Carnota - ORDENANZA MUNICIPAL DE ANIMAIS DOMÉSTICOS E SALVAXES EN CATIVIDADE E CANS POTENCIALMENTE PERIGOSOS

Publicación provisional: 08/04/2016 BOP Nº: 66
Publicación definitiva: 06/06/2016 BOP Nº: 106
Aplicable dende: 06/06/2016

TÍTULO I.-Do ámbito de aplicación deste regulamento

Artigo 1.-Obxecto.

Este regulamento ten por obxecto establecer as normas para a posesión e protección de animais domésticos e dos animais salvaxes en catividade no territorio municipal de Carnota.

Artigo 2.-Definicións.

1. Para os efectos deste regulamento enténdese por:

a) Animais domésticos os que se crían, reproducen e conviven co ser humano, e que non son susceptibles de ocupación consoante as disposicións do Código civil.

b) Animais salvaxes en catividade os que, sendo libres pola súa condición, foron obxecto de apresamento no seu medio natural e se manteñen nunha situación absoluta ou permanente de dominación polo ser humano.

c) Animais de compañía, os animais domésticos das especies canina e felina, así como os doutras especies que se críen, xeralmente no propio fogar, co obxecto de obter a súa compañía.

d) Animais potencialmente perigosos son aqueles que pertencendo á fauna autóctona ou alóctona da Comunidade Autónoma de Galicia, independentemente da súa condición, natureza, espacie ou raza á que pertencen, e convivindo no contorno humano como animais domésticos ou de compañía, sexan susceptibles de ocasionarlles a morte ou lesións ás persoas ou a outros animais, ou de producir danos de certa entidade ás cousas.

e) Animal abandonado: o que libremente, aínda que estea provisto de identificación oficial, se no prazo de vinte días a partir da súa captura non é reclamado por alguén que acredite a súa propiedade.

f) Centros de recollida de animais abandonados: son os establecementos que teñen por obxecto a recolleita de animais abandonados, facilitándolle no tempo, forma e prazo que marque a normativa vixente, alimentación, coidados e os tratamentos hixiénico-sanitarios correspondentes.

2.-A posesión de animais que se crían para o aproveitamento das súas produccións regúlase pola súa normativa específica.

TÍTULO II.-Da posesión de animais domésticos e salvaxes en catividade

CAPÍTULO I.-Normas xerais

Artigo 3.-Posesión de animais domésticos en vivendas.

1.-A posesión de animais domésticos en xeral, e nomeadamente en edificacións destinadas á vivenda humana, está suxeita ao cumprimento dunhas condicións hixiénicas axeitadas no seu aloxamento, á ausencia de riscos sanitarios e a que non se lles ocasione perigo aos veciños ou se lles produzan molestias.

2.-En calquera caso, das 22:00 h. ás 8:00 h. está prohibido deixar en patios, terrazas, balcóns ou espacios abertos de vivendas comunitarias os animais que cos seus sons, laios ou ruídos perturben o descanso dos veciños.

3.-O Concello ten facultade de limitar, por razóns de interese público, o número de animais que se poden ter nunha edificación ou vivenda determinada.

Artigo 4.-Censo municipal de animais de compañía.

1.-Os animais de compañía, nomeadamente os cans, inscríbense nun censo municipal no que constarán os seguintes datos:

a) A especie, a raza, a idade, se é o caso, o nome do animal.

b) O nome, os apelidos, documento nacional de identidade e domicilio de seu dono.

c) A data de expedición e o número de tarxeta sanitaria.

2.-No censo tamén inscribirán as baixas por morte, perda ou traslado do animal fóra do municipio, os cambios de domicilio e as transferencias de titularidade ou de posesión que se produzan.

3.-No momento da súa inscrición no censo asignaráselle un medio de identificación (chapa, tatuaxe ou dispositivo colectivo) onde figurará como mínimo o seu nome, residencia do seu dono e número de rexistro censal.

Artigo 5.-Da posesión de animais salvaxes en catividade.

1.-Está prohibida a posesión de animais salvaxes que poidan ser perigosos para a integridade das persoas fóra dos locais autorizados polo órgano competente da Xunta de Galicia.

2.-Está prohibida a permanencia ou circulación dos citados animais por lugares abertos ao público sen as medidas protectoras que se dispoñan de acordo coas características da especie.

Artigo 6.-Da posesión de animais potencialmente perigosos.

1. Considéranse cans potencialmente perigosos os pertencentes ás seguintes razas:

a) Pit Bull Terrier.

b) Staffordshire Bull Terrier.

c) American Staffordshire Terrier.

d) Rottweiler.

e) Dogo Arxentino.

f) Fila Brasileiro.

g) Tosa Inu.

h) Akita Inu.

