres ou outra calquera ferramenta. A citada ocupación debe ser obxecto da correspondente solicitude de licenza para a súa autorización expresa, se procede.

2. Nos cinco días seguintes á conclusión dunha obra a persoa comunicante dela debe:

a) Retirar os materiais sobrantes e as estadas, valos e barreiras.

b) Construír ou repoñer o piso definitivo das beirarrúas.

c) Repoñer ou reparar o pavimento da calzada ou praza, arboreda ou zona verde, conducións ou redes de servizo e os outros elementos urbanísticos afectados polas obras de construción.

Destas obrigacións responderá subsidiariamente o dono solo no que se executou a obra se fose distinto da persoa que realizou a comunicación previa.

TÍTULO III.-COMUNICACIÓNS PREVIAS E LICENZAS DE ACTIVIDADES E APERTURA DE ESTABLECEMENTOS

CAPÍTULO I.-COMUNICACIÓNS PREVIAS DE ACTIVIDADES

Sección 1.ª.-Actividades suxeitas e réxime xurídico

Artigo 41.º.-Actividades suxeitas a comunicación previa.

1. Estarán suxeitas ao procedemento de comunicación previa a instalación, implantación, apertura ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial fóra das actividades recreativas e espectáculos públicos aos que se refire o capítulo II do título III deste regulamento.

2. Tamén se suxeitan ao réxime de comunicación previa os cambios de titularidade de calquera actividade ou establecemento que estea autorizado por licenza ou suxeito ao réxime de comunicación previa. A persoa que vaia a exercer a actividade debe comunicarlle ao Concello o cambio de titularidade.

Artgio 42.º.-Efectos da presentación da comunicación previa.

1. A comunicación previa constitúe o título habilitante para iniciar a actividade ou abrir o establecemento de que se trate, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que lle correspoden ao Concello.

2. A comunicación previa non producirá efectos nos seguintes casos:

a) Cando se presente sen os documentos que se deben achegar ou sen a cesión de solo á que se refire o artigo 18.º.1 deste regulamento.

b) Cando a actividade á que se refire está suxeita a licenza municipal.

c) Cando para iniciar a actividade fosen preceptivos informes ou autorizacións previas doutros organismos públicos que non se achegan canda a comunicación.

d) Cando a actividade non se axusta á normativa aplicable.

e) Cando a actividade leve aparellada a necesidade de execución de obras e estas non se comunicaron ou carecen de licenza, de ser necesaria.

3. O incumprimento das condicións da comunicación previa ou dos requisitos sinalados na lexislación aplicable ou neste regulamento Ordenanza determinará a imposibilidade de iniciar ou cotninuar exercendo a actividade. A resolución que declare estas circunstancias ordenará a inmediata suspensión da actividade exercida e incoará o expediente para a reposición da legalidade infrinxida.

4. A inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial en calquera dato, manifestación ou documento que se achegue á comunicación previa comportará, logo de audiencia da persoa que a presente, a declaración de ineficacia da comunicación efectuada e a imposibilidade de iniciar ou continuar desenvolvendo a actividade, sen prexuízo das responsabilidades administrativas, penais ou civís que procedesen.

Artigo 43.º.-Responsabilidades.

1. Os profesionais asinantes da documentación técnica que se achegue á comunicación previa de actividade son responsables da súa calidade, da súa conformidade coas normas que lle son aplicables, e da exactitude e da veracidade do seu contido.

2. O titular dos dereitos derivados dunha comunicación previa está obrigado a exercer a actividade nas condicións definidas na documentación presentada.

Sección 2.ª.-Procedemento da comunicación previa de actividade

Artigo 44.º.-Regulación do procedemento.

O control e a intervención municipal nas actividades suxeitas a comunicación previa axústase ao seguinte procedemento:

a) A comunicación previa débese realizar nos modelos oficiais que se publican na sede electrónica municipal ou a través de plataformas establecidas para o efecto polas administracións autonómica ou estatal. Coa comunicación cómpre achegar a documentación esixible en cada caso e que se enumera na antedita sede electrónica.

b) A comunicación previa preséntase a través de calquera dos rexistros sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou telemáticamente a través da sede electrónica municipal.

