Carnota - ORDENANZA MUNICIPAL DE EMERXENCIA SOCIAL
Exposición de motivos
O artigo 25 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos afirma que todas as persoas teñen dereito a un nivel de vida adecuado que lles asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios.
A Constitución española, no artigo 9.2, senta as bases dun novo modelo de Estado social, no que os poderes públicos promoverán as condicións para que a liberdade e igualdade do individuo sexan reais e efectivas.
A Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, no seu artigo 80.2.k) , establece a competencia dos municipios na prestación dos servizos sociais e da promoción e reinserción social.
A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, no artigo 21 atribúelles aos concellos, entre outras competencias, a creación e a xestión de servizos sociais de atención primaria. O artigo 50 da referida lei determina que as administracións poderán conceder, nas condicións que legal e regulamentariamente se establezan, prestacións e axudas económicas a persoas que se atopen en estado de necesidade.
Ao Concello de Carnota correspóndelle a concesión de prestacións económicas individuais temporais de emerxencia social e outras que teñan por obxecto a integración persoal, por imperativo da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais.
Tendo en conta a fundamentación que se expón, é necesario regular mediante unha ordenanza as prestacións sociais de carácter económico para situacións de especial necesidade individual e/ou familiar, outorgadas polo Departamento de Xustiza Social deste Concello.
Artigo 1.-Réxime xurídico.
As prestacións de emerxencia social concedidas rexeranse polo disposto na presente ordenanza e nas disposicións que se adopten para a súa aplicación e desenvolvemento.
Artigo 2.-Obxecto.
Considéranse axudas de emerxencia social aquelas prestacións económicas de pagamento único, de carácter extraordinario e finalista, destinadas a resolver situacións de emerxencia que prexudiquen a persoas ou familias que se vexan afectadas por situacións de necesidade. A finalidade destas axudas é dispensar unha atención básica e urxente no momento no que se produzan este tipo de situacións.
A necesidade de dar unha resposta económica a unha situación de emerxencia pode esixir o pago urxente da axuda, que de non realizarse inmediatamente pode resultar ineficaz. Debido a isto, no expediente debe constar un informe social no que se valore a necesidade de actuar de inmediato.
As axudas de emerxencia social teñen como finalidade paliar situacións de carencia transitorias, imprevistas e/ou excepcionais, así como prever o seu agravamento.
Artigo 3.-Persoas beneficiarias.
Poderanse beneficiar deste tipo de axudas as persoas a título individual ou as unidades familiares. Enténdese por unidade familiar o conxunto de persoas que conviven no mesmo domicilio con relación de parentesco e/ou relación análoga á conxugal.
Nunha unidade familiar un dos membros terá a condición de persoa beneficiaria, aínda que a axuda favoreza aos demais membros.
Estas axudas tenderán a cubrir o financiamento total ou parcial dos gastos derivados das seguintes situacións:
- Carencia de ingresos que provoque unha situación temporal de insuficiencia de recursos económicos para cubrir as necesidades básicas.
- Situacións de necesidade provocada por catástrofes, epidemias, intoxicacións, etc., que provoquen dificultades para satisfacer as necesidades básicas.
Artigo 4.-Criterios xerais para a concesión da axuda.
Para a concesión deste tipo de axuda económica, deberanse reunir os seguintes criterios xerais:
- Ser maior de idade ou menor emancipado.
- Estar empadroado no Concello de Carnota de forma ininterrompida, polo menos con seis meses de antigüidade no momento da solicitude. Excepcionalmente, non será preciso cumprir este requisito cando se xustifique unha situación de urxencia mediante un informe social.
- Acreditar a situación de necesidade.
- Achegar a documentación requirida en cada caso, segundo o artigo 7 desta ordenanza.
- A situación de necesidade debe ser valorada por un técnico do Departamento de Xustiza Social e realizar un informe social, deixando constancia disto no expediente.
- Para o pagamento da axuda requirirase a factura. O Concello de Carnota aboaralle directamente o importe desta á empresa ou provedor. Só en casos excepcionais e debidamente xustificados, o solicitante da axuda poderá recibir unha achega económica en efectivo, sempre que despois xustifique con facturas o destino desta achega económica.
Artigo 5.-Incompatibilidade das axudas.