Tamén serán considerados neste parágrafo os cruzamentos en primeira xeración destes, cruzamentos destas razas entre si ou cruzamentos destas con outras razas, das qie se obteñen unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas.

2. Cans que tivesen algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a outros animais ou ás cousas.

3. Cans que fosen adestrados para a garda e defensa.

4. Cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento. A dita agresividade será considerada pola autoridade competente de oficio ou logo de notificación ou denuncia e tras un informe dun adestrador ou veterinario designado para o efecto.

Artigo 7.-Da licencia municipal para a tenza de animais potencialmente perigosos.

A tenza de animais potencialmente perigosos requirirá a obtención previa dunha licencia administrativa outorgada polo Concello, nos termos previstos no artigo 3 da Lei 50/1999, do 23 de decembro.

 

Artigo 8.-Requisitos para a obtención da licencia.

A tenza de calquera animal como potencialmente perigoso ao amparo desta ordenanza requirirá a previa obtención dunha licencia municipal que será outorgada polo Concello de Carnota unha vez verificados os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporcionarlle os coidados necesarios ao animal.

b) Non ter sido condenado por delicto de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como ausencia de sancións por infracción en materia de tenza de animais potencialmente perigosos.

c) Certificado de aptitude psicolóxica e física:

1. Non poderán ser titulares de animais potencialmente perigosos as persoas que carezan das condicións físicas precisas para proporcionarlles os coidados necesarios ao animal e garantir o seu adecuado manexo, mantemento e dominio, conforme ao disposto no artigo 3.1.a) da Lei 50/1999.

2. A capacidade física á que se refire o parágrafo anterior acreditarase mediante o certificado de capacidade física para a tenza de animais potencialmente perigosos, que se expedirá unha vez superadas as probas necesarias para comprobar que non existe enfermidade ou deficiencia ningunha, de carácter orgánico ou funcional, que poida supoñer a incapacidade física asociada con:

a) A capacidade visual.

b) A capacidade auditiva.

c) O sistema locomotor.

d) O sistema neurolóxico.

e) Dificultades perceptivo-motoras de toma de decisións.

f) Calquera outra afección, trastorno ou problema, non comprendidos nos parágrafos anteriores, que poidan supoñer unha incapacidade física para garantir o adecuado dominio do animal.

O certificado de aptitude psicolóxica, ao que se refire o parágrafo c) do artigo 3.1 da Lei 50/1999, para a tenza de animais potencialmente perigosos, expedirase unha vez superadas as probas necesarias para comprobar que non existe enfermidade ou deficiencia ningunha que poida supor a incapacidade psíquica ou psicolóxica, ou calquera outra limitativa do discernimento, asociada con:

a) Trastornos mentais e de conducta.

b) Dificultades psíquicas de avaliación, percepción e toma de decisións ou problemas de personalidade.

c) Calquera outra afección, trastorno ou problema, non comprendidos nos parágrafos anteriores que limiten o pleno exercicio das facultades mentais precisas para a tenza de animais potencialmente perigosos.

d) Acreditación de ter formalizado un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poidan ser causados polos seus animais, aínda que este fosen cedidos a outras persoas para o seu coidado, por unha contía mínima de cento vintecinco mil € (125.000 €) que se renovarán anualmente.

Artigo 9.-Da obtención da licencia para a tenza de animais en catividade.

A obtención da licencia para a tenza de animais en catividade, considerados como potencialmente perigosos, requirirá, ademais dos requisitos especificados no artigo 3 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, a presentación dunha memoria descritiva das instalacións e das medidas de seguridade utilizadas para impedir a fuxida dos animais. A dita memoria deberá estar subscrita por veterinarios, biólogos ou outros facultativos superiores aos que nos seus plans de estudios quede acreditado o coñecemento ou estudio de etoloxía animal.

Artigo 10.-Da renovación da licencia municipal.

Esta licencia deberá ser renovada cada cinco anos, coa finalidade de comprobar que o interesado segue a cumprir os requisitos que se lle esixiron para a súa obtención. Nembargantes, a licencia perderá a súa vixencia no momento no que o seu titular deixe de reunir calesquera dos requisitos esixidos no artigo 8 desta ordenanza.

Artigo 11.-Da denegación ou revogación de nova licencia.

A intervención, medida preventiva ou suspensión que afecte á licencia administrativa en vigor, acordada en vía xudicial ou administrativa, serán causa para denegar a expedición doutra nova ou a súa renovación ata que aquelas se levantasen.

Artigo 12.-Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

1. Os titulares da licencia municipal deberán inscribirse no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, que se establece con esta finalidade en todos os concellos, no prazo de 15 días contados a partir da obtención da licencia.