Se a comunicación previa e a documentación achegada se presentan en soporte papel, o proxecto técnico, se fose necesario, tamén se debe xuntar nun soporte dixital formato PDF. Se o proxecto está visado electronicamente por un colexio profesional que permita acceder á súa plataforma, abonda co código de proxecto e a autorización do solicitante para acceder a el desde o Concello.

c) A comunicación previa débese presentar cunha antelación mínima de quince días soltos ao da data en que se pretenda iniciar o uso do solo ao que se refire.

Artigo 45.º.-Tramitación da comunicación previa de actividades.

1. Se a comunicación previa contén a documentación esixida, producirá plenos efectos xurídicos desde a súa presentación e constitúe titulo habilitante para iniciar a actividade ou abrir o establecemento.

Neste caso, a unidade administrativa instrutora fará constar que a documentación presentada está completa, o que permitirá que a seguir os servizos técnicos comproben o seu contido, que se axusta ás disposicións aplicables e, con posterioridade, que se inspeccione a actividade para comprobar que se axusta á documentación presentada e á normativa urbanística.

2. Se a comunicación previa ou a documentación achegada é insuficiente ou incorrecta, o Concello requirirá á persoa interesada para que no prazo de díaz soltos emende as deficiencias detectadas, coa advertencia de que noutro caso entenderá que desiste da comunicación previa e arquivará o expediente.

3. Se logo de que se declare que está completa a documentación presentada e de que se remita aos servizos técnicos, se detectase que o seu contido non se axusta á normativa aplicable, o Concello notificaralle esta circunstancia ao comunicante e dispoñerá a suspensión inmediata da actifidade. Todo iso sen prexuízo de iniciar, se é o caso, o correspondente expediente de reposición da legalidade urbanística.

Artigo 46.º.-Autorizacións sectoriais e declaración de incidencia ambiental.

Se a actividades precisa de autorizacións ou informes sectoriais doutras administracións públicas ou de declaración de incidencia ambiental, conforme á normativa aplicable, estes débense achegar xunto coa comunicación previa. Noutro caso, a comunicación previa non producirá efectos e non se pode iniciar ou continuar o exercicio da actividade.

Artigo 47.º.-Simultaneidade de obra e actividade.

Se para desenvolver unha actividade suxeita a comunicación previa é preciso realizar obras, cumprirá presentar con carácter previo a comunicación previa da obra ou, se é o caso, a solicitude de licenza de obra, ás que se achegará a documentación esixida para a comunicación previa da actividade.

Rematada a obra, a persoa interesada presentará a comunicación previa para iniciar a actividade ou abrir o establecemento.

Artigo 48.º.-Prazos para iniciar a actividade.

1. A actividade obxecto de comunicación débese iniciar no prazo máximo de seis meses contado a partir de que se presentou no rexistro municipal a comunicación previa coa documentación esixida.

2. Ese prazo pódese prorrogar mediante unha nova comunicación presentada antes da súa conclusión e sempre que a actividade de que se trate sexa conforme coa ordenación urbanística vixente cando se comunica a prórroga. A prórroga non pode superar o prazo establecido no apartado anterior.

Artigo 49.º.-Extinción e caducidade da comunicación previa de actividade.

1. O título habilitante para o exercicio do dereito derivado da comunicación previa extínguese polas mesmas causas que as establecidas para as licenzas de actividade.

2. O título habilitante derivado da comunicación previa de actividade incorre en causa de caducidade nos seguintes casos:

a) Cando non se inicie a actividade no prazo de seis meses cotados desde que se presentou no rexistro de entrada municipal a comunicación previa.

b) Cando se interrumpa a actividade por un tempo superior a un ano.

