Vimianzo - REGULAMENTO XERAL DO SERVIZO DO SUBMINISTRO DE AUGA POTABLE DO CONCELLO DE VIMIANZO
INDICE
CAPITULO I
NORMAS XERAIS
Artigo 1.- Obxecto.
Artigo 2.- Ámbito de aplicación.
Artigo 3.- Normas xerais e complementarias.
Artigo 4.- Abonado.
Artigo 5.- Modalidades de uso dos servizos.
CAPITULO II
OBRIGAS E DEREITOS DO COCELLO E DOS ABONADOS
Artigo 6.- Obrigas do Concello.
Artigo 7.- Dereitos do Concello.
Artigo 8.- Obrigas do abonado.
Artigo 9.- dereitos do abonado.
Artigo 10.- Actuacións prohibidas.
CAPITULO III
ACOMETIDAS DE AUGA
Artigo 11.- Autorización.
Artigo 12.- Condicións da concesión.
Artigo 13.- Conservación e mantemento.
CAPITULO IV
AUTORIZACIÓN E CONTRATACIÓN DO SUBMINISTRO
Artigo 14.- Solicitude do subministro.
Artigo 15.- Concesión e denegación da mesma.
Artigo 16.- Suspensión do subministro e causas da mesma.
Artigo 17.- Extinción da autorización da acometida.
CAPITULO V
CONTROL DE CONSUMOS
Artigo 18.- Contadores.
Artigo 19.- Titularidade do contador.
Artigo 20.- Condición técnicas dos contadores.
Artigo 21.- Instalación e ubicación dos contadores únicos.
Artigo 22.- Instalación e ubicación dos contadores en batería.
Artigo 23.- Verificación dos contadores.
Artigo 24.- Manipulación do contador.
Artigo 25.- Cambio do emprazamento do contador.
Artigo 26.- Conexión e desconexión do contador.
Artigo 27.- Renovación de contadores.
CAPITULO VI
LECTURAS, CONSUMOS E RECIBOS
Artigo 28.- Lecturas.
Artigo 29.- Consumos.
Artigo 30.- Obxecto da facturación.
Artigo 31.- Requisitos dos recibos.
CAPITULO VII
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 32.- Dereitos económicos.
Artigo 33.- Cota de servizo.
Artigo 34.- Cota de sumidoiro.
Artigo 35.- Dereitos de alta e baixa no servizo.
Artigo 36.- Servizos específicos.
CAPITULO VIII
INFRACCIÓNS, SANCIÓNS E RECLAMACIÓNS
Artigo 37.- Inspeccións.
Artigo 38.- Clases de infraccións.
Artigo 39.- Sancións.
Artigo 40.- Responsable das infraccións.
Artigo 41.- Medidas complementarias.
Artigo 42.- Expediente sancionador.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
DISPOSICIÓNS FINAL
CAPITULO I. NORMAS XERAIS
Artigo 1.- Obxecto.-
O presente regulamento ten por obxecto regular as relacións derivadas do subministro de auga potable entre o Concello de Vimianzo e os abonados do mesmo, determinando os dereitos e obrigas básicas de cada un das partes.
De conformidade os artigos 25 e 26 da lei 7/1985, de 2 de abril, das bases de Réxime local, (modificada pola Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sostenibilidade da Administración Local) o Concello ten a titularidade no ámbito municipal da prestación do servizo público de abastecemento domiciliario de auga potable.
O servizo de abastecemento de auga potable do municipio de Vimianzo terá a condición de servizo público municipal deste Concello.
Artigo 2.- Ámbito de aplicación.-
A presente regulación será de obrigado cumprimento na totalidade da rede municipal, entendendo por tal toda aquela cuxa titularidade corresponda ao Concello de Vimianzo, ou se provea de augas procedentes das redes do propio Concello.
Artigo 3.- Normas xerais e complementarias.-
O subministro domiciliario de auga potable axustarase a canto establece o presente regulamento. En materia tributaria e de recadación rexerase polo establecido na Lei xeral tributaria, regulamento xeral de recadación, ordenanzas fiscais municipais e demais disposicións de pertinente aplicación.
O Concello poderá aprobar cantas disposicións estime necesarias para a xestión do servizo, que terán carácter complementario ou de desenvolvemento deste regulamento.
