Val do Dubra - REGULAMENTO DE RÉXIME INTERIOR DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DO CONCELLO DE VAL DO DUBRA

Publicación provisional: 11/12/2016 BOP Nº: 237
Publicación definitiva: 29/04/2016 BOP Nº: 80
Aplicable dende: 18/05/2016

NORMAS XERAIS

Artigo 1.- Ámbito de aplicación

O presente regulamento ten por obxecto regular o réxime xurídico, xestión, uso e utilización das instalacións deportivas de titularidade do excelentísimo Concello de Val do Dubra e dítase ao abeiro das competencias que nesta materia atribúe aos municipios o artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local; artigo 55 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións vixentes en materia de Réxime Local e o artigo 50.3 do Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.

O presente Regulamento será de aplicación a totalidade das instalacións deportivas municipais nos termos establecidos no artigo terceiro. Tanto para usuarios como para as asociacións, clubs, federacións, agrupacións, anpas, etc.

O sinalado neste regulamento será de aplicación a utilización das instalacións deportivas municipais así como a prestación de servizos nas referidas instalacións; cursos e as actividades deportivas organizados polo concello ou polos concesionarios das distintas instalacións deportivas, tanto en instalacións deportivas como o aire libre.

Ao comezo de cada tempada estableceranse as datas e horarios para cada unha das fases da inscrición nos cursos e actividades deportivas e o procedemento para apuntarse.

Artigo 2.- Concepto de instalación deportiva

Enténdese por instalación deportiva, para os efectos deste Regulamento, toda instalación, campo de fútbol, dependencia ou espazo, de calquera característica, tanto ao aire libre como cuberto, cerrado ou aberto, dedicado a práctica do deporte e actividade física, en toda a súa gama de modalidades, posibilidades ou finalidades, incluíndo as zonas de equipamento, complementarias ou condicionalmente necesarias para o desenvolvemento da actividade física.

Artigo 3.- Instalacións deportivas municipais

3.1.- As instalacións deportivas definidas no artigo anterior, cando o titular sexa o excelentísimo Concello de Val do Dubra, terán a consideración de instalacións deportivas municipais.

3.2.- Terán a condición de instalacións deportivas municipais aquelas cedidas, por calquera título xurídico, ao Concello de Val do Dubra para a súa xestión ou explotación.

3.3.- Agás que o Concello de Val do Dubra dispoña doutra cousa, calquera instalación deportiva que se constrúa ou se asuma a súa xestión por parte do Concello de Val do Dubra no futuro, quedará adscrita a este regulamento.

Artigo 4.- Uso das instalacións deportivas

4.1.- Nos termos previstos no presente Regulamento, as instalacións deportivas municipais teñen como fin a práctica física e deportiva, xa sexa de lecer ou tempo libre, ensinanza, adestramento, competición ou exhibición das modalidades para as que foron deseñadas, ou daquelas outras que as súas características permitan o seu uso compatible, previa autorización expresa para tal efecto outorgada polo Alcalde ou persoa en que delegue.

4.2.- Mediante autorización da Xunta de Goberno Local ou Alcaldía, previa solicitude por escrito, as instalacións deportivas municipais poderán acoller actos deportivos distintos dos establecidos no apartado anterior, así como actividades culturais ou sociais.

A dita autorización terá carácter discrecional e decidirase en función da actividade, número de asistentes previstos e a repercusión da mesma.

Artigo 5.- Acceso ás instalacións deportivas.

1.-As instalacións deportivas municipais, independentemente da forma de xestión, son de acceso libre para tódolos cidadáns, sen outras limitacións que as establecidas nas leis ou neste Regulamento, as propias do uso ao que están destinadas e ao pagamento da taxa ou do prezo público en vigor para as actividades de que se trate o caso.

2.-Por conseguinte, abriranse ao público para a práctica deportiva, lecer, e desenvolvemento de programas de promoción, iniciación, adestramento ou competición deportiva, que teñan o carácter municipal, estando para isto a disposición de cantas federacións, clubs e demais figuras asociativas dentro do deporte, centros docentes e en xeral as persoas físicas ou xurídicas que concerten ou accedan puntualmente á súa utilización nas condicións reguladas polo presente Regulamento.