3. O Concello declarará a caducidade da comunicación previa, logo de darlle audiencia á persoa interesada.

4. A declaración de caducidade extingue os efectos da comunicación previa e non se poderá iniciar ou continuar a actividade ata que se presente unha nova axustada á normativa e á ordenación urbanística vixente nese momento.

Artigo 50.º.-Documentación no lugar da actividade.

O promotor da actividade ou titular do establecemento deberá dispoñer en lugar visible do local dunha copia autorizada da comunicación previa.

Artigo 51.º.-Modificación da actividade.

Calquera modificación nas condicións ou características da actividade ou do establecemento débese notificar previamente ao Concello cos mesmos requisitos que na comunicación previa inicial.

CAPÍTULO II.-LICENZAS DE ACTIVIDADE

Sección 1.ª.-Actividades suxeitas e réxime xurídico

Artigo 52.º.-Espectáculos públicos e actividades recreativas.

Precisarán de licenza municipal a apertura dos seguintes establecementos para actividades recreativas e espectáculos públicos:

1. Establecementos e espectáculos públicos ou actividades recreativas que se desenvolvan en establecementos cunha capacidade superior a 500 persoas ou que presenten unha especial situación de risco, de conformidade coa normativa técnica en vixente.

2. Instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública, anexas a un establecemento.

3. Celebración de espectáculos e actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran a instalación de escenarios e estruturas móbiles.

4. Celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas que se desenvolvan en máis dun territorio municipal.

5. Celebración de espectáculos taurinos.

6. Outros establecementos e espectáculos públicos ou actividades recreativas para os que a normativa específica esixa a concesión de autorización.

Artigo 53.º.-Finalidade da licenza de actividade.

1. A licenza de actividade ten por finalidade comprobar que as actividades relacionadas no artigo anterior se axustan ao ordenamento urbanístico e reúnen as condicións esixibles de seguridade, salubridade e accesibilidade.

2. Non se poderá iniciar a actividade suxeita ao réxime de licenza sen que se obtivese esta previamente.

Artigo 54.º.-Alcance do control municipal.

A intervención municipal a través da licenza de actividade non abrangue o control dos aspectos técnicos tocantes á seguridade estrutural das construcións, ás condicións de montaxe das instalacións ou á calidade dos elementos ou materiais empregados, cuxa responsabilidade lles corresponde en exclusiva ao proxectista, á dirección técnica, ao promotor ou á empresa construtora ou instaladora.

Sección 2.ª.-Procedemento para outorgar a licenza de actividade

Artigo 55.º.-Solicitude de licenza.

1. A trasmitación da licenza urbanística iníciase mediante solicitude axustada ao modelo oficial que se publica na sede electrónica municipal.

Coa solicitude cumprirá achegar a documentación que corresponda e que se enumera na antedita sede.

2. A solicitude preséntase a través de calquera dos rexistros sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou telemáticamente a través da sede electrónica municipal.

Se a solicitude e a documentación achegada se presentan en soporte papel, o proxecto técnico, se fose necesario, tamén se debe xuntar nun soporte dixital formato PDF. Se o proxecto está visado electronicamente por un colexio profesional que permita acceder á súa plataforma, abonda co código de proxecto e a autorización do solicitante para acceder a el desde o Concello.

3. Enténdese por proxecto técnico o documento completo que contén o básico e mailo de execución.

Artigo 56.º.-Tramitación.

1. A solicitude de licenza de actividade tramítase consonte a lexislación do procedemento administrativo común coas especialidades derivadas da normativa local, a urbanística e a sectorial aplicable, así como as disposición desta regulamento municipal.

2. A solicitude de licenza comeza a producir efectos desde a data en que o escrito coa documentación esixida ten entrada no rexistro municipal.

Artigo 57.º.-Subsanación de deficiencias e mellora da solicitude.

1. De advertirse omisións, deficiencias ou imprecisións na solicitude ou na documentación achegada, o Concello requirirá á persoa interesada para que no prazo de dez días as corrixa ou aclare, con aviso de que noutro caso entenderá que desistiu da súa petición.