Artigo 4.- Abonado.-
Entenderase por abonado o titular de calquera dereito real ou arrendatario sobre a finca, local ou industria que teña contratado o subministro de auga potable.
Artigo 5.- Modalidades de uso dos servizos.-
A efectos do disposto neste regulamento consideraranse os seguintes usos do servizo de subministro de auga potable:
1. Uso doméstico é aquel que se realiza polos abonados para consumo propio en vivendas. Terá a mesma consideración o consumo realizado en locais nos que non se exerza actividade comercial algunha (cocheiras, baixos e similares).
2. Uso comercial é aquel que se efectúa para abastecemento de locais nos que se exerce algunha actividade profesional, comercial ou artística.
3. Uso industrial é aquel que se efectúa para abastecemento de locais nos qué se realicen actividades industriais, de fabricación, reparación ou similares, así como para todo tipo de explotacións agrarias e gandeiras. Están engadidas nesta modalidade o uso das naves de carácter agrícola ou industrial, aínda que non teñan un uso a actividades definidas.
4. Uso para construción de obras é aquel que se destina as necesidades de construción ou reforma e , en xeral de calquera tipo de obras. Concederanse previa acreditación de licenza ou comunicación previa.
5. Usos municipais. Son aqueles que corresponden aos edificios e instalacións municipais. Non se considerarán consumos municipais os daquelas dependencias que sendo municipais teñan contratada a súa xestión a unha empresa privada.
6. Usos especiais. Considéranse subministros especiais aqueles non incluídos nas modalidades anteriores
CAPITULO II. OBRIGAS E DEREITOS DO CONCELLO E DOS ABONADOS
Artigo 6.- Obrigas do Concello.-
a) Situar auga potable nos puntos de toma dos abonados de acordo coas condicións que se fixan nas ordenanzas municipais.
Esta obriga queda subordinada aos prazos que se fixen nos plans de investimento do Concello para execución e desenvolvemento de infraestruturas e instalacións.
b) Autorizar o subministro de auga para todos os usos que se soliciten, sempre que estas reúnan os requisitos esixidos polo normativa vixente.
c) Garantir a potabilidade da auga en toda a rede de titularidade municipal, de acordo coas disposicións sanitarias vixentes.
d) Manter e conservar, ao seu cargo, a rede municipal e as instalacións públicas necesarias para o abastecemento.
e) Manter a regularidade no subministro de auga, salvo caso de circunstancias excepcionais, e nos supostos recollidos neste regulamento.
f) Ter a disposición dos abonados un servizo de recepción de avisos e avarías permanentes.
g) Dar aviso aos abonados polo procedemento que se estime mais oportuno de calquera interrupción ou alteración que se produza na prestación do mesmo, sempre e cando as circunstancias o fagan posible.
Non obstante o disposto no parágrafo anterior, poderá interrumpilo ou reducilo transitoriamente sen previo aviso ou responsabilidade algunha pola súa parte, cando ao seu xuízo así o aconselle o interese xeral, ou por motivos de forza maior alleos á súa vontade.
Os cortes de auga por tarefa de conservación, mantemento, ou outros motivos, non darán lugar, en ningún caso, a indemnización.
Artigo 7.- Dereitos do Concello.-
Sen prexuízo de aqueles outros que en relación con situacións específicas poidan derivarse, o Concello, con carácter xeral, terá os seguintes dereitos:
a) Inspeccionar as instalacións de medida de consumo de auga, así como as que considere necesarias relacionadas con servizo.
b) Cobrar o importe dos cargos que regulamentariamente formule ao abonado.