DA XESTIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

Artigo 6.- Formas de Xestión

1.- A xestión das instalacións deportivas municipais poderá realizarse de forma directa ou indirecta nos termos que se indican nos artigos seguintes.

2.- Cando se trate de instalacións deportivas cedidas por outra Administración Pública ó concello para a súa xestión ou explotación, axustarase ó estipulado no instrumento que regula a cesión e no seu defecto ó establecido neste Regulamento.

DA PUBLICIDADE NAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Artigo 7.- Patrocinio de eventos deportivos

O Alcalde, poderá autorizar a colocación de publicidade por un período temporal concreto, con motivo da organización de acontecementos deportivos, previa petición por escrito da entidade organizadora dirixida o Alcalde ou persoa en quen delegue.

DO USO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DE VAL DO DUBRA.

Artigo 8.- Norma Xeral

1.- O acceso ás instalacións deportivas municipais, ben de forma individual ou de forma colectiva, supón a aceptación das normas contidas no presente regulamento.

2.- Así mesmo, o acceso ás instalacións deportivas municipais esixe o previo pagamento dos prezos públicos ou taxas establecidas, no seu caso.

3.- As solicitudes ordinarias de uso das instalacións realizaranse cunha antelación mínima de 48 horas, e de 10 días as que requiran dunha autorización expresa do alcalde.

4.- As solicitudes de uso realizaranse a través do rexistro xeral do concello.

5.- Os horarios de utilización do polideportivo e piscina será elaborado polo persoal do concello de acordo a programación municipal, ás solicitudes de uso presentadas polas entidades ou usuarios seguindo as instrucións recibidas do alcalde ou persoa en quen delegue. Para as demais instalacións os horarios estableceranse de acordo as solicitudes presentadas polas entidades ou usuarios.

Artigo 9.- Usuarios

1.- Para os efectos do presente regulamento, enténdese por usuarios das instalacións deportivas municipais toda persoa ou entidade que utilice estas, ben participando en programas deportivos programados, ben participando como cesionario dos ditos espazos deportivos.

2.- Os acompañantes e espectadores terán a consideración de usuarios pasivos, aplicándose estas normas ata onde poida chegar a súa responsabilidade durante a súa estancia na instalación.

3.- Tan só os usuarios poderán facer uso das instalacións deportivas municipais e dos servizos adscritos a elas.

Artigo 10.- Usos

Orde de prioridades de uso:

1º.- Actividades organizadas polo concello.

2º.- Actividades organizadas clubs deportivos, asociacións e outros entes con fins públicos.

3º.- Usuarios por libre.

Artigo 11.- Pechamento das instalación

O Concello de Val do Dubra reserva a facultade de pechar temporalmente as instalacións por limpeza, obras, programacións propias, competicións, partidos, cursos ou outros eventos que estime oportunos.

Artigo 12.- Responsabilidade polo uso das instalación

1.-O Concello de Val do Dubra non será responsable das lesións que poida sufrir o usuario agás que deriven dun mal estado da instalación ou dos bens adscritos a ela conforme á normativa xeral sobre responsabilidade das Administracións Públicas.

2.- En todo caso o Concello de Val do Dubra non será responsable ante o usuario en caso de accidentes ou desperfectos derivados do incumprimento por parte deste, das presentes normas, dun comportamento neglixente doutro usuario ou un mal uso das instalacións, equipamentos ou servizos.

3.- A responsabilidade por actos cometidos polos menores, cando poidan acceder ás instalacións deportivas municipais, corresponderá a estes de conformidade coas disposicións que regulan este tipo de responsabilidade no Código Civil e o Código Penal.

DOS DEREITOS E OBRIGAS DOS USUARIOS

Artigo 13.- Dereitos dos usuarios

Son dereitos dos usuarios, sen prexuízo dos recoñecidos de acordo coa normativa vixente nas súas relacións coas Administracións Públicas:

- Utilizar as instalacións, mobiliario e equipamento deportivo.

-Ser informado sobre as condicións de uso das instalacións deportivas municipais, así como sobre os programas deportivos ofertado por elas.

-Formular as suxestións que considere oportunas para a mellora da xestión das instalacións deportivas municipais, así como as reclamacións que estime en relación co funcionamento destas. Tanto as suxestións como as reclamacións dirixiranse ao Concello de Val do Dubra.