2. O cómputo do prazo máximo para ditar resolución suspéndese polo requirimento de corrección de deficiencias e polo tempo que medie entre a súa notificación e o seu efectivo cumprimento polo destinatario.

3. Se o requirimento non se atende correctamente ou se atende de forma incompleta, o Concello poderá realizar outro con relación ás deficiencias non subsanadas. De non se cumprimentar este último no prazo de dez días, enténdese que o peticionario desistiu da súa petición sen máis trámites.

Artigo 58.º.-Modificacións da actividade.

Se antes de que se conceda a licenza, o peticionario pretende modificar o proxecto técnico ou a documentación presentada e os cambios alteran determinacións na actuación que atinxan a seguridade, salubridade ou accesibilidade, a persoa interesada deberá desistir da licenza solicitada e solicitar unha nova.

Artigo 59.º.-Autorizacións sectoriais e declaración de incidencia ambiental.

1. A actividade que requira autorizacións ou informes sectoriais doutras administracións Públicas ou de declaración de incidencia ambiental conforme á normativa sectorial aplicable, precisará obtelas con carácter previo á licenza municipal de actividade.

2. De non xustificar o solicitante a obtención da autorización ou do informe sectorial, ou da declaración de incidencia ambiental, aplícase o disposto no artigo 16.º.2 deste regulamento.

Artigo 60.º.-Informes.

No procedemento de outorgamento de licenza serán preceptivos os informes técnico e xurídico sobre o uso e a obra proxectada e a súa conformidade coa normativa aplicable e a proposta de resolución que proceda.

Artigo 61.º.-Resolución.

1. O expediente coa proposta de resolución remítese ao órgano competente para que ditea resolución que pon fin ao procedemento.

A resolución pode conceder simplemente a licenza, suxeitala a que se cumpran determinadas condicións ou denegala.

A denegación da licenza debe conter unha motivación clara e suficiente con referencia específica ás normas do ordenamento xurídico urbanístico que incumpre a solicitude.

2. A petición de licenza débese resolver no prazo máximo de tres meses contados desde que se presentou a solicitude coa documentación completa no rexistro do Concello. As solicitudes de licenzas para instalar terrazas en terreos de uso público resolveranse no prazo máximo de un mes.

3. Transcorridos os prazos máximos sinalados no apartado anterior sen que se adopte resolución expresa, enténdese outorgada a licenza por acto presunto, agás no caso de instalación de terrazas en terreos de uso público en que se entenderá denegada.

Artigo 62.º.-Simultaneidade de obra e actividade.

1. Se para desenvolver unha actividade suxeita a licenza é preciso realizar obras para as que tamén se precise licenza, ambas as dúas se solicitarán simultáneamente e se resolverán nun único acto, con tramitación coordinada dos expedientes.

2. Se a actividade está suxeita ao réxime de licenza e fose preciso realizar obras suxeitas a comunicación previa, tamén se presentarán simultaneamente pero a segunda non producirá efectos mentres non se obteña a licenza da actividade.

3. Rematadas as obras, a persoa interesada presentará no Concello a comunicación previa para iniciar a actividade.

Artigo 63.º.-Prazos para iniciar a actividade e vixencia da licenza.

1. A actividade obxecto de licenza débese iniciar no prazo máximo de seis meses contado a partir da súa notificación ou da data na que se presentou no rexistro municipal a comunicación previa da actividade de se realizaren obras.

2. A licenza de establecementos abertos ao público concédese por tempo indefinido, non sendo que unha disposición ou a propia licenza establezan expresamente o contrario e sen prexuízo dos efectos dos controis e das revisións periódicas que procedan.

3. A licenza para celebrar espectáculos públicos ou actividades recreativas teñen a vixencia temporal que derive da natureza e carácter dos espectáculos e actividades autorizados.