Artigo 8.- Obrigas do abonado.-
Con independencia de aquelas situacións que sexan obxecto de unha regulación especial neste regulamento, das que poidan derivarse situacións específicas para un abonado, estes terán con carácter xeral as obrigas seguintes.
a) Abonar os cargos emitidos de acordo cos prezos aprobados en todo momento polo Concello.
b) Conservar e manter as instalacións ao seu servizo, así como os recintos ou arquetas necesarias para a instalación dos equipos de medida e elementos auxiliares adecuados en cada caso, en bo estado de uso.
c) Permitir a entrada ao persoal autorizado polo Concello que así o acredite, a fin de que poida efectuar cantas comprobacións estean relacionadas co subministro.
d) Facer uso da auga subministrada para os usos contratados; estando prohibida a cesión gratuíta ou remunerada de auga a terceiros.
e) Solicitar do Concello a pertinente autorización para calquera modificación das súas instalacións.
f) Poñer en coñecemento do Concello a baixa no subministro cando así o desexe. Esta baixa terá efectos dende o momento da súa solicitude por escrito, sen prexuízo da comprobación e, no seu caso corte do subministro, realizado por persoal municipal do servizo de augas, ou persoal autorizado.
g) Facer un uso adecuado da auga, utilizando esta para os consumos habituais e evitando usos superfluos e innecesarios, dado que se trata dun recurso escaso.
h) Notificar ao Concello a maior brevidade posible calquera avaría que detecte, sempre que non sexa no interior da instalación ou acometida particular, de maneira especial cando aquela teña como consecuencia unha fuga ou perda de auga.
i) Facilitar ao Concello os datos que se soliciten relativos ao servizo ou relacionado con el, expresando a máxima exactitude e celeridade posible, en especial os relativos as lecturas do contador cando por persoal municipal non fose posible determinalas.
j) Manter un control de presión a partir do contador ou elemento de lectura, segundo a normativa vixente.
k) O abonado, en caso de contar con un subministro de auga propio, e alleo á rede pública do Concello, deberá evitar con medios mecánicos, manuais ou automáticos que esa alimentación entre a rede de distribución pública.
Artigo 9.- Dereitos do abonado.-
Sen prexuízo de aqueles outros que en relación con situacións específicas poidan derivarse para os abonados, estes con carácter xeral, terán os seguintes dereitos.
a) Recibir auga que reúna os requisitos de potabilidade establecidos nas disposicións vixentes.
b) Recibir permanentemente o subministro de auga, sen outras limitacións que as establecidas no presente regulamento..
c) A que os servizos se facturen polos conceptos, períodos e contías vixentes en cada momento, así como que as lecturas dos equipos de medida se efectúen con unha cadencia non superior a tres meses, salvo situacións excepcionais alleas á vontade do Concello.
d) Elixir libremente un instalador autorizado que execute as instalacións interiores, sempre e cando se respecte a lexislación e normativa municipal vixente.
e) Reclamar contra a actuación a do Concello, mediante os procedementos legalmente establecidos.
f) Consultar todas as cuestións derivadas da prestación e funcionamento do servizo.
g) O abonado poderá solicitar a baixa temporal do servizo de balde, procedendo o concello a anular o contador e a precintar o servizo, nos seguintes casos:
1.- Se a solicitude de baixa é inferior a un ano. No momento de repoñer o servizo, terá que abonar unha contía, equivalente ao mínimo requirido de tres trimestres de facturación.
2.- Se a baixa é superior a un ano e consta dado de alta no servizo como mínimo un ano. Para recuperar o servizo, presentarase a correspondente solicitude e aboarase a contía que conste na ordenanza fiscal correspondente.
3.- Para solicitude de baixas consecutivas, deberá transcorrer como mínimo tres anos dende a última baixa.
Artigo 10.- Actuacións prohibidas.-
O abonado non poderá realizar as seguintes actuacións:
1. Realizar consumos de auga sen ser controlados polo contador ou elemento de medida, ou introducir calquera alteración nas instalacións que o permita (ponte ou by-pass).
2. Manipular ou modificar a instalación ou os accesos ao contador sen a correspondente autorización do Concello.
3. Romper ou alterar os precintos do contador.
4. Acometer sen autorización a rede de distribución.
5. Acometer a rede pública de subministro de auga outras fontes de alimentación.
6. Realizar consumos na rede de lumes para outro fin distinto de ese.
7. A revenda de auga subministrada polo concello, ou cesión a titulo gratuíto a terceiros.
8. Dedicar o subministro de auga a fins distintos dos declarados na solicitude de enganche.
9. Non aplicar as normas técnicas do Concello nas novas instalacións ou nas modificacións ou reformas de estas.
CAPITULO III. ACOMETIDAS DE AUGA
Artigo 11.- Autorización.-
A autorización de acometida para subministro de auga potable corresponde ao Concello, que estará obrigado a concedela en todos aqueles casos nos que concorran as condicións e circunstancias establecidas nas ordenanzas e regulamentos municipais.