Artigo 14.- Obrigas dos usuarios

- A utilización das instalacións deportivas municipais con actitude positiva e deportiva en todos os espazos e dependencias destas; así como de respecto aos demais usuarios, espectadores e persoal da instalación, nos espazos, áreas e recintos deportivos.

- Utilizarán a instalación deportiva unicamente na especialidade deportiva que estea autorizada. Respectarase o horario de funcionamento da instalación, atendendo ás indicacións dos empregados.

- Facer uso de calquera das instalacións e espazos deportivos co adecuado vestido e calzado acorde das diferentes modalidades deportivas.

- Aboar a taxa ou prezo público correspondente ao servizo ou a actividade elixida, dentro dos prazos e normas que se establezan na correspondente Ordenanza.

- Corresponderá á entidade usuaria (asociacións, clubs, agrupacións, etc) solicitar e obter as autorizacións competentes, as autorizacións preceptivas esixibles, así como estar en posesión dos preceptivos seguros de accidentes para as ditas actividades. Cumprir coas sancións que impoña o concello.

- As persoas adultas velarán pola seguridade dos menores de idade ao seu cargo dentro das instalacións deportivas.

- Os usuarios maiores de idade serán responsables do incumprimento das normas do presente Regulamento e das infraccións definidas nel cometidas polos menores de idade ao seu cargo.

- Os usuarios asumirán as pérdidas do obxectos persoais que se produzan nas instalacións como consecuencia da súa desaparición, extravío ou deterioro.

- Os usuarios axudarán a manter a instalación limpa, colaborando cos empregados, utilizando as papeleiras.

- Queda prohibido fumar nas instalacións municipais.

- Na utilización da sauna gardaranse escrupulosamente as normas mínimas de hixiene e limpeza, así como o respeto ó resto dos usuarios que en cada momento se atopen nela. Os usuarios deberán ademais cumprir as instrucións de uso relativas á saúde que estarán expostas ó público.

Artigo 15.-Perdida da condición de usuario.

O incumprimento do establecido no presente Regulamento e en particular das obrigas impostas ao usuario leva consigo a perda da dita condición, coa conseguinte obriga de abandonar ou prohibición de acceder ás instalacións deportivas municipais

REXIME DE UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS

Artigo 16.- Formas de utilización.

As instalacións deportivas municipais poderán utilizarse:

-A través dos programas ofertados polo Concello de Val do Dubra, ou polas asociacións, federacións, clubs, etc que se lles cedera o uso das instalacións.

-De forma libre, mediante o aboamento previo da tasa ou prezo público na conta bancaria do concello ou no seu caso mediante convenio de cesión de uso.

Artigo 17.- Norma xeral de uso para todas as instalacións deportivas municipais:

O uso das instalacións deportivas municipais, en función das súas características, poderá facerse por anualidades, cursos escolares lectivos, por tempadas, por período de tempo concreto inferior a un ano, por horas; para partidos, actos ou usos puntuais e concretos.

En todo caso deberá determinarse claramente o horario obxecto da cesión do uso que deberá respectarse con puntualidade, non comprendendo, a utilización anterior ou posterior para adestramentos, ensaios ou montaxes que serán convenidos cos interesados.

Artigo 18.- Cesións de uso para actividades.

1.- Cando se trate de actividades deportivas que superen o uso ordinario diario, deberán efectuarse mediante solicitude por escrito dirixido o Alcalde ou persoa en quen delegue, asinada e selada no caso de entidades legalmente constituídas.

2.- Para o caso de actos ou actividades non deportivas, ou de uso deportivo en espazos diferentes da práctica específica da actividade, así como para aquelas actividades e de carácter extraordinario, a solicitude de reserva efectuarase, igualmente por escrito dirixido o Alcalde, debendo ser autorizado expresamente pola Xunta de Goberno Local ou Alcaldía segundo o esquema de distribución de competencias.

3.- A cesión de uso dunha instalación a un equipo para o seu uso ordinario e continuado durante toda a a tempada, efectuarase previa solicitude por escrito, esixíndolle a presentación do calendario oficial de partidos, de tal forma que poida compatibilizarse coordinadamente o uso con outros equipos.