2. Este rexistro contará, polo menos, cos seguintes datos:

a) Datos persoais do posuidor: nome, enderezo habitual, documento nacional de identidade e teléfono de contacto.

b) Características do animal que fagan posible a súa identificación: idade, especie, raza, características externas e número de microchip.

c) Lugar habitual de residencia do animal.

d) Función/ aptitude do animal (compañía, garda, defensa, caza).

Artigo 13.-Da anotación de incidentes na folla rexistral.

Calesquera incidentes producidos por animais potencialmente perigosos ao longo da súa vida, coñecidos polas autoridades administrativas ou xudiciais, faranse constar na folla rexistral de cada animal, que se pechará coa súa morte ou sacrificio certificado polo veterinario ou autoridade competente. Igualmente, o dono do animal deberá comunicarlle ao rexistro a perda deste.

Artigo 14.-Do certificado anual de sanidade.

Nas follas rexistrais de cada animal farase constar igualmente o certificado de sanidade animal expedido pola autoridade competente, que acredite, con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal a existencia de enfermidades ou trastornos que o fagan especialmente perigoso.

Artigo 15.-Da obriga de comunicación ao Rexistro Galego de Identificación de Animais Potencialmente Perigosos.

O Concello de Carnota remitiralle os datos do rexistro municipal ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, no prazo máximo de 15 días, contados dende o momento da inscrición dun animal potencialmente perigoso.

Artigo 16.-Da obriga dos propietarios de identificar os animais.

Os propietarios dos animais serán os responsables de identificar os animais e de sufragar os gastos que isto ocasione, independentemente do lugar de residencia das ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.

Artigo 17.-Do traspaso de animais potencialmente perigosos.

As operacións de compra-venda, traspaso, doazón ou calesquera outra que supoña cambio de titularidade do animal requirirá o cumprimento de, polo menos, os seguintes requisitos:

a) Existencia de licencia vixente por parte do vendedor.

b) Obtención previa da licencia por parte do comprador.

c) Acreditación previa da cartilla sanitaria actualizada.

d) Inscrición da transmisión do animal no Rexistro Municipal no prazo de 15 días dende a obtención da licencia municipal.

 

CAPÍTULO II.-Medidas sanitarias

Artigo 18.-Prohibición de abandono de animais.

1.-Está absolutamente prohibido o abandono de animais.

2.-As persoas que queiran deixar un animal do que son donos ou responsables débenllo comunicar ao concello para que o recollan os servicios municipais tras o aboamento das taxas correspondentes.

 Artigo 19.-Medidas sanitarias xerais.

1.-O Concello, por iniciativa propia ou do órgano competente da Xunta de Galicia, poderá dispor a vacinación ou tratamento sanitario obrigatorio dos animais domésticos e dos salvaxes en catividade.

2.-O Concello, por propia iniciativa ou en cumprimento de disposicións do órgano competente da Xunta de Galicia, poderá ordenar o illamento e internamento de animais domésticos ou salvaxes en catividade aos que se lles diagnosticasen enfermidades transmisibles para sometelos a tratamento curativo.

3.-Os animais que padezan unha doenza que poida comportar un perigo para a saúde das persoas ou que sufran enfermidades crónicas incurables serán obxecto de sacrificio obrigatorio.

4.-Nos casos en que por razón de sanidade animal ou pública se esixa o sacrificio obrigatorio do animal, este realizarase de xeito rápido e sen dor, en locais aptos e baixo a responsabilidade do veterinario.

Artigo 20.-Medidas sanitarias en caso de agresión.

1.-Os donos e posuidores de animais que morderan ou lle causaran lesións a algunha persoa ou outro animal están obrigados a:

a) A lles facilitaren os seus datos persoais e os datos do animal agresor á persoa lesionada, ao dono do animal agredido e ao axente da autoridade que llelos soliciten;

b) A lle comunicaren os feitos nun prazo máximo de 24 horas á policía local.

c) A poren o animal agresor en observación veterinaria obrigatoria durante o período de catorce días naturais;

d) A presentaren na casa do concello o certificado veterinario no prazo máximo de 48 horas que se contara desde que se producise a agresión.

e) A presentaren na casa do concello o certificado veterinario no prazo máximo de 48 horas que se contará desde o remate do período de observación.

f) A lle comunicaren ao Concello calquera incidencia que se rexistre (morte, enfermidade, perda ou traslado do animal).

2.-A observación veterinaria poderase realizar no establecemento que decida o Concello ou, cando as circunstancias o aconsellen e por pedimento do dono do animal e baixo control dun veterinario, noutros locais axeitados ou no propio domicilio do dono.

3.-Serán por conta do dono ou posuidor do animal agresor os gastos da súa estadía durante o período de observación no establecemento que se sinale.

4.-Se o animal agresor non ten dono ou posuidor coñecido, serán os servicios municipais os que se farán cargo do seu apresamento e observación veterinaria.