As acometidas serán dimensionadas polo concello, á vista da declaración de consumos ou necesidades que formule o solicitante, uso do inmoble e dispoñibilidades de abastecemento.
Artigo 12.- Condicións da concesión.-
A concesión para unha acometida de subministro de auga estará supeditada a que o inmoble a abastecer non estea a máis de 50m de distancia da rede pública, e serán realizadas polo concello. Noutro caso, tamén se poderá conceder a acometida sempre que o solicitante se faga cargo dos custos da conexión á rede pública, e de todos os derivados como reposicións e outros, estando obrigado a presentar a documentación técnica que se lle requira, así como os avais que se estimen pertinentes.
Artigo 13.- Conservación e mantemento.-
A conservación e mantemento das acometidas efectuarase por persoal do Concello ou autorizado por este, non podendo o usuario cambiala ou modificala sen autorización expresa do mesmo.
Si a acometida sufrise danos entre a liña de edificación e a chave de toma da finca, a reparación executarase por parte da propiedade afectada.
CAPITULO IV. AUTORIZACIÓN E CONTRATACIÓN DO SUBMINISTRO
Artigo 14.- Solicitude do subministro.-
A solicitude de alta do subministro de auga potable presentarase no Rexistro Xeral do concello, en modelo normalizado que estará dispoñible na páxina web municipal (www.vimianzo.gal) , e irá acompañada da documentación que se indique.
Artigo 15.- Concesión e denegación da mesma.-
A facultade de concesión da alta no subministro de auga potable corresponde ao concello, de acordo coas normas regulamentarias vixentes.
Poderase denegar a contratación do subministro nos seguintes casos:
a) Cando o solicitante do subministro non presente a documentación preceptiva ou, en caso de usos non domésticos, non estea ao corrente de pago.
b) Cando na instalación do peticionario non se observen as prescricións establecidas polo concello.
c) Por outras causas establecidas na lexislación sectorial de aplicación.
Cando o Concello coñeza por calquera medio ao seu alcance a existencia de conexións á rede municipal que non estivesen dadas de alta no correspondente Padrón ou non fosen expresamente autorizadas, procederá a requirir o usuario da mesma para que nun prazo de dez días cumprimente o trámite establecido no presente regulamento. Transcorrido o citado prazo sen que o usuario regularizase a situación, procederase á súa inscrición e alta de oficio, ou ao corte do subministro no suposto de que as instalacións non cumpran os requisitos ou finalidades descritos neste regulamento, coas obrigas que se deriven.
Artigo 16.- Suspensión do subministro e causas da mesma.-
Pódese proceder a suspensión do subministro, previa audiencia do interesado, e sen prexuízo das accións civís ou administrativas que a lexislación vixente o ampara, nos seguintes casos:
a) Falta de pago de tres ou mais recibos consecutivos, agás informe social xustificativo da situación.
b) Cando o usuario dispoña de subministro sen autorización do concello.
c) Cando o abonado faga un uso da auga distinto do contratado.
d) Cando se encontren derivacións na rede con consumo de auga sen autorización do Concelllo. Neste caso o Concello poderá efectuar o corte inmediato de tales derivacións.
e) Cando o abonado non permita a entrada no local afectado polo subministro contratado ao persoal municipal debidamente autorizado e acreditado, para toma lectura do contador.
f) Cando o uso da auga puidera afectar a potabilidade da auga na rede de distribución.
g) Pola negativa do abonado a modificar o rexistro ou arqueta do contador, por algunha das causas establecidas neste regulamento.
h) Por neglixencia do abonado a reparar avarías nas súas instalacións, si unha vez notificado de tal circunstancia, non procede a subsanación nun prazo de dez días.
O restablecemento da prestación, realizarase inmediatamente despois de quedar subsanadas as causas que orixinaron a suspensión.
A suspensión será comunicada o interesado contendo os seguintes datos:
- Nome e dirección do abonado.
- Data da suspensión do subministro.
- Causas xustificativas do corte
- Recursos que proceden contra o acto notificado.