A concesión do uso para os adestramentos, partidos, etc e outras concesións, quedarán supeditadas polos actos propios do Concello, non habendo lugar e reclamacións cando por dita circunstancia se suspendera ou variase o horario dalgún adestramento autorizado anteriormente. No obstante, sempre que sexa posible, comunicarase o dito extremo ao menos con corenta e oito horas de antelación.

A competencia da concesión das instalacións será da Alcaldía, previa solicitude pola entidade solicitante dirixida o Alcalde ou persoa en quen delegue, quen valorara entre outras cuestións:

- Que os usuarios sexan do Concello de Val do Dubra

- Número de usuarios

- Equilibrio entre todas as actividades deportivas

- Cumprimento por parte dos usuarios e do Club ou entidade solicitante do presente Regulamento.

- A colaboración coas actividades deportivas do Concello

Unha vez concedido o uso da instalación deportiva, todos os cambios producidos cos datos da inscrición, deberán ser comunicados ao Concello. Así mesmo, os calendarios de encontros cando teñan algunha variación deberán ser comunicados.

Artigo 19.- Idades para acceder ao recinto deportivo.

1.- Os menores de once anos deberán acceder ao recinto deportivo acompañados en todo momento dun adulto ou persoa maior de idade ou monitor que se responsabilice da garda e custodia del.

2.- Cando as actividades se realicen a través de asociacións, federacións, anpas, etc, os alumnos realizarán os xogos deportivos só cando o monitor estea presente.

NORMAS DE REXIME INTERIOR

Artigo 20.- Da piscina

1.- En beneficio da saúde, comodidade e goce daqueles que queiran desfrutar da piscina municipal e como obxecto de facilitar o seu uso deportivo e de ocio, son de aplicación as seguintes normas:

- Non se permite entrada de animais, salvo cans guía.

- Como medida de saúde hixiénica, non se permite o acceso á piscina a persoas con enfermidades infectocontaxiosas, salvo informe médico en sentido contrario.

- Seguirase en todo momento as indicacións do persoal da piscina e dos socorristas.

Non se permite a entrada na praia da piscina con roupa de rúa. É obrigada a utilización do traxe de baño, non permitíndose traxes de baños e calzados utilizados como prenda de rúa.

- E obrigatorio ducharse antes de introducirse na auga.

-Non se permite tirar ou introducir na auga obxectos de ningún tipo excepto os estritamente deportivos referidos a natación.

-Non se permite comer no recinto da piscina correspondente ás praias e á lamina da auga, así como fumar ou introducir bebidas con risco de verterse, salvo en zonas de pícnic habilitadas e sinalizadas para tal efecto.

- Non se permite introducir sombrizas, mesas, cadeiras e demais elementos, excepto naqueles casos xustificados.

- Queda expresamente prohibido introducir nos vestiarios, servizos, zona de praia de piscina, etcétera, calquera elemento de cristal ou semellante, como botellas, frascos, espellos, vasos, etcétera, que poidan producir lesións aos usuarios en caso de rotura.

- Prohíbese a utilización de colchóns neumáticos, xoguetes, aparellos que poidan producir danos a terceiros, etcétera, salvo nas actividades organizadas polo Concello de Val do Dubra.

- As persoas que utilicen aceites, bronceadores e demais cremas que poidan ensuciar a auga, deberán de ducharse axeitadamente antes de introducirse na auga.

- Por razóns de convivencia e seguridade quedan prohibidas as carreiras pola zona de praia da piscina, os xogos molestos e, sobre todo, os perigosos.

- Non se permitirá tirarse de forma violenta á piscina por resultar perigoso para os bañistas que puideran estar sumerxidos

- Está prohibido cuspir, orinar e en xeral calquera acción que produza deterioro da calidade da auga.

20.2.- O horario xeral da piscina na tempada estival será de 12:00 a 21:00 horas. Naqueles días en que as condicións climatolóxicas non sexan as adecuadas o concello poderá optar por non abrires a mesma, así como por pechar antes do horario xeral sinalado.

Artigo 21.- Dos vestiarios e taquillas

En beneficio do bo uso deportivo, comodidade e desfrute de quen desexa utilizar as instalacións deportivas municipais e, por tanto precisa facer uso dos vestiarios, así como para facilitar a súa limpeza e mantemento, son de aplicación as seguintes normas mínimas:

Quede expresamente prohibido introducir nos vestiarios calquera elemento de cristal ou semellante (botellas, frascos, espellos, vasos, etcétera), que poidan producir lesións ós usuarios en caso de rotura.