Estas axudas serán incompatibles con calquera outra prestación pública ou privada destinada á mesma finalidade, agás nos casos nos que sexa necesario outorgar esta axuda de maneira complementaria doutra, dependendo da gravidade da situación socioeconómica, sempre e cando a suma de todas as axudas económicas non supere o importe total do custo da necesidade que sexa necesario cubrir.
Artigo 6.-Clasificación das prestacións.
a) Necesidades básicas:
- Cobertura de necesidades básicas de carácter xeral: alimentos, vestiario, aloxamento e demais aspectos indispensables para o desenvolvemento da vida diaria.
- Gastos sanitarios: próteses oculares, arranxos dentais, gastos farmacéuticos e outros de análoga natureza.
- Gastos derivados da manutención e do coidado dos fillos menores de idade.
b) Axudas de uso e mantemento da vivenda:
- Pago de fianzas ou do alugueiro da vivenda.
- Pago de importes pendentes para evitar desafiuzamentos.
- Pequenos arranxos na vivenda habitual cando estes se consideren imprescindibles para a permanencia no domicilio.
- Pago de subministracións (luz, auga, gas, comunidade de veciños...) .
- Equipamento básico para o fogar: mobiliario e electrodomésticos básicos de primeira necesidade.
- Proporcionar un aloxamento alternativo cando é inviable a permanencia da persoa no seu domicilio habitual por situacións de catástrofe, violencia de xénero ou outra situación persoal, sempre que se poida acreditar a inexistencia de praza nun centro destinado a proporcionar este tipo de aloxamento.
c) Atención ao menor: gastos de libros e material escolar
d) Outros gastos excepcionais necesarios para prever situacións de marxinación e favorecer a integración social. Isto debe ser valorado polos técnicos do Departamento de Xustiza Social.
Artigo7.-Documentación e prazo de presentación das solicitudes.
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto durante todo o ano. Porén, estará suxeito á existencia de consignación orzamentaria para facer fronte ao custo das axudas en cada un dos exercicios económicos.
Xunto coa solicitude (anexo I) , achegarase a seguinte documentación:
- Fotocopia do documento nacional de identidade de todos os membros da unidade familiar. No caso de persoas estranxeiras, tarxeta de residente.
- Fotocopia do libro de familia ou doutro documento que acredite a filiación.
- Volante de empadroamento colectivo ou informe de convivencia.
- Documentación acreditativa dos ingresos económicos de todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos: nóminas, certificacións actuais de pensións, prestacións ou subsidios expedidos polos organismos correspondentes (INEM, Seguridade Social, Xunta de Galicia) , última declaración da renda ou certificación negativa.
- Declaración responsable de todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos da carencia absoluta de ingresos familiares, de ser o caso.
- Certificado de minusvalía, de ser o caso.
- Documentación, de ser o caso, que acredite circunstancias tales como: enfermidade, violencia de xénero, separación ou divorcio, etc.
- Xustificantes dos gastos da vivenda: contrato e recibos de alugueiro, xustificantes de préstamos hipotecarios, etc.
- Certificado de titularidade de vehículos.
- No caso de solicitar axuda para tratamento farmacolóxico, deberá achegar a receita médica e a documentación acreditativa do custo do produto emitida pola da farmacia.
- No caso de realización de obras básicas, achegarase un orzamento destas.
- Movementos de todas as contas bancarias dos últimos doce meses de todos os membros da unidade familiar.
Artigo 8.-Criterios de valoración.
Para a valoración e concesión desta axuda de emerxencia social, teranse en conta os seguintes indicadores:
a) Indicador económico (con carácter excluínte) .
A súa aplicación ven determinada en función do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) , que se establece anualmente. Como norma xeral, a referencia será a contía mensual vixente do IPREM do ano en curso.
Será requisito imprescindible para a obtención da correspondente condición de beneficiario, ter unha renda per cápita mensual igual ou inferior ao 70% do IPREM, deducidos os gastos de alugueiro ou de amortización da vivenda.
Quedarán excluídos da condición de beneficiarios aquelas persoas ou unidades familiares nas que concorran algunhas destas situacións:
- Ter máis de un vehículo (excluídos os vehículos de dúas rodas) .
- Ter un saldo positivo nas contas bancarias da unidade familiar superior a nove veces o IPREM. No caso de vítimas de violencia de xénero, poderase excluír este requisito previa xustificación da urxencia do caso.
Artigo 9.-Tramitación e procedemento para a concesión das axudas.