Artigo 17.- Extinción da autorización de acometida.-
a) A autorización da acometida extinguirase por:
b) Renuncia por escrito do abonado ou, en caso de falecemento, dos seus herdeiros.
c) Solicitude dunha nova autorización da acometida por outro usuario.
d) Persistencia por tempo superior a tres meses en calquera das causas de suspensión enumeradas no artigo anterior.
e) De oficio, cando se dean as condicións previstas neste regulamento.
A reanudación do subministro despois de terse extinguido a autorización da acometida, só poderá efectuarse mediante unha nova autorización .
En todos os casos, a extinción da autorización da acometida conleva o corte do subministro, que realizará o persoal municipal do servizo de augas precintando a instalación.
CAPITULO V. CONTROL DE CONSUMOS
Artigo 18.- Contadores.-
De maneira xeral, a medición dos consumos que sirvan de base a facturación do mesmo, efectuarase por contador.
Nos inmobles de nova construción, a partir da entrada en vigor de este regulamento, a medición de consumos efectuarase da seguinte forma:
a) Cando na finca exista unha única vivenda, local, ou actividade de calquera tipo, industria, así como en subministros para obras, será mediante contador único.
b) Para edificios con máis dunha vivenda, local, oficina, ou outra actividade, será obrigatorio instalar un contador para cada un dos locais.
c) Os servizos comúns de vivendas, oficinas ou outros usos, como poidan ser auga quente, calefacción centralizada, piscinas ou xardíns comúns, disporán de contador específico para a medición do consumo.
d) Nas instalacións con grupo de presión será obrigatorio a instalación dun contador xeral anterior ao grupo de presión.
Artigo 19.- Titularidade do contador.-
Os contadores que se instalen para medir ou controlar os consumos de auga serán propiedade do Concello, sendo o seu cargo os gastos derivados da adquisición, mantemento, verificación e instalación dos mesmos.
Artigo 20.- Condicións técnicas dos contadores.-
Os contadores a instalar, serán determinados polos servizos técnicos do Concello en función do previsible consumo a producir, normativa existente ou da dispoñibilidade de abastecemento. Axustaranse á normativa comunitaria, debendo estar homologados pola Consellería de industria, ou órgano autonómico competente, e polo servizo municipal de augas; e disporán de contador por impulsos, válidos para instalación de equipos de lectura remota.
Artigo 21.- Instalación e ubicación dos contadores únicos.-
Os contadores os que se fai referencia no art. 23 apartado a), do presente regulamento, instalaranse en armarios exclusivamente destinados a este fin, con acceso directo desde o portal de entrada ou ben encaixado no muro da fachada ou cerramento da propiedade que se pretende abastecer,e, en todo caso con acceso directo dende a vía pública.
O armario estará perfectamente impermeabilizado, estará dotado dunha porta e pechadura homologada por o Concello.
Artigo 22.- Instalación e ubicación de contadores en batería.-
Os contadores aos que fai referencia o art. 23 apartados b) e c), do presente regulamento, se instalarán en batería de contadores, partindo de cada un das pontes de contador, liñas independentes para cada abonado individual e servizos comúns do edificio. Ubicaranse en locais ou armarios de contador exclusivamente destinados a este fin, emprazados en planta baixa do inmoble, en zona de uso común con acceso directo dende a rúa ou portal de entrada, con porta e pechadura homologada polo Concello.
Os locais terán unha altura mínima de 1,8 metros, e as súas dimensións en planta permitiran un espazo libre a cada lada da batería de 0,30 metros e outro de 0,20 metros diante da batería unha vez instalados os contadores e chaves de manobra.
A porta de acceso, que abrirá o exterior do local, terá unhas dimensións mínimas de 0,70 metros de ancho por 1,70 metros de alto.
Caso de que a batería de contadores se sitúe en armarios, as dimensións de este serán tales que permitan un espazo libre a cada lado da batería de 0,30 metros, e outro de 0,20 metros entre a cara interior da porta e os elementos mais próximos a ela. Estarán situados de tal forma que en toda a súa lonxitude exista un espazo libre de un metro e respectando sempre os espazos mínimos. As portas de estes armarios terán unhas dimensións tales que, unha vez abertas, presenten un oco que abarque a totalidade das baterías e os seus elementos de medición e manobra.
