Cedeira - ORDENANZA FISCAL 1.4 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 09/05/2016 BOP Nº: 87
Publicación definitiva: 30/06/2016 BOP Nº: 123
Aplicable dende: 30/06/2016

ARTIGO 1: FUNDAMENTO E RÉXIME APLICABLE

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española, do artigo 106 da Lei 7/85, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e dos artigos 15.2 a 59.1 do Real Decreto Lexislativo 2/04, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, o Concello de Cedeira procede a aprobar a presente ordenanza fiscal que ten por obxecto regular aqueles aspectos que a Lei remite á súa ponderación e regulación polo Pleno da Corporación Local.

O Imposto sobre construcións, instalacións e obras regularase neste Concello polas súas normas reguladoras, contidas nos artigos 100 a 110 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais e polas demais disposicións legais e regulamentarias que complementen e desenvolvan a mencionada Lei e pola presente ordenanza fiscal.

ARTIGO 2: NATUREZA E FEITO IMPOÑIBLE DO TRIBUTO.

Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licenza de obra urbanística, ou o trámite de comunicación previa sinalados na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia obtivérase ou non a devandita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este municipio.

ARTIGO 3: SUXEITOS PASIVOS

1. Son suxeitos pasivos de este imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas ou as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra,sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela. Aos efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custo que comporte a súa realización.

2. Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte os que soliciten as correspondentes licenzas, ou realicen a comunicación ou realicen as construcións, instalacións ou obras, se non fosen os propios suxeitos pasivos contribuíntes

ARTIGO 4: BASE IMPOÑIBLE

A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, a estes efectos, o custo de execución material daquela.

Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custo de execución material.

ARTIGO 5: COTA TRIBUTARIA

A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.

O tipo de gravame será:

a) O 2,0 por 100 do custo real e efectivo da construción cando se realice en chan rústico.

b) O 2,8 por 100 do custo real e efectivo da construción cando se realice en chan que non sexa rústico.

Establécese unha cota mínima de 12,00 euros para calquera construción, instalación ou obra.

O imposto devengarse no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licenza.

ARTIGO 6: XESTIÓN DO IMPOSTO

O imposto esixirase en réxime de autoliquidación ou liquidación.

Os suxeitos pasivos están obrigados a practicar autoliquidacións en impreso habilitado ao efecto pola Administración municipal, efectuando o pagamento dentro do prazo máximo dun mes, contado a partir do momento en que lle foi notificada a concesión da licenza e en todo caso a contar dende a remuneración do imposto.

A autoliquidación presentada terá carácter provisional e determinarase a base impoñible do tributo, en función do presuposto achegado polos interesados, sempre que o mesmo estivese visado polo colexio oficial correspondente, noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais, de acordo co custo estimado do proxecto.

No caso de que se modifique o proxecto ou houbese un incremento do presuposto unha vez aceptada a modificación, deberá presentarse autoliquidación complementaria pola diferenza entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición aos requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.

Unha vez finalizadas as obras, no caso de que o custo real e efectivo das mesmas sexa superior ou inferior ao que serviu de base impoñible nas autoliquidacións anteriores, os suxeitos pasivos presentarán no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á devandita finalización, autoliquidación complementaria do tributo, positiva ou negativa, segundo proceda, debendo acompañarse certificado e presuposto de final de obra visado polo colexio oficial correspondente, cando se esixan direccións facultativas, ou escritura de división horizontal e declaración de obra nova, para o caso de que a valoración que conste en este último fose superior a aquel, e sempre que non se atopare a documentación previamente en poder da Administración municipal, debendo alegarse tal circunstancia xunto ou no impreso de autoliquidación, e calquera outro documento que se considere oportuno.

No caso de non poder presentarse a documentación requirida no punto anterior e nos termos nel expostos, no prazo habilitado para tal efecto, poderase solicitar unha prórroga dun mes, contado a partir do día seguinte á finalización do prazo anterior, para a presentación da citada documentación.

Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real efectivo de estas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible á que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva, e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda, sen prexuízo das sancións que procedan, de acordo co disposto no artigo 6 desta ordenanza.

Será obrigatoria a revisión de todos os expedientes de base impoñible igual ou superior a 120.000,00 €

ARTIGO 7: EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS

7.1 Só se admitirán os beneficios fiscais que veñan establecidos nas normas con rango de Lei ou deriven de tratados ou acordos internacionais.

7.2. De conformidad eco artigo 103.2.a) do TRLRFL, terán dereito a unha bonificación do 90% da cota íntegra as obras de nova planta en construcions, instalacions ou obras, que sexan declaradas de especial interese o utilidade municipal e que se realicen no Polígono industrial de A Trabe, así como as obras de construción de establecimentos residenciais para persoas maiores. Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e, previa solicitude do suxeito pasivo, polo voto favorable da maioría simple dos membros.

A bonificación aplicarase para obras solicitadas a partir da aprobación da presente ordenanza fiscal.

A bonificación é compatible con outros beneficios fiscais que poidan ser aplicables.

ARTIGO 8. INSPECCIÓN E RECADACIÓN

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demais leis do estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

ARTIGO 9. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan estarase ao disposto na Lei Xeral Tributaria e na normativa de desenvolvemento.

DISPOSICIÓNS

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA

As modificacións que introduzan na regulación desta ordenanza as Leis de Presupostos Xerais do Estado ou calquera outra Lei ou disposición e que resulten de aplicación directa, producirán, de ser o caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

A partir da entrada en vigor desta ordenanza queda derrogada a anterior ordenanza reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras publicada no Boletín Oficial da Provincia 299 o 31 de decembro de 1998

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza fiscal, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.