4. A licenza para instalar terrazas en terreos de uso público outórgase por anos naturais prorrogables por iguais períodos de tempo, aínda que se poderán solicitar tamén para períodos máis curtos polo mínimo de un mes.

Artigo 64.º.-Extinción da licenza de actividade.

A licenza de actividade exténguise polos seguintes motivos:

a) Por caducidade.

b) Por revogación.

c) Por renuncia do titular comunicada por escrito ao Concello.

d) Por concluír o espectáculo público ou a actividade recreativa para os que se concedeu a licenza.

e) Por cumprimento do prazo a que está suxeito o espectáculo público ou a actividade recreativa e que se estableceu na licenza.

f) Por resolución anulatoria xudicial ou administrativa, neste último caso a través de revisión de oficio.

Artigo 65.º.-Caducidade e revogación da licenza de actividade.

1. A licenza de actividade incorre en causa de caducidade nos seguintes supostos:

a) Cando non se inicie a actividade no prazo de seis meses seguintes contados a partir da notificación da licenza ou desde que se presentou no rexistro municipal a comunicación previa para iniciar a actividade, se houber obras.

O prazo para iniciar a actividade pódese prorrogar por medio de comunicación previa que se presente antes de conclúe aquel e por outro prazo non superior a seis meses, sempre que a actividade sexa conforme coa ordenación urbanística vixente no momento en que se comunica a prórroga.

b) Cando se interrumpa a actividade por un tempo superior a un ano.

2. O Concello declarará a caducidade da licenza de actividade logo de darlle audiencia á persoa interesada.

3. A declaración de caducidade extingue os efectos da licenza e non se pode iniciar ou continuar a actividade mentres que non se obteña unha nova licenza axustada á normativa e á ordenación urbanística vixentes.

4. O Concello pode revogar a licenza de actividade nos seguintes supostos:

a) Por incumprimento das condicións ou requisitos coas que se outorgou.

b) Por modificación substancial ou desaparición das circunstancias que determinaron o seu outorgamento, ou aparición doutras novas que comportarían a súa denegación.

c) Por sanción, de conformidade coa Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

d) Por falta de adaptación a novos requirimento establecidos polo ordenamento xurídico e nos prazos previstos con esa finalidade.

5. O Concello revogará a licenza logo de darlle audiencia á persoa interesada.

6. Nin a declaración de caducidade nin a revogación da licenza de actividade xerarán dereito a indemnización.

Artigo 66.º.-Documentación no lugar da actividade.

O promotor da actividade ou titular do establecemento deberá dispoñer en lugar visible do local dunha copia autorizada da licenza municipal.

Artigo 67.º.-Modificación da actividade.

Calquera modificación nas condicións ou características da actividade ou do establecemento requirirá de obtención da correspondene licenza municipal.

TÍTULO IV.-CONTROL POSTERIOR SOBRE OBRAS E ACTIVIDADES

Artigo 68.º.-Obxecto.

1. O Concello exercerá de forma permanente e continuada as funcións de comprobación, vixilancia, control e inspección sobre as obras e actividades que se desenvolvan no municipio, estean suxeitas ao réxime de comunicación previa ou ao réxime de licenza, para verificar que se axustan á normativa aplicables, sen prexuízo dos procedementos de reposición da legalidade e sancionador que procedan.

2. O persoal municipal adscrito ás funcións sinaladas no apartado anterior terá a consideración de axente da autoridade co estatuto regulado na lexislación urbanística.

3. O Concello pode en calquera momento, de oficio, por petición razoada doutras administracións ou por denuncia, realizar visitas de control e inspección das obras, establecementos e actividades reguladas neste regulamento desde que se presenten as comunicacións previas ou se outorguen as pertinentes licencias.

Artigo 69.º.-Procedemento de control e inspección.

1. Nas comunicacións previas de obras ou de actividades, o control iníciase coa comprobación do contido da documentación achegada.

2. Sen mingua do anterior, o Concello, por medio dos funcionarios habilitados para iso, inspeccionará as obras, establecementos e actividades obxecto deste regulamento coa finalidade de verificar que se axustan ás comunicacións previas presentadas ou ás licenzas outorgadas así como á normativa aplicable, do que se estenderá acta de comprobación.