CAPÍTULO III.-Obrigas dos donos e posuidores de animais

Artigo 21.-Obrigas dos posuidores de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Os donos e posuidores de animais domésticos e salvaxes en catividade están obrigados:

1. A censaren o animal no prazo máximo de un mes desde que naza ou estea no seu poder.

2. A lle comunicaren ao Concello as baixas por morte, perda ou traslado do animal fóra do municipio no prazo máximo de 15 días.

3. A lle comunicaren ao Concello o cambio de domicilio ou lugar de residencia do animal regulada na normativa vixente.

4. A vacinaren os animais contra aquelas doenzas obxecto de prevención a partir da idade regulada na normativa vixente.

5. A lles realizaren controis sanitarios periódicos aos animais.

6. A identificaren os animais por medio dos sistemas aprobados regulamentariamente.

7. A trataren e alimentaren o animal correctamente.

8. A manteren o animal en boas condicións hixiénico - sanitarias, de acordo coas características da especie e o sinalado no artigo 28 do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

9. A adoptaren as medidas necesarias para asegurar que o animal non lles cause molestias ás persoas nin poña en perigo as persoas ou os seus bens.

10. A impediren que o animal lixe as vías ou espacios públicos ou de tránsito ou lecer, recollendo os excrementos que o animal poida deixar nas vías ou outros espacios públicos.

11. A impediren que o animal dane o equipamento urbano.

12. A lle comunicaren ao Concello, no prazo máis curto posible, calquera doenza infecto-contaxiosa que sufran o animal.

13. A responderen dos danos e perdas que ocasione o animal de conformidade coa lexislación aplicable.

14. A facilitárenlle un aloxamento que deberá proporcionarlle un ambiente adecuado, cómodo e hixiénico.

15. Non maltratalo nin sometelo a práctica algunha que poida producirlle sufrimento ou danos inxustificados.

16. Non subministrarlle substancias que poidan causarlle sufrimento ou danos innecesarios, nin aquelas que se utilicen para modificar o comportamento do animal coa finalidade de aumentar o seu rendemento, salvo que se efectúe por prescrición facultativa.

17. Non abandonalo.

18. Os posuidores de animais que se atopen en fincas ou recintos deberán dispoñer os medios adecuados para evitar que poidan ocasionar danos ou molestias ós viandantes. Así mesmo procurarán que a circulación e transporte dos seus animais polas vías públicas se leve a cabo coas adecuadas medidas de protección.

Artigo 22.-Obrigas dos donos e posuidores de cans de vixilancia.

Os donos e posuidores de cans de vixilancia están obrigados:

1. A adoptaren as medidas precisas para que o animal non saia fóra do recinto obxecto de protección nin poña en perigo as persoas que utilizan as vías ou outros bens de dominio público.

2. A poren un letreiro en lugar visible no que se advirta da presencia dun can de vixilancia.

Artigo 23.-Obrigas dos donos e posuidores de cans potencialmente perigosos.

Os donos e posuidores de cans potencialmente perigosos están obrigados:

1. A comunicarenlle ao Rexistro Galego de Identificación de animais de Compañía e Potencialmente Perigosos a realización da castración ou esterilización do animal, se esta se producise, para o que remitirán copia da certificación veterinaria correspondente que acredite este feito.

2. O traslado dun animal potencialmente perigoso doutra Comunidade Autónoma á Comunidade Autónoma de Galicia, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, obrigará ao seu propietario a efectuar a inscrición oportuna no citado rexistro.

3. A comunicar, conforme ao modelo do anexo IV do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, calquera variación dos datos do rexistro, nun prazo de 15 días dende que se producise a modificación que proceda rexistrar, excepto nos incidentes de agresión, nos que a comunicación será inmediata.

4. A identificar ós animais cun microchip nos seus primeiros tres meses de vida ou nun mes despois da súa adquisición.

5. A identificación dos animais da especie canina, coa debida garantía, é obrigatoria sen excepcións.

6. A achegarlle a documentación acreditativa da obtención da licencia e a información prevista no parágrafo 6 do artigo 5 do citado Decreto 90/2002 ao veterinario actuante para a súa inscrición neste rexistro.

7. Nos casos de transmisión da titularidade, o transmitente dos animais deberá subministrarlle, se é o caso, ao comprador ou receptor destes a certificación veterinaria de que os animais foron esterilizados.

8. A sustracción ou perda do animal deberá ser comunicada polo seu titular ao responsable do Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos no prazo de 48 horas dende que teña coñecemento dos feitos.

Artigo 24.-Sistemas de identificación.

1. A identificación consistirá na implantación dun microchip ou transponder portador dun código alfanumérico de número de díxitos de tal maneira que sexa único para cada animal.

2. A marcaxe dos animais realizarase obrigatoriamente por un transponder que se adapte ao establecido no punto tres deste artigo.