- Non se permite a entrada de animais.

- É recomendable a utilización de chanclas e demais elementos de aseo persoal.

- Por razóns de convivencia quedan prohibidos os xogos molestos ou perigosos.

- Non se poderá gardar nin nos vestiarios nin nas taquillas ningún elemento que poida degradarse ou deteriorarse.

- Deberá evitarse gardar obxectos de valor nas taquillas. En ningún caso o Concello de Val do Dubra se responsabilizará de eventuais substraccións.

Artigo 22.- Pavillón.

1.- O horario do pavillón será:

- De luns a venres

mañáns: de 10:00 a 15:00 horas, uso reservado a actividades autoorganizadas por colexios e asociacións.

tardes: de 17:00 a 23:00 horas.

- Sábados e domingos

apertura para encontros de competición e actividades autorizadas.

Artigo 23.- Das normas comúns a todas as instalacións deportivas

- Por razóns de convivencia quedan prohibidos os xogos molestos ou perigosos.

- Non se permite a entrada de animais.

- Os días de competición permanecerán pechadas as pistas para os usuarios que non tomen parte nelas, nos horarios que se indicarán axeitadamente.

- Non se permite a entrada libre a menores de once anos de idade se non van acompañados de persoas maiores de idade que asuman a súa responsabilidade.

- Non poderán practicarse nelas outros deportes que os específicos sen o consentimento expreso do Concello de Val do Dubra, salvo nos supostos autorizados ou cando sexa como consecuencia dunha actividade organizada polo propio concello.

- Non se permite fumar nin comer na pista e nos seus espazos deportivos. Tampouco se permitirá nos graderíos e nos recintos pechados. Non obstante no caso dos graderíos, permitirase comer bocadillos, golosinas así como levar botellas de plástico de bebidas non alcohólicas.

- Evitarase na medida do posible a introdución de bebidas e refrescos na zona da práctica deportiva.

- Utilizarase un axeitado calzado deportivo, acorde coa calidade do chan, e unha vestimenta deportiva axeitada.

- Non se poderán practicar outros deportes que os específicos sen o consentimento expreso dos encargados da instalación.

- Non poderán introducirse elementos, deportivos ou non, que prexudiquen ou danen o pavimento deportivo.

- Os auxiliares ou acompañantes dos deportistas deberán absterse de utilizar calzado de rúa.

Nas zonas de vestiarios e duchas será obrigatorio o uso de chanclas ou calzado axeitado por motivos de hixiene.

- O acceso ás pistas e vestiarios queda restrinxido exclusivamente ós xogadores, adestradores e delegados do equipo e colexiados.

Artigo 24.- Do persoal técnico, de mantemento, encargado das instalacións, e demais persoal da área de deportes.

O persoal técnico, ó animador/a deportivo, ós socorristas, ás persoas encargadas das instalacións municipais e demais persoal da área de deportes están facultados para adoptar todas cantas medidas sexan necesarias para manter o correcto desenvolvemento das actividades e o funcionamento da instalación, recorrendo se fose necesario ás forzas e corpos de seguridade do estado, servizos de emergencias, servizos sanitarios, ou a calquer outra autoriade que fose precisa a súa intervención.

O persoal técnico, o animador/a deportivo, os socorristas e as persoas encargadas das instalacións municipais estarán facultados e polo tanto terán potestade para chamar a atención ás persoas que fagan mal uso das instalación e do equipamento, así como ordenarlle que abandonen a instalación por motivos de alteración da orde, desobedencia ás ordenes do persoal responsable da actividade ou da instalación, mal uso do equipamento, poñer en risco a integridade física dos demais usuarios, a dos técnicos e resto de persoal do concello, sen prexuízo da sanción que se lle poida impoñer ao usuario de acordo o feito cometido. Informarase o alcalde ou persoa en que delegue dos feitos acontecidos, para que se adopten as medidas que procedan.

As funcións e obrigas do/a socorrista son as de vixiar pola seguridade de todos os bañistas e prestarlle primeiros auxilios; os pais ou titores legais dos nenos/as menores de dezaoito anos de idade son os máximos responsables dos seus fillos (máis se estes non saben nadar).