Tanto os locais como armarios disporán de un sumidoiro, con capacidade de desaugue equivalente ao caudal máximo que poida aportar calquera das conducións derivadas da batería, en caso de saída libre de auga. Estarán dotados de iluminación artificial que asegure un mínimo de 100 lux nun plano situado a un metro do chan. Nun lugar destacado e de forma visible instalarase un cadro ou esquema no que de forma indeleble, queden debidamente sinalizados os distintos montantes e saídas de batería e a súa correspondencia con vivendas ou locais.
Ningún contador poderá situarse a menos de 40 cm do chan nin a unha altura superior a 1,60 metros.
Artigo 23.- Verificación dos contadores .-
As probas de verificación de contadores levaranse a cabo polo servizo municipal de augas. Estas probas efectuaranse a instancia do abonado, ou do propio Concello.
Durante o período de verificación, o Concello proverá ao abonado provisionalmente de outro equipo de medida sen cargo algún.
Artigo 24.- Manipulación do contador .-
O contador só poderá ser manipulado por persoal do servizo de augas municipal ou persoa debidamente autorizada.
En ningún caso o abonado poderá manipular o contador, nin conectar tomas ou facer derivacións antes do aparato.
Artigo 25.- Cambio de emprazamento do contador .-
Calquera modificación no emprazamento do contador deberá ser efectuada por un instalador autorizado, previo permiso e conformidade do servizo de augas municipal, o cal expedirá o correspondente certificado, sendo por conta do abonado todos os gastos derivados do cambio.
Artigo 26.- Conexión ou desconexión do contador .-
A conexión ou desconexión do contador efectuarase exclusivamente por persoal do servizo municipal de augas, ou persoa debidamente autorizado por este.
Os contadores ou aparatos de medida, poderán desmontarse por calquera das seguintes causas.
- Por resolución do órgano competente de calquera administración.
- Para proceder a verificación do mesmo.
- Por renovación periódica.
- Por avaría ou rotura do mesmo.
Artigo 27.- Renovación de contadores.-
Os contadores poderán ser substituidos por calquera dos seguintes motivos:
A. Cando o equipo de medida, ben por rotura ou por deficiencias no seu funcionamento, houbera de ser reparado, este será reemprazado:
1) Con cargo ao Concello, cando as causas se deban a un desgaste por normal funcionamento, obstrucións fortuítas, e causas similares.
2) Con cargo ao abonado, cando as causas sexan imputables o propio abonado, a terceiros, ou a deficiencias da instalación.
B. Cando por antigüidade, calidade dos materiais, ubicación inapropiada, riscos de fuga, ou causas similares, se considere que o estado da instalación non reúne uns requisitos mínimos que garantiren un adecuado subministro, nin permitan o adecuado exercicio por parte do Concello das súas potestades sobre a mesma, procederase como sigue:
1) Emitirá un informe por parte de servizo de augas no que se detallen as características actuais da instalación e se xustifique as necesidade de melloras ou subsanalas mediante a realización de obras co fin de adecualas as condicións que se describen en este regulamento.
2) Requirirase ao abonado que realice as obras necesarias para emendar as citadas deficiencias nun prazo de tres meses.
3) Transcorrido o citado prazo, o Concello poderá realizalas de maneira subsidiaria repercutindo os custos ao propio abonado.
CAPITULO VI. LECTURAS, CONSUMOS E RECIBOS
Artigo 28.- Lecturas.-
A toma de lecturas realizarase por persoal autorizado por o Concello, provisto da correspondente acreditación.
En ningún caso o abonado poderá impoñer a obriga de tomar a lectura fora do horario establecido a tal efecto.
Cando por ausencia do abonado non fose posible a toma de lectura, o persoal encargado desta depositará un impreso no domicilio do abonado, para ser cumprimentado por este e remitido o Concello, de forma presencial, por correo ou calquera vía telemática antes de vencer o trimestre en curso.
Artigo 29.- Consumos.-
Como norma xeral, a determinación dos consumos que realice cada abonado, concretarase por a diferenza entre as lecturas de dous períodos consecutivos de facturación.