3. Os transponders deberán reunir as siguientes características:

a) Deberán estar programados cun código alfanumérico único, que en ningún caso poida ser susceptible de ser modificado.

b) A estructura do código alfanumérico que incorporen deberá cumprir có establecido na norma ISO 11.784.

c) O sistema de intercambio de enerxía entre o dispositivo e o lector deberá cumprir co establecido na norma ISO 11.785.

d) O tamaño será inferior a 12 milímetros de longo por 2,5 milímetros de ancho.

e) Estarán dotados dun sistema antimigratorio e o seu recubrimento deberá ser biocompatible.

f) Presentarase individual e convenientemente esterilizados en envase que conteña a agulla e o inxector, e incluirá un mínimo de tres etiquetas co código de barras que conteña o código alfanumérico.

Artigo 25.-Procedemento de identificación.

1. A implantación no animal do código establecido será efectuada por un veterinario, nomeado para o efecto pola Consellería de Medio Ambiente. Os veterinarios non oficiais que desexen participar no proceso de identificación de animais de compañía da Comunidade Autónoma Galega deberán solicitarllo, conforme ao modelo do anexo V, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

2. No momento da identificación do animal, o veterinario actuante cubrirá un impreso oficial de identificación, por triplicado exemplar. O propietario do animal identificado deberá recibir do veterinario actuante un exemplar do impreso oficial; o veterinario conservará no seu poder outro exemplar do impreso; e un terceiro exemplar deberá ser remitido polo veterinario ao Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos, nun prazo de 15 días despois de efectuar a identificación.

3. O animal deberá ser identificado en presencia do seu propietario, figurando os datos e a súa sinatura no impreso oficial de identificación.

Artigo 26.-Obrigas dos posuidores en materia hixiénico-sanitaria.

1. Os propietarios, criadores ou tedores deberán manter os animais que estean baixo a súa custodia en axeitadas condicións hixiénico-sanitarias e cos coidados e atencións necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e características propias da especie ou raza do animal, en cumprimento de lexislación vixente nesta materia.

2. O propietario, tedor ou criador dun animal que agrida a persoas ou a outros animais causándolles feridas de mordedura, será responsable de que o animal sexa sometido a recoñecemento dun veterinario en exercicio libres de profesión, en dúas ocasións dentro dos 15 días seguintes á agresión. Neste recoñecemento, o veterinario responsable emitirá un certificado no que conste se o animal presenta ou non síntomas de enfermidade infectocontaxiosa.

Artigo 27.-Das caneiras.

As caneiras, cortes e demais aloxamentos para acoller aos animais deberán:

a) Ser compartimentos estancos con respecto ao medio exterior.

b) Dispor dunhas adecuadas condicións de ventilación e iluminación.

c) Reunir as condicións hixiénicas establecidas para o tipo de instalacións de que se trate.

d) Ter unhas dimensións apropiadas que permitan a estancia cómoda do animal.

e) Dispor de peches ou outros mecanismos que, sen producirlle danos ou molestias físicas, eviten as fugas.

f) Dispor dun espacio adecuado para o exercicio do animal.

g) Dispor de subministración de auga potable, dun sistema de auga a presión para a limpeza e dun sistema de evacuación de augas residuais.

Artigo 28.-Obrigas dos posuidores en materia de seguridade cidadá.

1. Os propietarios, tedores ou criadores de animais potencialmente perigosos terán a obriga de cumprir todas as normas de seguridade cidadá, establecidas na lexislación vixente e na lexislación sobre protección animal de Galicia, de xeito que garantan a óptima convivencia destes animais cos seres humanos e se eviten molestias á poboación.

2. As instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos pertencentes á fauna silvestre alóctona ou exótica precisarán cumprir as medidas de seguridade que eviten a fuxida destes animais. Todas as instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos deberán reunir como mínimo as seguintes medidas de seguridade:

a) As paredes e valados serán suficientemente altos e consistentes e deberán estar fixados co fin de soportar o peso e a presión do animal para evitar as fuxidas.

b) As portas das inatalacións deben ser resistentes, e estar deseñadas para evitar que os animais poidan abrir os mecanismos de seguridade, sen producirlles danos.

c) O recinto estará sinalizado coa advertencia de que se atopa no interior un animal potencialmente perigoso.

3. As instalacións nas que se alberguen animais potencialmente perigosos deberán reunir as condicións establecidas na normativa sobre protección animal en Galicia, tendo en conta as especificacións técnicas correspondentes a cada especie.

Artigo 29.-Das persoas que sufrisen agresións.