Artigo 25.- Clasificación das faltas

As faltas suxeitas a sanción clasificaranse en leves, graves e moi graves. A sanción gradúase en función da falta.

Son faltas leves:

a) A alteración das normas de convivencia e respecto mutuo, creando situacións de malestar dentro das instalacións deportivas municipais.

b) A utilización inadecuada das instalacións ou medios. A desconsideración cara as indicacións realizadas polo persoal encargado das instalacións deportivas municipais.

c) O non respecto da calquera das normas establecidas no presente Regulamento.

d) A Falta de hixiene diaria.

Son faltas graves:

a) Reiteración de faltas leves a partir da segunda cometida.

b) A Falta de puntualidade no cumprimento dos horarios establecidos.

c) Deterioro das instalacións.

e) Desobedecer aos empregados municipais.

Son faltas moi graves:

a) A reiteración de faltas leves a partir da terceira cometida.

b) A agresión física ou malos tratos a outros usuarios, ó persoal técnico, ó persoal encargado da instalación ou calquera persoa que teña relación con ela, ou espectador.

c) Desobedecer as ordes dos empregados municipais provocando alteracións no desenvolvento das actividades ou empedindo que estas se desenvolvan, ou no funcionamento da instalación.

d) Calquera das establecidas neste Regulamento, que por importancia teñan a cualificación de moi grave.

Artigo 26.- As sancións

Sen prexuízo da obriga de reparar os danos causados e das responsabilidades a que houbese lugar, as sancións que se poderán impoñer aos usuarios que incorran nalgunha das faltas mencionadas, serán as seguintes:

a) Por faltas leves: suspensión do acceso á instalación de ata un mes e/ou multa pecuniaria que corresponda ata cincuenta euros (50 €)

b) Por faltas graves: restrición da entrada á instalación de un mes e un día a dous meses e/ou multa pecuniaria que corresponda entre cincuenta e un e tres centos euros (51 € e 300 €)

c) Por faltas moi graves: suspensión do acceso á instalación durante unha tempada ou un período a determinar polo órgano sancionador e/ou multa pecuniaria que corresponda entre tres centos un e seis mil euros (301 € e 6.000 €)

Nos supostos de que os usuarios sancionados sexan xogadores de asociacións, clubes, federacións, anpas, etcétera, a sanción será comunicada igualmente á directiva destes para facer valer o acordado. De non respectarse a sanción por parte, non xa do xogador, senón tamén da asociación, clube, etcétera, estes poderán perder o dereito do uso sobre a instalación municipal.

Será a Alcaldía quen determine a multa discrecionalmente. Así como a competente na interpretación, do presente Regulamento e a solución de conflictos e para aquilo que non estea regulado será o Pleno da Corporación o competente.

Artigo 27.- Cesión das instalacións ou do equipamento deportivo.

O concello poderá ceder discrecionalmente, previo informe técnico favorable, as instalacións deportivas para actos deportivos organizados por terceiros ou para outras actividades sociales ou culturais. Así mesmo, poderá ceder discrecionalmente equipamento deportivo de a súa titularidade.

As condicións da cesión das instalacións ou do equipamento deportivo e a contraprestación correspondente fixaranse en cada caso concreto no contrato a suscribir entre o Concello e o cesionario de conformidade coa normativa de aplicación. O contrato de cesión de instalacións axustarase, deberá fixar en todo caso os seguintes térmos: o obxecto a que se limita a cesión, o prazo de duración, contraprestación, garantía a prestar, compromiso de obtención dos permisos e autorizacións que requira o uso ou actividade a realizar nel, a asunción da responsabilidade con mención de formalizar unha póliza da seguros de contía que se determinará en cada caso, a reserva da facultade de inspeccionar e causas de extinción do contrato.

Disposición Final.

En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o presente regulamento entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da citada lei, quedando derrogado o publicado no BOP núm. 72 de 17 de abril de 2012.

Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios

O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto ao que se refiren os artigos 70.2 e 65.2  da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:

Artigo 70.2: ¿¿..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el ¿Boletín Oficial" de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales....." (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).

Artigo 65.2: ¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."

Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.