Cando por calquera causa non sexa posible coñecer os consumos reais efectuados e por tanto, determinar o consumo exacto durante o trimestre anterior, se atribuirá por defecto un consumo igual o do mesmo período do ano anterior, e si por ser un alta recente non transcorreu un ano dende esta, a do último trimestre, facturando recibo en consecuencia.
Artigo 30.- Obxecto da facturación.-
Será obxecto da facturación polo Concello, os conceptos que procedan dos recollidos neste regulamento en función da modalidade de subministro e as tarefas vixentes en cada momento, e nas condicións e períodos que, para cada caso indiquen as ordenanzas fiscais correspondentes, e a normativa xeral.
Artigo 31.- Contido dos recibos.-
Nos recibos emitidos por o Concello, deberán constar como mínimo os seguintes conceptos:
a) Domicilio obxecto do subministro.
b) Domicilio de notificación si é diferente, e figura como tal no contrato.
c) Lecturas do contador que determinan o consumo facturado e período de facturación.
d) Indicación diferenciada dos conceptos que se facturen: auga potable, augas residuais e canon da auga
e) Importe dos tributos que se repercutan.
f) Importe total dos servizos prestados.
CAPITULO VII. RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 32.- Dereitos económicos.-
O Concello, de conformidade co presente regulamento, e sen prexuízo das demais indemnizacións, dereitos ou accións que a lexislación vixente lle ampare ou impoña, poderá cobrar os seus abonados por os seguintes conceptos:
- Cota de consumo.
- Cota de sumidoiro
- Dereitos de toma e acometida.
- Dereitos de alta e baixa do servizo.
- Servizos específicos.
Artigo 33.- Cota de consumo.-
É a cantidade variable que abona o usuario onde a base impoñible está constituída polo consumo de auga expresado en metros cúbicos.
Artigo 34.- Cota de sumidoiro.-
É a cantidade variable que abona o usuario polo servizo de sumidoiro.
Artigo 35.- Dereitos de alta e baixa no servizo.-
Son as taxas establecidas na ordenanza fiscal correspondente en concepto de alta e baixa no servizo.
Artigo 36.- Servizos específicos.-
Terán tal consideración aquelas actuacións que o Concello realice o usuario de forma ocasional.
A cota estará determinada por o importe dos traballos executados e servizos prestados, valorados conforme as tarefas aprobadas por o Concello.
CAPITULO VIII. INFRACCIÓNS, SANCIÓNS E RECLAMACIÓNS
Artigo 37.- Inspeccións.-
A actividade inspectora realizada por persoal do servizo municipal de augas reflictirase nun documento que adoptará a forma de acta de inspección, que poñerá de manifesto os feitos apreciados, así como unha proposta de liquidación e/ou sanción segundo a natureza dos mesmos.
Artigo 38.- Clases de infraccións.-
1. Infraccións leves: son infraccións leves aqueles actos ou omisións que supoñan incumprimento das normas regulamentarias e que non se cualifiquen nas mesmas como graves ou moi graves. A reiteración na comisión de algunha infracción leve será cualificada como infracción grave.
2. Infraccións graves: considerase cometida unha infracción grave nos seguintes casos:
a) Impedir ou dificultar a toma de lecturas nos contadores ao persoal do servizo municipal de augas ou autorizado.
b) Impedir ou dificultar ao persoal do servizo municipal de augas a comprobación das instalacións que garden relación con a prestación do servizo de subministro e medición.
c) A realización de derivacións na instalación que permitan o subministro de auga a outro local diferente ao autorizado.
d) Manipular ou modificar a instalación os accesos do contador sen a autorización pertinente.
e) Romper ou alterar os precintos do contador.
f) A utilización abusiva do subministro de auga, con ou sen prexuízo a terceiros.
g) Desatender as comunicacións do servizo municipal de augas ou do propio Concello, dirixidas a subsanar as deficiencias observadas nas instalacións no prazo indicado.
h) Cambiar o contador ou aparato de medida sen autorización do servizo de augas.