As persoas que sufrisen agresións dun animal daranlle conta diso ás autoridades sanitarias. Os propietarios ou posuidores de animais agresores están obrigados a facilitárenlle os datos correspondentes do animal agresor tanto á persoa agredida, como aos seus representantes legais e as autoridades competentes que os soliciten. Así mesmo, calquera persoa que advirta un risco posible para a saúde poderá dar conta diso ás autoridades sanitarias e, en todo caso, é obriga dos sanitarios ou dos centros que atenden aos agredidos efectuar a correspondente denuncia.

Artigo 30.-Das medidas preventivas.

O Concello, unha vez aberto o correspondente expediente sancionador, poderá confiscar e ordenar o illamento dos animais domésticos e salvaxes en catividade cando haxa evidencia de malos tratos, desnutrición ou comportamento agresivo e perigoso para as persoas, así como cando perturben de forma reiterada a tranquilidade e descanso dos veciños.

CAPÍTULO IV.-Circulación de animais polas vías e espacios públicos

Artigo 31.-Circulación dos cans.

1) Os cans levarán sempre colar e a identificación asignada no momento do seu rexistro censal.

2) Ademais, cando estean ou circulen por vías ou lugares de tránsito público, irán suxeitos por unha cadea ou correa.

3) Están dispensados do requisito sinalado no apartado anterior os cans que se atopen nas seguintes circunstancias:

a) Os que se utilicen en tarefas agrícolas, gandeiras ou de caza mentres desenvolvan esas actividades fóra de núcleos urbanos.

b) Os que, na campaña dunha persoa responsable, circulen fóra dos núcleos urbanos por terreos agrícolas, forestais ou costeiros, sempre que non se dea a presencia de terceiras persoas.

Artigo 32.-Uso de buceira.

1) Os cans levarán unha buceira para garantir a tranquilidade e a integridade das persoas, sempre que as características do animal ou as circunstancias sanitarias ou de calquera outra orde o esixan.

2) En todo caso, os cans potencialmente perigosos terán que circular, nas vías públicas e nos lugares e espacios de uso público en xeral, atados con cadea ou correa cunha extensión que teña unha lonxitude non superior a dous metros, provistos da correspondente buceira homologada e axeitada para a súa raza, e en ningún caso poderán ser conducidos por un menor de dezaseis anos.

Artigo 33.-Presencia de animais domésticos nas praias e terreos accesorios.

Está prohibida a circulación e estadía dos animais domésticos nas praias e nos espazos públicos de acceso a elas ou ao servicio dos seus usuarios no período que vai do 1.º de xuño ao 30 de setembro de cada ano, agás das 22.00 horas ata as 11.00 horas do día seguinte, nas condiciòns regulamentarias.

Artigo 34.-Limitacións nas vías públicas.

1) Os posuidores dos animais deberán coidar de que non lixen as vías e espacios públicos coas súas deposicións. No caso de se produciren estas, están obrigados a limparen os excrementos de xeito inmediato e de forma axeitada desde o punto de vista hixiénico.

2) Está prohibido alimentar os animais nas vías ou espacios públicos.

 

CAPÍTULO V.-Presencia de animais en establecementos públicos

Artigo 35.-Prohibición de entraren en determinados establecementos públicos.

1) Está prohibida a entrada o estadía de animais domésticos en calquera clase de establecementos de fabricación, almacenamento, transporte, consumo ou manipulación de alimentos.

2) Está igualmente prohibida a entrada de animais domésticos en locais destinados a espectáculos públicos, deportivos e culturais.

3) Os titulares de establecementos públicos como hoteis, pensións, bares e semellantes poderán prohibir a entrada e estadía de animais nos seus locais. En calquera caso, esixirán que os cans leven buceira e estean suxeitos por correa ou cadea.

4) Exceptuanse das prohibicións anteriores os cans de guía de invidentes e minusválidos.

CAPÍTULO VI.-Recollida de animais

Artigo 38.-Animal abandonado.

1) Enténdese que un animal está abandonado se circula polas vías ou espacios públicos sen ningún sinal polo que se poida identificar o seu dono ou posuidor e non vai na compaña de ningunha persoa.

2) O animal abandonado será recollido polos servicios municipais, que o trasladarán a un establecemento axeitado ata que o reclamen, acollan ou sexan sacrificados.

3) Os cidadáns teñen o deber de comunicarlle ao Concello a presencia de animais abandonados nas vías ou espacios públicos.

Artigo 39.-Recuperación de animais abandonados.

1) O prazo máximo para recuperación dun animal non identificado é o de 20 días desde que se producise o seu apresamento.

2) Se o animal está identificado, o dono ou posuidor disporá dun prazo de 10 días para recuperalo desde que se lle avise do seu apresamento.

3) En calquera caso, o dono ou posuidor do animal apresado deberá aboar os gastos orixinados pola súa recollida e mantemento con suxeición aos prezos públicos vixentes, sen prexuízo da sanción que lle poida ser aplicable.

