Baña A - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLOS SERVIZOS CULTURAIS E DEPORTIVOS

Publicación provisional: 29/12/2015 BOP Nº: 248
Publicación definitiva: 24/02/2016 BOP Nº: 36
Aplicable dende: 24/02/2016

Artigo 1.º.-Fundamento.

Este concello establece o prezo público pola prestación de servizos culturais e deportivos polo Concello da Baña, de conformidade co considerado no artigo 41, en relación co 127, ambos os dous do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, e demais normativa concordante de aplicación.

Artigo 2.º.-Concepto.

O prezo público regulado nesta ordenanza constitúe un ingreso de dereito público que será satisfeito polas persoas usuarias que voluntariamente soliciten os servizos culturais e deportivos prestados polo Concello da Baña.

Artigo 3.º.-Obrigadas ao pagamento.

Está obrigada a pagar o prezo público regulado nesta ordenanza a persoa que se beneficie dos servizos deportivos e culturais municipais prestados polo Concello e especificados no artigo 4.º da presente ordenanza.

Artigo 4.º.-Tarifas.

O prezo público que se lle debe pagar ao Concello polos servizos deportivos e culturais municipais cinguirase ás seguintes tarifas:

4.1. Escolas deportivas.

1.-Escola deportiva de fútbol sala, por tempada: 60,00 €.

2.-Escola deportiva de patinaxe, por tempada: 60,00 €.

3.-Baile moderno: 60 €

4.-Ximnasia rítmica: 60 €

5.-Pilates: 60 €.

6.-Outras escolas deportivas: 60,00 €.

Os pagos efectuaranse fraccionados, ordinariamente nos meses de outubro, xaneiro e abril.

Ás anteriores tarifas aplicaránselles as seguintes bonificacións:

a) Individual:

- Dúas ou máis actividades: 90 €/tempada (30 €/trimestre)

b) Familiar:

- Dous membros da mesma unidade familiar:

- Cunha actividade cada un: 99 €/tempada (33 €/trim.)

- Cun dos membros en dúas ou máis actividades: 132 €/temp (44 €/trim.)

- Tres ou máis membros da mesma unidade familiar:

- Cunha actividade cada un: 120 €/tempada (40 €/trim.)

- Cun dos membros en dúas ou máis actividades: 150 €/temp (50 €/trim.)

4.2. Piscina municipal.

a) Aboado, por mes: 25,00 €.

b) Aboado por 15 días: 15 €.

c) Aboado familiar, por mes: 45 €.

d) Non aboado (sen límite de tempo/día): 2,00 €.

e) Curso de natación: 30,00 €.

f) Menores de 14 anos: entrada gratuíta

4.3. Escola de gaita.

1. Curso de gaita, por tempada: 30,00 €.

4.4. Cursos e obradoiros organizados polo Concello.

O prezo das matrículas cubrirá o 100% do custo total do curso ou actividade, segundo o estudo de custos presentado polo Departamento de Cultura na súa proposta, correspóndelle ao órgano competente a aprobación individualizada de cada prezo á vista da proposta presentada. Non obstante, cando existan razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen, debidamente acreditadas mediante un informe técnico dos servizos correspondentes, o órgano competente poderá fixar un prezo que non cubra o custo deste, sempre que nos orzamentos exista consignación presupostaria para cubrir a diferenza existente.

4.5. Viaxes e excursións organizados polo Concello.

O prezo será fixado polo órgano competente de xeito que, o número das persoas solicitantes cubra o custo total deste. Non obstante, cando existan razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen, debidamente acreditadas mediante un informe técnico dos servizos correspondentes, o órgano competente poderá fixar un prezo que non cubra o custo deste, sempre que nos orzamentos exista consignación presupostaria para cubrir diferenza existente.

4.6. Campamentos e actividades de tempo libre.

O prezo será fixado polo órgano competente de xeito que o número de persoas solicitantes cubra o custo total deste. Non obstante, cando existan razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen, debidamente acreditadas mediante un informe técnico dos servizos correspondentes, o órgano competente poderá fixar un prezo que non cubra o custo deste, sempre que nos orzamentos exista consignación presupostaria para cubrir a diferenza existente.

Artigo 5.º.-Normas de xestión.

1. A obriga do pagamento do prezo público xorde desde que se inicia a prestación do servizo deportivo ou cultural enumerado no artigo anterior. Non obstante, o Concello, de conformidade coa habilitación considerada no artigo 46 do RDLex. 2/2004, do 5 de marzo, poderá esixir o depósito previo do seu importe total.

2. A inscrición en calquera actividade supón a aceptación da domiciliación dos recibos. Exceptúanse as actividades ou servizos que, pola súa natureza, se aboen no despacho de billetes e aquelas de carácter esporádico que requiran o pago das persoas usuarias nas contas bancarias que para tal efecto se lles sinale ou directamente na tesourería municipal, contra recibo.

3. Cando por causas non imputables á persoa obrigada ao pagamento do prezo público, non se preste o servizo, procederá a devolución do importe correspondente.

4. No caso de existir varias solicitudes coincidentes e estas superen o número de prazas existentes para cada actividade darase preferencia aos particulares empadroados no Concello da Baña e no seu caso ás entidades que teñan a súa sede social no Concello.

5. En casos excepcionais a Xunta de Goberno Local, tras o informe dos servizos correspondentes, poderá acordar a exención total ou parcial das tarifas expostas.

6. As débedas por taxa poderán esixirse polo procedemento de constrinximento.

Artigo 6.º.-Delegación na Xunta de Goberno Local.

No suposto de que o servizo ou actividade cultural ou deportiva que ha de prestar o Concello non se encontre tarifada na presente ordenanza ou resulte necesaria a modificación ou actualización das contías, delégase na Xunta de Goberno Local, conforme aos artigos 47 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, e 23.2 b) da Lei 7/85, do 2 de abril, o establecemento da tarifa ou a actualización desta, a proposta do servizo técnico correspondente co previo informe do interventor municipal.

Disposición transitoria

O importe das tarifas correspondente ás escolas deportivas para o Curso 2015-2016, unha vez resoltas as formalidades de domiciliación e bonificacións establecidas na presente ordenanza, será cargado na conta das persoas usuarias nos meses de xaneiro, marzo e maio de 2016.

Disposición derrogatoria

A presente ordenanza derroga expresamente a ordenanza fiscal da mesma denominación aprobada polo Pleno e publicada no BOP número 143, do 23 de xuño de 2006, e a Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos culturais e deportivos, publicada no BOP núm. 22, do 2 de febreiro de 2011.