3. Infraccións moi graves: Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:
a. Realizar consumos de auga sen ser controlados polo contador, ou introducir calquera alteración nas instalacións que o permitan (pontes ou by-pass).
b. Acometer sen autorización a rede de distribución.
c. Acometer a rede pública de subministro de auga outras fontes de alimentación.
d. Realizar consumos na rede de lumes para outro fin distinto de este.
e. Adicar o subministro de auga a fins distintos dos declarados cando se solicita o enganche.
f. A revenda de auga.
g. Coaccionar ou intimidar aos traballadores municipais no cumprimento das súas funcións.
h. Realizar manipulacións no contador que impidan o correcto funcionamento do mesmo e a toma de lecturas por o servizo municipal de augas.
i. Non aplicar as normas técnicas do Concello nas novas instalacións ou nas modificacións ou reformas de estas.
Artigo 39.- Sancións.-
A imposición de sancións derivadas das infraccións contempladas neste regulamento será competencia do Concello a través da tramitación do correspondente procedemento sancionador, sen que en ningún caso poidan sobrepasarse os límites establecidos no Título XI da Lei 7/1985 de 2 de abril das bases de réxime local (art. 141).
As sancións que poderán impoñer pola comisión das infraccións indicadas serán:
1. Para as que teñan a consideración de leves, poderase impoñer unha multa de ata 750 euros.
2. Para as infraccións que teñan a consideración de graves, poderase impoñer unha multa de ata 1.500 euros.
3. Para as infraccións que teñan a consideración de moi graves, poderase impoñer unha multa de ata 3.000 euros.
4. A comisión de varias infraccións será sancionada de forma independente, acumulándose as sancións correspondentes en cada un dos casos.
Artigo 40.- Responsable das infraccións.-
Será suxeito responsable, toda persoa natural ou xurídica, así como as entidades as que se refire o artigo 33 da lei xeral tributaria, que realice calquera das accións ou omisións tipificadas no presente regulamento.
Artigo 41.- Medidas complementarias.-
Con independencia das sancións que puideran impoñerse, e sen prexuízo de exixir a responsabilidade civil ou penal cando así se estimen oportunas, poderán adoptarse outras medidas de carácter complementario:
a) Ordenar ao infractor a reposición o seu estado orixinal, as obras redes ou instalacións nas que actuara sen autorización.
b) Ordenar as rectificacións precisas nas obras redes ou instalacións realizadas, para asustalas o autorizado, ou, as ordenanzas municipais.
c) Requirir ao infractor a reparar os danos causados.
d) A clausura temporal ou definitiva do subministro da auga.
e) Non autorizar novas acometidas con quen teña pendente a subsanación de sancións o presente regulamento, ou o pago das sancións impostas ou de facturación.
Artigo 42.- Expediente sancionador.-
Na tramitación dos expedientes sancionadores, aplicaranse as regras establecidas no real decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da Potestade Sancionadora.
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓN ADICIONAL
A medición de consumos en inmobles xa existentes, en tanto non proceda a súa reforma, será efectuada en aqueles lugares onde actualmente teñan ubicados os aparatos de medida.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
Primeira.- Os locais en planta baixa que facturen os seus consumos co xeral da comunidade, no prazo de un ano contados dende a entrada en vigor do presente regulamento, ou cando se realice traspaso dos mesmos, deberá adecuar as instalacións a normativa específica no mesmo.
Segunda.- No prazo de tres anos dende a entrada en vigor do presente regulamento adaptaranse os contadoresa o disposto no artigo 20.
No mesmo prazo, os contadores actualmente instalados en batería e ubicados en local ou armario, deberán contar con porta e pechadura homologada por Concello.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
A partir da entrada e vigor do presente regulamento quedan derrogadas, todas as normas aprobadas por o Concello que sexan contrarias as mesmas.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez se teña publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e teña transcorrido o prazo previsto no art. 65.2 da Lei 7/85 de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
O presente regulamento terá vixencia indefinida, producindo plenos efectos en tanto en canto non resulte alterado total ou parcialmente por unha disposición de igual ou superior rango.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
O regulamento dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado o seu texto completo no Boletín oficial da Provincia, e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local:
¿El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo de quince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo."
Ó no ter coñecemento da fecha exacta da recepción da comunicación do acordo, o Servizo de Asistencia Económica a Municipios toma como fecha estimada da súa entrada en vigor o prazo de quince días hábiles a partir da publicación definitiva.