Teo - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN PRIVATIVA DO DOMINIO PÚBLICO PARA A VENDA AMBULANTE
Artigo 1.º.-Fundamento e natureza.
No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo polo que aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a Taxa pola Utilización Privativa do Espazo Público para a Venda Ambulante, no concello de Teo, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal.
Artigo 2.º.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible da taxa, a utilización privativa do dominio público para a venda ambulante.
Considérase venda ambulante ou non sedentaria, tal como establece o artigo 70 da Lei 13/2010, do Comercio Interior de Galicia, a realizada por persoas comerciantes, fora dun establecemento comercial permanente, de xeito habitual, ocasional, periódico ou continuado, nos perímetros ou nos lugares debidamente autorizados en instalacións comerciais desmontables ou transportables, incluíndo os camións-tenda.
Artigo 3.º.-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, que gocen, utilicen ou aproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular, consonte algún dos supostos citados no feito impoñible.
Artigo 4.º.-Responsables.
1. Serán responsables solidarios das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei 58/2003, Xeral Tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores de feito e de dereito das persoas xurídicas, os integrantes da administración concursal e os liquidadores de sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei 58/2003, Xeral Tributaria.
Artigo 5.º.-Cota tributaria. Tarifas.
Mercados periódicos ou eventuais, venda en enclaves illados ou venda itinerante (en días soltos) | 0,4 € m²/día | |
Mercados periódicos semanais | 4,8 € m²/trimestre (incluídos, ademais os ocasinais no mesmo período, sempre que a natureza do mercado sexa compatible) O devengo poderá ser anual cando a actividade sexa exercida todo o ano, podendo satisfacer o pago dos catro trimestres por adiantado | |
Camións-tenda | 10 € m²/trimestre O devengo poderá ser anual cando a actividade sexa exercida todo o ano, podendo satisfacer o pago dos catro trimestres por adiantado | |
Feira de San Martiño | Carpas para a venda do polbo ou churrasco | 1,8 €/m² por feira |
Postos de venda en xeral | 4 €/m² por feira (cun importe mínimo de 20 €/posto) |
Para a determinación da superficie a ocupar terase en conta a colocación de toldos, separadores e outros elementos auxiliares, a fin de computar o perímetro total de ocupación.
Artigo 6.º.-Exencións.
Quedarán exentos do pago desta taxa:
a) Produtores labregos, para a venda de excedentes da horta (actividade regulada polo Decreto 125/2014, de 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda de produtos primarios dende as explotacións á persoa consumidora final.
b) Actividades desenvolvidas por organizacións sen ánimo de lucro.
c) Postos que participen nos eventos esporádicos que determine o concello , en concreto, as festas estacionais do mercado labrego dos Tilos e os mercados ocasionais organizados por este noutras parroquias, e co fin de mellorar a oferta de produtos.
d) Actividades comerciais realizadas en espazos de titularidade non municipal.
Artigo 7.º.-Período impositivo e devengo.
A taxa devegarase cando se inicie o aproveitamento , momento que, a estes efectos, enténdese que coincide co da concesión da autorización.
Cando a taxa teña natureza periódica, devengarase ao inicio do trimestre (primeiro de xaneiro, abril, xullo e outubro) ou do ano natural.
Nos casos de inicio ou cesamento do aproveitamento do dominio público local, procederá aplicar o prorrateo mensual correspondente ao período real de ocupación.
Nas autorizacións para o exercicio de venda ambulante fora das feiras e mercados, o período impositivo coincidirá con aquel determinado na autorización municipal.
Así mesmo, no suposto de devengo puntual para exercer a actividade de venda dentro dos mercados ou feiras, o período impositivo será aquel para o que se solicite a utilización privativa do dominio público local.
Artigo 8.º.-Réxime de declaración e ingreso.
3. As cantidades esixibles conforme ás tarifas previstas no artigo 6 desta ordenanza liquidaranse por cada aproveitamento autorizado ou realizado.
4. O ingreso da taxa realizarase:
Tratándose de autorizacións para o exercicio da venda ambulante en feiras e mercados periódicos organizados, unha vez notificada a alta no padrón correspondente, e no caso de prórroga da autorización, por anos naturais no lugar e forma que se estableza e que se notificará mediante edictos.
Tratándose de autorizacións para o exercicio da venda ambulante fora das feiras e mercados periódicos organizados, os solicitantes presentarán a autoliquidación da taxa e xustificante de ter ingresado a cota no momento de presentar a correspondente solicitude.
Cando, existindo autorización, non sexa efectiva a ocupación por causa imputable ó suxeito pasivo, non procederá a devolución da taxa, agás nos supostos de cese de actividade debidamente acreditada en forma e prazo.
Artigo 9.º.-Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que lle correspondan a estas, en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, Xeral Tributaria.
Disposición adicional primeira
As modificacións que se introduzan no regulado nesta ordenanza polas leis de orzamentos xerais do Estado ou por calquera outra Lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.
Disposición adicional segunda
As cotas tributarias fixadas no artigo 6 da presente ordenanza modificaranse anualmente de acordo coa variación do Índice de Prezos ao Consumidor que sinale o Instituto Nacional de Estatística. O resultado da aplicación deste índice redondearase sempre por exceso ou por defecto, á centena superior ou inferior.
Disposición derogatoria
A partires da entrada en vigor da presente ordenanza fiscal quedará automaticamente derogada a Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa por ocupación do dominio público con postos e casetas para a venta ambulante vixente ata agora no concello de Teo.
Disposición final
A presente Ordenanza fiscal manterá a súa vixencia a partires da publicación do seu texto íntegro no BOP de forma indefinida, en tanto non sexa modificada ou derogada.