3. A acta de comprobación é o documento que no que se reflicte o resultado das actuacións de inspección e de verificación de que se cumpren os requisitos esixidos e esténdese por duplicado coa sinatura do persoal inspector e, no seu caso, da persoa intersada, á que se lle entregará unha copia da acta. Cando esta persoa se negue a subscribir a acta, constará esa circunstancia.

4. A acta de comprobación ten carácter de documento público, goza de presunción de veracidade e constitúe proba dos feitos que nela se reflicten, sen prexuízo das probas que en defensa dos seus dereitos poidan presentar as persoas interesadas.

5. Se como consecuencia dunha acta de comprobación se detecta que unha obra ou actividade se executa ou desenvolve sen axustarse ás condicións da licenza ou da comunicación previa, o persoal municipal actuante emitirá informe con proposta de resolución de suspensión inmediata daqueles actos, de se estaren en execución, e de iniciación de expediente de reposición da legalidade, sen prexuízo do sancionador.

6. Non obstante, se a acta de comprobación se refire a unha actividade con comunicación previa presentada ou con licenza de outorgada e os incumprimentos que reflicte se poden corrixir sen necesidade de elaborar unha nova documentación técnica, cumprirá concederle á persoa interesada un prazo de 15 días para corrixir as deficiencias detectadas.

Transcorrido ese prazo sen que se corrixisen es deficiencias, o Concello adoptará as medidas previstas no apartado anterior.

Artigo 70.º.-Contido da acta de comprobación.

A acta de comprobación conterá:

a) A identificación da obra ou do establecemento e actividade.

b) A identificación da persoa promotora da obra ou da actividade e, no seu caso, da persoa con quen se entende as actuacións e o carácter co que intervén, sexa construtor, propietario, arrendatario ou técnico.

c) O funcionario que realiza a actuación de control e data e hora da súa realización.

d) A descrición das actuacións practicadas.

e) O cumprimento ou descrición dos incumprimentos con relación á documentación técnica presentada coa comunicación previa ou con base á que se concedeu a licenza, e das determinacións ou condicións esixidas, no seu caso, na licenza ou nas autorizacións ou informes sectoriais, se os houber.

f) A descrición das modificacións que, no seu caso, se detecten nas obras, instalacións, establecementos e actividades respecto da documentación técnica presentada coa comunicación previa ou na que se baseou a licenza outorgada.

g) As incidencias que se produciron durante a comprobación.

Artigo 71.º.-Actuacións de comprobación por instancia de parte.

1. As persoas interesadas poden solicitarlle ao Concello a realización dunha inspección do establecemento ou actividade para comprobae a súa adecuación á normativa aplicable e á comunicación previa ou licenza de actividade outorgada.

2. O Concello, no prazo máximo de dous meses, enviaralle a quen o solicitou a copia da acta de comprobación.

TÍTULO V.-REPOSICION DA LEGALIDADE E REGIMEN SANCIONADOR

Artigo 72.º.-Infraccións e sancións.

En canto a infraccións e sancións relacionadas coas obras e actividades suxeitas a comunicación previa e a licenza son aplicables as normas de reposición da legalidade e do réxime sancionador previstos na lexislación urbanística, na Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia e nos regulamentos municipais.

Disposición adicional. Modelos normalizados

A sede electrónica municipal publicará os correspondentes modelos normalizados de solicitudes de licenzas e de comunicacións previas de obras e de urbanísticas actividades.

Estes modelos teñen carácter orientativo polo que o seu contido pode ser ampliado, reducido ou modificado polas persoas interesadas.

Disposición final. Entrada en vigor

Este regulamento entrará en vigor o 1.º de marzo de 2016, trala súa publicación no Boletín oficial da provincia da Coruña e na páxina dixital da Corporación e transcorrido o prazo previsto nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local.