4) Unha vez transcorridos os prazos sinalados nos parágrafos anteriores, o Concello daralle ao animal o destino máis axeitado, e soamente en último caso o poderá sacrificar.

Artigo 40.-Xestión do servicio de recollida de animais.

Os animais que anden enfermos ou estean feridos ou mortos nas vías e espacios públicos serán recollidos polos servicios municipais. Calquera cidadán que advirta a presencia dun animal nesas circunstancias deberá avisar ao Concello para que o retire o máis axiña posible.

Artigo 41.-Xestión do servicio de recollida de animais.

1) O Concello poderá xestionar o servicio en calquera das formas que prevé a Lei reguladora de réxime local. Tamén poderá concertar convenios coa Xunta de Galicia, con asociacións de protección e defensa dos animais ou con outras asociacións autorizadas para este fin.

2) Se o servicio non se presta en forma de xestión directa e llo solicitan as asociacións de protección e defensa dos animais, o Concello concederallo preferentemente a elas e por un prazo mínimo de tres anos.

3) Os establecementos dedicados á recollida de animais abandonados deberanse inscribir no rexistro creado para tal efecto pola Xunta de Galicia.

CAPÍTULO VII.-Da esterilización

Artigo 42.-Esterilización.

1. Conforme ao establecido na Lei 50/1999, do 23 de decembro, a esterilización dos animais potencialmente perigosos, ademais de poderse facer por vontade dos seus 15 propietarios, realizarase obrigatoriamente por mandato xudicial ou resolución administrativa nos supostos de reiteradas agresións ás persoas ou danos a outros animais ou ás cousas.

2. Corresponderalles aos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente a facultade de acordar a esterilización, no suposto de reiteradas agresións ás persoas ou danos a outros animais ou ás cousas, logo do procedemento contradictorio iniciado de oficio ou por solicitude de persoa interesada, no que será preciso que conste informe médico (no caso de agresións a persoas) ou informe veterinario ( no caso de agresións a animais) e a audiencia ao propietario do animal. Dictada resolución, o veterinario designado para o efecto esterilizarao e deberá comunicarllo aos rexistros municipal e autonómico para inscribir o acto cirúrxico na folla de identificación. Os gastos xerados correrán por conta do propietario.

3. A esterilización realizarase aplicándolle anestesia ao animal coa finalidade de garantir que non se lle cause dor ou sufrimento innecesario.

TÍTULO III.-Réxime sancionador

Artigo 43.-Concepto de infracción.

Constitúen infraccións administrativas as accións ou omisións que comporten un incumprimento das obrigas, prohibicións ou requisitos que establece este regulamento.

Artigo 44.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador axustarase aos principios da potestade sancionadora regulados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como no Real Decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. A instrución dos expedientes sancionadores por infracións á regulación establecida neste decreto corresponderalle aos órganos que teñan atribuída a competencia conforme ao establecido no artigo 69 do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

3. Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2º da Lei 1/1993, do 13 de abril, serán:

a) Por infraccións leves, o alcalde do Concello de Carnota.

b) Por infraccións graves, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

c) Por infraccións moi graves, o conselleiro de Medio Ambiente.

4. Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, a Administración local ou autonómica poderán proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación do procedemento sancionador.

Artigo 45.-Responsabilidade.

1. Serán considerados responsables das infraccións aqueles que por acción ou omisión participaran na comisión destas, o propietario ou detentador dos animais.

2. Nos supostos nos que as infraccións puidesen ser constitutivas de delictos ou faltas, o alcalde poderá decretar a incautación de animal ata que a autoridade xudicial decida acerca disto, debendo darse traslado inmediato dos feitos ao órgano xurisdiccional competente.

Artigo 46.-Clasificación das infraccións e sancións.

1) As infraccións administrativas deste regulamento clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2) As infraccións administrativas serán sancionadas con multa nas seguintes contías:

a) As leves, de 30 a 300 €.

b) As graves, de 300,1 a 3.005 €.

c) As moi graves, de 3.005,1 a 12.621 €.

3) Para a clasificación das infraccións e de determinación da contía da sanción teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A reincidencia, derivada da comisión no prazo de un ano de máis de unha infracción da mesma natureza.

d) A capacidade económica do infractor.

e) A transcendencia social da infracción.

4) A resolución do expediente sancionador poderá impor a sanción non pecuniaria de incautación dos animais obxecto de actividades ilegais ou de abandono.

Artigo 47.-Da competencia para a iniciación do expediente.

A competencia para a iniciación e tramitación dos expedientes sancionadores correspóndelle á Alcaldía. Será tamén o alcalde o que impoña as sancións previstas por infraccións leves, remitindolles os expedientes instruídos por infraccións graves e moi graves ás instancias previstas no parágrafo 3.b) e c) do artigo 44 desta ordenanza.