A tramitación destas axudas realizarase no Departamento de Xustiza Social.
O procedemento iniciarase mediante a presentación da solicitude (anexo I) no Rexistro Xeral do Concello de Carnota, xunto coa documentación correspondente.
A solicitude trasladarase ao Departamento de Xustiza Social para a tramitación e a concesión da axuda. O persoal do Departamento de Xustiza Social valorará a situación da persoa solicitante, o carácter da necesidade e a urxencia da resolución do problema. Posteriormente, o persoal do Departamento de Xustiza Social elaborará un informe no que se recollerán todos os datos necesarios para a resolución da axuda.
Unha vez feito isto, o expediente será remitido ao Departamento de Secretaría-Intervención municipal para a súa fiscalización previa.
O órgano competente para resolver será a Alcaldía ou a persoa en quen delegue. A resolución especificará a denegación ou concesión, reflectindo a contía da axuda concedida.
Finalmente, esta resolución seralle notificada á persoa solicitante.
Artigo 10.-Contía das axudas.
Por norma xeral, a suma total das axudas concedidas de emerxencia social non poderán superar os 500 € ao ano por unidade de convivencia. En casos excepcionais, previo informe social, esta axuda poderase incrementar se as circunstancias económicas e/ou familiares o requiren.
Artigo 11.-Obrigas das persoas beneficiarias.
As persoas beneficiarias destas axudas terán as seguintes obrigas:
- Destinar o importe da prestación económica ao fin para o que foi concedida.
- Permitir e facilitar o labor do persoal do Departamento de Xustiza Social para verificar a súa situación familiar e económica.
- Cumprir os obxectivos que se marquen no proxecto de intervención, naqueles casos nos que se considere oportuno realizalo.
- Reintegrar o importe outorgado cando non se destine ao fin para o que foi concedido.
- Comunicar todas as variacións das circunstancias que motivaron a solicitude.
Artigo 12.-Causas de extinción.
Serán causas de extinción da percepción das axudas de emerxencia social as seguintes:
- O falseamento ou a ocultación de datos socioeconómicos.
- A modificación das causas que deron lugar á percepción da axuda.
- A baixa no Padrón Municipal de Habitantes.
- Non presentar as facturas que deron lugar á axuda concedida.
- O incumprimento dos obxectivos marcados no proxecto de intervención, de ser o caso.
- O falecemento da persoa beneficiaria.
Disposición final única
Esta ordenanza entrará en vigor unha vez que transcorra o prazo regulamentario a que se refire o artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, de bases do réxime local, e se publique integramente o seu texto no Boletín Oficial da provincia.
ANEXO I. SOLICITUDE DE AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL
DATOS DA PERSOA SOLICITANTE | ||
NOME E APELIDOS
| DNI | |
DATA DE NACEMENTO
| ESTADO CIVIL | SEXO |
ENDEREZO
| TELÉFONOS | |
EXPOÑO | ||
| ||
SOLICITO | ||
| ||
DECLARO BAIXO A MIÑA RESPONSABILIDADE | ||
Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos e que non existe omisión de datos. Que son coñecedor/a da obriga de informar ao Concello de Carnota de calquera variación sociofamiliar ou económica que poida producirse a partir deste momento | ||
DOCUMENTACIÓN QUE SE ACHEGA | ||
Fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar. No caso de estranxeiros, tarxeta de residente. Fotocopia do libro de familia ou outro documento que acredite a filiación. Volante de empadroamento colectivo ou informe de convivencia. Xustificante de ingresos económicos de todos os membros da unidade familiar maiores de 16 anos ou declaración responsable da carencia absoluta de ingresos. Certificado de minusvalía, de ser o caso. Documentación acreditativa de circunstancias tales como: enfermidade, violencia de xénero, separación ou divorcio, etc. Xustificantes dos gastos de vivenda: contrato e recibos de alugueiro, xustificantes de préstamos hipotecarios, etc. Receita médica e documentación acreditativa do custo do tratamento farmacolóxico expedida pola farmacia, de ser o caso. Orzamento de obra, de ser o caso. Movementos de todas as contas bancarias dos últimos doce meses, de todos os membros da unidade familiar.
| ||
Carnota, ............... de ................................. de ..................
(Sinatura)
| ||
SR. ALCALDE DO CONCELLO DE CARNOTA |