Artigo 48.-Infraccións moi graves.

Constitúen infraccións moi graves:

a) Maltratar gravemente un animal ata causarlle a morte ou lesións graves.

b) Organizar ou realizar espectáculos ou actividades que comporten crueldade ou maltrato para os animais ou que lles poidan causar sufrimentos.

c) Sacrificar ou esterilizar un animal sen control veterinario.

d) Abandonar un animal potencialmente perigosos de calquera especie, entendéndose por animal abandonado, tanto aquel que vaia preceptivamente identificado, como os que non leven ningunha identificación sobre a súa orixe ou propietario, sempre que non vaian acompañados de persoa ningunha.

e) Ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licencia.

f) Vender ou tramitar por calquera título un can ou animal potencialmente perigosos a que careza de licencia.

g) Adestrar animais para activar a súa agresividade ou para finalidades prohibidas.

h) Adestrar animais potencialmente perigosos por quen careza de certificado de capacitación.

i) A organización ou celebración de concursos, exercicios, exhibicións ou espectáculos de animais potencialmente perigosos, ou a súa participación neles, a demostrar a agresividade dos animais.

Artigo 49.-Infraccións graves.

Considéranse infraccións graves:

a) Non vacinar ou non aplicar o tratamento sanitario obrigatorio dos animais domésticos e dos salvaxes en catividade.

b) Abandonar un animal.

c) Maltrato aos animais que lles cause dor ou lesión leves.

d) Subministrarlles aos animais sustancias que modifiquen o seu comportamento, en especial para aumentar a súa agresividade, salvo que se efectúe por prescrición facultativa.

e) Tenza de animais perigosos sen as debidas medidas de protección.

f) Deixar solto un animal potencialmente perigoso ou non ter adoptado as medidas necesarias para evitar a súa escapada ou extravío.

g) Incumprir a obriga de identificar o animal.

h) Omitir a inscrición no Rexistro.

i) Atoparse o can potencialmente perigoso en lugares públicos sen buceira ou non suxeito con cadea.

j) O transporte de animais potencialmente perigosos con vulneración das disposicións legais vixentes na materia.

k) A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes ou aos seus axentes, en orden ao cumprimento das funcións establecidas nesta ordenanza, así como o subministro de información inexacta ou documentación falsa.

l) Deixar solto un animal potencialmente perigoso ou non ter adoptado as medidas necesarias para evitar a súa escapada ou extravío.

m) Incumprir a obriga de identificar ao animal.

n) Atoparse o can potencialmente perigoso en lugares públicos sen buceira ou non suxeito con cadea.

o) O transporte de animais potencialmente perigosos con vulneración do disposto na normativa vixente.

Artigo 50.-Infraccións leves.

a) Non inscribir os animais no censo.

b) Non lle comunicar á policía a agresión dun animal.

c) Non lle facilitar os datos do animal agresor á policía local.

d) Non por o animal agresor en observación veterinaria.

e) Non lle comunicar ao Concello as incidencias que se produzan no animal agresor durante o período de observación.

f) Non lle facilitar ao Concello o certificado veterinario do período de observación.

g) Manter os animais en condicións hixiénicas inadeacuadas.

h) Non lle comunicar ao Concello as doenzas transmisibles que padeza un animal.

i) Permitir, ou non evitar, que o animal orixine unha situación de perigo, riscos ou molestias graves para as persoas.

j) Permitir a circulación de cans polas vías e lugares de tránsito público sen iren suxeitos por unha correa ou cadea.

k) Non usar a buceira cando sexa obrigatoria.

l) Non levar a cabo a identificación do animal por algún dos sistemas que prevé o regulamento.

m) Non cumprir as condición de seguridade previstas para os cans de vixilancia.

n) Venderlle ou doarlle un animal a un menor de idade ou incapacitado sen a autorización do seu representante.

ñ) Calquera outra acción ou omisión que infrinxa as disposicións contidas neste regulamento e non estea tipificada como grave ou moi grave.

Disposicións

Disposición adicional única

A inscrición no censo de animais deberase realizar no prazo de tres meses desde que entre en vigor esta ordenanza.

Disposicións transitorias

PRIMEIRA.-Todas as instalacións dedicadas ao albergue de animais potencialmente perigosos deberán cumprir coas obrigas e previsións contidas nos artigos 29 e 30.2 e 3 desta ordenanza antes do mes de maio de 2016.

SEGUNDA.-Os titulares ou posuidores de animais potencialmente perigosos obxecto de regulación por esta ordenanza deberán proceder a súa identificación mediante un microchip antes de maio de 2016.

Disposición derradeira

Esta ordenanza entrará en vigor unha vez que transcorra o prazo regulamentario a que se refire o artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, de bases do réxime local, e se publique integramente o seu texto no Boletín Oficial da provincia.